
A mirada retida (nova sección)
O domingo pasado, 11 maio, iniciei unha nova sección en La Región co título A MIRADA RETIDA. Deixo aquí a primeira entrega.
OS MIXTOS.
Chamábanlles os mixtos. Aqueles autobuses que levaban na súa parte superior pasaxeiros, sacos de patacas e ás veces ata animais. Xogándose o equilibrio e o tipo, mesmo o home de gravata que vai en primeiro plano. Cando chegaban xunto unha ponte un pouco baixa, había que baixar todos e todas as maletas para poder pasar. E outras veces había que empuxar cando a estrada facía costa. Este autobús tan estartelado, da empresa Los Americanos, para nunha praza de Allariz: a súa vocación vai ben inscrita no seu frontal: “Ferias y Mercados”. Son imaxes que hoxe nos remiten a outros imaxinarios colectivos habituais nos xornais e na TV: aquelas do Terceiro e do Cuarto Mundo, mesmo dos refuxiados que foxen do horror das guerras. Pero son tamén a nosa memoria máis inmediata: hai 50 anos, só un par de xeracións vitais, eran habituais na nosa paisaxe. E hoxe que se nos enche a boca a falar de novas tecnoloxías e I+D e todas esas cousas, quizais sexa oportuno mirar, e tamén pensar, as fotos que gardan os avós no faiado. Ese é precisamente o obxectivo desta nova sección.























