A MIRADA RETIDA
O HOSPITAL MODELO.
No seu libro “Locura, medicina y sociedad: Ourense, 1875-1975” (Xunta, 2005) David Simón achega datos moi valiosos sobre a historia da sanidade na sociedade ourensá. Por exemplo, do antigo Hospital de San Roque, que estivo na Alameda (no mesmo lugar onde hoxe asenta Correos), ou do das Mercedes, cando a medicina non tiña cura para moitos males: xa saben o que facían cos tolos daquela. Pero a modernidade chegou tamén neste campo, en tempos da Ditadura de Primo de Rivera: velaí o chamado Hospital Modelo, construído a finais dos anos 20 segundo proxecto de Joaquín Rogi. Constaba de dez pavillóns modernos de cantería, en medio dun gran parque (a zona estivo despoboada ata finais dos 60). A Vicente Risco non lle debeu gustar, pois di que a obra segue o “mal gusto acostumbrado en las construcciones modernas”. Na súa contorna celebráronse banquetes de homenaxe a varios escritores galegos. Co tempo pasou de espazo para curar con medicamentos a albergar as esperanzas dos mozos do Campus universitario.

















