2 oct 2007

1 oct 2007

.jpg)
.jpg)
Marcos Valcárcel
Algúns profesores de literatura pensan que os seus alumnos esquecerán moi cedo todo o que aprenden nas clases. Pero non sempre é así. Se se dedican á política, por exemplo, sonlle imprescindibles todos os recursos da retórica literaria que os mozos estudan facendo comentarios de texto. Por exemplo, o emprego de imaxes e metáforas é preceptivo en campaña electoral: non chega con dicir que o político adversario mente, hai que engadir que lle medra o nariz como a Pinocho e xa está o titular asegurado. Ou un Barbarroja ou o que faga falta. A hipérbole é tamén moi útil e pode aparecer combinada mesmo con propiedades adiviñatorias: así o facía Fraga cando aseguraba nalgún mitin que, se hoxe vivise Castelao, votaría sen dúbida polo Partido Popular. Supoñemos que don Manuel, novo Orfeo, baixaba a cotío ata o Hades para falar de política co rianxeiro: levaría el tamén unha queimada para convidar ó Cancerbeiro?
Matrimonios. Esta semana vimos varios exemplos dignos de subliñar sobre a capacidade retórica dos nosos políticos. O máis notable foi o do propio alcalde, Francisco Rodríguez, cando afirmou no seu balance dos cen días de goberno que o bipartito “é un matrimonio político xove e ás veces hai problemas de adaptación nos primeiros días. Podemos discutir por inxenuidades ou por cousas menores e iso non significa que ese matrimonio non durma na mesma cama e teña unha relación correcta”. A imaxe é moi expresiva, pero deixa moitas dúbidas no aire: por exemplo, nunha “relación correcta” entra tamén cumprir co débito conxugal? Fóra ironías, o bo deste tipo de imaxes é que, ademais de asegurar un titular, son entendidas por todo o mundo: case todos saben o que é o matrimonio e as disputas menores que son superadas. O perigo é que tamén son recursos literarios moi doados de combater: o portavoz popular saíu de inmediato dicindo que “PSOE e BNG forman un matrimonio de conveniencia e deron un braguetazo con Ourense”. Habería que engadir que hai moitos matrimonios de conveniencia que funcionan ben moito tempo porque, xa se sabe, o amor paixón é curto e ten hora final de remate. Ademais, en política, mellor paixóns as mínimas.
Karaoke. Enrique Nóvoa tamén estivo espelido na súa roda de prensa sobre os cen días. Utilizou un símil que tamén coñece calquera cidadán do común: “os éxitos do goberno bipartito son como os do karaoke, eles poñen a voz, pero a letra escribírona os gobernos do PP”. A comparación é efectiva e, ademais, como nos karaokes faise moito o pallaso e desaparece a fronteira correctora do pudor, crea unha situación ridiculizadora e humillante. Puido ser máis contundente acudindo ó refraneiro castelán arredor do matrimonio onde existen expresións como “Al marido, amarle como amigo, y tenerle como enemigo”, “Dos que duermen en el mismo colchón son de la misma condición” ou “Para torear y para casarse hay que arrimarse”. Todos eles poderían dar xugo.
30 sept 2007


Foi o ano 1979 tempo de despedidas, porque nesas datas marcharon tres das grandes voces das nosas letras contemporáneas: falo do poeta Luís Seoane (nacido en Buenos Aires en 1910 e falecido na Coruña), do novelista Eduardo Blanco Amor (nacido en Ourense en 1897 e falecido en Vigo) e do poeta Celso Emilio Ferreiro (nacido en Celanova en 1912 e falecido en Vigo). Para min cando menos iso significou a apertura dun tempo novo: íanse nomes que marcaban toda a literatura de posguerra, en Galicia e en América, e que mesmo proviñan de xeracións anteriores á guerra civil. Tras a morte nos anos anteriores de Otero Pedrayo, Sebastián Martínez-Risco, Ferro Couselo e Lorenzo Varela, era evidente que se pechaba un tempo e era de agardar que nacese outro, con novas voces e esperanzas renovadas.
Con todo houbo grandes libros nese ano. Entre eles, a última entrega narrativa en galego de Cunqueiro, Os outros feirantes (Galaxia) e unha peza deliciosa de Carlos Casares, Os escuros soños de Clío, onde o ourensán forzaba os territorios da fantasía e da imaxinación, no ronsel de Borges e Cunqueiro. Valentín Paz Andrade ofrecíanos un dos seus mellores poemarios, Cen chaves de sombra; Celso Emilio Ferreiro, a súa derradeira obra, O libro dos homenaxes, e Antonio Alonso Ríos, un dos nomes do exilio galego, deitaba en clave literaria a súa propia experiencia como fuxido na guerra civil na novela O siñor Afranio. Ou como me rispei das gadoupas da morte. Alexandre Cribeiro, vinculado ás Festas Minervais e ó Brais Pinto, publicaba o seu poemario Indo pra máis perto, que incluía os versos de Doente na espranza premiados no Centro Galego de Buenos Aires. E xurdían voces novas comoVíctor Freixanes que gañaba o premio Modesto R. Figueiredo, do Patronato Pedrón de Ouro dese ano co relato A caza das cascudas. Publicábanse xa relatos premiados antes no mesmo certame como Número de patente... de Xan Guisán Seixas; A figueira, de Xosé M. Martínez Oca ou Querido Brais de Ánxel A. Rey Ballesteros. Galaxia publicaba ademais os Contos pra nenos premiados por O Facho e saían á luz tamén poetas como Vítor Vaqueiro, con Lideiras antre a paisaxe, e Claudio Rodríguez Fer, con Poemas de amor sen morte, autores todos eles nacidos na década dos 50. Tamén son desta hora os volumes poéticos Facer Pulgarcitos Tres, de Alberto Avendaño; Galletas Kokoschka Non, de Manuel M. Romón e As ladillas do travesti, de Antón Reixa, en edicións de Rompente o grupo poético que os agrupaba a todos eles. A preocupación pola lingua e a historia de Galicia seguía presente e a iso responden traballos como Galego cero, de Xosé Mª Álvarez Cáccamo; a segunda edición do Vocabulario castellano-gallego de Francisco Fernández del Riego; as Papeletas para un diccionario galego, do Padre Sobreira; Murguía. O Patriarca, de Antón Fraguas; a edición en francés de La Galice, de Abel Bouhier, e a primeira Historia de Galicia, editada polo Frente Cultural da AN-PG, con textos de Barreiro Fernández, Anselmo López Carreira, Francisco Carballo e Felipe Senén: como é sabido o volume foi secuestrado por unha alusión ó "asasinato pola policía española" do dirixente da UPG Xosé R. Reboiras. Tamén en 1979 apareceu o primeiro estudo monográfico sobre O teatro galego, de Manuel Lourenzo e Francisco Pillado; o precioso volume colectivo sobre o pìntor Maside; Libros e autores galegos: dos trobadores a Valle Inclán (F. Barrié de la Maza), de Ricardo Carballo Calero, e o discurso de ingreso de Xenaro Mariñas del Valle na Real Academia Galega, Importancia do público na revelación teatral. O Día das Letras Galegas, dedicado a Manuel Antonio, permitiu a saída de traballos sobre o rianxeiro de Xosé Ramón Pena e do grupo Rompente, entre outros.

29 sept 2007

Andoliña sábado 29 setembro.
Pode parecer escandaloso un recoñecemento tan obvio, pero o certo é que hai moitos outros que cultivan o xénero de escribir sen escribir: hoxe en día, quen non ten un "negro", é un ninguén. A min aínda me parece moito máis humillante o "pelotilleo" que demostra con Ana Botella: "Estás muy guapa. Como don Alberto salte a la política nacional, vas para alcaldesa". Neste momento por instinto lembro o papel clásico dos antigos bufóns. Por certo, Ana Botella, aínda co sorriso na boca e diante dun amigo, pois así se presenta Dragó, mantén un rictus de frialdade e distanciamento que, de verdade, mete medo.
12. Pobres, estraños e chegados.

Miña avoa en paz estea, Vicenta Saavedra, morreu cando a Franco lle quedaba pouco; ela, de noventa anos lía sen lentes e camiñaba seguramente máis ca min. Logo de botar décadas na cidade, ao final era a mesma cervantega (“Que teis, nenín?”) con cara sucada, pano na cabeza e loito perpetuo. Imaxe corrente, paisana e velliña, que axiña empezou a rarear. Pero volve.
Non eramos destino inmigratorio, aínda que vir, algún viña de fóra. A palabra maragato, estraña eufonía, distinguía certos veciños normalmente comerciantes; concidadáns ao cabo, facíase algo raro que os nosos maiores chamasen igual ao foráneo que xurdía, con mula e barullo de rozamento fráxil, pregoando “Botijo finoo!”. Como for, xa que o maragato de liñaxe e residente non adoitaba facer uso do galego, podía dalgún modo ser relacionado con xente coma Julián ou Fusalba.
O señor Julián tiña camión e aquí casara. En San Roque era un veciño coma outro, por certo apreciado en virtude do carácter aberto e garimoso cos rapaces; diferenciábao porén o falar sempre castelán nada vacilante, con tempos verbais compostos e fonética expansiva, es e os nin abertos nin pechados que posiblemente o habilitarían para actuar como locutor de radio, pois era factor de marca negativa o “acento gallego” coma outros noutros lados: Vázquez Montalbán escribira unha vez sobre os radiofonistas cataláns que no franquismo, a forza de hipercorrección, acadaban unha prosodia inverosímil, “que non era deste mundo”. Aínda vin a Julián hai poucos anos, sempre xovial, un lugués de Valladolid.
Máis adusto se conducía Rafael Fusalba, quizá preventivo ante o bulir do mocerío enredando nas postais, ao mellor avisado por anterior e dispendiosa substracción ou estrago. Libreiro de vello, o seu portal na rúa da Raíña seica fornecía con material dificil algúns lugueses que o valoraban e o pagaban; da miña banda, lembro o prezo que lles puxo ás fotos de Mike (doce pesetas do 1967 ou 68) cando Los Bravos viñeran a Lugo e unha recepción tumultuosa, con relatado episodio de histeria feminina, ateigara a mencionada rúa e dera lugar a indignada estupefacción dalgún mozo local e traballador: “Pero que ten ese tío que non teña eu?”. Como seica Fusalba sabía do negocio, debeu vender as fotos; ao xubilarse volveu para Barcelona.
A vida traía algúns portugueses que, por obvio motivo, acababan maiormente confundíndose na poboación autóctona igual ca, inversamente, os galegos en Lisboa, São Paulo ou Mozambique; só se o interlocutor che dicía que anos atrás chegara de Viseu interpretabas o seseo ou tal modismo (“adeus”) diverxente do coloquial lugués e un pouquiño pavero. Os eonaviegos igual toda a vida seguían dicindo “camín”, “millois”, “fillolas” e “síntol”, pero non era habitual telos por asturianos; xaora nunca tal consideramos o Pepín da Muria, á fin e ao cabo militante nacionalista, pero tampouco a pai nin nai, por moito que a familia de Ibias procedese.
Rostros sucados, mans con dureza. Afeitos ao traballo, nos anos sesenta a vida podía ser alegre pero a comodidade non sobraba. A maioría tiña qué comer, onde gorecerse e tempo para dedicar a algún aseo; pero non todos. Unhas casas abaixo de nós estaba a do señor Antonio, o chatarreiro; ingresos non sei, trato razoable, hixiene pouca. No portal petaba cada día algún pobre de pedir; case sempre os mesmos, ficou na miña lembranza “o da muleta”, na convicción popular home riquísimo, fincas e todo iso, que pedía quizá por costume, talvez por avaricia. En calquera lado, a xitana aparecía para che ler a buenaventura. Ao final, con doce anos, tiven que saber o que era aquilo e soltei o peso solicitado indo camiño do Instituto; administrou ela longa ladaíña, botando man de cruz e todo. Prometía maiores grazas correlativas a novo desembolso que non outorguei, e aquí me teñen.
Poden semellar historias doutra vida. Pero a avoa de Ionut, compañeiriño do meu fillo pequeno, que non fala máis ca romanés, imítaselle á miña co pano na cabeza. Os moinantes que con cartóns de viño paran onda a Estación de Autobuses ou nalgún xardín -un deles francés con can, outros quen sabe de onde- presentan o vello perfil do ir indo, quizá con novas lacras. Vense nenos xitanos na escola, tamén na rúa en horas escolares. Agora a cor, revelamos de novo o vello negativo. Seremos xa primeiro mundo?
28 sept 2007

Mediado setembro, este mes que a tantos se lles antolla dourado, e aínda non, andabamos ás uvas. Verdes prós máis raposos, madurecidos náparos pra outros, ácedas uvas do país que outros chaman catalanas pra non poucos, as uvas penduraban ó sol coma se tal cousa; millor dito, como debe ser.
Uvas e sol, velaí o compendio da luz. Unha uva é un sol pequeño, moitas unha luminaria esplendorosa. Se son negras, astrinxen; se brancas, producen laxitude. Se negras, atesouran a luz no medio da que voan as curuxas e outros animais sabios, mouchos e así. Se brancas, a que atravesan os miñatos de vrán e musicou o Maestro Vide. Eu recordoo, pequeno e branco, camiño do Instituto do Posío. El tamén andou ás uvas.
Ir por uvas, velaí unha frase á que sacar moito zume. As froitas proporcionan símiles poderosos. Ir ás claudias, claudiar, é outra da que xa quedan poucos que saiban da súa exacta e terrible concisión. Claudio é o que coxea, o que cae. Claudiar é abatir. As guerras son duras, máis se fraticidas. E a máis dura da dureza fraticida é aquela que padecen aqueles que, nas retagardas, ocupan os lugares dos vencidos. Este noso é un país de retagarda. Foino sempre. Isabel, a de Castela, desmochounos as torres dos castelos, abatéunos os propios castelos, claudiónolos. Logo, afixémonos a elo. Así seguimos. Torre que asoma, torre que abatimos.
Mediado setembro, alguén fixo confesión de parte. Ninguén llo pidira. Colleu un acio de douradas uvas, penduróuno na solaina por ver de que chegaran ó próximo solsticio e fóronlle por elas. Dende outro blog non entenderon nada, así é o país, así somos. Maldita historia.
Hai uvas que, na miña terra ourensá, se chaman de collón de galo, ou de collón de bispo, vostedes disimulen. Son desas das que hai que botar man, precisamente, pra facer confesións de parte, ousando expoñelas á luz sen que ninguén o pida, colgándoas na solaina. Unha vez ó sol han servir prá concordia e o entendemento, nunca pró axuste dunha conta que hai que saber se está ou non vixente, mesmo se o é ou se esta condoada, cando non esquencida ou arrombada pola propia executoria.
Cál afán é o que nos move?: o de xuzgar ou o de condear? Ah, país, país! País, este noso, de xuíces implacables, vingadores e terribles, tal e como o dun Dies irae interminable, sempre no cima dunha torre desmochada, sempre co fondo musical dun renxer de dentes, estremecedor e cruel. Único e tan noso.
Abrimos unha nova sección mensual de Axenda de actos, que xulgamos de certo interese. Pódese ir ampliando coas achegas de todos os contertulios.
5 outubro (12 h.). Politécnico, Campus Ourense. Inauguración curso universitario: conferencia do profesor Jesús de Juana, “Historia e galeguidade”.
8 ó 28 outubro. Centro Simeón Ourense. Exposición A Escola da Segunda República. Conferencias os días 9 (Juan Jorganes Díaz), 17 (Eugenio Otero Urtaza) e 25 (José Luís Fernández Díaz).
16 ó 19 outubro. Liceo de Ourense. Ciclo Centenario Arturo Vázquez Núñez. Exposición biobibliográfica, Ofrenda Floral no Cemiterio de Ourense e ciclo de conferencias: Francisco Fariña (AVN e a Comisión Provincial de Monumentos), J. de Juana (Biografía AVN) e M. Valcárcel (AVN e o xornalismo ourensán).
27 outubro, sábado. En Vilardevós, presenza do poeta Antonio Gamoneda (segundo nos informa o amigo Xosé C. Caneiro).
Segundo me informa un dos meus compañeiros de instituto (J.M. Fidalgo, de Francés), este é un dos cantantes de moda na Francia irmá. Cantou o 14 de xullo no Campo de Marte, convidado por Sarkozy, ante unhas seiscentas mil persoas.
Velaí un video, que me envia o amigo Tacho:
Michel Polnareff - La poupee qui fait non
http://www.youtube.com/watch?v=ew40aVf88ac&mode=related&search=
(A min persoalmente non me gusta, sobre todo despois de escoitar as ligazóns dos amigos de Frank Sinatra. Pero...)
O primeiro Pulgarcito. Pan por Pan 28 set.
Todos coñecemos a mítica revista Pulgarcito, que acolleu a personaxes como Tribulete, Dona Urraca, Zipi e Zape ou Mortadelo e Filemón. Pero isto foi dende 1947. Antes existiu unha revista infantil ilustrada do mesmo nome, fundada e dirixida por Juan Bruguera en Barcelona. Custaba 5 céntimos e publicaba contos e lendas, textos folletinescos, biografías de grandes homes e historias gráficas de aventuras cheas de piratas, bandoleiros, cortadores de cabezas ou heroes como Gastón de Lis. Contaba con sección patriótica coas notas de guerra “Los héroes del Riff” e textos piadosos e caritativos como “Hermanita de los pobres”. Ediciones B publicou no 2000 un tomo cos 40 primeiros números deste Pulgarcito orixinal, que alguén me agasallou. Milagres da imprenta: ten a súa graza ler, dende tanta distancia, as historias infantís dos tempos dos meus avós.
27 sept 2007

Mal ensinados (Bieito Iglesias en ECG)
Non lle dean máis voltas, a solución ao fracaso educativo é moi parecida á panacea que acaba cos incendios forestais: que chova! Desde logo non se amañará coa supresión do ensino mixto, que recomendan algúns pedagogos avinagrados. Eu estudei nunha escola que acollía a ambos sexos, separados os pupitres femininos e masculinos por un corredor a modo de liña Maginot. Non sobreviviría ás mentiras sobre a Reconquista sen a presenza xentil da Olguita e da Rosa Mari, docísimas nínfulas.
A historia segundo o Kremlin (El País, 27 set. Pilar Bonet)
Polémica en Rusia por un manual para profesores que equipara a Stalin e Putin como modernizadores do Estado.
Vladímir Putin xa ten un lugar privilexiado na historia de Rusia. Un polémico manual para uso de profesores, editado baixo a tutela dos ideólogos do Kremlin, considera ó actual líder como un dirixente de éxito que, como Josef Stalin, soubo manter a integridade do Estado e modernizalo.
26 sept 2007


PEZAS EN FUGA, de A. Bahamonde
(la opinion. coruña. 20-7-07)
As uvas na solaina
Se hai un blog en Galicia que é imprescindible visitar ese é As uvas na solaina. Agora cumpre mil entradas, que digo eu que debe de ser como a maioría de idade para un blog, nun medio, a rede, no que cada día nacen e morren miles de botellas enviadas ao mar. Internet fai dos blogs un espazo e unha esperanza da comunicación que son consustanciais á natureza humana.
Dende marzo de 2006, en que botou a andar, é posible atopar cada día en As uvas na solaina unha imaxe feliz, un texto afortunado, unha discusión viva e libre. O historiador Marcos Válcarcel coidao con paixón de orfebre e ten conseguido facer del un punto de referencia ao que moitos acudimos para experimentar un momento de pracer literario e intelectual. Marcos é, ademais, unha personaxe única en Galicia. Se hai alguén no que a Xeración Nós sobrevive é el. Respirou o seu aire, tomou por propias as súas referencias. Otero Pedrayo ou Xocas sobreviven un pouquiño nel.
Ese blog é, ademais, un instrumento para a Historia Cultural de Galicia. A capacidade de Marcos Válcarcel de ir historiando o día a día, de entender como o tempo fugaz do presente tamén é materia da historia futura, lle ten permitido facerse cun arquivo personal poderoso e significativo do que dalgún modo "as uvas na solaina" é unha versión electrónica. Quedémonos hoxe cun só argumento dos que se pode ler en as uvas...: "A crise da nosa paisaxe dos últimos anos moito ten que ver coa crise cultural e de identidade que sofreu o noso país nos tempos máis modernos. Nas últimas sete decádas Galicia perdeu case un millón de familias campesiñas. Despois de séculos de convivencia entre o home e a paisaxe, algo terá que ver esta realidade coa ruptura desa mutua interrelacion".

Eu creo que no fondo víñalle ben a Tovar a idea de Deus para liberar a súa carraxe: "Se Deus non existe non hai un responsable, un culpable da dor do mundo contra quen revoltarse, contra quen blasfemar". Tovar necesitaba de Deus para facelo culpable "deste corpo de miseria do que eu non teño culpa". E de grandes blasfemias están ben cheos os seus diarios: "¡Que fusilen o neno Xesús e que boten unha bomba atómica enriba do Vaticano!", chegou a escribir nun deles. O que non tiña o noso poeta era un avogado que lle botase unha man.
25 sept 2007
ESOUTRO NACIONALISMO, Henrique Alvarellos (GH 25 set.)
Aznar é efectivamente un nacionalista dese outro nacionalismo, o español, que nunca di ser tal, un nacionalismo que só fala de bandeiras agora, cando se sente ameazado. É loxicamente o nacionalismo oficial, diriamos que o establecido, o gañador. Que cando se ve atacado reclama para si todo o que noutros intres criticou: os himnos, as bandeiras, as cores, en fin.
(...) O PP, que en Galicia chegou a estar "no límite da autodeterminación" (Cuíña dixit), é hoxe o prototipo do partido nacionalista español. Ten todo o dereito a selo. Mais ten tamén a obriga de dicilo claramente. E de deixar de condenar todos eses nacionalismos que non son o seu. Porque non é xogar limpo. Aquí o que haberá é que chegar a un acordo plural para continuar coa convivencia e o traballo en común mais no respecto á singularidade de cada pobo.
(O artigo completo)



