13 abr 2007


Cartas dende o pasado (V). Ramón Piñeiro, Seoane, Celso Emilio e o social-realismo.
No seu traballo, útil e ben atinado, As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, Alonso Montero recupera a carta que Ramón Piñeiro escribiu en xaneiro de 1958 a Seoane, a propósito da súa obra de teatro La soldadera. Piñeiro amósase alí crítico coa liña socialrealista que defendía o seu interlocutor en Buenos Aires e sostén que seguir unha liña socialrevolucionaria nas artes é arriscado e dá resultados estéticos tremendamente febles: "Cando un escritor ou un artista se pon a dar voltas e máis voltas arredor dunha ideoloxía acércase perigosamente ó artificio, que é bastante distinto –ti sábelo mellor ca min– da arte verdadeira". O ensaísta toma posición contra a literatura revolucionaria, coherente coas claves que el mesmo definiu esenciais nas nosas letras: lirismo, humorismo e sentimento da paisaxe.
Catro anos despois, Piñeiro escríbelle a Celso Emilio Ferreiro con nidias gabanzas do seu libro Longa noite de pedra, destacando explicitamente que aposta pola poesía social e que é necesario rescatar ese fío comprometido nas letras galegas. Gaba o libro pola expresión do seu sentir humano máis sincero e agarda que, no seu contido cívico, sexa unha chamada ós novos poetas, "que no dejarán de escucharla".
O SORRISO DA DESILUSIÓN
La Región 9 abril 2007

A través do cine e os debuxos animados, recuperouse hai uns anos a lembranza de Wenceslao Fernández Flórez, o creador de “O bosque animado” : hai traducción desta novela ó galego, en versión de Xela Arias, en Xerais, na coleccción Xabarín, 1987. Foi un personaxe curioso don Wenceslao, como suliñou Haro Tecglen: cronista parlamentario e home de dereitas, monárquico de “ABC” e, ademais, antimilitarista e partidario do amor libre. E un dos mellores escritores de humor en castelán de todos os tempos, relegado hoxe quizais por estar fóra das modas a literatura de humor e polo pouso do seu conservadurismo, mesmo escribiu –el, que sempre foi alcumado como señorito- unha dura sátira contra a República “de señoritos” (“Aventuras del caballero Rogelio de Amaral”, 1933). Pese a iso, Haro Tecglen, nas antípodas ideolóxicas do escritor, comentaba unha vez a sorte que tiñan os xoves que se achegasen por primeira vez ás súas novelas e relatos, porque así poderían descubrir aínda un auténtico tesouro literario.
Noutros tempos o cine deulle os éxitos merecidos e colaborou coa nova arte facendo diálogos e guións adicionais das súas propias novelas. Desa xeira sairon películas de Rafael Gil, de Antonio Román, de Edgar Neville, Nieves Conde, etc., que marcan toda unha época do cine español: “El malvado Carabel”, “El hombre que se quiso matar”, “Intriga”, “Huella de luz”, “Ha entrado un ladrón”, etc. Da presencia de Fernández Flórez no cine hai un amplo estudio coordenado por José Luis Castro de Paz e Jaime Pena (Festival de Cine Independente de Ourense 1998). Antonio Simón co seu “Fendetestas” e José Luís Cuerda con “El bosque animado” tamén contribuiron a facer medrar ese universo.
Pero quero compartir hoxe con vostedes a miña divertida relectura de “El hombre que compró un automóvil”, novela de 1932, unha visión alucinante do mundo moderno onde o narrador coruñés xoga con todos os rexistros posibles do humor, a ironía, a caricatura, o absurdo, o sarcasmo e a parodia: velaí a crónica do suicidio dun caracol, o episodio contra as urbanizacións de chalés adosados fóra das cidades, a imaxinación desbordante dunha viaxe en tren (por certo, de vacacións á casa dunhas tías en Nogueira de Ramuín), en fin, humor de primeira. Humor como o “sorriso da desilusión”, tal como teorizaba o propio Wenceslao e como lembra nun estudio J.C. Mainer: “O humorista ten que ser a compresión un pouco bondadosa da alma humana, con todo o que hai nela de dor e de pracer, de virtude e malicia. Hai unha frase, que me parece acertadísima, que chama ao humorismo o sorriso dunha desilusión”. A cita de Fernández Flórez non está moi lonxe daquela de Mark Twain que tanto citou Castelao: “Debaixo do humorismo hai sempre unha grande dor; por iso no ceo non hai humoristas”. Aínda que, na obra que citamos, con quen máis dialoga o escritor coruñés é co humor desde o sarcasmo tal como o entendera o Vicente Risco de “O porco de pé” (1928) e “Os europeos en Abrantes” (1927): sería doado facer paralelismos entre o ourensán e Fernández Flórez e fixar múltiples coincidencias ideolóxicas na súa peculiar visión do mundo. Remata a noveliña de don Wenceslao cun apéndice, “Colofón fantástico”, en clave de ciencia-ficción (Verne, H.G.Wells), que mesmo anticipa as novelas e películas de máquinas asasiñas: “O asasiño invisible” (E.Silverstein, 1978); “O díaño sobre rodas” (S.Spielberg, 1972); “Christine” (J.Carpenter, 1983), etc., ata productos televisivos menos violentos como “O coche fantástico”. Si, paga a pena recuperar para os lectores de hoxe a Fernández Flórez.

12 abr 2007








Manuel Suárez Castro.
(Na imaxe un cartel deMax Pechstein)

O pasado luns celebrouse en Ourense un xusto e necesario acto de homenaxe a Manuel Suárez Castro, organizado polo Seminario de Estudios Socialistas, unha entidade creada hai uns meses co obxectivo de preservar a memoria do que foi alcalde da cidade co Partido Socialista e coa Fronte Popular e vicepresidente da Deputación cando estoupou a guerra civil. Como ben explicou Xulio Prada alí, nunha exacta biografía, Suárez Castro foi home moderado, prietista nas liñas do PSOE, mesmo criticado ás veces polo socialismo máis radical. Mestre de obras e canteiro, liderou tamén a UGT e o mundo obreiro local na cidade dende os anos 20 ata a Segunda República. De pouco lle valeu o seu carácter moderado e apostar pola calma naqueles días de xullo do 36: detido e xulgado en marzo do 37, na madrugada do 28 de xullo sería fusilado con outros catro militantes republicanos.



Cartas dende o pasado (IV)

Andoliña 12 abril. Na imaxe, unha peza de Luís Seoane.

Na relación epistolar, hoxe escasa, algunhas xentes amosaron a súa faciana máis sincera. Cando menos así o facía Blanco Amor nas súas cartas dende América, tal como se reflicte no volume Eduardo Blanco-Amor, dende Buenos Aires, que publicara Ediciós do Castro da man de Xosé Neira Vilas (1995). Nese libro están algunhas das cartas máis amargas que escribiu o creador de A esmorga, entre elas as que amosan a súa fonda frustración por non gañar con Xente ao lonxe o premio de novela do Centro Galego de Buenos Aires en 1970.
En carta a Díaz Pardo (1956), laiábase o ourensán do pouco apoio que lle prestaban os galeguistas para publicar A esmorga: "Como me fun da obediencia entonces deixei de ter condiciós literarias. Pra os galeguistas o talento é o de menos. Se eres da obediencia, entonces protéxenche; e si non, non". No 69 dicíalle a Seoane que quería irse para Vigo ou A Coruña "y rescatarme de la mediocridad orensana, donde me iré disolviendo con pena y sin gloria; mediocridad y probablemente en el futuro, hostilidad, ya que los reaccionarios no me perdonan y consideran un grito de soberbia que haya rehusado la presidencia del Ateneo. "¡Que se cree ese rojo!" y esas cosas".

11 abr 2007


Brincadeira
O quecemento global: a proba definitiva (fonte: www.bemhaja.com)
COMUNICACIÓNS MESTURADAS

Cartas dende o pasado (III). Galicia Hoxe 11 abril
Ramón Piñeiro, Méndez Ferrín, unha dedicatoria no Percival...

Asuntos internos, de Afonso V.Monxardín, Galicia Hoxe 10 abril

A 20 anos da morte de Primo Levi, de Jack Fuchs (en Galiza-Israel.blogspot.com)

No ano 2037.

(Imaxe de William Paxton)

Un centro estratéxico do Ministerio de Defensa británico presentou un estudo predictivo de probabilidades sobre cómo será o mundo no 2037. Seguirá a globalización económica, Estados Unidos seguirá pesando moito no concerto mundial (pero non tanto como hoxe) e xurdirán novas potencias como China e a India, quizais con fortes tensións co mundo islámico. Ademais, haberá grandes atentados e armas máis destructoras e baratas e unha radicalización das clases medias que poderían levar ó extremismo (así chaman no informe ó marxismo). Non vexo na prensa detalles sobre qué pasará co cambio climático ou coas fontes de enerxía: pódese albiscar o futuro nestes campos sen ser especialista nestas materias. De aquí aló tamén haberá, digo eu, grandes libros, marabillosas obras de arte, arquitecturas fermosas e melodías engaiolantes. Pero diso non sae nada no informe.

10 abr 2007


En todas partes...
Cocen fabas, claro. El País publicaba onte a necrolóxica de Hans Filbinger, "el terrible jurista", asinada por José Comas. Que chegou a primeiro ministro democristián de Baden-Wurtemberg e lolgo tivo que demitir ó descubrirse que dictara penas de morte en tempos dos nazis. Pero iso foi en 1978. Antes fixo unha carreira política e profesional normal e non pasaría nada se non se empeñase no seu caso o dramaturgo Rolf Hochhuth, que foi quen o desenmascarou. En fin, que aquí tivemos a Fraga e a outros, que se integraron na democracia sen nunca pedir perdón polo seu pasado totalitario. E, en moitos casos, sen sequera arrepentirse do feito antes. Non sei se é para consolarse comprobar que estas cousas pasan tamén en Alemaña...

Frases de campaña nas rúas
Andoliña 10 abril. Imaxe de Max Pechstein (1910).
A publicidade electoral funciona coas mesmas claves dos anuncios convencionais: nalgúns casos os estrategas que nos venden este ou aquel político son os mesmos especialistas que traballan para as multinacionais do motor ou para colocar un novo perfume no mercado. Esta publicidade política imita nos seus deseños a comercial e tamén busca no espectador a mesma reacción: crear necesidades de consumo. Neste caso o consumo que se espera exprésase a través do voto. E todo vale para chamar a atención: vexan dous exemplos.
O PP colocou en Auria varias grandes vallas co lema "Centrados en ti" que supoño que apela á proximidade co elector e, de paso, quere presentar a esa forza política como un grupo de centro: algo ben contraditorio coa súa práctica nos últimos meses.
E o BNG de Vigo usa un rechamante "Súmate á Revolución" sobre fondo verde, que tamén desconcerta: non está hoxe o Bloque pola Revolución dende logo. Hai anos unha marca de automóbiles usou ese slogan sobre fondo vermello: pretendía só impresionar a sensibilidade dos paseantes. Pero pode semellar frívolo que o faga un partido que debería saber ben o que son as revolucións de verdade.

9 abr 2007

Unhas eleccións municipais que, en Galicia, non van cambiar o mapa político
Non sei se viron vostedes, que andaban de "turistas" por aí (que diría o Risco), as enquisas que publicaron o domingo El Correo Gallego e Galicia Hoxe: velaí as súas conclusións.
Polo que eu vexo e se se confirmasen eses datos, as eleccións non van cambiar o mapa político, cando menos nas cidades, que é o voto que máis conta a nivel mediático. Vai seguir case todo igual: A Coruña, Lugo e Santiago con alcalde socialista; Pontevedra, con alcalde nacionalista; e o PP mantería as súas actuais alcaldías en Vigo e Ourense. Ferrol está máis dubidoso e rexistra máis cambios (por certo, caída sorprendente do BNG nesta cidade, de 6 a 2 representantes, pese á cantidade de iniciativas que sobre a comarca presenta Francisco Rodríguez no Congreso; o BNG perdería tamén votos e concelleiros en Vigo, caíndo de 7 a 4; Vilagarcía, A Coruña e quizais algo en Santiago). Segundo esta enquisa o pSdG subiría relativamente en varias cidades e, onde os socialistas suban, baixan os nacionalistas, coma sempre.
O de Vigo supoño que esixe perspectivas e matices moi locais para entendelo: eu xa me perdín hai tempo do que pasa por alí. O de Ourense é tamén "sangrante": despois de tantos anos, o PP pode revalidar a súa maioría absoluta de catorce concelleiros e os outros dous (PSOE e BNG) quedarían igual que agora. A min non me estrañaría, creo que xa o dixen, pero sería triste confirmalo. E despois de "todo o que choveu" nos últimos anos arredor do PP e Cabezas non valen as explicacións simples e exculpatorias de sempre. Algo están a facer mal PSOE e BNG para non dar remontado esta situación. Claro que ó mellor todo vai por outro lado e isto son só suposicións ...
¿Cuánto vale?
Un artigo simpático de Luís Ventoso (La Voz de Galicia 6 abril)

O pasado venres, na contra de LVG, publicábase este simpático artigo, co cal Luís Ventoso, aproveitando a sobada anécdota do café de Zapatero, facía un atinado repaso da retórica dos nosos tres magnos lídes: Touriño, Quintana e Feijóo.
Turismo.
(Pan por Pan domingo 8 abril. Imaxe de Otto Mueller)

Son estes días axeitados para o repouso e o turismo, para coñecer novos lugares e xentes. Aínda que hai outras opinións. Vexan a de Vicente Risco en “Mitteleuropa”, no seu sarcasmo máis brillante: “A explotación do turista é unha das cousas máis xustificadas que hai; o turista foi creado para isto, para tirarlle os cartos. Xa que o aturamos, cómpre que pague. Porque o turista é o becho que derrama tódolos panoramas, e que emporca tódolos lugares históricos. Un turista onda un monumento é coma o produto dunha defecación riba dun sofá. O turismo é fundamentalmente profanación; (...) o turismo é o máis inmoral dos negocios; é o que máis se asemella á prostitución. Cando un monumento se abre ós turistas, cómpre lembrar aquilo de que se non deben botar margaridas ós porcos, porque o turista é por esencia a incapacidade de comprender, xa non digo a de amar.”

6 abr 2007










Cregos comprometidos (pecha unha parroquia)

Pois vaise poñer de moda iso de non aceptar premios ou mesmo devolvelos. Hai unhas semanas comentei aquí como o xornalista Buenafuente, en defensa da dignidade da súa profesión, se negou a recoller un premio que tamén lle daban a Jiménez Losantos. Agora outro xornalista de fuste, cun perfil inmaculado na loita pola verdade, Vicente Romero, decidiu devolverlle un premio ó arcebispado de Madrid en solidariedade coas protestas dos cregos da parroquia de San Carlos Borromeo, que monseñor Rouco quere pechar. Quizais porque se aposta alí por unha igrexa dos pobres, que atende máis á marxinación e á exclusión social que a convocar manifestacións en defensa de posicións políticas reaccionarias. Hai un par de anos estivo en Auria este xornalista (www.vicenteromero.com) falando das miserias de África. Aquí tamén hai miserias: doutro tipo, iso si.
(Na imaxe, O Profeta, de Emil Nolde)

4 abr 2007


Iris (Iris Murdoch)
Hai uns meses un amigo recomendoume con entusiasmo a película “Iris” (2001), de R. Eyre, biografía da escritora irlandesa Iris Murdoch. Botárona esoutro día a horas imposibles na tele e graveina para vela logo. Polo xeral non me convencen as películas sobre vidas de escritores, pero “Iris” é outra cousa.

Conta en paralelo a vida da autora cando nova, no Oxford dos anos 50, e o declive fatal da súa vida, corenta anos despois, cando padece alzheimer: o seu marido, o crítico John Bayley, o outro protagonista da historia, é representado como un personaxe simpático e desamañado, pouco dado ás cousas útiles da vida, que ó cabo ten que ocuparse dunha situación que lle supera. A película é dura, como o tema que trata, iso é obvio. Pero é sobre todo unha película de amor. Tamén a historia dunha muller creativa, chea de vida, coa que a fortuna se asañou inxustamente.
"Que se mueran los feos" (Afonso Vázquez Monxardín, Galicia Hoxe, 3 abril)
(Imaxe: Rapto de Proserpina, de G. Bernini, detalle)

Dicía Arsenio, o noso ideólogo favorito, que o problema do fútbol era que o balón era redondo e así, claro, nunca se sabía onde podía acabar. Algo parecido lle pasa ao mundo mundial. Como é redondo e xira, xira, as fronteiras transparéntanse como puras raias imaxinarias no pensamento que son. E así, alá ao fondo, detrás delas, andando andando, avantando muros e montañas, volvemos estar nós petando na casa. Non ten mérito nin interese, pois, cismar con este tema. Nós, os galegos, xa non o facemos nunca; chamámoslle a esa cousiña, como algo pequeno que é intranscendente, simplemente raia. A secas.
Pero hai outras fronteiras máis interesantes e perigosas que todos debemos respectar. Son os lindeiros elásticos, difusos e naturais da marabillosa terra comunal que é RSC. A República do Sentido Común. E cando se cruza, cambia un de dimensión, como os Los otros que convivían coa Nikole Kidman na casa bretoa. Que se un pasa para a parte de fóra, e queda colgado no limbo, que, como Teruel, tamén existe. Que que saberá o Papa destas cousas.
Pois as fronteiras da RSC acaban de ser violadas de forma masiva. Atácannos. Un programa da tele, revive, de forma atroz e sádica e clasista, a simpatía de Los Sirex co seu éxito de 1965 Que se mueran los feos, que no quede ninguno. Pero a súa mensaxe e que agora só morrerán feos os pobres... E non é broma. Promociónase a paranoia sobre a cirurxía estética -antes reservada a simpáticos teleñecos como a Duquesa de Alba ou persoas que facían a plástica por accidentes, malformacións. Agora trátase de meterlles á maioría da xente, aos consumidores a críticos de televisión, que é bo rebelarse contra as formas e liñas que a cada un lle cadraron. Pero non pola saúde, o coidado e o cultivo correcto do corpo. Ca. ¡Pola chapistería comercial! ¡Como vai vivir vostede con ese naso goethiano que diría Otero! ¡E esas engurras! ¡E esa teta para a que non cómpre un cesto... a quen lle gusta? Fea, que es fea. Non sei como podes vivir así, fea. Pide cartos, empéñate... Mercantilicemos o desacougo estético. Non te asumas nunca, feo, cámbiate. Que só os pobres son feos... Loita contra a natureza, loita contra o paso do tempo. Gasta. Gasta.
¿E por que non outra materia no ensino? Educación para a Cidadanía da RSC. Por nome curto. Sentido Común. Ai. Debían volver Los Sirex e co seu revolucionario Si yo tuviera una escoba, cuantas cosas barrería. Ese programa, de primeiro.

3 abr 2007



Cartas do pasado

(3). O Premio Galicia, da Fundación March

A Fundación March convocou en 1962 o Premio Galicia para o escritor galego que máis contribuíse á exaltación literaria da súa terra. A esa altura xa morreran, poucos anos antes, Ramón Cabanillas e Florentino Cuevillas, polo que os que tiñan máis posibilidades eran Risco e Otero. Filgueira Valverde presidiu o xurado, composto por catorce persoas, uns escritores e outros como representantes de institucións. Déronlle o premio a Otero Pedrayo e Risco quedou fóra.
Ricardo Carballo Calero conta nunha carta a Del Riego (RCC, “Epistolario a Fernández del Riego”, 2006) como foi a votación: Filgueira, Fraguas, Moreno Báez e Carballo seica defenderon firmes a proposta oteriana. Pero houbo outros curiosos argumentos dos que preferían o nome do creador de “O porco de pé”: Xulio Sigüenza dixo que os emigrados tiñan a Risco como supremo inspirador; Landín, que Risco era máis querido polas xentes humildes; e Vázquez Dodero, que a personalidade risquiá era máis suxestiva existencialmente. Nada di Carballo nesta carta das supostas interferencias políticas que cita Carlos Casares, segundo as cales prexudicou a Risco a confusión entre a súa ficha política e a dun parente de nidia traxectoria democrática.
(Caricatura de V. Risco, por A. Cebreiro)


2 abr 2007


Chámanlles “makeover”.

Ou programas que poden contribuír, mira ti, a mellorar a calidade de vida. Levan xa varios anos arrasando nos Estados Unidos e en Latinoamérica, despois de que pinchasen os “realities” máis tradicionais tipo “Gran Irmán” ou “A casa da túa vida”. E chegan a España, con retraso, cando aquí tamén está a caer a audiencia deses programas que moitos chamamos Televisión Lixo. O que chega non é mellor: a cadea estadounidense ABC ten dende o 2002 un programa chamado “Extreme makeover” sobre o cambio físico radical das persoas: xa ven de onde se copiou o formato de “Cambio radical” (Antena 3) que tantas queixas provocou nestes días de médicos e consumidores.
Xa Otero Pedrayo escribiu nos anos 20 do pasado século sobre “o culto ó corpo”, pero don Ramón non fixo ciencia-ficción e nunca imaxinou algo tan endiañado como persoas que se prestan a ir á televisión para que lles cambien o seu físico mediante a cirurxía estética e así “endereitar a súa desastrosa vida”. Os reclamos do programa son frases como “Podré reír”, “Mi pareja no me dejará” ou “Por fin bajaré a la playa con mis hijos”, xogando sempre coa escasa autoestima de moitas persoas para montar o espectáculo arredor das súas miserias.
A min todo isto lémbrame “O home elefante” e “A muller barbuda” nas barracas de feira. Nos Estados Unidos xa triúnfan “makeover” onde buscan persoas que sufriran unha desgraza, que perdesen a súa casa por un incendio ou un furacán, para facerlles unha nova casa e mellorarlles a vida. Canto nos gustan os contos de fadas! En fin, xa saben, a televisión que virá: todo é cuestión de tempo.

31 mar 2007











Cartas do pasado

(1) Teño enriba da mesa seis ou sete libros de epistolarios de galeguistas dos anos 50, da Xeración Galaxia. Dende estas cartas podemos chegar a facernos unha idea abondo aproximada do que foron aqueles anos e do compromiso xeneroso daquelas xentes por salvar da barbarie a lingua e a identidade de noso. Cada día albiscaba unha nova sorpresa. Ramón Piñeiro escríbelle a Del Riego o 7 de outubro de 1949: “Mándoche dúas poesías para ese Suplemento de La Noche que estás a preparar. O autor é un rapaz de Outeiro de Rei que cumpliu 19 anos. Ten rematado un libro de versos, “Muiñeiro de brétemas”, que enviou ós de Benito Soto por mediación de Iglesia Alvariño”. Aquel rapaz de 19 anos era Manuel María. Semanas despois Piñeiro fala con entusiasmo de Uxío Novoneyra e doutras grandes voces da posguerra: o fío da identidade, por fortuna, non estaba roto.
(2) Estamos no 23 de marzo de 1956. Méndez Ferrín era aínda un rapaz de 18 anos, descoñecido. En 1957 publicaría o seu primeiro poemario, “Voce na néboa”, e iría a Madrid a estudar. Pero en marzo de 1956 Ramón Piñeiro manda unha carta a Fernández del Riego por medio de Méndez Ferrín: dille que o portador da carta é o poeta triunfante nos premios de poesía galega das Festas Minervais e que levou outro premio nun concurso de contos. “Foi a gran revelación literaria deste concurso universitario. Felizmente, é un escritor galego e non pretende ser outra cousa”. Piñeiro afirma rotundo que será “un dos anovadores da nosa prosa literaria, pois ten verdadeira vocación de escritor” e quere estudar Filoloxía Románica. Piñeiro recomenda con entusiasmo a nova descuberta e remata cun consello revelador para don Paco: “Pono en relación cos amigos de ahí”.
Caso Gómez-Valadés: expulsión aprazada, situación confusa

Segundo La Voz de Galicia, o caso Gómez-Valadés, en canto á súa expulsión, queda de momento aprazado. Se foi así, temos que entender que as persoas que nos mobilizamos no seu apoio e en defensa da liberdade de expresión dentro do nacionalismo, fomos cando menos en parte escoitadas.
En cambio, segundo Brétemas, a situación é moi confusa e a maioría da militancia viguesa estaba pola expulsión, quizais adiada por simple oportunismo electoral.

Xornadas da memoria histórica en Fisterra: homenaxe ó alcalde republicano Cipriano Fernández
Da crónica de La Voz de Galicia (ed. Carballo. Foto Xesús Búa, LVG): (a crónica completa)

El primer invitado a hablar sobre la época fue el escritor, historiador y académico Márcos Valcárcel, quien aportó abundante documentación sobre esos convulsos años de la historia de España y de Galicia, proyectando numerosas fotografías de entonces.Valcárcel habló sobre el desarrollo cultural entre 1900 y 1936. «Foi o momento máis rico da historia da cultura en Galicia», dijo, refiriéndose tanto al desarrollo de la literatura como a la defensa de Galicia.Valcárcel repasó los hitos históricos que marcaron esa época. La fundación de la Academia Galega (el primer discurso en gallego se pronunció en 1909), el entierro de Curros, la primera vez (1910) en que abrió el curso universitario con un discurso en gallego (a cargo de Lois Porteiro) o la creación de la primera cátedra de gallego-portugués, en 1912, en Madrid. «Foi un momento moi plural, onde confluían vías moi diferentes», dijo. Para el historiador, en aquello años «había vontade explícita de facer unha nación». Fue la época de la creación de editoriales como Céltiga o Lar, que buscaban llegar a las masas y en las que no sólo publicaron galleguistas. «A construcción da identidade foi obra de moitísimas mans», dijo el historiador, que también habló de la figura imprescindible, para entender el galleguismo, de Manuel Murguía.

P.S.: Nas mesmas xornadas participarán o luns 2 e mércores 4 de abril Miro Villar, Xosé Luís Axeitos, Carlos Etxeberría, Luís Lamela García, Xesús Alonso Montero e un amplo abano de poetas galegos (no recital do mércores).
Como nota curiosa, facer constar que na inauguración, presidida polo alcalde, estiveron presentes tamén membros doutros grupos, como a concelleira do BNG. Chamou a atención, en cambio, a ausencia do candidato e concelleiros do PSdG-PSOE e mesmo se correu o ruxe-ruxe de que existira consigna socialista de non asistir por estar o acto encabezado por un alcalde do PP, que preside o concello que patrocinaba todos estes actos.

30 mar 2007


Curioso, curioso ...


Non lin en ningún xornal (non sei na COPE, que non a sei coller no dial) que a emisión desta película en Televisión formase parte da coñecida campaña de Zapatero e os seus muchachos para romper España en anaquiños, descristianizar os españois e rebaixar os cafés a 80 cts. Se o lese, non me sorprendería nada: babecadas moito máis grandes lemos todos os días nos xornais.

Seica son Os Grandes Portugueses.

Andoliña sábado 31 marzo
Imaxe de J. Opie (Este tema está tamén a debate no blog Fragmentos de Galaxia)
Con este título, Os grandes portugueses, un programa da televisión pública portuguesa (RTP) elixiu, cos votos emitidos polos espectadores, o gran portugués máis importante de todos os tempos. Na lista estaban nomes como Afonso Henriques, primeiro rei de Portugal e fundador do país, Vasco de Gama, Pessoa e Saramago. Pero o gañador foi António Salazar, ditador nese país case 40 anos, entre 1932 e 1968. Co 41 por cento dos votos emitidos. A esquerda do país veciño protesta e di que se quere branquear o salazarismo.
Sorprendeu o segundo elixido: Álvaro Cunhal, do Partido Comunista que loitou contra Salazar. Como explicar o paradoxo? A min non me sorprende moito. Moita xente admira as personalidades fortes, contundentes. Cantos galegos, por exemplo, admiraban por igual a Manuel Fraga e a Fidel Castro? Por tras de Salazar e Cunhal, quedou Arístides de Sousa Mendes, diplomático que axudou a miles de xudeus perseguidos polos nazis, contra a vontade de Salazar.
En Alemaña tamén se fixo esta enquisa e eliminouse o nome de Hitler, porque non se admitiron personaxes que non respectaran os Dereitos Humanos. En España? Se se fai, mellor co modelo alemán.

29 mar 2007


Riseiro (Bieito Iglesias en El Correo Gallego, 29 marzo)

(Sobre a imaxe, ía poñer unha foto de Rajoy, pero case seguro que os lectores/as agradecen máis esta nova icona de J.Opie, artista pop británico, e así tampouco os castigo...)

Non é difícil dar coas fontes ideolóxicas de don Mariano Rajoy. Somos case dun tempo, de maneira que coñezo as lecturas infantís que levedan no seu espírito adulto. Poñamos por caso este parágrafo que tivemos que engulir alá por 1964 xunto co leite en po doado polos americanos: "Es indispensable evitar las rivalidades regionales... sólo uniéndonos en apretado haz podremos lograr la prosperidad de España y el bienestar individual de cada español". Nótese que o patriotismo constitucional existía mesmo antes de haber constitución, como o demostra esta cita da Enciclopedia Álvarez, capítulo de Formación política (niños). Máis complicado resulta inquirir qué lecturas informan o pensamento do vigario de Rajoy na Terra (galega), aínda que me permito aventurar que Núñez Feijoo non coñece os entreforros d´A era do baleiro, por Gilles Lipovetsky. Este monsieur observa que vivimos nunha sociedade trouleira, dun humor lúdico, afastado da comicidade grotesca medieval e da sátira da idade clásica: "Cada vez máis, a publicidade, os programas de animación, os slogans e a moda adoptan un estilo humorístico. O cómico converteuse en imperativo social xeneralizado".
Don Alberto vén de proferir un discurso dirixido a encoraxar as hostes que lidarán nos comicios municipais e, levado dun demo xovial, opuxo a fiesta jolgorio propia (do PP) á morriña allea (de PSOE e BNG). Pois ben, socialistas e nacionalistas participan da rexouba típica do mundo occidental, como todo quisque, e por cima teñen máis motivos de contento que a maioría. O feito de estar a esquerda no presenteiro constitúe aquí unha excepción histórica, e cando pasas das catacumbas á moqueta dos escritorios moi amouchado hai que ser para non experimentar unha alegría de castañolas.
Tristeza dos novos gobernantes? Cando soa o himno galego, eles cantan polo baixo o repertorio de Palito Ortega: "Antes nunca estuve así enamorado (do poder), no sentí jamás esta sensación. La felicidad, ja, ja, ja, ja..." Aflitos andan os destetados dos ubres da Xunta. Choran, pero non haxa medo que teñen o embigo atado.

Máis sobre José Almoina.
Pan por Pan xoves 29 marzo. Imaxe de J. Opie

O tal José Almoina Mateos que citei onte ten tamén ligazón con Ourense: fíxolle o prólogo a José Adrio Menéndez para o seu libro “Del Orense Antiguo” publicado en 1935 na Imprenta Popular. Alí deixa constancia da súa erudición no xénero das biografías literarias da época. Almoina nacera en Lugo (1903), estudou en Compostela e era cónsul da República en Burdeos cando a guerra. Exiliouse en Santo Domingo e alí foi secretario do ditador dominicano Rafael Trujillo. Vargas Llosa conta en “La muerte del chivo” como o ditador o condenou á morte por publicar en Guatemala, co seudónimo Gregorio Bustamante, o libro “Un sátrapa en el Caribe”. Logo rectificou e sacou en Arxentina “Yo fui secretario de Trujillo”, gabando o ditador. Pero os sicarios de Trujillo remataron con el en 1960 en México: un personaxe que pide a berros unha biografía.

28 mar 2007




TEORÍA DE GALICIA, de Otero Pedrayo
Creo que xa está nas librarías este libro que remata de publicar Editorial Alvarellos na súa colección de rescate do xornalismo literario: recolle a obra xornalística do escritor en Vida Gallega entre 1926 e 1963. Asegúrovos que hai algunhas xoias entre os 72 artigos axuntados nesta fermosa edición. Na mesma colección sairon antes libros de Vicente Risco, Leandro Carré Alvarellos, Camilo José Cela, Álvaro Cunqueiro e don Paco del Riego.
Presentámolo hoxe na Deputación, porque esta institución colaborou na súa edición. Baltar amosouse entusiasmado de axudar na publicación destes textos dun dos grandes do galeguismo e da cultura galega e asegurou que o libro chegaría a todas as bibliotecas e institutos da provincia. Mesmo chegou a dicir que o facilitarían na Deputación a quen o solicitase expresamente.
Ben, falo del non só por tratarse dun texto de Otero, senón porque lle fixen un amplo limiar sobre o xornalismo oteriano e tocoume presentalo hoxe (Enrique Alvarellos está na cama con febre e non puido acudir).
Dixen no salón da Deputación e vouno manter aquí que de autores como Otero Pedrayo, Blanco Amor ou Álvaro Cunqueiro interésanos todo, como no conto ese do xamón: sempre hai algo que aproveitar, sexa dende o plano literario, dende o plano histórico-cultural ou mesmo dende a lingua como forma de estilo. O libro xa chegou a algunhas mans (dixéronmo esoutro día en Trasalba) e sorprendeu gratamente: que teña agora unha boa viaxe...

Dos plaxios.
Pan por Pan 28 marzo (Imaxe do artista británica Julian Opie)
Xa amosei no meu blog a miña solidariedade con “Chesi”, plaxiado nin máis nin menos que por Bryce Echenique. O tema é desagradable, dende logo, pero tamén é toda unha honra que un grande das letras se dedique a copiar os teus artigos. En todas partes cocen fabas. Leo en Internet un traballo de Germán Santiago sobre os plaxios na literatura dominicana. O expresidente Balaguer acusou a Ernest Hemingway de inspirarse, para “O vello e o mar”, nunha novela do escritor daquel país Juan Bosch, titulada esta “Rumbo al puerto de origen”. Peor foi o do lugués, exiliado aló, José Almoina Mateos, a quen se lle atribúen, como “negro” literario, varios “best sellers” asinados pola esposa do ditador Trujillo, María Martínez “La españolita”. Despois Almoina publicaría “Una satrapía en el Caribe” e marcharía a México: acabou sendo asasinado en 1960 por uns pistoleiros do propio sátrapa.

27 mar 2007

Recomendacións

As fabas de Creta (Afonso Monxardín en Galicia Hoxe)

Existe o inferno? (M.A. Fernán Vello en Galicia Hoxe)

Cando se ten a alma en guerra (X.M. Sarille en El Correo Gallego)

"O meu pai ten narrativa curta inédita", entrevista a Hakan Casares, e A historiografía medieval española segue fiel ós mitos do século XIX (A Nosa Terra)

GREENPEACE, ANTISISTEMA, FISTERRA.
La Región 26 marzo (Imaxe: Moza con abano vermello, de Max Pechstein)
A natureza. Celebráronse na semana pasada, na Facultade de Ciencias, unhas xornadas sobre ecoloxía e medioambiente. O respecto á natureza copa boa parte da axenda da actualidade: medidas contra os incendios forestais, enerxías alternativas e renovables, parques eólicos, depuración de augas e recuperación dos ríos, etc. Esa perspectiva é xa central en calquera posición sociopolítica e as informacións sobre o cambio climático, que xa está enriba, non farán máis que facer medrar esas inquedanzas. Greenpeace fixo propostas moi concretas e con moito sentidiño: Non construir máis urbanizacións con campos de golf. Nin un chalé nos primeiros 500 metros da franxa costeira. Algún xeito de control supramunicipal que evite os maiores desastres da corrupción urbanística. Limitar o crecemento urbanístico ó 10% de incremento en cada planeamento e protexer o solo non urbanizable. Por certo, o PP foi o único partido que rexeitou no Parlamento Galego a lei de urxencia para protexer o litoral e dixeron que esta lei buscaba o “rédito electoral”. De todo isto hai que falar tamén antes do 27 de maio.
Antisistema. Un político galego ben coñecido, da esquerda nacionalista, recomendaba sempre “agudizar as contradicións”. Cando apuntaba esa liña estratéxica, este político xogaba no mundo dos partidos antisistema e non pensaba en chegar a curto prazo ó poder. Pero agora os que xogan a “agudizar as contradicións” son os que sempre estiveron moi perto do poder. O equipo Rajoy-Acebes-Zaplana xoga neste equipo antisistema, mesmo promovendo un boicot a un importante grupo mediático do Estado. Nunca ningún partido democrático chegou tan aló. Ata políticos de dereitas como Miguel Ángel Revilla ou Durán Lleida denuncian esta chantaxe á liberdade de expresión. Por outra parte, puxéronlle ben doada a resposta a Zapatero: se isto é o que fan na oposición e cos medios privados, “qué faría o PP cos medios públicos se chegase ó goberno?”. A resposta é pura lóxica.
Cabo Fisterra. Hai poucos días confirmábase a declaración do cabo Fisterra como Patrimonio Europeo, recoñecemento que recibían tamén o mosteiro de Yuste, a Residencia de Estudiantes en Madrid e unha serie de monumentos de lugares tan diversos como Eslovaquia, Grecia, Letonia, Bulgaria ou Francia. A Consellería de Cultura acondicionará a contorna do cabo, incluído o conxunto arqueolóxico e etnográfico de San Guillerme e o Santo Cristo de Fisterra, irmán do ourensán. É una boa noticia, que case coincidiu no tempo con outra negativa: a denuncia da especulación urbanística con 400 chalés ó carón das praias fisterrás. Alégrome polo país e polos meus amigos fisterráns, con Modesto Fraga á cabeza: a próxima fin de semana tócame inaugurar aló, cunha charla, unhas xornadas de reivindicación da memoria histórica en homenaxe a Cipriano Fernández Brage, exalcalde de Fisterra na República, militante de Izquierda Republicana e asesinado polos franquistas en 1936.

Cidadanía: a "perigosa" nova materia
Andoliña mércores 28 marzo (Imaxe de Vermeer)

Que é un cidadán? Como formula a resolución intelixente dos conflitos entre as persoas? Como enfoca a loita pola felicidade? Cales son os cimentos da dignidade dos seres humanos? Que é un bo cidadán? Quen son eu? Como se pode vivir en convivencia a amizade, a parella e a sexualidade? Como se establece a convivencia? Que é a democracia? A este rosario de preguntas quere responder a nova materia de Educación para a Cidadanía, que se impartirá en terceiro de ESO, para mozos e mozas de 14 e 15 anos. O filósofo José A. Marina fixo o primeiro manual da materia, que enfoca tamén temas como a igualdade de homes e mulleres, a solidariedade e os Dereitos Humanos.

Contra este "perigoso" proxecto chama á obxección de conciencia Juan Antonio Martínez Camino, portavoz da Igrexa católica: nun xornal de Madrid definía a nova materia como "unha formación moral das conciencias, á marxe da libre elección dos pais". E resulta curioso que a Igrexa se sinta autorizada a falar en nome de todos os pais, que xa están ben representados nos seus lexisladores (para iso está a democracia). Por certo moi calados estaban estes novos insubmisos cando só existía a formación moral obrigatoria do nacional-catolicismo.

A obsesión polo canon: que novelas bota vostede en falta?

Onte, dous xornais (La Voz de Galicia e El País) publicaban listas. Listas de novelas. La Voz de Galicia recollía a información dun novo título, 1001 libros que hay que leer antes de morir, obra de Peter Boxall (revisada na súa edición española por José Carlos Mainer), na que se ofrecen estes datos:
El gallego que más títulos coloca entre los 1.001 elegidos es Valle-Inclán, con tres piezas que, en realidad, son ocho. Del autor se seleccionaron su novela Tirano Banderas , la saga El ruedo ibérico (trilogía compuesta por La corte de los milagros , Viva mi dueño y Baza de espadas ) y las cuatro Sonatas (de otoño, de estío, de primavera y de invierno) en las que el marqués de Bradomín cuenta sus presuntas memorias. El ya mencionado Camilo José Cela aporta dos piezas al total, La colmena y Viaje a la Alcarria , y el resto de elegidos (otros nueve) se tienen que conformar con colgar una obra entre las piezas estelares. El resto de textos en castellano firmados por autores gallegos que se han encaramado a este singular (y concurrido) podio son Los pazos de Ulloa , de Emilia Pardo Bazán; Larva. Babel de una noche de San Juan , de Julián Ríos; y Los gozos y las sombras , de Gonzalo Torrente Ballester. En gallego han logrado hacerse un hueco entre los 1.001 mejores relatos de todos los tiempos A esmorga , de Eduardo Blanco Amor, (presentada aquí como La parranda ); O Grifón , de Alfredo Conde; Merlín e familia , de Álvaro Cunqueiro; Memorias dun neno labrego , de Xosé Neira Vilas; Un millón de vacas , de Manuel Rivas; y Tic-tac , de Suso de Toro.

Á súa vez El País tamén publicaba unha páxina enteira, dentro das informacións do XIII Congreso de Academias de la Lengua Española, sobre "Las mejores novelas en español", elixidas por 80 especialistas. Esta era a súa escolla:
1. El amor en los tiempos del cólera, Gabriel García Márquez.
2. La fiesta del Chivo, Mario Vargas Llosa.
3. Los detectives salvajes, Roberto Bolaño.
4. 2666, Bolaño.
5. Noticias del imperio, Fernando del Paso.
6. Corazón tan blanco, Javier Marías.
7. Bartleby y compañía, Enrique Vila-Matas.
8. Santa Evita, Tomás Eloy Martínez.
9. Mañana en la batalla piensa en mí, Javier Marías.
10. El desbarrancadero, Fernando Vallejo.

En fin, se o desexan, poden ampliar ou modificar ámbalas dúas listas: pola miña banda, só podo certificar a extrema calidade das dúas primeiras citadas na lista de novelas en español, e o meu respecto pola outra lista, sobre todo no que se refire ás obras citadas de Valle Inclán, Torrente Ballester, Cunqueiro, Cela, Pardo Bazán e Blanco Amor (máis discutible sería o título escollido no caso de M.Rivas e supoño que moitos lectores discutirán o de Suso de Toro, aínda que considero que Tic Tac é unha gran obra e unha das súas mellores novelas).

25 mar 2007


Sobre Celso Emilio Ferreiro (unha opinión)
En datas próximas a Fundación Curros Enríquez-Casa dos Poetas vai publicar un libro sobre os escritores de Celanova, preparado polo xornalista Xosé M. del Caño, quen xa adiantou en catro páxinas, o domingo pasado e hoxe, no Faro, un avance do mesmo. Son unha das persoas que opina no libro, no meu caso en concreto sobre Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín. Recollo agora a presentación do libro (nestas reportaxes) e as miñas opinións sobre Celso Emilio (téñase en conta que foron recollidos por teléfono e quizais a miña expresión non sexa sempre a máis axeitada).
Celanova constitúe un vizoso universo literario, no que brillan con luz propia autores tan relevantes como Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro e Xosé Luís Méndez Ferrín, ó lado dos que aparecen outros nomes tan entrañables como o do romántico Castor Elices, catro anos máis vello co autor de Aires da miña terra, e, en claro contraste, o relevo xeneracional poético, representado por Paulino Vázquez e Xosé María Paz Gago. Xesús Alonso Montero, Basilio Losada Castro, Claudio Rodríguez Fer, Vicente Araguas, Marcos Valcárcel, Darío Xohán Cabana e Luís Ferreiro, dende perspectivas e sensibilidades distintas, ofrecen as súas visións sobre este abrainte fenómeno que marcou a historia de Galicia, só comparable con outros espacios máxicos, cargados de simboloxía, como as cidades de Santiago e Ourense, o Rianxo de Castelao e o Padrón de Rosalía de Castro.
(...) Valcárcel resalta que Celso Emilio "ten moitas voces, como tódolos grandes poetas. Foi un radical poeta antibelicista, antifascista, abriu a poesía galega á crítica contra a guerra, contra o imperialismo nortamericano, nos famosos poemas de Vietnam, como ten destacado Méndez Ferrín, é tamén o poeta que introduce o marxismo nas nosas letras, co seu famoso 'Monólogo do vello traballador', xoga con pseudónimos, dende a clandestinidade, como Arístides Silveira e Alexis Vainicova. Recolle moi ben a dureza do escarnio medieval. Utiliza dun xeito maxistral o modelo do panfleto, do alegato, mesmo do insulto político, en moitos dos seus poemas. Cantigas de escarnio e maldecir ou Cimiterio privado son libros durísmos, aínda hoxe. Conseguiu recoñecemento entre un colectivo social moi amplio, formado polos estudantes e o mundo politizado dos anos sesenta. Moitos dos versos de Celso Emilio convertíronse nunha especie de nova poesía popular. Eu lembro as asambleas e as manifestacións que se celebraban en Santiago nos anos 77 e 78, nas que actuaban Voces Ceibes, onde se cantaban, colectivamente, poemas de Celso Emilio. Falaban de Franco, metaforicamente, sen citalo. Con motivo da morte do poeta, en agosto de 1979, celebrouse en outubro un acto masivo, no pabellón de deportes de Santiago, no que participaron escritores e artistas de distintas tendencias ideolóxicas de Galicia e doutros lugares do Estado, ante a presencia de milleiros de estudiantes, outra vez nun acto de gran recoñecemento ó escritor".
Marcos Valcárcel non considera esencial a evolución ideolóxica de Ferreiro. "Celso Emilio militou en case todos os partidos da esquerda de Galicia: UPG, PCG, PSG, estivo na Candidatura Democrática Galega e no PSdeG-PSOE. Pero esto non é sustancial, o relevante é que Celso Emilio foi un poeta satírico, un poeta de esquerdas e galeguista, que buscou esa esquerda e ese galeguismo, en cada momento concreto, nunhas siglas ou noutras, por distintos motivos".
Marcos Valcárcel admite que Viaxe ao país dos ananos foi un libro incomprendido no seu momento. "Houbo xente moi progresista que non entendeu o significado desa obra. Estou falando de personaxes como Luís Seoane, no exilio, ou de Xosé Fernández Ferreiro, en Galicia, que tamén criticou esa actitude. Non entenderon un xesto moi concreto, que ía dirixido contra un sector da colectividade, pola falta de compromiso que amosaba. Atopou nesa xente unha especie de continuidade do franquismo, en Venezuela". E engade: "En defensa de Celso Emilio, pódese dicir que as actitudes que critica na Hermandad Gallega de Caracas son as mesmas que denuncia en Galicia. Ferreiro non é menos duro cos galegos que viven aquí. Arremete contra os burgueses, contra os señores, contra os locutores de radio, contra os explotadores, contra os franquistas, contra os falanxistas con tanta ou máis dureza da que emprega en Viaxe ao país dos ananos. Satiriza ós que considera cumplables do franquismo e da explotación do pobo, sexa en Venezuela ou en Galicia. Celso Emilio marchou coa idea de que atoparía en Caracas unha plataforma de resistencia contra o franquismo, e atopouse coa continuación do Réxime. E púidolle pasar o mesmo en Buenos Aires.
Valcárcel admite que é posible que Celso Emilio Ferreiro atopase o seu lugar ideal en México, se mudara o seu punto de destino, "onde supoño que sería moi ben acollido polos impulsores da revista Vieiros. Alí había un grupo de esquerdas, republicano, e ourensanos, como Delgado Gurriarán e Carlos Velo. Uruguai sería outro lugar fecundo para a súa tarefa".
O banquete de despedida que lle fixo a intelectualidade galega a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense cando marchou para Venezuela, coa participación de 250 personas, "foi un dos grandes actos da posgurra". E resalta: "Hoxe sábese que o organizaron dunha forma conxunta a UPG e o PC, concretamente Méndez Ferrín e Alonso Montero. Celso Emilio foi despedido xa como o gran poeta da esquerda, que leva a representación de Galicia a un país que el idealizara".

(Nota: como este post era excesivamente longo, reducín os seus contidos para facilitar a lectura. O resto do texto figura agora como comentario, poden consultalo, se queren, alí).

Comisión para un Uso Cultural do edificio do Banco de España

Seguimos no tema. Onte presentamos ós medios o manifesto elaborado para reclamar un uso cultural e vinculado á cidade para o edificio do Banco de España (así o contou o Faro).
Cremos que alí non debe ir o Catastro e que hai que solucionar ese problema, buscando unha ubicación alternativa (así o contou La Región).
E queremos o consenso de todos os partidos e institucións implicadas (Concello, Estado, Xunta, Deputación, etc.).
Queremos que as institucións públicas, todas, asuman un compromiso urxente para colaborar e promover a creación do centro que desexamos. De arte e historia. Da lembranza e evocación do cotián e do extraordinario. Das memorias da cidade», reza o manifiesto.
Cremos que o proxecto é posible e viable. (Así o contou La Voz de Galicia).
Agora procuraremos que os tres grupos municipais, en principio de acordo nisto, asinen unha moción conxunta antes das eleccións que solicite o uso cultural para este nobre edificio. (Na foto de Iñaqui Osorio, a roda de prensa da comisión no Liceo, con Afonso Monxardín, Xulio Rodríguez e este cronista).
Intelectuais da esquerda cara a dereita

O pasado 10 de marzo José Vidal-Beneyto remataba en El País unha interesante serie de artigos titulada "El capitalismo contra el planeta". Onte mesmo, 24 de marzo, iniciaba outra titulada "La derechización del mundo": na primeira entrega subliñaba o paso de antigos intelectuais de esquerda europeos ás filas da dereita conservadora (os en tempos chamados Novos Filósofos franceses ou Francesco Alberoni, entregado agora a Berlusconi). Tema que tamén debatemos nesta bitácora e que, ben se ve, preocupa a moita xente.

Bryce Echenique versus José María Pérez Álvarez, "Chesi"
Dende logo é todo un nivel que un escritor como Bryce Echenique che copie un artigo, literal, case sen cambiar máis que un par de palabras: así o contou Cristina Huete en El País. Parabéns para Chesi, autor do texto de referencia, "Las esquinas habitadas" (publicado na revista Jano e en Alternativa de contenidos, de Galipress.com). E queda demostrado unha vez máis que no mundo dos escritores hai de todo: ata xenios que se deixan caír nestas "canalladas" (a espresión é de Chesi, recollida en La Región). De paso, recomendamos os excelentes artigos de Chesi en Alternativa de Contenidos, a serie "Puede ser así".

24 mar 2007


Virxilio: Os Chaos de Amoeiro
A Fundación Otero Pedrayo organiza en Trasalba unha magna exposición do pintor Virxilio sobre os Chaos de Amoeiro, que irá renovando as súas obras pouco a pouco.
Inaugurouse hoxe cun acto no Auditorio da Casa-Museo Otero Pedrayo, presidido pola conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, que estivo brillante na súa intervención. Freixanes definiu o lugar como un dos espazos da nación. E Méndez Ferrín deu unha lección de arte e sensibilidade axuntando os nomes de Virxilio e Otero Pedrayo (magnífico tamén o seu artigo de hoxe no Faro sobre as librerías históricas ourensás).
Os comisarios da mostra foron Santiago Lamas e Luís Cochón, que asinan cadanseu texto no catálogo da mesma.
A exposición estará en Trasalba toda a primavera e verán. Ó seu carón celebraranse varias actividades culturais (tócame estar nunha delas en setembro). A primeira será un recital poético, o próximo sábado 31 de marzo (19,30 h.) con Isolda Santiago, Baldo Ramos, Modesto Fraga, Rafa Villar e Manolo Outeririño, presentado por Afonso Monxardín (cantos amigos!). No mesma cita haberá ademais un acto musical coa Coral Polifónica do Casino de Carballiño.
Do texto de Santiago Lamas:
Como o Bergantiños de Pondal, a Terra Chá de Manuel María, o Coruel de Novoneyra, as terras arraianas de Vilanova e Celanova de Celso Emilio e Ferrín, o Mondoñedo de Cunqueiro ou o Rianxo de Manuel Antonio, Os Chaos tiveron en Otero o seu narrador e o seu poeta. Agardaban un pintor que soubera ollalos como Otero. Xa o teñen. Ninguen coma Otero Pedrayo para facer das paisaxes galegas un xénero literario de seu; ninguén coma Virxilio para pintalas.
Virxilio en Trasalba (Pan por Pan 25 marzo)
En 1960 Otero Pedrayo escribía en “Vida Gallega” sobre os grandes pintores galegos, de Castelao a Seoane, pasando por Prego, Maside ou Laxeiro entre outros. Pechaba aquel artigo cunha referencia a “aquellos árboles dolorosos y humoristas de Virgilio, el discípulo y devoto de la luz de las tardes en la cunca de tinto en la taberna orensana o en el vino blanco de La Villete parisién”. E Virxilio volve agora a Traslaba, da man da Fundación Otero Pedrayo, coa súa mostra “Os Chaos de Amoeiro”. É xa un clásico en vida, como dixo Ánxela Bugallo na presentación da mostra. Como xa o era Otero á altura de 1960. Como o é tamén Méndez Ferrín, que nos agasallou cunha magnífica relectura dos amarelos virxilianos, aquela Galicia amarela que don Ramón descubriu nunha viaxe outoniza en avión. Tres grandes nomes que tan ben se complementan: Otero, Virxilio, Ferrín.

























E nos ratos libres ... cine
Cine para os ratos libres (hai que facelos).
Como creo que xa vos contei, a miña filla Eire, dezasete anos, está na súa fase cinéfila (canto cine vín eu dende os meus 17 anos... e sobre todo nos espléndidos cineclubes daquela época). E deulle polo cine clásico, o norteamericano, dos anos 40, 50, 60, imprescindible. Iso levoume a revisar algunhas vellas películas, vistas varias veces, pero hai moitos anos como Solo ante el peligro (F.Zinneman) ou Matar a un ruiseñor (R. Mulligan). E tamén a pillar algunhas máis recentes que non vira no seu día como No estanque dourado (magníficas Katharine e Henry Fonda, xa enfermos e case morrendo no caso masculino) e Match Point, que non me desagradaron.
Confeso que tiña moito medo a reencontrarme con Matar un reiseñor: era unha das películas da miña infancia, das que máis emocionaron e me chimparon no seu día algunha bágoa (outra que me conmoveu ata as entranas e que non puiden aínda revisitar foi Capitanes Intrépidos, con Spencer Tracy). E non me sentín defraudado neste novo encontro co avogado Atticus: si, hai obras mestras que sobreviven ó paso do tempo.

Fado e tristura do presente

Andoliña 24 marzo

O esplendor do mundo do fado é hoxe indiscutible. Nos últimos anos unha nova xeración de grandes voces portuguesas está a ter presenza internacional con nomes como Mariza, Dulce Pontes ou Mafalda Arnauth (na foto; a súa música na súa web), que estivo en Auria o xoves pasado presentando o seu último disco Diario. Un concerto excepcional, cheo de quentura e complicidade. Din que o fado é tristura. Pero non sei. É, si, saudade, melancolía, desacougo. Unha forma singular de estar no mundo.

Tristura é, iso si, ver a roda da historia virar cara a atrás: de novo bandeiras franquistas e falanxistas en Madrid: a dereita española está a enlamarse nas augas máis toldadas dunha paixón política rancia, perigosa e desestabilizadora. Disque non asumiu, esta nosa dereita, que está na oposición: que seguirán tensando ata volver ó goberno. Sempre sobran motivos para pancartear. E a Igrexa outra volta a condenar o aborto e o divorcio, vinte anos despois de aprobarse no Parlamento as súas leis respectivas: máis tristura. Polo medio deste panorama, a constatación de que estar na oposición é bo para crear ideas: velaí o PP galego empeñado en controlar a posible manipulación do voto emigrante.

Si, as boas ideas nacen cando un está lonxe do poder.

23 mar 2007




Poesía e primavera
No seu artigo de hoxe en El Correo Gallego (ver artigo completo) Helena Villar relembra os poetas que cantaron a primavera. Velaí un anaco:

Que ten poder para convocar as belidas: "Bailemos nós xa todas tres, ai amigas,/ só aquestas abelaneiras frolidas;/ e quen for belida, como nós belidas,/ se amigo amar,/ só aquestas abelaneiras frolidas verrá bailar" (Xoán Airas).
Que propicia a aparición do amor erótico: "Empeza a primavera no teu seo/ xentil e miudiña coma o pulo/ dun outeiro que nace de repente" (Avilés de Taramancos).
Que é capaz de tornar lírico o aire: "No niño novo do vento/ hai unha pomba dourada/ (Meu amigo, / quen puidera namorala!/ Canta ó luar e ó mencer/ en frauta de verde olivo./ ¡Quen puidera namorala,/ meu amigo!" (Cunqueiro).
Que conduce ata o silencio aos desacougados: "E por eso ó mirar cal nos campos/ de novo abrochan as rosas/ dixen: "¿En onde, Dios mío/ irei esconderme agora?"/ E ó bosque de San Lourenzo/ me encamiñei silenciosa" (Rosalía).
Que se fai solidaria cos oprimidos: "Aquí ven o maio/ de flores cuberto.../ Puxéronse á porta/ cantándome os nenos;/ e os puchos furados/ pra min extendendo,/ pedíronme crocas/ dos meus castiñeiros..." (Curros).
E sobre todo, que "A poesía é o gran milagre do mundo" (Pimentel).