ENTRE HORTAS E PORTAS. 11. A Porta do Ceo.
Ao Arume dos Piñeiros, autor do pé forzado.
Hai un corredor no adarve. Á altura da Mosqueira vai concluír a terceira volta e xa leva o cabelo grisallo ben húmido; tonificado polo esforzo, apenas advirte a imprescindible canseira. De súpeto un lóstrego, e onde había o “Hostal Rivera”, entresollado e cinco andares, xorde un “Bar Riveira” pequeniño. Todo en San Roque se volveu cativo agás o da garaxe dos Jatos, e albíscanse montes no lonxe.
Comeza a baixada por San Pedro, fóra a Rúa das Flores bole de vida e fondas, pode ler ao paso “Pensión Niza”. Onda Balbino Seoane comeza Montero Ríos e todo é tamén pequeniño quitando o edificio de Sarry, só enorme e vello esquelete desde a segunda planta. Pero a muralla vira á esquerda e no murete de dentro hai sentado un rapaz de trece ou catorce anos, matinando; achégase un vello barbudo, esfarrapado, ao que lle dan bocadillos pola praza da Estación, senta alí ao lado e cara a ninguén murmura cousa como “viñeron as dereitas e...”. Avisado está o rapaz de evitar certos contactos e perturba por 1967, ou 68, algún concepto moi pouco comprendido; ergue logo para irse e, zas, ingresa o seu corpo no do atleta. Pasan silveiros e muros de ladrillo esborranchado, pasa a rúa do Teatro -que diga, General Franco-, o pavillón da OJE, obradoiro de gaitas e eilo, inaccesible, ver e non andar, o xardín do palacio provincial asegurando que as imaxes de libro, de película, non son mentira nin pura ensoñación. Sobe cara á Porta Falsa, di a Amelia que non se adapta ben en Lugo por 1979, sobre todo ao ceo; “é opresivo, non?” inquire ou descobre un Tino Santiago que conversa, non entrevista, e alguén de vinte e cinco anos disente en silencio incomodado. Razoable que ao paso do corredor, zum, se esvaia nel.
Rexorde o “Café Regio” esquinando a Avenida da Coruña, suponse o bater de puños e fichas contra mármore. Traseiras da rúa de San Froilán, un xardinciño e gastadísimos
chanzos de xisto baixando á Rúa Nova. Dereito e ancho treito, libre de curutos, e tal faixa de ceo apouvigaría se a carreira admitise darlle tino ao grandor; por consabido, tampouco non se mira o paisano que sacha gran eido de patacas pé da Muralla, por dentro. Pasea o
Rodrigo Romaní de dezasete ou dezaoito, con Helena, e ambos quedan ollando ese cincuentón descoñecido que os saúda coa man a mediados dos setenta, facendo unha cousa tan pouco común, aos seus anos, coma correr polo adarve en calzón curto. Pero xa torce, segue cara á Porta de Santiago, tralo Burgo Vello as torres da Catedral, por riba sempre o firmamento. Quen sabe se cóengo en paseo, frade ou cabaleiro non distinguiría aquí cifra de eternidade, omnipotencia divina; podería Lugo albergar
un Fray Luís,
Pascal ou
Heitor Pinto se o Reino de Galicia mantivese a eminencia, se á lingua dos galegos non faltase o
Clasicismo.
Sobre o vello poxigo empeza a costa dos Maristas e o abafo. Desde a Porta Agirre aparenta que o Pedrosa alcalde e o primo farmacéutico van cara á Praza Maior; á altura do Seminario -que aínda é Seminario- entrevé quizá un
José de Cora con barba escura e Juan Soto de bigote. No cimo, os ollos entrecerrados permiten distinguir a Tuñas Bouzón entrando no Campo da Feira e a capa do concelleiro Ramón González. Vai chegando a Mosqueira, o folgo retorna. Un neno de oito anos que viña do Cantiño incorpórase no corredor e fum, aí se ve o “Hostal Rivera”, a Rúa das Flores é ruína, sobrancea pouco o de Sarry no Lugo do 2007.
Comeza a volta derradeira.
Foto: http://usuarios.lycos.es/geogalicia/clima_archivos/Muralla_Lugo.jpg