4 mar 2008


Xoán da Cova fai sendeirismo?
En realidade, foi o amigo Xaime o que andou nestes días entre Boqueixon, Vedra e Teo e atopou pertiño de Pontevea e do mirador de Gundián, este cartel que merece ser colgado aquí : os camiños de XDC son inescrutables.

axenda
O sábado 8 de marzo en Celanova acto do PCE.
Non, non se asusten, xa sei que é día de reflexión. Refírome (terminoloxía de XAM) ó Partido de Curros Enríquez, no centenario da súa morte.
Participarán Fernando Salgado, Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Axeitos, Rosa Aneiros, Xosé López e Marcos Valcárcel, e o cantante Luís Emilio Batallán.
Víctor F. Freixanes: “O periodista ten que saír do despachiño” (entrevista de Rosa Rguez. en GH 4 marzo)

Entrevista completa

Hoxe en día pódese aplicar a máxima de que non é xornalista o que busca as novas senón o que as selecciona?
En parte si. Pero tamén penso que o xornalista ten que saír do despachiño. Hai demasiados xornalistas de despacho, xente que fala de oí- das ou que se dedica a reproducir as novas de axencias sen que ninguén se pare a comprobar que o que di esa fonte é certo e as fontes tamén manipulan ou o intentan. Por outra banda tamén digo que nesta sociedade da información hai tal bombardeo de datos que se precisa un equipo de persoas cualificadas que ordenen as novas ó servizo da audiencia é o que lle dá sentido, hoxe máis que nunca ó xornalismo.

Precisamente agora que estamos en eleccións. Que papel xoga o xornalista?
Dun tempo a esta parte o xornalismo cae na anécdota e eu penso que deberiamos usar máis as hemerotecas para ver en que medida responden a realidade. Os políticos menten ou manipulan a realidade para levar a auga á súa sardiña. Por exemplo cando nun debate falan de cifras contradictorias como se falaren de realidades distintas, o xornalista ten que facer uso da hemeroteca e recordarlle ó cidadán o que o político dixo antes. Hai que facer máis seguimento das novas e menos anécdotas e efectos especiais.

en poleiro alleo

Manda truco na Habana, de Afonso Vázquez-Monxardín (GH 4 marzo)

María Xosé Jamardo (e a MNL hoxe), de Xosé M. Sarille (ECG 4 marzo)

Un lío de moita talla, de Afonso Monxardín (La Región 4 marzo)

Recoméndolles tamén que consulten en Brétemas a foto que pousa sobre o titular "Galicia Profunda"... país!!!
E, na foto, a ver se son quen de localizar a Rajoy... (enviada por Afonso).

As regras do xogo.
Pan por pan 4 marzo

Falou esoutro día en Vigo Carlos Taibo, autor de diversos estudos sobre política internacional e os movementos antiglobalización. Alertou sobre un modelo de crecemento económico salvaxe con serios riscos para as relacións sociais, cos traballadores sempre na pola máis feble, e para a propia supervivencia do planeta, pola súa incidencia no cambio climático. Dixo cando menos dúas cousas interesantes, coñecidas pero que non sobra lembrar. Unha, que seríamos demasiado inxenuos se pensamos que son os políticos os que dirixen de verdade as regras do xogo. E que as empresas multinacionais teñen, elas si, un gran poder, a miúdo invisible, porque manexan cifras de volumes de negocios que superan os PIBS de varios países xuntos. Escolleremos uns ou outros políticos, os que nos parezan mellores para certas cousas. Pero non soñemos que estes queiran ou poidan facer milagres.
Gañou Zapatero (o último debate)

Rajoy: repetitivo, machacón no mesmo de sempre, con moi escasa credibilidade, inoportuno en abordar temas que en nada lle favorecían (guerra de Iraq).
Obsesionado con dúas palabras, repetidas toda a noite: “orde” e “controlar”, apelando ó voto do medo e ó medo contra os inmigrantes.

Zapatero: máis solto e contundente que no primeiro debate. Lanzou un discurso en positivo e achegou moitas medidas concretas, de goberno, para o futuro.
Como é lóxico, refugou entrar nos temas que non lle interesaban ou favorecían, pero ó mesmo tempo desenmascarando a estratexia acusadora de Rajoy. Velaí o idioma: por se alguén o dubidaba, para Rajoy un dos grandes problemas de España é que haxa rótulos en catalán nos comercios de Cataluña.

Eu deille (preguntado por La Región) un 5 a Rajoy, en fondo e forma, e un 8 a Zapatero, que creo que lle deu a estocada final á campaña e gañou xa as eleccións (aínda que iso o dirán os cidadáns o 9 de marzo).
Na Cuatro, Instituto Opina acaba de dar primeira esculca respecto ás opinións do debate: para o 50,8 % gañou Zapatero; para o 29 %, Rajoy.

3 mar 2008

Video musical (Vía Tacho).

Esto é para que disfrutedes. É un grupo de hip-hop danés: formado por un marroquino, un pakistaní e un hondureño, dun arrabaldo de Copenhague, facendo unha versión da Aicha de Khaleb.



centenario da morte de Curros
(mensaxe 1650)

Curros e Vigo, por X.L. Méndez Ferrín (Faro V. 3 marzo)

De donos liberto, por Luís González Tosar (ECG 2 marzo)

Curros, vivo na memoria, por Salvador García-Bodaño (ECG 2 marzo)

A Rosalía

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu...
Os ósos son dela que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!




























dobre cumpreanos (3 marzo)

Dous anos de As Uvas na Solaina (en compaña de tantos amigos e amigas e algún que outro troll)

e 50 tacos do cronista, que é Piscis.
Aínda non me fago a idea... O neno que fun, cando vía alguén de 50 anos parecíalle xa todo un vello.
Pero o tempo pasa ...

O Pai Miño.
La Región 3 marzo
O pai Miño simboliza como poucos lugares da vella Auria a longa historia de cruzamento de pobos e culturas que define todos os pobos: o Miño dos xitanos que viñan de lonxe e a ponte dos suicidas que evocou o Tovar en páxinas emocionadas hoxe amarelas. Dende as pedras da Ponte Verlla soñou nostalxias do océano infindo o poeta Millán Picouto. Cantos escritores se sentiron seducidos polo engado das súas augas e as sombras da antiga ponte romana! Velaí o Euxenio Montes de verso vangardista ou o Otero Pedrayo poeta non declarado ou Carlos Velo nas súas memorias de infancia, no acubillo do erotismo das lavandeiras que el soñaba como grandes actrices do mellor Hollywood. O Manuel María consagroulle todo un libro cheo de autenticidade lírica: “O Miño, canle de luz e néboa” (1996).
O Pai Miño estivo sempre presente tamén na escrita de Francisco X. Fernández Naval. Na súa novela “O bosque das antas” case toma corpo como un personaxe máis. E o río estaba xa en “Primavera”, o primeiro poema de “A fonte abagañada”, co que gañou o premio de poesía Cidade de Ourense en 1980. E volvendo a bañarse nas mesmas augas, o “Chisco” gañou o mesmo premio na súa XXIII edición con “Miño”, un gran poemario: “Somnámbulo/ o río treme guiado polo tacto cego/ das súas mans,/ poderosa extensión/ de nervos circunflexos,/ de noticias levadas na pluma da laverca/ no sol das lavandeiras,/ de razóns que se ocultan/ no arnoiar de enigma./ Somnámbulo/ o río vaise só/ coma día entre os dedos”.

2 mar 2008













Traballo para os grafólogos (5)
ou como Rajoy lle copiou o seu eslogan a Méndez Ferrín


Tres novas entregas da colección de libros con dedicatorias. O de Ferrín ("A Marcos Valcárcel, historiador con corazón e cabeza") ten a súa gracia nestes días, non?
O de Neira Vilas asinoumo cando lle presentei ese libro na Feira do Libro do Carballiño do 95. O de Camilo Franco, que se presentara na sala de Caritel de Ourense, ten a súa ironía: andaba eu daquela en La Región coa serie "Ourense: universo literario", de case cen entregas.

Amigo Xoán da Coba, agardamos o seu veredicto como grafólogo.

Bienal da Caricatura 2008

O mércores vaise inaugurar en Ourense unha nova Bienal da Caricatura, da man intelixente da Casa da Xuventude e Benito Losada. O xornal Galicia Hoxe adianta xa o programa, no que estarán tamén os debuxantes deste medio.







Cen anos de historia cultural
1996: Filharmonía e Rock Bravú


(Imaxes: Carlos Alonso del Real; Olga Novo, autora dun estudo sobre a poesía erótica de Claudio Rodríguez Fer; Figuras da nación, de R. Villares)

Ós escenarios chegaban daquela, da man do Centro Dramático, A esmorga, de Sarabela, dirixida por Ánxeles Cuña; Hostia, de Cotarelo Valledor, dirixida por Manuel Lourenzo; e Como en Irlanda, sobre textos de Antón Villar Ponte e J.M. Synge, con Quico Cadaval como director. En activo estaban grupos como Áncora, Espello Cóncavo, Teatro do Noroeste ou Teatro de Ningures (Terra de lobos, sobre un conto de Ferrín). Vidal Bolaño levaba ás táboas O desengano do prioiro, de Otero Pedrayo.
No mundo das artes, o Centro Galego de Arte Contemporánea celebraba unha ampla homenaxe a Laxeiro. Outros artistas galegos que eran noticia, en mostras antolóxicas, eran Jenaro Perez Villamil, Isidoro Brocos, Tino Grandío, Antón Lamazares e Darío Basso. No CGAI podíanse contemplar as fotografías de tema galego do Arxiu Mas e na Fundación Granell a obra do artista surrealista Man Ray. Por Galicia pasaba tamén a obra de moitos artistas de referencia mundial como Max Ernst, Francis Picabia, Juan Muñoz, Ch. Boltanski, A. Tàpies, Julio González, Anglada Camarasa, Vito Acconci e Medardo Rosso.
A música rexistraba novidades como o debut en Santiago da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Helmuth Rilling e Maximino Zumalave, ou a estrea da banda Berrogüetto co disco Navicularia. O grupo de música antiga de Eduardo Paniagua gravaba unha edición íntegra das cantigas de Afonso X e Emilio Cao publicaba o disco Simbad en Galicia. E falábase moito dos grupos musicais nacidos arredor do fenómeno do Rock Bravú, que reivindicaba a lingua galega dende a música rock. O pai do invento era Xurxo Souto e a súa banda coruñesa Os Diplomáticos e na contorna andaban grupos como Skornaboys, Papaqueixos, Os Impresentables, Os Túzaros (Santiago), Pinto d´Herbón, Os Cempés, O Caimán do río Tea (Ponteareas), Xenreira, Os Rastreros, de Chantada, etc.
No outono nacía en Ourense o Festival Film desta cidade, impulsado polo concello, que rendía na súa primeira edición unha homenaxe ó cineasta de orixe ourensá Antonio Román. Rodábase en Galicia a película de La Cuadrilla, Matías, juez de línea, con algúns actores galegos como Manuel Manquiña, Quico Cadaval e Morris. Pola súa banda, o cineasta coruñés Héctor Carré estreaba Dame algo, subtitulada como “Comedia bastante burra”, cun xogo de comicidade, sátira e violencia que non convenceu.
Nacía o portal Vieiros, un feito revolucionario no mundo dixital de acenos galegos, e A Nosa Terra e a AS-PG iniciaban a súa ambiciosa Historia da Literatura Galega en fascículos. Na prensa subliñar o nacemento da revista Unión Libre. Cadernos de vida e culturas, da man de Claudio Rodríguez Fer e Carme Blanco, e ilustrada por Sara Lamas.
En setembro falecía o escritor e ensaísta Xosé Fernando Filgueira Valverde (nacido en 1906), un nome histórico do galeguismo que presidira por primeira vez o Consello da Cultura Galega. Un mes depois era elixido para substituílo nese posto o escritor e editor Carlos Casares. Outras despedidas do ano foron a do poeta Lois Pereiro (Monforte, 1958), falecido na Coruña e que deixaba publicados libros como Poemas 1981/1991 (1992); Poesía última de amor e enfermidade (1995), e “Poemas para unha Loia” (1996); e a de Armando Fernández Mazas, en Ourense, mestre republicano que dedicou os últimos anos da súa vida a recuperar a memoria do seu irmán, o artista Cándido (editando todas as súas obras literarias), e lembranzas do seu tempo como Ourense: Atenas de Galicia e Política y Pedagogía. . Uns meses antes, en novembro do 1995, morrera tamén o músico e compositor Enrique X.Macías (Vigo, 1958).
ANO 1997
Comezaremos a nosa esculca do ano 1997 cos traballos de ensaio e investigación. No campo da historiografía, por exemplo, é imprescindible citar estudos como Figuras da nación, de Ramón Villares, ou A idea da nación, de Ramón Máiz, os dous en Xerais. O primeiro arredor de personaxes como Manuel Colmeiro, Losada Diéguez, Vilar Ponte, Peña Novo ou López Ferreiro, mentres que Máiz afonda na idea da nación no galeguismo histórico e no papel da ideoloxía na mobilización nacionalista.
O Consello da Cultura Galega recuperaba os Documentos da Catedral de Ourense, da man de Emilio Duro Peña; e editaba o volume Patrimonio cultural galego na emigración, coordinado por María X. Rodríguez Galdo e Afonso Monxardín. Tamén o CCG publicaba as actas do encontro en homenaxe a Xoaquín Lorenzo Tecnoloxía tradicional: dimensión patrimonial e valoración antropolóxica, con estudos de diversos antropólogos e etnógrafos. Francisco Calo asinaba Xentes do mar. Traballos, tradicións e costumes (ANT) e a Deputación de Coruña sacaba o volume Os ilustrados galegos.
Na contorna da historia e da arte están os traballos sobre os galegos anarquistas na Arxentina, de Carlos Penelas; Escritos políticos, de Víctor Casas; Xacobe e Prisciliano, de Xosé Leyra Domínguez; Territorio e democracia, de Álvaro López Mira; A prensa de mulleres en Galicia (1841-1944), de Xosé V. Freire Lestón; a lembranza do 10 de Marzo. Unha data na historia, por J. Gómez Alén (Fundación 10 de marzo); Arte y sociedad en Compostela, 1660-1710, de Agustina Fernández Álvarez; La vida política municipal en La Coruña entre 1900-1931, de Luis A. Giadás; Eduardo Gasset y Artime. Biografía de un pontevedrés ilustre, de Eugenio Cobo, e a edición facsímile pola Xunta de La isla de Cuba, de Ramón de la Sagra. X. María Durán estudaba a pintura de Lodeiro e Antón Castro a Laxeiro. A invención dun mundo. Ediciós do Castro proseguía coas memorias de Santiago Álvarez (1962-1983) e recuperaba o epistolario de V. Paz-Andrade.

Faílde.
Pan por Pan domingo 2 marzo
Cun pouquiño de retraso, o Concello ourensán celebra o centenario de Antón Faílde (naceu en 1907) cunha exposición da súa obra, sobre todo debuxos e pequenas pezas, expostas no Auditorio. A calor do público na inauguración evidencia que ese gran primitivo da nosa pedra segue gozando do favor popular e non está esquecido: hai que alegrarse disto. E felicitar á concellería de cultura pola iniciativa e a Mani Moretón pola organización da mostra. Tamén polo fermoso catálogo que vén de editar o Concello: un prodixio visual consagrado ás formas do artista ourensán. O catálogo xustifícase pola magnificencia das esculturas retratadas, pero imos ser máis esixentes: boto en falta nese volume un certo apartado crítico. Só se reproduce unha entrevista xornalística e citas moi antigas sobre Faílde. Non hai hoxe escritores ou críticos que poidan darnos a súa visión do gran artista dende hoxe?

1 mar 2008

cousas da campaña

Nun xiro estratéxico, o PP revírase contra o BNG e Baltar proclama: o BNG non é galeguista (informa Vieiros).

Na enquisa de Sondaxe para LVG, gaña o PSOE por 3,5 puntos. O BNG sobre a súa porcentaxe (do O,8 ó 1,1).
O PSOE logra máis apoio dos novos votantes, aínda que un 4,3% do seu electorado vaise ó PP. O sondeo detecta un amplo trasvase de votos de esquerda en favor de Zapatero:
Así, os trasvases de voto procederían fundamentalmente de Esquerra Republicana de Cataluña (15%), BNG (14,3%) e en menor medida Izquierda Unida (13,2%). Todos estes apoios mobilizados pola consigna do voto útil compensarían a relativa debilidade do chan electoral do PSOE. Os populares só contarían co reseñable trasvase de votos procedente do electorado de Coalición Canaria (un 25%).

"Chequeos, mapas y retratos", de Juan José Millás (Interviú)
Violencia doméstica (vía Margarita)

Ver video.




Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2007

Presentouse hoxe en Auria, nun acto que contou co autor e coa presenza de Camiño Noia e Olegario Sotelo Blanco (editor).

Aproveitei para felicitar ó amigo Xosé Vázquez Pintor por este premio, polo premio da AELG e por outros recoñecementos: en Cuba presentouse unha escolma da súa poesía realizada por unha autora cubana.
Polo que se dixo na presentación da novela, creo que paga a pena lela. Velaí o texto (só o inicio) da lapela:
Cunha estrutura encabezada por poemas de Safo de Lesbos, a protagonista vai esmiuzando, nun xogo de intertextualidades, o que é a súa vida, marcada por un pasado de relacións imposibles de esquecer, dende a primeira infancia ata o momento presente. Vázquez Pintor, cunha linguaxe luminos e unha poeticidade de imaxes que esixen do lector unha participación activa, explora algunha das vetas máis escuras do ser humano, a soidade, os grandes traumas, a dor estado lacerante, para deixar constancia da catástrofe emocional que supón enfrontarse a vivencias límite.









Da antiga Compostela

Do libro que comentamos máis abaixo, tiro estas dúas fermosas imaxes. Á esquerda, o Calexón das Trompas co convento de Belvís ao fondo.


¡Calade, ouh ventos nouturnos;

calá, fonte da Serena,

que alá por cabo das Trompas

quero oír quén chega!

A outra imaxe é moito máis coñecida (á dereita),o Pórtico da Gloria da Catedral cara 1930 nunha foto de Ksado.

Santos e apóstoles, -¡védeos!- parece

que os labios moven, que falan quedo...


Compostela.
Pan por Pan sábado 1 marzo

Como sería a Compostela do século XIX, na que viviu a nai fundadora das nosas letras, Rosalía de Castro? Hai algúns estudos históricos que poden dar pistas ó respecto, pero a propia poeta deixounos unha xeira de poemas nos que a cidade compostelá está ben presente: “Na Catredal”, “Amigos vellos”, “Sin terra”, “San Lourenzo”, etc. Era o Santiago das igrexas e das campás, e das neniñas pedindo na porta da Catedral, e tamén a Compostela que vai río arriba cara Padrón. O Consorcio de Santiago e a editorial Alvarellos veñen de axuntar eses poemas, un total de once, nun volume titulado “Versos a Compostela”, introducido por Xesús Rábade Paredes, en edición bilingüe, cunha serie de fotos antigas, dos tempos da poeta. A Compostela da permanencia que xa anunciaba Rosalía: “I as pedras quedan..., e cando eu morra,/ ti, catredal,/ ti, parda mole, pesada e triste,/ cando eu non sea, ti serás”.
éche o que hai: López en Galicia Hoxe (1 marzo)