26 sept 2007



Dos tebeos
Pan por Pan xoves 27 set.
Reviso un estudo sobre os tebeos españois da posguerra e encóntrome con personaxes entrañables da miña infancia e adolescencia. Os vellos tebeos dinos moito sobre a microhistoria social (a que non sae nos ensaios históricos). Basta achegarse a Carpanta para imaxinar aqueles tempos de fame e miseria, aquí parodiados con humor e simpatía. Ou lembrar o vandalismo moderado de Zipi e Zape contra unha escola que era aínda máis represiva do que ensinaban estes comics. O mundo rural aparecía asociado á inxenuidade, a ignorancia e a estulticia e del proviñan tipos Petra, “criada para todo” e Agamenón, que sempre facía todo ó revés. E personaxes tan ruíns como Dona Urraca ou xeniais como as irmás Gilda en busca do seu noivo ideal (para iso eran educadas as mulleres no franquismo). Non temos hoxe tebeos que nos retraten nas nosas miserias. Que sen dúbida subsisten.

en poleiro alleo.
A beleza da Terra
(Imaxe de Úrculo, Ruedo Ibérico)

Incide hoxe Miguel Anxo Fernán Vello, en A beleza da Terra, nun tema que xa temos tocado aquí, creo: a maior atención ó coidado do medio ambiente e o patrimonio natural nas terras veciñas de Asturias e Cantabria fronte os desastres que se poden ver Galicia adiante.

Tamén pode ser interesante lembrar que se cumpren Veinte años del gobierno Laxe, como destaca José Luís Gómez en El País. Aínda que hai diferenzas evidentes co goberno bipartito actual, aquela foi a primeira experiencia da esquerda (en alianza co centrodereita de CG e PNG) na transición no noso país.

Por outra parte, non deixen de visitar a gorentosa galería de tapas do amigo Arume dos Piñeiros, todo un convite para achegarse polas terras luguesas nos días do San Froilán.
LIBRO DE VISITAS.
PEZAS EN FUGA, de A. Bahamonde
(la opinion. coruña. 20-7-07)

As uvas na solaina

Se hai un blog en Galicia que é imprescindible visitar ese é As uvas na solaina. Agora cumpre mil entradas, que digo eu que debe de ser como a maioría de idade para un blog, nun medio, a rede, no que cada día nacen e morren miles de botellas enviadas ao mar. Internet fai dos blogs un espazo e unha esperanza da comunicación que son consustanciais á natureza humana.
Dende marzo de 2006, en que botou a andar, é posible atopar cada día en As uvas na solaina unha imaxe feliz, un texto afortunado, unha discusión viva e libre. O historiador Marcos Válcarcel coidao con paixón de orfebre e ten conseguido facer del un punto de referencia ao que moitos acudimos para experimentar un momento de pracer literario e intelectual. Marcos é, ademais, unha personaxe única en Galicia. Se hai alguén no que a Xeración Nós sobrevive é el. Respirou o seu aire, tomou por propias as súas referencias. Otero Pedrayo ou Xocas sobreviven un pouquiño nel.
Ese blog é, ademais, un instrumento para a Historia Cultural de Galicia. A capacidade de Marcos Válcarcel de ir historiando o día a día, de entender como o tempo fugaz do presente tamén é materia da historia futura, lle ten permitido facerse cun arquivo personal poderoso e significativo do que dalgún modo "as uvas na solaina" é unha versión electrónica. Quedémonos hoxe cun só argumento dos que se pode ler en as uvas...: "A crise da nosa paisaxe dos últimos anos moito ten que ver coa crise cultural e de identidade que sofreu o noso país nos tempos máis modernos. Nas últimas sete decádas Galicia perdeu case un millón de familias campesiñas. Despois de séculos de convivencia entre o home e a paisaxe, algo terá que ver esta realidade coa ruptura desa mutua interrelacion".

Denunciar a Deus

Andoliña mércores 26 set. (Imaxe: A Creacíón, de Miguel Ángel)

Xa saberán que o senador norteamericano Ernest Chambers denunciou a Deus ante os tribunais do seu país acusándoo de carecer de compaixón e causar feroces fames, temibles inundacións e desastres que levaron o terror a millóns de persoas na Terra. O señor Chambers, líder negro en Omaha (Nebraska), non saberá, supoño, que xa Curros fixera acusacións moi semellantes en Mirando ó chau e bastantes problemas por certo lle causaron algúns destes versos. Nin saberá tampouco que o poeta Antón Tovar escribiu cousas coma esta: "Si se nos aparece Deus, teriamos que xulgalo como culpable diste anchuroso campo de torturas e de morte que é o manicomio do planeta".

Eu creo que no fondo víñalle ben a Tovar a idea de Deus para liberar a súa carraxe: "Se Deus non existe non hai un responsable, un culpable da dor do mundo contra quen revoltarse, contra quen blasfemar". Tovar necesitaba de Deus para facelo culpable "deste corpo de miseria do que eu non teño culpa". E de grandes blasfemias están ben cheos os seus diarios: "¡Que fusilen o neno Xesús e que boten unha bomba atómica enriba do Vaticano!", chegou a escribir nun deles. O que non tiña o noso poeta era un avogado que lle botase unha man.

25 sept 2007

en poleiro alleo
ESOUTRO NACIONALISMO, Henrique Alvarellos (GH 25 set.)

Aznar é efectivamente un nacionalista dese outro nacionalismo, o español, que nunca di ser tal, un nacionalismo que só fala de bandeiras agora, cando se sente ameazado. É loxicamente o nacionalismo oficial, diriamos que o establecido, o gañador. Que cando se ve atacado reclama para si todo o que noutros intres criticou: os himnos, as bandeiras, as cores, en fin.
(...) O PP, que en Galicia chegou a estar "no límite da autodeterminación" (Cuíña dixit), é hoxe o prototipo do partido nacionalista español. Ten todo o dereito a selo. Mais ten tamén a obriga de dicilo claramente. E de deixar de condenar todos eses nacionalismos que non son o seu. Porque non é xogar limpo. Aquí o que haberá é que chegar a un acordo plural para continuar coa convivencia e o traballo en común mais no respecto á singularidade de cada pobo.
(O artigo completo)

Stefan Zweig: Carta dunha descoñecida.
Pan por Pan martes 25 set.

Lina hai varios anos e volvín relela nestes días, despois de ver a versión cinematográfica desta novela a cargo de Max Ophuls con Joan Fontaine e Louis Jordan en 1948, tamén maxistral. É unha desas obras imprescindibles en calquera canon literario. Escoiten e logo xulguen se paga a pena (xa me contarán): "Só quero falar contigo, dicircho todo por vez primeira. Terías que coñecer a miña vida, que foi sempre a túa aínda que nunca o soubeches. Pero só ti coñecerás o meu segredo, cando estea morta e xa non teñas que darme unha resposta; cando isto que agora me sacode con calafríos sexa de verdade o final. No caso de que seguise vivindo, rompería esta carta e continuaría en silencio, igual que sempre. Se sostés esta carta nas túas mans, saberás que unha morta estache explicando aquí a súa vida, unha vida que foi sempre a túa dende a primeira ata a derradeira hora”.

A Venus de Milo e a centola de Van Gogh

(Afonso Monxardín en GH 25 set.)

Os cativos miran as cousas con ollos de estrea e por iso nos fan preguntas incómodas. Daquela sorrimos e pensamos que que listos son. Cando as fillas eran máis novas, sufrino moitas veces en propia carne; unha delas hai cinco ou seis anos en París. No Louvre ao chegarmos onda a Venus de Milo preguntoume a maior -nove ou dez anos daquela- que por que aquela estatua era tan famosa e todos lle facían fotos -miles de fotos- e, pobriñas, por que as outras que estaban alí ao lado, igual ou máis fermosas e incluso completas e con brazos, pasaban desapercibidas. Pedíame que lle explicase quen decidía cal sería famosa e cal non. Sorrín, pensei, que lista me é a nena que xa se alía cos perdedores, e empecei un discurso baralleiro sobre a popularización do coñecemento da arte do mundo antigo? e dime: Ou sexa que nin idea, ¿non papá? Touché. Non.
De alí a un par de anos fomos á National Gallery de Londres. Lembreime do caso e rin desinhibido con ela lendo o letreiro dun cadro de Van Gogh que estaba pegadiño a unha das máis famosas versións dos "xirasoles". Tratábase dun óleo titulado Two crabs, dous centolos, ou máis propiamente, dous bois... pois os ingleses andan algo escasos de vocabulario para as cousas do mar. Un dos bois, patas arriba, demostraba ser saborosa femia e o outro retratado cara a baixo ocultaba pudicamente o sexo. O fondo verde cubría todo o lenzo con grosas pinceladas moi soltas e predominaban nos animais uns difusos tons laranxas. O comentario do letreiro da National Gallery á obra do pintor holandés translucía un experto coñecedor da pintura europea da época: "Débese tratar do mesmo boi, posto cara arriba e cara a baixo porque lle falta a mesma pata da dereita en ambos casos". Mirei. Era certo. Se cadra Van Gogh tiña fame cando o pintou e encetou o modelo.
Ese descoñecido cadro tiña unha estética compositiva semellante aos cadros de bazar ou de afeccionado dos que vemos colgados na maioría das tascas, e, seguramente, non se daría vendido, de ocultármoslle a identidade do autor, nin na feira de Sabarís. E como os xirasoles están máis vistos cá ruda, viva pois, a centola de Van Gogh!
a cultura da queixa no BNG,
de Xosé M. Sarille (ECG 25 set.)

Existe dentro do Bloque unha vella tradición, que consiste en lamentarse permanentemente polas rebaixas, os esquecementos de compromisos e as novas posicións da organización. Quéixanse as tendencias que se consideran máis consistentes ideoloxicamente, ás que chamaremos a, fronte ás outras, que producen eses cambios, que se contemplan, en troca, como menos comprometidas e máis lixeiras e que chamaremos b. As primeiras, a, están lideradas pola UPG e persoas soltas que aprenderon nese partido, mentres que as b van cambiando cos tempos: ao comezo eran os de Beiras, despois tamén algúns dos de Camilo Nogueira e agora toda esa xente que rodea a Anxo Quintana.
O ritual consiste no seguinte. Algúns de b, os que sexan, toman unha decisión, que por primeira vez se anuncia publicamente. Por exemplo, que a organización xa non é de esquerdas, senón que iso lle vén dado milagrosamente por ser nacionalista. Só importa Galiza, amigas e amigos, proclama o líder. Entón ao comezo os da UPG laiaranse, somos de esquerdas, afirmarán, o que lles serve para cerrar filas, cultivar unha certa ortodoxia de grupo, e dentro da propia tradición, explotar o elemento da lexitimidade, que é un valor engadido moi rendíbel.
Mais ao cabo dun ano, ou antes, aparecerá unha nova cuestión, que pode ser por exemplo o visto e prace da dirección, nomeadamente do portavoz nacional, para que os políticos do pasado e do presente cobren quince mil eurazos vitalicios só por teren estado na política, fosen útiles ou inútiles. Entón a UPG aborda o novo asunto, sen acenos públicos grandes, pero dando a entender que por eles non sería, e que as cousas dentro da organización son como son. A avantaxe desta nova controversia é que xa non se volverá sobre a anterior, sobre as esquerdas ou non esquerdas, porque hai que atender a nova xeira, cerrando filas e cultivando a ortodoxia de grupo. Un xeito peculiar de estar no contexto, de funcionar na engrenaxe do poder sen renunciar a unha especie de vixilancia de principios, de virtude afectada, que ten como única característica a demora dun ano na aceptación dos recortes. E así sucesivamente.

24 sept 2007


A ESCOLA E O IDIOMA DE NOSO

La Región 24 setembro (Imaxe: Muller fuxindo, de Genovés, da web de Ruedo Ibérico, cunha boa escolma de arte comprometida)

A escola desgaleguiza. A escola segue a ser un factor de desgaleguización fundamental na sociedade: debe haber un cento de estudos que o demostran, pero, por se iso non chegase, acaba de ratificalo o Consello Escolar de Galicia, a institución máis representativa do noso sistema educativo. O Consello Escolar insiste na necesidade de conseguir unha maior presenza do galego na incorporación dos nenos á lingua escrita, dado que, hoxe por hoxe, a relación entre galego e castelán segue a ser desproporcionada e desfavorable para o primeiro. Especialmente relevante debe ser esa galeguización nos niveis de educación infantil e educación primaria, porque son os que inician a cadea e é o momento en que moitos alumnos, no tránsito da familia á escola, deixan o galego, algúns deles quizais para sempre. En Galicia chegouse a un pacto razoable, hai poucos anos, plasmado no Plan de Normalización da Lingua aprobado polo Parlamento. Cando ese Plan empeza a levarse a cabo con iniciativas como as galescolas e outras un sector político do país recúa e ponse á contra. Saben que terán ó seu favor moitas voces ultraconservadoras, sobre todo nas portadas dalgúns xornais de Madrid. Pero non explicaron aínda por qué non serve agora o que si se vía como válido, cando menos no papel, en tempos do goberno Fraga. Tras esta reviravolta, teñen a obriga moral de explicitar as razóns da súa nova posición: ó cabo fan política nunha comunidade que se chama Galicia, habitada por seres libres e conscientes, que non necesitan seguir as consignas da prensa capitalina para situarse no mundo.

Do mal e do ben. Con maiúsculas ou con minúsculas: quizais o Mal e o Ben con maiúsculas estean construídos coas mesmas moléculas coas que fabricamos o mal e o ben de cadaquén e de cada día. Revisando os meus artigos deste mes vexo que, sen planificación previa ningunha, falei varias veces da profundidade do mal e tamén do demo e aínda dos santos. Agardo que non sexa unha consecuencia dese síndrome posvacacional que lle chaman. Xoán da Coba, asiduo lector dos meus artigos, engade no meu blog esta magnífica cita do noso don Vicente Risco: "Ó Demo, négano os homes pero afírmano os pobos". Do seu libro "Satanás. Historia do Demo".

Goya: esperanza. Esoutro día, por un erro, saíu mal a ilustración da columna na que falaba da necesidade de manter a ilusión polo coñecemento ata o final dos nosos días. A ilustración correcta, que agora recupero ilustrando este artigo, era o debuxo de Goya “Aún aprendo”, que leva este lema nunha beira e que representa ó propio artista apoiándose en dous caxatos, nos seus últimos días de vida. Goya, que representou as realidades máis dramáticas e angustiosas cos riscos máis bruscos nas súas pinturas negras ou no cadro “Loita a garrotazos” (toda unha metáfora de boa parte da historia española), deixounos neste debuxo un canto vitalista que reflicte toda unha filosofía da vida, todo un chamamento, tan necesario, á Esperanza.

23 sept 2007







Arturo Baltar.


Pan por Pan domingo 23 setembro

Nesta cidade chamámoslle Museo ó que non é tal cousa: velaí a sala de exposicións do Concello, que debería axustar o seu nome para non crear máis confusión. En cambio, somos cutres á hora de crear institucións onde se poida ver a obra dos nosos artistas. Por exemplo, Arturo Baltar. En calquera cidade europea estarían encantados de poder exhibir o mundo marabilloso deste xenial artista, fillo do pobo, alma do pobo. Da súa inxente produción só está accesible, en parte, o seu Belén da Praza de San Cosme. Había un proxecto para crear un museo coa súa obra nunha casa anexa á do Belén: Que foi do mesmo? En que situación está? Tardaremos lustros ou décadas en velo facerse realidade? O bo de Baltar, home modesto, tranquilo, segue ás súas cousas, como xenio anónimo. A cidade está en débeda cos seus grandes artistas: con Arturo Baltar, en primeiro lugar.
(Nas imaxes, dúas pezas do escultor: Árbore, 1977, e Ero de Armenteira, 1975, da colección Caixanova)

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL

1978: nacen os Premios da Crítica de Galicia (O artigo completo)

Fernández Ferreiro. Alfredo Conde. Xavier Alcalá. Xoán Ignacio Taibo. Benito Vicetto.
Tempo de Compostela. Libro das baladas. As rúas do vento ceibe.
Mar e naufraxio. Silabario da turbina (Rompente)
Manuel Lourenzo. Silvania, de Millán Picouto. Os irmandiños, de D. Cortezón. Almas mortas. Cadernos da Escola Dramática Galega. Artello. A Ilustración e a sociedade galega. A Historia de Risco.
Ricardo Palmás. Alonso Montero.
Paz Andrade. Escola Aberta. Ensaios marxistas. Gaspariño (Xaquín Marín). Secuestro do libro de estudos colectivo Galicia: realidade económica e conflicto social. Os soños na gaiola. Os nomes das cousas.
Nace Fetsival de Ortigueira. Jei Noguerol, Pilocha. Primeiros Premios da Crítica de Galicia: Pexegueiro, Torres Queiruga, etc. As Roladas 2. Nova Galiza. A Nosa Terra.
Morren Lorenzo Varela e Madariaga.
Primeira Xunta preautonómica e aprobación da Constitución.
Alúmina-Aluminio. Un renacido PG con R.Martínez López e Avelino Pousa Antelo.

22 sept 2007

Tecendo fíos invisibles con palabras...
(Foto: EBA en Mar del Plata, Arxentina, 1927)

Hai uns meses recibín un convite de Fíos Invisibles para subliñar as obras máis representativas da literatura galega para un grupo de novos lectores, que ata entón descoñecían ese mundo. Envieille a miña proposta razoada e aberta a calquera tipo de debates. Agora a encantadora tecedora de Fíos Invisibles infórmame de que ese grupo de lectores/as está en marcha e mesmo de que chegaron aló novas do Roteiro de A Esmorga, do que xa temos falado aquí. E dos libros que están a ler agora e no futuro inmediato. Como mostra do seu entusiasmo e intelixencia, transcribo aquí os seus correos de onte (co seu permiso) como mostra de que a cultura galega está plenamente viva alí onde hai unha alma ilusionada capaz de afrontar todas as dificultades:

21 setembro (4,47 pm)
Ola Marcos!
levo dende o sábado pasado con gañas, pero sen tempo, de contarche unha pequena historia. Ese día, pola tarde, xuntámonos os integrantes das tertulias literarias en galego no Café Tortoni como facemos unha vez ao mes. A novela desa xornada era O bosque das antas, de Francisco Fernandez Naval e, como non podía ser doutro xeito, Ourense e o Miño levaron o seu tempo e dedicación. Había lembranzas e referencias que xurdían dos homes e mulleres alí reunidos, cando pediu a palabra María Rosa Iglesias, unha compostelá que emigrou cos pais aos 5 anos e que chegaba nestes días dunha viaxe de dous meses por Galiza. Eses retornos, aínda sen ser os primeiros, merecen un traballo que algunha vez chegará. Este ven ao fío porque María Rosa contou ilusionada e agradecida que a cidade de Ourense tivera uns carteis nos que se lembraba a Eduardo Blanco Amor. Deume moito orgullo e ledicia falar do Roteiro Blanco Amor (eses eran os carteis que vira a nosa compañeira, sen coñecer o traballo completo no que se engarzaban) e falar dos seus ideólogos. O noso percorrido deste ano non inclúe novelas ou contos de EBA porque o asunto é a nova narrativa galega (co matiz que iso de "nova" pode ter aquí). Pero xa chegará o tempo para voltar ao maxistral don Eduardo. Mentres, o roteiro foi unha bonita descuberta e tamén estiveches presente no material de axuda que compendiamos para colaborar coa lectura da novela de Fernandez Naval. Maneiras da presenza ao lonxe.
Apertas moitas, Débora Campos

21 setembro (5,25 pm)
Benquerida amiga:
Sempre quedo sorprendido da túa cordialidade e do entusiasmo coa nosa cultura. Canto me alegra que o Roteiro Blanco Amor empece a ser coñecido, mesmo en Buenos Aires. Noraboa por todo o que facedes por aló con tanta ilusión e intelixencia.
Unha aperta, Marcos Valcárcel
P.S.: permitiríasme reproducir no blog, se che parece pertinente, parte da túa carta, precisamente para informar dese voso traballo?

21 setembro (8,45 pm)
Graciñas Marcos pola túa agarimosa resposta e nin falta fai que me preguntes: sempre é unha honra que nos teñas presentes. En verdade, mais có meu entusiasmo é merecente de subliñar o esforzo e compromiso deses lectores que dedican tempo e sobre todo enerxía para percorrer novelas non sempre doadas (para outubro analizaremos Pensa nao, de Anxo Angueira e no mes de setembro foi No ventre do silencio, de Ferrín). Por riba, fano nunha lingua que non empregan a cotío (moitos direi que nunha lingua na que nunca antes liran). Tanto Andrea Cobas coma min -aínda a risco de ser algo pretensiosas- sentímonos plenamente orgullosas de ter aberto ese recuncho de cultura galega no Tortoni. E como todos son fíos invisibles que achegan o aquí e o alí, xa ves que en poucos meses e por azar, chegou ata aquí a nova do Roteiro Blanco Amor, traído na alma dunha galega lectora, que pouco sabía do asunto pero que nese momento non necesitaba saber máis. Como refire hoxe Manuel Rivas no xornal El País, dalgunha maneira estamos arxentinos e galegos conectados aínda cando pensamos que non o estamos. E engado eu, por sorte! Apertas moitas e coma sempre (e nunca vai ser abondo dito) grazas transatlánticas!Débora
ENTRE HORTAS E PORTAS.

11. A Porta do Ceo.
Ao Arume dos Piñeiros, autor do pé forzado.


Hai un corredor no adarve. Á altura da Mosqueira vai concluír a terceira volta e xa leva o cabelo grisallo ben húmido; tonificado polo esforzo, apenas advirte a imprescindible canseira. De súpeto un lóstrego, e onde había o “Hostal Rivera”, entresollado e cinco andares, xorde un “Bar Riveira” pequeniño. Todo en San Roque se volveu cativo agás o da garaxe dos Jatos, e albíscanse montes no lonxe.

Comeza a baixada por San Pedro, fóra a Rúa das Flores bole de vida e fondas, pode ler ao paso “Pensión Niza”. Onda Balbino Seoane comeza Montero Ríos e todo é tamén pequeniño quitando o edificio de Sarry, só enorme e vello esquelete desde a segunda planta. Pero a muralla vira á esquerda e no murete de dentro hai sentado un rapaz de trece ou catorce anos, matinando; achégase un vello barbudo, esfarrapado, ao que lle dan bocadillos pola praza da Estación, senta alí ao lado e cara a ninguén murmura cousa como “viñeron as dereitas e...”. Avisado está o rapaz de evitar certos contactos e perturba por 1967, ou 68, algún concepto moi pouco comprendido; ergue logo para irse e, zas, ingresa o seu corpo no do atleta. Pasan silveiros e muros de ladrillo esborranchado, pasa a rúa do Teatro -que diga, General Franco-, o pavillón da OJE, obradoiro de gaitas e eilo, inaccesible, ver e non andar, o xardín do palacio provincial asegurando que as imaxes de libro, de película, non son mentira nin pura ensoñación. Sobe cara á Porta Falsa, di a Amelia que non se adapta ben en Lugo por 1979, sobre todo ao ceo; “é opresivo, non?” inquire ou descobre un Tino Santiago que conversa, non entrevista, e alguén de vinte e cinco anos disente en silencio incomodado. Razoable que ao paso do corredor, zum, se esvaia nel.

Rexorde o “Café Regio” esquinando a Avenida da Coruña, suponse o bater de puños e fichas contra mármore. Traseiras da rúa de San Froilán, un xardinciño e gastadísimos chanzos de xisto baixando á Rúa Nova. Dereito e ancho treito, libre de curutos, e tal faixa de ceo apouvigaría se a carreira admitise darlle tino ao grandor; por consabido, tampouco non se mira o paisano que sacha gran eido de patacas pé da Muralla, por dentro. Pasea o Rodrigo Romaní de dezasete ou dezaoito, con Helena, e ambos quedan ollando ese cincuentón descoñecido que os saúda coa man a mediados dos setenta, facendo unha cousa tan pouco común, aos seus anos, coma correr polo adarve en calzón curto. Pero xa torce, segue cara á Porta de Santiago, tralo Burgo Vello as torres da Catedral, por riba sempre o firmamento. Quen sabe se cóengo en paseo, frade ou cabaleiro non distinguiría aquí cifra de eternidade, omnipotencia divina; podería Lugo albergar un Fray Luís, Pascal ou Heitor Pinto se o Reino de Galicia mantivese a eminencia, se á lingua dos galegos non faltase o Clasicismo.

Sobre o vello poxigo empeza a costa dos Maristas e o abafo. Desde a Porta Agirre aparenta que o Pedrosa alcalde e o primo farmacéutico van cara á Praza Maior; á altura do Seminario -que aínda é Seminario- entrevé quizá un José de Cora con barba escura e Juan Soto de bigote. No cimo, os ollos entrecerrados permiten distinguir a Tuñas Bouzón entrando no Campo da Feira e a capa do concelleiro Ramón González. Vai chegando a Mosqueira, o folgo retorna. Un neno de oito anos que viña do Cantiño incorpórase no corredor e fum, aí se ve o “Hostal Rivera”, a Rúa das Flores é ruína, sobrancea pouco o de Sarry no Lugo do 2007.

Comeza a volta derradeira.

Foto: http://usuarios.lycos.es/geogalicia/clima_archivos/Muralla_Lugo.jpg

21 sept 2007

Miniconcurso
Hoxe doulles por adiantado a imaxe do "Pan por Pan" de mañá en La Región. Da súa demostrada sagacidade, permítomes convocalos a un miniconcurso: de que falará ese Pan por Pan de mañá? Teñen ata as doce da noite para acertar. Os/as que acerten teñen comprometida unha caña en canto nos vexamos.

(Ben, vexo que a pregunta do miniconcurso era moito máis difícil do que eu pensaba. O "Pan" vai embaixo e saiu dunhas declaracións que veñen hoxe en El País. Pero grazas porque tamén me suxeriron unha chea de temas posibles e de interese para tratar).

Bailes e compostura.
Pan por Pan 22 setembro

Mohamed Hosein Zafra-Harandi é o ministro de cultura de Irán. Un país que, se os mulás o permitisen, camiñaría cara a modernidade co alento dos seus cidadáns e das mulleres iranianas. Este ministro di nunha entrevista que se opón á “música que fai perder a compostura” e cita en concreto o rock heavy metal que xunto coas drogas provoca, di el, que os mozos conduzan a toda velocidade e se tiren polas portas e ventás dos automóbiles. Tamén xustifica a persecución pola policía das mozas que non visten de acordo ós designios do réxime e que, engade, están pagadas cada mes polas potencias estranxeiras. Tales disparates lembran as consignas da prensa española no primeiro franquismo contra os bailes e as modas non recatadas: aquel cartel dunha parella bailando e o mozo convertido en demo. Si, todos os integrismos son semellantes ata o aburrimento.
en poleiro alleo

"Pedagoxía á carta" (Helena Villar Janeiro, en El Correo Gallego, 21 set.)

"Cultura" (Bieito Iglesias, El Correo Gallego; 20 set.)

"Aprobados y selectividad" (unha interesante carta de Raquel Rico Linage en El País, 20 set.)
Libro de visitas
Nesta nova sección recollerei algunhas cartas que falan do blog. Esta ademais informa do cambio de enderezo da páxina Ourense Natural: broma ou realidade.

Noraboa polo blog sensacional.
Ola Marcos, chámome Secundino e dende fai uns anos sei que visitas as miñas páxinas web. Fun profesor nas Lagoas, de matemáticas, durante 27 anos e como sabrás levo dous prexubilado. Nestos últimos anos mantiven varias páxinas web a maioría defendendo a nosa natureza, de feito nas túas recomendacións figuran dúas "A vida nos ríos galegos" que estos días, a xunta me cambiou totalmente agora o link é http://centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/webantiga/slorenf/vidario0.htm , este é un dos motivos de este email, para que cambies o link, parece que vou ter problemas para ubicar esta páxina web no Hosting da Xunta, espero resposta a esa pregunta que fixen estos días.
A páxina Ourense natural: broma ou realidade está noutro proveedor e non está afectada.
Tamén manteño unha páxina de investigación histórica sobre un pobo da provincia de Ourense que quedou asolagado por un encoro no ano 1958 chamábase Alberguería e estaba no Concello de A Veiga, tiña naquil intre 103 veciños e actualmente a xente vive no Barco, en Ourense, Vigo, Barcelona, Madrid e moita emigrou a Arxentina, Venezuela, Francia, Suiza e Alemania.
De forma que explico na web son o webmaster da páxina sin ter nada que ver coa zona. Esta páxina tamén na teño na Xunta de Galicia, no servidor da Xunta, e pasou o mismo que a dos ríos, de repente desaparece e ven a ameaza de desaparecer definitivamente.
A páxina éntrase con
http://www.albergueria.es xa que fai pouco merquei o dominio. En realidade o link é http://centros.edu.xunta.es/iesaslagoas/webantiga/slorenf/Umia/index.htm
Esperarei a ver como remata o conto, pero estas páxinas, si a Xunta non fai algo por elas pasarán a peor vida.
Espero que o feito de estar prexubilado e non ser actualmente profesor en ningún centro non sexa impedimento para que poida seguir manteñendo as páxinas. Por suposto estou autorizado polo Director do Centro, neste caso, o compañeiro Monxardín, ademais as páxinas non teñen propaganda nin pretendo facer negocio con elas.
Perdona o rollo,pero necesitaba comentar estos puntos xa que estou bastante preocupado xa que é un labor de case 10 anos.
Un saúdo e repito enhoraboa polo teu blog.
Secundino Lorenzo

20 sept 2007

Os do Alexandre Bóveda

Entre finais de 1989 e o 2001 o Clube Cultural Alexandre Bóveda foi a vangarda cultural da cidade ourensá: está mal que eu o diga, pero así foi. Díxoo tamén moita máis xente. Axuntamos máis de 200 socios e socias, de todos os campos ideolóxicos e sociais (con maioría progresista e de esquerda, iso si) e planificamos un labor cultural continuado e rigoroso durante uns 12 anos. Despois pechamos a tenda porque todo nesta vida ten o seu principio e o seu final. E para non queimar a fórmula. Cada ano axuntabámonos a directiva para sacar unha foto "orixinal" da que sempre se encargaba o fotógrafo amigo e socio Eduardo Núñez e para a que Benito Losada preparaba a intendencia e a escenografía. Esta é unha das máis simpáticas, no Claustro de San Francisco, cos traxes e instrumentos da Banda Municipal que nos facilitou o Xoán Fonseca. En primeira fila: César Ansias, Xoán Fonseca, Marcos Valcárcel, Benito Losada, Afonso Monxardín e Elisa López Grande. E detrás: Pepe Trebolle, Asun Ballester, Xosé A. García e José Luís Alonso (clicando na foto, podedes velos en maior tamaño). Esta foi a última directiva en exercicio, pois o Clube pechara no inicio do verán do 2001 cun macrorecital no Liceo de máis de 70 persoas de Ourense que leramos un cento de poemas do libro "Ourense, craro río, verde val" (Antoloxía poética da cidade).

(Hai outras tamén moi simpáticas e con máis personaxes, pero quedan para outra ocasión)

que pasa no Ribeiro?

Unha amiga escríbeme preguntando que pasa no Ribeiro? Que sucede co proxectado Parque Medioambiental de Carballeda de Avia? O certo é que non souben responderlle: non teño nin a información suficiente nin opinión creada ó respecto. Por iso propúxenlle promover o debate dende aquí, dende o blog, e reproducir a súa carta, co seu permiso, para que poidan intervir todas as persoas mellor informadas ou relacionadas con esta temática. Esa mesma amiga dirixiuse ademais ás organizacións ecoloxistas ADEGA e Verdegaia e tamén reproduzo en "Comentarios" as súas cartas como forma de estimular este necesario debate. Velaí a súa carta:

Ola Marcos: escríboche para que cando teñas un pedaciño de tempo me informes sobre a polémica do parque medioambietal que ten proxectada a Xunta no Ribeiro. Hai moitas cousas que me sorprenden, como a postura contraditoria de Verdegaia, a marxinación nas conversas coa consellería de Ridimoas, e sobre todo o noxento silencio informativo ao que está sometida esta mobilización. Isto de non estar en Ourense pasa factura e entereime este verán por Ánxeles Cuña do que estaba pasando no Ribeiro, e cando vin que ao día seguinte da manifestación a prensa silenciou todo- agás unha pequena tira de Cristina Huete en "El País"- supuxen que algo serio se estaba cocendo e que os intereses deben ser moi fortes. Gustaríame saber cal é a túa opinión para entender o que está pasando. Unha aperta: Maruxa

aínda aprendo, dicía Goya ( e comezou o curso)

Comezou o curso e todos os anos, por estas datas, pásolles ós meus alumnos de Bacharelato unhas notas e normas previas, unha especie de "contrato mutuo" entre eles e máis eu (onde trato de temas como asistencia ás clases, metodoloxía, avaliación, etc.). O remate desas notas-normas acaba cunha reflexión final e persoal miña que recolle a famosa cita de Goya que figura aquí enriba. Pensei que quizais podía interesar a alguén como definición dunha actitude. Velaí:

5. Reflexión final.

Asistimos nos últimos anos a unha desvalorización total dos sistemas de ensino, que actúa en cadea: desde a primaria ata a Universidade, pasando pola ESO e a secundaria. O nivel de reducción de contidos e de esixencias ameaza con chegar a un grao mínimo de competencia formativa: así, chegan alumnos á Universidade sen os mínimos coñecementos nin o dominio das técnicas instrumentais básicas (ler, escribir, redactar, comprender, etc.). Cara atrás ese proceso é aínda máis grave e semella que as institucións educativas son xa case incapaces de frear a estupidización social progresiva transmitida –con éxito, por desgraza- por tantos programas de televisión-lixo, modas e tendencias destinadas á infantilización total da sociedade e outros subsistemas culturais de masas.

Cando menos polo que respecta a este profesor, ese proceso debe ser invertido desde xa e o nivel de esixencia dos Bacharelatos debe corresponder a este planteamento: unha formación en ciencias e humanidades necesaria e suficiente para preparar o acceso á Universidade e a posterior especialización dos estudos. Co tempo, creo que os propios alumnos/as máis conscientes dos retos do seu futuro inmediato, nunha sociedade altamente competitiva e agresiva nos sistemas de regulación do mercado, rematarán por agradecer esta perspectiva. En canto saian fóra das aulas escolares, verán que o mundo non os vai tratar cos criterios infantiloides e sobreprotectores tan a menudo dominantes.

No Museo do Prado hai un magnífico debuxo de Goya no que se ve a un velliño de longas barbas, encorvado sobre o seu caxato, camiñando con dificultade; hoxe sabemos que representa ao propio autor, só bocexado, nos seus últimos anos. O debuxo leva un intelixente lema baixo dos trazos, como adoitaba facer Goya, que indica. “Aún aprendo”, cando xa ao pintor lle quedaban poucos anos ou meses de perspectiva futura. Esta é a filosofía con que deben ser iniciados e levados a cabo calquera tipo de estudos ou actividade formativa: mentres o ser humano vive, mentres ten alento e pode discernir e dirixir a súa memoria, está sempre a aprender. Ningún segundo é inútil. Por desgraza, no mundo en que vivimos, moitos deses segundos son tamén para “desaprender”. O camiño que iniciamos hoxe pretende aproveitar o tempo ao máximo e facer realidade o soño de Goya: aprender xuntos para seguir a camiñar, para seguir a aprender, hoxe e sempre.

Santos: un santo simpático
Pan por Pan xoves 20 setembro

Esoutro día fixen aquí unha mención á vida dos santos e varios amigos fixéronme chegar ó meu blog enlaces valiosos sobre haxiografía: hai unha web moi boa da Universidade de Oviedo, por exemplo. Outro amigo pasoume un enlace sobre o presbítero San Felipe Neri, que viviu en Florencia no século XVI. Polo que leo, era un santo simpático, como Francisco de Asís. O florentino caracterizouse pola súa ledicia e por levar sempre ambientes de festa e bo humor onde chegaba, mesmo facendo o pallaso cando era preciso. Renunciou ás riquezas, educou ós nenos pobres e fixo rir a todos. Leo tamén que tiña tan grandes accesos de amor a Deus que o seu corpo se estremecía e precisaba en pleno inverno abrir o peito para mitigar ese lume de amor. Cando o foron enterrar, viron que tiña dúas costelas saltadas e moi arqueadas para deixarlle sitio ó seu corazón que medrara notablemente.