11 mar 2007
A un ministro acaban de chamarlle imbécil nunha emisora de radio. Do goberno en pleno dixo onte un señor nunha tertulia radiofónica que estaba composto por terroristas. Hai apenas unha semana, un comentarista de prensa acusaba a Felipe González e a José María Aznar de ser un par de carotas. De Matilde Fernández dise de todo, desde que é unha porteira ata que é unha cochina. A Corcuera recórdanlle como insulto o que simplemente é a súa profesión de electricista. E moito máis.
Na prensa e na radio, especialmente nalgúns periódicos de Madrid, estase perdendo o sentido común; a educación e as boas maneiras hai xa bastante tempo que se perderon. Ignoro se do que se trata é de captar lectores a calquera prezo, aínda vendendo a dignidade profesional para conseguir determinados resultados económicos, ou simplemente é un problema de mala crianza.
Tamén pode ser cuestión de talento. Desde logo, o insulto é máis fácil que o enxeño, a ironía ou o sarcasmo, e a simplificación custa bastante menos que a análise feita con rigor. Todo iso resulta comprensible. O que xa non parece tan doado de entender, en cambio, é que tanta miseria se pretenda vender envolta en fermoso papel de regalo. Case todos aspiran a que disimulemos a súa pobreza intelectual e moral e que os teñamos polos firmes defensores das nosas liberdades. A min que non me defendan.
(Carlos Casares, “Os defensores”, La Voz de Galicia, 10 xuño 1993)


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1958. NACE O GRUPO BRAIS PINTO.Nacían os Brais Pinto en Madrid: estaban máis novos que nesta foto dos 90, iso si. Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, etc.
Ferrín publicaba o seu Percival e outras historias. E Otero Pedrayo os poemas de Bocarribeira. E Fole Pauto do demo. E saía o primeiro tomo do Diccionario do Eladio.
E unha Antoloxía de poetas asturianos, con poesía en bable (en realidade en galego e en bable).
E Franco escoitaba firme o Himno Galego nun acto oficial. E celebrábase o primeiro centenario da morte de Aurelio Aguirre. E saía en Buenos Aires Eufonía.
E morrían Cuevillas, Luís Pimentel, Carlos Maside, Serafín Ferro, José Arriola, Avelino Rodríguez Elías e Sofía Casanova.
E nacían, entre outros, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Arturo Casas, Luis Rei Núñez, Gloria Sánchez, Lois Pereiro, Alfonso Armada, Delmi Álvarez, Miguelanxo Prado, Xulio Ríos, Xosé López, José Luís Gómez, Xavier Villaverde, Luz Casal, Miguel Pernas, Laura Ponte, etc. O artigo remata así: "E o cronista que asina estaserie tampouco lle quere mal a 1958: xa se imaxinan o porqué."
(O artigo completo)
"Aproveito a ocasión para lembrar que o vindeiro luns terá lugar a primeira das tres conferencias que, dentro do citado ciclo, están programadas. Estará protagonizada por Marcos Valcárcel, ben coñecido no mundo cultural auriense, e ten por título "Galicia, 1900-1936: unha cultura comprometida coa identidade" (conferencia con Power Point). Celebrarase o luns, 12 de marzo, ás 20:30 no Centro Sociocultural que a Fundación Caixa Galicia ten na rúa de Xoán XVIII".
10 mar 2007
A crónica de Cándida Andaluz en La Voz de Galicia (Ourense):
Do divino e do humano. Da gastronomía, dos seus viaxes, sobre personaxes coñecidos de Ourense o sobre os anónimos máis importantes. Onte cumpriuse cinco anos da morte de Carlos Casares e polo Liceo, pola súa segunda casa, volveron a soar os textos que configuraron Á marxe , o nome onde o autor ourensán publicaba a modo de artigos en La Voz de Galicia o seu xeito de entender o mundo, «de ver a vida e de conducir a realidade», como comentou onte o historiador Marcos Valcárcel, organizador da cita de homenaxe. Ó redor de sesenta textos, elixidos pola súa proximidade con Ourense, foron lidos un por un por máis de cincuenta persoas, ourensáns relacionados dalgún o doutro xeito coa vida cultural e social da capital ourensá. Nos pasillos, antes de comezar as lecturas todos comentaban as súas anécdotas persoais co autor.Falaban de Casares como home. «Cariñoso, con sentido do humor», así o definían. E como autor. «Cercano e sinxelo», dixeron. E o seu irmán, Javier, lembraba, con sentido do humor, as teimas de Carlos coas enfermidades. «hipocondríaco intelectual», chegou a denominalo. Carlos Casares segue vivo. E así se demostrou onte xa que todos os presentes gardaban no seu interior a súa figura. Ben polo seu amor filial, ben pola súa amizade o ben pola súa admiración.Socio de honra e un referente moral, intelectual e amigo máis que escritor (Opinións de Martínez Pedrayo e Marcos Valcárcel)
Corenta blogs homenaxearon onte na Rede á figura e a obra do autor ourensán
Así o conta Cristina Huete en El País:
Así regresó ayer Casares al Liceo. Un lustro después de su muerte sus amigos se despojaron del luto y se encontraron con él de frente. "Tenía la inteligencia del pequeñito; era avispado, simpático, buena persona y bastante enamoradizo", lo definió de un plumazo Julio Losada, uno de sus padres en la tertulia del Cortijo, que ayer decidió prescindir de valoraciones literarias y sentar al Casares contador de historias a su lado. "Aún le brillaban las pupilas: estaba en su mejor momento", recordó. "Para referirse a él, mi hermano me decía: está ahí tu amigo, o chéspir", sonríe el orensano culto desde la añoranza de la amistad truncada.
Para su hermano Javier, los cinco años de luto también fueron suficientes. "Ahora estoy más relajado y satisfecho de que se le valore en el aspecto humano, como persona conciliadora en todos los ámbitos de su vida", comentó.
Javier sentó al hermano mayor, "a un personaje clave en lo que yo soy, porque me introdujo en el mundo literario y en el político a una edad precoz".
Y comenzaron las confidencias: "Carlos era un hipocondríaco ilustrado que se informaba de todos los síntomas de sus supuestas enfermedades" y lo que hacía después era un relato convincente -sobre todo, para sí mismo- de ellas, desveló, sentando también a la mesa a su mejor amigo "Manuel Rodríguez, el filósofo, su verdadero confidente y la persona a la que encomendaba la lectura de sus escritos antes de darlos por concluidos".
E Galicia Hoxe destaca a receptividade do blogomillo:
A novidade que marca os actos de homenaxe ó ourensán é que este ano, por vez primeira, Marcos Valcárcel -dende o seu blog www.asuvasnasolaina.blogspot.com- quixo lanzar ó blogomillo unha proposta para lembrar o autor de Vento ferido ou Ilustrísima.
"Houbo unha acollida moi boa entre os blogs", afirma Valcárcel que xa levaba 30 páxinas que responderan á iniciativa do medio cento ao que lle enviou a convocatoria. "Casares foi unha figura moi próxima á xente, facíase moi accesible e coa resposta tan positiva que se ve na rede queda claro que existe o consenso de que os libros de Casares seguen vivos", engade Valcárcel. Entre os blogueiros que non deixaron pasar a ocasión para lembrar o ourensán están Vieiros, Chuza, Brétemas, Mendinho, Bouzafría, Fíos Invisibles, Modesto Fraga ou Francisco Castro. Entre as historias que se lembran, a arxentina de Fíos Invisibles conta que Casares estivo en Bos Aires nos anos 80 e tivo algún problema con Cesarsky da Triple A arxentina ou o rapaz de 12 anos André de Rabal que o coñeceu lendo A galiña azul.

La independencia política, ética y artística que busco desde mediados de la década de los sesenta del pasado siglo me enfrenta a una situación paradójica: los mismos que me atacaban desde la izquierda por mis críticas al régimen cubano, o a la hoy difunta Unión Soviética, lo hacen ahora desde la derecha con argumentos y descalificaciones bastante parecidos. Mas, como dije hace casi treinta años en un coloquio con los estudiantes de letras de la universidad de Sevilla, prefiero equivocarme por mi cuenta a tener razón por consigna”.

Pero co emborcallados que saíron as dereitas nas últimas eleccións, parece que aquela concepción dos da pancarta deu un xiro tan sorprendente coma irrefreable. Talvez contaxiados polo éxito dos socialistas, abandeirados daquelas manifestacións contra da guerra, entenderon que non se chega ó poder, se non é ben sulfatados dunhas numerosísimas manifestacións de cidadáns que berran o seu descontento e claman xustiza entre cánticos, saltos, bandeiras e todo tipo de efusións emotivas que caldean estas procesións laicas. E velaí nos teñen ó Sr. Rajoy, antes irónico e sereno, irritado e mobilizado para conquistar números que se sumen á pancarta. E conquístaos, vaia que si: aí teñen señoras de rosario e Loewe enfervorizadas con slogans de chusma; señores de orde e paz, alteirados e airados contra os que exercen o poder; a traballadores pacíficos e sempre dispostos a manter o status quo decididos por unha vez a berrar ben alto que eles tamén saben defendeu a unidade, a dignidade, a firmeza, a lei, a xustiza, o que se defenda. Non se sabe se esta viraxe tan rotunda, de ridiculizar os da pancarta a levar unha na boca e na fronte, proporcionará os réditos que se buscan porque ás veces ás manifestacións cárgaas o demo, pero o que si aparece claro e sen fisuras é o cambio radical que experimentaron os dirixentes de dereitas despois de perder as últimas eleccións. Ata esquecen principios tan incuestionables como o de deixar as pancartas para os esquerdosos. Para min que á dereita acaíalle mellor a filosofía Aznar, pero nunca se sabe, se cadra cóllenlle gusto e a ver quen lles arrinca a pancarta da man, o berro ronco da gorxa.

(Andoliña 10 marzo)
Deu unha conferencia en Auria Eduardo Madina, líder hai anos das Juventudes Socialistas de Euskadi e vítima (non mortal, por fortuna) dun atentado de ETA. Escoiteino algunha vez antes na TV e na película La pelota vasca, onde alporizou a algúns por dicir cousas como que na banda dos violentos vascos tamén había dor e sufrimento.Nesa charla ourensá houbo dúas partes claras: unha incursión histórica nas orixes do problema vasco e unha lectura do presente e do (posible) futuro desa comunidade. Gustoume máis a segunda parte. Na primeira falou do conflito de identidades que se dá no País Vasco, o cal é obvio, pero cun sentido para min demasiado reducionista e simplista: presentou o tema vasco como unha confrontación entre Romanticismo e Ilustración, entre sentimentos e paixóns e razón cívica. Pero o certo é que hai paixóns en todas as partes e nin sequera creo que sexa útil nin funcional unha condena tan radical do poder das emocións na política.
Máis atinada foi a súa lectura do presente, dende a necesaria convivencia entre os nacionalistas vascos e o resto dos partidos e na aposta por un proceso de paz e diálogo para rematar coa violencia. Non é iso, non, o que hoxe reclamarán en Madrid certas voces cabreadas.l
09/03/2007 El País
Franz Kafka pedíalle aos libros que rabuñasen nos ollos, que fixeran trastallar o mundo no que pisa o lector. Iso é o que un sente de xeito especial cando le, na parte final de Ars Amandi, as Baladas del joven y la muerte e, sobre todo, os poemas Segunda noche sin ti (1960) e Primer domingo sin ti (1962). Dous poemas soltos, como eses días que perden a costura do calendario sen querer, de feitura narrativa, versos longos que non queren despedirse nin da vida nin da linguaxe, que apoian un no outro, sós, soíños os versos, a termar da carne. Eís, nesa noite e nese domingo, a máis sutil e extrema poesía amatoria: a que lambe o baleiro, a que ule o arrecendo do oco. En realidade, toda a literatura erótica de Eduardo Blanco Amor ten máis que ver co goce e co risco que coa escrita pracenteira. Así foi tamén a súa vida. A dun home fermoso, libre, valente, que soubo botarse a alma ás costas cando foi perseguido e marxinado, non só polos seus ideais políticos senón tamén pola súa opción homosexual.
Escribiu Robert Browning: "Cando nos sentimos máis seguros ocorre algo (...) e outra vez estamos perdidos". De Eduardo Blanco Amor tiñamos unha herdanza bíblica, sen perdón, pois encarna a loita entre a pulsión da morte e a do desexo, tal a novela A esmorga. E os extraordinarios relatos do botarse ao mundo: Os biosbardos. Tiñamos máis e seguro. E agora vén este suceso, este lote de herdanza inquietante, saído de zona de sombra.
Polo que sei, trátase dunha edición esmerada, con maquetación de Xabier Castro, na que mesmo son importantes o que Derrida chamou "as soleiras do libro". O logo que se utiliza é un debuxo do propio Eduardo, un deses xogos caligráficos da man cando anda ás ceibas mentres a cabeza cisma. Ars Amandi aparecerá na colección Alén Mar, en edición conxunta de Galaxia e o Pen Club de Galicia. Despois dos detalles limiares, outra vez perdidos. Eis na Balada I: "Si yo fuera la Muerte me moriría de amor!".
Tu ausencia me rodea como un vacío trágico,
ando tras de tu sombra como un niño ciego.
Tu voz flota, sin voz, como un nombre que no acaba,
como el propio rumor de mi sangre que sólo pide muerte.
Estás en todo, en mí, en las cosas bellas y fraternales
con que fuimos rodéandonos en ocho cortos años,
comparadas con mi amor, pensando uno en el otro para mútua alegría,
para la sorpresa pura e infantil del secreto hasta mostrarlos;
y estás también en las cosas cotidianas y humildes,
en tu plato favorito pensado para ti como una poesía o un abrazo;
estás en tu taza matinal con el beso primero
cuando te despertaba, al borde de la cama (...)
Eduardo Blanco Amor (Bos Aires, 1960)
9 mar 2007

(Andoliña 9 marzo 2002)
Están na foto Basilio Losada, Pepe Trebolle, Xoán Fonseca, Siro López, Carlos Casares, Marcos Valcárcel e Alonso Montero.
Ademais, tiven a ousadía de convocar os colegas do blogomillo galego (a todos aqueles ós que puiden chegar) para que hoxe lle dediquen un comentario nas súas bitácoras. Porque Carlos Casares non chegou a escribir un blog, non era tempo aínda, pero tiña unha peculiar bitácora dende os xornais e dende eles comunicaba con moitos milleiros de galegos e galegas: cónstanos ademais que recibía moitos comentarios, vía telefónica, sobre os temas das súas columnas, como hoxe se reciben por escrito en cada un dos nosos blogs.
Sabendo ademais que Carlos era un apaixonado dos trebellos, das novas tecnoloxías e do mundo da internet, estou seguro de que lle encantaría saber que hoxe si vai ter un blog, pero espallado en múltiples bitácoras: dende Auria ata Buenos Aires, en merecida homenaxe.
(Recupero os dous primeiros artigos que publiquei cando a morte de Casares. O segundo, que é longo, xa vai como comentario. Os dous están recollidos, xunto a outros moitos doutros autores, no meu libro "Carlos Casares, punto de encontro", Ourense, 2002).
Entereime ás dez da mañá por unha chamada telefónica. Tardei un par de horas en asumir a idea da morte de Carlos Casares. Dei varias voltas polo Paseo, convencido de que en calquera momento aparecería andando, co Julito Losada e cos amigos ourensáns, e que nos daríamos unha aperta de amizade. O corazón destilaba de vagar as bágoas de dentro, as que máis doen. Só podo agora falar do amigo. Do amigo ó que tanto lle debo, máis do que el mesmo pensaba. Carlos tiña unha talla moral que será imposible sustituír. Hai outros grandes escritores, grandes intelectuais e xentes do mundo cultural. Pero moi poucos con corazóns de diamante como o que se cansou de latir no corpo de Carlos. Fóisenos un dos mellores corazóns que nunca pariu este país. A morte é absurda, dicíalle onte o propio Carlos a Damián Villalaín tomando café. E tamén inxusta, cruel, estúpida.
(O Correo Galego, 10 marzo 2002)
8 mar 2007
Excelente acollida á homenaxe a Carlos Casares dende o blogomillo. Moitos colegas xa manifestaron o seu apoio.
E algúns xa publicaron os primeiros textos. Velaí:
Brétemas
Mendinho
Bouzafría
En Vieiros
En Chuza
Fíos invisibles
Modesto Fraga
Sobre filloas mel
Computodefantasmas
Enkadenados
Atoladomonte
Orballonalareira
Rei de copas
Galiza, por sempre, Galiza
De catro a catro
Trasalba
Dpaso
Astuasbalas
Arume dos piñeiros
Unha pomba en Nova York
Andre de Rabal
Ana Bande
Francisco Castro
Imaxes Faladeiras
Ningures
Ouriceira
Ourensalia
Apocalipse do porco
De catro a catro
Dias Estranhos
En outro lado
Xabier Docampo
Beliscos pequenos
Leoeoseus
Toxomar
Xornal aberto
Cabrafanada
Ademais, a Casa da Xuventude de Ourense abre hoxe a súa web cunha lembranza de Carlos Casares. Graciñas a todos/todas por colaborar con tanto entusiasmo.

.jpg)
(A foto que abre este comentario é de Eduardo Núñez. Foi tomada o 24 de maio de 1997 na homenaxe que o Clube Cultural Alexandre Bóveda lle fixo a Antón Risco. Nese momento tocábame falar a min; logo falaron Arturo Lezcano e Carlos Casares, saboreando o seu puro. Á beira de Carlos, está sentado Carlos Quesada).
Conmemorando o quinto aniversario da morte de Carlos Casares, o próximo venres 9 de marzo, o Liceo ourensán, dende a Sección de Literatura, organizará unha serie de actos en Ourense, que consistirán nunha mesa redonda en sesión tertulia de tarde (17,30 h.) na que participarán Julio Alonso Losada, José Carlos Martínez Pedrayo, Javier Casares e Marcos Valcárcel.
Ás 19,30 no Salón Nobre haberá un novo acto no que serán algúns dos seus textos xornalísticos e no que participarán ata 60 persoas do mundo social e cultural de Ourense, entre elas moitos amigos e compañeiros que tiveron relación directa co escritor.
Ademais, se exhibirá un Power Point cun cento de imaxes de Carlos Casares en actos ourensáns ou realizados en toda Galicia. Todos estes actos contan coa colaboración da familia do escritor e da Fundación Carlos Casares.
(Os textos a ler, procedentes de "Á Marxe", foron seleccionados por Sexismundo Bobillo e MV. A documentación posible para as fotos foi achegada por Benito Losada (fotos do Clube Alexandre Bóveda, realizadas polo fotógrafo Eduardo Núñez), e outras proceden do meu arquivo privado e da familia Casares. Finalmente, a montaxe do Power Point será realizada por José Luís Troitiña).

A festa foi dobrada para os nenos que viviamos na Avenida de Raxoi, xusto a carón do sitio onde se rodou parte desta película, polo que andamos de brincadeira toda a xornada. Corría 1957 e un bo día tráennos a noticia de que o SEU, se a memoria non me falla, ou a Falange Española, que tanto monta, monta tanto, andaban a recrutar voluntarios para facer de extras nunha película que ía rodarse na Praza do Obradoiro (daquela chamabámola do Hospital e coido que aínda era terreira, como se ve na foto tirada da web da Ciberirmandade da Fala). A mobilización dos rapaces maiores da familia, xa mozotes, rondando os vinte anos, fixo que este que escribe poida contar agora aquilo con certo coñecemento de causa.
Aquel día suspendéranse as clases, polo menos no Instituto Xelmírez, o masculino, que antes estaba na praza de Mazarelos. Non sei se terían a mesma sorte as nenas do Rosalía de Castro, o feminino. Non o creo. E alá fomos, á Casa da Parra a nos vestir de época (principios do XIX), cuns farrapos vellos, e a cobrar as vinte e cinco pesetas que nos pagaron de salario. Unha fortuna. A Praza do Hospital estaba tamén vestida de época, con carros, cabalos, pacas de palla e herba seca, telderetes, estaribeis e xentes indo e vindo, como nunha gran feira.
A nosa misión consistía en correr detrás dunha carroza que facía a entrada na praza pola banda do pazo de San Xerome, actual Reitoría da Universidade. O director do filme colocárase no extremo norte da balconada do pazo de Raxoi e dende alí daba a orde de ¡acción! E veña a correr e a repetir a escena unhas cantas veces.
Dentro da carroza supúñase que ían Sofía Loren e Cary Grant ou algo así. O certo é que eu a ela non a vin, pero si a el, que ben o recordo nun momento do descanso, sentado nunha cadeira á porta do que deixara de ser Hospital Real para se converter en Hostal dos Reis Católicos. Eu estiven a dous metros del, mirándoo con ollos abraiados e con orgullo de traballarmos na mesma película. Colegas, ao fin e á cabo.
Recordo que nos fixeron unha fotografía na que estabamos, polo menos, dous irmáns meus, un curmán e mais eu. Non sei que será dela. Gustaríame volver a admirala. Mágoa non tela, pois sería o único testemuño fiel de que o que digo é certo. E ti lector ou lectora dirás: "pois se estás na película, ¡¿que mellor?!, alí poderás desmostrar a túa presenza". ¡Vaites, vaites! Aí está o asunto: na película cortaron a "miña" escena, por iso sempre aborrecín Orgullo e Paixón.

Segundo contaba onte El Correo Gallego, o concello coruñés homenaxeou o Día da Muller cun acto no que o alcalde, Javier Losada, descubriu a placa dunha rúa dedicada á poetisa galega Luz Pozo Garza. O rueiro da cidade herculina amplíase así para render homenaxe a outras mulleres egrexias, como Dolores Ibarruri, Victoria Kent, Federica Montseny e Clara Campoamor. Así, tamén na zona de Eirís, en A Regueira, hai unha rúa dedicada a Dolores Ibarruri, a Pasionaria, e outra á xurista malagueña Victoria Kent.
Dende aquí os meus parabéns para tan xusta e meritoria iniciativa e un saúdo moi cordial á autora de Códice Calixtino.
7 mar 2007


O próximo venres, 9 de marzo, vanse cumprir cinco anos da morte de Carlos Casares, falecido en Vigo o 9 de marzo do 2002. Carlos Casares foi un excelente escritor, un magnífico conversador e tertuliano e, para moitos/as, un amigo e un referente moral.
Propóñovos, se vos parece ben, facerlle unha pequena homenaxe dende a blogosfera galega (refírome a todos os blogs de galegos, de nacemento e de corazón, que se reparten por todo o planeta). Ó cabo, Carlos era un apaixonado dos aparatos e trebellos tecnolóxicos máis orixinais e tamén estaba entusiasmado co mundo virtual e as posibilidades de Internet. Non chegou a escribir un blog, pero tiña un xeito de blog nos xornais (“Á marxe” en La Voz de Galicia), co que comunicaba todos os días con milleiros de galegos e galegas, sendo o columnista máis seguido da prensa galega. Consta ademais que moitos dos seus amigos e colegas chamábano a cotío dándolle datos ou comentarios sobre os temas que trataba nas súas columnas: o equivalente ó que hoxe son os comentarios ós nosos textos nos blogs.
En fin, que se vos parece pertinente, sería moi fermoso que o 9 de marzo todos os blogs que queiran publiquen un pequeno texto en homenaxe a Carlos Casares, lembrando a súa obra e a súa personalidade. Queda feito o convite.


6 mar 2007

(Imaxe de Tiziano, "Venus Anadyomene").
(Nota previa: hai un par de meses dediquei unha serie de artigos ás Cidades Literarias galegas. A serie quedou incompleta e na relación de cidades literaturizadas faltaba Lugo e algunhas vilas. Para compensar aquel traballo a medias recupero agora este magnífico artigo de Xosé Miranda, publicado hai algún tempo en A Nosa Terra, que se ocupa precisamente dese aspecto. A foto procede da web www.luisengroba.com, que conta cunha excelente galería de fotos da cidade amurallada).
Agora que hai tempo que pasou o ano ano do meu moi ilustre concidadán, don Ánxel Fole, si señor, e xa moitos se esqueceron del, se cadra é bo momento para dicir que con el empeza a cidade de Lugo a ser unha cidade literaria.
Nas páxinas de Contos da Néboa e de Historias que Ninguén Cre andan as nosas rúas, a de Caiñós, a do Progreso, Recatelo, Fingoi, o vello cemiterio, o desaparecido cine España, o Lugo-Bar, o bar do Manco e o Calvo, as nosas néboas, o queixo de San Simón e os bebedores de viño de Chantada e de Queiroga, a folla do luns e o diario local, os días de inverno e as longas noites, os nosos nomes e os nosos apelidos, os nosos alcumes e os nosos costumes, os comercios, a paisaxe, as crenzas e as ideas, en suma, o Lugo verdadeiro. Non esquezan que Fole fai personaxes a tolos e esmolantes, labregos e fidalgos, si, pero tamén a concelleiros e mesmo a libreiros. Lembremos, como tal, ese relato que titula: Morre en acidente de automóbil o libreiro lugués Don Segundo Daponte. E se dicimos esto dos seus libros de relatos, moito máis poderíamos dicir do Cartafolio de Lugo e de outros dos seus artigos periodísticos.
Fole foi, se cadra, o principal, pero pódense citar xa uns cantos escritores que fan de Lugo a paisaxe dos seus relatos ou a fonte dos seus versos. Pois a cidade anda nos versos do Cura de Fruime, Diego Antonio Cernadas y Castro, en 1755. Nos de Ánxel Xohán, nos do grande Luís Pimentel, nos de Álvaro Cunqueiro, nos do bo de Aquilino Iglesia, nos de Lorenzo Varela:
Na vida, na morte, no amor e no ren,
loubareite, Lugo de aceiro e de mel.
Nos de Manuel María; nos dos irmáns López Valcárcel, esta cidade de pombas mortas a balazos; nos de Darío Xohán Cabana e a súa Fraga Amurallada; nos de Antón L. Dobao; Xavier R. Barrio; Xoán Neira; Lois Diéguez; Claudio Rodríguez Fer e o seu Lugo-blues e a súa Noite amurallada; no Cántico da Fonte da Praza do Campo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, nos versos de Celso Emilio Ferreiro, que non quería ir a Glasgow, que quería vir a Lugo; no Moucho na Alameda de Uxío Novoneyra; esta cidade fría, profunda, posuída por un fado escuro, de estancias pechadas ata a fin, con tardes que son lagoas lentísimas e grises, apacibles coma tépedos autobuses, cunha néboa fermosísima, intratable, anda nos versos do poeta de Meilán, esa parroquia nosa de ríos, liñares e bosques ingleses con ovellas, Manuel Xosé Neira, e nos versos, terribles como estampas da dor e da miseria dos extrarradios, de Isidro Novo.
E tamén nas prosas, nas de Paco Martín, Dende a Muralla, Das Cousas de Ramón Lamote, e en Dous Homes ou Tres, entre outras; nun preciosísimo e moi triste libro, Memoria de Derribos, do Miguel Anxo Murado, e nalgúns libros infantís, outra vez de Paco Martín, como no conto O vagón que perdeu o tren.
Cando no futuro queiran saber como era Lugo terán que ler eses libros, e terán que ler os Tabernarios de Antón Grande, os Cronóforos de Marica Campo e El Crimen del Procurador de Juan Soto, e El Callejón del Deán de Cheta, e os ensaios históricos ou retratos de costumes do Doutor Castro, de Amor Meilán, de Narciso Peinado, de Abel Vilela, de Felipe Arias e de moitos máis, e outros que non vou citar por que o esquecín e por non consumir máis tempo, non porque non o merecesen. Entre eses libros haberaos mellores e bos, e ata os haberá malos, non digo que non, pero todos son importantes para a cidade e para os cidadáns, para os lugueses, para tódolos galegos. Pois chama ben a atención que se fale moito de Auria como cidade literaria, a partir de Blanco-Amor e dos continuos aportes doutros escritores (entre eles do magnífico Miss Ourense de Bieito Iglesias e as extraordinarias prosas de Ferrín) e, en cambio, ninguén se fixase en que tamén existe un Lucus como cidade literaria. E quero eu hoxe poñer o epílogo a esta reflexión recomendando a lectura de dúas novelas policiais: A xeada negra e Chuvia Mansa, ambas do mesmo autor, Xoán Ramón Díaz.

