6 jun 2008


axenda: Olga Gallego
(foto Trebolle)
Hoxe, venres 6, 13 h., no Liceo, preséntase o volume "Mulleres de Ourense", de dona Olga Gallego. Estará na presentación Carme Adán.
en poleiro alleo

¡Non me toque os pronomes!, un artigo de Helena Villar en ECG (6.6.08). Curiosamente os dous primeiros comentarios do artigo na web do xornal son críticos co mesmo: un castelanista e outro lusista!

O tema estrela do día nos artigos de Opinión é Barak Obama: del escriben, en ECG, Carlos Luís Rodríguez e, en GH, Fernán Vello e Rivas Troitiño.

E Méndez Ferrín ("O arcebispo desexado") lembra no Faro a figura do bispo galeguista Lago González: ademais hai unha entrevista co "Ferro" en El País, de Daniel Salgado.

Alumnos e alumnas
Andoliña venres 6 xuño (Imaxe: J. Opie)

No estudo que xa citei onte neste recuncho fálase tamén das aptitudes dos rapaces e rapazas no seu rendemento escolar: as mozas, cando menos en Primaria e ESO, obteñen mellores puntuación que os nenos, agás nas materias de Matemáticas e Física. Tamén melloran as rapazas, en varios cursos, en Lingua Castelá, por diante dos seus compañeiros (creo que o estudo non ten datos de Lingua Galega).
Esta é unha realidade que non será estraña a moitos profesores: por suposto, hai alumnos mozos de magnífico currículum, pero tamén moitos cursos onde son elas a que levan a dianteira. Véxanse os premios de Bacharelato dos últimos anos. Ou a xa decisiva feminización de moitas carreiras, incluídas as que esixen mellores notas para ingresar. Esoutro día dei unha charla nun colexio ourensán e o seu director confirmaba esta tese: "O mundo futuro é delas. Non hai volta".
Que pasa cos mozos? Menos motivación, outras distraccións, menos capacidade de concentración nos estudos, etc. Se a iso sumamos o esterotipo dos adolescentes masculinos nas películas americanas e nas series de TV, imos apañados: parvalláns, infantís, obsesos co sexo, a comer hamburguesas. Algo terán que facer para espabilar, digo eu...

5 jun 2008


Porca miseria (Bieito Iglesias, ECG. 5.6.08)
Imaxe: dous carteis de "Sete ocasións", a película de Keaton á que se refire o Bieito ó remate. Supoño que, coma min, viuna no Cineclube Padre Feijóo aló polo 1974, e canto rimos daquela...

Éche ben certa a sentenza que di: nunca sirvas a quen serviu. Vénme ao acordo ese consello en vista da política de inmigración do goberno italiano, a máis restritiva -calcando perigosamente na estrema da xenofobia- da Unión Europea. Porque os transalpinos viviron un éxodo só comparable neste continente ao experimentado por Irlanda ou Galiza. Para medir tal arroiada de emigrantes abonda con anotar nomes de futbolistas (Di Stefano) e baloncestistas (Ginóbili) arxentinos, de guiadores de bólidos brasileiros (Fitipaldi) ou de personaxes do cinema americano de malandros (Corleone).
Os italianos marcharon ás cheas cara ós países do Prata, a Pequena Italia novaiorquina ou a Europa dos anos sesenta; no entanto esqueceron semellantes diásporas a xulgar polas leis do gabinete Berlusconi que tipifican como delito a inmigración sen papeis. Pais e avós dos votantes do Cavaliere viaxaron como turistas a Suíza ou USA, para conseguir despois un chope e gañar a vida neses lugares de destino. Estes ex delincuentes prosperaron e agora necesitan man de obra forasteira para os labores que eles desdeñan por seren duros ou mal pagados. Desexarían, iso si, exemplares de inmigrante sans, ben mandados e traballadores, polo que contemplan con desgusto a paisanaxe que entra polos furados dos aeroportos sen que ninguén lles examine o dente, como facían antano os tratantes co gando ou os escravos. Quererían resucitar algo parecido ao Instituto Español de Emigración, que seleccionaba o persoal antes de embarcalo en vetustos comboios. Nun destes trens viaxou miña nai no 62, e o mentor que recibía en Madrid aquelas mozas destinadas aos hoteis dos Alpes deulles un enderezo para xantar e instrucións para o transbordo. Logo montou no coche, e as mulleres, véndose perdidas na megápole, correron aos catro pés atrás do automóbil atrancando as rúas. Como Buster Keaton en filme cómico escapaba dun exército de noivas vestidas de branco, o guía víase perseguido por desterradas que en Madrid xa eran estranxeiras.
O ENSINO E A DEMOCRACIA
Andoliña xoves 5 xuño

Publicáronse nestes días os resultados dun estudo da Universidade compostelá sobre competencias de estudantes de Primaria e ESO. Varios xornais destacaron en titulares unha realidade que xa era coñecida: a cultura dos pais e o seu estatus económico e educativo son determinantes no rendemento escolar dos alumnos. E isto é así, dicía Luís Sobrado, director do estudo, tanto nos centros públicos como privados, aínda que haxa que supoñer unha mellor posición económica nas familias dos alumnos que acceden ó ensino privado. Outro dato a subliñar dese traballo é a constancia dos mellores resultados das nenas en Lingua, mentres os nenos destacan en Física e Matemáticas.
Unha escola igualitaria é unha das máis grandes conquistas do mundo moderno. E convén lembralo cando dentro duns días milleiros de alumnos se enfronten ás probas de selectividade. O ensino público non só é unha peza fundamental da democracia, en canto axente valioso para a construción de cidadáns libres, senón que tamén axuda a construír a igualdade de oportunidades necesaria nun réxime de liberdades: porque, que temos as persoas, á marxe da educación, como apoio para un futuro mellor sen privilexios nin favoritismos?

4 jun 2008

Para os que aínda non o coñezan
Este é Pepe Trebolle, fornecedor de tantas fotos desta casa
A imaxe foi tomada na Feira do Libro de Ourense, cando lle asinaba o seu libro sobre N. York a escritora Inma López Silva (ó fondo, X.M.del Caño, Alonso Montero e Peña Rey).
Caen chuzos sobre o bipartito...

Dunha banda, as críticas sindicais ós "chiringuitos" e o desentendemento BNG-PSDG-psoe no tema da suposta axente electoral en América.
Doutra, unha opinión pública, ou publicada, ben contundente nestes días. Dous exemplos, o artigo de Salvador García-Bodaño en ECG ("Evidencias da mala xestión"), o domingo pasado, e o de hoxe de Ánxel Vence no Faro ("Fraguismo sin Fraga"): este último molestará especialmente á militancia socialista e nacionalista ó identificar o labor do bipartito en certos campos (Cidade da Cultura, chiringuitos, viaxes a America) co sempre rexeitado Fraga, algo que resultará noxento para os que fixeron do antifraguismo a cerna da súa loita política.
A caída dos mitos (Paul Preston)

Paul Preston sinala a pervivencia dun "franquismo sociolóxico" que se atopa detrás das resistencias ás políticas da recuperación da memoria
M. DOPICO . SANTIAGO (GH. 4.6.08)
Franco foi peor que Mussolini en termos de represión e crueldade".
Diarios galegos, de Rosa Aneiros (GH. 4 xuño)
Douscentos anos de prensa no noso país

"Este público esperaba con impaciencia o diario...", así nace o Diario de La Coruña o 22 de xuño de 1808. Unhas semanas antes aparecía o Diario de Santiago, o 1 de xuño de 1808, para dar noticia da rebelión que en Galicia se xestaba contra os franceses. A prensa diaria cumpre, pois, dous séculos en Galicia. A primeira aventura xornalística viñera da man de Francisco María del Valle-Inclán co seu El Catón Compostelano, caracterizado por longas disertacións dirixidas a un público afeito á palabra. Os diarios de 1808 xorden urxidos polas circunstancias históricas e cunha vontade comunicativa ben diferente. Eles tratan de informar sobre a verdadeira situación do exército napoleónico en España, dar conta dos avances do pobo erguido en armas contra o invasor e clamar contra os afrancesados. Coa prensa diaria chega a vontade de cambiar o transcurso da Historia, de provocar acontecementos, non simplemente de narralos. A guerra contra os franceses na Europa de 1808 non foi simplemente unha guerra de navallas, vacas e fusís. Foi unha guerra de palabras, unha guerra en que as informacións e contrainformacións mudaron os feitos. Nacía así en Galicia o que se chamaría o cuarto poder e, da man da Revolución Francesa e da Ilustración, o poder da cidadanía, do pobo, da constitución. Hoxe, dous séculos despois do seu nacemento, con grandes avances e duros momentos nas súas costas, a prensa galega debera facer un exercicio de reflexión profunda. Porque no morno acubillo, tanto do poder político como da oposición, non sempre reside a verdade. Porque ás veces, o exceso de loas e de intereses particulares fai esquecer as críticas e a obxectividade necesaria.
As dúas escolmas
Andoliña mércores 4 xuño

Tras o desastre da guerra, os galeguistas do exilio interior fixeron análise da situación. A traxedia afundiu o labor de Nós, de Ánxel Casal e do Seminario de Estudos Galegos, as súas plataformas culturais de preguerra. Non quedaba nada: non se publicaba en galego nos xornais, só algún poemiña medieval nalgunha revista. O máis difícil debeu ser manter a esperanza, non deixar de crer na Terra. Dende 1947 cada novo aceno é un acto de fe patriótica: os versos de Iglesia Alvariño, as revistas de posguerra, a Editorial Galaxia, etc.
Deberon pensar, naquel momento, na necesidade de chantar ben as raíces, de gardar a memoria do noso patrimonio cultural. Por iso erguen o seu esforzo para inventariaren a riqueza literaria do país, para crearen libros que permanezan no tempo. Esa foi a intención da Escolma de Poesía Galega que lanza a editorial Galaxia no 1953. Xosé Mª Álvarez Blázquez prepara os tomos I e II, a poesía dos trobadores e os versos galegos dos séculos XIV a XIX: "unha fervenza de beleza", di con xeito Darío Xohán Cabana. E con acerto tamén, Galaxia e o Consello da Cultura Galega publican agora unha reedición facsímile desas dúas xoias: dous tomos de entusiasta e intelixente amor ó noso país.l

3 jun 2008

en poleiro alleo

A batalla do Ebro e a autovía a Vigo, de Afonso Monxardín (GH. 3 xuño)

A guerra culinaria, de X.M. Sarille (ECG. 3 xuño)

Para aliviar certas tensións (Vía Arume)


As mulleres adoitan dicir en voz baixa que o tamaño non importa, pero estes días chegou ás librerías «The Big Penis Book» (Taschen).

Erguerá polémicas tamén este post?

ÁNXEL CASAL. Andoliña martes 3 xuño

Editado polo Consello da Cultura Galega e o Seminario de Estudos Galegos e coordenado por Afonso Mato, chéganos un coidado e fermoso volume dedicado a “Ánxel Casal, un editor para un país”. O mártir galeguista, home das Irmandades, de Nós e do SEG, “editor nacional” en palabras de Ramón Villares, foi un pioneiro no que hoxe chamamos industria cultural. Esta publicación fai de catálogo do labor das editoriais Lar e Nós, entre 1924 e 1936, e reproduce as portadas e fichas bibliográficas de toda aquela xeira: unha marabilla. E non só iso: tamén recolle os folletos de propaganda política que na mesma casa se fixeron para o POUM, Frente Popular, UHP ou Juventud Antifascista.
Catálogo excepcional, vai acompañado de tres monografías críticas de Ernesto Vázquez Souza, especialista na vida e obra de Casal; de Mercedes Bangueses, sobre o papel da ilustración na editorial, e de Lourdes Pérez, sobre os folletos e panfletos xa citados.
Casal creou unha nova iconografía da nosa identidade. Fixo verdade, como di Vázquez Souza, a proclamada “Soberanía estética de Galicia” de Risco. Este libro vén, con toda xustiza, a recoñecelo.

2 jun 2008

Beiras Torrado
“Continuamos a estar sometidos ao colonialismo lingüístico”

A entrevista de M. Vidal Villaverde en Galicia Hoxe.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
2003. Avilés. Anxos Sumai. Marica Campo.

O Xesteira e os números, de Afonso Vázquez-Monxardín

Rescato este artigo de Monxardín, publicado hai días en La Región, que saiu asinado con outro nome e quizais pasou desapercibido (eu mesmo non o lera, porque a asinatura que levaba non presaxiaba nada bo...) :-

PALABRAS PARA CAMBIAR O MUNDO, de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ.
Pregón da Feira do Libro. Ourense, 31 maio 2008. (Ilustración de Pablo Auladell, debuxante do libro O único que queda é o amor, de AFP).

1. Autoridades, organizadores desta XXIV Feira do Libro de Ourense, amigas e amigos que vos achegastes hoxe á Rúa do Paseo para nos acompañar neste acto de inauguración da Feira.
Unha Feira que veño hoxe presentar coas miñas palabras, cun aquel de desacougo ante a responsabilidade que supón. Quen son eu para falar hoxe aquí, cando tantas persoas máis ligadas a Ourense poderían facelo ben mellor? Aínda que me gusta estar ao tanto do que ocorre na cidade, sobre todo a través das miñas frecuentes visitas a As uvas na solaina, o blog imprescindible de Marcos Valcárcel, o único mérito claro que podo achegar é que, como a inmensa maioría dos escritores galegos, hai unha parte poderosa do meu ADN literario que me liga directamente a Ourense.
Todas as persoas que escribimos en galego debémoslle moito “á cidade con máis densidade literaria e cultural da Galicia contemporánea”, por dicilo con palabras do meu paisano Ramón Villares. Os nomes queridos acoden a min en fervenza poderosa e inacabable, de
Curros Enríquez a Álvarez de Nóvoa, de Vicente Risco a Otero Pedrayo, de Blanco Amor a Carlos Casares, de Pura e Dora Vázquez a Antón Tovar, de Bieito Iglesias a Xosé Carlos Caneiro, de Riveiro Coello a Diego Ameixeiras, de José Ángel Valente a Méndez Ferrín...
O listado podería ser exhaustivo, as obras de todos estes autores deixaron pegadas inesquecibles na miña vida de lector. Sírvame de paradigma a Auria que Blanco Amor recolle en Xente ao lonxe, un libro que lin con devoción e abraio nos meus anos mozos, un libro ao que volvo moitas veces, pois é unha desas poucas novelas que permanecen gravadas para sempre na cabeza e no corazón.
Por riba, debo repetir aquí o que confesei noutros lugares: a miña débeda coa xente do grupo Nós, do que, dalgún xeito, me considero herdeiro. Non da súa potencia literaria, xaora, pois son ben consciente das miñas limitacións, mais si do seu empeño por soñar a cultura galega como célula de universalidade, a súa vontade de ser unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas, a súa conciencia de que só se pode ser universal desde as propias raíces. “A Coruña fita as brétemas de Irlanda / Vigo os rañaceos de Nova York”, escribiu Risco para indicar que tamén Galicia podía ser o centro do mundo. Os homes de Nós abriron un camiño que prefiguraba o tempo actual, estes anos nos que Internet e a globalización nos abren a posibilidade de facer real o seu soño.

2. Hoxe estou aquí como escritor, un oficio que, en palabras de Paul Auster, “é un estraño xeito de pasar a vida: pechado nun cuarto coa pluma na man, hora tras hora, día tras día, ano tras ano, esforzándose por encher unhas follas de palabras co obxecto de dar vida ao que non existe, agás na propia imaxinación. Esta necesidade de facer, de crear, de inventar, é sen dúbida un impulso humano fundamental”.
Eu sei que se escribo é porque son lector. Porque a lectura e a escritura son como dúas caras dunha moeda, e que todos os que temos o vicio de ler acabamos sentindo algún día a necesidade de escribir. E, se falo como lector, debo lembrar aquí a meu pai, que tan vivo segue dentro de min. Pois foi el, cos escasos libros que tiña na casa e nas poucas horas libres que lle deixaba o traballo, quen nos transmitiu a meus irmáns e a min o desexo de ler.
Neses mesmos anos en que eu me facía lector, en Mondoñedo, a pouco máis de trinta quilómetros da miña casa de Vilalba, Álvaro Cunqueiro escribía as súas primeiras novelas. E escribía tamén un breve ensaio, "Imaxinación e creación", ao que pertencen estas palabras: “o propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. Contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas olladas. E se hai algo que estea claro nesa dieta, é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños”. Beber soños como quen bebe auga. ¿Pódese facer unha definición mellor da necesidade, básica coma a auga, da lectura?
Todas as persoas necesitamos de historias, de soños, de palabras. Para entender o mundo e para entendernos a nós mesmos. Para soñar outras vidas, para loar todo o que a vida nos dá, para vencer o espanto da morte. É curioso: as vellas palabras de Cunqueiro volvémolas atopar hai pouco en boca do estadounidense Paul Auster ao recibir, hai agora dous anos, o premio Príncipe de Asturias: “Necesitamos historias case tanto coma o comer, e sexa cal sexa a forma en que se presenten –na páxina impresa ou na pantalla da televisión- resultaría imposible imaxinar a vida sen elas”.
Coma o comer, como beber auga, xaora que si. As persoas non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e dos soños. E, aínda que unha boa parte desa sede, desa fame, a saciamos a través das múltiples pantallas coas que convivimos, non podemos esquecer que a orixe de todas as historias está nos libros. Pois os libros conteñen os soños, as paixóns, os medos, as risas: neles están a imaxinación, os sentimentos e experiencias das persoas, das que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. José Ángel Valente escribiu, nun poema memorable, "el que da una palabra, da un don". Pois iso son os libros, ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender mellor o oficio de vivir.

PALABRAS PARA CAMBIAR O MUNDO (SEGUNDA PARTE)

3. A lectura non só nos axuda a medrar como persoas, senón que tamén é imprescindible para construírmos unha sociedade mellor, máis xusta, con cidadáns críticos e responsables. Mais a lectura é unha conquista que require tempo e enerxía. Por iso se precisan políticas activas de promoción do libro. De pouco valen as boas palabras como as que eu podo pronunciar hoxe aquí. Precísase dunha rede de bibliotecas atractivas, precísase que os poderes públicos aposten pola lectura, precisase recoñecer e apoiar o papel que os mediadores fan nos distintos ámbitos, desde as librerías, desde as bibliotecas, desde as aulas, desde as casas.
Hai coincidencia xeral en afirmar que vivimos tempos difíciles para o libro e a lectura. Sobran razóns para dicilo, mais eu prefiro salientar os moitos síntomas que nos invitan á esperanza. A infancia e a mocidade nunca tanto leron coma hoxe; Internet está a ser un inesperado aliado na extensión da lectura; desde os poderes públicos comeza a haber algo máis que medidas propagandísticas. E, malia todos os agoiros, o mundo do libro segue con forzas anovadas, non hai máis que velo hoxe aquí.
Manuel Bragado explicaba nun dos seus artigos por qué ler é unha urxente necesidade pública e privada. Unha persoa que non le limita as súas posibilidades de apropiarse das claves da linguaxe, indispensables para a construción do coñecemento e para a comprensión do mundo. Unha sociedade onde a lectura non estea estendida está limitando a súa liberdade e a súa vitalidade democrática, dicía o meu editor e amigo.
Por iso a promoción da lectura ten que formar parte das prioridades estratéxicas de calquera goberno democrático. Por iso é importante que as administracións apoien dun xeito decidido leis e medidas que favorezan a biodiversidade cultural, tanto a través do libro tradicional como a través da Rede. Por iso é urxente e necesaria esta revolución silenciosa na que tantas persoas andamos embarcadas. A revolución da lectura, coas librarías abrindo camiño, pois elas son canle imprescindible para que se produza o encontro entre os lectores e os libros. Unha canle necesaria para conseguirmos unha sociedade máis democrática, máis xusta, máis feliz.

4. Podería determe aquí, mais o certo é que non podo esquecer a miña condición de escritor galego e as dificultades coas que nos enfrontamos os que usamos como ferramenta esta lingua de noso. Non as atopamos ao crear, pois a creación é o reino da liberdade, mais si cando a nosa escrita se converte en libro. Aí é onde comezan as dificultades para podermos chegar aos nosos destinatarios primeiros, os lectores e lectoras deste país.
Precísase que haxa medidas de acción positiva a prol do libro galego, tantas veces marxinado e desprazado, oculto socialmente coma se fose un parente pobre que non queremos ensinar. É certo que nos últimos anos hai avances significativos que alegra recoñecer, mais non o é menos que se precisa un esforzo continuado e persistente, pois cómpre superar as moitas décadas de abandono que sufrimos.
Gustaríame que se me entendese ben: non quero privilexios, só pido podermos competir en pé de igualdade cos outros libros. Pido que buscar un título galego en segundo qué lugares non se converta nunha aventura digna de Indiana Jones, pido abandonar o recuncho onde están amoreados “los de gallego”. Pido que os lectores tamén poidan ver as capas dos meus libros nas mesas de novidades e nos escaparates e decidir por si mesmos se queren mercalos ou non. Busco saír do gueto onde ás veces se nos encerra, porque a cultura galega, desde a Xeración Nós, se algunha vocación ten é a de ser universal, pois só se pode ser universal desde a asunción plena das propias raíces.

Finalizo xa: Nesta Rúa do Paseo está hoxe a humanidade enteira. Os soños, as ilusións, as teimas, as fantasías, as descubertas, as paixóns... A fervenza inesgotable que é a vida atópase nestes libros que nos rodean, agardando a que os collamos e a que, deste xeito, todas as voces que albergan nas súas páxinas volvan soar tan cheas de vida como cando outra persoa as escribiu. Están a esperar por nós, porque só nós podemos facer posible que, coma nun xogo infinito, ese milagre íntimo e cotiá que é a lectura se produza unha vez máis. Para, como dicía o meu admirado José Ángel Valente, axudar a cambiar o mundo por medio das palabras.

A MIRADA RETIDA (4). Novas tecnoloxías.
La Región 1 xuño 2008
Encántame esta foto, cedida por Javier Martínez Randulfe. Miren os pupitres dos cativos, ben cativiños dende logo, pequeniños pero modernos. Moderna tamén, de formica, a mesa do profesor. Tras dela don Ramón Otero Pedrayo, nunha pose habitual nel, agarda para pronunciar unha conferencia. Preséntao don Xoaquín Lourenzo e, do outro lado, don Ángel Martínez Doval, director do colexio. De pé, María Teresa Cortón e, supoño, a moi noviña profesora deses pícaros. Corre o ano 1969 e estamos no Colexio Concepción Arenal: quizais don Ramón vai falar das floriñas do ermo de Noriega Varela, que foi o seu amigo e a quen se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. Polo camiño evocou tamén, ben seguro, os peregrinos medievais a Compostela, os trobadores de amor como Macías o Namorado, a música das campás da Catedral, a melancolía dos outonos nas bocarribeiras: don Ramón, infinito. Preside a escena, como nun altar, un televisor, nos tempos que xa eran populares nas casas de Auria: na xerga de hoxe, don Ramón convivindo coas novas tecnoloxías.
Aclaración
Por problemas de conexión, estiven dende o sábado pola tarde desconectado. Quédanme, pois, moitos comentarios por ler hoxe (uns 200) e textos por pegar de onte, tamén o discurso de Agustín Fernández Paz, que tivo a xentileza de mandarmo. Xa solucionados os problemas, iremos incorporando todo de vagar...