4 feb 2007


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1953: Á LUS DO CANDIL, de Ánxel Fole

Foi o ano de Á lus do candil, de Ánxel Fole. E do Cancioneiro de Monfero, de Álvarez Blázquez, aquela simpática brincadeira. E de O libro dos amigos, de Otero Pedrayo.

E doutros libros e traballos de Castelao (en Galaxia), Ramón Piñeiro, Antón Zapata García, Leandro Carré Alvarellos, Avelino Gómez Ledo, Benito Varela Jácome, Vicente Risco (La puerta de paja), Camilo José Cela (Mrs.Caldwell habla con su hijo), Alberto Machado da Rosa (sobre Rosalía), do nacemento das Mocidades Galeguistas en Buenos Aires, do renacemento en Compostela das Festas Minervais, do guión de Torrente Ballester para Rebeldía, de Nieves Conde; e da reportaxe fotográfica de José Suárez en Xapón.

En América o poeta Xervasio Paz Lestón, con obra espallada por diferentes revistas, publicaban a revista Alborada o que Alonso Montero considera como primeiro manifesto en verso a favor da poesía civil: “Deixade xa poetas de cantar as corredoiras,/ deixade xa de alabar postas de sol./ Respetade aos primeiros precursores,/ e falade do tempo perto que envolve ista procesión de mortos./ Falade da noite escura que envolve a nosa aterra”.

(O artigo completo. Nas fotos, o Grupo Galaxia completo, con Otero e Fole, e un poemario de Antón Zapata, que morre en 1953).




Efemérides culturais.
Xa levamos un mes cumprido do 2007 e aínda non fixen referencia ás efemérides culturais deste ano. Pois aí van. Neste 2007, aló por decembro, cumpríranse cen anos da homenaxe póstuma a Pascual Veiga que se celebrou no Gran Teatro da Habana na que se cantou por primeira vez o Himno Galego. Tamén van cen anos do mitin de Betanzos, convocado por Solidaridad Gallega e no que Lugrís Freire deu por primeira vez un mitin político en galego. E outros tantos do nacemento do xornal “A Nosa Terra” que naceu da man dos agrarios e rexionalistas. Finalmente, 2007 é o centenario do nacemento de Ramón Martínez López e dos ourensáns Xoaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite e Antón Faílde. Os que pisaban estas pedras aló por 1907 viviron, ademais, a morte do poeta Arturo Vázquez Núñez e do “Roque Grilo Berzas” que escribía en “O Tío Marcos d’ a Portela”.
(Imaxe de G. de Chirico)

3 feb 2007

A ANESTESIA URBANA E O BANCO DE ESPAÑA (por Afonso Vázquez-Monxardín)

Entro de cara que me axuda o sol nas costas. Creo que é unha parvada descomunal que o antigo edificio do Banco de España na rúa do Paseo vaia ser dedicado a algo tan pedestre e pouco atractivo como o Catastro. Non sei se me entenden ben. Creo que de non mediar remedio, unha das mellores ubicacións da cidade, na intersección central da rúa do Paseo, converteríase así, na sublimación, na apoteose, no disparate, da esencia da Galicia atrasada e minifundista. No mesmo centro do tecido urbano, un templo dedicado á adoración e resolución dos problemas de identificación e documentación da propiedade. Non estamos xa na época –inicios dos sesenta- na que as parcelas agrarias superaban os nove millóns para dous e medio de habitantes. Non se leva xa o de baixar sachos na cabeza por lindes... se cadra porque os vellos que saben dos marcos enterrados entre os toxos e cinzas, non dan xa erguido o sacho... Hoxe a través do visor da web da xunta (http://www.xunta.es/visor/) ou do Sigpac, conseguen, os que os teñan, preciosa información dos seus eidos. Estamos no comezo dunha época na que moitos destes problemas se resolverán a través de consultas na Rede e serán menos as veces que haxa que ir fisicamente por alí. Pero tanto me ten. Como se cada cidadán tivese que ir tres ou catro veces ao ano. Non se pode dedicar un lugar tan privilexiado a algo que non sexa para uso e goce de todos os cidadáns e dos nosos turistas convidados.
¿E o que? Ese é outro tema. Estou na fase do non. Podo ter ideas: desde un Museo da historia da cidade –centrado na arte, pintores, escultores, escritores, industria, natureza, clima, con abondosos medios multimedia, maquetas interactivas do tecido urbano, salas temporais, etc.- ata cousas relacionadas co Turismo, coa Música... Eu que sei. Non son eu quen de decidilo. Ideas para o edificio habería moitas... aínda que seguramente poucas peores que situar o Castastro. E o caso preocupante é que alguén decidiu que como era do Estado, era lóxico seguir con esoutra dependencia do Estado –como se o Estado só tivese que recolocar as súas oficinas, como se os cidadáns de Ourense non merecesen ser tamén Estado-, e designou como beneficiario o Catastro.
E esta cidade, que presumiu outrora pedante, de ser a Atenas de Galicia, aparece hoxe durmida e apática. Acepta resignada o grande letreiro amarelo que señorea o Banco... coa única excepción, dunha ollada silenciosa de esguello e un chasquido de lingua ao pasar... ou a ridícula dos que lle guindan un bote de pintura pedindo... ¡que o escriban en galego! Despistadiños rapaces.
Esta cidade hai unhas décadas, cando a bendita transición nos facía espabilar e buscar puntos de intervención na vida da cidade máis alá da pura actividade política, esta cidade, digo, organizou unha Comisión Cidadá baixo o lema de “O caso é salvar o Principal”... E grazas a ela, a aquel impulso entusiasta dos que se xuntaron no plural e relativista grupo de “Adepende”, hoxe, con Padroado ou sen Padroado, o vello Principal está ao servizo público, ou sexa, noso.
Mudaron os tempos e arestora vivimos máis a televisión que a rúa... Aféctannos máis os raios catódicos que os de sol o domingo pola mañá no Paseo ou na Praza Maior. Impórtannos máis as tetas da perruqueira de Arcade que o destino do Banco de España no centro do noso corazón cidadán. Se cadra temos o que merecemos. Ou se cadra somos aínda capaces de botarlle un pulso á historia e gañar outro espazo para a promoción e goce da cidade. Por min xa non queda. Tirei a pedra e non escondo a man.


(Totalmente de acordo con Monxardín e con este artigo que sacou onte en La Región: xa o falamos moitas veces, é unha vergoña deixar o Banco de España "condenado" ó catastro. Algo hai que facer. Quen se apunta?).
DOCUMENTO.- Críticas á volta de ‘Superpiñeiro’
Acabanos de chegar unha carta que a sección sindical da CIG na CRTVG lle remitiu a Antón Losada na que critican a volta de ‘Superpiñeiro’ á TVG… (Recollido en Galicia Confidencial)

E logo os sindicatos están tan aburridos para poñerse a facer de comisarios políticos da programación da TVG?
Os ollos da memoria
Traballaron arreo por un Estatuto de Autonomía que logo non foi. O que quedou nos libros de historia como o Estatuto dos 16. Puxéronse a traballar o 10 de xaneiro de 1979 no Pazo de Raxoi. Permítome, se lles apetece xogar contra o alzheimer, formular algunhas preguntas para remover os pousos da memoria (poden pulsar enriba da foto e ampliala para distinguilos mellor).
Que forzas políticas estaban representadas naquela comisión negociadora?
Entre elas había un partido que poucos meses antes se definía como "maoísta", quen era o seu secretario, presente na foto? (Por certo, despois militou en Esquerda Galega).
E o secretario do Partido Galeguista daquela (este ausente da foto)?
Un dos representantes da UCD de Lugo, este na foto, foi considerado moitas veces como o que posuía o mellor galego oral, na expresión verbal, de toda a cámara, quen era?
Dous dos que posaban na foto xa morreron hai varios anos, un era daquela conselleiro de cultura e o outro representaba a UCD de Pontevedra, quen eran?
Entre os presentes está tamén un coñecido filósofo galeguista, que daquela representaba o PG. Lembra o seu nome?
E lembra quen era o seu líder político naquela hora, o de cada un de vostedes e ó que votaría despois, nas Autonómicas de 1981, se é que está presente na foto?


Gripe, poesía, cine.
Son un dos milleiros de cidadáns afectados estes días polo andazo das febres da gripe. Dous días de obrigado repouso, comer pouco, moito líquido e descansar a cabeza. Aínda que só en parte: a mesiña da noite está chea de libros de poesía porque nunca cansa realimentarse coas mellores voces de onte e de hoxe. E aproveito para revisar algunhas películas gravadas nas últimas semanas, como ese ciclo Louis Malle que emiten nas altas horas da madrugada. Vira hai moitos anos “O soplo no corazón” (“Le souffle au coeur, 1970), un estraño relato, case incestuoso, e “Lacombe Lucien” (1973), a historia dun colaboracionista cos nazis. A narración de Malle é clara, fresca, espontánea. Vexo tamén “Le feu follet” (Fogo fatuo, 1963), amarga, existencialista. Xa non se ven moitas películas así. Quizais por iso me rexuvenece recuperar esas imaxes. E vai pasando a gripe...
(Pan por Pan 3 febreiro)


2 feb 2007


Periferias.
A xeración de poetas españois dos 50, á que pertence Caballero Bonald, tivo moi boas relacións cos escritores cataláns daquela hora. Nos anos finais da ditadura de Primo de Rivera houbo un importante encontro de escritores españois e cataláns. Os poetas galegos tiñan as portas abertas en “Papeles de Son Armadáns”, a revista de Cela que se editaba en Palma de Mallorca. Son só tres datos: hai moitos máis semellantes.
Despois de 30 anos de democracia e do Estado das Autonomías, o panorama cambiou e quizais non para ben: mesmo intelectuais progresistas asinan na prensa madrileña furibundos artigos para denunciar temas tan absurdos como un suposto “imperialismo” das culturas periféricas. É tan difícil entender dende o centro a pluralidade lingüística e cultural das diferentes comunidades das Españas?
(Pan por Pan 2 febreiro. Imaxe: W. Bouguereau).
Insistindo: Creo que se podería facer moito máis por favorecer as relacións cordiais e mutuamente enriquecedoras entre a literatura castelá e todas as literaturas periféricas. Hai relacións máis ou menos estables entre as letras galegas, catalás e vascas (velaí os Galeuscas). Pero debemos buscar, creo, tamén aliados entre as letras en castelán. E iso non é imposible. Unha experiencia: por Auria, polo Liceo e por outros lugares, teñen pasado moitos dos máis relevantes escritores leoneses de hoxe, nomes como Julio Llamazares, Luis Mateo Díez ou José María Merino (nacido na Coruña, pero formado en León). Poden engadir, se queren, a Antonio Gamoneda (aínda que creo que nunca veu por Auria). Á marxe do tema da lingua, teñen moitísimo en común, na súa sensibilidade, na forma de entender a paisaxe, na apertura á fantasía, con moitos escritores en galego. E creo que comprenden ben o noso xeito de ser e de pensar dende a periferia. Non se deberían intensificar estas relacións letras galegas e escritores en castelán (os de León e todos os demáis)? Non serviría iso para rachar moitos tópicos e estereotipos caricaturescos como os que agora aparecen nos medios de comunicación? É unha utopía?
Un aviso e unhas graciñas
Onte debeu haber problemas con Blogger: creo que houbo xente que non entrou e eu mesmo tiven dificultades en acceder a outros blogs. De feito hoxe abro o correo e hai unhas 35 mensaxes pendentes de onte, que deberon entrar a moi diferentes horas: contestarei agora todas as que poida. E graciñas, unha vez máis, á xenerosa Débora Campos, que mantén eses permanentes e sólidos Fíos invisibles: a nosa amiga ten unha colaboración semanal na radio galega e onte dedicouna ó poder da tecnoloxía na comunicación e nas relacións coas comunidades galegas do exterior, deitando gabanzas xenerosas deste blog e dos amigos/as que o compartimos (se non o puidestes escoitar onte, xoves 1 de febreiro, creo que está online na páxina do programa dende esa data e por unha semana facendo click no audio do xoves: ttp://www.crtvg.es/RG/ficha.asp?prog=15&tipo=Cultura). Graciñas de corazón.

Ademais, estou a engadir, de momento só nas entregas das últimas semanas, o esquema das Etiquetas, que agora si me permite o sistema de Blogger. Para os que aínda non o controlen, é extremadamente funcional: tanto para min como para os posibles lectores/as. Clicando enriba das etiquetas, saen outras referencias, xa publicadas no blog, do mesmo abano temático, ou do mesmo autor, ou dun tema central que poida merecer ser etiquetado como tal (p.ex.Holocausto, Literatura e Memoria, etc.). Co paso do tempo isto permitiranos (tamén a min) ter catalogados todos os artigos do blog, cos seus comentarios, e buscar con máis facilidade calquera referencia necesaria.

1 feb 2007






















Listas electorais: continuísmo, sen entusiasmo

Presentáronse onte (hoxe recólleo a prensa local) as dúas primeiras listas electorais en Auria: as do BNG e as do PSdeG. En ambas domina o continuísmo: hai poucos cambios ou, se os hai, pouco significativos. O PSOE incorpora a algúns independentes, á maioría dos cales non coñezo (si á profesora Ana Garrido) e mantén o seu grupo actual, cun baixón no escalafón de María Quintas, unha das líderes mediáticas locais (de presenza constante en Telemiño).

Na lista nacionalista hai tamén figuras de moita presenza mediática (Isabel Pérez) e o groso do grupo anterior, agás algúns que se foron a cargos superiores na Xunta, como Carballido Presas. Cae tamén da lista Antón Gómez, ata agora encargado de deportes (algo que pode ter que ver coa súa horrenda moción criticando á Xunta de Galicia, por erro no "corta e pega"). Dos novos nomes, intégranse algúns amigos como Manuel Herminio Iglesias, do mundo veciñal e que xa fora candidato á alcaldía nunhas arredadas eleccións polo PSG-EG, eu ía tras del daquela, creo) : creo que vai como independente, pero ata hai uns meses militaba no BNG. E tamén, noraboa polo nomeamento do filólogo Serafín Alonso Pintos, contertulio no noso novo faladoiro do Liceo e home moi brillante en cuestións relacionadas coa lingua e o seu estudo.

Dito isto, ningunha das dúas listas presenta cambios sustanciais. Dito doutro xeito: ben, pero non entusiasman. Nos inicios da democracia as listas tiñan outro aquel: profesionais, nomes de prestixio, representantes de grandes colectivos sociais, etc. Iso é cada vez máis raro, por que? Esas persoas non queren agora integrarse nesas listas ou non son convocadas para iso?

En fin, despois de 12 anos, parece lóxico un relevo na alcaldía de Ourense: a era Cabezas chegou á súa fin. Pero o PP ourensán é moito PP e eu penso que os votantes, para molestarse en ir ata o colexio electoral, necesitarían un plus de entusiasmo. Do contrario, pode ser que a coalición socialista-nacionalista gañe ás eleccións máis por derrota dos que gobernaron antes que por méritos propios dos que se definen precisamente como alternativa. (Cartel de Jules Cherez, El Dorado, 1894)










Sobre o fracaso do Estatuto (Antón Baamonde)

Antón Baamonde escribe hoxe en El País (ed. galega) sobre o fracaso da reforma do Estatuto de Galicia (e sobre o camiño do Estado das autonomías na transición democrática). E chama a atención, eu creo que con moito acerto, na indiferencia da sociedade galega ante o novo proceso. Temos un tan escaso tecido na sociedade civil, á marxe dos tres partidos maioritarios? Non se ve como propio o devir do país, fóra do carné de militancia de cadaquén? Lembremos as cifras de tremenda abstención do anterior Estatuto (aquel día en que Cunqueiro se avergoñou deste país, "que dimitía do se u destino"). Velaí tedes un anaco do texto (o artigo completo aquí) :

En lo que respecta a Galicia, sin embargo, se ha podido constatar el fracaso del intento. Un fracaso no sólo de sus protagonistas, sino del país. Porque -y esto es quizás lo que no se ha explicado lo bastante- los nuevos instrumentos jurídico-políticos no son un lujo asiático. Si tiene sentido redactar un nuevo texto es por dos motivos básicos: porque si cambian las reglas del juego uno ha de adaptarse a ellas, si no quiere perder posiciones, y porque hace 30 años ni podíamos imaginar ciertos aspectos de la sociedad gallega de hoy.
Que Núñez Feijoo, flamante líder de la derecha local, haya considerado oportuno oponerse a un nuevo Estatuto no es natural. Y tal vez con ello ha sellado ya su destino. No se ve, a la vista de lo que ha sucedido en Andalucía, por qué no podía aceptar la propuesta de texto que los otros dos grupos le habían planteado. Ha primado una visión ideológica, bien asentada en Génova 13.
Ha tenido a su favor la indiferencia social. Los gallegos, y en este defecto ha caído también el señor Núñez Feijóo, no nos hemos destacado por tener una gran visión de futuro. En los últimos años ha primado un sentido del corto plazo. Ha faltado visión estratégica. En vez de atajar los problemas cuando podemos hacerlo dejamos que engorden. El regateo corto, para usar la metáfora futbolística, es la visión del juego que más éxito tiene entre nosotros. Es la visión que corresponde a una sociedad poco estructurada, de elites poco ilustradas y que carece de proyecto estratégico. Aquí, como se sabe, los dos reflejos condicionados básicos son el enchufe y la subvención. Y si durante años los señores Xosé Cuiña y Francisco Vázquez han sido héroes de una parte importante de la población ha sido no por ser inteligentes, sino astutos. Así somos, y temo que por muchos años.

Outra de delirios: e outro que anda con gripe, seica

Torrente Ballester
Pan por pan 1 febreiro
Volveu saír o nome de Dionisio Ridruejo nos Encontros do Liceo: Caballero Bonald, amigo de Benjamín Prado, defendeu en cambio ó falanxista reconvertido en crítico de Franco, sobre todo porque tivo un papel protagonista no propio espertar democrático do novelista xerezano. Hai un interesante debate ó respecto no meu blog: falouse alí de Laín Entralgo, Tovar, Ruiz Giménez, Aranguren, Cunqueiro, José María Castroviejo, etc., desafectos de vagariño do réxime franquista.
Torrente Ballester foi un dos máis valentes: despois de ser un home do réxime (profesor na Escola de Guerra Naval, redactor de libros de texto, crítico en “Arriba”) puxo ese status en cuestión asinando en 1962 unha carta solidaria cos mineiros en folga de Asturias: aceno que lle custou moito na súa vida persoal, pero rescatou a súa dignidade como cidadán.

31 ene 2007


Algunhas citas, máis ou menos textuais, da charla de Caballero Bonald


“Toda autobiografía é tamén un engano”, di Castilla del Pino. Eu en ningún caso minto, só tendo a condimentar a verdade coa fantasía

Os sitios onde se descobre o mundo xa significan para sempre un compendio de todo o mundo

Mnemosiné, nai das musas, fertiliza a literatura como a semente a terra

Eu non podo contar ningunha historia sen unha fusión co espazo físico e emocional das miñas novelas

Na miña primeira novela, escrita en Colombia, o ficticio resultou ser a longo prazo o máis verídico

A miña novela que máis me gusta é “Ágata. Ojos de gato”, un xeito de defensa ante as ameazas de destrución do Coto de Doñana. De neno Doñana foi para min (e ségueo sendo) a idea máis aproximada do Edén, un mundo que non debe ser violado.

“Campo de Agramante” foi consecuencia dunha enfermidade miña, dunha disquemia e da alteración dos estados de conciencia que produce (logo insistiu nisto, ante unha pregunta miña sobre o posible poder fecundador da enfermidade na literatura)

Presentei en Madrid a novela de Benjamín Prado, pero non estou de acordo co que di de Dionisio Ridruejo. Para min foi, nos mediados dos 50, o escritor que me espertou ó ideal democrático.

A literatura sen humor convértese en sermón, algo demasiado solemne e aburrido. Vostedes os galegos teñen unha excelente literatura dotada de sentido do humor.

(Perdón por posibles erros na transcrición, pero escribo cun gripazo enriba que non me vai soltar en varios días. Imaxe do fotógrafo J.M. Cameron)
Muñoz Molina- Suso de Toro

Supoño que Antonio Muñoz Molina non lera este blog, pero o certo é que, despois de publicar aquí unha nota confidencial da cea no Liceo con Suso de Toro, o escritor andaluz publicou un artigo en El País, o pasado sábado, atacando directamente ó escritor galego: "Estado de delirio". E Suso de Toro respóndelle hoxe no mesmo medio, en Cartas ó director: "Mucho delirio".
Gravacións
Xa están colgadas na páxina web do Liceo as gravacións das tres conferencias dos seus Encontros Literarios (Suso de Toro, Benjamín Prado, J.M. Caballero Bonald)


Escribir dende a liberdade
andoliña 31 xaneiro
A semana pasada empezou en Ourense a XVII edición dos Encontros Literarios do Liceo, que este ano xiraron arredor do tema Literatura e Memoria e que contaron coa participación de Suso de Toro e de Benjamín Prado, autores de dúas novelas recentes que tamén falan diso (Home sen nome e Malas gentes que caminan). Esta cita cultural, común a escritores galegos e casteláns, empezou no ano 1990, co apoio entusiasta de Carlos Casares, e decidimos mantelos cada ano respectando o espírito que o autor de Ilustrísima lles dera no seu día.
Onte remataron os Encontros cunha conferencia de José M. Caballero Bonald sobre A Novela da Memoria. Esta charla coincidiu co escándalo que xentes do PP andaluz ergueron contra unha Guía Didáctica sobre este gran poeta e memorialista. Polémica tan absurda como moitas que veñen desa banda: e logo o poeta había esconder as súas opinións políticas para chegar ás escolas? E logo pronunciarse contra os que promoven a guerra é facer sectarismo? Por que a algúns lles molesta tanto o aceno dos que escriben dende a liberdade? En honor á verdade debo dicir que non pensan así as persoas que, co mesmo carné, patrocinaron esta cita dende a Deputación ourensá.

30 ene 2007



















Políticos e comunicación.

“Os políticos. se non se ven á mañá no xornal, se non se escoitan na radio ou se a camareira do restaurante onde comen non lles fala do ben que saen na televisión, pensan que morreron. Moléstalles a critica e, o que é peor, máncaos a verdade”: tal declara Lois Celeiro, xefe de comunicación da Universidade de Santiago e amigo de vello. Hai tres décadas era un dos nomes que nun vello piso de Compostela navegaba na nova singradura de “A Nosa Terra” conducida por Margarita Ledo Andión (coa colaboración do artista Pepe Barro e do escritor Bieito Iglesias). Por suposto, ten razón o Lois Celeiro e o andazo afecta a todos os políticos, á marxe do seu carné. Naquela época tamén entrevistou a Fraga e preguntoulle polas autonomías que deseñaba Adolfo Suárez: Fraga “respondeu cunha puñada na mesa, a modo de ameaza, dicindo ¡vostede quere romper España!”. (Imaxe de Rita Voutyla)
camiño do vao. O galego, os políticos e os Tonechos
AFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍN (Galicia Hoxe 30 xaneiro)
Estamos de noraboa. A presentación da campaña da SXPL en favor da lingua contou co apoio unánime de institucións culturais, entidades cívicas, empresas e políticos. As medidas que anuncia a conselleira de Educación, de extensión das clases en galego, anuncian un bo camiño, inimaxinable hai uns meses. É hora de turrarmos todos xuntos para gañarmos a mocidade. É hora tamén de que os pais castelano parlantes vexan como unha oportunidade para os seus fillos a escolarización no idioma galego: unha vía, que pola proximidade das linguas, non lle suporá problemas -hoxe xa estudan algunhas materias sen inconvenientes- e abriránselles as portas a un coñecemento real ao que se cadra eles non tiveron acceso. Mais tamén é hora de gañar a batalla de que a corrección lingüística fala, ás claras, do amor que se lle ten ao idioma.
Un, no ámbito particular, por suposto, pode chamarlle ao seu avó, "abuelo", se así se sente máis achegado a el, ao non usar unha palabra que co vello nunca empregou. Pero no exercicio dun cargo, na imaxe política pública, un debe ser un modelo a imitar: de honradez, de eficacia, de comportamento e tamén, claro, de uso de lingua. O presidente e os ministros de Suecia falan un bo sueco; os de Bulgaria, un bo bulgaro e así, o presidente e conselleiros da Xunta, teñen a obriga de falar un bo galego. Porque na construción da lingua estándar -e estamos na fase final do proceso- cómpre que os personaxes públicos sexan modelos de referencia para o pobo e os políticos teñen a obriga moral de selo. Non é cuestión de, como fai Pachi Vázquez, falar "como falou sempre"... posto que os niveis e rexistros da lingua existen por algo. Aos meniños non lles dicimos "gochi, gochi" para que coman, nin aos estudantes "abilloei..." para que entren nas aulas. Debemos "peneirar" a nosa lingua e usar o rexistro axeitado sabedores de que isto nos sinala como amantes privilexiados. Presidente, vicepresidente e conselleiros, deben facer os seus deberes en silencio na seguranza de que o poder político non outorga ciencia infusa.
¿E os Tonechos? Moito me temo que unha das razóns da súa popularidade é a utilización consciente, intencionada e xeneralizada do castrapo e da mestura de linguas, como vía de "aproximación" á xente. Ou sexa, abaixándose ao pobo... como, por certo, fan os humoristas todos. Pero para engaiolar a xuventude funcionan moitos outros referentes... Moitos han ler por primeira vez en galego co libro da perruqueira de Arcade. En calquera caso, graciñas Ana por eses 3.000 exemplares.



Deus a xuízo: unha controversia contemporánea

Acaba de chegarme, cheo de traballos interesantes, o último número de Grial (n.172). Contén un denso dossier sobre o tema que encabeza estas liñas e outros temas que podedes consultar nesta ficha. (Tamén unha recensión sobre o libro Laio polo irmán ausente. Castelao no epistolario de Otero Pedrayo e outras voces, Galaxia, X.Alonso Montero (ed.), esta da miña autoría).

(Engadido, 2 febreiro: nun comentario a este post decidín incluír, para aqueles ós que non lles chegase aínda este Grial, que paga a mercar e conservar, o meu artigo sobre o libro preparado por Alonso Montero do epistolario arredor da enfermidade e morte de Castelao).

29 ene 2007


O fanatismo.
O escritor israelí Amos Oz recomenda dous camiños contra o fanatismo: “Primeiro, intentar crear esperanza, porque onde existe a esperanza, o fanatismo, aínda que se instale, estará freado desde dentro. Non podes derrotalo, pero está freado dalgún xeito. Logo: lembrar sempre que non podes loitar contra o fanatismo con fanatismo. Non podes derrotar a yihad cunha cruzada, porque a cruzada é xusto o mesmo que a yihad. Velaí o dicionario: a cruzada é o termo cristián co que se designa á yihad. O que hai que intentar facer é aproximarme á dor con compaixón, con humor, con empatía. A única maneira de defenderte contra o xene fanático é ter sentido do humor, porque o humor, o relativismo, é un antídoto: a habilidade para poder ver as dúas caras dun problema, dunha disputa. E ler boa literatura. Porque na boa literatura sempre descobres que non todo é branco ou negro”.
(Imaxe de Picasso, Gato cazando un paxaro)