16 mar 2007

Incógnita

É o ruxe-ruxe de moitos institutos hoxe. Seica sobramos profesores/as en todas partes. En moitos centros os equipos directivos teñen que facer números de malabarismo cos horarios para evitar os desprazamentos dos numerarios hoxe existentes. Cando hai traslados ou xubilacións, por suposto, esas prazas quedan xa sen cubrir. E o número de alumnos/as, de momento, segue baixando.
E vai a Xunta e convoca 3.125 novas prazas de profesorado; máis que en ningunha convocatoria anterior. E convócanse tamén cátedras. Por que e para que? Onde os van meter? Ulas esas necesidades de profesorado cando case non se crean novos centros nin aumenta a poboación escolar? Alguén ten explicación para esta curiosa incógnita...

Hoxe no Liceo

Acto de Presentación do libro de Poemas Obertura sen heroe (obra gañadora do 1 Premio AntónTovar, concedido polo Concello de Rairiz de Veiga, e publicada por Ed. Follas Novas, colección Libros da Frouma), da poeta Yolanda López (Ourense, 1976), que terá lugar este venres 16 de marzo ás 20.15 horas, no Salón Nobre do Liceo deOurense, coa intervención de Marcos Valcárcel, Delfin Caseiro e a propia autora, cun recital a cargo de Tereixa Devesa e Loli Conde, acompañadas ó piano por Ángel Losada.

XOHÁN LEDO E O LIBRO GALEGO
(Andoliña 16 marzo)

Cando un se achega a un libro, pasa por varios momentos de fascinación e namoramento. Primeiro vémolo de esguello, quizais nun escaparate. Logo, xa lle dedicamos máis vagar, na libraría, revisando as súas páxinas, imaxinando o que suxiren aquelas follas tan novas. Logo na casa atendémolo con agarimo, expectantes dos mundos novos que esperamos abrir con ese volume. É fundamental a primeira impresión: a apelación da portada, por exemplo. Por iso é ben xusta a homenaxe que Grial lle decica a Xohán Ledo cun monográfico dos seus Cadernos.
Premiado en Trasalba en 1998, alí estivemos, a man de Xohán Ledo ten xa un lugar asegurado na historia do libro galego: cantas evocacións xorden nos seus debuxos para Galaxia dos anos 50 e 60! Recordan a súa figura os seus amigos (Del Riego, Xaime Illa), escriben os especialistas do mundo do deseño, recupéranse algúns dos seus traballos teóricos sobre Seoane ou sobre o superrealismo. Xohán Ledo na Galicia interior e Luís Seoane no exilio foron a imaxe do noso libro durante anos. “Habería que aforcar a quen non aprenda a ler, queimar os pés a quen non lea”, dille Xohán Ledo a Del Riego nunha conversa de 1956: solemne declaración, dende logo, de amor ó Libro.

15 mar 2007

Canon de beleza? (Xavier Cordal, en Galicia Hoxe, 15 marzo)
Alén da "caricatura hipócrita", o feísmo é o resultado dunhas actuacións inmobilarias que destrúen impunemente o territorio.
(Artigo completo)

(...) A ausencia de calquera normativa de construción ou de ordenamento urbano foi o sinal de identidade do desenvolvementismo tardofranquista. As primeiras vítimas foron as zonas mediterráneas, exhibidas con orgullo no cinema cavernícola español cando se iniciaba a expansión do turismo de tortilla e praia apadriñado por Fraga Iribarne. Simultaneamente, ou moi pouco despois, medraron sen control os novos barrios que se foron coagulando nas áreas costeiras máis poboadas de Galicia, erguidos por construtores que non se distinguían pola súa sensibilidade arquitectónica. Pero o doado sería culpar ás empresas; nin as autoridades estatais nin municipais, nin máis tarde as autonómicas, quixeron poñer freo ao negocio, en moitos casos porque participaban del.
Ao galego medio bastáronlle as viaxes en tren polo territorio francés para comprobar que resultaba ben difícil dar detectado os mesmos horrores visuais, polo menos no agro e nas pequenas urbes. Era o xogo das diferenzas: a orde fronte ao caos, o racionalismo urbanístico fronte á lei da selva.
Tardou pouco en aflorar o pathos do autoodio colonial cando, ao volveren, algúns emigrantes galegos -e despois non poucos turistas- interpretaron como indicio de deformidade antropolóxica a nosa sucesión de ladrillos tristes, as vigas de formigón sen pintura. Exactamente ao xeito dalgún dos viaxeiros españois ou ingleses que se aventuraban pola Galicia dos séculos escuros, culpabilizando o indíxena da súa condición miserable e mostrándose incapaces de detectar rastro ningún de beleza -obviamente, tampouco na arquitectura popular.

Zapatero. España e Portugal. Galicia e Extremadura.

Revista das Letras dedica o seu número desta semana a R.Zapatero, cunha ampla entrevista con Suso de Toro, tres páxinas, e artigos de Caetano Díaz e Herminio Barreiro.

E tamén me pareceu interesante este artigo de Galicia Hoxe:
España e Portugal prefiren Estremadura a Galiza (ANGELO GONÇALVES VICENTE).
A caricatura de Rodríguez Zapatero é de Fico Molina.



Cartelismo galego: os nosos artistas (1)
Tres dos nosos grandes artistas no mundo do cartelismo. Tres estilos ben diferentes. Tres propostas interesantes de comunicación co público: Conde Corbal, Sucasas, Mercedes Ruibal.













COMPARTINDO RECURSOS...
Quería compartir con todos vós estas webs de recursos gráficos que eu utilizo a cotío, tanto na prensa como neste blog (p.ex. esoutro día aquel precioso cartel do Castromil). Estas que agora indico teñen unha ampla colección de carteis galegos, tanto de épocas previas á guerra civil (os carteis de festas aquí pegados) como dos anos 50-60 en diante:
Na última das citadas hai sobre 700 carteis de todo tipo, desde actos políticos (candidatos nas eleccións franquistas) a convocatorias culturais dos 70, como ese fermoso selo da A.C. O Galo que Pepe Barro deseñara en 1979. É como facer unha viaxe neboenta pola memoria: cantos destes carteis tivemos nas mans ou repartimos ou pegamos no seu día para anunciar calquera acto político ou cultural?
MOCIDADE, LINGUA, O LATÍN
(Andoliña 15 marzo. Imaxe do debuxante-guionista Robert Crumb)


Escoito na radio que en Francia o Ministerio de Educación prepara un plan para afortalar o vocabulario dos seus alumnos e alumnas dende a educación infantil. Co obxectivo de que os nenos aprendan, antes de chegar á Secundaria, sequera unha palabra diaria e que esta palabra sexa de contido abstracto ou diferente das que usa na súa contorna habitual. Crin escoitar que as primeiras palabras suxeridas eran "Amor" e "Semellantes". Fermoso proxecto: non estaría mal copialo se queremos que os nosos mozos saiban dicir algo máis que “flipado” e “guay”. Agás excepcións, a pobreza do léxico dos mozos é alarmante: é o tributo a pagar ó Moloch da televisión-lixo, a xerga dos móbiles e a estulticie ambiental. Pobreza tamén en castelán, non só en galego: ignoran case todos os cultismos, ás veces idénticos nas dúas linguas.
Ou iso ou restauramos o vello Bacharelato con máis anos, do que algúns docentes seica teñen saudade. Con latín para todos. Xa saben que nos seus últimos días, enfermo, Otero Pedrayo foi visitado na súa casa da rúa da Paz polo ministro de Educación daquela hora, creo que Cruz Martínez Esteruelas. Don Ramón só lle deixou un mandado, con toda a vehemencia que puido: “Cóideme do latín, señor ministro”.

P.S.: Chámame o amigo Xoán Manuel Salgado, un dos grandes oterólogos deste país, e faime decatar dun pequeno erro neste artigo xa publicado (tamén na prensa). O que Otero lle dixo ó ministro naquela ocasión foi exactamente "Salve o grego, señor ministro", porque andaban a preparar un decreto que o eliminaba do ensino ou algo así. En canto mo dixo Salgado, deille a razón: así o lembro eu tamén e pódese documentar nas hemerotecas. En calquera caso, o sentido da anécdota, enmarcado na miña columna, non varia gran cousa.

14 mar 2007



TEORIA DE GALICIA, artigos de Otero Pedrayo en Vida Gallega
En rigorosa exclusiva, podo informarlles da aparición nas librarías deste novo libro de Otero Pedrayo. (O texto da nota e as fotos proceden da Editorial Alvarellos)
Alvarellos Editora publica o tomo sexto da súa Colección Rescate coa edición, por primeira vez en libro, de toda a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo para a revista Vida Gallega, unhas colaboracións esquecidas que se remontan ao ano 1926 e que chegaron, catro décadas despois, até 1963.

Trátase do volume titulado Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega, 1926-1963, un libro de 400 páxinas que sae hoxe á venda, e está escrito en galego e castelán. Nel reúnense 72 escritos de temática e xénero variados: dende prosas líricas ata crónicas da época, pasando por ensaios e mesmo relatos de ficción. A visión conxunta de todos eles enxerga efectivamente toda unha teoría de Galicia e son unha mostra da monumental prosa oteriana e da enorme capacidade intelectual do Patriarca das Letras Galegas.

A obra conta cun amplo estudo introdutorio a cargo do profesor, historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel, titulado “Otero Pedrayo no xornalismo galego”. Nel afirma:

En Teoría de Galicia atopamos todo o mundo de Otero en pequenas doses (...). Na revista Vida Gallega hai dous rexistros diferenciados: os artigos publicados na primeira época, entre 1926 e 1930 (...) son na súa maioría prosas líricas ou ideolóxicas, inzadas dun latexante galeguismo, e textos de reflexión sobre a esencia de Galicia e as súas visións da paisaxe, da historia ou da tradición. Na segunda etapa, a comprendida entre 1954 e 1963, como é lóxico a presenza de contidos especificamente galeguistas ou de maior carga ideolóxica é moito menor, pero Otero Mantén as liñas estruturais básicas do seu discurso: fale das vendimas no Ribeiro, ou da forza do mar na costa de Muxía, ou das festas do Corpus na súa cidade natal, os elementos fundamentais do mundo oteriano estarán sempre presentes.
Á parte dos textos recóllense neste volume fotografías da época e, sobre todo, varios manuscritos inéditos do autor. A súa incorporación é especialmente significativa, pois neles o lector poderá comprobar o verdadeiro fluír da prosa de don Ramón: as ideas semellan ter agromado nidias –non hai borróns– e abundantes como emerxidas dun manancial.

13 mar 2007

Na rede, a Base de Datos Dicionario de Termos Literarios, do Centro Ramón Piñeiro

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (http://www.crpih.es/) informa de que puxo recentemente na rede a Base de Datos Dicionario de Termos Literarios ( DiTerLi) dirixida polo Equipo Glifo (Anxo Abuín, Fernando Cabo, Arturo Casas, Blanca-Ana Roig, Anxo Tarrío e Darío Villanueva).

BD DiTerLi é unha obra en proceso de elaboración que tén redactadas unhas dúas mil voces (das letras A ao L, fundamentalmente) referidas ao ámbito do literario, nun senso amplo: dende as correspondentes á Poética e Retórica clásicas até aqueloutras que están aínda consolidándose nos campos plurais dos programas de investigación emerxentes.
BD DiTerLi permite a navegación por hipervínculos e ofrece unha ampla bibliografía, así mesmo hipervinculada coa redacción das voces. O acceso é libre e o procedemento de solicitude de licencia sinxelo e rápido.
Homenaxe a Pepe Peña en Ourense
A nova nos xornais
Pepe Peña (artigo de opinión de Antonio Nespereira)

O venres, día 16, ás 19.30 horas vaise descubrir unha placa na súa memoria na Rúa do Paseo nº 28, onde está o seu estudio. Ás 20.00 horas comenzará no salón de actos do Ateneo unha mesa redonda, presentada por O Carrabouxo, na que participarán Manuel Cabaleiro Fabeiro -membro fundador do PNG-PG e amigo de Peña-, Bautista Álvarez Domínguez -presidente da e ex parlamentario do BNG-, José Jaime Vázquez Iglesias -presidente do Colexio de Arquitectos de Galicia en Ourense e ex parlamentario autonómico- e Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia.
PP: Democracia de baixa calidade
A autoría islamista dos atentados de Atocha foi unha mala noticia, porque non alimentaba a crispación e dificultáballes o rumo. Aquela noite as televisións públicas e privadas izaron a golpe de ditado as bandeiras españolas na esquina das pantallas. Impúñase un estado de opinión único e resultaba difícil disentir publicamente sobre a autoría dos crimes. Os que críamos que non fora ETA éramos uns miserábeis, segundo Acebes.
Polas mesmas razóns de estratexia, o líder do PP vasco Carmelo Barrio, lamentábase no Parlamento ao saber que ETA proclamara a última tregua. Canto mellor peor. A dereita arela unha democracia de baixa calidade, con institucións fráxiles, unha xustiza dependente, as leis electorais restritivas. Un pacto débil onde teñan a última palabra, semellante á Restauración, vixiado polos que sempre mandaron na Historia de España, menos nos anos da UCD e do PSOE. Desde logo que non van conseguilo, pero de momento a palabra tolerancia desapareceu do vocabulario político.

("Procurando unha democracia de baixa calidade", X.M. Sarille, El Correo Gallego, 13 marzo)
Artigo completo

Blanco Amor e a ditadura na Arxentina
(...) De volta de falar cun home -os paisanos din así cando queren ocultar a alguén-, atópome, diante do Parque de San Lázaro, con Eduardo Blanco-Amor. Falamos, lembramos o noso encontro en Rivadabia, na Mostra de Teatro, imos xantar. Eduardo, preocupadísimo polo situación na Arxentina: "O Mundial de fútbol é unha tapadeira perfecta para a guerra sucia. Os "militronchos" están torturando e asasinando ao mellor da xuventude. Ese Videla é un fascista con cara de can famento." A conversa vai derivando e el aconséllame: "Anda rapaz, estuda, escribe. Onde vas con esa "facha" de comunista enxebre ao servizo de Líster? Frecuenta Madrid, Barcelona... Por certo, esta semana tiven visita. Viñéronme ver Antonio Carrera e Félix Grande, dous bos escritores. Veu canda eles Manolo Vilanova, un poeta de Barbantes. Estivemos no Liceo. Tes que coñecelos... (...)
("En cunca de ouro", Luís González Tosar, El Correo Gallego, 13 marzo)
Artigo completo

Do xornalismo literario...

(...) Pola contra, nós, o resto, os que temos un oquiño nos xornais, normalmente somos un pouco, ou bastante, pesados. Porque non parece que queiramos falarlles aos lectores dese mundo e desa vida que todos os días compartimos eles e nós. Non sabemos contarlles as cousas que nos pasan ou que pensamos, como facía Carlos, que era como se lle pasasen a todos ou como se as pensásemos nós tamén. Parece que nós, moitas veces, queremos cambiar o mundo xa e de repente, e queremos analizar todo, e esa intención de transcendencia e mensaxe, retorce as nosas columnas ata que semellan as dos altares barrocos: cheas de dourados, sarmentos e acios que dificultan a percepción da pura arquitectónica comunicativa. Demasiados ringorrangos e reviravoltas. Demasiada importancia para un simple artigo. ¡Cantos lectores non se perderían para o galego desde que Carlos deixou de escribir! ¡Canta xente non se achega ao que escribimos por prexuízos... moitas veces certos! Falemos claro: moitos de nós, recoñezámolo, sobordamos presunción e transcendencia. E acabamos falando para as nosas parroquias, se as temos, ou para os veciños das columnas do lado. E perdemos lectores. Día a día. Se cadra pódolles parecer pesimista, pero é que lles estou falando dun morto ao que, pola quinta, aínda non lle tocaba. E iso, a min, revírame a alma. Aínda que logo pase.
("Cinco anos sen Carlos Casares", Afonso Monxardín, Galicia Hoxe 13 marzo. Imaxe de Hugo Pratt. Artigo completo)

Cambio climático.
(Pan por Pan martes 13. Imaxe de Hugo Pratt)

Por se hai algún supersticioso entre os meus lectores/as, non falarei hoxe da crispación. Falemos do clima. Veñen de publicarse varios informes serios sobre o cambio climático en Galicia. Un deles, editado pola Fundación Caixa Galicia, demostra que a temperatura media anual medrou 1,46º de media nos últimos 25 anos no noso país. Ese aumento de temperatura foi maior nas cidades do interior que nas costeiras. E foi en marzo cando máis subiron as medias habituais. Outro traballo, asinado por Emilio Menéndez Pérez, da Autónoma de Madrid, afirma que o cambio climático é inevitable en Galicia, pero será menos dramático que noutros lugares. E chama a cambiar o modelo forestal e substituír os eucaliptos polas especies autóctonas para prever os incendios. Disque pasaremos dun clima atlántico a outro mediterráneo: se levantan a cabeza Pondal e Risco!
Seguindo o fío
(Pan por Pan mércores 14)
Seguindo o fío de onte, sobre o cambio climático en Galicia, o edafólogo Francisco Díaz Fierros afirma que é máis doado predicir o medre das temperaturas que os cambios nas precipitacións. Pero hai indicios evidentes da realidade cambiante do clima galego: en Portugal están medindo datos como a chegada das andoriñas, a floración das amendoeiras ou o calendario do viño, constatando variacións de quince días ou un mes respecto a décadas pasadas. Para ser máis exactos, Díaz Fierros di que pasaremos de ser unha zona atlántica con enclaves mediterráneos a ser unha zona mediterránea con enclaves atlánticos. E notarémolo máis nas provincias do interior, por suposto. De non reducirse as emisións de gases de efecto invernadoiro, cara a fin deste século a paisaxe galega vaise asemellar máis á existente entre O Douro e a Beira Alta portuguesa. Os poetas terán que cambiar os adxectivos...

12 mar 2007


O ovo da serpe.

Pan por Pan domingo 11 marzo (Na foto, a Medusa de Caravaggio)

Moitos dos artigos que limos no Liceo, na homenaxe a Carlos Casares, manteñen nos seus temas unha rabiosa actualidade: velaí a comprensión do fenómeno de inmigración ou a hipersaturación do tráfico nas urbes. Tamén falou Carlos da crispación neses artigos: tamén nos 80 se insultaba ó presidente do goberno e ós ministros. Non é cousa de agora: foi alimentada de vagariño durante anos, con toneladas de demagoxia. Sobre todo por intereses políticos e mediáticos. Ata hoxe non enchoupou con forza a sociedade civil. Pero estamos xa na liña vermella. Por iso cabe pedir responsabilidade a todos os que poidan facer algo para rematar coa senrazón. Díxose sempre que o PP contribuíu á democracia eliminando a forza da extrema dereita e iso é certo. Pero, se hoxe xurdise un partido fascista con vocación de poder, tería moitos votos nestas augas revoltas.

A miña crónica do acto do Liceo...
LEMBRANDO A CARLOS CASARES, La Región 12 marzo

No Liceo. O Liceo foi a súa segunda casa en Ourense, dixémolo moitas veces, pero é verdade, tal como subliñaba Martínez Pedrayo na tertulia do venres pasado. Remataba de xantar e baixaba cara o Liceo a gozar do faladoiro cos amigos. O Liceo débelle o sostén básico dos seus Encontros Literarios entre 1990 e 2002 e moitas citas culturais máis. No Liceo falou moitas veces do seu mundo cultural: ese mundo que, lembrouno tamén Pedrayo, tiña tres referencias ideolóxicas básicas: Olof Palme, Felipe González e Ramón Piñeiro.
A tertulia serviu para recuperar o Casares máis humano, tolerante, liberal, humanista, excelente conversador, capaz de atender durante horas ós detalles da nai de Julio Losada, como lembraba o seu amigo. Foi un gran curioso, como todo escritor. E de neno, un gran preguntón, lembrou o seu irmán Xavier: moitas veces cría as historias máis fantásticas que lle contaban, de aí quizais veña a súa ponla máis imaxinativa que aboiaba en relatos como “Os escuros soños de Clío”. Foi tamén un hipocondríaco ilustrado, lembrou o seu irmán médico, e levaba o mundo do xornalismo moi metido nos seus ósos: Xavier tivo a xenerosidade de cederme unha copia da primeira colaboración de Casares nos xornais: trátase dunha entrevista a don Constantino Limia,un limiao que foi tenente na guerra de Cuba e que coñeceu a Churchill, Lerroux e Primo de Rivera. Publicouse en LA REGIÓN en 1961, cando o futuro escritor tiña dezanove anos.
Despois, nunha sesión posterior, sesenta ourensáns leron os seus textos xornalísticos, tan vivos, tan cheos de matices e de ironía, expresión do seu xeito de ser e da súa propia bonhomía. O acto rematou cun poema inédito de Modesto Fraga dedicado a Casares e coa lectura, con toda a emoción que tan ben sabe comunicar Tereixa Devesa, do fermoso artigo que lle dedicou Manuel Rivas trala súa morte.

Blogomillo (...) . A Fundación traballa ademais coa Universidade de Vigo na organización dun Simposio dedicado ó escritor ourensán que terá lugar en decembro nesta nosa cidade: será unha ocasión magnífica para promover traballos académicos e de investigación sobre a vida e a ampla obra literaria e xornalística do autor de “Un país de palabras”.
(Foto: Na homenaxe que lle fixo o Clube Alexandre Bóveda, en 1994, Carlos Casares con Benito Losada, J.A. Outeiriño, Afonso Monxardín e o asinante destas liñas).

11 mar 2007

A crispación política non é de agora. Un exemplo.
A un ministro acaban de chamarlle imbécil nunha emisora de radio. Do goberno en pleno dixo onte un señor nunha tertulia radiofónica que estaba composto por terroristas. Hai apenas unha semana, un comentarista de prensa acusaba a Felipe González e a José María Aznar de ser un par de carotas. De Matilde Fernández dise de todo, desde que é unha porteira ata que é unha cochina. A Corcuera recórdanlle como insulto o que simplemente é a súa profesión de electricista. E moito máis.
Na prensa e na radio, especialmente nalgúns periódicos de Madrid, estase perdendo o sentido común; a educación e as boas maneiras hai xa bastante tempo que se perderon. Ignoro se do que se trata é de captar lectores a calquera prezo, aínda vendendo a dignidade profesional para conseguir determinados resultados económicos, ou simplemente é un problema de mala crianza.
Tamén pode ser cuestión de talento. Desde logo, o insulto é máis fácil que o enxeño, a ironía ou o sarcasmo, e a simplificación custa bastante menos que a análise feita con rigor. Todo iso resulta comprensible. O que xa non parece tan doado de entender, en cambio, é que tanta miseria se pretenda vender envolta en fermoso papel de regalo. Case todos aspiran a que disimulemos a súa pobreza intelectual e moral e que os teñamos polos firmes defensores das nosas liberdades. A min que non me defendan.
(Carlos Casares, “Os defensores”, La Voz de Galicia, 10 xuño 1993)

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1958. NACE O GRUPO BRAIS PINTO.

Nacían os Brais Pinto en Madrid: estaban máis novos que nesta foto dos 90, iso si. Méndez Ferrín, Bautista Álvarez, Fernández Ferreiro, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña, Herminio Barreiro, Alexandre Cribeiro, etc.
Ferrín publicaba o seu Percival e outras historias. E Otero Pedrayo os poemas de Bocarribeira. E Fole Pauto do demo. E saía o primeiro tomo do Diccionario do Eladio.
E unha Antoloxía de poetas asturianos, con poesía en bable (en realidade en galego e en bable).

E Franco escoitaba firme o Himno Galego nun acto oficial. E celebrábase o primeiro centenario da morte de Aurelio Aguirre. E saía en Buenos Aires Eufonía.
E morrían Cuevillas, Luís Pimentel, Carlos Maside, Serafín Ferro, José Arriola, Avelino Rodríguez Elías e Sofía Casanova.
E nacían, entre outros, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Arturo Casas, Luis Rei Núñez, Gloria Sánchez, Lois Pereiro, Alfonso Armada, Delmi Álvarez, Miguelanxo Prado, Xulio Ríos, Xosé López, José Luís Gómez, Xavier Villaverde, Luz Casal, Miguel Pernas, Laura Ponte, etc. O artigo remata así: "E o cronista que asina estaserie tampouco lle quere mal a 1958: xa se imaxinan o porqué."
(O artigo completo)

Nova bitácora auriense.
E unha conferencia sobre a nosa historia.

Acaba de abrirse unha nova bitácora auriense especializada en temas de música, baixo o nome de Auriamusical. Segundo se informa na mesma, dará información abundante sobre concertos, discos, etc. e atenderá os actos do 50 aniversario do Conservatorio de Música de Ourense (na foto). Entre os anuncios deses actos figura este que vai embaixo:

"Aproveito a ocasión para lembrar que o vindeiro luns terá lugar a primeira das tres conferencias que, dentro do citado ciclo, están programadas. Estará protagonizada por Marcos Valcárcel, ben coñecido no mundo cultural auriense, e ten por título "Galicia, 1900-1936: unha cultura comprometida coa identidade" (conferencia con Power Point). Celebrarase o luns, 12 de marzo, ás 20:30 no Centro Sociocultural que a Fundación Caixa Galicia ten na rúa de Xoán XVIII".