29 abr 2008


"Sin españoles, nadie habría pagado por mi hijo"
O pai de un dos mariñeiros africanos secuestrados aguarda en Seychelles a chegada do atuneiro vasco (El País, 29-4-08; foto Claudio Álvarez, EP).
O NOSO MUNDO, OS OUTROS.
Andoliña 30 abril
Por sorte acabou ben, sen desgrazas persoais, o secuestro do barco Playa de Bakio por piratas de Somalia: un tema que non permite ningún xeito de frivolidades nin acenos románticos, porque había detrás un grupo de mariñeiros xogándose a vida coas súas familias aterrorizadas en terra. Hai xa bastante tempo que os barcos españois levan, ó carón de mariñeiros galegos, vascos ou andaluces, un numeroso continxente de inmigrantes, sobre todo de orixe africana: o traballo é moi duro e hai xentes que non poden escoller. Deste xeito, a paisaxe humana dos nosos portos pesqueiros, dende A Guarda a Ribadeo, muda de forma acelerada nunha babel de linguas e culturas.
O pai dun dos mariñeiros secuestrados, natural das Illas Seychelles, amosábase onte moi ledo e lembraba unha verdade contundente: “Se non fose nun barco con españois, ninguén pagaría polo meu fillo”. Unha realidade indiscutible, que sería hipócrita negar: coa súa inxenua verdade ese pai está a desvelar as moitas barreiras que separan o noso mundo dos outros. Ese mariñeiro pertence xa, aínda que nunha posición secundaria, ó universo dos privilexiados. Outros moitos loitan cada día, algúns ata a morte, por ter esa mesma sorte.
Millán Picouto: poesía, teatro, a Auriense

entrevista co poeta e dramaturgo Millán Picouto (LVG-Ourense 29-4-08)

en poleiro alleo

Os 32 camiños da sabedoría, de Afonso V. Monxardín (Galicia Hoxe, 29-4-08)

Crucifixos nos hospitais públicos, de X. M. Sarille (ECG 29-4-08)

A City, de Miguel Anxo Murado (LVG, 29-4-08): de avogados e piratas.

Rula e abidueira.
Pan por pan martes 29 abril

Recupero esta cita ben coñecida de don Álvaro Cunqueiro: “Louvado seña Deus tamén por terme dado o don da fala nosa, porque me ensinou a dicir “rula” e “abidueira” e “dorna” e “ponte” e “fonte”, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte”. Estas palabras, fermosas, intelixentes, díxoas Cunqueiro nunha homenaxe que lle ofreceron en Vigo. Cunqueiro falaba guiado só polo seu inmenso amor á lingua. Non era ningún perigoso independentista nin nada semellante. Sabía que as linguas sempre suman, nunca restan, e que coñecer unha lingua é o mellor camiño para avanzar na máis fonda comprensión dun xeito de ser, dunha cultura. Rula, abidueira, dorna, ponte e fonte: palabras de noso, chegan ó século XXI cargadas de sentidos. Non entendo como algúns queren renunciar a este tesouro.

No momento exacto, a imaxe perfecta (vía Afonso)
Unha imaxe da presentación da folga estudantil contra as taxas (do fotolog de Ceivinho). Está tomada na galería Sargadelos de Pontevedra e fai un xogo espectacular entre a estrela da camiseta e a icona barroca e dourada do fondo: no mesmo fotolog alguén escribe que poderían ser alumnos de Acción Católica e non dos CAE, que son os que convocaban.
(Se o presentasen nos locais da CIG de Ourense, sairía unha foto enorme de Lenin detrás e creo que tamén teñen outra do Che Guevara). Cuestións de estética.

28 abr 2008

Julio e o río (Faro Vigo 28.4.08):

Ferrín escribe sobre a novela de Julio López Cid

RELECTURAS. O NACIONALCATOLICISMO (1). La Región 28 abril. Imaxe: Menéndez Pelayo nun selo de 1954.

A historia de onte. Recolocando libros na biblioteca, que medran sen cesar e sen acougo, cae un volume xa lido no seu día, que decido arredar para unha relectura. E a iso me poño: trátase de “Cielo y dinero. El nacionalcatolicismo en España (1881-1975)”, de Alfonso Botti (Alianza Universidad, 1992). Lino cando andaba a investigar a República en Ourense, pero agora saqueille aínda máis proveito.
A tese básica do nacionalcatolicismo é a consubstancialidade entre o elemento católico e o nacional na Historia de España. Tal realidade viría dende a conversión de Recaredo (587) e desenvólvese dende os séculos da Reconquista en adiante. Consolídase coa expulsión dos árabes da península e logo co reforzamento da identidade por parte da Santa Inquisición. A conquista de América defínese como unha nova evanxelización e o nacemento dun Imperio fronte á Reforma protestante. Ese período de esplendor truncaríase coa decadencia dende a chegada dos Borbóns e as ideas estranxeirizantes. Pasa a demonizarse así todo o que racha coa unidade católica: iluminismo, masonería, liberalismo, krausismo, librepensamento, positivismo, anarquismo, socialismo, comunismo, etc. Todos eles son os famosos heterodoxos de Menéndez Pelayo: anticatólicos e, xa que logo, antinacionais. Esa era a historia dominante das vellas enciclopedias: quen teña máis de 40 anos sabe ben do que estou a falar, ou non?
A xénese do NC. Alfonso Botti estuda nese ensaio con detalle as orixes e xénese do NC: as súas raíces están na reacción católica fronte á Ilustración, á Revolución Francesa e na revolta contra a invasión napoleónica de 1808. Logo viran os pensadores a darlle corpo: primeiro Donoso Cortés. Logo os carlistas e intelectuais integristas. E Menéndez Pelayo identificando España, unidade de raza e unidade de crenza. E catalogando ós heterodoxos españois (1880), mesmo coa afirmación dunha “filosofía nacional”. E títulos tan simpáticos como “El liberalismo es pecado” (1884), de Félix Sardá y Salvany. A Igrexa pola súa banda soporta as medidas desamortizadoras e fai de España un refuxio de ordes relixiosas expulsadas de Francia e doutros lugares. Sen perder o seu poder económico: Joaquín Aguilera sostiña en 1912 que os relixiosos tiñan ó menos un terzo do país.
Acción Española. Hai toda unha elaboración literaria das teorías do NC español: Vázquez de Mella cando propugna a confederación cos estados americanos do Sur. Ramiro de Maeztu cando define a “Antipatria” ou apela a unha nova Reconquista. Ou “o noso” Eugenio Montes, galgando do galeguismo e das vangardas ó fascismo, con imaxes como “España, esposa de Cristo”. Os autores da revista “Acción Española” estruturan a ideoloxía do NC como soporte para un modelo totalitario de novo Estado corporativo ou fascista. Que de novo tiña pouco, porque Victor Pradera xa dicía que era o mesmo dos Reis Católicos. José Calvo Sotelo, con sección fixa na revista, dálle forma económica capitalista ó modelo totalitario. O certo é que, pouco despois, 1936, Franco non vai ter xa que inventar moito.

27 abr 2008


E catro moi fermosas pezas do artista Xosé Luís de Dios (na Ourensanía)
Que gran debuxante! Que gran pintor!
Estas pezas son da súa mostra Imaxes dos Soños (Museo Municipal, 2000)














Ourensanía
Acheguei 20 novas fotos á Ourensanía (xa van 280). Deixo aquí as referencias das novas, a quen poida interesar:
Diego Ameixeiras (autorretrato). José Núñez Ares. Roteiro Volter: plano. Sara Casasnovas. Directiva ATEO en 1934. Antonio Caneda. Etiqueta viño do Ribeiro. Pura Vázquez. Manuel Luís Acuña. Camilo Franco. Xosé C. Caneiro. Méndez Ferrín. Millán Picouto. Comercio Fina Rei. Roteiro Blanco Amor. Homenaxe a Curros na Coruña, 2008. Alberto Vilanova, Xosé M. Núñez Seixas. Termas da Chavasqueira. Arturo Baltar e Risco.
Cen Anos de Historia Cultural: 2000 (segunda entrega)
Galaxia, Couto Mixto, Golfiño.

Na imaxe, Mercedes Peón, Pura Vázquez, Manuel Luís Acuña.

O artigo completo.



Carballiño’s octopus festival, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 26 abril)

Non me fagan demasiado caso que incluso admito ’pulpo’ como animal de compañía. Xa me dirán se non se fan máis amigos, por exemplo, un 7 ou 17 no Campo da Feira ao redor dun par de pratos de madeira con tres racións cada un, que levando pola rúa, atado, un bulldog ou un doberman. ¿Cal é logo mellor compañía? Pois así é a cousa.
(artigo completo)

premios aelg 2008


Escoitado na radio. Beramendi (ensaio), Millán Picouto (teatro, por Ciclo de Marte), Miguel Anxo Murado (narrativa) e Méndez Ferrín (xornalismo literario), algúns dos premiados polos socios/as da AELG 2008. (Na imaxe, Millán Picouto nun debuxo, creo que autorretrato, de hai uns anos).
Sextinario.
Pan por Pan domingo 27 abril

Marica Campo é profesora de Lingua Galega en Guitiriz e tamén autora de libros de poesía, narrativa e teatro. Vén de publicar, na colección Edoy Leliadoura, o seu último poemario: “Sextinario: trinta e seis + tres”. Isto é, 39 sextinas, poemas de seis estrofas de seis decasílabos rematadas en tres novos versos. Poesía auténtica, nacida das raíces e do corazón, con múltiples rexistros. Velaí unha breve mostra:
“Apunta estas palabras: Cando a morte
me leve á outra beira, escribe viño,
non me metas paraugas, quero chuvia
que me molle o cabelo e chegue á boca.
Non me poñades flores, só unha hedra
das que abrazan as árbores do bosque.

Escribe esta palabra, escribe bosque
fraga anterior aos deuses onde a morte
lle dá aos carballos secos vida en hedra,
como copa ateigada dun bo viño.
Embebédame así, éncheme a boca,
e escoita como canto baixo a chuvia”.
O BNG expulsa a un militante de Vigo por presidir unha asociación proxudea

Confirmouse a expulsión, polo consello comarcal de Vigo do BNG, de Pedro Gómez-Valadés, presidente da Asociación Galega de Amizade con Israel.

26 abr 2008


FÍO MUSICAL (4) : XOÁN DA COVA
(Xa que XDC non manda foto nin recomendación concreta, engadín eu esta imaxe de Scarlet Johansson, en "The Spirit", que algúns xa botaban en falla...)

Xa saben vostedes que hai unha canción pra cada momento. Pero gustaríame que me dixeran unha canción pra cada un dos momentos importantes da súa vida. Imaxinen que fan no futuro unha película biográficas sobre vostedes. Escollede a música pra cada unha destas escenas cinematográficas:
- O momento en que nace e a súa nai e o colle no colo.
- O momento do primeiro contacto íntimo amoroso.
- A música pra escena da voda . En off!. Non a marcha nupcial que de seguro que soou fisicamente.
- O seu primeiro triunfo profesional.
- O nacemento do seu primeiro fillo. A voda da súa filla, etc.
- A morte dos seus pais.
- A súa propia morte . O enterro. (Importante esta selección: é o resume).

Algunha canción figura máis dunha vez?.
Non teñen por qué responder a ningunha. É máis ben unha pregunta pra pensar.

Interesante entrevista (EP 25-4-08)


YEN DINH UOC Ex jefe de propaganda del Ejército de Vietnam: "Vencimos a EE UU porque supimos engañarles"

FÍO MUSICAL (3): XABIMUSIC.

Vai un pequeno extracto do discurso que pronunciei en Ribadavia con motivo do 25 aniversario do Coro de Cámara do Cub Artístico. Aquí mesmo podedes consultar o texto completo.

A PROL DOS COROS
A Biblia dinos que “ó comezo foi o verbo”: a palabra. Sen embargo, hoxe en día, os expertos inclínanse por pensar que, antes que a palabra e a linguaxe foi a música e o canto. Vamos, que unha xuntanza dos nosos antepasados homínidos debía parecerse máis ó ensaio dun coro que a un faladoiro de café. Antes de falar os humanos cantaron e cantaron en grupo, a coro.
Convértese así a voz nunha ponte entre as persoas, entre os individuos, facilitando a comunicación e o intercambio interpersoal; facendo, en suma, sociedade. Nace daquela o canto coral, o canto colectivo. No coro a voz individual e persoal atopa un novo ámbito de socialización, un lugar de encontro cos outros. O coro aparece como unha das primeiras manifestacións da vida colectiva e comunitaria. O canto colectivo convértese, para os nosos antepasados de tódalas culturas e civilizacións, nunha das primeiras manifestacións da vida social ó tempo que nun forte vínculo de unión da mesma colectividade tribal. E así estaba unido sempre ás múltiples formas en que esta vida colectiva se manifestaba: tanto nos traballos (recordar os nosos cantos da vendima, da seitura, da sementeira, das muiñadas) como nas cerimonias simbólicas festivas ou relixiosas que ían pautando a vida social das comunidades primitivas. Deste xeito conservouse ata o día de hoxe ó longo de séculos o que entendemos como música popular e tradicional.
É por isto que o canto coral ségueme parecendo a forma máis exquisita e democrática de vivir a música e o grupo que vos presento (b vocal)
son unha boa mostra.

(Engado eu, M.V., que me encantou esta peza, que paga a pena escoitar outras do mesmo grupo que tamén saen en Youtube, e tamén teñen a súa web: aquí).
AVISO. Estiven sen conexión a Internet toda a tarde. Chamei a Telefónica e creo que mo arranxaron. Agardo poder colga agora os fíos que faltan.

FÍO MUSICAL (2): GUSTAVO PEAGUDA.


Nunha tarde soleada do mes de xaneiro en Compostela comprendín definitivamente que é un creador. Esto sucedeu cando vin un DVD dun concierto de Miles Davis na illa de Wight. Este en resposta a unha pregunta dos organizadores dixo que chamaran a súa musica "call it anything".

Despois anotei no meu caderno estes versos imprevistos:

OS TROMPETISTAS DA NADA
“Todo lo mas perfecto de tus poemas es nada” (José Asunción Silva)

Os trompetistas da nada
viaxan polo tempo inútil
á procura do verso con melodía.
Saben eles que o poema sempre é afogado
polos poetas que viven en voz baixa nas augas puras do Leteo?.
Nota: chegaron xa, atendendo á miña petición do pasado sábado, varias recomendacións para o Fío Musical Permanente. As de G. Peaguda, Xabimusic e Xoán da Coba. Dareilles saída hoxe a todas: estean ben atentos/as !!!

25 abr 2008


axenda: Os perfis galegos de Carmen Martín Gaite

Presentación do libro "Los Perfiles Gallegos de Carmen Martín Gaite" e homenaxe literaria. Na Casa da Cultura de Allariz ás 20.30h. Con intervencións de Teresa Devesa, concelleira de Cultura; David González Couso, autor do libro; Ana Mª Martín Gaite, escritora do prólogo; Mauricio Rodríguez, editor de Procompal Publicaciones. A seguir, lectura de anacos da obra acompañados por temas musicais: Lectura: José Teruel Benavente, profesor da UAM - Interpretación: Clara Jensen (soprano); Laura González (piano). Durante o acto proxección de fotografías de Carmen Martín Gaite.