
Onte, hoxe, mañá (DESPEDIDA 2º BACHARELATO, 26 maio 2008).
Deixo aquí (está íntegro en Comentarios) o meu discurso do luns no IES A Carballeira, en nome dos profesores do centro. De seguido, algunhas frases soltas para convidarvos á súa lectura.
Falo dunha Galicia moi diferente desta, cando non había televisión nin internet nin xogos de consola. Eu aínda acordo a chegada das televisións ás cidades, na miña infancia, e dos primeiros baños de aseo nas casas das aldeas. Pois antes non os había. O primeiro edificio con calefacción na nosa cidade foi o Hotel Miño, na rúa do Paseo, e inaugurouse con todo o esplendor, no ano 1936. (...)
A barbarie quixo evitalo nin máis nin menos que cunha guerra civil: lograron parar o reloxo da historia uns corenta anos, pero nada máis. Os ideais e ilusións de outrora renaceron nas xeracións que aboiaban ó mundo nos anos 60 e 70: as que puxeron as bases da Galicia que hoxe vivimos. (...)
Porque esas son as nosas raíces. Porque somos fillos desas xentes e deses tempos. Deses nosos avós que marcharon a América, ou logo a Europa, cunha maleta mal atada e as catro regras: Galicia non pode ser ingrata coa realidade inmigrante de hoxe, sería un sacrilexio. Os nosos avós son tamén os marroquís, romaneses e colombianos que chegan agora ás nosas aulas. Que teñen dereito a un mellor destino integrados nesta Galicia aberta a todos/as. (...)
Non é o mesmo a Divina Comedia de Dante que o Chickiliquatre. Non é o mesmo Umberto Eco que María Patiño. Non é o mesmo o xornalismo que o habitual espectáculo de mentiras, desinformación e manipulación que padecemos a cotío. Non perdamos o norte. Lin de moi novo e releo moitas veces a Divina Comedia e sei que aínda nos meus últimos días encontrarei algo valioso en libros como ese; en cambio, dentro duns meses e por sorte, digo eu, xa non lembraremos quen representou a España no 2008 en Eurovisión. Chámase a isto xerarquía cultural. E é necesaria para situarnos no mundo. (...)
E houbo persoas que se ergueron e convocaron á loita contra a escravitude, contra a discriminación racial ou contra a explotación das mulleres. Todos eles, e elas, foron adiantados ó seu tempo: o primeiro que tiveron que facer foi convencer ós seus contemporáneos que unha sociedade de escravos non era o máis xusto, que a discriminación dos negros non era a vontade de Deus ou que as mulleres eran algo máis que bestas de carga e seres sen dereitos. Non lles foi doado, seguro, porque sempre é máis fácil deixarse levar polo pensamento dominante. (...)
Lembrade a Goya, o xenial pintor, cando realiza, xa no remate da súa vida, un fermoso debuxiño dun vello de longas barbas brancas camiñando, apoiado en dous caxatos. O debuxo leva un pequeno texto debaixo que é toda unha filosofía da vida: “Aún aprendo”. Con ese optimismo, con esa esperanza, con ese entusiasmo, calquera reto que vós decidades afrontar nos novos capítulos da vosa novela vital pode ter éxito. Que teñades tamén toda a sorte necesaria para facer esa viaxe salvando todas as treboadas ata a ben amada Ítaca.