11 feb 2007


Xestos.
Determinados xestos (en galego dicimos acenos) son importantes non polas súas consecuencias inmediatas nin porque vaian a cambiar as cousas, senón porque demostran que, por baixo do barullo, hai persoas que manteñen unha certa presenza moral. Por exemplo, o xesto de Andreu Buenafuente rexeitando un premio xornalístico que se lle concedía tamén ó director dun programa da radio da Igrexa, o infumable FJL. Di Buenafuente que respecta a súa profesión tanto que non pode aceptar ser comparado cun axitador do guerracivilismo e que toma esa decisión porque ese premio ofende ó propio periodismo. Non son habituais este tipo de xestos, pero serven para evidenciar que existen persoas que poñen por diante dun éxito puntual uns firmes principios. A sólida categoría profesional do cómico catalán non perde nada sen o premio e o país gaña sequera un pouco de claridade. (Pan por Pan 11 febreiro)


P.S. : cales lles parecen a vostedes algúns dos acenos máis relevantes da recente historia política e social do noso país?

10 feb 2007

Foise tamén don Alejandro Finisterre


Polo blog do amigo Modesto soubemos da morte do poeta, editor e inventor do futbolin Alejandro Finisterre. Fora tamén albacea do poeta León Felipe (non sei cómo anda o lío que tiñan cos seus fondos en Zamora...)
Esoutro día lembraba eu na sección "Cen Anos de Historia Cultural" a súa revista Ecuador 0º0'0'', editada en Quito, Ecuador (na foto, do blog de Modesto, está Finisterre, con Modesto Fraga e Luis González Tosar, hai unhas semanas).

Sentimos tamén dende Auria tan irreparable perda, aínda que sabiamos que estaba maliño. Fisterra, e toda Galicia, perde un dos seus grandes nomes da cultura. Deberiamos celebrar a súa memoria todos cun futbolín xigantesco na Praza da Quintana.

Primeiras referencias urxentes: Finisterre na wikipedia, o seu labor como editor, unha entrevista sobre o futbolín. X.M. Pereiro nesta entrevista-reportaxe recolle as súas críticas ó concello de Zamora por "deixar pudrir en caixas" o legado de León Felipe.

Vidas contadas.

Onte pola tarde, na tertulia do Liceo, tivemos a sorte de contar como contertulio con Camilo Dios, que nolo trouxo o Xavier Casares dende Sandiás para contarnos as súas aventuras dende mozo coa guerrilla antifranquista. Narrador nato, o noso convidado foi esfollando capítulos da súa vida dende os días da resistencia no monte ata a condena a morte conmutada por prisión, o seu paso polo cuartel como soldado ou as torturas padecidas como militante comunista. Son estas xentes, pensaba eu mentres escoitaba, que tiveron tempo para vivir varias vidas, moi duras dende logo, pero levadas con dignidade. Logo chegou Gerardo Sueiro, case 95 anos de sabiduría, e díxonos que seguía a aprender moito da vida: vin en tantos anos moitos malvados e rateiros, afirmou, sobre todo no exército e no clero. Vidas contadas: “calquera que pasa ten un rostro e unha historia” (Cesare Pavese).

Pan por Pan sábado 10 febreiro.
P.S.: Con quince anos viuse o Camilo Dios envolto na guerrilla, un seu irmán morreu pouco despois en Ávila abatido pola guerra civil. Conta con moito detalle toda aquela historia: quen eran os enlaces, como contactaban, quen os axudaba, como lles pasaban comida, como se avisaban entre eles, como lle facían os uniformes (o Jesús Nieves, un xastre comunista de Ourense). Conta como estivo co Raúl de Coles, do que tanto nos ten falado o Bieito Iglesias, cando deron con el e o mataron, ó Raúl e a outro máis: non puideron nin disparar, os gardas civís levaban diante súa á nai e un irmán do Raúl. Era preferible non facer prisioneiros. O Camilo tivo sorte porque acabou disparando nunha casa das Mercedes, pero do cuartel ourensán, e o detiveron os soldados do Exército: foi condenado, conmutada a pena de morte e obrigado a facer a mili despois; mesmo fala ben dalgúns mandos ós que serviu no Exército. Militante comunista clandestino, foi con Carlos Barros e Manolo Peña Rey un dos artífices da reconstrucción do PCG en Ourense e o que tiña a imprenta onde se editaban os panfletos de "Cuota da SSA non": por iso o detiveron, entre outras, en 1973 e foi preso de novo e torturado no cuartel da guerra civil. O chamado Billy el Niño, un dos máis brutáns torturadores, moito máis novo que el, que lle desfixo os dedos, aínda vive en Ourense, propietario dunha Academia (e logo din que esta democracia non foi xenerosa de máis!!). Compartimos tan fermosa tertulia, da que tomei algunhas notas (o Camilo Dios quedou impresionado, non sei se pensaría que eu era un "social " ou algo así), estes amigos: Sexismundo Bobillo, Afonso Monxardín, César Ansias, Gerardo Sueiro, Pablo Sánchez Ferro, Serafín Alonso, Xoán Fonseca, Pilar Charro e outra amiga (non sei o seu nome), e Javier Casares, que tivo a xentileza de traernolo para charlar con nós.
Por sorte o Camilo Dios está a rematar as súas memorias que serán pubicadas bastante cedo. O gran Gerardo Sueiro tamén quedou encantado e quedou en volver máis venres: ás veces vai a outra tertulia do Liceo, a de sempre, pero di que non lle gusta porque falan moito de fútbol.

Sentido común
Un escritor interesante reflexiona sobre a política no Estado dende o sentido común, din que o menos común dos sentidos: velaí.

Maruja Mallo e Juan Orol García
Salvador Rodríguez recupera hoxe no Faro de Vigo e no Suplemento do Sábado, dúas historias interesantes: a do director de cine Juan Orol García, amigo de Luis Buñuel, e uns artigos de Maruja Mallo en La Vanguardia no verán de 1938, denunciando a represión da guerra incivil en Bueu.
Pódense consultar os dous traballos en formato PDF, aquí.
(O retrato feminino que acompaña este post estivo na mostra que lle dedicou hai moitos anos o CGAC a Maruja Mallo. Daquela merquei o poster deste enigmático e clasicista retrato que, logo enmarcado, hai moitos anos recibe ós visitantes na entrada da miña casa).

9 feb 2007


Manuel Vilanova

Óscar Iglesias entrevista ó poeta de Barbantes nas páxinas culturais de El País-Galicia. Velaí uns anacos dese traballo:
"Non atopo un entorno cultural sincrónico, a miña xeración poética", di Vilanova. "Na castelá síntome fillo de Luis Rosales, Cernuda, Hierro e Grande. Entre conceptismo e culteranismo, eu sería clasicista". Falando de poetas galegos que o influíron, nomea a Cuña Novás, Álvarez Blázquez, Víctor Campio e López-Casanova, entroutros, con Cunqueiro como poeta de cabeceira.
(...) A veta relixiosa que risca a súa poesía desde 1987 responde "a un interrogante enorme" que di levar dentro del. "Non é a anguria ramoniana, senón panteísta, máis galega. A contemplación da natureza é fundamental... Como naquel poema de Pessoa [O guardador de rebanhos] onde expulsan a Xesús do ceo por ser demasiado bo. Eu vinme acollendo a ese neno na miña casa do Ribeiro".
Neste punto da conversa, Vilanova deixa fluír os recordos de Galicia e os de España, mesturados coa esperanza que deposita en A esmeralda branca -"Dáme carraxe ser eu o autor, desexaría que fose outro", di- e o concepto do sagrado, unha das chaves da súa obra. Destaca a "tendencia galaica" da poesía do 27 e cómo observou ao principio "unha lírica galega máis filla de Bécquer que de Rosalía". "Coñecín e apreciei a Rosales, Quiñones, Gil de Biedma, os Barral, Goytisolo... José Agustín, por suposto. Ángel Crespo foi quen me convenceu de que a poesía estaba por riba das linguas". Fala alegremente das confesións de Onetti na casa madrileña de Félix Grande, durante as horas alongadas do día da morte de Franco. Entristécese cando lembra as coitas biográficas de Claudio Rodríguez. Rexeita as poéticas dogmáticas e subliña "a P. B. Shelley e a Donne como poeta metafísico".
(...) Sobre o papel que lle gustaría que se lle atribuíse: "Un lugar á altura dos meus mestres, Cunqueiro e Rosales, anque iso é moi difícil". E relativiza a cuestión da posteridade. "Hoxe pode haber un Valéry en Carballo e non o sabemos" (A foto do poeta é de Baldo Ramos).

DEFENSA DE DARWIN EN COMPOSTELA
Cada época ten as súas inquedanzas e teimas. Dende os vellos xornais do XIX podemos achegarnos ás obsesións dos nosos antepasados, tanto cando discutían da necesidade do ferrocarril para traer o progreso ó país como cando gastaban as súas forzas a debater a evolución das ciencias naturais ou a mesma infalibilidade do Papa. A cidade de Compostela acolleu unha desas grandes disputas en 1872: cando Augusto González de Linares, catedrático de Historia Natural, pronunciou unha conferencia da Academia Escolar de Medicina, no salón artesonado de Fonseca, defendendo o evolucionismo de Darwin.
Contou esta historia Alonso Montero na revista “Los cuadernos del Norte” (1982). A charla de González de Linares levantou unha forte polémica e a Igrexa respostou dende o Boletín Eclesiástico cunha serie de artigos condenatorios do materialismo. Polémica ben temperá pois os libros de Darwin non foron traducidos ó castelán ata 1876 e 1877. Sen dúbida, González de Linares era un avanzado do seu tempo: de feito foi destituído pouco despois, xunto con Laureano Calderón, catedrático de Farmacia, por non pregarse ás normas contra a liberdade de cátedra do ministro de Fomento Manuel de Orovio.

8 feb 2007




En el remolino, de J.A. Labordeta
Preséntase hoxe en Zaragoza (FNAC) esta novela do cantante e poeta José Antonio Labordeta. Mágoa non estar alí para felicitalo (o único tipo "maleducado" que me caiu ben "mandando á merda" a uns cantos no Parlamento). Graciñas a D.Simón pola información.
Braulio, pobre e humillado, conseguiu converterse no prestamista que executa as débedas non pagadas e que se queda con colleitas e campos. Pero aquel pobo, onde nunca pasa nada, comeza a revolverse nos albores da guerra civil: os sediciosos controlan a zona e din que detiveron a Longares, o alcalde, e que o mataron. O ferreiro e o albanel, os proletarios, desapareceron. E Severino di que non hai máis lei que a da súa pistola. Don Luis, o xuíz, oponse, pero os dous gardas civís únense a Severino. En realidade, as presa de Severino non son os proletarios, senón Braulio, a quen el e todos deben diñeiro. O prestamista mata a Severino e foxe cos seus caudais. Os camaradas de Severino saen en manda a matar o asasino... José Antonio Labordeta escribiu unha fascinante novela coral, relatos que tecen a vida dun pobo onde todos se coñecen e ninguén é o mal absoluto, ou a absoluta bondade. A medida que o lector vaia penetrando no libro descubrirá o máis desconcertante da alma humana. En palabras de José-Carlos Mainer, prologuista do libro, “un relato faulkneriano que é case o xeito innato de narrar unha traxedia civil: un coro de voces, un tempo dinamitado, unha pelerinaxe confusa”.
Os delirios (e A.Muñoz Molina) seguen dando que falar...
(un artigo de Alfredo Conde en El Periódico: artigo completo)

En España, mucho más en su centro, es decir, en esa geografía mental recién citada, "el delirio no ha sustituido a la racionalidad o al sentido común" desde hace unos pocos años, sino más bien desde hace ya unos siglos. Los delirios de grandeza nunca fueron periféricos. En nosotros, en los excéntricos, en los habitantes de esa otra geografía del espíritu, no nacieron tales delirios. En su excentricidad, Galicia, por ejemplo, no "se agranda por las anchuras atlánticas de la lusofonía y por los confines de niebla de los reinos celtas". No lo hizo nunca. Hablo de lo que sé. Otros excéntricos podrán decir de ellos y de sus propias y mentales geografías del espíritu.¿Será el delirio centralista, ese sempiterno, extremado y tan español delirio de grandeza, el que ha generado toda esa reacción que Antonio Muñoz Molina señala con tan grande acierto, en no pocos de los párrafos de su reciente artículo en El País, como con tan desafortunada mezquindad en no pocos de los restantes? Ciertamente "el delirio niega la realidad, pero puede tener efectos devastadores sobre ella". Su artículo es una prueba. Es cierto que en España "no queda nadie o casi nadie que simpatice de verdad con el fascismo o con el comunismo, y sin embargo se oye con frecuencia (...) facha y rojo". Pero no es mentira que el espíritu autoritario, se diría más, el ánimo totalitario que educó nuestro sentimiento, en vez de nuestra razón, acostumbrándonos a pensar por los demás, perfectos imbéciles incapaces de articular por sí mismos ninguna otra verdad alternativa, todavía está vigente. ELDELIRIO no está en la periferia, de ser cierto todo lo que afirma el ilustre autor. No lo está, contra la evidencia por él planteada. No está en la corteza, sino en lo que los gallegos llamamos a cerna, en la esencia. Ahí está el delirio. Es ahí en donde hay que combatirlo. No en sus manifestaciones, sino en sus orígenes; en sus causas, en el núcleo central del problema, no en sus efectos. Pensemos España juntos, de una vez, colectiva y democráticamente. Los excéntricos también pensamos.
Saudosistas
(Bieito Iglesias en El Correo Gallego, 8 febreiro)

Un Mariano Rajoy transido de saudade acaba de anunciar que, cando el gañe, vai restaurar o espírito da transición. Cada quen fala da feira segundo lle foi nela, e a min ese billete de andata e retorno que vende o líder do PP non crean me chista moito. Tráeme ao acordo escenas aflitivas que rescato da memoria en lardo vivo. Acórdome por exemplo do amigo Daniel Vispo repartindo propaganda un primeiro de maio na Alameda e do social malencarado que o apañou; Ana Castelao, que pasaba despistada por alí, achegouse para auxiliar o propagandista e recibiu un sonoro lapote do policía político. Lembro a outro amigo, Marcos Valcárcel, escapando dunha carga policial diante de Fonseca –as cachamorras batéranlle ao saír dunha asamblea estudantil–, descalzo, porque perdera os zapatos na estampida provocada polos grises e co pantalón rachado do fondo á cima despois de afociñar nas pedras da rúa, debido á cambadela que lle meteu un cidadán franquista nun intento de cortarlle a retirada. Non esquecín a figura do bedel-confidente que campaba na facultade de Historia (Sarille, parceiro desta agra que decruamos a medias, lidou con aqueles gardas civís reconvertidos en escoitagrilos e fardados de mandilón azul falanxe), nin haberá amnesia que borre a impresión da parella tricorne que asistía aos mitins que eu argallaba nas primeiras eleccións municipais en Coles, dúas metralletas que me seguían por tascas, palleiras e demais rústicas tribunas. O día das votacións, chegou un autobús cargado con papeletas dóciles da UCD; como lle reprochase ao condutor que carecía de permiso para semellante carreto de votantes, este ameazou con arrincarme o pescozo (a base da UCD non cantaba precisamente libertad sin ira). Aínda a risco de pasar por vello sentencioso, declaro o meu desexo: aqueles tempos que non volvan! A diferenza de Rajoy, estou na España plural de hoxe como un rei nunha cesta; estou coma quen di (como din algúns ourensáns brutamontes e satisfeitos) coa pixa na auga.

Pobre Darwin, de novo

(Andoliña 8 febreiro)

De cando en cando saen na prensa novas sobre a propaganda intensiva das teses creacionistas en diversas zonas dos Estados Unidos, onde aínda se reproducen os debates decimonónicos arredor da orixe do home e onde se ridiculizan as teses evolucionistas de Darwin, caricaturizado tantas veces como un simio: hai poderosas igrexas fundamentalistas protestantes que seguen a facer cuestión desta batalla intelectual, algunhas moi próximas a Bush e ó poder político.
Recentemente chegou a centos de institutos e universidades francesas un libro luxosamente editado, O atlas da Creación, dun autor turco, Harun Yahya, que sostén tamén as teses creacionistas, apoiándose no Corán, citado acotío. Os libros, malia ser moi caros, chegan gratis, enviados dende Turquía e Alemaña. O Ministerio de Educación galo xa alertou que o volume antidarwinista non debe figurar nos institutos por non corresponderse cos programas oficiais.
Nun capítulo do libro vincúlase o darwinismo con “ideoloxías sanguinarias como o fascismo e o comunismo”; noutro lugar acusan os darwinistas, baixo unha foto do 11-S, de perpetuar o terror no mundo. Non se sabe quen financia os envíos, pero non é difícil de imaxinar...
(Imaxe de F.Picabia)

7 feb 2007


Luís Seoane.
Dende a morte de Castelao en 1950, Seoane é o centro de toda cultura galega do seu tempo dende Buenos Aires. Alí saca adiante, en 1954, esa gran revista que foi “Galicia Emigrante”: consegue as firmas dos exiliados e tamén dos autores do interior con Otero á cabeza. Pero a revista é tamén moi crítica: lean o editorial do seu número 4, “El dinero de América”, onde conta como se reclaman cartos de América para todo tipo de iniciativas na Galicia da Terra. E non hai ricos na Terra, pregúntase Seoane? Non hai cartos nas cámaras de comercio, grupos patronais, industriais, comerciantes e banqueiros galegos? Por que a magnanimidade dalgúns ricos emigrantes fronte á nada dos do interior? Seoane dá esta explicación: as fortunas de aló saíron de abaixo, traballando de sol a sol. Os outros herdaron os seus comercios e rendas, sen esforzo persoal, pensando só neles mesmos.

6 feb 2007

Portugués no ensino
(Camiño do vao. Un artigo de Afonso Monxardín)

Polas miñas estadías arqueolóxicas en terras de Amarante, docentes no Brasil, de lecer de Portimao a Chaves, e pola achega á súa literatura, sonlles falante básico de portugués. Pero sobre todo, claro, por partir do galego; lingua tan próxima que algúns lle negan a esencia da irmandade para afirmar que son, simplemente, a mesma. Mais á cerna da miña cuestión de arestora, non importa, sempre que se concorde na bondade de coñecermos as diferenzas que existen entre os dous estándares.
E creo que estender o estudo do portugués como segunda lingua estranxeira no ensino non é a vía ideal, porque a ampliación do repertorio procurado con esa vella medida vai na liña de manter o francés e abrir portas ao alemán dentro dos idiomas coñecidos pola nosa xente formada. E non podemos deixar a unha parte importante da nosa poboación, dos nosos estudantes, totalmente alleos á realidade lingüística do sur. As laretadas de que é inútil ese estudo porque xa falamos o mesmo, non fixeron, fan nin farán avanzar o achegamento cultural entre Galicia e Portugal.
O camiño debe ser hoxe, creo, a revisión dos planos de estudo de galego para darlle entrada dentro desta materia, ao estudo das diferenzas ortográficas, fonolóxicas, léxicas e sintácticas entre galego e portugués, durante un tempo específico, se cadra un par de meses. E como xa temos moito camiño andado, cunha miguiña de dedicación e intelixencia, axiña descubrirían os nosos alumnos ese mundo a moitos nos é familiar. ¿En que cursos? Se cadra lingua en 4º da Ensinanza Secundria Obrigatoria e en 1º de Bacharelato, literatura. Pero cumpría velo.
E non creo que tecnicamente fose demasiado difícil, pois a inmensa maioría dos profesores de galego son licenciados en galegoportugués, e os que non o somos amamos tamén o sur. Ademais poderiamos arrapañar moitas axudas europeas para esta ampliación transfroteiriza do repertorio lingüístico dos galegos (ampliar significa sempre sumar e oponse a restar).
E deberiamos mesmo intercambiar profesores por tempadas durante o curso escolar: así os nosos alumnos escoitarían a mestres do sur falando de Camõens e Pessoa e nós proxectariamos en Portugal a palabra de Rosalía, Castelao, Rivas e a presenza dunha Galicia revivida, orgullosa, e con historia cultural de seu. E penso, sería ben acollido polo noso tecido social, que revalorizaría a materia de galego ao incrementarlle a través desta novidade, un valor máis de utilidade práctica. Hai que intentalo. É unha porta moi grande que se pode abrir con pouco esforzo.

(Na imaxe, Teixeira de Pascoaes)
Blog de Punto Crítico

O programa de Telemiño, Punto Crítico, que dirixe Santiago Rodríguez, vén de abrir un blog para prolongas os debates semanais dos seus diferentes encontros: www.puntocritico.tv.
Participei dúas veces nese programa de debate: unha a propósito do papel da Igrexa e a súa distancia co mundo actual, que fora abondo polémico, aínda que todos os interpelantes, en tono dialéctico moi duro, acabamos ben amigos (algúns xa o eramos antes). Do outro debate, o da guerra incivil española, xa se falou neste blog hai uns meses e aínda quedan rescoldos por aí soltos... (alguén se molestou ó verse nos papeis "virtuais", seica).
De profundis
Eu aínda non a puiden ver, pero todas as referencias son excelentes. Tamén esta de Xosé M. Sarille, hoxe en El Correo Gallego:

De profundis podería ser a derradeira viaxe de Urbano Lugrís para dentro de si. Un descenso do vello pintor deica o seu mundo, soñado nas fonduras que eles iluminan. Reinventan as formas e os sons de moitos grandes músicos e pintores que foron. Hai unha irmandade entre a música e a pintura que se asentan no sincretismo, buscando nos dous casos a influencia dos antepasados e dos artistas actuais. O eco de Gaos e Montes, de Emilio Cao e Quiroga. A cor de Patiño e Maside, as formas de Castelao. Un cre ver os rosas mariñáns de Francisco Lloréns, os contos máxicos e a arte do pobo. E todo sen palabra falada.
Estréase estes días nos cinemas de Galiza. Está feita a partir de mil e pico óleos que despois se desenvolveron na computadora e dunha música que se expande e envolve a todas as almas vivas do mar e dos ouvintes. Ver este filme é tan forte como atoparse por primeira vez diante da obra de Luís Seoane ou das prosas de Rafael Dieste. Unha película perigosa para os colgados, os traspostos e os cegos de cidade
(artigo completo).
Vilas literarias
Luís González Tosar reclama para Galicia unha "vila literaria" como a que se está a crear en Valladolid (artigo completo):
E velaí que, en cousa de minutos, o comedor foise enchedo de seareiros, uns dez ou doce homes. Nada extraño, mais cando os escoitamos falar, comprobamos que a súa expresión coloquial era: en galego. Dirixímonos aos paisanos, case todos da comarca do Deza, e axiña nos informaron do seu oficio de canteiros e de que estaban traballando nas obras que convertirán ao vedraio burgo medieval na flamante Villa del Libro.
O proxecto Urueña, impulsado pola Deputación de Valladolid -dez librerías de novo e de vello, espacios para a lectura, a escrita e as súas aplicacións, áreas pedagóxicas, museísticas e para actividades, etc- ten os seus antecedentes no modelo Hay-on- Wye. Localidade do País de Gales que é referente mundial de até onde pode chegar unha iniciativa a prol do libro e de lectura respaldada pola administración e con participación veciñal. Aprobada a Lei galega do libro. Il non teremos nós a nosa Vila?



Palabras contadas


No seu último libro, “Palabras contadas” (Xerais), Camilo Franco ofrécenos un amplo abano de historias breves, fragmentarias, todas elas afíns ó xénero do microrrelato, aínda que algunhas se presenten como argumentos de novela. Ese xénero esixe, ademais de brevidade, capacidade de contar dende a sorpresa, un certo virtuosismo na arte de ver o mundo a contramán. Se fose necesario cun algo de provocación e transgresión, xénero que Camilo domina ben, ó cabo coñece con detalle o mundo do teatro: nos seus breves relatos hai tamén moito de xogo escenográfico (“Era ou non era”) e o humor e a ironía son o carimbo necesario para poñer en cuestión tanto a vida cotiá aburrida dos humanos como as grandes institucións (o Exército e a Igrexa, por exemplo). Se é preciso tamén dende o xogo ousado da truculencia: como no relato “Estaba de ser” (Foto de Eduardo Núñez). (Pan por Pan 6 febreiro)
Estaba de ser
Chamábase Jack, era carniceiro, viñera do norte. A xente desconfiaba del, que logo din que a literatura non serve para nada. A natural prevención que levantaba a súa mala prensa quedaba compensada coa amabilidade de vendedor e coa elegancia con que cortaba os finísimos filetes. Co mesmo sorriso atendía a quen pedía pescozo ou xarrete, O seu cada vez máis leve acento inglés dáballe o aire cosmopolita da elegancia. A primeira cliente da mañá non puido reprimir os xestos de puro terror ao mirar a cabeza feminina chantada nun dos ganchos e cada unha das partes anatómicas da británica esposa perfectamente despezadas sobre o mostrador.
Instinto básico
Ela entrou no bar cun chupachup na boca e hai que se foder co inmediato que é o instinto masculino.
Era ou non era
Foi naquel tempo en que as compañías de teatro subían os espectadores ao escenario. Por meter medo no patio de butacas. El, fuxitivo e desorientado, entrou no teatro buscando un refuxio. Chegou con manchas de sangue entre os dedos mentres un actor gracioso buscaba entre o público alguén con cara de bo tipo. Viuno intranquilo e sinalouno co dedo. Non tiña idea de qué ía o asunto pero subiu porque qué mellor coartada. O cómico colocouno no medio do escenario baixo as lámpadas que simulaban un interrrogatorio e preguntou: que faría vostede se acabase de asasinar a súa muller?

5 feb 2007


O vello cronista escribe….
Alleo ó barullo da rúa, o vello cronista escribe. Está pechado no seu estudo, sobre a vella mesa de madeira, rodeado dos queridos libros de sempre, asolagado nas súas lembranzas. Bota contas e sabe que este xa non é o seu tempo. Hai tempo que o reloxo empezou a conta atrás: el viviu épocas ben difíciles, aquelas que dominaron as sombras do terror. A lembranza do pai é testemuño de que a historia foi carne e non só un papel amarelecido. Pero agora, os fados máis magnánimos só lle poden reservar xa algúns anos, os imprescindibles para despedirse do mundo. Son moitas décadas xa cumpridas e aí quedan os labores feitos: uns cantos libros sobre historia, arte e patrimonio; uns cantos centos de artigos e unha chea de conferencias; o protocolo necesario do Cronista Oficial da Cidade...
E entón pensa no que quedou por facer. Porque, sobre o feito, queda a lousa do amplo catálogo de traballos non rematados e doutros pensados e imaxinados. Aquel libro sobre os toliños de Ourense que quedou sen rematar. Aqueloutra historia das grandes desgrazas da cidade: o incendio que asolou a cultura urbana no Instituto nos anos 20, as cheas do Barbaña que encheron de porcos asolagados as beiras de Villa Valencia aló polos 40, as traxedias do metílico e logo as vítimas inocentes da colza, xa en pleno retorno da democracia... E esa deliciosa microhistoria, oculta nos grandes textos: o crime do Federal, aquel edificio que se derrubou na rúa de Ervedelo na República, aquel neno atropelado en Canedo por un dos primeiros automóbiles da cidade, etc.
Non sabe moi ben por que pensa en todo isto agora. Sempre quedan tantas cousas pendentes. O cronista garda un caixón cheo de compromisos incumpridos polos diferentes políticos de cada hora: cando prometeron un Centro de Interpretación de Historia da Cidade; cando presentaban con entusiasmo o futuro Museo de Artistas Ourensáns; cando vendían, con puntualidade británica en cada nova cita electoral, un novo gran parque para o lecer dos cidadáns (o cemento enterrou de vagariño todas as súas posibles ubicacións). E menos mal. Seica en Lugo algún político quixo no seu día tirar as murallas romanas para ampliar o espazo vital da cidade. Algo así quixeron facer cun lateral do Museo Arqueolóxico e de seguro que o disparate iría adiante se don Xesús Ferro Couselo non o impedise.
Non sabe ben por que pensa nisto agora. Quizais porque está a rematar o discurso de agradecemento que lerá no renacido Instituto de Estudos Ourensáns, do que foi nomeado presidente de honra. Por iso fai balance. E escribe o parágrafo final dese texto: “Entre as características que marcan o xeito de ser dos habitantes da cidade quizais a máis permanente sexa a Indiferenza. Iso explica que, a sete anos de comezar o século XXI, se permitise que un dos edificios máis nobres da cidade, o antigo Banco de España, inaugurado na República, fose consagrado á burocrática tarefa de ser a sede do Catastro en vez de dedicarse a dignas e necesarias funcións culturais. Don Celidonio estaría ben satisfeito”.
(Foto: o Banco de España e, fronte a el, a terraza da Bilbaína. Publicado en La Región, 5 febreiro).



4 feb 2007


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1953: Á LUS DO CANDIL, de Ánxel Fole

Foi o ano de Á lus do candil, de Ánxel Fole. E do Cancioneiro de Monfero, de Álvarez Blázquez, aquela simpática brincadeira. E de O libro dos amigos, de Otero Pedrayo.

E doutros libros e traballos de Castelao (en Galaxia), Ramón Piñeiro, Antón Zapata García, Leandro Carré Alvarellos, Avelino Gómez Ledo, Benito Varela Jácome, Vicente Risco (La puerta de paja), Camilo José Cela (Mrs.Caldwell habla con su hijo), Alberto Machado da Rosa (sobre Rosalía), do nacemento das Mocidades Galeguistas en Buenos Aires, do renacemento en Compostela das Festas Minervais, do guión de Torrente Ballester para Rebeldía, de Nieves Conde; e da reportaxe fotográfica de José Suárez en Xapón.

En América o poeta Xervasio Paz Lestón, con obra espallada por diferentes revistas, publicaban a revista Alborada o que Alonso Montero considera como primeiro manifesto en verso a favor da poesía civil: “Deixade xa poetas de cantar as corredoiras,/ deixade xa de alabar postas de sol./ Respetade aos primeiros precursores,/ e falade do tempo perto que envolve ista procesión de mortos./ Falade da noite escura que envolve a nosa aterra”.

(O artigo completo. Nas fotos, o Grupo Galaxia completo, con Otero e Fole, e un poemario de Antón Zapata, que morre en 1953).




Efemérides culturais.
Xa levamos un mes cumprido do 2007 e aínda non fixen referencia ás efemérides culturais deste ano. Pois aí van. Neste 2007, aló por decembro, cumpríranse cen anos da homenaxe póstuma a Pascual Veiga que se celebrou no Gran Teatro da Habana na que se cantou por primeira vez o Himno Galego. Tamén van cen anos do mitin de Betanzos, convocado por Solidaridad Gallega e no que Lugrís Freire deu por primeira vez un mitin político en galego. E outros tantos do nacemento do xornal “A Nosa Terra” que naceu da man dos agrarios e rexionalistas. Finalmente, 2007 é o centenario do nacemento de Ramón Martínez López e dos ourensáns Xoaquín Lorenzo, Xesús Taboada Chivite e Antón Faílde. Os que pisaban estas pedras aló por 1907 viviron, ademais, a morte do poeta Arturo Vázquez Núñez e do “Roque Grilo Berzas” que escribía en “O Tío Marcos d’ a Portela”.
(Imaxe de G. de Chirico)