5 may 2006

Neira Vilas falará en Ourense de Curros Enríquez e a Academia Galega
Hoxe, venres 5 de maio, vai comezar o IV Ciclo Visións de Galicia do Liceo Ourensán, nesta ocasión adicado a escritores ourensáns que tiveron un peso decisivo na Academia Galega. O ciclo comeza cunha charla de Xosé Neira Vilas sobre o papel precursor de Curros Enríquez ao respecto. Engado a información que aportaba onte o xornal GALICIA HOXE (con dúas matizacións: o ciclo está organizado polo Liceo Ourensán, Sección de Literatura, e a Universidade de Vigo (non pola RAG) e na roda de prensa eu referínme aos labores da Cova Céltica, que non era unha revista senón un grupo galeguista e cultural.
A RAG homenaxea a catro dos seus precursores ourensáns (Galicia Hoxe, 4 maio)
Neira Vilas, Freixanes, Clodio González e X. Ramón Freixeiro falarán cada venres de maio dos académicos Curros, Otero, Eladio Rodríguez e Martínez Risco
. R.V.
Os escritores galegos Xosé Neira Vilas, Vítor F. Freixanes, Clodio González e Xosé Ramón Freixeiro serán os relatores nun ciclo de conferencias dedicados a catro promotores e membros ourensáns da Real Academia Galega (RAG) no primeiro acto previsto nesta cidade polo primeiro centenario da institución.
Un dos organizadores do ciclo de conferencias, o investigador literario e colaborador de GALICIA HOXE Marcos Valcárcel, explicou que os catro promotores ourensáns da RAG que centrarán os relatorios previstos para cada venres do mes de maio, serán Curros Enríquez, Ramón Otero Pedrayo, Eladio Rodríguez e Sebastián Martínez Risco.
"Os cen anos de historia da RAG -engadiu- non son os dunha institución cultural, senón que a súa presenza foi fundamental tamén nos eidos social e político de Galicia, e estes aspectos son os máis descoñecidos da nosa Academia".
Entre os académicos desta provincia, segundo Valcárcel, as conferencias céntranse en catro polo seu "papel fundamental" sobre todo os inicios da RAG, constituída o 30 de setembro de 1906. "Curros Enríquez non chegou a tomar posesión como académico pero foi un dos seus iniciadores e considérase que o acto da súa coroación na Coruña, en 1904, foi xa unha celebración preacadémica", apuntou.
Con respecto a outros membros desta provincia que centrarán algunha das conferencias do ciclo "Visións de Galicia", Valcárcel aludiu a Sebastían Martínez Risco como "o menos coñecido de todos" aínda que foi presidente da Academia "polo que a conferencia correrá a cargo do principal estudoso da súa figura, Xosé Ramón Freixeiro".
Entre os obxectivos do ciclo, segundo o seu organizador, está deixar constancia de que a RAG foi a primeira institución "que tivo autoridade moral para representar a Galicia no seu conxunto" e que neste labor "foi fundamental" a presenza de ourensáns e do grupo de coruñeses que publicou os seus artigos na revista Cova Céltica, desde finais do século XIX".
Entre estes precursores da RAG, Valcárcel nomeou o tamén ourensán Valentín Lamas Carvajal, entre outros, e os coruñeses Eduardo Pondal ou Manuel Lugrís, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. Na presentación das conferencias tamén participaron representantes da universidade de Vigo como o vicerreitor Andrés Mazaira, Olga Galego, da RAG e o presidente da Deputación de Ourense, Xosé Luís Baltar.

4 may 2006

Sumar e non restar
Acordo total con Afonso Vázquez-Monxardín polo seu artigo de hoxe en Galicia Hoxe, nun tema que tamén a min me afectou (como diría o outro, sen comelo nin bebelo...):
Devolvendo ante as cámaras, por Afonso Vázquez-Monxardín
Foi o presidente da Mesa devolver os materiais da SXPL a San Caetano e eu síntome un tanto contrariado coa súa actitude, pois a maioría foron feitos polo meu amigo Marcos Valcárcel e mais por min, tamén eu coma el, do gremio dos catedráticos de lingua e literatura galega que se baten, día a día, nas esforzadas trincheiras do ensino medio.
E non me incomoda polo que leva de desprezo ao noso traballo -no fondo a min o que pense o señor Callón non me acaba de sacar o sono- senón polas outras desconsideracións que vexo integradas nesa devolución. O desprezo polo extraordinario traballo dos caricaturistas Manel Cráneo e David Pintor "Pinto"; o desprezo polo esforzo dos deseñadores do Clube da Esquina; o desprezo para cos realizadores do DVD. Moléstame por todo isto, que é bastante, pero sobre todo polo erro estratéxico que, creo, deixa ver. Menosprezo á historia do propio Día das Letras Galegas, concibido, desde 1963, como exaltación da lingua e cultura ao redor do traballo dun persoeiro da nosa cultura.
Menosprezo ao plenario da Real Academia Galega que foi quen decidiu rescatar para esta ocasión a figura dun seu ex presidente, todo compromiso, todo esforzo e todo boa vontade. Desprezo, tamén, a unha familia colaboradora con todos os que se achegan á figura de Lugrís e ilusionada co rescate da memoria dun avó e bisavó que centrou a súa vida no espertar do seu país.
Pero tamén me desacouga pola súa utilización como elemento de tensión e presión na política interna do goberno bipartito, que, seica, segundo o lido na prensa hai meses, conta con catro asesores, dous a proposta de cada forza, para esa secretaría xeral.
É obvio que se trata de ir quentando o ambiente para a manifestación do día 17 que se contempla como un auténtico tour de force desde o nacionalismo de cara a cuantificar os apoios para o seu deseño da cuestión lingüística na reforma estatutaria. Tamén pode empezar a sospeitarse agora o seu escaso interese polo control da "carteira" de política lingüística como algo pensado por alguén que valoraría positivamente as posibilidades que abría: ter un punto simbólico co que poder ter unha fricción permanente e marcar diferenzas, tan importante como a fala e sen sufrir o desgaste directo na relación política, porque a iniciativa vén de "fóra", dunha unha organización independente, organicamente, como é a Mesa.
O problema non está, meus señores da Mesa, en impedir que os profesores dos institutos e colexios teñan un recurso máis como este que permite traballar a lingua, a literatura e a propia historia do país ao redor de Manuel Lugrís Freire. Un recurso para revivir o agromar da conciencia e identidade moderna desta nación, nese frutífero camiño desde o rexionalismo do XIX ao Estatuto de Autonomía de 1936, nacido, lembrémolo e honremos tamén esa memoria exemplar, das pontes e mans tendidas entre a esquerda e o galeguismo.
Meus señores, o problema non lles está no que se fai, senón no que se deixa de facer, ou no que se podía facer e aínda non se fixo. E ese é outro tema do que, seguramente, hai que falar con boa vontade e interese único na eficacia, a través de ideas, iniciativas, proxectos, promoción de puntos de encontro -como o PNL- seriedade, e, por suposto, sen cámaras. Sobre todo, hai que tratar sempre de sumar e non de restar. E devolver é restar.

CEN POEMAS GALEGOS, ESCOLMA (6): Deitado frente ao mar
Hoxe vai un de Celso Emilio Ferreiro e por certo ben coñecido. Eu cheguei aos poemas de Celso Emilio a través dos cursos da Auriense dos primeiros anos 70 (que tempos! No mesmo curso de literatura galega podían participar Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Blanco Amor, Carlos Casares e Francisco Rodríguez). Despois fíxenme coa antoloxía que lle fixeran en Portugal (aquela de Razao editora): un dos primeiros libros galegos que devorei, xunto con outra escolma semellante do Manuel María. Despois veu Histrión 70 e os seus recitais sobre Celso Emilio (“Tempo de chorar” ou algo así chamábanlle) e Manuel Guede recitando “Verbas a un irmao” ou a historia do soldado Xurxo ou este “Deitado frente ao mar”. Este poema ten unha significación importante na miña vida. Chegados a Compostela, primeiro ano, vivimos xuntos Bieito Iglesias (o escritor), Benito Alonso ("Roi", historiador), Xoan Guerra (sindicalista) e máis eu. Xa traballaramos no Instituto ourensán no nacionalismo, pero era Bieito o máis organizado daquela. Pero Bieito, polo que fose, tardou uns meses, cando chegamos a Santiago, en poñerse en contacto con ERGA e coa UPG (os nosos alias eran, creo, Ernesto, Xavier, etc.). Había que gozar un pouco tamén dos tempos de Santiago: o Barra-China, as mozas, o novo sabor da rúa dos viños, etc. Ao cabo dun mes e medio en Compostela, semanas despois da morte de Franco, escoitamos nunha asemblea de distrito, na antiga Facultade de Económicas (daquela no Pazo de Fonseca), un mozo, non lembro o seu nome (creo que era de Económicas) que recitaba literalmente este poema de Celso Emilio. Bieito saiu de alí dicindo: este é de ERGA, seguro. Así era nas cousas daquela: falar en galego situábache de inmediato no campo nacionalista. Aos poucos días xa estabamos organizados, ERGA, logo a AN-PG, UPG e todo o demáis: e o contacto foi este poema de Celso Emilio. Lembro tamén que noutras asembleas posteriores houbera unha disputa polo idioma cos ácratas (eran debates habituais) e un deles (príncipe Galín, quizais?) dixo, en castelán, que só lles interesaba o galego como “lingua proletaria”, como quería Celso Emilio. Pero que, en canto o galego fose lingua de poder ou da burguesía, eles defenderían de novo o castelán. Que tempos!
Deitado frente ao mar...

Língua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gana;
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

Celso Emilio Ferreiro
Premios X. A. Carracedo en Ourense (Pan por Pan xoves 4 maio)
Estiven na entrega dos Premios Xosé Aurelio Carracedo, que organiza a Deputación. Nesta ocasión os xornalistas recoñecidos foron José Paz e Fernández Pinal: parabéns aos dous. Ao primeiro deles xa o coñecen vostedes, fotógrafo e crítico de arte nesta páxina, sempre con rigor a procurar as claves da creación dos artistas. Fernández Pinal traballa na COPE do Carballiño e gañou o segundo premio cunha reportaxe sobre os sucesos de Oseira de 1909: traxedia nacida cando o bispo Eustaquio Ilundain autorizou que se desmontase o baldaquino barroco da igrexa de Santa María. Curioso e simpático paradoxo: a reportaxe, que non coñezo, emitiuse nunha emisora católica, onde traballa o premiado. Houbo tamén gabanzas na memoria de Xosé Aurelio Carracedo, xornalista íntegro e brillante que as novas xeracións non puideron coñecer: por que non se edita unha escolma dos seus textos de prensa?

3 may 2006


Rescaldos do Gran Temoneiro
(Andoliña 3 maio)
A finais dos 60 e primeiros 70 era o grande heroe dos mozos en todos os campus de Europa: o Gran Temoneiro, o home que levou o xigantesco barco de China ao comunismo. Os partidos definíanse "pensamento Mao Tse Tung" e abundaban as siglas nesa onda: Partido do Traballo de España, Movemento Comunista, a ORT, Bandeira Roxa, etc.: un hoxe moi coñecido escritor convidoume a un seminario do MCG cando eu xa militaba noutras filas e entre Bieito Iglesias e mais eu chafámosllo. Había mesmo grupos que esixían, antes de ingresar na súa militancia clandestina, un exame das Obras Selectas de Mao.
Desde aquela choveu moito. Os historiadores (o último nesta liña foi o libro de Jung Chang e Jon Hallyday) demostraron que a Mao Zedong o único que lle obsesionaba de verdade era o sexo e as mulleres (ás que desprezaba). Estivo 25 anos sen bañarse e aseándose só cunha toalla mollada. Só era un estalinista ao que nada lle importaba, para cumprir os seus megalómanos plans, que millóns de chineses morresen de fame: cousas das condicións obxectivas do paso ao socialismo, supoño. Deixou como herdanza un inmenso país choutando ao capitalismo e á cabeza do mundo en totalitarismo e en penas de morte. (Imaxe: Mao na coñecida icona de A.Warhol)

2 may 2006


Da lingua nunha hora decisiva
(Andoliña 2 maio)
Estou entre as persoas moi preocupadas pola sorte da nosa lingua, o galego: nada garante o seu futuro se nun prazo relativamente breve non se toman medidas cruciais na súa defensa. Por parte das institucións políticas e por parte dos cidadáns. Ten que chegar a ser vista polos seus falantes como unha lingua necesaria, non como un adobío cultural nin como unha koiné reservada á burocracia política.
Non hai moitos meses aprobouse por unanimidade de todos os partidos, no Parlamento galego, un novo Plan de normalización da lingua: agora vaise adiar un ano máis. A proposta de poñer en marcha algunhas escolas monolingües galegas é positiva como símbolo, pero non abonda para deter a deterioración social do idioma. As bases sociais do BNG están molestas co goberno bipartito polo que entenden unha liña seguidista da do PP neste tema. Para os socialistas quizais non sexa este un tema central, pero si o será para os nacionalistas. Non sei se as políticas concretas dos conselleiros do BNG terán unha rendibilidade electoral directa chegado o momento. Pero, de seguro, os seus electores van preguntar qué avanzamos co novo goberno no terreo da lingua e da cultura galega. E os responsábeis terán que dicir algo nese momento. (Imaxe: Alegoría da prudencia, de Tiziano, 1565, National Gallery, Londres).

1 may 2006

ANO DA MEMORIA. VERDEGAIA. OS GRANDES SIMIOS.
(La Región 1 de maio)
Ano da Memoria. O Congreso dos Deputados aprobou nesta semana que o ano 2006 sexa o da Memoria Histórica, apoiando así unha proposta de Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya-Verts (a mesma declaración xa se fixera en Galiza). Non é unha sorpresa engadir que o único voto en contra foi o do grupo popular para quen esta proposta “divide aos españois e reabre feridas”. Segundo os populares buscar as raíces da nosa democracia é “utilizar o pasado como arma política”: o certo é que hai un pasado de máis de 40 anos en que houbo demasiados silencios e aínda estamos a agardar por unha dereita democrática que se atreva a buscar a súa lexitimidade histórica sen copiar o discurso ultradereitista e revisionista que presenta a Franco como salvador e redentor de non se sabe cantas catástrofes.
Verdegaia. Nace Verdegaia, que concibe o ecoloxismo como “un ideario político de transformación social”. Proponse traballar pola paz e a xustiza social e facer entender a todos que a insustentabilidade ecolóxica tamén xera inxustiza social. É un novo grupo pero ten moita experiencia detrás, porque agrupa, ademais de xentes novas, a moitos antigos socios e dirixentes de ADEGA, como o seu coordinador xeral, Xan Duro. Verdegaia pode agrupar o mellor do ecoloxismo galego, integrando xentes de todas as sensibilidades, sen ataduras políticas nin manipulacións. Tralo desastre do Prestige, a sociedade galega volveu mirar cara o mar, e tamén cara a terra (ese burato negro dos incendios forestais), avanzouse en concienciación e desde o novo goberno hai unha nova lectura da realidade dende esta perspectiva medioambiental. Agora hai que aplicar esa nova sensibilidade pola Terra e Verdegaia pode ser un gran activo a este respecto. Noraboa, pois.
Os grandes simios. A frivolidade é unha mesta planta que se expande a gran velocidade entre certos columnistas e tertulianos dos medios de comunicación. Demostrouse outra vez ante a proposta que fixo Fernando Garrido, deputado verde nas listas socialistas, respecto aos Grandes Simios: qué doado é facer un artigo estilo “chiste fácil” sobre humanos e simios! Xa o facían os ultraconservadores hai máis de cen anos para burlarse de Darwin. O respecto polos animais e pola propia natureza fainos máis humanos,porque os seres humanos tamén somos animais e compartimos un 99 por cento do noso xenoma cos grandes simios: razón suficiente para pararse a pensar que poidan ter certos dereitos, sequera a non ser torturados nin maltratados. Si, xa sei que temos a intelixencia e que iso nos diferenza do resto dos animais, pero ¿a cantas persoas esa intelixencia só lles serve para propagar o horror? Disque os simios máis semellantes a nós son os bonobos: teñen moito en común connosco, pero teñen outras cousas que nos arredan deles. Son moi luxuriosos, dito en clave humana, e non teñen prexuízos a ese nivel. E tamén son pacíficos e resolven co sexo moitos conflitos no grupo. Algúns humanos, en vez diso, fabrican e usan armas mortíferas, e fan desaparecer pobos e xentes. A historia da Humanidade demostra que a barbarie non sempre está acochada nas selvas.

30 abr 2006


O dereito "necesario" de criticar as relixións (El País, 30 abril 2006)
"As sociedades que non defenden aos individuos que critican ou cuestionan relixións ou calquera tipo de idea estanse equivocando e están destinadas a acabar tiranizadas e a perder a súa liberdade." Esta frase, pronunciada no debate "Ídolos e insultos: literatura, relixión e liberdade de expresión" por Ayaan Hirsi Ali, recibiu o pechado aplauso dos asistentes a un dos máis esperados debates da segunda edición do PEN Voces do Mundo, ao que tamén estaban convidados, xunto a Cebrián e Göle, o escritor indio Upamanyu Chatterjee, o intelectual alemán Hans Magnus Enzensberger e o suízo de orixe exipcia Tariq Ramadan.
Hirsi Ali, que foi presentada polo moderador do encontro Ian Buruma, escritor holandés, como "o Voltaire do mundo musulmán", coñeceu nas súas carnes a persecución relixiosa polos seus sarcásticos escritos contra a interpretación máis ortodoxa do islam e en concreto contra o tratamento que reciben as mulleres no ámbito desa relixión. Ela foi a guionista da polémica película Submissions, pola que o director holandés Theo van Gogh foi asasinado en 2004 a mans dun extremista islámico en Amsterdam e pola que aínda hoxe está ameazada de morte. No filme nárranse, en clave poética e á vez brutal, catro historias de mulleres maltratadas polos seus maridos e reprodúcense as frases máis degradantes do Corán contra a muller.
Quizias por iso a voz de Hirsi Ali foi unha das máis duras fronte ao que denunciou como "pasividade de Occidente" ante os ataques do extremismo islámico contra a liberdade de expresión. "A relixión ten que poder ser criticada. É necesario, é urxente. Todas as relixións o foron e esa posibilidade de crítica levou ao mundo occidental á prosperidade e á paz. Sen embargo, hoxe hai unha crecente autocensura de xornalistas e políticos occidentais, que tratan de minimizar as súas críticas contra o extremismo musulmán por medo ás súas reaccións", clamou. (Na imaxe, a deputada e escritora holandesaz Ayaan Hirsi Ali).

Visita a Valdeorras
Pasei onte, sábado, toda a xornada nas terras de Valdeorras. Fun aló coa miña muller, María, e a miña filla Eire. Convidáranos uns bos amigos do Barco: Remedios Gacio e Manolo Docampo (Lolo). E alí, para saborear un excelente cordeiro e os doces preparados pola nai de Remedios, esperábanos tamén Gustavo Docampo e Maribel, irmáns da outra parella (son dous irmáns casados con dúas irmás á súa vez). Lolo foi o responsábel do BNG na zona moito tempo: de feito un dos que montou o Bloque no lugar co meu cuñado, o poeta Millán Picouto, que tamén nos acompañou onte e que viviu alí tres anos, como profesor no Lauro Olmo. Agora dedícase ao mundo do viño e ensinounos de vagar a súa adega, de onde sae o magnífico viño ecolóxico que xa está a producir: Bacelos de Biobra. Só levan tres ou catro anos nisto pero xa son pioneiros en Galiza na produción de viño ecolóxico e teñen un magnífico viño que xa se comercializa en Ourense e noutras cidades do país. E, ademais, coa plena seguridade de que é o producto máis sano e menos contaminado do mercado gastronómico. Descendente de carpinteiros, o Lolo fixo el case soíño moitas das obras de restauración da adega, sobre unha casa familiar, e creou alí un recuncho encantador, nunha paisaxe tan fermosa como relaxante e acolledora: a adega está no núcleo de Biobra, concello de Rubiá, enclavado no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tivemos tempo para falar de case todo o humano e o divino e ata para escoitar un espontáneo recital en ruso: tomou café connosco unha profesora ucraína, que lles dá clases de ruso ás fillas de Remedios e Lolo, e gorentounos lendo uns textos en ruso e ata cantando unha canción moi coñecida do seu folclore.
Fraga e o galego: unha máis
No telexornal de TVE-1 de hoxe, mediodía, escoito ao director de cine Alfonso Ungría a falar dun seu documental sobre o tempo e a vida nos teleclubes, xa saben, aquela invención de Fraga dos 70 para ver a tele en colectivo. Alfonso Ungría sacara daquela (se entendín ben a nova do telexornal, collíno ao remate) un paisano galego falando en galego nun deses teleclubes. Fraga seica chamou ao NODO para que o botaran. Non custa imaxinalo indignado e dando voces: falando en galego na televisión!!!
En La Voz de G. len as bitácoras galegas, seica
Hoxe mesmo, en La Voz de Galicia, proponse un curioso concurso para elixir a palabra galega máis fermosa. Os lectores poden escoller ata o 17 de maio a que consideran máis eufónica ou harmoniosa: curiosamente, en toda unha páxina de información, nin sequera unha liña para lembrar que este concurso xa se fixo na blogosfera, proposto pola bitácora de Francisco Castro ("A canción do náufrago"). Eu mesmo publiquei unha recente andoliña sobre o tema. Non é a primeira vez que sucede (lembren aqueloutra dos nomes das vacas, e outras): unha idea interesante do mundo dos bloguers, unha información coincidente ao cen por cen co que sae na rede (case sempre sen asinar polo xornalista) e nin sequera unha mínima mención ao pai da idea. Seica na Voz len as bitácoras galegas, aínda que non paguen dereitos de autor...

29 abr 2006


BLANCO TORRES, UNAMUNO, AS LINGUAS
(Andoliña sábado 29 abril)
A tantos anos de distancia, sorprende a actualidade dalgúns debates con moitas décadas de historia. Leo no xornal “A Nosa Terra”, aló por 1919, esta cita contra o uniformismo centralista: “Unamuno di que xa se crebou a unidade. Non. A unidade está rota fai tempo, pro era unha rotura pasiva, que agora trócase nunha actividade que fará forte e fecunda a crebadura. ¿Dende cando houbo realmente en Hespaña unha unidade espritoal, de intereses ou de calquera outro xeito?”. A cita pertence a un xove escritor galego, 28 anos daquela, Roberto Blanco Torres, que pagaría logo coa súa vida o seu compromiso co país. E aínda non profetizara Jiménez Losantos a súa “quiebra de España”.
De Blanco Torres tense escrito que hai un aceno unamuniano na súa poesía. E escribíalle ao autor bilbaíno con respecto e admiración, como amosou nun estudo Alexandre Rodríguez Guerra. Como lle escribían tamén Blanco Amor e Otero Pedrayo e outros intelectuais galegos. Pero Unamuno, que merece ese recoñecemento noutras cousas, equivocábase nisto. Nos seus discursos nas Cortes, en 1932, opúxose á cooficialidade do catalán e ao seu uso na Universidade. Os ventos sopran hoxe noutra dirección, cando menos en Cataluña. (Imaxe: a caricatura de Unamuno feita por Álvaro Cebreiro, firmante do manifesto Máis Alá).

28 abr 2006





O Barco 1885-1969. Memoria fotográfica
Un dos síntomas máis esperanzadores do proceso de recuperación da Memoria que estamos a vivir é a salvagarda do noso patrimonio fotográfico, polo menos ata onde iso é posíbel. Nos últimos anos en toda Galiza (na provincia ourensá: no Carballiño, en Celanova, en Ribadavia, no Barco, etc.) estanse a publicar álbums de vellas fotografías que nos devolven a imaxe dun tempo pasado e ás veces negado con saña e hipocresía (a Segunda República e a represión na guerra incivil). No Barco de Valdeorras publicouse en 1990 o libro Cen anos do Barco nas fotos, 1863-1963, que abría este camiño na fermosa vila valdeorresa. Na mesma liña saiu agora O Barco, 1885-1969. Memoria Fotográfica, coordenado polo amigo Gustavo Docampo Paradelo e publicado polo Concello do Barco e a Deputación Provincial, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo que dirixe o tamén amigo Xulio Fernández Senra. Hai moitas fotos magníficas, unhas anónimas, outras asinadas, das xentes e paisaxes da comarca, da vida no río, da emigración, dos traballos, das formas de lecer, etc. Creo que as dúas que escollín aquí son ben representativas: nunha delas (cara 1920) faise a parodia do oficio do barbeiro; noutra ("Cuba, 1921") Manuel Blanco Pascual fai un orixinal autorretrato dacabalo e nunha típica facenda cubana.

VAGALUME, ARDORA, ANDOLIÑA
(Andoliña venres 28 abril)
Seguindo o fío de onte, tamén se fixo en galego o concurso sobre a palabra máis fermosa e diso quedamos en falar hoxe. Foi iniciativa do escritor Francisco Castro desde a súa bitácora “A canción do náufrago”. Houbo máis de cen propostas e quero recoller algunhas ben fermosas: aloumiño, andoriña, ledicia, chorima, brétema, caluga, bufarda, folerpa, axóuxere, escaravello, poalla, solpor, luscofusco, donicela, bolboreta, améndoa, vichelocrego, gorentar, fiúncho, mainiño, borboriño, pardal, costro, lóstrego, etc. Nos blogs galegos está vivo este debate (tamén no meu) e un amigo fisterrán mándame estas xoias do mundo do mar: ardora, rompente, marusía, ronsel, vogar.
Pero a gañadora foi “vagalume”, ese bechiño (Lampyris noctícula) que disque lle brilla o cu, sobre todo á femia, en medio da escuridade da noite. Si, merecía gañar. E ademais ten unha ampla gama de sinónimos de beleza non menor. Escoiten: lucecú, luceiro, lucerna, corcoño, coroceiro, ferriño, vella do caldo, verme da noite...
E moi preto do vagalume, compartindo a súa levidade e a súa fugacidade, está a miña querida “andoliña” que recollera nos vellos tomos verde do seu dicionario don Eladio Rodríguez González. (Ilustración: unha das deliciosas mariñas de Urbano Lugrís, o noso gran artista e fillo de Manuel Lugrís Freire).

27 abr 2006


Tres graciñas a repartir (na entrada número 100)
O meu anterior post foi o meu número 100 nun prazo de pouco máis dun mes. Esta bitácora está a posibilitarme unhas posibilidades de diálogo e comunicación coas xentes que eu nin sequera adiviñaba (e levo máis de 30 anos a escribir a cotío nos xornais). Por iso hoxe, en honor a eses 100 primeiros post, quero dar algunhas graciñas:
En primeiro lugar, graciñas a Afonso Vázquez-Monxardín, que foi o primeiro en ensinarme o doado que é isto de facer un blog (el aínda non se estreou, que sexa cedo). Despois, a Brétemas, que apoiou dende o primeiro día esta bitácora, como tantas outras cousas, sempre xeneroso. E sobre todo a Xulio Outumuro (Xulio de Rabal nos blogs), compañeiro meu no Instituto de A Carballeira e profesor de Informática, que é o meu especialista particular que me resolve os problemas que poidan aparecer de cando en vez.
Graciñas, por suposto, e no mesmo nivel, aos lectores e lectoras que fan posíbel este diálogo e comunicación, aos múltiples “usuarios anónimos” que non podo coñecer e a outros que xa empezo a coñecer mellor neste mundiño do blogomillo como A.C., Anónimo político-cultural, Etxeoqueai Fernández, Veloso, Acedre, Torre de Babel, Galeidoscopio, Estalote, Boedense, Caravelete, Muralla, Xacobe neto, Ocenza, Fisterrán, Náufrago, Aultre Narai, Abellonenia, Ronsel obradoiro de arte, F.Míguez, Axitada, Marcial, Neno da Norita, Andara o xeito, Outra vaca no blogomillo, Ian, Axitada, etc. (Excusas polos seguros esquecementos cando escribo case de memoria).
E graciñas tamén polas súas palabras de ánimo a amigos como Benito Losada, Henrique Alvarellos, Miguel Anxo Fernán-Vello, Antonio Piñeiro, Ruth Fernández, Luis Menéndez, José Pascual, Xavier Paz, Carlos Varela, Manuel Santos, Secundino Lorenzo, Manolo Barreiro, Charo Ferreiro, Santiago Prol, Ricardo Alonso, Xosé M. Sarille, Henrique Torreiro e outros moitos que agora non me lembro, que me adicaron algunhas palabriñas para seguir adiante.
Ah! Para rematar, en moi poucas semanas, espero agasallarvos cunha pequena sorpresa. De momento só vos podo decir que ten que ver co mundo da Rede e coa Historia de Galiza: creo que é un proxecto fermoso e ambicioso. Teredes novas canto antes.
(Na imaxe, Dona co espello, de G.Bellini)

26 abr 2006

DA BELEZA OCULTA DAS PALABRAS.
A palabra máis fermosa do castelán ou do español, como vostedes prefiran, é amor: así o decidiron os internautas nun concurso dunha escola de escritores. Entre as máis votadas estaban tamén paz, vida, esperanza, madre, amistad ou amanecer: é obvio que os concursantes pensaron máis nos conceptos e significados que na propia musicalidade interna dos vocábulos. A riqueza fonética xogou, en cambio, a favor de azahar, libélula, albahaca, susurro ou alféizar. Menos votos tiveron outras como lapislázuli ou mar: neste último caso sorpréndeme por moitas razóns, eu poñeríaa nas miñas favoritas.
Carlos Casares, cando lle preguntaban polo mellor libro da historia ou polo mellor escritor, respondía sempre que o mellor escritor ou libro son polo menos cinco mil e non se poden citar todos, claro. Habería que preguntarlle aos poetas. E aparecerían, sen dúbida, os adxectivos azul e verde, tan usados, e formas como miel, luna, jaral... E o naranjel e o arbolé de Lorca e Alberti coa árbore do jaracandá e coa abubilla e co alcaraván. E outros poetas reclamarían os dereitos de candela, chamariz, mariposa, álabe, guajira, e tantas outras posíbeis. E a palabra máis fermosa en galego?: diso falaremos mañá.
Etiqueta: Jaume Plensa.
ANDOLIÑA xoves 27 abril.

MÁRTIRES DE CARRAL
(La Región 24 abril)
O proceso de descuberta e recoñecemento da personalidade de Galiza ten como antecedentes máis arredados o labor dos ilustrados galegos e, sobre todo, a figura brillante e sorprendente do Padre Sarmiento. Ao seu carón outros nomes da Ilustración (Cornide, Lucas Labrada, etc.) ou do primeiro liberalismo (Pardo de Andrade) deron pasos decisivos no coñecemento do noso país e no espertar dunha sensibilidade pregaleguista. Tal como sinalan todos os historiadores, o nacemento do galeguismo non terá lugar ata a aparición dunha xeración, de xorne romántico, que situa a Galiza como obxectivo central de estudo e reivindicación. Velaí a xeración do provincialismo, que na década de 1840-1850 reivindicou este país como realidade de seu e a propia unidade de Galiza como antigo reino ou “provincia” fronte as provincias administrativas impostas desde a reforma de Javier de Burgos en 1833. O provincialismo nace como resposta á centralización administrativa do Estado liberal e está estreitamente vencellado, como indica R. Villares, á propia Xeración de 1846, aquela fornada de mozos universitarios afeccionados á literatura, á historia e ás ciencias que se significaron pola defensa da singularidade de Galiza. Esta Xeración (con nomes tan egrexios como Faraldo, Neira de Mosquera, Romero Ortiz ou Pío Terrazo) puxo as bases dun espertar xornalísticos e cultural que preparou o camiño do propio Rexurdimento literario. E foi tamén a protagonista, en boa medida, do pronunciamento do coronel Miguel Solís en Lugo en abril de 1846, logo difundido por todo o país, sobre todo nas vilas costeiras con presenza de núcleos comerciantes e liberais. Como estudou con detalle no seu día Xosé R. Barreiro, foi un levantamento progresista, inserto na dinámica do liberalismo político español, pero que avanzou reivindicacións do ideario galeguista mesmo apelando á historia anterga: “Galicia chegará a conquistar a influencia da que é merecerte, colocándose no alto honor a que está chamado o antigo reino dos suevos”.
As tropas de Solís foron derrotadas e os seus principais dirixentes militares detidos e fusilados en Carral o 26 de abril de 1846. Nacía así o primeiro símbolo da historia do galeguismo que os rexionalistas plasmarían no monumento de Carral. Moitos anos despois as Irmandades da Fala, en 1917, homenaxeaban aos Mártires de Carral e o 26 de abril de 1931 o galeguismo volvía a esta vila coruñesa e alí pronunciaba un mitin Manuel Lugrís Freire (foto adxunta). A Real Academia Galega, que recuperou esta foto do Arquivo do Reino de Galicia, celebrará alí unha nova homenaxe en lembranza de Solís e dos seus compañeiros. Se en 1917 se leron alí poemas de Pondal, Eugenio Carré, Florencio Vaamonde ou Eladio Rodríguez González, agora serán Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Alonso Montero e Salvador García-Bodaño os que poñan a voz, co mesmo espírito doutrora, á lembranza do primeiro símbolo da historia do galeguismo.

25 abr 2006


A Galiza industrial (c.1750-2005)
O pasado venres puiden ver cos meus alumnos (no meu caso xa era a segunda visita) a exposición Galicia Industrial (c.1750-2005) que se expón na Fundación Barrié da Coruña. Antes estivo en Vigo e debera rotar por todo o país e ser visitada por todos os mozos, que terían así unha forma excelente de achegarse á nosa historia. A mostra componse de 141 obxectos (máquinas, inxenios, maquetas, patentes, outros documentos orixinais), centenares de imaxes e audiovisuais, todo procedente de máis de 50 empresas, institucións e coleccións privadas. Está estructurada en catro partes: 1. Saída en falso (c.1750-1880): o liño, pioneiros do ferro, conservas, moita pel e pouca tecnoloxía, etc. 2. A industria chegou do mar (1880-1936): a revolución da conserva, industrias singulares, etc. (3) A explosión hidroeléctrica (1936-1973), o wolfram, líderes na construción naval, Galiza alumea Madrid. e (4) O novo selo industrial de Galicia: o automóbil e a confección (1973-2005). Estivo comisariada por dous pesos pesados da historiografía económica en Galiza e en España: Jordi Nadal e o amigo Xoán Carmona. Noraboa pola iniciativa e, o xa dito, que vaia rotando por todo o país. Para as visitas escolares, contan cunha guía ben informada e moi atenta que vai presentando toda a mostra de vagar (Na imaxe, o simpático anuncio da Conserveira Alfageme, impreso en folla de lata por La Artística c.1930. Moitos anos despois todos lembramos a iconografía Miau como un sinal de identidade da nosa infancia, non?).

Cartas de Ramón Piñeiro (Pan por Pan martes 25 abril)
A finais dos anos 40 non era doado ser optimista con respecto ao futuro deste país. Ramón Piñeiro estivo preso entre 1946 e 1949. Alí recibiu a Rodolfo Prada, mensaxeiro de Castelao, e dende o cárcere coordinaba a actividade galeguista. Logo veu Galaxia e o esforzo por axuntar vontades na recuperación cultural e social da nosa terra. Leo estes días un novo epistolario seu (Galaxia), as cartas que entre 1953 e 1967 lle enviou a Xosé Luís Allué, un mozo galego residente fóra da nosa terra. Son unha fermosa crónica do acontecer cultural daquela hora: os primeiros libros de Ferrín, a homenaxe a Otero, a descuberta de “Os eidos” de Novoneyra. Cada carta está chea de suxestións: por exemplo, a musicalidade “esencial” de Galiza no seu ser máis fondo: “na prosa de Valle Inclán, na poesía de Rosalía ou na marabillosa oratoria de Otero”. E logo aínda hai voces que esquecen o legado de Piñeiro!

24 abr 2006


<Chernóbil, ábrese de novo a caixa de Pandora da enerxía nuclear
Aos 20 anos da traxedia de Chernóbil, da que falan nestes días os medios de comunicación, Ucraína volve a empeñarse en insistir no desastre: Kiev pretende construír 20 novos reactores atómicos e prolongar a vida dos antigos. No mundo intelectual volveu tamén o debate ante a crise evidente de materias primas enerxéticas: mesmo algún líder ecoloxista abriu a caixa de Pandora sobre a necesidade de voltar á enerxía nuclear. Pero ninguén explicou aínda qué sucede coa seguridade nin cos residuos nucleares, cos que condearemos ás xeracións futuras sen remedio. (Na foto, da BBC News, uns cadernos dunha escola de Chernóbil).

22 abr 2006


De sombreiros, vodas e xentes algo pailáns
Un amigo mandoume esta foto da popular voda gai do PP: quero dicir, do concelleiro de cultura ourensán, Pepe Araújo. Entre os convidados esta señora con sombreiro das carreiras de cabalos do Reino Unido. Se non son de Ourense, ao mellor non a coñecen: é bastante próximo ao noso alcalde. País!

CEN POEMAS. ESCOLMA PERSOAL (5)
O ALEGATO CONTRA DEUS DE PERO GARCÍA BURGALÉS

Fago miña esta suxerencia do amigo Afonso Vázquez Monxardín que me enviou hai días este impresionante poema de Pero García Burgalés. Tremendos versos onde o poeta semella desesperado pola morte da súa dama e logo arremete contra o causante da súa desgracia (xa que canto ben había me quitou/ e encanto el no mundo logrou saber/ como me podería facer moito dano).
Hai versos semellantes, no desespero polo amor morto, en poetas contemporáneos (A.Machado) ou imprecacións agraviadas contra o propio Deus (D.Alonso), pero nunca vimos nada próximo a este berro nun poeta medieval. Disque Pero García Burgalés foi un trobador castelán, probablemente de Burgos, coñecido polas súas sátiras (un dos que atacou á Balteira). Dende logo, se o poema responde a un sentimento auténtico, persoal, de desconsolo, ningunha barreira, humana nen divina, fixo frear o alegato do García Burgalés. Ofrezo a versión orixinal e logo (sen arcaísmos) unha versión máis modernizada, realizada polo propio Afonso. (Ilustramos cunha foto do artista danés E. Schildt).

Nunca Deus quis nulha cousa gram ben,
nen do coytado nunca se doeu
pero dizen que coytado vyveu;
ca se s' el del doesse, doer s' ia
de mi que faz muy coytado viver,
a meu pesar, poys que me foy tolher
quanto bem eu eno mund' atendia.

Mais en quant' eu ja vivo for, poren
non creerey que o judas vendeu,
nen que po[r] vos na cruz morte prendeu,
nen que filh' est[e] de sancta Maria.
E outra cousa vos quero dizer:
ca foy coitado non quero téer,
ca do coytad' a doer s' averia.

Aynda vus del direy outra ren:
poys quanto ben avya me tolhe[u]
e quant' el se[m]pre no mund' entendeu
de que eu muy gran pesar prenderia,
per bõa fe, daly mh o fez prender,
por esto non quer' eu por el téer,
e quanto per el crive fiz folia.

E se el aqui ouvess' a viver,
e lh' eu poren podesse mal fazer,
per boa fe, de grado lho faria!

Mays, mal pecado! non ey en poder,
e non lhy poss' outra guerra fazer;
mais por torpe tenh' eu quen per el fia!


Nunca Deus quixo moito ningunha cousa,
nin nunca se doeu do coitado
pero din que coitado viviu;
que se del se doese, doeriase
de min, que me fai moi coitado vivir
a meu pesar, pois que me foi quitar
canto ben eu no mundo tiña.

Mais en canto eu vivo fora, poren,
non crerei que xudas o vendeu,
nin que por vos na cruz morte prendeu,
nin que fillo é este de Santa Maria.
E outra cousa vos quero dicir:
que foi coitado, non o dou crido,
senón do coitado doerse habería.

Aínda del vos direi outra cousa:
xa que canto ben había me quitou
e encanto el no mundo logrou saber
como me podería facer moito dano,
abofé que alí mo fixo de inmediato,
por isto non quero eu telo comigo,
e canto por el fixen, fixen tontería.

E se el aqui viñese vivir,
e lle eu, seguro, puidese mal facer,
abofé, que con gusto llo faría!

Mais, malpocado! non teño eu poder,
e non lle podo outra guerra facer;
máis que por torpe ter a quen del se fía!

Noraboa máis que merecida a Ramón Villares
Onte estiven de viaxe e non puiden postear isto que vai agora: a miña noraboa pola elección, máis que merecida, de Ramón Villares como presidente do Consello da Cultura Galega. Non sei qué pasou alí dentro (eu non estaba, claro), pero sei que fóra do Consello había arelas de esperanza de que Villares encabezase o CCG. Coñézoo hai bastantes anos, fun o seu alumno na Facultade de Historia (tamén de X.R. Barreiro, presidente da RAG), tiven a honra de que me dirixise na miña tesina e na miña tese doutoral e aínda noutros traballos. Se non fose pretencioso pola miña banda ata ousaría considerarme discípulo seu: desde logo, si son admirador e seguidor entusiasta de toda a súa obra. E sei tamén das súas cualidades persoais e da súa intelixencia e sentido común, que tanto se precisan neste país. Ogallá poida enriquecer o labor do CCG e mesmo abrilo máis aínda cara fóra: que se vexa como unha institución fulcral e central do noso tecido vertebral, para iso naceu precisamente. O historiador xa ocupa lugar de seu, por méritos propios, nese fermoso título que lle puxo a un dos seus libros en Xerais: "Figuras da nación": como Manuel Colmeiro, como Castelao, como A. Villar Ponte, como Peña Novo, Como ese outro gran don Ramón, que el tamén estudou e interpretou: Otero Pedrayo. Desexamos que teña todos os éxitos e que reserve unha parte do seu tempo para seguir escribindo e interpretando a andaina histórica do noso país: os seus traballos seguen sendo imprescindíbeis.

Darío Xohán Cabana na Academia
ANDOLIÑA sábado 22 abril
Foi en 1969 cando un poeta lugués aínda novo se deu a coñecer como tal: Darío Xohán Cabana (Terra Chá, 1952). Cumpridos cincuenta anos, agrupou toda a súa poesía nese longo período no volume Vinte cadernos (Poemas 1969-2002), un balance dun total de trece libros da súa lírica ata esa data.

Como narrador, ademais de gañar unha chea de premios, foi quen de crear obras moi populares como Galván en Saor ou Fortunato de Trasmundi ou auténticas pezas mestras da nosa narrativa como O cervo na torre e Morte de rei que tiveron o favor da crítica, aínda que a súa recepción polo público fose menos agasalleira do desexábel. Polo camiño, Darío Xohán Cabana foi construíndo unha forte personalidade como escritor e unha voz de seu que brilla hoxe con forza no noso sistema literario.
Hoxe ingresa na Real Academia Galega cun de seguro excepcional discurso e a lembranza dos seus mestres Xosé María Álvarez Blázquez, Manuel María e Méndez Ferrín, que responderá as súas palabras. A Academia está de noraboa e tamén todos os galegos e sobre todo a nosa lingua, ese tesouro que Darío soubo atesourar e enriquecer como fixeron os clásicos das nosas letras noutrora.

Nestes días andamos a falar en Ourense de Valle Inclán e o seu mundo literario

SOBRE OS BISPOS AURIENSES, MEU DEUS!Galería de prelados aurienses
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. | X.L. MÉNDEZ FERRÍN
(Por se alguén non o viu, Ferrín escribiu este venres sobre os bispos aurienses)
Na miña cidade natal, Ourense, hai un bispo polo menos desde os días do Reino Suevo de Galicia. Bispo que, na Idade Contemporánea, sempre se asocia co fanatismo, a intolerancia e o autoritarismo, como se a diocese estivese marcada con algún malfado. Pero, sobre todos os pecados destes bispos de Ourense, eu destacaría o de natureza capital que é coñecedido na moral católica co nome de soberbia. Soberbio foi estes días, e un pouco ridículo, o actual bispo de Ourense, Quinteiro Fiúza, ao condenar publicamente á plana maior do PP ourensán por ter celebrado matrimonio civil e de partido entre dous militantes seus, do sexo masculino, ambos, e iso aos poucos meses da colosal manifestación da dereita española en Madrid contra o casamento homosexual. Terá razón o bispo de Ourense, porque, despois de todo, o PP é o partido da Igrexa Católica en España e debe comportarse. No pasado foi o bispo, de Ourense Pedro Quevedo e Quintana, feroz absolutista que pegou portazo nas Cortes de Cádiz para se retirar a Turei (Tourém), territorio portugués da súa diocese, e desde alí proferir os planfletos liberticidas dirixidos a toda a España e no nome da Fe. E o pacífico Ourense da Restauración conmoveuse dúas veces, e tales conmocións atinxiron coas súas ondas de escándalo, toda a España (as Españas, que xa eran dúas) intelectual. Refírome a cando o bispo de Ourense Cesáreo Rodrigo presionou para que o premio sobre a obra do Padre Feijóo non se lle concedese a unha Concepción Arenal contraria doutrinalmente ao dogma e si á observante, carlistona, xovencísima e rica Emilia Pardo Bazán para escándalo da sociedade progresista galega, portuguesa e española e para ledicia (carta de Laverde a Menéndez Pelayo) do clericalismo e da ultramontanidade. Ou cando o mesmo bispo Cesáreo, na década de 1880, pouco despois, desnuncia e fai procesar polo brazo secular a Curros Enríquez, ao tempo que penaba con escomuñón a lectura de Aires da Miña Terra. Debo decer que o episcopado da miña infancia ourensana foi o do doutor Blanco Nájera, persoa autocrática que foi quen de expulsar os Xesuítas (sic) da cidade, de anatemizar a primeira asemblea da ONU, de acosar os protestantes de Couto e da Ponte e de retirarlle os sacramentos aos gobernadores civil e militar por concorreren á "Cea Americana" do Liceo onde, grave pecado, se amosaron escotes e se bailou o fox. Ou sexa que a tensión entre o bispo de Ourense e as autoridades políticas do seu partido non é cousa de hoxe. E lémbranse vostedes de Monseñor Temiño, martelo de cregos galeguistas, aos que empurrou de maus modos á secularización, que foi capaz de prohibir as festas e romarias tradicionais na súa dimensión lúdica e popular? Bispos de Ourense cortados todos por un patrón e que, en cada época, foron temidos e compeliron á descrenza a moitas xeracións de batizados na vella diocese. Eu coidaba que xa racharan o molde pro as declaracións de Monseñor Quinteiro, o único galego de nación nesta galería de rostros antipáticos, devólvennos a realidade de que as pedras do pazo episcopal de Ourense, sexan estas as do vello coma as do que onte albergara o seminario, seguen a agochar a vera faz do fanatismo e da intolerancia.




21 abr 2006


O DANUBIO, METÁFORA DA CATÁSTROFE (Andoliña venres 21 abril)
O escritor Claudio Magris escribiu hai anos unha espléndida novela titulada “O Danubio” na que este río se convertía en alegoría da identidade europea: poucos lugares tan cargados de historia como toda esa Europa central que baña coas súas augas case tres mil quilómetros ao longo da Bohemia checa, Austria, Alemaña, Romanía, Bulgaria, Serbia, etc. Terras hoxe en alerta polas graves inundacións que se están a dar en moitos deses países, que non só teñen que ver co indiscutíbel cambio climático senón tamén coa febre de construcións urbanas e industriais que se fixeron nesa contorna: o río quédase sen canle suficiente por onde discorrer, din os especialistas, e iso ten evidentes consecuencias. Tres grandes cheas de auga en menos de catro anos: o Danubio rematará por devir tamén en metáfora da catástrofe anunciada.
Outro informe da ONU insiste na perda da biodiversidade: 76.000 especies animais e vexetais están ameazadas no que xa se considera como a sexta extinción masiva de especies e a maior desde a desaparición dos dinosauros. Ao home sóbralle intelixencia e tecnoloxía para facer un mundo mellor, pero tropeza, unha vez e outra, coas mesmas pedras. E quizais tampouco teña esa vontade…
(Imaxe: Madonna, de Giovanni Bellini)

20 abr 2006


DAS CUBAS LITERARIAS DOS GALEGOS
(Andoliña xoves 20 abril)
Son un dos moitos lectores que se achegaron á historia cubana cos estudos de Manuel Moreno Fraginals. E tamén a través da literatura. E nas nosas letras as paisaxes cubanas tiveron a súa funcionalidade: desde Lesta Meis co seu “Estebo” e “Manecho da Rúa”, que enchouparon a nosa lingua do exotismo das plantacións da cana azucreira, ata as achegas narrativas e documentais de Neira Vilas ou novelas como “A historia de Chicho Antela”, de Riveiro Coello, que confronta a Cuba prerrevolucionaria e a actual. Realidade presente ademais na narrativa cubana: velaí o “Gallego” de Miguel Barnet.
E nesta tradición narrativa na que se insire a última novela de Alfredo Conde, “Lukumí”. O obxectivo previo do autor alaricano é ben ambicioso, pois pretende abordar toda unha saga de historias cubanas arredor da andaina vital do mulato Estevo, descendente de galegos e de escravos africanos. Con humor e melancolía, Alfredo Conde vai debullando moitas memorias: aquelas que van desde os bisavós e tataravós de Estevo ata o presente da illa. O que esixe xogar con moitos xeitos de pensar e falar, con moitas formas de ser e de ver o mundo: do que levo lido, só os primeiros capítulos, quedei abondo satisfeito.
(Imaxe do pintor colombiano Máximo Riera)

19 abr 2006


ANTONIO MACHADO E A SÚA MUSA GUIOMAR (Andoliña 19 abril)
O hispanista irlandés Ian Gibson está especializado en facer biografías de personaxes da España contemporánea: García Lorca, Salvador Dalí, Cela. Agora publica unha achega a Antonio Machado (“Ligero de equipaje”) a quen define como un home de esquerda liberal que “pretendía que as cousas mellorasen pouco a pouco”. Diríxese Gibson, en propia confesión, ao lector medio e de seguro o libro, en clave didáctica, chega en boa hora porque Machado foi tamén símbolo dos valores cívicos que definiron a República rememorada nestes días.
Tamén fala Gibson das mulleres que inspiraron ao poeta, como a súa dona Leonor ou a inaccesíbel e casada Pilar de Valderrama, alcumada “Guiomar” como musa poética. José Luís López Cid no seu día chamou a atención sobre os seus vencellos con Galiza e disque o escritor ourensán Angel Lázaro foi confidente destas relacións co poeta. “Guiomar” viviu en Noia e Betanzos e pasou ademais parte da guerra civil no noso país. Espero que o hispanista recoñeza tamén as conexións galegas de Machado, ben sistematizadas polo profesor Claudio Rodríguez Fer no libro “Antonio Machado e Galicia” (1989).

18 abr 2006


Á morte non lle teño ningún medo, de
Fiz Vergara Vilariño(Cen Poemas- Escolma Persoal, 4)
Non tiven a sorte de coñecer ao poeta Fiz Vergara Vilariño. Só o puiden ver nunha ocasión, xa estaba el moi enfermo e empuxándose con caxatos, na entrega dos Premios da Crítica do Círculo Ourensán-Vigués (eu estaba noutro xurado, déranlle o premio da crítica en 1991). Pero teño algúns dos seus marabillosos libros. O Diccionario da Literatura Galega- Autores (Galaxia) comenta polo miúdo “Nos eidos da bremanza” (Galaxia, Dombate, 1990), que foi o libro premiado na cea de Vigo precisamente. Excelente sonetista, ten merecido a atención crítica entusiasta de autores como Darío Xoán Cabana, Alonso Montero, Xavier Rodríguez Barrio, Luís Alonso Girgado e Helena González, entre outros. A riqueza do seu léxico sitúao entre os grandes poetas constructores da nosa lingua literaria. Se tivese que escoller algún dos seus poemas (algúns anos fago tamén unha escolma persoal para os meus alumnos de bacharelato, ao rematar o curso, e doulla en fotocopias), quizais debería estar algúns dos seus magníficos sonetos de “Pastora de sorrisos”, (Lugo, Sons Galiza, 1993) cheos de sensualidade e erotismo, de amor á natureza e de valentía case lúdica ante a morte.
Por exemplo, este:
Quero ser enterrado na Xabreira,
xunto ós meus devanceiros benamados,
nun sartego de terra viva e fértil,
onde ti tripes sen notarse apenas.

Que me deixen os ollos ben abertos
pra poder contemplar os altos cumes,
a casa e o muíño, os horizontes
onde lindes lizgaira o meu sorriso.

En canto chegue o Día de Difuntos,
vén visitar a miña tumba aberta
e tráeme un ramallo de panqueixos.

Que eu seguirei amándote decote
dende debaixo a terra campesiña,
ata que cinza sexan os meus ósos.


(A imaxe é do pintor A. Sucasas)

E ao César o que é do César
(Andoliña martes 18 abril)
Hai xa uns cantos anos, nestas datas, paseaba eu pola fermosa vila de Allariz coa miña familia. Encontreime entón ao alcalde daquela vila, hoxe vicepresidente da Xunta, presidindo todo circunspecto unha procesión. Non era o único cargo do Bloque que o facía: había máis país adiante. O pasado domingo repetiuse a escena co alcalde da miña cidade e outros catro concelleiros á fronte dunha cerimonia semellante: neste caso no ambiente aboiaba unha certa polémica porque antes o bispo de Ourense publicara unha dura filípica contra este alcalde por oficiar o primeiro matrimonio gai dun cargo do Partido Popular en España. O bispo está no seu dereito a ditar normas para os seus fieis. Os que están descolocados, en ámbolos dous casos, son os representantes dun Estado aconfesional (artigo 14. 3 da Constitución) que nada pintan, creo eu, á fronte dun ritual sacralizado.
Se queren asistir como católicos, por suposto están no seu dereito pero que o fagan co conxunto dos crentes e non encabezando a procesión rodeados de maceiros. Sobre todo por aquilo que está nas escrituras como consello do mesmo Xesús que celebran os católicos: “Dar a Deus o que é de Deus e ao César o que é do César”. (Imaxe de Burne-Jones)

17 abr 2006


CEN POEMAS- ESCOLMA PERSOAL
(3: O meu país, Xoán Manuel Casado)
Este poema tiña que estar aquí. Quizais non sexa un dos cen mellores poemas das letras galegas, non o imos discutir agora, pero tiña que ter o seu sitio na miña escolma persoal. Cantábao Miro Casabella nos tempos de Voces Ceibes, en todos os seus recitais, cun aquel de saudades e melancolías (creo que hai unha versión máis recente de Luar na Lubre). O texto do poema é de Xoán Manuel Casado Martínez (Barcelona, 1949-2002), fillo dos poetas Manuel Casado Nieto e Eva Martínez-Carmona, e un nome bastante esquecido (fíxolle unha Homenaxe o PEN e pouco máis neste país). Para min simboliza os anos universitarios de Santiago e todo o que aquilo conlevaba: hoxe son xa só lembranzas "de alento e desalento" tamén neboentas. Ademais, quero destacar que naqueles días, cando o noventa por cento da poesía era poesía social (boa e mala, de todo houbo, xa falaremos diso), este poema aportaba un outro enfoque non menos enriquecedor e que cheirab a autenticidade (Ilustración de Virxilio).

O MEU PAÍS
O meu país, é verde e neboento
é saudoso i antergo, é unha xente i un chan.
O meu país, labrego e mariñeiro,
é un recuncho sin tempo, que durme, nugallán

Que quece na lareira, aló na carballeira
bota a rir.
É unha folla no vento, alento e desalento,
o meu país.

O meu país, tecendo a súa historia,
muiñeira e corredoira, acocha a súa verdá.
O meu país, saúda ao mar aberto,
escoita o barlovento, e ponse a camiñar.

Cara metas sin nome, van ringleiras de homes
e sin fin.
Tristes eidos de algures, vieiros pra ningures,
o meu país.

O meu país, nas noites de invernía
dibuxa a súa agonía, nun vello e nun rapaz.
O meu país, de lenda e maruxías
agarda novos días, marchando de vagar.

Polas corgas i herdanzas
nasce e morre unha espranza, no porvir.
É unha folla no vento, alento e desalento,
o meu país.




De Enkheduanna, a primeira escritora da historia
(Escribín hai tempo estas liñas, cando empezaba a guerra do Iraq, pero creo que non perderon actualidade, por desgraza...)
Enkheduanna. Disque alí houbo unha gran calamidade cara o 2900 antes de Cristo: desbordamento de ríos ou un maremoto, iso que rexistran varias relixións como a crónica do Diluvio Universal. Era a vella Mesopotamia e foi isto antes dos tempos históricos de Sumer, que deron paso a unha vizosa civilización que inventou grandes cousas: a escritura e as primeiras escolas, a literatura e certos coñecementos médicos, tamén a cervexa (kash) para alimentación e farmacopea. Alí tamén encontramos o primeiro escritor de nome coñecido na historia da Humanidade: unha muller, Enkheduanna, filla do rei Sargón de Acad, gran sacerdotisa e autora dun poema á deusa Inanna. É un nome difícil, pero Enkheduanna merece pasar á Historia con máis mérito que os xenerais que hoxe enchen de bombas e estreliñas bélicas ese mapa.
Torturas e odio.Hay golpes en la vida tan fuertes, yo no sé,/ golpes como el odio de Dios./ Son pocos, pero son”, escribiu o poeta César Vallejo. Versos anguriados, conciencia desesperada que fala da arma máis mortífera do mundo, moito máis perigosa que as supostas armas químicas e biolóxicas: a arma do odio. Ese odio reprodúcese coa masacre de víctimas civís e coa prepotencia inútil dos invasores que se queren liberadores en todas as guerras. As imaxes horrorosas das torturas son só un pequeno recuncho dun gran cadro que se nos oculta na súa integridade. Na “Orestíada” de Esquilo, Orestes, consumado o seu matricidio contra Clitemnestra, é perseguido polas Erinias, as deidades da vinganza. A deusa Atenea perdoa a Orestes e calma as furias vingadoras. Pero nós non sabemos o remate destoutra traxedia.
Por un papel. Disque é importante saber de onde é un e en qué tempo vive: “son fillo do meu país e fillo do meu tempo”, dicía o noso Murguía. Con iso debería chegar. Pero hoxe é preciso ademais levar na carteira o DNI e unha chea de documentos, con cadanseu número, testemuña de que existimos. Eses papeis necesarios levan a milleiros de inmigrantes hispanos a alistarse nos exércitos do coloso norteamericano. A cambio o Estado promete garantirlles a cidadanía. As lexións romanas conquistaban países e facían moreas de escravos entre os vencidos para traballar os seus eidos. Hoxe os escravos están dispostos a matar ou morrer, non por intereses económicos ou políticos. Só por un papel de cidadanía. ¿Avanzamos?
(A imaxe de Ingres como contraste, outra vez)

14 abr 2006


De "Merlín e familia" e o xenio de Cunqueiro
(Pan por Pan venres 14 abril)
No especial “50 anos con Merlín e familia” do que falei onte (Cadernos Grial) hai varios traballos de interese. “Cunqueiro e o marabilloso inverso”, de Xosé Miranda, é un dos máis suxestivos: bota por terra moitos tópicos sobre o mindoniense e, entre paradoxos, marca as súas exactas lindes coa Materia de Bretaña e a literatura artúrica, co realismo máxico, coa literatura fantástica e coa tradición oral. Con todo isto non lle resta nada de importancia a don Álvaro: todo o contrario, sitúa a Cunqueiro como un dos cumes da literatura (non só galega e española) do século XX. Un escritor moderno na súa obra que foi antimoderno na estética e na ideoloxía. Un escritor complexo e cheo de significados. Por iso tivo discípulos, pero non existe cunqueirismo literario. O único cunqueirismo posíbel é esa lexión de xenios que se chama Borges, Marcel Schwob, Tolkien, Dusany, Calvino, Perucho, etc.

13 abr 2006


As criadas como fonte documental nas letras galegas
(Pan por Pan xoves 13 abril)
Tense escrito xa sobre o papel dos avós nos nosos escritores. E habería que facelo tamén sobre as criadas nas vellas casas vilegas. No pasado nadal publicouse un especial de “Cadernos Grial” dedicado a Cunqueiro nos 50 anos de Merlín e Familia. Alí se publica unha conversa de Casares co señor de Mondoñedo (parte dun frustrado libro de entrevistas, qué mágoa!) e este recoñece así a súa débeda coas criadas: A miña nai, en cambio, falaba galego constantemente. E o mesmo facían as serventas, todas elas fillas de caseiros da miña familia materna, en Miranda. Unha delas, Encarnación Teixeira, natural do lugar de Espasende, en Riotorto, era moi afeccionada aos contos de medo. Viu o anano de ouro do Castro. Outra, Esperanza Sixo, de Guillán, era moi cantora de romances. Sabía, por exemplo, o da Frouseira, “De Francia partió la niña” e outros. Cantábaos todos coa mesma música.
HITLER, OS ALEMÁNS, FRANCO
(Andoliña xoves 13 abril)
Adolf Hitler rapinou media Europa e esquilmou os bens do cinco por cento da súa propia poboación, os xudeus alemáns. Isto é ben coñecido. Pero o historiador Götz Aly, que dirixe unha investigación sobre o Holocausto, afirma ademais que Hitler mercou con diñeiro aos alemáns. Engade que estes viviron moi ben, gozando dun certo benestar e prosperidade económica: o III Reich creou subvencións por fillos, seguro de enfermidade gratuíto para xubilados, beneficios fiscais para as familias, condonación de débeda aos arios, etc. Os que protestaron foron liquidados canto antes: lembren o famoso poema de Brecht que non é de Brecht. E a xente pensaba: “se o Estado o fai, será correcto”.
Ten toda a razón Götz Aly cando afirma que unha ditadura non se sostén longo tempo sen un consenso subxacente. En España tamén houbo unha longa ditadura, case corenta anos de submisión e ignominia. Por suposto, nese longo período, houbo políticas sociais, seguros obreiros, ministerios para a vivenda e estratexias para achegarse á mocidade e a outros sectores da poboación, dende os campamentos da OJE ata os ballets da Sección Feminina. Habería pois que concluír que tamén Franco mercou a vontade dos españois?

O Bispo de Ourense tíralle das orellas ao Partido Popular
Un amigo ourensán (tachochuky) envíame unha mensaxe con este texto:
O Bispo de Ourense esta triste como a princesa do poema, ademais meteuse electricista xa que vai “iluminar a los politicos catolicos” (esta craro ques estos politicos son mais caros, xa que hai que iluminalos, os non catolicos van sen iluminación. Espero que non a cegas).
“Para evitar la confusion y el desconcierto”, mandovos a paxina do Bispo Quinteiro de Ourense.
http://www.obispadodeourense.com/
E esta é a nota do Bispado de Ourense (ao mellor acaba sendo tan famosa como a filípica contra Curros Enríquez):
Los medios de comunicación social han difundido hoy la noticia de la «boda homosexual» de un concejal del Partido Popular en el Ayuntamiento de Ourense, acompañado por significados representantes políticos, dando amplia publicidad y convirtiendo la noticia en un acontecimiento con previsibles repercusiones sociales. El hecho ha conmocionado a una gran parte de la sociedad, en especial a la ciudad de Ourense, y nos ha entristecido a los católicos.
Con el fin de evitar la confusión y el desconcierto entre los fieles e iluminar a los políticos católicos que desean vivir íntegramente su fe en el ejercicio de sus funciones, me siento obligado a recordar la enseñanza de la Iglesia a este propósito, recientemente reafirmada por la Conferencia Episcopal Española en la Instrucción Pastoral «
Teología y secularización en España» (Cfr. n. 65). Reivindicar la condición de cristianos actuando en el orden político y social conlleva no asumir propuestas que contradicen expresamente la enseñanza evangélica, custodiada y trasmitida por la Iglesia. Lo contrario sería, entre otras consecuencias, causa de grave escándalo. Ourense 9 de abril de 2006
+ Luis Quinteiro Fiuza Obispo de Ourense.

Conste que, nesta ocasión, eu creo que o bispo ten razón: se estes políticos do PP fan profesión e propaganda da sua fe católica, que se ateñan as normas internas concretas desta confesión. O resto é cinismo e hipocresía. Despois apuntanse a ir presidindo a procesión do Venres Santo e todo iso, vello estilo nacional-católico. Que pintan políticos que se din demócratas á cabeza de manifestacións relixiosas e ademais conducidas por unha xerarquía que persegue as ideas e conviccións máis fondas de amplos sectores da sociedade (homosexuais, mulleres, etc.)?
(Imaxe de Giotto da resurrección dos corpos no día do Xuízo Final).

Irán tamén?
Serán capaces os poderes fácticos de USA de levar o horror tamén a Irán, como apunta, xa con seguridade, o xornalista Seymour Hersh (de The New York Worker). Aínda sabendo que o de Iraq foi un fracaso desde calquera punto de vista, que xa está en plena guerra civil e que non ten xeito de remediarse nin a curto nin medio prazo? Ata onde queren levar o mundo Bush e os seus amigos?
De Periodista digital:
Seymour Hersh, el azote de Bush que destapó las torturas de Abu Ghraib, apunta ahora a IránEl periodista enemigo de la Casa BlancaEl nombre de Seymour Hersh causa pánico en la Casa Blanca.El conocido periodista de investigación estadounidense Seymour Hersh, que ha destapado entre otras cosas las torturas de la cárcel de Abu Ghraib, ha publicado en The New Yorker un largo artículo sobre las intenciones del gobierno de Bush de bombardear Irán a toda costa. El azote de los desmanes gubernamentales, revela que Bush ya ha iniciado investigaciones sobre el terreno para localizar objetivos iraníes y está intensificando las actividades clandestinas en el país.

12 abr 2006


A MINORÍA CATÓLICA EN ESPAÑA
(Andoliña mércores 12 abril)
A Igrexa católica está en caída libre: é a institución menos digna de aprecio para os mozos, que só se declaran católicos no 49 por cento (antes era o 77). E o número de practicantes redúcese ata o 10 por cento: por isto escribía estes días Reyes Mate nun xornal catalán que os católicos son xa unha minoría en España. A socioloxía di que estamos máis preto da laica Francia que da Polonia ultracatólica. Pero con certas diferenzas: en Francia os católicos, como minoría, aprenderon a argumentar e facer ofertas cualificadas. En España a xerarquía eclesiástica obvia esta realidade e segue a actuar, di o propio Reyes Mate, como se os católicos fosen aínda a maioría da sociedade.
Velaí ao cardenal de Madrid repetindo a propósito da Lei Orgánica de Educación (LOE) que o Estado debe aterse a unha orde natural que só sabe interpretar correctamente a Igrexa. Ou o documento publicado onte polos bispos cos máis rancios prexuízos de moral do vello nacional-catolicismo con naftalina. O discurso da cúpula eclesiástica necesita unha fonda renovación ideolóxica: situarse no tempo en que vivimos, xusto o contrario do que se está a facer. Unha renovación que, se tarda moito, quizais xa non chegue nin a tempo.
(Imaxe: Virxilio, Os contemplativos, 1988)

A República e as contradicións do PP ourensán
(Pan por pan mércores 12 abril)
Os Amigos da República están a celebrar un amplo programa de conmemoracións titulado “República e Liberdade”, que homenaxeou a Julio Losada e permitiu recuperar nomes esquecidos da nosa historia como Alfredo Gómez Ollero ou Blanco Dobarro. Nesta xeira de actos colabora, con outras entidades, o Concello de Ourense. O concelleiro de cultura, participou en varios deles. Eu non podo máis que felicitarme dese apoio municipal, pois entendo que Pepe Araújo representa dalgún xeito ao grupo de goberno. Pero… Velaí vai o meu pero. Un mínimo de coherencia esixe que esta xusta reivindicación das víctimas republicanas vaia acompañada da limpeza dos restos do franquismo en Auria. E seguimos pisando rúas con nomes como Coronel Ceano ou Capitán Eloy. O goberno municipal non fixo nada ao respecto e non é sen tempo: case 30 anos levamos de democracia nos concellos.
(Imaxe: debuxo de Luís Seoane, "Arriba España", no álbum Trece estampas da traición).

11 abr 2006


PAN POR PAN martes 11 abril
“Gallego,ga. Del lat. Gallaecus. 1. adj. Natural de Galicia. 2. adj. Perteneciente o relativo a esta comunidad autónoma de España. 3. adj. En Castilla, se dice del viento cauro o noroeste que viene de la parte de Galicia. 4. adj. Ant., Arg., Col. Y Ur. Dicho de una persona: Nacida en España o de ascendencia española. 5. adj. C.Rica. Tonto (falto de entendimiento o razón. 6. adj. El Salv. Tartamudo”. Velaí, literal, a definición de “Gallego” na última actualización do Dicionario da Real Academia Española, que provocou unha protesta dun deputado do BNG no Parlamento Galego. As acepcións quinta e sexta, din que vivas en Costa Rica e no Salvador, son sen dúbida denigrantes, Cando menos, deberían sinalarse como formas despectivas ou arcaicas. Ou ben ser suprimidas: como o foi a acepción “bruto” que figurou tamén nese Diccionario ata 1958, en que foi retirada por petición de Camilo José Cela.
(Imaxe: obra do artista expresionista Van Dongen, 1930).
BERLUSCONI, CARICATURA DE SI MESMO
OS ITALIANOS VAN ESPABILANDO (anque, raspadiños, como os galegos...)
Isto era o que eu escribía onte:
Todos os políticos poden dicir algunha babecada no exercicio das súas funcións: vai tamén no soldo. Pero hai un tipo de políticos que se converten a si mesmos nunha babecada continuada, nun esperpento de si mesmos. Son políticos brillantes no plano mediático: superan ás súas caricaturas. Ese é o modelo Berlusconi. Ou dun Paco Vázquez ou un Acebes: calquera imitación deles queda moi por baixo da realidade.
Berlusconi manipula as leis para evitar comparecer ante a Xustiza, controla os medios de comunicación públicos e privados (o 87 por cento nas súas mans), rise dos xuíces que o perseguen (doce xuízos en marcha) e di que en China fervían os nenos para abonar os campos.
En campaña electoral insulta aos seus adversarios chamándolles coglion” (giilipollas), anuncia baixas de impostos e acode ao discurso apocalíptico da extrema dereita: invoca a Stalin e a Pol Pot e debuxa unha Italia na raia entre a liberdade e o comunismo, apelando ao voto do medo para rabuñar votos indecisos no centro do sistema. Vai acompañado da xenófoba Liga Norte e dos posfascistas da neta de Mussolini (Máis vale ser fascista que maricón, dixo). Ata pode gañar de novo: a súa victoria sería unha vergoña para toda Europa.

10 abr 2006


Galegos iracundos e litigosos: unha das primeiras descricións da Galiza

Ao fío dun comentario xurdido arredor do poema de V. Aleixandre, acordei rescatar este texto que constitúe unha das primeiras descripcións do noso país.
Así describía o autor do Códice Calixtino, no século XII, unha Galiza ben definida na súa fasquía e nas súas xentes:
Después, pasada la tierra de León y los puertos del monte Irago y monte Cebrero, se encuentra la tierra de los gallegos. Abunda en bosques, es agradable por sus ríos, sus prados y sus riquísimos pomares, sus buenas frutas y sus clarísimas fuentes; es rara en ciudades, villas y sembrados. Escasea en pan de trigo y vino, abunda en pan de centeno y sidra, en ganados y caballerías, en leche y miel y en grandísimos y pequeños pescados de mar; es rica en oro y plata, y en tejidos y pieles silvestres, y en otras riquezas, y sobre todo en tesoros sarracenos. Los gallegos, pues, se acomodan más perfectamente que las demás poblaciones españolas de atrasadas costumbres, a nuestro pueblo galo, pero son iracundos y muy litigosos.
(Trad. De A.Moralejo, 1944, p.523).
Sempre me sorprendeu esa frase final, nun pobo como o galego que hoxe ten sona de pacífico e mesmo, ás veces, de submiso e conformista. Seica no século XII un viaxeiro francés levaba unha imaxe ben diferente do noso xeito de ser. E cales serían os motivos?

9 abr 2006


El niño raro (V. Aleixandre)

Aquel niño tenía extrañas manías.
Siempre jugábamos a que él era un general que fusilaba a todos sus prisioneros.

Recuerdo aquella vez que me echó al estanque
porque jugábamos a que yo era un pez colorado.

Qué viva fantasía la de sus juegos.
Él era el lobo, el padre que pega, el león, el hombre del largo cuchillo.

Inventó el juego de los tranvías,
y yo era el niño a quien pasaban por encima las ruedas.

Mucho tiempo después supimos que, detrás de unas tapias lejanas,
miraba a todos con ojos extraños.


O tema da violencia nos nenos foi tratado moitas veces na literatura. Nas nosas letras, por exemplo, velaí o conto "O xogo da guerra", de Carlos Casares (en Vento ferido) ou o poema "Xogo ruín", de Luís Pimentel, con ese remate contundente: "Creceu e foi de aqueles". A min este poema de Vicente Aleixandre, de Historia del corazón (1954), tamén me lembra o mundo dos versos de Pimentel: estarían os dous a referirse a unha común simboloxía coas súas metáforas. Vostede que opina?
(Na imaxe, como contraste, "Xesús cos nenos" de E.Nolde)

8 abr 2006


ESCOLMA DE CEN POEMAS (n.2)

Marinha, ende folegares
teño eu por desaguysado
e soon muy maravilhado
de ti por non rebentares,
ca che tapo eu (d’) aquesta minha
boca a ta boca, Marinha,
e d’estes narizes meus
tapo eu, Marinha, os teus,
e das mâos as orellas,
os olhos das sobrencelhas;
tapo-t’ ao primeyro sono
da mha pissa o teu cono,
como me non veja nenguû,
e dos collôes o cuû;
como non rebentas, Marinha?

Empecei esta miña escolma de Cen Poemas de Autores Galegos cun texto moi dramático: o poema de Pimentel. Cambiando totalmente de rexistro, hoxe vai outro que teño entre as máis grandes xoias das letras galegas de todos os tempos. Este novo poema está dedicado a unha tal Marinha e as súas artes amatorio-sexuais (está recollido na Antoloxía de poesía obscena dos trobadores galego-portugueses que preparara Xosé Bieito Arias Freixedo en Ed. Positivas, 1993). Este autor, seguindo a Rodrigues Lapa, sitúao atribuído a Afonso Eanes do Cotón, en cambio a edición da Lírica profana galego-portuguesa do Centro Ramón Piñeiro prefire a autoría de Pero Viviaez, trobador portugués nobre con bens no sur de Galiza (reproducimos o texto desde a edición do C.R.Piñeiro).
O poema enmárcase no caudaloso río de poesía de escarnio e maldizer medieval (que se continuaría na sátira das cantigas populares dos Séculos Escuros, no Curros de O Divino Sainete, Celso Emilio, Manuel María e un longo etc.). É un texto magnífico, pechado, inmellorable (velaí ese xogo do “folegares”, xogando coas formas do fol para “moverse rítmicamente como un fol, durante o coito, ó mesmo tempo que se exhalan suspiros”). Velaí o seu forte alento humorístico e lúdico que se ten relaciondo coa orixe populare vulgar do poeta (se fose Eanes do Cotón). Velaí a gracia da descrición do acto con todos os seus detalles e partes participantes: o cono, a pissa, o cuu, os collôes, os ollos, a boca, as orellas, etc. Tamén se podería dicir que se trata dun poema misóxino, onde a muller está obxectualizada e degradada (correción política), pero eu prefiro cargar as tintas no seu tono lúdico e provocador. E por que non dicir tamén que expresa a anguria do home que pon todo o que pode no seu esforzado labor e aínda así se sorprende ante as capacidades receptoras da muller?. Ah, e o verso final… non mo negarán, maxistral!!! (Na imaxe, un debuxo anónimo de 1880).


EBA segue vivo...
Onte fixen de novo (cantas veces irán xa? incontábeis) o Roteiro A Esmorga de Eduardo Blanco Amor, que puxeramos en marcha nos comezos dos 90 dende o Clube Alexandre Bóveda coa colaboración do Concello de Ourense. Foi o primeiro roteiro literario de Galiza -hoxe hai algúns máis-, ideado conxuntamente por Afonso Monxardín e este cronista e coa colaboración técnica básica de Benito Losada e Ángeles Fdez. e artística de Manolo Figueiras.
Desta vez fixen o roteiro cos alumnos do IES Auga da Laxe de Gondomar e foi por petición da amiga Concha Costas, que veu pasar un par de días ás terras ourensás cos seus alumnos (tamén estiveron en Trasalba, Allariz, etc.). Deilles a miña visión do mundo blancoamoriano pisando de novo as rúas do casco antigo que no seu día camiñaron o Bocas, o Castizo e o Milhomes e conteilles algunhas cousas de EBA e da microhistoria ourensá que non están nos libros. Creo que marcharon moi satisfeitos e case todos leran xa a novela, que lles gustara moito: sen dúbida, EBA segue vivo nos seus libros e na nosa memoria ...

O UNIVERSO POLIMORFO DE VIRXILIO
(Andoliña sábado 8 abril)
Levaba moitos anos Virxilio sen expoñer a súa obra en Auria. E non por falla de propostas. Agora, comisariada por José Paz, podemos ver unha ampla antolóxica, tamén con pezas novas, no Centro Simeón da Deputación ourensá. Na inauguración, Virxilio, un dos nosos grandes, dixo: “non teño nada que dicir, eu só pinto”. E tiña razón porque todo o que pode ser enunciado con palabras está xa nos seus cadros: tal é a riqueza de significados da súa obra. Houbo artistas na historia que teorizaron sobre a arte, de Leonardo a Kandisky, de Van Gogh a Delacroix. Virxilio preferiu calar, facendo verdade así o atinado título desta mostra: A balada silente do mariñeiro.
Pero nós si podemos falar e dicir, unha vez máis, que na obra de Virxilio está todo: a tradición e a vangarda, a color e o debuxo, o misterio e a realidade, o campo e a cidade, a ledicia dos cafés urbanos e a insondábel beleza dos marisqueiros no medio da ría. Hai todo un universo virxiliano, popularizado na arte de masas a través dos moitos carteis que fixo na súa vida ou das letras capitulares da Enciclopedia Galega. Un mundo polimorfo, cheo de vida e simbolismos, capaz de pechar no espazo dun lenzo o espírito dun tempo e das súas xentes.
(Imaxe: No café, 1996. Acrílico sobre táboa. 61 x 60 cm)

7 abr 2006


Homenaxe a Julio Losada
(Andoliña 7 abril)

Hoxe é o día de Julio Losada en Ourense. Coñecido ourensán propietario do Café Miño, home liberal e progresista, axudou a refuxiados republicanos na Guerra Civil e foi durante moitos anos o centro de moitas tertulias no Liceo.

Julio Losada vai ser homenaxeado pola Asociación de Amigos da República da cidade. Quizais fóra do marco ourensán moitos non o coñezan, pero quero lembrarlles que foi tamén amigo fiel e confidente de Carlos Casares: nas súas columnas Carlos relembraba acotío a fonte inesgotable de anécdotas e lembranzas doutro tempo que Julio repartiu sempre con xenerosidade.
Os promotores deste acto queren así simbolizar o papel das persoas que cos seus actos e o seu exemplo transmitiron uns principios de compromiso e resistencia fronte ao réxime franquista. Antes houbo outros recoñecementos: o galeguista Luís Taboada, Camilo de Dios (en nome dos maquis galegos), os veciños de Cambedo, o pobo castigado da raia portuguesa, ou o vello militante comunista Clemente Jiménez, entre outros. Julio Losada convértese así, con esta merecida homenaxe, nun novo fío da memoria. Desa memoria que quixeron, con todo o seu pulo, enterrar coas armas e coa propaganda. Pero fracasaron.

6 abr 2006


LUGRÍS, O COMPROMISO COA TERRA
(Andoliña, xoves 6 abril)
O pasado martes pasei a xornada na Coruña, vendo boas exposicións (Diego Rivera, Seoane, etc.) e presentando os materiais que Política Lingüística dedica a Manuel Lugrís Freire no Día das Letras Galegas, materias estes (dúas exposicións e unidades didácticas) da autoría do amigo Afonso Monxardín e do cronista que aquí asina. “O compromiso coa terra”, así titulamos o traballo, define ben o roteiro vital dun galeguista republicano, progresista e pioneiro en tantos campos: no teatro, na normalización do galego, coa súa gramática, etc.
No vello e fermoso Instituto Eusebio da Guarda estaba tamén Manuel Lugrís Rodríguez, sobriño-neto do escritor, con quen Afonso tivo contacto nestes meses e que nos aportou moitas fotografías. Moito me alegrei de coñecelo en persoa: hai catro meses morría o meu pai e A Nosa Terra publicaba un fermoso artigo lírico na súa lembranza, asinado por Lugrís Rodríguez, compañeiro seu no grupo do Bloque de Monte Alto e amigo con quen deu moitas paseadas e compartiu moitas horas de conversa polas rúas coruñesas. Eu, mentres tanto e sen coñecer inicialmente esa relación de parentesco, estaba xa a traballar sobre o seu avó. Así é a vida: circular, sorprendente, sempre interesante.
(Na imaxe, retrato de Manuel Lugrís Freire. O seu sobriño-neto garda un sorprendente parecido físico co escritor).

5 abr 2006


Unha escolma persoal: cen poemas (1)

Inicio agora, neste blog, unha escolma persoal de poemas de autores galegos. Unha escolma tan persoal que non necesita explicitar a súa razón de ser: algúns versos estarán aí pola súa indiscutíbel calidade, outros sinxelamente porque no seu momento foron capaces de comunicarme algo moi especial, outros porque dalgún xeito forman parte da miña biografía (e de moitas outras persoas da miña quinta).
A maioría deles estarán en galego, pero haberá excepcións. E unha delas é este poema, o primeiro da miña escolma, que non podía, de ningún xeito, quedar fóra.
Poucas veces un poeta foi quen de deitar tanta autenticidade na súa expresión: versos estarrecentes, contundentes, profundos, obsesivos, que nunca se foron da miña cabeza desde a primeira vez que foron lidos. Aí está toda a filosofía do mundo: no corpo inerte dun neno no depósito de cadáveres, nese "trocito de silencio/ que te llevas de este mundo".
Se a alguén lle interesa, o poema é comentado brevemente no volume de Luz Pozo Garza, "A bordo de Barco sin Luces ou o mundo poético de Luís Pimentel" (Ed. Sotelo Blanco, 1990, pp. 22-23). Eu, que non son poeta, creo que despois de escribir versos coma estes unha voz tan auténtica como a de Pimentel xa xustificou o seu paso polo mundo.

En el depósito de cadáveres hay un niño

Ya se marchó el ministro del Señor
-visita de cumplido-
y su hisopo lleno de rutina.
Tú creías que era un sonajero,
y quedaste muerto jugando con la lluvia.

El depósito de cadáveres es grande para ti.
Y la negra mesa.
Y tu sombra.
Y el silencio de cemento húmedo.

Tú y yo nos entenderemos eternamente.

Llega hasta aquí una canción herida
que se cae y se levanta.
Viene del misterio de los remansos,
en el río, bajo los chopos,
donde las barcas atadas
vigilan las estrellas que quieren ahogarse.

La ciudad no sabe nada de estas cosas,
y en tu cuerpo aún ha quedado
una luz tenue que alumbra el depósito:
la muerte, que ha untado tus mejillas
de una cosa demasiado seria.

Pero en sus ojos aún existen
diminutos jardines encendidos
por los que jamás anduvieron tus pies,
tu pequeñita sombra.

Estás conmigo,
con las manos cerradas, apretadas,
sin querer soltar ese trocito de silencio
que te llevas de este mundo.

(Luís Pimentel, Barco sin Luces, 1960).

Da nosa lingua e das estratexias do BNG: un artigo de X.M. Sarille
Quero chamar a atención sobre o artigo "Política rexionalista para a linga", publicado o martes 4 de abril en "El Correo Gallego" por Xosé Manuel Sarille, un dos históricos da Mesa de Normalización, na súa sección "Política rexionalista para a lingua". O artigo parte do recente estudo do Consello da Cultura Galega e con tino recoñece que facer estudos cuantitativos sobre a lingua non é facer política lingüística ("tampouco a política económica consiste en facer estudos sobre a economía senon en activar medidas políticas concretas para dirixila e lograr resultados").
No remate da súa columna Sarille fai unha interpretación moi crítica da ausencia de políticas lingüísticas no goberno actual e do que el considera unha mudanza das estratexias existentes ata agora no BNG. Paga a pena reproducir este parágrafo que, creo eu, tamén di en voz alta o que en voz baixa están a dicir moitos militantes nacionalistas país adiante:
"Resulta positiva a publicación destes datos? Nin si nin non, porque non inflúen na conduta dos falantes e porque a política que se aplica desde os gobernos é xorda, vai por libre e non ten en conta estas estatísticas. E porque o gran problema non é saber polo miúdo como está o campo de xogo. O problema é que non se vai xogar ningún partido. No último medio ano produciuse un cambio fundamental. A nova cúpula do BNG adoptou outra visión do idioma. Xa non son aquelas executivas que pretendían facer unha política lingüística semellante á de Jordi Pujol, de recuperación decidida e serena. Agora fan unha política semellante á do centrismo rexionalista, tipo PNG e CG. Este é o gran dato sociolóxico, porque pode ser a puntilla pra o idioma galego. Demasiada viaxe para chegar a isto".

VILLALONGA, UNHA NOVELA, UN TEMPO
(Andoliña mércores 5 abril)
Por suposto, non lin todos os libros que garda a miña biblioteca… quén me dera! De cando en vez déixome asolagar por ese cachón de páxinas doutro tempo e recupero algunhas que agardan esperando polo seu lector: ten tamén o seu aquel coller un libro das estanterías, case ao chou, e rescatalo así no seu espírito vital. Fixeno estes días con A morte dunha dama, a primeira novela de Llorenç Villalonga, publicada en 1931 e que provocou un gran escándalo no seu día na sociedade mallorquina ao retratar con trazos firme e certeiro a un tempo o proceso inevitábel de decadencia da súa delicada aristocracia.
Lera hai moitos anos Bearn, a súa obra mestra, pero este primeiro reto non lle queda atrás. Qué marabilla na descrición dun tempo e dunha atmosfera! Arredor dunha cama onde morre unha señora fidalga todo o acontecer dun mundo tan solemne como decadente: o seu universo literario está moi próximo ás narrativas de Lampedusa e de Otero. O xenial escritor mallorquín foi moi crítico co rexionalismo da época (velaí a aguda sátira da poeta Aina Cohen nesta novela), vestiu a camisa azul e logo foi moi amigo do franquista Juan Aparicio. Todo iso é certo e está para sempre na súa biografía. Pero escribía tan ben...!