2 jun 2007


Libros galegos: Biblioteca Básica da Cultura Galega

Pan por Pan 2 xuño

Hai 25 anos, 1 de xuño de 1982, presentábase en Trasalba a Biblioteca Básica da Cultura Galega, impulsada por Galaxia e da man de Bieito Ledo. O benquerido Xoaquín Lorenzo estivo naquela presentación que ademais recuperaba en catro volumes o tomo II da súa “Etnografía. Cultura material” na “Historia de Galiza” que dirixira Otero Pedrayo en 1962. Publicáronse naquela colección, co apoio das catro deputacións, 50 tomos cos máis valiosos clásicos das letras galegas (narrativa, poesía, ensaio): chegaron milleiros de libros galegos baratos ás casas. Foi unha moi valiosa iniciativa de difusión da cultura galega, que a min me lembra o que fixo RTVE en 1970 coa colección Biblioteca Básica Salvat.
Dende aquela non houbo ningún esforzo público semellante relacionado co libro e co mesmo apoio institucional: 25 anos despois non estaría mal copiar aquel fermoso proxecto, non cren?

1 jun 2007

Unha campaña divertida en Euskadi.


Clicar no magnífico video localizado na Euska Telebista.



(Tarda un pouquiño en cargar, se non se visualizase ben; subiríamolo a You Tube.
Non obstante, este é o seu enderezo :
http://www.eitb.com/vayasemanita/asx.asp?fichero=gc/video/runing_canpana_20070426_190kbps.asf)
PARTIDOS NA ESCALEIRA (Afonso V. Monxardín, hoxe en La Región)

Un deses estendidos tópicos
alleos defínenos como dubitativos nunha escaleira, sen ter claro se subimos ou baixamos. Nós sabémolo ben, aínda que por cortesía e costume paremos un momento ao cruzarnos co outro –ese que non sabe cara a onde imos- para facer un descansiño e botar unha parrafada.
Pois a grande escaleira da Galicia electoral está arestora medio ás escuras e chea de candidatos, analistas e partidos tropezando uns cos outros... E neste trafego, non se rompeu ningún garrafón de votos, aínda que moitos están mediados, medio cheos ou medio baleiros, segundo se queiran ver.
O BNG sabe ben que se pode subir costa abaixo. É o que fixo nas anteriores autonómicas onde baixou de 18 a 14 deputados, pero ao tocar poder Anxo Quintana soubo vender a imaxe da vitoria de forma eficaz. E agora coa importante baixada nas cidades que van para arriba –sobre todo onde gobernou, Ferrol, Vigo e Pontevedra- pois resulta que sobe xa que ha participar no goberno das sete grandes. Pola contra, na vella Galicia rural, esa que vai para abaixo, e que se dicía do voto cativo, sobe en número de votos e influencia.
E o PP baixa subindo. En boa parte da Galicia urbana e dinámica –Vigo, Pontevedra, Ourense, Santiago- sobe en votos ata ser indiscutiblemente a primeira forza ou segunda en Coruña, Lugo e Ferrol... pero ao non micar poder, baixa. Pola conta, na vella Galicia rural en decadencia, tamén decaen os seus votos. Agora é máis visible ca nunca que nese rural vótase á persoa revestida de certos atributos supostos (traballador, eficaz, amigo da xente, servicial e boa persoa...) e non dunhas siglas, que, sábeno vostedes coma min, son o de menos. A alcaldesa do PP pasada ás listas do BNG no Bolo sacou a mesma maioría absoluta que noutro “envoltorio”. Se o Manolo Prado, profesor de galego e alcalde de Beariz onde saca para o PP 9 de 9 se pasase ao Partido Humanista, os votos irían canda el. Pódeno ter por seguro. E se Paco García se pasase ao PP, Allariz volvería ter alcalde popular en vez de nacional popular.
Eu ao PSOE felicítoo pero non lle arrendo a ganancia. Depende nas sete cidades do BNG para facer gobernos estables de progreso. E o BNG desacougado por ir costa abaixo na Galicia costa arriba, cisma óllase no espello... ¿Acabarase convertendo nunha especie de IU de Galicia, con vocación de muleta esquerda para os goberno do PSOE? ¿Como se sacode esa manta que o afoga? ¿E sen ela conxelaríase? Difícil cuestión.
O que vexo claro é que o PG debería saír correndo pola escaleira de incendios e entregarlle a sigla ao Museo do Pobo Galego ou á Consellería de Cultura para pechar un intento desafortunado. A disolución sería un acto de dignidade que todos lle apreciariamos moi positivamente e falariamos del ben.. como dos mortos nos enterros.

Xa ninguén lles fai caso...
Andoliña 1 xuño (Imaxe: detalle de P. Delvaux)

Durante quince días tiveron todas as atencións. Todos estabamos pendentes deles. Hoxe ninguén lles fai caso nin mira cara a eles: falo dos carteis, as bandeirolas, os valdos publicitarios, xa medio consumidas pola climatoloxía. As súas mensaxes periclitaron: venden un produto xa caducado. Só agardan polos empregados das compañías publicitarias que os taparán para sempre con novos anuncios.
Faremos máis’ dicían os socialistas e de momento fixeron máis votos que nunca. ‘Pensado para ti’ engadían os do Bloque, pero quizais o electorado pensaba noutras cousas e os resultados non foron os agardados. ‘Confianza é futuro’ rezaba o confuso lema do Partido Popular: a confianza dun amplo sector do electorado, urbano sobre todo, parece defraudada. O futuro é por definición indescifrable.
E o slogan do Partido Galeguista. Encabezado en Auria por un tránsfuga dos socialistas (o PG foi nesta campaña o partido dos tránsfugas, de tódalas cores). ‘Depende de ti’, dicía o cartel do PG e para os malpensados quería dicir que a futura alcaldía dependería só do voto deste posible concelleiro. Pero o electorado tomouno ó pé da letra: negándolles, a el e a Soto en Vigo, o acceso á Casa do Concello
.

31 may 2007

Que pasa cos Mossos?

Na web de El País está colgado o video cos malos tratos que sufriu unha moza detida por parte de varios Mossos de Barcelona. No video, gravado con cámara oculta por Asuntos Internos, vese a agresión que fan dúas policías mulleres sobre a detida. Outro video amosa o estado en que quedou esta, cheo de hematomas por todo o corpo.
Que pasa cos Mossos de Barcelona? Suceden estas cousas aínda na nosa democracia? A policía agresora está detida, pero non é un caso solto. Na mesma comisaría hai varios policías máis suspendidos de emprego polas mesmas razóns. Imaxes nada estimulantes, dende logo. Que pasa nas outras comisarías de España? Se os agredidos son, p.ex., inmigrantes, sen avogados nin persoas que atendan os seus dereitos, a policía ten carta branca para facer o que queira...?

En poleiro alleo

En "Pírrica" (El Correo Gallego), Bieito Iglesias deixounos a súa persoal valoración das pasadas eleccións municipais.
Onte fixo o mesmo Antón Baamonde en El País: "La hecatombe", cunha análise bastante demoledora do futuro que lle agarda ó PP en Galicia.
E Miguel Anxo Fernán Vello ("Pactos", Galicia Hoxe) critica a doutrina do PP sobre os pactos BNG//PSdG-PSOE.
Pola súa banda, Anxo Tarrío (Galicia Hoxe) lembra a Antonio Pérez, un dos míticos editores de Ruedo Ibérico. (A imaxe, "Masculino-Feminino", 1959, é da artista surrealista canadiana Mimí Parent).

30 may 2007


Unha iniciativa positiva. Falarlle galego a un fillo.
(Imaxe: A Idade de Ouro, de W. Bouguereau)

No berce. Chega a Xeración E logo!
Até 15.000 embarazadas galegas recibirán material en galego para "que non se produza en Galicia unha ruptura da transmisión da lingua".

Falarlle galego a un fillo (M. A. Fernán-Vello, Galicia Hoxe, 1 xuño)

Falarlle galego a un fillo é axudalo a entender mellor a realidade que o rodea", afirmou a secretaria xeral de Política Lingüística na presentación dunha campaña destinada a recuperar a transmisión da lingua de pais a fillos. Máis de 15.000 mulleres embarazadas, futuras nais, recibirán unha serie de materiais que, unindo información variada, consellos psicosanitarios e un convite cordial a lles falar aos meniños na lingua propia de Galicia –lingua materna ou paterna–, resultan finalmente de grande atractivo e de grande utilidade para as persoas, como dixo Marisol López, que teñen na súa man que non se produza en Galicia unha fractura na transmisión da lingua. Velaí, "os bebés, que determinarán a fortaleza do galego do mañá, e as nais e os pais, que son os axentes principais na transmisión inicial da lingua". Como di o director xeral adxunto de Educación da Unesco, "a linguaxe e a identidade atópanse vinculados ao termo "lingua materna", e unha comunidade expresa parte da súa identidade a través do seu idioma de instrución, en tanto que unha sociedade sa toma decisións que producen comunidades harmónicas e persoas con confianza en si mesmas. Non hai moito soubemos, por un estudo realizado pola Comisión Europea, que o idioma galego é a lingua materna de preto de 1,8 millóns de persoas e tamén sabemos, por outros estudos realizados, que na actualidade existe unha grave fractura na cadea de transmisión da lingua galega de pais a fillos. Benvida, pois, porque é todo un acerto, en fondo e forma, esta nova campaña de Política Lingüística. E non está de máis lembrar aquí a tan ben acaída frase de Castelao sobre o particular: "O desprezo da lingua materna significa un renunciamento de dereitos e provén dunha anestesia da dignidade colectiva". Falarlle galego a un fillo ou a unha filla é un acto de dignidade consciente, e é tamén un acto de sensibilidade e de tenrura, porque se lles está transmitindo a lingua propia do pobo galego. Nada máis e nada menos. Todo un acto profundo de amor e de beleza.
O DIVINO ROTEIRO
(Feira do Libro de Ourense, 30 maio 2007. En rigorosa exclusiva, ofrézolles o inicio do meu Pregón de hoxe na Feira do Libro, dividido en sete partes. O conxunto do discurso está completo abaixo, en comentarios).

Chaman á porta. Érgome para abrir, aínda medio adurmiñado, porque hoxe non durmín demasiado ben. Deiteime onte pensando que tiña que dar o pregón da Feira do Libro en Ourense e aínda non sei moi ben como enfocalo. Pero, ben, abro a porta e encóntrome cunha faciana coñecida: un home baixiño, de ollos moi firmes e nariz prominente, que bocexa un lixeiro sorriso:
- Ola, Marcos, non te preocupes. Vístete rápido que temos cousas que facer Ourense adiante. (Co mesmo aspecto que gastaba hai cinco anos, quizais un chisquiño máis delgado, teño diante miña a Carlos Casares).
Un pouco bastante apampado, arránxome ordenando as ideas, e baixo con Carlos Casares ata a rúa.
- Imos ata o Liceo, que alí empezaremos O Divino Roteiro. Se Dante tivo o seu Virxilio e Curros o seu Añón, ti non vas ser menos. Eu vouche facer de guieiro polos escenarios dos nosos egrexios nas letras, eles tamén queren saber de vós, dos que seguides no mundo dos vivos, e agora terás ocasión de recoñecelos, supoño que che gustará.
- Si, por suposto. Respondín abraiado, non sabía moi ben qué era o que sucedía, pero si sabía que indo con Carlos nada malo me podía suceder.

Aparcamos baixo da Alameda e en dous minutos estabamos entrando no Liceo, movendo as portas xiratorias que dan achego ó patio de columnas. Había moita xente tomando café e charlando animosamente.
- Xa ves que o Liceo tamén está moi concurrido na nosa dimensión, dixo Carlos. E logo como non ía haber un Liceo no noso Parnaso? Mira, fíxate naquel daquel recuncho, coas súas coidadas barbas e lentes de escritor romántico. Agora xa fixo as paces co Bispo Cesáreo, que ten praza aquí á beira, pero non perdeu o seu carácter enérxico e teimudo: agora non fai máis que compoñer versos contra Bush e a guerra de Iraq. Debeulle quedar unha certa teima contra os ianquis dos seus anos da guerra de Cuba, xa sabes, nunca porfiou neles, lembra os seus versos do poema “En corso”: Un cargamento de yankees,/ valvos...¡unha inmortalidá!.
Senta con el o vello poeta cego, son bos amigos agora Curros e Lamas Carvajal, esquecidas as liortas do pasado, e o Valentín está a gozar da “vida”, perdón pola palabra tan impropia, pero aquí non hai cegos e o Valentín aproveita para gozar daquilo que no seu tempo lle negou a natureza. Ponse moi contento cando vos acordades del e veu hai uns días ver a placa que lle puxestes na casa que foi redacción de O Tío Marcos d´a Portela.
- Ben merecida, dende logo, engadín eu. Temos a Lamas Carvajal polo pai do xornalismo en galego.
- Así foi e así é. Tanto que agora anda enleado coas novas tecnoloxías e ten un blog propio no outro mundo, porque, si, tamén hai unha Rede de redes na nosa dimensión e imaxínate a riqueza dos debates: podes discutir con xentes de todos os tempos e falar cun Afonso X ou cun Paio Gomes Charinho. É unha virtualidade ben enriquecedora, sen dúbida. E Lamas é o máis constante, nunca deixa o seu portátil e está empeñado en deixar constancia de todo o que ocorre no mundo dos mortos: o noso gran cronista oficial do Trasmundo, sen dúbida.
- Mira o grupo agrándase, seguro que os coñeces de vista a case todos, engadiu Carlos. E fixeime que se achegaban a aquela mesa Arturo Vázquez Núñez, Alberto García Fereiro, Castor Elices, José García Mosquera, Juan A.Saco y Arce, Benito Fernández Alonso e moitos outros, os homes de El Trabajo e de El Miño, dos faladoiros de finais do século XIX e de tantas aventuras culturais.
Almorzamos no Liceo, Carlos pediu algúns pasteis (sempre tan goloso) e vin como se emocionaba arredor dos espazos que el enriqueceu tantas veces coa súa palabra. Buscaba os vellos amigos das tertulias e sorría ó encontralos sen que lle puidesen saudar nin dirixir a palabra. Subimos un momentiño ó segundo piso, porque eu lle quería ensinar algunhas coleccións de vellos xornais encadernados e alí encontramos unha nova tertulia na que compartían inquedanzas Heraclio Pérez Placer, Marcelo Macías e Francisco Álvarez de Nóvoa. Falaban das cousas do seu tempo, das que daba conta La Ilustración Gallega y Asturiana, co mesmo entusiasmo que cando vivos ou máis: debatían sobre a infalibilidade do Papa ou sobre as virtudes do anunciado ferrocarril, cando chegase por fin a estas perdidas terras galegas.
Antes de marchar do Liceo, o autor de Ilustrísima fíxome un novo aceno: aló no fondo, arrimado á barra da cafetería, pousaba un home de vestimenta un pouco estrafalaria.
- É el, de verdade? Preguntei.
- Si, e fixémonos moi amigos, xa podes imaxinar que foi polo primeiro que preguntei ó chegar aló. E quedou encantado porque eu sabía máis cousa del que ninguén, de feito moitas xa as esquecera: velaí o mesmo Xoán da Cova, cos seus inventos, embustes e disparates, que ademais segue igual de simpático que noutrora: perfeccionou o seu trampitán e quere reclamar o seu ensino como segunda lingua oficial naqueles lares. Cando saia do Liceo hache de ir tomar unha copa ó Trampitán, á Praza Maior, que boa gracia lle fai ter unha taberna co nome da súa lingua; para el é como unha vinganza contra tantas burlas que recibiu de vivo. Venceu, finalmente, máis de cen anos do seu paso polo mundo.

(... segue en comentarios)

Dobre discurso.
Pan por Pan 30 maio. Imaxe de Magritte.

Son estes días propicios ó dobre discurso: para dicir en público o contrario do que se pensa en privado. Vímolo antonte no debate postelectoral da TVG: Alfonso Rueda insistindo, ata o inverosímil, nunha victoria que deixa ó PP gobernando só sobre o 24 por cento dos cidadáns galegos. José Luís Baltar foi máis valente e guiouse polo sentido común: recoñeceu dende xa que os resultados do seu partido son moi negativos. Agora deberían pensar quizais nas causas desta situación: os estrategas do PPG ou a quen lle corresponda. Eu creo que algo teñen que ver co tono permanente de crispación promovido dende Madrid: ten algún sentido traer a Mayor Oreja a Galicia para dicir que “España se rompe”? Iso non lles favoreceu en nada ós “populares” galegos. Poderían ter unha voz propia, autónoma, sen interferencias enturbadoras: e creo que o electorado o agradecería.

29 may 2007

En poleiro alleo

Millonarios e asasinatos rusos (Afonso V. Monxardín)

Aclaracións a unha "Aveleiriña" de Neira (Avelino Pousa Antelo)

O cartucho de Vázquez (X.M. Sarille)

Convites
Hoxe, martes 29, ás 20 h., no Liceo, organizado pola Asociación de Amigos da República, charla do poeta ANTONIO GAMONEDA.

Mañán, mércores 30, ás 13 h., no Paseo, inauguración da Feira do Libro de Ourense, que este ano celebrará unha homenaxe á Libraría Stylo. Podo adiantarlles ademais (isto non o trae a prensa de hoxe) que o Pregón vaise titular O DIVINO ROTEIRO.
Antonio Gamoneda en Auria
Andoliña 2 xuño
Estivo en Auria hai uns días o poeta Antonio Gamoneda, nun acto organizado pola Asociación de Amigos da República e cumprindo un compromiso establecido xa hai un par de anos. Foi unha auténtica ledicia escoitar a magnífica charla do escritor leonés, cunha serie de variacións arredor da definición da poesía e un fermoso recitado de varios dos seus poemas, nun rexistro de voz entre albertiniano e nerudiano. Leu versos de “Descripción de la mentira”, “Libro del frío”, “Arden las pérdidas” e “Cecilia”, entre outros libros, con valiosas anotacións que achegaban, se cabe aínda máis, a súa palabra poética.
E foi unha ledicia tamén ver o Liceo ourensán cheo de xente nun acto literario coma este: de seguro axudou a concesión a Gamoneda dun recente Premio Cervantes, pero aínda así amósase que cando se programan actos culturais relevantes, o público responde, en Ourense e en calquera cidade ou vila galega. O poeta, cos seus moitos anos enriba, tivo aínda paciencia para atender os moitos admiradores que lle pedíamos a sinatura dalgún libros: non só asinaba senón que con cada un de nós botaba un pequeno parrafeo de complicidade. Deixou un ronsel de agradecidos lectores dende a súa sinxela bonhomía.

28 may 2007


LAS NOCHES LOCAS…
La Región 28 maio
Luis Sepúlveda. O escritor chileno, residente agora en Xixón, Luis Sepúlveda, é un tipo simpático, con ese acento doce e pausado do falar latinoamericano. Demostrouno na charla que deu en Ourense, organizada polo Club Internacional de Prensa (e que tiven a honra de presentar), en defensa dos “idiotas latinoamericanos”, isto é, os escritores críticos co neoliberalismo devoto do deus Mercado. Contounos alí como se fixo escritor. Tiña un amigo no colexio, “el gordito”, que vendía e revendía cousas (acabou sendo Ministro de Economía no goberno Lagos). E estaban apampados cunha profesora nova, a señora Camacho, que gastaba minisaias e xeitos sedutores. O gordito pediulle a Luis que escribira unha noveliña “picante” sobre a profesora para venderlla ós compañeiros. E Sepúlveda escribiu “Las noches locas de la Señora Camacho”, que foi un bestseller no colexio do neno escritor. Cando foron descubertos, o rapaz pasou polo despacho de dirección, pero o castigo foi suave: o director mandouno a colaborar cos seus escritos nunha emisora de radio. E así naceu o escritor de “Un viejo que leía novelas de amor”.
Tamén nos deu Luis Sepúlveda a súa visión sobre a realidade política e económica chilena de hoxe, amosando o seu apoio crítico á presidenta Bachellet: admirada porque ela mesma sufriu a tortura pinochetista (o seu pai foi vítima da ditadura), pero dende unha posición crítica polas grandes presións que sofre no exercicio do goberno, coas mans atadas por unha Constitución que necesita ser renovada. Falou tamén das loitas do pobo mapuche, que el mesmo apoiou moi activamente, contra unha serie de planes industriais que supuñan na práctica un desastre ecolóxico de dimensións xigantescas no seu territorio. Novas que non son de onte: esta mesma semana a prensa informaba da loita do pobo mapuche contra a multinacional Benetton por usurparlles terras das que foron desaloxados os seus avós mediante documentos falsos.

As cámaras que nos vixían. Estamos a chegar a unha sociedade cada vez máis parecida á que debuxan películas e novelas de ciencia-ficción como “Minority Report” ou “1984”. Imaxine vostede á señora que está vendo tan pancha na tele o culebrón da tarde, chorando polas desgrazas e infidelidades dun Carlos Rafael calquera de acento venezolano, e nisto, nunha conexión deportiva, encontra o seu marido brincando nunha praia cunha moza impresionante. Pois máis ou menos iso acaba de suceder en Italia, segundo conta o xornal “La Reppública”: un marido infiel foi descuberto nunha praia coa súa amante ó ser gravado pola cámara dun helicóptero que retransmitía o Giro de Italia e ser recoñecido na pantalla por un familiar. Xa saben, coidado coas omnipresentes cámaras, estamos permanentemente vixiados.

27 may 2007

AGORA XA VOTAMOS, QUE FOI O QUE PASOU?

Abro un novo fío para valorar os resultados electorais. O tema ben nos interesa: máis de 300 comentarios en menos de quince días. É chegada a hora (dende as 20 h.) de avaliar os resultados e teñen aquí este foro para facelo e compartir opinións, se así o desexan.

Carta ó meu novo alcalde
Andoliña 29 maio
As eleccións municipais en Galicia consolidan o camiño iniciado nas pasadas autonómicas a favor do cambio político no noso país. Este camiño faise amodiño, de vagar, como se fan as cousas por estes lares. Pero é unha realidade indiscutible: velaí a desaparición do PP no mapa urbano, a perda da Deputación de Lugo, mesmo a baixa de case cen concelleiros nos feudos ourensáns de José Luis Baltar.
Na miña cidade, Ourense, o PP perde o poder despois de moitos anos. Gobernarán, como é lóxico, o Partido Socialista e o BNG en coalición. O medre socialista foi sorprendente, sobre todo porque os nacionalistas estaban antes mellor situados e tiñan moitas esperanzas na candidatura de Alexandre Sánchez Vidal. Pero gobernarán xuntos.
Se entre Francisco Rodríguez e Álex S. Vidal son quen de facer unha xestión honesta e imaxinativa. Se crean novas zonas verdes, amplos parques tan necesarios e espazos de lecer e sociabilidade, sobre todo nos barrios. Se atenden a falta de vivenda protexida e impulsan o emprego xuvenil, poñendo en valor as riquezas naturais da cidade, sobre todo termais. Se apostan pola cultura e polo noso idioma, de seguro terán máis votos, ámbolos dous partidos, dentro de catro anos.


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1968: NACE VOCES CEIBES.




En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991)
A nova do ano foron os conflitos estudantís na Universidade de Santiago (Maio do 68) e o nacemento do grupo Voces Ceibes e da Nova Canción Galega. Tralo recital de Raimon en Compostela (maio 67), un novo concerto celebrado o 26 de abril de 1968, na Facultade de Medicina, daba saída definitiva á NCG: actuaron alí Benedicto, Xavier González del Valle, Guillermo Rojo, Xerardo Moscoso e Vicente Araguas, con letras propias ou dos escritores Alfredo Conde, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, ademais de textos de poemas cataláns e doutras culturas traducidos por Xosé L. Franco Grande, Carlos Casares e Salvador García-Bodaño, etc. En maio, nunha xuntanza no Hotel Compostela, nacía oficialmente o grupo Voces Ceibes, nome proposto por Xavier e onde estaban presentes tamén Benedicto, X. Moscoso, A. Conde, Margariña Valderrama e Vicente Araguas (este último foi quen historiou este proceso en Voces Ceibes, Xerais 1991).
Outros nomes asociados logo á NCG foron Miro Casabella, Andrés Lapique do Barro (a quen se lle prohibe algún concerto), Xoán Rubia, Suso Vaamonde, Jei Noguerol, Luís Emilio Batallán, entre outros. En decembro de 1968 houbo outro concerto, no Cine Capitol de Santiago, presentado por Manuel María e para esa ocasión fixo un fermoso cartel Reimundo Patiño. Ó longo dese ano houbo máis de 13 concertos programados: na A.Cultural de Vigo, no grupo Rumbo de Ourense, en O Facho da Coruña, en O Galo de Santiago, Pontevedra, etc.
Algúns destes encontros foron prohibidos e os seus protagonistas multados, como testemuña o informe da policía que Xan Fraga vén de publicar na revista Grial (n.173): poemas como ‘Vencermos nós’, ‘Loitemos’ ou ‘Carta a Fuco Buxán’ eran aplaudidos e cantados por grupos de mozos (arredor de 300 en cada actuación). Benedicto era multado con mil pesetas por cantar "No al Vietnam" en Pontevedra. Os primeiros discos apareceron da man do selo Edigsa, con Galaxia, e da recén creada Xistral: entre eles Poemas ditos coa súa voz, de Manuel María, e Miro canta as súas cancións, de Miro Casabella. No mundo literario foi tamén ano de bos libros. Aínda que se publicou máis tarde, desa data é o poema ‘Vietnam canto’, de Uxío Novoneyra, que marcou a toda unha xeración. E o polémico libro de Celso Emilio Ferreiro, Viaxe á país dos ananos, que foi recortado pola censura (non se autorizaron os poemas ‘Anaina polo Che’, ‘Proieuto final’ e ‘Contribución ao Plan de Desenrolo’) e provocou un gran debate no que non faltaron voces críticas co poemario (Luís Seoane ou Fernández Ferreiro, por exemplo). No mesmo ano, en Caracas, Celso Emilio editaba as súas Cantigas de escarnio e maldicir, unha das pezas claves da súa poesía satírica. (...)

DA MIÑA NACENCIA COMO LECTOR (1)
(Imaxe: Tetis implorando a Zeus, por Ingres. Museo de Aix-en-Provence)

Lin dende pequeno, con entusiasmo de converso a unha nova relixión, e as miñas lembranzas do neno que fun lendo son pracenteiras e ben fermosas. Como a todos os nenos léronme contos e contáronme historias: difícil relembrar cales eran, pero recordo unha preferencia grande, dende moi noviño, polos contos de terror. Poucos anos despois, unha fermosa colección de contos, que viñan ordenados por nacionalidades (Cuentos Rusos, etc.), creo que de Anaya.
Moi neniño aínda, cando baixaba á casa do tío Exmelin ou cando mos deixaba levar, devoraba os tebeos de todo tipo que el mercaba, comics e historietas (“Hazañas Bélicas”, todos os tebeos tradicionais da época, tamén lembro moi vagamente un personaxe cunha Zarpa metálica ou algo así). E na casa dos meus avós de Ourense, a miña avoa gardaba, dos anos de mocidade da miña tía Olguita, a colección da revista “Chicas”, ben encadernada en tomos. Linos e relinos vinte veces cada un e quizais aí naceu a miña paixón polo cine: copiaba e debuxaba todos os días as caricaturas que viñas coas críticas das estreas do cine clásico: Gary Cooper, Spencer Tracy, Katharine Hepburn, James Dean, Liz Taylor, etc.
Estou falando aínda dun neno moi pequeno, antes do ingreso. O meu pai, que tiña un taller de xoiería na Avda. da Habana, usaba para o seu traballo un “Diccionario Gráfico de Artes y Oficios Artisticos”, Lapoulidt, publicado en Barcelona, J.Montesó editor (gardo aínda un tomo): debullei aqueles catro tomos con paixón gargantuesca, canto aprendín alí da arte, da historia, da mitoloxía, ata da haxiografía (vidas de santos, advocacións das virxes,etc.). E debuxaba todos os deseños, case sen excepción, e clasificaba, e ordenaba (una teima miña de vello)
. O meu pai usábaos para sacar deles modelos de letras e deseños para gravar nas medallas ou nos arranxos artísticos de pulseiras e xoias varias. As imaxes dese Diccionario irán comigo ata o final dos meus días.
Na miña casa, ata daquela, non había moitos libros. Supoño que os primeiros que entraron foron para favorecer a nosa educación, a miña, a do meu irmán maior e os dous que viñeron detrás. Os meus pais subscribíronse ó “Monitor” de Salvat, a unha Enciclopedia de Ciencias Naturais e, anos despois (1973), á “Gran Enciclopedia Gallega”, que usaba eu case en monopolio e non me avergoña dicir que cheguei a subliñar en moitas ocasións: obra todo o discutible que se queira, pero na que moitos aprendemos moito.
Os meus pais, como digo, facilitaron a nosa educación mercándonos os libros que pedíamos. Moi neno aínda mercáronme unha magnífica Enciclopedia de Fauna, que aínda gardo, en varios tomos, e outra extensa, en oito tomos, de Mitoloxías do mundo, ademais de “Mitología Clásica Ilustrada”, de Otto Seemann (Barcelona, Ed. Vergara): esta aínda está a man, aínda que só sexa pola calidade das reproducións artísticas e o moito que aprendín nela. A primeira edición española é de 1958, cando nacín: mercáronme a quinta edición, 1968, cando eu tiña 10 anos. Rapaz ensoñador e fantasioso, vivía eu máis no mundo de Zeus, Venus e Hércules que na propia realidade. Cando ía á aldea de Ervedelo, ás matanzas ou ás vendimas, o neno ía cos pais e toda a familia a traballar: pouco traballaría, digo eu, pero non calaba un segundo. “Ai, carallo, este vergallán, cantas cousas el sabe...!”, dicía o avó Benxamín, que en paz descanse. E as mulleres rían da miña verborrea infinita e de todos aqueles personaxes mitolóxicos tan raros e ó tempo tan literarios. (Seguiremos con este fío: na seguinte entrega, os meus primeiros libros de carácter estritamente literario).

A Biblia porno.

Pan por Pan 27 maio (Na imaxe, Lilith)

Recollo esta nova dun artigo en “La Vanguardia” de Quim Monzó, un dos mellores articulistas españois. Conta Monzó que as autoridades de Hong Kong censuraron como “indecente” un artigo con preguntas de temática sexual nunha revista estudantil. Periodistas e profesores universitarios reclaman agora que se respecte a liberdade de expresión e dous mil cidadáns fixeron un manifesto pedindo que se clasifique a Biblia como un libro obsceno: que se prohiba ós menores de 18 anos, cun aviso en cuberta do seu carácter pornográfico, e que se venda envolta en plástico transparente. De certo, na Biblia hai adulterios, incestos, violacións, orxías, condutas condutas sexuais heterodoxas, etc. Malia iso, forma parte da nosa civilización e ninguén se escandaliza lendo “O Cantar dos Cantares”. Creo que os protestóns, pois, teñen algo de razón: o caso é que lla dean

26 may 2007


A SORTE ESTÁ BOTADA
Andoliña 26 maio (Imaxe: La pudizia velata, Nápoles)

Remata o barullo electoral, os ruídos abusivos na rúa e a retórica dos carteis. As caixas do correo poderán repousar por fin despois dos excesos alimenticios destes días. Chega a hora da reflexión e nunhas horas de pouco valerán as enquisas, nin as fotos de impacto, nin os sorrisos enchoupados nas paredes. Nestas alturas, o único soberano é o electorado é un misterio saber o que pensa este señor.
Que decide o voto da xente? A ideoloxía dos partidos ou o carisma dos candidatos? A estratexia atinada ou non das campañas ou a opinión pública e publicada dende os medios de comunicación? Ou o poder do peto do pantalón? Ninguén o sabe realmente. Presentáronos múltiples modelos de cidades ideais, ó gusto de cadaquén, pero iso tampouco garante ningún éxito: houbo promesas semellantes xa noutras campañas anteriores. Supoño que o quid da cuestión está na palabra credibilidade: oxalá puidésemos esculcar no fondo dos ollos de cada candidato e descubrir así a súa máis auténtica personalidade.
Pero non pasa nada. O mundo segue. Como dicía onte o amigo Monxardín, o luns todos gañarán, todos terán algún argumento para demostrar que as cousas non lles foron tan mal. Todos contentos.

25 may 2007

Tempos piadosos...
Na ceremonia da que lles falei no post anterior, os rapaces fixeron unha especie de parodia dun concurso televisivo con fotos antigas de alumnos (dos dous cursos de Bacharelato que remataban) e dos seus profesores. Os que concursaban acertaron esta, pero tiveron que darlle unha pista: "Un profesor que conta moitas anécdotas, ás veces moi divertidas, outras veces para roncar" (máis ou menos, en clave irónica).
COMPRENDERÁS QUÉ SIGNIFICAN AS ITACAS...
(Discurso no IES A Carballeira, 25 maio)

Nos catro ou cinco últimos anos facemos no meu Instituto a tradicional ceremonia de despedida dos alumnos de 2º de Bacharelato. Na mesma hai espazo para discursos dos alumnos/as, do director e dos profesores que lles imparten clase: ata agora tocoume a min sempre e aceptei gustoso. Transcribo agora aquí o que onte mesmo dei lectura e que agradou bastante ós meus compañeiros: quizais non sexa o discurso convencional para a ocasión, tomeime o encargo con bastante liberdade. Como é longo, vai en portada só o inicio: se lles gusta, o resto está accesible nos comentarios.

Onte pola tarde estiven a ver, nese aparato tan marabilloso como prostituído que chamamos televisión, un documental sobre a natureza nos tempos da conquista do Oeste. Nunha das súas primeiras imaxes contemplamos un xigantesco bisonte americano, tombado no chan, a bafexar con toda a súa forza como se estivese asistindo a un dos momentos cruciais do seu existir. E así era, pero non era a súa agonía, senón o nacemento da vida: aos poucos segundos viamos caer daquela tonelada de músculos e peles unha bolsa chea de sangue da que, case de inmediato, saía unha forma viscosa pero recoñecible que, ao pouco, tentaba xa poñerse de pé e empezar a súa andaina polas grandes chairas norteamericanas. Así se inicia a vida, de certo, e non é moi diferente o xeito de nacer de calquera dos bichos que nos movemos por riba do planeta, máis ou menos racionais...
Aínda que, cómpre matizar. Un bisontiño, unha cría dun cervo, un bebé león pode xa, en canto ve alborexar a inmensa luz do sol, poñerse de pé e gozar de certa autonomía por si mesmo. Moitas especies en poucas semanas abandonan mesmo o ubre da nai e dedícanse de inmediato á loita na eterna, cíclica, constante, conquista pola vida. Os seres humanos do noso tempo nacemos rodeados de lámpadas, batas brancas, tecnoloxía avanzada, aparatos de medición de todo tipo: nada debe fallar. Pero facémolo así, porque somos inmensamente febles, sen dúbida, cando nacemos, máis inseguros, máis incertos, máis vulnerables, que a maioría dos nosos compañeiros do mundo animal. E iso tamén debe querer dicir algo: iniciamos unha viaxe, pero non será en solitario. Será unha viaxe acompañada desde os comezos, na que sempre teremos alguén sobre quen reclamar un apoio, un brazo solidario, unha palabra de alento. Vivir, para a especie humana, é inevitablemente un Convivir. Non pagaría a pena se así non fose: ao “último home vivo”, así se titulaba unha vella película de ciencia-ficción apocalíptica, só lle quedaría suicidarse para burlar a anguria do sensentido.

Nacemos, pois, non por propia vontade, pero si cun roteiro camiñado antes por outros, se queredes cun certo destino se a palabra non vos parece moi pretensiosa. O psiquiatra Víctor Frankl, que coñeceu os infernos de Auschwitz e Dachau, dicía que, como no xadrez, na vida non existe a xogada perfecta: “non deberíamos buscar un sentido abstracto á vida, pois cada un ten nela a súa propia misión que cumprir; cada un debe levar a cabo un cometido concreto. Xa que logo nin pode ser reemprazado na súa función, nin a súa vida pode repetirse; a súa tarefa é única como única é a súa oportunidade para instrumentala”. Debería, pois, defenderse unha auténtica biodiversidade (ese concepto que de seguro ben vos explicou Emilia Otero) a favor das persoas; como dicía o gran Antonio Machado, por boca de Juan de Mairena: “Ninguén é máis que ninguén, porque, por moito que valla un home (ou unha muller, podemos engadir), nunca terá valor máis alto que ser un home”, isto é, un ser único, irrepetible, dotado da vontade para facer o máis marabilloso ou o máis execrable. Por iso é tan importante saber cara onde imos: “quen ten algo por qué vivir é capaz de soportar calquera cómo”, de novo en palabras de Víctor Frankl.
(Segue... ... )

En poleiro alleo

Monxardín escribe sobre o que imos escoitar todos o luns 28: todos gañaron (o artigo completo).
E Ferrín reclama, cero que con acerto e xustiza, uns Premios Nacionais de Literatura Galega, apoiados pola Xunta de Galicia: Premios Nacionais de Literatura Galega. Imaxe de Tamara de Lempicka.

(...) Unha parte da vitoria é negar sempre a derrota. E por absurdo que sexa, sempre haberá xente disposta a crer cegamente. ¿Non se suicidaron uns para iren na cola do cometa Hale-Bopp en praza de primeira? ¿Non houbo quen comprou minimotoserras eléctricas de cociña para cortar o pan de comer? A xente estalles disposta a crer calquera cousa que lle digan "os seus". Tanto ten que sexan líderes relixiosos como políticos, mediáticos ou deportivos. A xente necesita crer. Así, pasadomañá, as explicacións máis peregrinas terán o seu corifeo de azaneadores e todos contentos. O PP de aquí, porque gañará en Madrid, aínda que baixe en Galicia. O PSOE gañará, porque mentres o pau vai e ben descansa o lombo e resistiu aparentemente ben feros ataques que de tan indiscriminados, acabaron por aborrecer. O BNG gañará porque manterá os bastións, incrementará votos e seguirá na súa política de diferenciación. (...) (Monxardín)

Pois ben, se un autor galego no pode recibir o Cervantes, nin o Reina Sofía, nin o Príncipe de Asturias, e só con moita sorte (houbo casos, sobre todo de literatura infantil e xuvenil) recibirá un Nacional de Literatura, a Xunta de Galicia, como ocorre co Goberno de Euskadi e coa Generalitat de Cataluña, tería que fundar e conceder premios nacionais galegos de nivel equivalente. E cando digo nivel equivalente estou a decer que o Premio Rosalía de Castro, poñamos por caso, hoxe verdadeiramente inexistente, non podería estar dotado nin con un euro menos ca o Premio Cervantes. (Ferrín)