20 oct 2008

Curros, o rebelde,

de Luís González Tosar (ECG. 19-10-08)


CRÓNICA DE URXENCIA DO ACTO DE TRASALBA CON ANTÓN PULIDO (Afonso Monxardín)

Onte celebrouse no salón de actos da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba o acto formal polo que o pintor Antón Pulido pasou a ser fillo predilecto do Concello de Amoeiro. Sen dúbida un dos actos máis fermosos e redondos que se ten celebrado na casa de Otero Pedrayo.
Moita representación de compañeiros, excompañeiros e amigos vidos de toda Galicia– José María Fonseca, Bieito Ledo, Modesto Hermida, Xesús Ferro Ruibal, Alfredo Conde, Victor Vázquez Portomeñe, o compañeiro Soto, Antonio Rodriguez, Ramón Castromil... moitos veciños de Bóveda e Amoeiro, algunhas autoridades variadas como Ana Garrido, algunha ausencia como a do Delegado de Cultura, representado polo secretario da Delegación, etc. moita música a cargo de Caramuxo, excelente cuarteto de seis –como se fartou de dicir, simpatiquísimo, o mantedor Xesús Ferro-, moito sorriso tornado incluso ocasionalmente en risa coa intervención do galardoado.
Pero vaiamos por partes.
O auditorio cheo a rebentar. Máis xente que nos premios Trasalba de xuño. Na mesa, presidindo o Alcalde de Amoeiro, Rafael Rodriguez Villarino. Parece boa xente. (Coa broma do de “cacadelavaca” situou a Amoeiro no mapa e sacou uns cartiños para o equipo de futbol e sentado na primeira fila estaba o ex-alcalde de Amoeiro, todo un detalle).
O mantedor, eficacísimo Xesús Ferro. Dá e reparte palabras e vai intercalando naturalmente a música entre elas, e logo entre as numerosas adhesións –da Academia, de Ferrín, de Freixanes, da Universidade, do CGAC...-que comentou que tiñan case todas en común a felicitación primeiro ao Concello de Amoeiro, por escoller ben, e polo acerto de facer a homenaxe en vida do homenaxeado- e anécdotas do éxito de Antón –como que ten exposición aberta hoxe na China-,etc.
Comeza o alcalde facendo un repaso fermoso e medido pola historia e xeografía do concello. O segundo, Bieto Ledo, como amigo e compañeiro de seminario, fai unha laudatio fermosísima, repaso de vida e obra dun neno traste, fillo do mestre de Bóveda, ao que para “domalo” por consello do crego, meten no seminario onde coincide con Bieito Ledo, con Antonio Rodríguez, e con outros moitos. «Antón ten porte de emperador romano con faciana anxelical, parécese ó profeta Daniel do Pórtico da Gloria». Bieito Ledo debe publicar esa laudatio, ben podia enviala a este blog. A continuación a concelleira de Cultura de Amoeiro, le a acta de concesión da dignidade. Logo o galardonado fai un discurso lírico e simpático contando a súa relación con Otero... o día que foron ver a paisaxe desde o penedo que hai ao pé da Igrexa de Bóveda e como lle ensinou co caxato os sete arciprestados que se vían... Pulido evocou as noites pechas, as lúas negras, o aire que batía co medo na cara, os contos populares, os produtos da terra, a familia –á que lle agradeceu todo o que lle tiveron e teñén que aguartar- ... Dicía que o acusaban de presumir de Amoeiro, pero iso era cousa ben fácil. Os mellores pazos, os máis fermosos carballos... Contou do novo netiño que lle acaba de dar a súa filla máis nova hai uns días... En fin, o alcalde puido quedar encantado. Acto entrañable, fermoso e nada coñazo.
Logo a maioría dos presentes foron comer a un deses pazos, o de San Damián, a tres ou catro quilómetros do de Otero. Sen dúbida un dos lugares máis fermosos de Galicia. Recomendable facer unha excursión a estas terras. Sempre.

18 oct 2008

Quintana saúda o acordo cun rotundo «Galiza é hoxe un país máis forte ca onte»
«Sempre tivemos unha sá envexa dous vascos e cataláns», afirma o vicepresidente


A información do apoio do BNG ós presupostos Zapatero...

Acerta o BNG? Podía facer outra cousa?









BREVÍSIMA CRÓNICA URXENTE E, POR ISO, POUCO ORIXINAL E ABONDO SUPERFICIAL, ADEMAIS DE PORQUE ESTE CORRESPONSAL NUNCA TOMA NOTAS
por Corresponsal (un amigo desta casa). Fotos de Pepe Trebolle.

Onte, venres día 17 de outubro, celebrouse no Liceo ourensán dous actos arredor da vida e obra de Curros Enríquez, mercé á recoñecida capacidade de Marcos Valcárcel para convocar a escritores e investigadores de toda Galicia. Neste caso de escritores e investigadores ourensáns cuxa maioría vive fóra de Ourense pero que gardan fidelidade ás raíces.
A Mesa Redonda foi convencional no seu formato, pero non por iso exenta de interese. ANTONIO PIÑEIRO, demasiado prolixo, expuxo novos datos familiares. SERAFÍN ALONSO PINTOS fixo unha correcta intervención contextualizando a obra de Curros dentro do Rexurdimento. Pola súa banda, AFONSO VÁZQUEZ-MONXARDÍN fixo unha moi amena e rigorosa exposición sobre a importancia das cidades da Coruña e Ourense na vida e obra do celanovés, adubiada de anécdotas significativas que cativaron o público.
A Cea Coloquio foi do máis orixinal. Despois dun refrixerio modesto pero acaído para a ocasión, tomaron a palabra catro grandes escritores ourensáns nun ambiente distendido pero atento.
O narrador BIEITO IGLESIAS, autodefiníndose ironicamente como “artista de variedades”, disertou sobre ‘‘Lingua e estilo en Manuel Curros Enríquez’’: o que nun principio comezou como unha introdución erudita á lingua e estilo, derivou nunha vizosa intervención sobre o galego popular ourensán que fixo as delicias dos asistentes.
O narador, poeta e dramaturgo MANUEL GUEDE OLIVA, baixo o título‘‘O meu Curros Enríquez’’, fixo unha personalísima disertación sobre a pegada do poeta na súa formación teatral, desde os tempos de Histrión 70 e a Agrupación Cultural Auriense até o Centro Dramático Galego, na que ecoou o ambiente político e cultural de mediados dos anos setenta.
O narrador, poeta e ensaísta FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL introduciuse no enigma do ‘‘Curros protestante’’, achegando hipóteses suxestivas sobre a prensenza do evanxelismo na súa vida e obra, subliñando tamén a influenza de Curros na súa formación poética e ideolóxica: “Curros ten varios poemas imprescindibles para min”, afirmou.
O poeta LUÍS GONZÁLEZ TOSAR, declarándose currosián até a médula, abordou outro dos enigmas: “A Masoneria en Manuel Curros Enríquez’’, nunha intervención ben documentada e mellor artellada na que non faltou un arriscado anacronismo: “Curros sería un bolxevique se vivise na Rusia de 1917”.
JOSÉ MARÍA PÉREZ ÁLVAREZ (CHESI) tivo que ausentarse urxentemente e non puido intervir. Ao remate do acto, algúns dos interviñentes e do público foron tomar uns cafés e, baixo a invocación da lira do celanovés, a arranxar este mundo que anda tan desarranxado.
macro-historia do galeguismo
Justo Beramendi recibe o Premio Nacional de Ensaio
O recoñecemento á súa obra ‘Dde provincia a nación’ é “un avance moi importante” para os libros en galego


"O nacionalismo galego hoxe está estancado" e "o nacionalismo catalán, a longo prazo, é o máis perigoso, para a estabilidade na unidade do Estado", asegurou este historiador, quen leva estudando os nacionalismos desde hai 25 anos. "O sentimento nacional catalán en Cataluña é o máis forte de todos os nacionalismos periféricos. Ten un futuro moito máis claro, mentres que o nacionalismo vasco está encerrado no seu propio labirinto desde que naceu", asegurou. "Se se respectan as regras do xogo democrático, cada un ten as súas razóns. Por que lles temos que obrigar ós que son nacionalistas pero demócratas vascos, galegos ou cataláns a non selo?", argumentou o historiador para quen que un Estado sexa independente, "non ten moito sentido xa" na UE.

Respecto ó nacionalismo galego, recoñeceu que aínda que parece que está "máis forte, porque está participando o Goberno, en realidade, descendeu en apoios, deputados, e eu creo que se atopa nunha tesitura difícil" e advertiu de que corre o grave risco de quedar "enquistado no seu papel de acólito do socialismo en Galicia e non pasar de alí". O nacionalismo galego tivo un gran crecemento nos 80 e 90, ao seu ver e soubo arranxar as súas "diferenzas internas" e ademais beneficiouse de que o PSOE en Galicia tivo uns anos "autenticamente desastrosos". Por iso, produciuse un "transvasamento de votos bastante grande desde o ámbito do socialismo ó ámbito do bloque galego". Logo "o PSOE recompuxo a súa figura, resolveu os seus problemas internos e está recuperando parte do electorado que perdeu".
Comida grupal con crego
Afonso Vázquez-Monxardín

Agora está de moda comer xuntos nos traballos. Boa cousa. Creo que co ambiente distendido entre prato e prato, coa conversa lixeira de pásame o rioxa, ¿pero ti vas beber auga?, está bo o revolto, ¿onde lle tomamos logo a copa?, pódense solucionar unha boa parte dos roces que a convivencia diaria produce de forma inexcusable e permite, tamén, darlle entrada aos novos compañeiros na confraría. ¿E logo ti de onde es? ¿Onde estabas o ano pasado? Os que rin xuntos, os que cantan xuntos, os que beben xuntos, sempre serán xente que terá tamén máis proximidade para solucionar problemas. Lembremos que en grego simposium significa, simplemente, beber xuntos. E calo. Pois ben, contáronme unha anécdota moi curiosa dunha cea celebrada en Ourense hai xa bastantes anos, cando aínda había moita mestra beata vello estilo, e cando empezaban a chegar os curiñas novos aos centros de ensino.

En La Región 18-10-08.

GARZÓN. PAN POR PAN 18-10-08


Non teño coñecementos xurídicos abondo para saber qué vai pasar coa primeira causa contra o franquismo que Garzón vén de abrir buscando culpables de máis de 110.000 desaparicións ata 1952. Pase o que pase, non se pode negar o papel pedagóxico e rehabilitador da iniciativa de Garzón, chea de significados.


O auto xudicial do xuíz é un documento abraiante: lémbrase nel a entrevista dun xornalista americano con Franco en Tánger onde o ditador se manifesta disposto ‘a matar a media España, al precio que sea’. Ou as consignas asasinas do xeneral Queipo de Llano autorizando ‘a matar, como a un perro’ a cal quera que ousara opoñerse á rebelión. Datos coñecidos polos historiadores, pero non por toda a xente e tampouco polas xeracións novas que ás veces só teñen referencias inconexas sobre a barbarie de 1936.

O río da procura da verdade aberto xa non secará: necesita expandirse cara o mar.

17 oct 2008


Unha mirada.
PAN POR PAN venres 17 outubro

Subimos ó autobús, a miña muller e eu, e pouco despois unha nai co seu fillo. “Ola!” e “Ola!”, di o fillo dúas veces. E repite “Ola!”, “Ola!”. Só cala cando a miña muller lle responde agarimosamente “Ola, bonito!”. A miña muller ponse a falar coa nai do rapaz, que eu xa recoñecera: cando era moi neniño, ía ás veces ó colexio coa miña filla, collidos da man. Os nenos con síndrome de Down son moi cariñosos, seino por un meu primo, na miña familia. O rapaz, R., ten xa 18 anos, está feito un home e mantén esa mirada limpa, moi fixa, que che esculca ata o fondo do corazón, abríndoche as comportas das emocións. A súa nai, unha muller leda e miudiña, cansa de pelexar cos xogos do destino, que non nos pide opinión. Trala mirada da nai adiviño horas de sufrimento, incerteza, angustia. Pero hoxe a súa mirada só transloce unha sensación xigantesca de dignidade.
Sección de literatura Liceo de Ourense
OURENSE, 17 OUTUBRO 2008
VI ENCONTRO DE ESCRITORES OURENSÁNS
Xornada dedicada a Manuel Curros Enríquez

17 de outubro 2008 - venres
20.15 horas.- Aula de Cultura.
Mesa Redonda co título ‘‘Vida e Obra de Manuel Curros Enriquez’’, coa
participación de
Serafín Alonso Pintos, Afonso Vázquez-Monxardín, Antonio Piñeiro, moderada por Marcos
Valcarcel.
22,00 horas.- Sala de Tertulia. Cea Coloquio, á que se convida a todas as persoas interesadas para debatir sobre
todos os aspectos da vida de Curros Enríquez, e que estarían introducidos polos seguintes escritores e temas:
Bieito Iglesias: ‘‘Lingua e estilo en Manuel Curros Enríquez’’
Luis González Tosar,: ‘‘A Masoneria en Manuel Curros Enríquez’’
Francisco X. Fernández Naval: ‘‘Curros protestante’’
Manuel Guede Oliva, ‘‘O meu Curros Enríquez’’
José María Pérez Álvarez (Chesi), ‘‘Escritor e compromiso civil: Manuel Curros Enríquez dende hoxe’’.

Patrocina CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

MATERNIDADE E NATUREZA
ANDOLIÑA venres 17 outubro
Dende cativiños recibimos unha mensaxe subliminal: a concepción do home como o gran centro do universo e dominador da natureza. Por iso os antigos imaxinaron os seus deuses e mitos como humanos laretas e caprichosos e nos contos infantís inventamos animais adobiados con xeitos antropomórficos. Pero o certo é que o mundo animal rexistra, na práctica, as mesmas condutas que a especie humana.
Fala un documental da TVE-2 das nais adoptivas no mundo natural e dos fillos criados por elas: nalgúns casos, como o cuco, trátase dun engano e a nai adoptiva non o percibe, polo famoso fenómeno da improntación (xa lembran: os parruliños que ó nacer seguían a Konrad Lorenz), de xeito que coida da cría pensando que é a súa propia.
É dunha crueldade sorprendente a escena do cuco recén nacido roubando o niño e botando fóra., con todas as súas forzas, os outros ovos. Pero velaí o macacus rhesus, cun poderoso instinto de maternidade: tanto que algunhas femias secuestran as crías doutras, ás veces provocando a súa morte porque non teñen leite. Como Rebecca de Mornay en “A man que mexe o berce”, máis ou menos. E vemos unha femia cunha cría colgada, que xa leva días morta: de certo, hai moitos centros no universo.

15 oct 2008


Traficantes de insectos,
de XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Faro VIgo 13-10-08)

Cando eu era neno pasaba moito tempo a observar o que pasaba nun tanque de auga situado, para regar, en certa horta da cidade de Ourense próxima ao río da Barbaña. Chamáronme a atención uns pequenos esgarabellos que vivían nas augas verdosas, que nadaban moi ben e que, de tarde en tarde, subían á superficie sacando o abdomen e se proveían dunhas burbullas, non finaceiras senón de ar, que levaban consigo ás profundidades nas que habitaban. Unha vez que conseguía apañar algún individuo e depositalo no bordo do tanque, o becho soía despregar as alas membranosas e saía voando coma mesma habelencia coa que un momento antes navegaba a bucío. Nunha ocasión, e só nunha, vin, nun relanzo do Miño, contra os herbais que daquela había onda a acea e cachón de Oira, como un insecto moi parecido na forma aos esgarabellos do tanque pero grandísimo, subía á superficie e puña en contacto a cabeza co ar para, logo de facer visibel un instante o seu corpo poderoso e ovalado, perderse de novo nas fonduras do río. "É unha vacaloura de río" -díxome o Suso, que me acompañaba-. En verdade, aínda que o insecto de Oira ofrecía unha certa semellanza coa femia da vacaloura, non era tal. Supoño que o que vin daquela no Miño era un coleóptero da familia ou superfamilia dos Hydrophilidae, moi seguramente, un especimen do grande esgarabello acuático cuxo nome é Hydrous piceus. O insecto do tanque ao que me referín anteriormente pertencería a outra familia, a dos Dyscidae, e podía ser o coñecido como Acilius sulcatus.Pasado domingo ofrecéronme no quiosco, en compañía de determinado xornal, un fascículo que trataba, penso que de xeito claro e correcto, dos esgarabellos acuáticos. Comprei decontado tal literatura que, para a miña sorpresa, estaba acompañada dun poderoso exemplar de insecto da familia dos Hydrophilidae que na publicación se presentaba, sen nome científico, como "escarabajo buceador asiático". O exemplar viña empacado nun bloque de metracrilato e, en tanto non o dou clasificado, el está agora no meu despacho en lugar privilexiado pois tivo a virtude de me retrotraer á infancia facendo as veces da magdalena ranurada en forma de vieira da que fala Proust nunha pasaxe memorábel. Ora ben, considero ilícito o tráfico de insectos que supón esta oferta. Os sete euros que custa o becho e mailo folleto, de divulgación entomolóxica revelan un tráfico de animais en grande escala que non debería estar permitido. Quen queira coleccionar insectos, que saia á natureza a cazalos, e aínda así que o faga con moito respecto. Calquera das especies de esgarabellos acuáticos merece a mesma consideración que calquera das especies de baleas e de mamíferos mariños que tanto lles preocupan (e con razón) aos ecoloxistas e amigos da Natureza. Debemos defender a biodiversidade e o tráfico de insectos como este ao que nos estamos a referir representa un negocio ilícito e non sei se constitutivo de delito ecolóxico ou non.
(Nota de M.V.: sempre haberá sitio nas Uvas para os artigos de Ferrín, sobre todo os que evocan a súa infancia ourensá. O clima literario deste non está lonxe do conto "O Suso": o mesmo Suso que se cita no artigo?)

Lectores/as?

"Un dos serios problemas que padece a literatura galega no seu conxunto -coas consabidas e parciais excepcións, todo hai que dicilo- é que non ten unha recepción social normal. E, a pesar diso, a nosa creación literaria está, cuantitativa e cualitativamente, moi por riba da sociedade -e sobretodo no plano estético- á que inicialmente vai dirixida. E mesmo moi por riba de sectores sociais cultos e galeguistas, e nacionalistas, que simplemente non len. "

Hoxe, en Galicia Hoxe, no artigo de Fernán Vello, "Literatura e sociedade".


TRAPECIO
PAN POR PAN mércores 15 outubro

Reviso, despois de non sei cantos anos, “Trapecio”, de Carol Reed (1956). Sen dúbida, unha das grandes películas sobre o mundo do circo (que non son moitas). Burt Lancaster, monumental no seu papel de Mike Ribble, o trapecista eivado. Tony Curtis, correcto, pero non pode entusiasmar ó carón daquel mestre de actores.
A historia é moi sinxela: un triángulo amoroso e unha loita pola perfección artística: o triplo salto mortal. A parte negativa, a ambición e o engano, ten aquí cara feminina, só redimida ó remate polo papel redentor do amor. Podería mesmo falarse dun certo ton misóxino, pero a película é tamén unha excelente ocasión para encontrarse con outro tipo de estrelas cinematográficas como Gina Lollobrigida ou Katy Jurado.
A vitoria artística do fillo do Gran Orsini (T.Curtis) fai realidade o soño incumprido do seu mestre: un tema moi humano, tan auténtico como a vida.






























Do contubernio sanfroilanesco de Lugo


Deixo aquí estas fotos, enviadas por Arume e creo que da autoría de Ana Bande,

do Contubernio de Lugo, que tanto está dando a falar no blogomillo.

Eu non puiden estar pero agradezo enormemente as tan xenerosas palabras de Lándoa

e as crónicas ou comentarios de Aduanadas e do blog de Ana Bande.

14 oct 2008

Opinións críticas sobre literatura, de MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO (Galicia Hoxe 14-10-08)

Tres opinións ben diversas: Francisco Rodríguez, Carod-Rovira, Rexina Vega.

A erguer unha videira...
andoliña martes 14-10-08

Que cousa é a vida?
Vaia pregunta para un martes pola mañá, nesta contraportada onde sería imposible calquera proxecto de resposta. Cada artista, cada poeta, cada filósofo, ten a súa resposta e todas son quizais válidas. Aínda máis: de certo, cada individuo e en cada hora, en cada etapa da súa vida, tería algo que dicir ó respecto.
Eu gusto sobre todo do que din os poetas. Collo un libro, sempre próximo, O espírito da Terra, de Miguel Torga. E leo a súa Bucólica, escrita en San Martinho de Anta, 1937: "A vida é feita de nadas/ De grandes serras paradas / À espera de movimento; / De searas onduladas pelo vento; / De casas de moradia / Caídas e com sinais/ De ninhos que outrora havia / Nos beirais; / De poeira; / De sombra de uma figueira; / De ver esta maravilha: / Meu pai a erguer uma videira / Como uma mãe que faz a trança à filha". Non é mala resposta, non: a marabilla do pai coa súa videira, da nai facéndolle as trenzas á súa filla.
Vaia en homenaxe, se mo permiten, de Ramiro Fonte, poeta e novelista, autor desa excepcional triloxía que comeza en Os meus ollos. E con el, en lembranza tamén do sociólogo Xoán Bouzada e do pedagogo Suso Jares: tempos mouros estes meses para a nosa cultura.

A MIRADA RETIDA ( Marcos Valcárcel, La Región 12-10-08)
O TRÁFICO.

Esta é unha das fotos antigas que me fixo chegar, de forma moi xenerosa, Xesús G. Tobío. El mesmo sitúaa no tempo cara 1955: así amosaba a súa fisionomía a rúa de Capitán Eloy, naquel momento. Recoñécense ben edificios como o Banco de España ou as casas do Cine Xesteira e a que ten hoxe nos baixos a tenda de Cortefiel. Antes chamouse esta rúa a Estrada de Trives e, na Segunda República, rúa de Basilio Álvarez, o líder agrario e do Partido Radical; hai un ano rebautizouse como rúa da Concordia. Por sorte consérvanse varias fachadas, non todas, desta vía que baixa ata o Progreso e deixa ver ó fondo, aínda hoxe, o edificio do Seminario. No cruce co Paseo pódese ver unha “máquina do tren” dunha castañeira e un neno que baixa todo alegre na súa bicicleta. E ben que podía naqueles tempos! O garda coa chaquetiña branca ó seu carón non ten nada que facer, porque aínda nos 50 o tráfico era moi escaso e case non había accidentes no espazo urbano. De feito, aparcados, eu conto un total de seis automóbiles (un deles, un Seat do pai do amigo que me mandou a foto). De seguro viven hoxe ourensáns que xogaron cando nenos no marco desta evocadora imaxe.

TARDE AFRICANA EN SAN FROILÁN
(Luzada contubernal), de Xosé M. González

Beireando o parque Rosalía de Castro, a rúa Puro Cora fervía de postos, vendedores, transeúntes. En tarde sabatina, véspera das Mozas, o tempo meteorolóxico resolvera definitivamente comportarse, á par da policía. Cousa tal remexía no caletre o Abdul, cincuenta anos, rala barba, chilaba e bonete, entremedias no xentío e aínda axexante. Os días anteriores, a operación contra-manteiros dera duro na súa mercadoría e gaños. Pero o cidadán xeralmente non lles era hostil, e cara a hoxe teoricamente había un acordo de tolerancia final; nada, porén, que merecese confianza definitiva.

No cruzamento Ribadeo-Puro Cora proliferaba o artigo no chan; coiro, discos. Maior e experiente, Abdul exercía o seu primado honorífico e referencial non perdendo ollada sobre os compatriotas máis mozos; agora mesmo, por exemplo, Muhammad falaba lucindo un pouco usual, branco e pleno sorriso, o mesmo que tacitamente ostentaban Ahmed, Amin e o curmán, alí mesmo ao lado. Todos eles dando fronte ou esguello a un weex aparentemente en leria co Muhammad; finalmente, o branco ergueu unha man acenando despedida e o xesto cordial, matizado talvez por un aquel de estrañeza, demorou algúns segundos en abandonar as faces.

Seguiu a andar, a conveniente explicación admitía espera. De súpeto, alguén o interpela, mecanicamente responde e un hábito tan inveterado coma a propia existencia demora comprensión acaída para o suceso inesperado, impensable, case marabilloso: aquel weex, o mesmo branco anteriormente albiscado onda os compatriotas, alto practicamente á súa par, algo falto de Kawar sobre a fronte, estáballe falando en wolóf e xa marcha; reaccionando, chámao decontado: “Kai!” e inquire o modo e ocasión da necesaria e nada accesible aprendizaxe lingüística. “Aquí, en Lugo, hai moi bos enseignants, tal este home”; a apurada negativa, un tanto somnolenta, do indicado, a media risa do que fala africano suxiren broma, así é que retribúe con beizos, menos con ollos e marcha adiando interpretacións, devolvendo atención á njaay. O outro retoma vía cara ás barracas e non anda só, hai outros cinco varóns (un dille ao primeiro algo como “Dakowa”) e tres jigeen en trato notoriamente igualitario. O Abdul nada manifesta, nada amosa da súa desaprobación; como for, unha ausencia de meses, a evidencia súpeta das dúas esposas aló en Dakar impón a súa lei, carne, sangue; e estes femininos, agraciados, rotundos continentes fan evocar, á marxe da vontade, a crianza de numerosa prole.

Chega á praza de Avilés, vira e colle camiño cara a un edificio de Recatelo, onda a Casa Rivas. De alí vén agora ese mociño novo, o Mâlik: “Baye! Antes, un weex que viña de por aí arriba faloume en wolóf. Paréceche que sería un policía?”. O Abdul non contesta, cavila. “Quizá, pero non deixes derramar a vida, non paga a pena cismar moito niso. Estamos nas mans de Allah, o Grande, o Misericordioso, abenzoado sexa o seu Santo Nome”.

11 oct 2008

Contaquilómetros con amnesia
Afonso Vázquez-Monxardín, la región 11-10-2008

E que trampa ten? -pregunteille inxenuo ao xefe de vendas de V.O. (vehículos de ocasión).Por favor... ¡Ningunha!. Non ve que nos somos un concesionario serio e non uns chaíñas calquera.-¿E logo como é que vale só un kilo este cochazo con 80.000 quilómetros? -insistín-.-Pois porque é de alguén moi próximo a esta casa e ten facilidades especiais para cambiar e bla, bla bla.Total, que paguei e saín de alí calzado nun flamante vehículo gris escuro, non de marca de luxo, pero que estaba moi ben. Aos poucos día decateime de que o aire acondicionado non funcionaba e que o coche empezaba a coller a incómoda manía de apagarse en marcha cando lle petaba. Volvín por alí. Como era o terceiro vehículo que tiña da mesma marca -miren que cousas, xa eu coñecido da casa- pregunteille con confianza ao rapaz que atendía o ordenador das entradas: -Oe ¿a que kilómetros lle fixeron o último cambio de aceite? Amable e disposto teclea a matrícula e dime: -Aos 250.000. (...)

(o artigo completo)

tempos mouros

Tempos estes ben mouros para a nosa cultura: Xoán Bouzada, Suso Jares, agora Ramiro Fonte.

As miñas condolencias á súa familia e amigos: máis información en Brétemas, Lándoa ou Galicia Hoxe.
Dende aquí tamén o meu agradecemento polos seus poemarios, as súas novelas, e, sobre todo, pore esa excepcional triloxía memorialística que constitúen as novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e A ponte nos ollos (Xerais 2007).