24 may 2007


Entre copas (Bieito Iglesias)
El Correo Gallego, "Pan e coitelo", 24 maio 2007

(Un pouco bastante abrumado, case avergoñado, reproduzo este artigo que o amigo, extremadamente xeneroso, Bieito Iglesias, me dedica hoxe en ECG. Creo que son, xunto cun limiar dun libro que me fixera o finado Carlos Casares, as palabras máis amables que sobre min se escribiron nunca. E aí quedan, para compartilas con todos vostedes. Pero a que vai quedar máis contenta co artigo, sen ningunha dúbida, é a miña muller)

Unha mañá destas da ponte das Letras Galegas, desafiei o biruxe das primeiras horas e fun almorzar na praza maior, oficialmente denominada del Caudillo, de Carrión de los Condes, Palencia. Anoto de pasada, antes de seguir co conto, que me opoño ao proxecto da Consellería de Cultura de converter outra volta en laboral a festividade do 17 de maio. Tal efeméride debe continuar como vacacional, polo menos para os escritores en galego, meravigliosas creaturas protagonistas de tan asinalada data. Naquel bar palentino coincidín con homes de pelo en peito (víaselles a pelame e as cadeas douradas con medallas da Virxe porque lucían a camisa parcialmente desabotoada), con señores que trasfegaban ao romper o día copas de coñac e anisete -sol y sombra- ou viño quinado. Só algún pusilánime bebía cervexa con aceno esquivo, pedindo perdón por semellante mariconada. Eran individuos tan alleos á sociedade da información como poidan selo os indios yanomani do estado brasileiro de Roraima.

Sufrín un ataque de envexa porque estar informado non te volve máis feliz. De que me serviu a min saber (por artigo de Alfredo Conde neste diario) da armadilla que lle prepararon ao meu amigo Marcos Valcárcel? Serviu para pórme de malas, pois Marcos foi atraído a unha emisora co achaque de falar de historia cando o que pretendían era encalatralo para que rifase cun adepto do xugo e as frechas. A noticia circula no ciberespazo: "Comunista se niega a debatir con falangista". O meu amigo aturou falanxistas no bacharelato (sádicos profesores de ximnasia e de Formación del Espíritu Nacional), aos seus anos xa está ben libre de ter que rebaixarse en espectáculos circenses de mouros e cristiáns. Por certo que a etiqueta de "comunista" non o retrata con precisión. É galeguista, de esquerdas, historiador rigoroso, orador ameno nas palestras, columnista brillante e boa persoa. Tamén é un tipo máis calmo que O home tranquilo filmado por John Ford. Aínda por riba a súa muller, María, parécese a Maureen O´Hara.

OS POLÍTICOS QUEREN SER XENTE
Andoliña 24 maio (Imaxe: Dona en camisa, A. Derain)

Desta campaña electoral, a diferenza doutras anteriores, deduzo dúas novidades. A primeira, a riqueza de medios que exhiben todos os grandes partidos: os dous que cogobernan no bipartito e o principal da oposición. Todos seguen unhas estratexias xerais que se cualificarían non hai moitos anos como un exceso de electoralismo: ata a contratación, mesmo no BNG, de figurantes mozos para un mitin.
A miña segunda conclusión é que os políticos queren ser xente do común. Verán. Escoitei hoxe na radio este eslogan: “Vota PP, o partido que máis se parece ós galegos”. Creo que vai na liña de flotación daquel “Galego coma ti” que tantos éxitos lle dera noutros tempos a Fraga Iribarne. E os nacionalistas, cando menos en Ourense, o mesmo: levan días a dicir que o seu candidato, Álex, é o máis parecido á xente normal da cidade. Xa o dixo Quintana e repíteo a cotío o propio candidato. E velaí a música deste mesmo grupo: “Xente que camiña...”: por certo, a mellor banda sonora da campaña, da man de Berrogüeto.
Que sucede? Vense os políticos como marcianos doutra galaxia para insistir tanto en que son xente normal? Ou teñen medo do menosprezo que as enquisas reflicten sobre a clase política en xeral?

23 may 2007


Guy Môquet, o heroe comunista que eloxia Sarkozy


Dedicáronlle estes días varios artigos, como este en El País.

En La Vanguardia falan hoxe da "memoria roubada" pola instrumentalización política da figura do xove comunista por Sarkozy. Nesa liña publicáronse textos tamén en Libération.

Que pasaría en España se Rajoy reivindicase a memoria de Julián Grimau? Hai manipulación en Francia ou hai que aplaudir cando a dereita se fixa nos mitos da memoria da Resistencia e da esquerda?
Sarkozy e o ‘caso Guy Môquet
Andoliña 25 maio
Pois vaia barullo está a montar Sarkozy, trala súa vitoria electoral en Francia. Primeiro, incorporando como ministros persoas procedentes da esquerda e utilizando como referentes símbolos do pacifismo e do antifascismo como Jaurés e Blum. E agora, instando ós profesores de historia a usar nas aulas a carta de despedida de Guy Môquet, un mozo comunista de dezasete anos fusilado polos nazis. Sarkozy non é nada parvo: xa logrou descolocar os analistas e a opinión pública.Para algúns é un simple oportunista que que cre que é un novo De Gaulle e que está a utilizar o consenso antifascista da historia francesa como un novo mito mobilizador en clave nacionalista. Para outros, é digno de aplauso este recoñecemento da tradición da esquerda. O debate está na prensa francesa. Tamén no meu blog (As uvas na solaina) : alguén lembrou os comezos de Aznar con gabanzas a Manuel Azaña (seica inspirado por Jiménez Losantos!!) e fotografías buscadas con Alberti. Din estes que co tempo Sarkozy amosará a súa verdadeira faciana. Quizais. Pero eu non imaxino a Rajoy reivindicando a memoria de Julián Grimau ou de Durruti: de verdade que non.
Luis Sepúlveda.
Pan por Pan 23 maio (Foto facilitada por Carme Carballo)

Estará hoxe en Auria o escritor chileno Luis Sepúlveda, autor de contos, novelas, obras de teatro, ensaios e guións para cine e radio. Como xornalista coñeceu nos anos 70 a Amazonia Ecuatoriana no marco dunha investigación da UNESCO e alí, entre os indios shuar (mal chamados jíbaros), naceu a novela “Un viejo que leía novelas de amor”, premio Tigre Juan, a sedutora historia de Antonio José Bolívar Proaño despois de convivir cos indios nese mundo virxe que xa non saberemos ver sen os ollos do realismo máxico. Traducida a vinte idiomas, tras desta obra publicáronse moitos outros dos seus títulos, incluídos “Hot Line” e “Diario de un killer sentimental”. Falará nos locais de Caixa Galicia (Xoán XXIII), convidado polo Club Internacional de Prensa, sobre “A importancia de ser un idiota latinoamericano”, nunha charla de seguro tan suxestiva como polémica.

Supoño que as conferencias de Santiago e Ourense foron semellantes, así que aí vai un resume:

Un texto ben simpático de Luis Sepúlveda (un anaco só). Por certo, recomendo os seus artigos en Le Monde Diplomatique (accesibles aquí).

Hay monos más caros que otros (15-VIII-2005)
Si un mono de Gibraltar gasta treinta euros anuales en comida, vacunas y veterinarios, ¿por qué el Estado chileno gasta 600 millones de pesos cada año en alimentar, vacunar y asistir veterinariamente a Pinochet? Los monos de Gibraltar roban helados, bolsas de papas fritas, hasta alguna cartera dejada al descuido en el auto, pero ninguno tiene cuentas secretas en los EE.UU o en paraísos fiscales, Tampoco defraudan al fisco con declaraciones fuleras, ni sus monas y monitos forman sociedades para delinquir.
Los ingleses están convencidos de que esos monos sirven para algo, pero ningún chileno puede decir lo mismo de Pinochet. ¿Es justo que ese punga tenga asignados cinco autos con chofer, una ambulancia con médico incluido y 45 empleados que le pelan los plátanos?

22 may 2007


En poleiro alleo
(Fotografía: Floris Andrea)

Sobre a in-dependencia (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe)

A nostalxia dos reiseñores (Xosé M. Sarille, El Correo Gallego)

Bazofia na TVG (Afonso Álvarez Cáccamo, Faro de Vigo, 21 maio)


As grandes preguntas.

Andoliña 23 maio

Moito se ten escrito xa sobre o caso Günter Grass e a súa confesión sobre os seus anos de mocidade: ós 17 anos pertenceu ás SS hitlerianas. “Fun seducido por Hitler. Crer nel e na vitoria non cansaba, era facilísimo”, di o escritor alemán nun xornal. Pregúntase agora Grass por que non dubidou. Por que non preguntou por aquel profesor desaparecido ou por aquel compañeiro de clase que era Testemuña de Xehová e nunca máis volveu?

Toda unha xeración foi seducida, sen facer preguntas. Non foi Grass o único: hai unha longa lista de escritores, filósofos, intelectuais, seducidos polo irracionalismo nazi. As preguntas facémolas agora: Carlos Casares escribiu Deus sentado nun sillón azul movido polas mesmas preguntas, despois de coñecer en Alemaña o palacio onde se tomou a decisión final: nin máis nin menos que eliminar toda unha raza, os xudeus, e seis millóns de persoas.

Preguntas que renacen ó ver películas tan maxistrais como O pianista, de Polanski, que repoñen na TVG, baseada en boa parte nas súas lembranzas do gueto de Varsovia cando a persecución nazi: agardo que os mozos de hoxe si se fagan moitas preguntas. Porque, de certo, non temos outro antídoto posible contra a barbarie e a senrazón.

21 may 2007


As Idades da Vida

A los periodistas les gusta preguntar a la gente mayor y más sabia qué ha aprendido de la vida. ¿Puedo formularle esa pregunta?
R. Ahora que estoy sola con mi vejez -mi marido durante 47 años murió hace seis-, me encuentro con la sorpresa de que es como una vuelta a la adolescencia, porque lo cuestionas todo y observas cómo reaccionas con los demás y lo que esperas de ellos. He oído un mito precioso de que la vejez es una especie de hermosa meseta de calma y aceptación del mundo, llena de sabiduría. Pues bien, no hay sabiduría en la vejez. Son las mismas viejas preguntas que me hacía a mí misma y a los demás cuando tenía 15 años. Me temo que esa paz de la vejez no me ha llegado.
(Nadine Gordimer, Premio Nobel de Literatura, El País, 20 maio. A entrevista completa)

20 may 2007


Cen anos de historia cultural: Casares, García-Bodaño, Neira Vilas (1967)
(Nas fotos, Carlos Casares nos 60 e Tovar nun retrato de Blanco Amor)

Empeza a miña crónica dos Cen Anos... hoxe cunha referencia á gran homenaxe de despedida a Celso Emilio Ferreiro en 1966 (non me colleu o domingo anterior).
Falo logo da estrea de Carlos Casares (Vento ferido) e de Neira Vilas (Camiño Bretemoso) e de Salvador García-Bodaño (Ao pé de cada hora). E doutros libros de Franco Grande, Manuel María, López-Casanova, Antón Tovar (Non) e a edición bilingüe da Longa noite de pedra, de Celso Emilio en El Bardo. // Outros autores do ano foron Ramón Piñeiro, Ferro Couselo, Cunqueiro e Lago González. Del Riego e García-Sabell instaban un comunicado da Academia Galega ó Ministerio de Educación pedindo a introducción do galego no ensino.
Morrían María Mariño, Uxío Carré, Plácido Castro, Peña Novo, Rafael López de Haro e Ángel Romero Lojo. // Outros nomes do ano: Alexandre Finisterre. Arturo Baltar.
Nacía a Auriense e Amigos da Cultura de Pontevedra. E nacía a colección popular "O Moucho", con O Catecismo do labrego. (etc. etc.)



Así vai a campaña (2)

Despois de case 160 mensaxes traio para aquí o fío do debate electoral, que ademais está a punto de caer fóra da páxina a vista do blog. Quedarán, de seguro, cousas que comentar nesta semana que queda ata o 27-M.
Casualidades. (La Región, 21 maio. Foto Greg Gorman)
As casualidades son importantes na vida. Cantas cousas semella que suceden só por casualidade. Ninguén sabe interpretalas con xeito e diso viven quiromantes, videntes e adiviños do futuro. Debe ser unha casualidade, supoño, que Gerardo Conde Roa, Telmo Martín e Enrique Nóvoa teñan que ver, a nivel profesional, co mundo da promoción inmobiliaria. Os tres queren ser alcaldes de tres grandes cidades: Santiago, Pontevedra e Ourense; de feito, Telmo Martín xa foi alcalde da Marbella galega, Sanxenxo, e Nóvoa éo hoxe de Ourense. Por casualidade tamén os tres pertencen ó mesmo grupo político (tamén hai construtores noutras siglas, pero non nas grandes cidades). Se saísen elixidos alcaldes terían que ser moi escrupulosos para delimitar a liña que separa os intereses públicos dos privados no campo do urbanismo. É o problema que teñen as casualidades.



Linguas cruzadas.

Pan por Pan 20 maio. (O debuxo é da surrealista checa Toyen (Marie Cermínova), Praga 1902-París, 1980).

A TVG emitiu onte o documental “Linguas cruzadas”, de María Yáñez e Mónica Ares, que fai unha esculca nos comportamentos sociolingüísticos da primeira xeración da historia que tivo o galego como lingua oficial (os nacidos despois de 1980). O interesante deste traballo é que lle dá a palabra ós propios protagonistas: mozos estudantes de Chantada, A Coruña, Santiago, Bueu, que falan das súas actitudes cara o galego. Dende o apoio total á indiferenza. E aboian todos os prexuízos de sempre: o galego como lingua rural, un idioma só de nacionalistas, etc. O documental só retrata a realidade: despois de 27 anos de autonomía e democracia, as cousas están difíciles para o galego. Hai mozos e mozas concienciados ou que o falan de seu, sen problemas: eles poden facer moito aínda. Veremos qué pasa na seguinte xeración...

19 may 2007

Cuestionario Proust
Estimados amigos: hai dúas ou tres semanas fun requirido por amigos e colegas do blogomillo como Arumes e Fíos Invisibles co famoso Cuestionario Proust. Funo atrasando por falta de tempo, pero había que cumprir e aquí está. E custoume, porque isto é máis difícil que facer un libro. Nas preguntas máis persoais, sempre pensas que non vas ser entendido ou que non parecerán respostas auténticas (e dende logo, queren selo). Nas cuestións de afinidades, aínda peor: seleccionar os mellores poetas ou os mellores pintores..., vaia!! Como dicía Carlos Casares, o mellor escritor son polo menos cen ou mil e, ademais, en canto escribes un nome decátaste doutros dous ou tres que quedaron sen poñer e tamén tiñan dereito. Así de inxusto é opinar, disto e de tantas cousas. Pero non quería “escaquearme” e alá vai (sexan vostedes indulxentes).
E transmito a cadea, se non responderon aínda e se lles apetece, a: Fragmentos de Galaxia; Sobre filloas, mel; Dpaso; Modesto Fraga e Moralla.

O principal risco do meu carácter?
Quizais sexa a constancia, o desexo de comunicarme cos demais e unha certa inxenuidade, case infantil, á hora de querer entender o mundo.

A calidade que prefiro nun home?A bondade e a intelixencia, se pode ser en perfecto equilibrio, pero dominando sempre a primeira.
A calidade que desexo nunha muller?As mesmas que nun home.
O que máis aprecio nos meus amigos?Dende sempre busquei xente ó meu arredor que me enriquecera en calquera dos planos da personalidade: os mellores amigos/as son os que máis nos achegan dende a súa empatía e comprensión. Tamén admiro moito o sentido do humor que posúen algunhas persoas e que derraman xenerosamente sobre os demais.
O meu principal defecto? Quizais o ser un pouco disperso, non saber concentrar os esforzos naquelas cousas que son realmente importantes.

A miña ocupación preferida?Pois, ademais de ler e escribir, cousas que fago a cotío, ver cine (moito cine) e tomar unha caña cos amigos ou lendo os xornais pola mañá.
O meu soño de dita? Creo que nunca tiven un soño explícito de dita: contentareime se a vida se segue portando como ata agora.
Cal sería a miña maior desgraza? Obviamente, perder os seres que me importan. E, a un nivel máis egoísta, verme impedido para ter unha vida minimamente digna.
Que quixera ser?No mundo das artes, téñolle unha gran envexa ós músicos: creo que están nunha dimensión diferente ó resto dos creadores e, se vivise outra vida, non me desgustaría dedicarme a transmitir o meu mundo dende a música.
Onde desexaría vivir?Quizais na Florencia do Renacemento, cidade que por certo non coñezo. Ou nalgunha das cortes medievais onde interpretaban os nosos trobadores (se eu pertencese á nobreza, claro; os campesiños non podían gozar de todo iso).
A cor que prefiro? Dende neno tiven sempre querenza polos azuis e verdes, nunca demasiado rechamantes.

A flor que prefiro? Os gladíolos
O paxaro que prefiro? Calquera desas aves tropicais fascinantes ou os mesmos colibrís (pero teño mala conciencia: o meu avó tiña moitos paxariños na casa e, un verán que marchou de vacacións, tivemos que coidarllos o meu irmán e máis eu: cando volveu, morreran a metade deles.
Os meus autores preferidos en prosa?Castelao, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Bieito Iglesias, Manuel Rivas, Torrente Ballester, Josep Pla, Cortázar, Vargas Llosa, Borges, Augusto Monterroso, Nabokov, Marguerite Yourcenar, Edgar Allan Poe, Dostoievski, Cervantes, Montaigne, o teatro de Shakespeare, C. S. Lewis.
Os meus poetas preferidos?Rosalía, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Méndez Ferrín, Celso Emilio Ferreiro, Luis Cernuda, José Agustín Goytisolo, San Juan de la Cruz, Joan Salvat-Papasseit, Gil de Biedma, Walt Whitman, Dante Alighieri e Petrarca.
Os meus heroes de ficción? O Principiño, de Saint-Exupèry.
As miñas heroínas de ficción?Carmilla, a protagonista do conto do mesmo nome, de tema vampírico, de Joseph Sheridan Le Fanu.
Os meus compositores preferidos?Do mundo do cine, Dimitri Tiomkin e Nino Rota (“Amarcord”). E da música moderna, sempre van comigo cancións como “Suzanne” de Leonard Cohen ou “Michelle”, dos Beatles.
Os meus pintores predilectos?
Imposible facer unha selección. Pero, xoguemos: O Bosco, Brueghel, Leonardo, Caravaggio, Rembrandt, Vermeer, Velázquez, Durero, Turner, Matisse, Goya, W. Bouguereau, Picasso, Van Gogh, Egon Schièle e case todos os expresionistas, Magritte, Miró, Edward Hopper, Francis Bacon, Balthus, Luís Seoane, Laxeiro, Virxilio.
Os meus heroes da vida real? As persoas que foron quen de sobrevivir en situacións difíciles (a xeración dos nosos pais ou dos nosos avós) e fixeron todo o que puideron para que os que viñamos detrás viviramos un pouco mellor e fosemos máis cultos e sensibles.
As miñas heroínas históricas?Todas as grandes escritoras, músicas, pintoras, ensaístas (mulleres) que nos deixaron a súa obra, con enormes dificultades, antes dos tempos máis contemporáneos. E tamén as que non nola deixaron porque quedaron soterradas baixo a pegada dos seus homes ou dos seus fillos.
Os meus nomes favoritos? Sempre me gustaron, vai saber por qué, nomes como Xabier ou Laura. E, por razóns obvias, Eire e María.
Que detesto máis que nada? A maldade, a intolerancia, o desprezo cara os que nada teñen.
Que caracteres históricos desprezo máis? Os que se impuxeron na historia (e hai tantos!!!) cos
elementos que mencionei na resposta anterior.
Que feito militar admiro máis? Ningún. Supoño que hai feitos admirables, no seu significado histórico, pero non creo que gañar algo pola forza da violencia ou do armamento máis poderoso sexa digno de relembrar.
Que reforma admiro máis? A conquista da igualdade xurídica e social polas mulleres e o dereito da educación e saúde para todos/todas.
Que dons naturais quixeras ter? Un maior sentido musical ou a posibilidade de saber tocar ben algún instrumento.
Como me gustaría morrer?Pois, cando me toque por razóns de idade, sen dolor, por qué non, durmindo ou despois de despedirme dos meus seres queridos.
Estado presente do meu espírito? Sereno, tolerante, sempre con gañas de aprender (ese magnífico debuxo de Goya, xa tan velliño: “Aínda aprendo!”).
Feitos que me inspiran máis indulxencia?Eu, dos pecados de cintura para abaixo, nunca opino.
O meu lema?Pasar polo mundo agarimado cos seres que queres, ter os ollos ben abertos para aprender a gozar das mil marabillas que o mundo nos ofrece xenerosamente e facer o menos dano posible.
Luis Sepúlveda
Mércores 23 maio. Centro Sociocultural Fundación Caixa Galicia (Xoán XXIII), Ourense.
Conferencia de Luis Sepúlveda, escritor, xornalista e realizador cinematográfico chileno:
"A importancia de ser un idiota latinoamericano"
Organiza Club Internacional de Prensa.



Jerry Falwell, telepredicador

andoliña 19 maio
Morreu nestes días, sen que a prensa destacase moito a nova, Jerry Falwell, o pastor evanxélico ultraconservador que creou no seu día o movemento Maioría Moral, en 1979, e todo un lobby para apoiar a campaña cara a presidencia de Ronald Reagan. Toda a súa carreira está chea de xoias como esta: para el, o 11-S foi un castigo contra os pagáns e laicistas, enténdase abortistas, feministas, homosexuais e activistas dos dereitos civís. Tamén defendeu o apartheid surafricano e afirmou que a sida era un castigo contra os pecados dos homosexuais.

A cousa viña de vello. Fillo dun alcohólico, formou unha banda xuvenil na súa mocidade antes de converterse en cristián renacido e fundar a súa propia Igrexa en 1956. Opúxose nos 60 ós dereitos dos negros e ó movemento de Martín Luther King. E soubo ver o poder dos novos medios de masas: dende os programas de radio e TV chegou a millóns de norteamericanos ós que lles contaba cousas como que Tinky Winky, un dos personaxes da serie Teletubbies, era en realidade un homosexual escondido.
O seu mérito, por riba desta xeira de disparates, foi crear un discurso ultraconservador que logo acolleu Reagan. Deixou discípulos privilexiados: non só nos Estados Unidos.

18 may 2007

As papeletas nos colexios
Monxardín reclama hoxe, en Galicia Hoxe, que só se dean as papeletas electorais nos colexios. Medida que sería moi oportuna, como outras posibles para mellorar o proceso electoral (poden suxerir as que vostedes consideren como máis axeitadas...)

(...) Destas cousas do carrexo dos votos, cóntanse moitas anécdotas. Unha moi simpática dáse como acontecida na Limia. A min xuráronma como certa, como claro, acontece en toda lenda urbana, ou rural neste caso. Outrora foi verosímil, arestora xa non. O caso é que un vello paisano dentro dun autobús de transporte partidario que se está achegando ao colexio electoral, recibe o sobre para votar de mans do encargado... e disimuladamente, botándose para atrás no asento, medio tapando co gabán, entreabre o sobre para guichar no interior... e o axente que o ve, bátelle na man entre autoritario e paternal... "Ei, que fai, oh? ¿Non sabe que o voto é secreto, ou?".
Escravos de Franco.
Pan por Pan 18 maio

Nos últimos días exhibíronse no Centro Simeón de Ourense varias películas centradas na represión dos anos da guerra civil e nos presos políticos condenados a traballos forzosos polo réxime nacido do golpe militar: os chamados escravos de Franco. Vin esoutro día “Los presos del silencio”, sobre os reclusos que construíron obras como a canle de regadío do Guadalquivir para os latifundios andaluces. Nese documental inclúense imaxes do NODO franquista. Imaxes que deitan unha visión moi diferente daqueles castigos: presos cun sorriso bocexado ante unha imaxe da Virxe, que recoñecen as súas culpas e se converten á nova ideoloxía falanxista. Imaxes elementais que sintetizan a estética falanxista: nun deses NODOS vese o brazo dun republicano preso, puño en alto, que pouco a pouco se converte nunha man aberta co saúdo fascista. Si, os franquistas tamén sabían xogar coas metáforas.

En Seoane do Courel, unha ferraría

Chegar ata Seoane do Courel dende Ourense non é doado (tampouco dende Lugo, creo). Hai que ir ata Quiroga e dende alí facer 35 km. que levan case unha hora de viaxe lenta por un vieiro de congostras, curvas interminables, baches continuados, etc. (a volta foi máis levadeira, porque o automóbil xa coñecía o camiño). Pero cando un chega aló, e mesmo xa polo camiño, advirte unha nova dimensión: unha sinfonía de colores e ulidos que poucas fragas poden acumular no noso país. Un auténtico paraíso de silencios e sons perdidos dalgún animal doméstico.
Alí se celebraron onte, en Seoane do Caurel, onde está enterrada a poeta María Mariño, os actos de homenaxe do Día das Letras Galegas. Do contido das intervencións de Méndez Ferrín, Darío Xoán Cabana, Charo Álvarez e Barreiro Fernández dá conta resumida a prensa (ver ligazóns): foron todas entusiastas, por se alguén ten dúbidas (e quizais como resposta a outras visións críticas que non estaban presentes no Caurel).
Tras dun xantar enxebre, con productos naturais do país, fomos convidados, despois dunha longa paseata costa abaixo cara o río Lor (despois houbo que subir e a calor era atafegante, mesmo nesas paisaxes de montaña), a ver unha antiga ferraría (Locay), que conta con 200 anos de vida e está parcialmente restaurada (pola antiga Xunta). Digo parcialmente porque o edificio, todo de lousado, mantense incólume dende as súas orixes: o que se amañou foi parte do entramado industrial interno. Seica é a máis grande de Galicia (maior que as de Taramundi) e paga a pena chegarse aló para vela: fixósenos unha demostración de como funcionaban todos os aparellos para fundir o ferro, todo coa única forza da auga que cae en cachón dende moitos metros de altura e impulsa todos os mecanismos: rodas, fuelles, etc. Ó carón da ferraría hai tamén un enorme muíño en moi bo estado. O noso anfitrión, que nos ensinaba todo con entusiasmo, aproveitou para pedir das autoridades culturais presentes maior apoio para recuperar tan impresionante infraestructura industrial, que podería servir de polo de atracción turística nun paraíso de paisaxes na súa contorna, á beiriña do Lor, o río máis limpo imaxinable naquelas augas. Agardemos que desta visita quede cando menos unha maior atención para estas terras do Caurel (un meu compañeiro de traballo, Xabier López, un dos mellores camiñantes e coñecedores deste país, infórmame que hai unha casa de turismo rural e un fermoso camping máis enriba, que desta non puidemos ver), unha visita necesaria sen dúbida se se supera o problema das comunicacións do que falei antes: quizais por iso foi quen de manterse como un paraíso case intocado.
(Segue en comentarios...)

A crónica dos actos na prensa: El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia Hoxe.

16 may 2007

En poleiro alleo

As letras e o tesouro dos analfabetos (X.M. Trigo, ECG)
O eterno debate entre galego literario e culto e galego enxebre e popular

Unha entrevista a tres bandas
(Detalle de Ingres)

Creo que xa lles falara da entrevista que me fixo hai unhas semanas Belén Regueira a propósito deste "noso" blog. E que me serviu ademais para estrearme na tecnoloxía do Messenger cunha charla a tres bandas con Belén e con Manuel Bragado. A entrevista xa está publicada en papel (eu ainda non a vin nese formato), no marco do Cultur.Gal, e tamén na rede no enderezo que agora lles dou, por se lles interesa:
http://www.culturagalega.org/i+c/index.php#publicacion






Voces Ceibes.
Andoliña 17 maio




Hai corenta anos nacía a Nova Canción Galega. Exactamente un 9 de maio cun concerto de Raimon no estadio da Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela. Presentou aquel encontro o poeta Manuel María, que logo lle dedicou un poema ó músico de Xátiva (“Mensaxe a Raimon”, no libro “Remol”, 1970). Poucos meses despois púñase en marcha todo ese movemento cultural que concentrou nomes como Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso, Guillermo Rojo, Vicente Araguas e unha chea de escritores que fixeron textos para eles (Celso Emilio, Lois Diéguez, Alfredo Conde, etc.). Vicente Araguas contou esa historia no libro “Voces Ceibes” (1991) e agora Xan Fraga acaba de engadirlle un capítulo ben gorentoso cun traballo sobre Voces Ceibes e a censura franquista que aparece no último número de “Grial”.
No noso país, xa o dixen outras veces, non hai aínda moitos estudos sobre os estragos da censura. Nin na literatura nin na música nin noutros campos. Este documento serve para ver a precisión obsesiva do autor do informe ó elaborar estas fichas biográficas e o seguimento polo miúdo de 20 concertos entre 1967 e 1970. E, polo que se ve, non estaban nada mal informados estes “secretas” melómanos ...

Fichas policiais.
Andoliña xoves 17 maio

Son escasos os traballos sobre os estragos da censura na nosa cultura. Por iso é ben interesante o documento policial que recuperou Xan Fraga sobre Voces Ceibes, do que lles falei onte neste recuncho. Recolle información polo miúdo dos 20 concertos celebrados entre 1968 e 1970 por cantantes como Benedicto, Xavier, Xerardo Moscoso ou Miro Casabella e tamén fichas biográficas curiosas. Con datos polo xeral bastante atinados: o policía manexaba as técnicas propias dun xornalista ou dun historiador aínda que con fins nidiamente represivos.
Algúns dos fichados son tachados como "galleguistas filo-marxistas": así Vicente Araguas ou Lois Diéguez. De Celso Emilio Ferreiro, do que se tiña constancia da súa relevancia como poeta, dise expresamente: "Catalogado de siempre galleguista contrario al Movimiento Nacional" e logo acusáselle de escribir, co pseudónimo Arístides Silveira, poemas con "insultos, incluso, al Jefe del Estado español". En cambio, o policía redactor marca distancias coa canción galega "comercial" que facía entón Andrés Dobarro. Quizais máis despistada está esta atribución de Carlos Casares, estudante en Compostela, como un destacado activista "comunista filo-chino".
COMO PODES ACABAR NO YOUTUBE…
Andoliña 16 maio
Hai un par de meses chamáronme dunha televisión local para facerme unha entrevista sobre a represión na guerra civil. Expliqueille ó meu interpelante que había outros especialistas no tema, pero insistiu en que fose eu e finalmente aceptei. Chegado ó estudo da citada TV, sentáronme nunha mesa diante das cámaras ó carón do entrevistador (o que me chamara) e outra persoa na outra beira da mesa. Cando nos presenta descubro que a programada entrevista presentábase como un debate no que eu tería que polemizar cun representante de Falange Española. Sentinme burlado e fixen aceno de marchar, quitando o micrófono e explicando que non era para iso para o que fora chamado. O entrevistador desculpouse e convenceume para facer a entrevista, duns vinte minutos, sobre o tema indicado. Logo de falar, marchei.
E hai un par de semanas un amigo mándame un video de You-Tube reproducindo o inicio da entrevista (non o programa completo). Alfredo Conde fixo onte referencia a este suceso case surrealista no seu artigo diario. O peor do conto é o título co que colgaron o recorte audiovisual: “Comunista se niega a debatir con falangista”. O que algúns chaman xornalismo cheira que apesta ...