27 abr 2007


A TRISTE HISTORIA DA HISTÓRICA SIGLA
(Manuel Rivas, hoxe en El País: o artigo completo. Na imaxe, Antón Villar Ponte)
Algúns experimentos que se andan a facer, teñen que ver coas mutacións no tradicional electorado da dereita en Galicia. Son novos e vellos palangreiros que tratan de pescar nese caladoiro. Para metamorfose, a do Partido Galeguista. Eu xa non sei se é coleóptero ou lepidóptero. Da historia das siglas, esta é unha das máis tristes da historias. Unha coruñesa, María Teresa Alvajar, contábame hai pouco como a súa nai galeguista, Amparo Jean, trataba a Castelao de irmán en público, para escándalo dos túzaros. Así era, o partido dos irmáns. Esas siglas atesouraron, en tempos decisivos, a honra ilustrada de Galicia. Foron un referente político, mais tamén moral. E na Coruña, o Partido Galeguista tivo máis importancia e presenza da que se adoita falar. A Agrupación de Mulleres era a máis importante. E figuras como a do xornalista Antón Villar Ponte déronlle unha clara identidade de esquerdas. Agora, pobres siglas, son usadas como nun teatro de monicreques. Nin a propaganda é feita en galego. Nin se defende o topónimo coruñés. Unha mofa e unha befa. Iso si, o candidato convida a voar en avioneta por riba da cidade, nun acto de perigosa seducción electoral. A campaña friqui. E Carlos Marcos, que así se chama, vén de decir que pode pactar con calquera, agás co Bloque Nacionalista Galego. Por que? Porque son "inimigos da Coruña". Eu non teño que ver co BNG, e mellor para o BNG e para min, mais penso que esta linguaxe non debería figurar no vocabulario democrático e ten moi pouco que ver co verdadeiro carácter coruñés, de estilo e tradición republicana. É unha linguaxe bélica que nos leva ás teorías do Carl Schmitt. Inimigos? Xa pasou o tempo dos inimigos, ho.

26 abr 2007

Igrexa e franquismo
Chegáronme hoxe (grazas á editora 3C3) estes dous tomazos sobre a Igrexa e o franquismo, que onte se presentaban en Compostela. Sabemos da seriedade do seu autor, Xosé Chao Rego (foi o meu primeiro xefe de seminario de galego nun Instituto de Compostela, aínda que só por mes e medio: eu ía de sustituto daquela), unha das máximas autoridades neste campo de estudo e investigación, e esperamos aprender moito das súas páxinas: comentarémolo aquí en canto lle metamos o dente.
Os nabis e os escultores españoles das vangardas

Este solto vai dirixido sobre todo ós lectores/as non ourensáns (e tamén os ourensáns se aínda non as viron) : porque vou recomendarlles dúas magníficas exposicións que temos en Ourense estes días e que quizais ata se animen a facernos unha visita na ponte para vir velas.

A primeira delas inaugurouse antonte e leva como título LOS NABIS. PROFETAS DE LA MODERNIDAD: está no local de Caixanova, en plena Praza Maior, e creo que xa estivo antes en Ourense. Ten pezas de Paul Gauguin (na foto, "A filla do patrón"), Emile Bernard, Edouard Vuillard, Paul Sérusier e Georges Lacombe, entre outros, procedentes todas de museos franceses.

E no Centro Simeón segue EL VOLUMEN APROPIADO, unha colectiva de escultores españoles do tempo das vangardas: Pablo Gargallo (na foto un seu debuxo: "Retrato dunha moza na praia", 1933); Pablo Serrano; Honorio García Condoy e Ramón Acín, este último militante republicano fusilado no inicio da guerra (deseñou un monumento a Galán e García Hernández en Jaca que non se chegou a facer, na mostra están os bocetos). Esta é unha mostra patrocinada por Ibercaja que tampouco ten desperdicio.
Nos dous casos editáronse dous catálogos excepcionais que tamén paga a pena gardar.
Os nabis.
Pan por Pan 2 maio
Dende hai uns días pódese ver, nos locais da Praza Maior da Fundación Caixa Galicia, unha exposicións imprescindible: Os Nabis. Profetas da Modernidade. Con ese nome se designa a un grupo de artistas franceses, que seguiu a pegada de Paul Gauguin nos doce últimos anos do século XIX: Paul Sérusier, Paul Ranson, Pierre Bonnard, Felix Vallotón, Xavier Roussel, Georges Lacombe e Edouard Vuillard. As súas pezas, como esas mulleres bretoas xogando coas augas bailantes de vizosa decoración modernista, falan dun mundo cheo de espiritualidade, crítico cos xeitos mecanicistas e materialistas da nova civilización urbana e industrial. Do tempo dos poetas simbolistas, os nabis reivindican o misterio e os soños, as lendas e as alegorías, a color como expresión dos estados da alma: a arte como nova relixión, unha arela que segue sendo válida para os artistas de hoxe.









TELEXENIA
(Pan por Pan 26 abril. Imaxe de Bud Fisher)

Chegou a hora da telexenia. Dos programadores de imaxe. ¿Firmeza ou naturalidade? ¿Modernidade ou determinación? ¿Frescura ou seguridade? Non se preocupen: todo está previsto, todo pensado. Para iso están os asesores de imaxe: non haberá candidatos do PP con polo, porque iso seica é demasiado informal. Os socialistas van amosarse relaxados, sorrindo e mirando de lado a cámara. A liberdade individual non conta: e el non será todo isto outra mostra de homes e mulleres obxecto? Porque, nos tempos da corrección política, os candidatos están máis predeseñados que as misses das pasarelas.
Por certo, sorprende esa foto de Francisco Rodríguez nalgúns carteis (candidato socialista en Ourense), cos brazos e as mans abertas á vista: coa mesma iconografía dun Cristo na Santa Cea ou dicindo aquilo de “que os nenos veñan canda min”. Pero supoño que quere dicir “deixade que os votos veñan canda min”.
Zeca Afonso: moi ben pola TVG

Na noitiña do mércores fomos todos á cama entoando para nós o Venham máis cinco e Verdes son os campos...: velaí o milagre da televisión. Moi ben pola TVG, pola gravación da gala de homenaxe ó Zeca Afonso, Sempre 25 abril, en Pontevedra. Non é doado axuntar tal cantidade de grandes figuras da música galega e portuguesa, ata 22 cantores e grupos: só contemplar nun mesmo espectáculo a Uxía Senlle e Dulce Pontes xa é un agasallo irrepetible.
Para os que rondamos os 50, o espectáculo, mesmo visto por televisión, foi tamén un doce remoer da memoria. Ensarillados na nosa saudade, vimos pasar diante nosa os ecos dunha parte notable da nosa mocidade: Xosé Afonso, Miro Casabella, Sergio Godinho, Fausto (este só nunha entrevista), etc. E descubrimos outros grandes artistas da música portuguesa máis recente que seguen o ronsel de tan egrexios mestres. Houbo tempo, por suposto, para a apelación ó combate: ese Franco asasino na voz de Antón Reixa e os vivas ó Poder Popular.
Zeca Afonso segue vivo na súa música para nós, sen dúbida. Pero que pensarán os mozos de hoxe, que non viviron aquelas vedrañas emocións, aquel alento ergueito que estaba na raíz das súas cantigas?

25 abr 2007


CASA DE CITAS
O alento étnico
"... O canteiro ó decorar unha parede aldeá, ou o labrego ó deseñar coa súa navalla un mundo ornamental na madeira dun xugo de bois, non obedecen a capricho individual. responden ó impulso étnico que non saberían nunca explicar"
RAMÓN OTERO PEDRAYO
(Imaxe: Espiral, de Menchu Lamas, obra presente na exposición de homenaxe a Méndez Ferrín)

O EQUILIBRIO ELECTORAL EN FRANCIA

Andoliña 25 abril

Europeos coma nós, os franceses non son moi diferentes de nós mesmos: seguen as mesmas series televisivas, aman o seu cine (máis que en España), andan a loitar contra o tabaco e gustan tamén das humoradas do guiñol. Teñen máis fillos que os españois, iso si, e máis inmigración e uns valores laicos asentados, aquí máis minoritarios. En cambio, o seu sistema de partidos actual ten diferencias notables co dos seus veciños do sur. Velaí a ausencia electoral de partidos nacionalistas ou a forza relativa, na primeira volta, da estrema esquerda, moi dividida pero que supón case un 10 por cento dos votos (máis de tres millóns de votos). Teñen tamén unha estrema dereita racista e xenófoba, autónoma na súa organización, con Le Pen e mesmo Philippe de Villiers, cun 13 por cento electoral, con catro millóns e medio de votos.
Polo demáis, o peso electoral de esquerda e dereita semella equilibrado en dous bloques arredor do 30 por cento (con ventaxa do conservador Sarkozy sobre a socialista Ségolène) e un amplo colchón de voto centrista, perto do 20 por cento (desaparecido en España dende a disolución da UCD). Serán os electores do centrista F.Bayrou os que decidan ó final: solución que algúns mesmo envexan dende España.

24 abr 2007

Do voto emigrante e dun país que desaparece...

En casa allea, encontramos hoxe dúas entregas que merecen ser aquí recollidas e supoño que comentadas. Por exemplo, o que opina en Galicia Hoxe Afonso Monxardín sobre O disputado voto do señor emigrante:

Os emigrantes debían ser os primeiros en se manifestaren contra o seu dereito a voto nas eleccións españolas. Porque cun dereito vén un deber. E non podemos obrigalos a ser partícipes das nosas liortas, nin a ser sabedores, polo miúdo, do que acontece nestas terras. E aínda é peor a división artificial que se produce alá. Galicia -e España- débense ocupar dos seus emigrantes en América por pura xustiza, non por un puñado de votos. Eles sacáronnos a fame, por activa, ao enviárennos cartos nos anos da posguerra, e por pasiva, ao restaren bocas dunha España famenta. Agora tócanos a nós. Así, a emigración -e a inmigración-, deben ser cuestións de Estado, afastadas no posible do debate político.

E esta reflexión de Xosé M. Sarille sobre a caída demográfica e a escasa atracción de poboación inmigrante por parte do noso país: Galicia é un barco sen luces, xogando o autor coa metáfora pimenteliana:
Segundo o organismo estatístico da UE, Galiza perderá trescentos mil habitantes nos próximos vinte anos. Ficará con dous millóns catrocentos mil, dos cales a terceira parte serán vellos con máis de sesenta e cinco anos. Esta noticia, recollida por EL CORREO GALLEGO e Galicia Hoxe, é extraordinariamente importante porque a poboación é unha riqueza básica, sen a cal non se pode construír ningún país que queira chamarse país, e xa non digo nación.
Galiza non ten capacidade para atraer inmigrantes, un factor fundamental para o desenvolvemento e a saúde social, e ademais perde peso demográfico no conxunto do Estado español. Talvez para esa data sexamos máis ricos que hoxe, por estarmos aínda máis subvencionados, pero teremos menos que dicir socialmente. Politicamente seremos un país residual e apenas teremos futuro.

DÍA DO LIBRO. PAN POR PAN martes 24 abril
(A imaxe é do debuxante de BD italiano Giardino. En comentarios adxuntarei o listado de textos lidos e de alumnos/as participantes)

Celebramos onte no Instituto da Carballeira o Día do Libro. En mancomún varios departamentos organizamos un recital poético no que un amplo grupo de mozos e mozas recitaron máis de 60 poemas en diversos idiomas: en galego e en castelán, tamén en inglés, en francés, en latín e en grego. Un power point de retratos de escritores e imaxes de artistas foi o único decorado necesario para os versos de Lorca e de Alberti, de Pedro Salinas e de Miguel Hernández, de Paul Éluard e de Shakespeare, de Emily Dickinson e de Neruda, de Celso Emilio e de Antón Tovar, de Ferrín e de Manuel Luís Acuña, de Olga Novo e de María do Cebreiro, de Catulo e de Ovidio, entre outros. Foi un acto sinxelo, si, pero conseguimos que durante case dúas horas un cento de rapaces escoitasen poesía en silencio, ese xénero que algúns queren dar por morto. Pero a poesía aínda pode facer moitos milagres neste mundo.

23 abr 2007

PERIGO DE HIPERSATURACIÓN
La Región 23 abril
(Imaxe de "Salammbó", do debuxante de BD francés Philippe Druillet.

A campaña interminable. Levamos xa moitos meses de campaña electoral interminable, porque isto non é precampaña, é campaña pura e dura: cada día temos visitas de ministros, conselleiros, altos cargos políticos, con maletas cargadas de promesas. Xa temos no mercado, só na cidade de Ourense, unha cidade termal, catro mil vivendas protexidas (se sumamos as ofrecidas por partidos diferentes), un Palacio de Congresos, por suposto o AVE, non sei cantas residencias para maiores e unha autopista sen peaxe ata Dozón. (Ademais, do Banco de España para usos culturais, que non nos esquecemos do tema). Todo iso está moi ben: se logo se mantén despois do mes de maio.
As axendas dos candidatos botan fume e van precisar de moita xelea real e horas de ximnasio para resistir incólumes ata dentro dun mes. Pero ás veces me pregunto se os estrategos dos grandes partidos (existe tal cousa?) non terán pensado na posibilidade do efecto contrario: non pode ser que tal hipersaturación da campaña produza aburrimento e mesmo desengano entre as xentes e mesmo moitas se absteñan de ir logo votar. Entendo que o reto de mobilización do voto afecta sobre todo á esquerda, porque o electorado de dereita é máis disciplinado e obediente e non faltará á cita. Pero na esquerda é preciso algo máis: algo que leve mesmo ó elector desencantado a molestarse en acudir ó colexio electoral. Ese algo pode ser a sensación de sentirse estafado como sucedeu no 14-M ou a protesta contra a guerra de Iraq ou o desgoberno no Prestige. Agora ofrécese xestión, promesas electorais a esgalla, o eterno sorriso do candidato: chegará con iso?

22 abr 2007




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1963

Primeiro Día das Letras Galegas
Nace a revista Grial
Nacen Castrelos e Ed. Do Castro
Historia da Literatura Galega Contemporánea (Carballo Calero)
O segredo do humor (Celestino Fernández de la Vega)
Poemarios de Pura Vázquez, María Mariño, Díaz Jácome, Guerra da Cal, Anxel Sevillano, Delgado Gurriarán, Emilio Pita, etc.
Raíz e Tempo, radio en galego, por Xoana Torres.
Nace a AC. O Facho.
Cen Anos de Literatura Galega, exposición en Lugo, da man de Alonso Montero.
Vicente Risco na cultura galega, de Ramón Lugrís

Ánxel Fole e A. Cunqueiro na RAG
Nace o Partido Socialista Galego (PSG) cunha forte presenza de intelectuais galegos.
Moren Vicente Risco, Gonzalo López Aberte, Antón Valcárcel, Manuel Gómez Román, Vidales Tomé, Xosé Rubinos, María Dolores Díaz Baliño, etc. E nacen ...

Cafés e salarios.
Pan por Pan 22 abril (Imaxe: Carta amorosa, de F. Clouet, s.XVI)

A min non me parece relevante que Zapatero ou Rajoy saiban o que vale un café nunha cafetería da rúa: é obvio que poucos cafés pagarán eles e de seguro teñen cousas máis importantes nas que pensar. Hai grandes problemas no país ós que deben atender con prioridade e xa terán asesores e xestores para estas miudezas que, ó cabo, son determinadas polo mercado. Tampouco me preocupa saber o qué gaña cada político, sempre que o faga ben no seu posto: pero quizais Rajoy foi un pouco covarde ó eludir o tema e declarar que “miro mi cuenta a final de mes porque lo necesito, y muchísimo”. Outro pobre de solemnidade como Esperanza Aguirre. Pero isto non é certo e pode ser un insulto ós millóns e millóns de persoas que non vemos nin en soños os nove mil ou doce mil euros ó mes que din que gaña Rajoy. Non somos ricos, xa o sabemos, pero tampouco parvos.


Galicia Hoxe, as portadas máis ousadas
Sen ningunha dúbida, o xornal Galicia Hoxe merece o título de medio galego máis ousado nas súas portadas, a xuzgar polo ofrecido nos últimos meses. Vexan esta imaxe de Kate Moss que se publicaba, en gran formato, o pasado 18 de abril. No interior ofrecíanse outras imaxes máis, entre elas un excepcional retrato que lle fixera Chuck Close no 2003.
E pechemos aquí o pé de foto antes de ser alcuñados de machistas intolerantes.

Os parabéns da semana
(Imaxe de Peter Zokosy)
A Agustín Fernández Paz, por eses 65.000 exemplares de Cartas de inverno (nova comentada en Brétemas).
Ás forzas de seguridade por explicitar o seu compromiso coa lingua galega na xuntanza do pasado venres: En galego, con toda seguridade, campaña promovida pola Asociacións de Funcionarios de Normalización Lingüística.
A Méndez Ferrín e a Manuel Rivas, por reivindicar a memoria de Casares Quiroga e reclamar que se anule a impudicia do nome falanxista dun hospital coruñés (nova comentada en Arumes). A Manuel Rivas, ademais, por conseguir o merecido premio dos Libreiros de Madrid do ano 2006 pola súa novela Os libros arden mal.
Ó concello da Coruña que inaugurará nesa cidade, o próximo día 27, un Parque co nome do escritor Carlos Casares.
Ó poeta Darío Xohán Cabana, por ofrecernos un poemario tan auténtico, tan no seu estilo, como Cabalgada na brétema (Galaxia).
A Francisco Xosé Fernández Naval, gañador, segundo conta a prensa hoxe, do Premio Cidade de Ourense de Poesía, co seu poemario Miño.
E a Xavier Puente Docampo , grazas cinéfilas (xa sabe el por qué).
Poden engadir vostedes, se o desexan e lles parece pertinente, máis parabéns.

21 abr 2007

Escribía Ramón Piñeiro
(Fragmento dun artigo de prensa. O artigo enteiro vai colocado como primeiro comentario)
Asistimos ó nacemento da revista “Grial”, emulando o modelo da “Cruz y Raya” de Bergamín, e comprobamos a plena consciencia que tiña o grupo Galaxia do significado no seu tempo da tradución ó galego de Heidegger: “para aniquilar dunha vez a tese insidiosa de Dámaso e outros segundo a cal o galego só sirve para facer poesías ou para lles falar ós labregos, pero é inepto para facer ciencia ou filosofía”. Mesmo Piñeiro rexeita con acerto, xa en 1954, unha crítica que anos despois lle sería dirixida, o seu suposto “culturalismo”: “o meu orgullo galeguista cifrábase en ter incorporado á lingoa galega dous nomes de primeirísima calidade: Ánxel Fole e Luís Pimentel. Eu penso que a incorporación dun bo poeta ou dun bo prosista é máis importante para o porvir histórico de Galicia que a posible incorporación dun ministro ao Goberno de Madrid. Na etapa actual da vida galega pódese dicir que os verdadeiros ministros de Galicia son mesmamente os seus poetas e mailos seus escritores e artistas”.
Arredor do blog

Estes días tiven múltiples problemas informáticos, dos que vostedes non se enteraron, pero por iso escribín menos (colgando textos dende o Instituto). Unha treboada averiounos ascensor, tv e conexión a Internet: telefónica foi rápida e cambiei a conexión un día despois, pero logo empezou a fallar o portátil. Bloqueábase case ó empezar. Revisado por amigos (Antonio, da Casa da Xuventude) quizais o motivo sexa que o aparello se quenta con facilidade: o técnico de Inforcom (Manuel Expósito) onde fun hoxe limpou a fondo o ventilador, a ver se agora vai ben...
E a noitiña do sábado tiven unha longa entrevista coa xornalista Belén Regueira e co amigo Manuel Bragado (Belén tamén estivo en Ourense, cun fotógrafo, e charlamos moi de vagar). A Belén sorpréndelle sobre todo que dous "carrozas", arredor case dos 50, sexamos tan fieis no asunto este (moitos outros pinchan) e ademais teñamos un coro de seguidores tan entusiastas: no diálogo intentamos explicar as causas diso e niso teñen vostedes moito que ver. (Pola nosa-miña banda, o principal mérito quizais sexa a constancia e dispor dunha vida abondo organizada e rutinaria -agás cando fallan os aparellos-: hai uns meses falaba eu disto con Antón Costa, que me coñece de vello, e dicía el: "ti, si; ti, sendo como es, poderás manter un blog no tempo...").
A entrevista vai destinada a unha reportaxe sobre o mundo dos blogs que seica estará na páxina do Consello da Cultura Galega, no Culturgal e na rede en xeral. Falamos con toda a vivacidade e liberdade co trebello ese do Messenger que nunca usará, pero confeso que é divertido. Agora sei por que entrampan os rapaces co tema. Falamos de moitas cousas das que temos falado aquí (xa lles avisarei cando se publiquen os resultados da charla) e mesmo dei tres ou catro enderezos de contertulios que máis trato, porque creo que tamén lles queren preguntar algo ó respecto (así que, se os chaman, non se asusten, será por isto). Máis nada, seguiremos fedellando...





CARLOS GIMÉNEZ E A MEMORIA
Carlos Giménez é un dos nomes máis relevantes do que en tempos se chamaban tebeos e a modernidade deu en chamar comic ou banda deseñada. Os lectores da miña quinta lembrarán as súas series en medios como “El Papus”, “Totem” ou “Muchas Gracias”. Neles e tamén en albumes independentes popularizou historias como “Paracuellos”, que relata, nun clima lóbrego e gris, a infancia de moitos nenos da posguerra española no “Auxilio Social” franquista. Moi logo soubemos que o propio Giménez pasou boa parte da súa infancia nun orfanato franquista. Nos anos 70 devoramos as historias de Giménez, singularmente aquelas tan tinguidas de sátira e denuncia, que levaban os títulos de “España una”, “España Grande” e “España Libre”.
Leo agora unhas súas declaracións nas que afirma que foi un adiantado en reivindicar a memoria histórica. E dende logo non lle falta razón. Poucos retratos tan duros da España franquista e miserenta trala guerra civil como as historias deste gran debuxante e guionista. Agora que os lexisladores discuten como restaurar a dignidade das víctimas da ditadura, recoñezamos que ese labor xa se fixo, con toda humildade pero tamén co rigor necesario, dende aqueles tebeos memorables.

20 abr 2007


Lembranza de Bonifacio Borreiros

Andoliña 20 abril

Chégame o volume Bonifacio Borreiros na memoria de Galicia, no que ademais teño a honra de colaborar. Editado polo Concello de Ferrol e Biblos e coordinado por Pedro X. Blanco Llano, o libro é a homenaxe dos amigos a este home, falecido hai só uns meses con 51 anos e sempre comprometido co galeguismo e o socialismo. Militou no Partido Socialista Galego nos 70, cando era estudante de Medicina, e logo no PSdeG-PSOE. Era un home moi querido no Ferrol, onde foi concelleiro de cultura, e desempeñou a Dirección Xeral de Cultura no goberno Laxe. Como profesor traballou tamén en Ourense, no Instituto da Carballeira, onde compartimos arelas e soños no labor cotián.
Este libro de homenaxe é unha auténtica regalía: nesta evocación colaboran máis de oitenta autores, entre eles Xosé R. Barreiro, Ramón Villares, Justo Beramendi, Damián Villalaín, F. X. Fernández Naval, Salvador García Bodaño, Isaac Díaz Pardo, González Laxe, Ánxela Bugallo, Caetano Díaz e Emilio Pérez Touriño. Ademais o libro pode lerse como unha ampla escolma de grandes poetas, presentes aquí cos seus versos: Celso Emilio, Lorca, Goytisolo, Neruda, Juan Ramón Jiménez, Ferrín, Benedetti, Octavio Paz. Os poetas da nosa xeración.

19 abr 2007






Que facer co actual Bacharelato?
Andoliña 19 abril

(Na imaxe, Carreño Miranda, "A monstra espida", peza que estivo exposta hai uns meses en Compostela)

Coñezo a obra de Mercedes Cabrera como historiadora e nesa perspectiva respéctoa e admíroa: sei da súa valía intelectual. Pero con iso no casan as novas que chegan sobre a proposta de reforma do Bacharelato, que tería lugar dende o curso 2009-2010. Non discuto as súas posibles boas intencións, pero sospeito o drama das súas consecuencias: facer ese chamado curso ponte entre 1º e 2º de Bacharelato e permitir pasar de primeiro con case a metade de materias suspensas é un autén-tico disparate. E a sociedade (os profesores, os primeiros) vaino ler como máis deterioración do ensino e aparcamento dos alumnos/as á marxe dos niveis de aprendizaxe.
Dise que esa proposta de reforma vén motivada porque case un trinta por cento de mozos abandona a escola tralo ensino obrigatorio. Pero hai que buscar outras solucións. Eu creo que 2º de Bacharelato, coa presión da selectividade, é un curso hipersaturado de materias e coñecementos. A única alternativa lóxica sería ir a un Bacharelato de tres cursos, ben necesario, e repartir así con xeito contidos e materias troncais e optativas. Pero nunca a conta de rebaixar aínda máis a calidade do ensino: sería irresponsable e suicida para esta sociedade.l

18 abr 2007

As mulleres na cultura galega
Andoliña 18 abril

Con este título comezou a semana pasada un ciclo da Sección de Literatura do Liceo ourensán que pretende, como é obvio, subliñar a presenza feminina na nosa cultura, tantas veces ocultada ou invisible, como se di agora. Abriu o lume Encarna Otero falando da tan singular Sofía Casanova, personaxe extraordinario por todo o que sabemos dela (hai traballos na rede de Lois Leira e da mesma Encarna), pero tamén polo moito que albiscamos que queda por coñecer: habería que estudar a fondo todos os seus libros e os papeis que se gardan en Madrid. E menos sabemos aínda de Felicia Auber, xornalista do século XIX que Rosa Aneiros rescatou dos arquivos: colaborou acotío na prensa cubana e en Galicia. Revista universal deste reino. Tiña a necesaria ousadía intelectual, mesmo discutindo a obra dos filósofos clásicos, para deixar unha forte pegada na nosa historia cultural.Grazas a estas autoras e a especialistas como Carmen Blanco, Dolores Vilavedra, Carme Vidal e Aurora Marco, entre moitas outras, comezamos a desvelar a verdadeira achega feminina destas mulleres esquecidas: velaí o magnífico Álbum de Mulleres da web do Consello da Cultura Galega. Neste campo, sospeito, seguirá habendo sorpresas.l