1 feb 2008

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
30. Loa.

(clicar para ampliar as fotos)

A Marcos Valcárcel, este libro dille:
Sen ti, eu non era.


Cando Lugo era cifra de existencia
e a Muralla sentinela do tesouro,
no tempo residía un algo mouro
que de pedra dixeron, e de ausencia.
Pero non sufocaba a transparencia
antiga e preservada polos nosos.
Tiña o mundo perfís marabillosos
no libro e día outorgador de estrea,
xurdía en ringuileira ou patulea
adversario de trazos ominosos.



No magma quedan imaxes
que non toparon asento.
Nomes, caras, melodías,
un gusto ou aquel obxecto
que outrora foi familiar.
Xantan catro ou cinco obreiros
da construción xunto á igrexa;
é verán, non hai trafego
de coches, veño da fonte
carretando o porrón cheo.
Eles comen nas tarteiras
o que da casa trouxeron,
levan zapatillas brancas,
é cabal marca do gremio.
Ese día pola tarde
hei de ir trocar tebeos
do Guerreiro do Antefaz,
Jabato ou Capitán Trueno;
un por outro, onda a Carmiña,
usados, é pouco céntimo.

Deu alta reviravolta
a corda do pensamento,
e por tras dunha cociña
bilbaína varios nenos
escribimos na “pizarra”
co “pizarrín” e dous dedos
letra e número que agora
cunha muller aprendemos.
Goberna a ama da casa
nas potas, e o parrafeo
de adultos vai alternando
coa lección para os pequenos
da Doña, aquela velliña
que quero lembrar de negro.
Para todo o edificio
ela puxo fundamento;
fican vagos os contornos,
mais non houbo esquecemento.

Retorna a roda das cousas,
confundindo espazo e tempo.
Sombra do Caganabrocha
vai polo Campo Castelo
(“Hai que pagar!”, seica se oe).
Antonio Llanos, pavero
acredor de moito croque
polas bromas no colexio.
O ritmo mecanográfico
na academia do Alvarellos,
as campás tocando a morto,
gusto de pan de centeo,
Semana Santa sen cine,
nevarada cada inverno...



GARRIDA LEMBRANZA DO NUNCA PERDIDO
REVIVE SILENCIOS DE ACOUGO E MARÉ.
ANDRÓMENA, SOÑO, MISTERIO E MORNE-
ZA DAN CONTRAPUNTO NUN GRIS DILUÍDO.
A GOLPE DE LOMBO E A FORZA DE FE
SACODEN A HISTORIA OS HOMES DO EIXIDO,
PAREMIA NA BOCA, NA PROLE O SENTIDO.
ORNAMENTA O CADRO RELEVO EN PIQUÉ.
LABORAN ARREO, CON POUCO ALBAROQUE
AS NAIS DE FAMILIA, NO DEBER ABSORTAS.
VELAN A PROXENIE CAL FORZA DE CHOQUE.
ISTO ERA CERTEZA QUE NAS HORAS MORTAS
DESCUBRÍA UN NENO MEDRANDO EN SAN ROQUE.
ALÍ QUEDA EL, ENTRE HORTAS E PORTAS.
GALEGOS MORTOS NOS CAMPOS DE CONCENTRACIÓN NAZIS
ULTIMA ACTUALIZACION DA LISTA: 4 de ABRIL del 2006
APELIDOS, nome, ano, mes e día da morte, campo, lugar de nacemento e data
(Enviado por Pedro Gómez Valadés)

Albedro Villaverde, José. 24-01-1943. Mauthausen. A Coruña,?
Alvite Miranda,Silvestre. 09-11-1941. Mauthausen. Olveira ,Ribeira,A Coruña?
Alonso Losada,Andres. 06-01-1942. Gusen,Comando 2. Peites-Ribas do Sil,Lugo,21-1-1908
Alvarez Bernardo,Abilio. 02-02-1942. Gusen,Comando 2.
Olelas,Entrimo,Ourense,24-6-1917
Araujo González, Antonio. 10-10-1941. Gusen,Comando 2. Ourense,15-10-1916
Arias López, Jesús. 06-01-1941. Gusen ,Comando 2. Sarría,Lugo,17-01-1910
Bailín Pérez, Liborio. 13-09-1944. Gusen ,Comando 2. As Nogais, Lugo,11-02-1916
(LISTA COMPLETA EN COMENTARIOS)
en poleiro alleo (ensino e nomes)

O nome tamén educa
Só dous de cada dez centros escolares de Galicia levan apelativo feminino. O STEG lanza unha campaña para animar a colexios e institutos a visibilizar o legado das mulleres esquecidas adoptando os seus nomes
Apenas dos de cada diez centros escolares de Galicia llevan apelativo femenino ·· El STEG lanza una campaña para animar a colegios e institutos a visibilizar el legado de mujeres olvidadas adoptando sus nombres.

A clave do éxito educativo finés é a formación do profesorado
Ademais dos coñecementos, Finlandia valora na selección de docentes a súa "cualificación social", explica Tapio Varis, asesor do seu Ministerio de Educación.












recital poético ("Palabra Viva") na mostra de Arturo Baltar (fotos Trebolle)
Proxección do documental Queda alguén aí? (TVE). Presentación revista Arraianos, n. VII.
Mesa redonda: O futuro do rural galego.
Participarán Rafael Cid, director do documental; Aser Álvarez, director da revista; Henrique Alvarellos, editor; Francisco Sineiro; Roberto Castro; Xosé Rodríguez Cid.
Brincadeira (deseño Monxardín)

31 ene 2008

Ferocidades, de Anxo Tarrío Varela (GH 31 xaneiro)

O artigo completo

Vasili Grossman adoita narrar cunha minuciosidade que por veces resulta exasperante se o lector non asume o ritmo lento que lle impón a escritura. É unha extensa e delongada novela que produce perplexidade pero que nos esmigalla pacientemente a vida civil e militar en torno aos acontecementos próximos ao asedio e defensa do sitio de Stalingrado, decisivo, como ben se sabe, xunto ao desembarco de Normandía por parte das tropas aliadas, para a derrota de Hitler na segunda guerra mundial. A miserábel vida nos campos de concentración, a persecución e exterminio de millóns de xudeos, que se viron acosados dobremente, por alemáns e rusos, as tremendas noticias dos millóns de mortos víctimas de Stalin durante os programas de colectivización, entre kulaks e todo aquel que, polo si ou polo non, caía na acusación de "burgués", a desacougante vida diaria de quen dependía da delación do veciño ou do amigo máis íntimo, o condicionamento do pensamento filosófico e científico aos dogmas do partido comunista, todo iso e moito máis se nos vai dando nunha prosa lenturosa, chea de digresións e de parsimonia, mesmo nas descricións físicas dos personaxes, ás que xa había moito tempo que renunciara a novela do século XX, todo exposto sen o máis mínimo xesto de revancha, malia ter sido o autor e a súa familia víctimas das barbaries que se narran.

(...) E tirando deste fío torguiano chego ao meu amigo João Pedro Mésseder, quen abre o seu libro Abrasivas (Deriva Editores, 2005), inesgotábel de sabedoría, con esta reflexión aforística: Apesar de pouco dotados, certos homens guardam um grão de lucidez, a que basta para intuírem a inteligência de outros. Sentem-na porém como um insulto à própia cegueira. Dedícam-se então a cultivar um ódio surdo. Por vezes tornam-se ferozes.


Convivencias

Co título non sei se pomposo, raro ou cursi, de Convivencias Saudables, o Parlamento de Galicia celebrou onte en Auria un acto conmemorativo dos seus primeiros 25 anos. No Teatro Principal.
Consistiu nun concerto de música galega ou de autores clásicos sobre poemas galegos a cargo de Cristina Pato (unha peza de gaita, o resto ó piano), a soprano Laura Alonso (na foto) e o violinista Leonardo Blanco, excepcionais todos.
Entre as pezas un video insería anacos de poemas sobre Ourense (Otero, Celso Emilio, Eugenio Montes, etc.) e tamén no seu discurso Dolores Villarino, pta. Do Parlamento, leu uns anacos de Otero (por certo, sacaron eses textos do meu libro-escolma “Ourense, craro río, verde val”, aínda que isto non se citou en ningures, nin sequera no programa de man).
O mellor para min foi descubrir a voz de Laura Alonso que nunca escoitara.
O peor, dúas cousas. Un bebé no colo da súa nai facéndolle os coros á soprano (tan difícil é entender que non se pode ir cun neno a estas cousas!!!); unha nova metedura de pata do noso alcalde (citou a José Ángel Valente na contorna da Xeración Nós) e un lene aceno propagandístico no de D. Villarino, citando como logro, p.ex., unha Cidade do Transporte que nin sequera existe.
Para os melómanos que nos seguen, velaí o programa:

1.Seis danzas galegas. Música: Octavio Vázquez. Marcha procesional dos Mato. Costureiriña bonita. Moderato. Imos indo-alalá. Vivace. Muiñeira de Ponte Sam-Paio.
2. As froliñas dos toxos. Música: Eduardto Toldrá. Letra: A. Noriega Varela.
3. Panxoliña. Música: Cristóbal Halffter. Letra: Vicente Risco.
4. Aureana do Sil. Música: Federico Mompou. Letra: Ramón Cabanillas.
5. Destero. Música: Rodolfo Halffter. Letra: Xosé María Álvarez Blázquez.
6. Canzón de cuna para Rosalía de Castro, morta. Música: Isidoro B. Maiztegui Pereiro. Letra: F. García Lorca.
7. Lúa descolorida. Música: Osvaldo Golijov. Letra: Rosalía de Castro.
8. Chanson Espagnole. Música: Maurice Ravel. Letra: Trad. Maison du Lied (Rosalía de Castro)
9. Soedades: Música: Marcial del Adalid. Letra: Rosalía de Castro.
10. ¡Un home, Santo Antonio!. Música: Joaquín Rodrigo. Letra: Rosalía de Castro.

As Seis danzas a cargo de C. Pato ó piano e o violinista L. Blanco. O resto, C. Pato ó piano e a soprano Laura Alonso. O acto rematou co Himno Galego cantado (completo!!) por un corista da Coral de Ruada (de xeito magnífico, por certo). Había tamén abondo barullo de cámaras gravando: supoño que o emitirán na TVG en calquera momento.

Á rapañota, de Bieito Iglesias (ECG 31 xaneiro)
A caricatura do Bieito é de SUSO SANMARTÍN e saiu en Tempos.

Antonte líase neste diario un título alegre: "Chega o antroido máis divertido". O cabezallo do artigo anunciaba concursos de filloas e rebulideiras carautas propias da sazón; pero o mesmo podería referirse á prebatalla electoral, a esa música mazadora e pegadiza que nos convida a un baile de máscaras. Cando se dá o braquinazo de saída dunha campaña, volvémonos coristas de Marisol, espectadores de cinema en sesión de tarde: "La vida es una tom, tom, tómbola de luz y de color". Nas tómbolas que pousan nos paseos da Alameda -alá polas festas da Ascensión e do Apóstolo- rara vez che toca algo que pague a pena, son atraccións de feira que meten moito ruído, abouxando os xardíns e as rúas inmediatas, para despacharte as máis das ocasións con ridículos premios tales como caxatos de caramelos ou bonecos vestidos de flamengo, con chapeu cordobés e coa cara de Felipe González. Na rifa electoral, por contra, pódeche tocar un Ministerio de Familia ou a pedrea dun fachuco de billetes devoltos por Facenda.
Haberá quen considere noxento este tipo de electoralismo, quen se sinta insultado ao ver que os líderes políticos queren comprar o voto con catro cadelas. Non lles falta razón aos que se incomodan coas ofertas, primeiro porque nos toman aos electores por xente parva ou venal, e segundo porque as promesas se incumpren ou son inxustas. Así por exemplo, darlle catrocentos euros a todos (ricos e pobres), como pretende Zapatero, atenta contra a xustiza distributiva: para os humildes é cativo aguinaldo, mentres para os opulentos privarse desa cantidade é como arrincar un pelo dun boi.
No entanto sospeito que a rapañota colleita sufraxios e que parte do pobo vende a papeleta por uns patacos. Non quero eu quedar de puro, teño un prezo como calquera, somente que os candidatos non mo poden pagar. Votaría por Rajoy a troco dunha millonada que me levase lonxe, onde nunca máis o vise dediante.

30 ene 2008


Promesa cumprida
Atendendo a suxerencia dalgún contertulio, Rivas quixo deixar unha
dedicatoria para esta casa que tan ben coñece. Velaí:
Ás Uvas da Solaina e a Marcos, que mantén a horta de Itaca, meu amigo. Manuel O' Rivas. Ourense 29-I-08.
Como esta, O´Rivas debeu asinar unhas 30 ou 40 novelas nesa noite. Estivo asinando, sen repouso, entre as 10,05 e as 11 h., que baixamos cear. Todas a pluma (manexa xa con máxima destreza esa técnica) e co mesmo agarimo, sempre con algún debuxiño, e falando de vagar cos mozos ou persoas que se lle achegaban. Así se traballa esa empatía que xa se comentou aquí.
(Por certo, amigo Xoán da Coba, agardamos o seu diagnóstico grafolóxico).
P.S.: houbo referencias a Itaca e a Ulises na súa conferencia, como poderán comprobar na versión gravada.





Unha conversa informal
Andoliña 30 xaneiro. Imaxe de Picasso, O vello bufón, 1963.

Un posible diálogo, onte mesmo, nunha cidade galega.
"Oíches, desta vez si que se pasou o Zapatero co dos 400 euros. Pero, onde imos chegar? Isto é un cachondeo. Mercadeo puro e duro, niso están a converter a política e as eleccións".
"Pois, si. Tes toda a razón. Diríase que nos toman por parvos. Ou por menores de idade: toma ese caramelo e cala, rapaciño. Ou por débiles mentais. Ben se ve que idea teñen de nós".
"É que ás veces danche gañas de mandalos a todos a ese sitio. E que logo só vaian votar os seus militantes e os que cobran do partido, que a eses si que lles interesa o conto, aínda que non lles dean os 400 euros. Que, ademais de votar, tamén temos dignidade, ou non o sabían? Alguén terá que dicírllelo a estes novos xenios da nosa política. Así que un voto vale agora 400 euros?".
"Éche ben certo. Pero, que queres que che diga? Porque mira para os outros, vaia miñas xoias tamén. Agora fichan a Moncho, o exalcalde de Sada, un bo peixe, e á filla do exalcalde de Ponteareas, despois das guerras que alí tiveron. O poder moito pode: derruba muros e resucita amizades. A min dáme noxo. Oes, ponnos aquí outro viño!".



Manuel Rivas

Concordo co dito máis abaixo por Etxe. Escoitei falar bastantes veces a Manuel Rivas, pero nunca como onte. O Liceo a rebosar: 246 persoas, contadas (dende enriba, por min). Público diverso, dende alumnos de Institutos a persoas moi maiores, diverso en ideoloxías e sensibilidades. Trala miña presentación, Rivas falou uns tres cuartos de hora (8,3o a 9,15) lendo e comentando dous relatos-memoria: un sobre a súa nai, outro sobre o seu pai. Co do seu pai xa se notaba un in crescendo de entusiasmo na sala. Pensamos que acababa pero Rivas emocionouse e tirou para diante (eu non teño présa, vostedes verán): xa sen papeis, só unhas notas con tres ou catro nomes soltos (Chao de Felisa, Reimundo Patiño, Rodríguez Pampín, etc.), o escritor abriu a caixa dos soños e da infancia e embalouse. Falou sen parar ata as 10,5 horas. Case ninguén se levantou. Xa non podía haber coloquio: tal era a tensión da sala, calquera intervención rebaixaría aquilo que, dixen eu ó remate, non era unha conferencia, senón outra cousa. Un xénero superior, habería que buscarlle nome: un anaco de vida transformado en literatura. Por sorte, os que non asistiron, poderán escoitala dende mañá na web do Liceo (http://www.liceodeourense.com/). Fotos Trebolle.




No apartado de COMENTARIOS, colgo a miña presentación, que é longa de máis para poñela aquí (e que creo que tamén lle gustou á xente, polo que me dixeron).

PAN POR PAN xoves 30 xaneiro. O´ Rivas. Había case 250 persoas na conferencia de Rivas no Liceo: eu estaba arriba e puiden contalas mentalmente. Creo que Rivas chegou coa idea de falar unha hora ou pouco máis: leu un relato sobre a súa nai, logo outro sobre o seu pai, ben fermoso. Despois, emocionouse e seguiu falando, como mínimo unha hora e media: “eu non teño présa, vostedes verán”. Case ninguén se levantou. Porque asistiamos a algo especial: moito máis que unha conferencia, unha boa dentellada da vida transformada en literatura na súa maxistral intervención. Ademais dun escritor de primeira liña, Rivas é un gran tipo: a isto chámanlle empatía e Rivas captouno. Percibiu a fascinación do seu público e non quixo parar. O mesmo público que esperou logo unha gran cola para que lles asinase un libro. Todos saímos gañando. Os que non estaban teñen sorte: poderán escoitar a súa intervención, colgada na web do Liceo.

29 ene 2008




Neste mundo cabrón...

(Afonso Monxardín, GH 29 xaneiro). Imaxe: cerámicas con paxaros, de PICASSO.
O artigo completo
(...) Outro de por Punxín faloume dos setenta e sete tipos de paxaros que coñecía. Viña canda el voando xunto ao transporte escolar, un seu amigo merlo ao que lle cortara por baixo da lingua e que se achegaba no patio cando asubiaba o rapaz. E disque algo falaba o becho pero eu nunca o oín. Outro rapaz da Serra do Suído falaba un galego rarísimo e contaba por centos (no catorcecentos noventa e dous, seica descubrira Colón América). Está a vella morrendo e está a vella aprendendo. E aí atrás comentoume meu irmán profe que tivera de alumno un neto dun filósofo popular. O rapaz transmitiulle a esencia do pensamento do ancián pautada cos silencios adecuados. E tal como se constrúe o avance da reflexión, do coñecemento e da ciencia, engadía sobre o sabido e asumido, a achega persoal. "Neste mundo cabrón cada un anda ao seu (pausa longa) menos eu (pausa aínda máis longa) que ando ao meu".

"As dúas gorras de Víctor Freixanes" (Xosé M. Sarille, ECG 29 xan.)

"Desaceleración e política económica" (Xaquín Fdez. Leiceaga, ECG 29 xan.)
axenda
Manuel Rivas: A corpo aberto
Salón Nobre do Liceo, martes 29 xaneiro, 20,15 h.
XVIII Encontros Literarios

Capa. Pan por Pan 29 xaneiro.

Escoito nun informativo que se descobren en México tres mil cincocentas fotos de Robert Capa, un dos máis grandes da fotografía mundial, que contou a nosa guerra civil dende a súa cámara. A realidade é así de caprichosa e arbitraria: especialistas que levan anos a estudar as fotos de Capa terán que reiniciar agora os seus estudos. Aínda andamos a esculcar cousas sobre a Gioconda (confírmase que era Lisa Gherardini, esposa de Francesco do Giocondo, mercador de Florencia) ou a estudar os aparellos científicos e tecnolóxicos que soñou e deseñou Leonardo: algúns ata poden chegar a funcionar. En cambio, a emoción dun poeta medieval ou dun artista renacentista segue tan viva como no momento en que naceu. Por exemplo, nestes versos de Pero Meogo: “Levou-s´a louçana, / levou-s´a velida;/ vai lavar cabelos/ na fontana fría,/ leda dos amores,/ dos amores leda”.

28 ene 2008


Quand'eu vejo las ondas
Para Xosé Manuel González

Quand'eu vejo las ondas
e las muyt'altas ribas,
logo mi veen ondas
al cor pola velyda:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Nunca vejo las ondas
nen as altas debrocas
que mi non venhan ondas
al cor pola fremosa:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Se eu vejo las ondas
e vejo las costeyras,
logo mi veen ondas
al cor pola ben feyta:
maldito seja'l mare,
que mi faz tanto male!

Cancioneiro da Biblioteca Nacional 903, Cancioneiro da Vaticana 488
Cantiga de amor (mariña) de Roi Fernandiz, clérigo de Compostela
(Na imaxe, A onda, de W. Bouguereau, s. XIX)



Precampaña (2). Eleccións 2008 e o discurso dos nosos políticos.

"O cambio debería ser máis acelerado" , entrevista a Francisco Rodríguez (El País 27 xaneiro)

Canto vale un voto? 400 euros?


engadidos...

Renovación popular á galega: Feijóo rescata dous homes da ala máis dereitista do PP (EL País 29.01)

Fidelidade IGUAL A Mediocridade, di Miguel A. Aguilar en PREMIO Á SUMISIÓN (EP 29 xn.)


DEBATES INOPORTUNOS POR IMPOSIBLES
La Región 28 xaneiro 2008 (Imaxe: Cervantes, por Siro)

En campaña. Estamos en campaña electoral e non é o momento oportuno para certos debates. Por exemplo, o dereito ó aborto (volven saír as pancartas á rúa de hai 30 anos) ou o tema do laicismo e as relacións entre relixión e Estado. “En España non hai un problema de persecución laica nin un problema de inxerencias relixiosas. A Constitución resólveo ben. Somos un Estado laico que recoñece, como é lóxico, o dereito á liberdade relixiosa”, dicía estes días o filósofo José A. Marina. Os ritmos da campaña electoral, engadía, son o peor momento para tratar estes temas, porque é a hora da esaxeración e do disparate, da simplificación, o esquema fácil e o titular sensacionalista.
Xa sabemos o que propón cadaquén ó respecto: sería de agradecer que non se caia na demagoxia máis burda. A Igrexa ten na realidade un trato de privilexio a nivel económico e fiscal en España e iso non casa coas protestas habituais dalgúns bispos, non todos (o de Ourense amosouse prudente nunha recente entrevista). Por parte do poder civil tamén debeu chegar xa a hora de preguntarse qué sentido teñen certas liturxias e cerimonias onde se invoca a autoridade eclesiástica cun ritual mesmo de servidume do poder civil cara o poder relixioso: por exemplo, tantas ofrendas e similares en que se lles pide ó Apóstolo que interveña para solucionar o terrorismo en España, a crise económica e cousas así. Son estes acenos propios do século XXI?
Humor e comicidade.Nunca busquei a sátira, senón o sorriso intelixente, que o lector aceptase o meu convite de ir máis alá da propia noticia e da propia caricatura, aproveitando que eu podía dicir en broma o que os meus compañeiros non podían dicir en serio, escribindo”: tal dixo o caricaturista e humorista gráfico Siro López o pasado xoves en Compostela, no transcurso da homenaxe que lle fixo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O xogo humorístico, engadiu Siro, teórico das esencias do humor, consiste en dirixirse á intelixencia e ó sentimento: “cando presentas un antiheroe, un tolo como O Quixote ou un xenio como Charlot, o que buscas é un sentimento de solidariedade ante uns personaxes de gran nobreza e integridade moral, ante os que podes sorrir, pero non rir, se tes corazón”. Creo que Siro aprendeu esta lección nos debuxos de Castelao, que tan ben coñece, mestre tamén en entender o humor como empatía e solidariedade cos máis humildes e desposuídos.
Humberto da Cruz. Pasou esta nova bastante desapercibida: a morte de Humberto da Cruz, profesor de Socioloxía na Complutense e fundador da asociación Amigos da Terra. Fora tamén director xeral do Icona, membro da delegación española na Cumbre de Río en 1992, polo movemento ecoloxista, e un dos primeiros historiadores do ecoloxismo español. A súa bibliografía sobre temas medioambientais é moi extensa e, cando o ecoloxismo non era aínda un tema relevante nos medios, primeiros anos 70 por exemplo, a súa sinatura era habitual nas revistas sobre natureza e ecoloxía de España. Nos últimos anos estivo a traballar en temas de etnoecoloxía, no amazonas colombiano.

27 ene 2008







cen anos de historia cultural:
1992: Voces femininas na lírica
(Na narrativa)
Vento de seda é a primeira novela de Bieito Iglesias, a cabalo entre as memorias da infancia e o retrato xeracional. Salvador García-Bodaño estreábase na narrativa cos relatos de Os misterios de Monsieur D’allier e Xosé C. Caneiro gañaba o premio Xerais con O infortunio da soidade. De Luísa Villalta é a novela de acenos musicais Siléncio, ensaiamos e de Ramón Caride, Soños eléctricos, premio Blanco Amor 92, en clave dunha sociedade robotizada de ciencia-ficción. No xénero do relato aínda hai que engadir títulos como Tres historias para ler a noite, no rexistro da narrativa de medo, de Paco Martín; Contos das Américas e Contos do Impaís, de Xavier Alcalá; Contos de xustiza (varios autores); os Contos do Castromil (varios); Algúns outros, de Manuel Lou­renzo González, premio Torrente Ballester; A memoria perdida, de Lino Braxe; Caladamente, de Riveiro Loureiro; O soño dirixido, de Vítor Vaqueiro; O Eco de Ramallón, relatos humorísticos de Afonso Álvarez Cáccamo; e Amálgama de desquiciados, de Xosé Luís Martínez Pereiro. O ano narrativo completábase con Loaira, novela compostelá de Rey Ballesteros; a novela Margarida D’Ouridac, de Antón Risco; O cazador, de Xerardo Méndez; Amor de tango, de María Xosé Queizán; O cego de Pumaredón, novela de Fernández del Riego; Cándido Branco e Cabaleiro Negro, de Darío Xoán Cabana; Xerusalén, Xerusalén!, de X. Bernárdez Vilar; O cazador, de Xerardo Méndez; O segredo do novicio, de Andrés García Vilariño; A vida pechada, de Lois Xosé Pereira; os contos A groria é un afiador, de Sindo Seixido, e Nidia, obra recuperada de A. Alonso Ríos.
(Imaxes: Bieito Iglesias, en foto de Tino Martínez; Lois Pereiro, nun debuxo de Reimundo Patiño, e Salvador García-Bodaño).


en poleiro alleo

* Gabriel García Márquez escribe sobre Shakira (que interpreta a música da versión cinematográfica de El amor en los tiempos del cólera). Seica son amigos e se admiran mutuamente (en Youtube: García Márquez bailando, ou intentándoo...)

* Aparecen en Chile caricaturas ata agora descoñecidas de Castelao (informa GH)

* E a miña noraboa a Xesús Manuel Suárez, compañeiro de traballo e novo presidente, dende onte, do Partido Galeguista (agardemos que a histórica sigla recupere un itinerario coherente).