25 may 2007
Cando chegou, eu xa tiña 31 anos e andaba en plena campaña electoral, nas autonómicas do 89, a fondo co PSG-EG. Pasou polo hospital case toda a candidatura de compañeiros a felicitarnos, a María e a min. Aquela cousa pequeniña e encantadora, que nin sequera deu a lata polas noites, acabou por converterse nunha moza de case 18 anos que onte rematou o Bacharelato. E como vostedes, ademais de amigos, son case da familia, tómome a liberdade de contarlles que onte ás dúas e media da madrugada (viña da cea e festa de despedida) Eire me contaba, eu aínda medio dormido, que sacara unha media no segundo curso de 9,7 (seis 10 e tres 9) e matrícula de honra. En fin, que a rapaza merece todos os parabéns e na casa hoxe estamos todos moi contentos. Se todo vai ben, dentro duns meses andará por Compostela a empezar os seus estudos de xornalismo (Si, é evidente: ímonos facendo vellos…).
24 may 2007

Sufrín un ataque de envexa porque estar informado non te volve máis feliz. De que me serviu a min saber (por artigo de Alfredo Conde neste diario) da armadilla que lle prepararon ao meu amigo Marcos Valcárcel? Serviu para pórme de malas, pois Marcos foi atraído a unha emisora co achaque de falar de historia cando o que pretendían era encalatralo para que rifase cun adepto do xugo e as frechas. A noticia circula no ciberespazo: "Comunista se niega a debatir con falangista". O meu amigo aturou falanxistas no bacharelato (sádicos profesores de ximnasia e de Formación del Espíritu Nacional), aos seus anos xa está ben libre de ter que rebaixarse en espectáculos circenses de mouros e cristiáns. Por certo que a etiqueta de "comunista" non o retrata con precisión. É galeguista, de esquerdas, historiador rigoroso, orador ameno nas palestras, columnista brillante e boa persoa. Tamén é un tipo máis calmo que O home tranquilo filmado por John Ford. Aínda por riba a súa muller, María, parécese a Maureen O´Hara.

Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)
Desta campaña electoral, a diferenza doutras anteriores, deduzo dúas novidades. A primeira, a riqueza de medios que exhiben todos os grandes partidos: os dous que cogobernan no bipartito e o principal da oposición. Todos seguen unhas estratexias xerais que se cualificarían non hai moitos anos como un exceso de electoralismo: ata a contratación, mesmo no BNG, de figurantes mozos para un mitin.
A miña segunda conclusión é que os políticos queren ser xente do común. Verán. Escoitei hoxe na radio este eslogan: “Vota PP, o partido que máis se parece ós galegos”. Creo que vai na liña de flotación daquel “Galego coma ti” que tantos éxitos lle dera noutros tempos a Fraga Iribarne. E os nacionalistas, cando menos en Ourense, o mesmo: levan días a dicir que o seu candidato, Álex, é o máis parecido á xente normal da cidade. Xa o dixo Quintana e repíteo a cotío o propio candidato. E velaí a música deste mesmo grupo: “Xente que camiña...”: por certo, a mellor banda sonora da campaña, da man de Berrogüeto.
Que sucede? Vense os políticos como marcianos doutra galaxia para insistir tanto en que son xente normal? Ou teñen medo do menosprezo que as enquisas reflicten sobre a clase política en xeral?
23 may 2007

Si un mono de Gibraltar gasta treinta euros anuales en comida, vacunas y veterinarios, ¿por qué el Estado chileno gasta 600 millones de pesos cada año en alimentar, vacunar y asistir veterinariamente a Pinochet? Los monos de Gibraltar roban helados, bolsas de papas fritas, hasta alguna cartera dejada al descuido en el auto, pero ninguno tiene cuentas secretas en los EE.UU o en paraísos fiscales, Tampoco defraudan al fisco con declaraciones fuleras, ni sus monas y monitos forman sociedades para delinquir.
Los ingleses están convencidos de que esos monos sirven para algo, pero ningún chileno puede decir lo mismo de Pinochet. ¿Es justo que ese punga tenga asignados cinco autos con chofer, una ambulancia con médico incluido y 45 empleados que le pelan los plátanos?
22 may 2007


As grandes preguntas.
Andoliña 23 maio
Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu?
Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas.
Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como O pianista, de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón.
21 may 2007

A los periodistas les gusta preguntar a la gente mayor y más sabia qué ha aprendido de la vida. ¿Puedo formularle esa pregunta?
R. Ahora que estoy sola con mi vejez -mi marido durante 47 años murió hace seis-, me encuentro con la sorpresa de que es como una vuelta a la adolescencia, porque lo cuestionas todo y observas cómo reaccionas con los demás y lo que esperas de ellos. He oído un mito precioso de que la vejez es una especie de hermosa meseta de calma y aceptación del mundo, llena de sabiduría. Pues bien, no hay sabiduría en la vejez. Son las mismas viejas preguntas que me hacía a mí misma y a los demás cuando tenía 15 años. Me temo que esa paz de la vejez no me ha llegado.
(Nadine Gordimer, Premio Nobel de Literatura, El País, 20 maio. A entrevista completa)
20 may 2007

da hora). E doutros libros de Franco Grande, Manuel María, López-Casanova, Antón Tovar (Non) e a edición bilingüe da Longa noite de pedra, de Celso Emilio en El Bardo. // Outros autores do ano foron Ramón Piñeiro, Ferro Couselo, Cunqueiro e Lago González. Del Riego e García-Sabell instaban un comunicado da Academia Galega ó Ministerio de Educación pedindo a introducción do galego no ensino. 
Despois de case 160 mensaxes traio para aquí o fío do debate electoral, que ademais está a punto de caer fóra da páxina a vista do blog. Quedarán, de seguro, cousas que comentar nesta semana que queda ata o 27-M.

Linguas cruzadas.
Pan por Pan 20 maio. (O debuxo é da surrealista checa Toyen (Marie Cermínova), Praga 1902-París, 1980).
A TVG emitiu onte o documental “Linguas cruzadas”, de María Yáñez e Mónica Ares, que fai unha esculca nos comportamentos sociolingüísticos da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial (os nacidos despois de 1980). O interesante deste traballo é que lle dá a palabra ós propios protagonistas: mozos estudantes de Chantada, A Coruña, Santiago, Bueu, que falan das súas actitudes cara o galego. Dende o apoio total á indiferenza. E aboian todos os prexuízos de sempre: o galego como lingua rural, un idioma só de nacionalistas, etc. O documental só retrata a realidade: despois de 27 anos de autonomía e democracia, as cousas están difíciles para o galego. Hai mozos e mozas concienciados ou que o falan de seu, sen problemas: eles poden facer moito aínda. Veremos qué pasa na seguinte xeración...
19 may 2007
Estimados amigos: hai dúas ou tres semanas fun requirido por amigos e colegas do blogomillo como Arumes e Fíos Invisibles co famoso Cuestionario Proust. Funo atrasando por falta de tempo, pero había que cumprir e aquí está. E custoume, porque isto é máis difícil que facer un libro. Nas preguntas máis persoais, sempre pensas que non vas ser entendido ou que non parecerán respostas auténticas (e dende logo, queren selo). Nas cuestións de afinidades, aínda peor: seleccionar os mellores poetas ou os mellores pintores..., vaia!! Como dicía Carlos Casares, o mellor escritor son polo menos cen ou mil e, ademais, en canto escribes un nome decátaste doutros dous ou tres que quedaron sen poñer e tamén tiñan dereito. Así de inxusto é opinar, disto e de tantas cousas. Pero non quería “escaquearme” e alá vai (sexan vostedes indulxentes).
E transmito a cadea, se non responderon aínda e se lles apetece, a: Fragmentos de Galaxia; Sobre filloas, mel; Dpaso; Modesto Fraga e Moralla.
O principal risco do meu carácter?
Quizais sexa a constancia, o desexo de comunicarme cos demais e unha certa inxenuidade, case infantil, á hora de querer entender o mundo.
A calidade que prefiro nun home?A bondade e a intelixencia, se pode ser en perfecto equilibrio, pero dominando sempre a primeira.
A calidade que desexo nunha muller?As mesmas que nun home.
O que máis aprecio nos meus amigos?Dende sempre busquei xente ó meu arredor que me enriquecera en calquera dos planos da personalidade: os mellores amigos/as son os que máis nos achegan dende a súa empatía e comprensión. Tamén admiro moito o sentido do humor que posúen algunhas persoas e que derraman xenerosamente sobre os demais.
O meu principal defecto? Quizais o ser un pouco disperso, non saber concentrar os esforzos naquelas cousas que son realmente importantes.
A miña ocupación preferida?Pois, ademais de ler e escribir, cousas que fago a cotío, ver cine (moito cine) e tomar unha caña cos amigos ou lendo os xornais pola mañá.
O meu soño de dita? Creo que nunca tiven un soño explícito de dita: contentareime se a vida se segue portando como ata agora.
Cal sería a miña maior desgraza? Obviamente, perder os seres que me importan. E, a un nivel máis egoísta, verme impedido para ter unha vida minimamente digna.
Que quixera ser?No mundo das artes, téñolle unha gran envexa ós músicos: creo que están nunha dimensión diferente ó resto dos creadores e, se vivise outra vida, non me desgustaría dedicarme a transmitir o meu mundo dende a música.
Onde desexaría vivir?Quizais na Florencia do Renacemento, cidade que por certo non coñezo. Ou nalgunha das cortes medievais onde interpretaban os nosos trobadores (se eu pertencese á nobreza, claro; os campesiños non podían gozar de todo iso).
A cor que prefiro? Dende neno tiven sempre querenza polos azuis e verdes, nunca demasiado rechamantes.
A flor que prefiro? Os gladíolos
O paxaro que prefiro? Calquera desas aves tropicais fascinantes ou os mesmos colibrís (pero teño mala conciencia: o meu avó tiña moitos paxariños na casa e, un verán que marchou de vacacións, tivemos que coidarllos o meu irmán e máis eu: cando volveu, morreran a metade deles.
Os meus autores preferidos en prosa?Castelao, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Torrente Ballester, Josep Pla, Cortázar, Vargas Llosa, Borges, Augusto Monterroso, Nabokov, Marguerite Yourcenar, Edgar Allan Poe, Dostoievski, Cervantes, Montaigne, o teatro de Shakespeare, C. S. Lewis.
Os meus poetas preferidos?Rosalía, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Luis Cernuda, José Agustín Goytisolo, San Juan de la Cruz, Joan Salvat-Papasseit, Gil de Biedma, Walt Whitman, Dante Alighieri e Petrarca.
Os meus heroes de ficción? O Principiño, de Saint-Exupèry.
As miñas heroínas de ficción?Carmilla, a protagonista do conto do mesmo nome, de tema vampírico, de Joseph Sheridan Le Fanu.
Os meus compositores preferidos?Do mundo do cine, Dimitri Tiomkin e Nino Rota (“Amarcord”). E da música moderna, sempre van comigo cancións como “Suzanne” de Leonard Cohen ou “Michelle”, dos Beatles.
Os meus pintores predilectos? Imposible facer unha selección. Pero, xoguemos: O Bosco, Brueghel, Leonardo, Caravaggio, Rembrandt, Vermeer, Velázquez, Durero, Turner, Matisse, Goya, W. Bouguereau, Picasso, Van Gogh, Egon Schièle e case todos os expresionistas, Magritte, Miró, Edward Hopper, Francis Bacon, Balthus, Luís Seoane, Laxeiro, Virxilio.
Os meus heroes da vida real? As persoas que foron quen de sobrevivir en situacións difíciles (a xeración dos nosos pais ou dos nosos avós) e fixeron todo o que puideron para que os que viñamos detrás viviramos un pouco mellor e fosemos máis cultos e sensibles.
As miñas heroínas históricas?Todas as grandes escritoras, músicas, pintoras, ensaístas (mulleres) que nos deixaron a súa obra, con enormes dificultades, antes dos tempos máis contemporáneos. E tamén as que non nola deixaron porque quedaron soterradas baixo a pegada dos seus homes ou dos seus fillos.
Os meus nomes favoritos? Sempre me gustaron, vai saber por qué, nomes como Xabier ou Laura. E, por razóns obvias, Eire e María.
Que detesto máis que nada? A maldade, a intolerancia, o desprezo cara os que nada teñen.
Que caracteres históricos desprezo máis? Os que se impuxeron na historia (e hai tantos!!!) cos
elementos que mencionei na resposta anterior.
Que feito militar admiro máis? Ningún. Supoño que hai feitos admirables, no seu significado histórico, pero non creo que gañar algo pola forza da violencia ou do armamento máis poderoso sexa digno de relembrar.
Que reforma admiro máis? A conquista da igualdade xurídica e social polas mulleres e o dereito da educación e saúde para todos/todas.
Que dons naturais quixeras ter? Un maior sentido musical ou a posibilidade de saber tocar ben algún instrumento.
Como me gustaría morrer?Pois, cando me toque por razóns de idade, sen dolor, por qué non, durmindo ou despois de despedirme dos meus seres queridos.
Estado presente do meu espírito? Sereno, tolerante, sempre con gañas de aprender (ese magnífico debuxo de Goya, xa tan velliño: “Aínda aprendo!”).
Feitos que me inspiran máis indulxencia?Eu, dos pecados de cintura para abaixo, nunca opino.
O meu lema?Pasar polo mundo agarimado cos seres que queres, ter os ollos ben abertos para aprender a gozar das mil marabillas que o mundo nos ofrece xenerosamente e facer o menos dano posible.

A cousa viña de vello. Fillo dun alcohólico, formou unha banda xuvenil na súa mocidade antes de converterse en cristián renacido e fundar a súa propia Igrexa en 1956. Opúxose nos 60 ós dereitos dos negros e ó movemento de Martín Luther King. E soubo ver o poder dos novos medios de masas: dende os programas de radio e TV chegou a millóns de norteamericanos ós que lles contaba cousas como que Tinky Winky, un dos personaxes da serie Teletubbies, era en realidade un homosexual escondido.
18 may 2007
Monxardín reclama hoxe, en Galicia Hoxe, que só se dean as papeletas electorais nos colexios. Medida que sería moi oportuna, como outras posibles para mellorar o proceso electoral (poden suxerir as que vostedes consideren como máis axeitadas...)
(...) Destas cousas do carrexo dos votos, cóntanse moitas anécdotas. Unha moi simpática dáse como acontecida na Limia. A min xuráronma como certa, como claro, acontece en toda lenda urbana, ou rural neste caso. Outrora foi verosímil, arestora xa non. O caso é que un vello paisano dentro dun autobús de transporte partidario que se está achegando ao colexio electoral, recibe o sobre para votar de mans do encargado... e disimuladamente, botándose para atrás no asento, medio tapando co gabán, entreabre o sobre para guichar no interior... e o axente que o ve, bátelle na man entre autoritario e paternal... "Ei, que fai, oh? ¿Non sabe que o voto é secreto, ou?".
Pan por Pan 18 maio
Nos últimos días exhibíronse no Centro Simeón de Ourense varias películas centradas na represión dos anos da guerra civil e nos presos políticos condenados a traballos forzosos polo réxime nacido do golpe militar: os chamados escravos de Franco. Vin esoutro día “Los presos del silencio”, sobre os reclusos que construíron obras como a canle de regadío do Guadalquivir para os latifundios andaluces. Nese documental inclúense imaxes do NODO franquista. Imaxes que deitan unha visión moi diferente daqueles castigos: presos cun sorriso bocexado ante unha imaxe da Virxe, que recoñecen as súas culpas e se converten á nova ideoloxía falanxista. Imaxes elementais que sintetizan a estética falanxista: nun deses NODOS vese o brazo dun republicano preso, puño en alto, que pouco a pouco se converte nunha man aberta co saúdo fascista. Si, os franquistas tamén sabían xogar coas metáforas.

Chegar ata Seoane do Courel dende Ourense non é doado (tampouco dende Lugo, creo). Hai que ir ata Quiroga e dende alí facer 35 km. que levan case unha hora de viaxe lenta por un vieiro de congostras, curvas interminables, baches continuados, etc. (a volta foi máis levadeira, porque o automóbil xa coñecía o camiño). Pero cando un chega aló, e mesmo xa polo camiño, advirte unha nova dimensión: unha sinfonía de colores e ulidos que poucas fragas poden acumular no noso país. Un auténtico paraíso de silencios e sons perdidos dalgún animal doméstico.
Alí se celebraron onte, en Seoane do Caurel, onde está enterrada a poeta María Mariño, os actos de homenaxe do Día das Letras Galegas. Do contido das intervencións de Méndez Ferrín, Darío Xoán Cabana, Charo Álvarez e Barreiro Fernández dá conta resumida a prensa (ver ligazóns): foron todas entusiastas, por se alguén ten dúbidas (e quizais como resposta a outras visións críticas que non estaban presentes no Caurel).
Tras dun xantar enxebre, con productos naturais do país, fomos convidados, despois dunha longa paseata costa abaixo cara o río Lor (despois houbo que subir e a calor era atafegante, mesmo nesas paisaxes de montaña), a ver unha antiga ferraría (Locay), que conta con 200 anos de vida e está parcialmente restaurada (pola antiga Xunta). Digo parcialmente porque o edificio, todo de lousado, mantense incólume dende as súas orixes: o que se amañou foi parte do entramado industrial interno. Seica é a máis grande de Galicia (maior que as de Taramundi) e paga a pena chegarse aló para vela: fixósenos unha demostración de como funcionaban todos os aparellos para fundir o ferro, todo coa única forza da auga que cae en cachón dende moitos metros de altura e impulsa todos os mecanismos: rodas, fuelles, etc. Ó carón da ferraría hai tamén un enorme muíño en moi bo estado. O noso anfitrión, que nos ensinaba todo con entusiasmo, aproveitou para pedir das autoridades culturais presentes maior apoio para recuperar tan impresionante infraestructura industrial, que podería servir de polo de atracción turística nun paraíso de paisaxes na súa contorna, á beiriña do Lor, o río máis limpo imaxinable naquelas augas. Agardemos que desta visita quede cando menos unha maior atención para estas terras do Caurel (un meu compañeiro de traballo, Xabier López, un dos mellores camiñantes e coñecedores deste país, infórmame que hai unha casa de turismo rural e un fermoso camping máis enriba, que desta non puidemos ver), unha visita necesaria sen dúbida se se supera o problema das comunicacións do que falei antes: quizais por iso foi quen de manterse como un paraíso case intocado.
(Segue en comentarios...)
A crónica dos actos na prensa: El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe.
16 may 2007
As letras e o tesouro dos analfabetos (X.M. Trigo, ECG)
O eterno debate entre galego literario e culto e galego enxebre e popular

(Detalle de Ingres)
Creo que xa lles falara da entrevista que me fixo hai unhas semanas Belén Regueira a propósito deste "noso" blog. E que me serviu ademais para estrearme na tecnoloxía do Messenger cunha charla a tres bandas con Belén e con Manuel Bragado. A entrevista xa está publicada en papel (eu ainda non a vin nese formato), no marco do Cultur.Gal, e tamén na rede no enderezo que agora lles dou, por se lles interesa:
http://www.culturagalega.org/i+c/index.php#publicacion
No noso país, xa o dixen outras veces, non hai aínda moitos estudos sobre os estragos da censura. Nin na literatura nin na música nin noutros campos. Este documento serve para ver a precisión obsesiva do autor do informe ó elaborar estas fichas biográficas e o seguimento polo miúdo de 20 concertos entre 1967 e 1970. E, polo que se ve, non estaban nada mal informados estes “secretas” melómanos ...
.jpg)
Algúns dos fichados son tachados como "galleguistas filo-marxistas": así Vicente Araguas ou Lois Diéguez. De Celso Emilio Ferreiro, do que se tiña constancia da súa relevancia como poeta, dise expresamente: "Catalogado de siempre galleguista contrario al Movimiento Nacional" e logo acusáselle de escribir, co pseudónimo Arístides Silveira, poemas con "insultos, incluso, al Jefe del Estado español". En cambio, o policía redactor marca distancias coa canción galega "comercial" que facía entón Andrés Dobarro. Quizais máis despistada está esta atribución de Carlos Casares, estudante en Compostela, como un destacado activista "comunista filo-chino".



