
O Doutor Gallego. // Consolo Armesto.
Pan por Pan 9 maio. (+) Necrolóxica de XRQ en La Región.
Case todos os ourensáns poderían contar moitas anécdotas sobre o querido doutor Luís Gallego Domínguez. Eu tamén: tratoume dende neniño e lembro velo chegar a casa para sacarnos da febre con algunha inxección ou amaño semellante. Curaba tanto coa súa bonhomía como cos seus moitos saberes. Moitas décadas despois tratou a miña nena, aínda un bebe, e sempre con acerto. Tiña un ollo clínico asombroso: persoas máis vellas que o que escribe andan por Auria e débenlle a vida. Era tamén un home bo, na definición máis profunda da palabra: como todo o mundo sabe, só pensaba nos seres humanos e non no beneficio económico. Todos o querían. O azar quixo que onte coñeceramos tamén a morte de Consolo Armesto, a nai do amigo e historiador Alberte Romasanta, á súa vez moi grave hai moitos meses. A miña solidariedade, nesta hora de dor, coas dúas familias.
CHELO ARMESTO IN MEMORIAM (XRQG)
Chelo Armesto, muller vital e entusiasta, e o seu home, o cabal Antón Romasanta, foron durante sesenta anos un exemplo de parella unida e aberta a todo o mundo: a amizade e o galeguismo eran os seus sinais de identidade. Paseantes incansables das nosas rúas, a súa palabra amable e o seu saúdo cortés formaron parte da paixase urbana durante décadas. Sempre atentos e cariñosos, alegrándose das cousas boas dos demais, e tolerantes e comprensivos cos defectos humanos, a voz melodiosa e os ollos espelidos da Chelo e a voz grave e serena do Antón, eran unha inxección de optimismo, de vida.
Nos anos sesenta Chelo e Antón, ou Antón e Chelo, fóronse achegando ás ideas galeguistas a través das misas en galego da Catedral. Logo, nos anos setenta, participarían na nova xeira da Agrupación Cultural “Auriense”. Eran tempos de cambio, de renovar fidelidades co País, e Antón e Chelo deron de forma natural, consecuente, no novo nacionalismo galego. Sen pedir nunca nada a cambio, sempre con discreción e eficacia, achegaron os seus recursos persoais á causa nacionalista.
No seu antigo piso de San Francisco fraguáronse moitas xuntanzas semiclandestinas. Alí reuníase o comité electoral da coalición Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), formado pola UPG e máis a AN-PG, durante as primeiras eleccións de 1977. Como anfitriona, todas as noites Chelo ofrecía, xentil e xenerosa, café, auga mineral, licor café, whisky e todo o que fixera falta, aos dirixentes nacionalistas alí reunidos: Bautista Álvarez, Xaquín Méndez Anta (o “Rubio”), Fernando Pérez López (o “Fernando de Sarria”), Alfredo Suárez Canal ou Antón Sánchez Rivero (o “Antón da armería”).
Chelo Armesto e Antón Romasanta gardaron sempre fidelidade aos seus amigos e ás súas ideas, liberadoras, positivas, dunha Galicia dona de seu. Pais amantísimos, os seus tres fillos, Ana, Anxo e Alberte, herdaron deles a bonhomía e o amor a Galicia e a súa lingua e cultura. Pero non como adoutrinamento pasaxeiro, senón como emanación natural dunha humanidade que xurdía imparable a mans cheas.
Chelo Armesto, a cálida e bondadosa Chelo, deixou este mundo hai uns poucos días, despois dunha enfermidade que soubo encarar coa súa discreta dignidade. Moitos dos seus familiares, amigos e coñecidos dixéronlle adeus nunha calurosa tarde de maio co corazón encollido. Queda Antón, o cabal e xeneroso Antón, e os seus fillos. Vaian para Chelo e para todos eles o noso recordo e a nosa aperta: en nome de tantos e tantos que tivemos, temos e teremos a fortuna de coñecelos e de querelos.