
22 dic 2007


24. Uns que veñen, outros que se van, de Xosé Manuel González
O Apicultor d’ As Uvas forneceume atención e bo consello.
Isto non é pagamento, só gratitude..
Notoria imaxe do Caudillo aínda preside moitos lugares públicos, pero cada vez escasea máis a de ollada á fronte, bigote negro e capote forrado. Un avó substituíuno, lixeira farda aínda militar e ás veces faixa bicolor; paulatinamente, o sogro do moi mundano Marqués de Villaverde amosa traxe, garavata, perfil menos terminante. A escala de mando inmediata, o xerifalte de provincias, van arrombando boina escura, camisa azul, guerreira branca de días sinalados. Insensiblemente, aquí e aló danse de baixa, no partido único FET y de las JONS, este e aquel, tal desafecto, algún decepcionado, outro que non sabe para que valerá iso agora. Franco envellece, tamén o seu poder. Certa oposición, inimigos de sempre atopan oco, fan socialmente palpable a disensión. De a pouco, home e réxime serán provectos.
Non de momento, vive Carrero e o xugo con frechas mantén educación política en escolas, institutos. “Formación del Espíritu Nacional” é chamada; José Luis de Blas Escolante elabora un manual da materia, publícao en Bilbao; imparte a doutrina oficial, disque con alento joseantoniano, quizá tamén retórica, na Escola de Maxisterio lucense. Posiblemente ande xa a elaborar unha longa Historia da Guerra Civil; en todo caso, con dona Cecilia a de Música é dos máis coñecidos, permanente no elenco profesoral que forma educadores.
A carón de Maxisterio, no Instituto Feminino o catedrático de Historia chámase Federico Bouza; alto, cabeza grande, expansivo, non parece de mal trato; “la coña integral” escóitoo unha vez definir certa situación de paradoxo. Protexe, traspasando límite, cando menos unha alumna ante abuso de poder: din que por iso e outras cousas decae como Xefe Provincial do Movimiento. Que Bouza é falanxista firme, Lugo enteiro ben o sabe. Filias aparte, e asoballamento, algún respecto merece quen mantén fidelidade e coherencia, principalmente se o tempo vira.
Coma o Pepiño da Lotaría, peixe miúdo. Esborrállase todo e el segue a proclamar adhesión fascista pola Praza Maior, Rúa Nova ou estación do tren; cotián, ruante. Dous uniformes con gorra, azul e gris, alternan para cubrir corpo, sustentar a insignia vermella e amarela; esa que algúns reclaman, outros aceptan, case ninguén ostenta. Avanzando os setenta fai Pepiño coda no desfile militar, e a marcialidade pretensa mal disimula fatiga nun continente escaso, volto repoludo. Caín se lle chamaba, ás veces con asañamento algo inane ante a patente decadencia.
E os outros agroman. Jesús Vilela García dá tamén clase de Historia, no Instituto Masculino. Testa redonda, mestamente poboada; un noventa seguro, amplo tórax e contorno, pándego indesmentible. “Voy dispuesto a todo”, afirma certo día -de garda, reclamado por alumnos- cara á porta atrancada do retrete. As listas do 23-F presentan coma “nacionalista radical” a quen nos últimos anos, talvez marcando distancia, apenas fala galego en acto público e se proclama de “los unitarios”. A súa academia no Camiño Real abeirara algunha reunión de contacto e intención post-franquista. PSP daquela, PSOE máis tarde.
Pero a ollada máis frecuente e numerosa procura outro albo, certa usual evidencia. Adoita a lingua do país no trato ordinario, en momento escolar motivado que dará lugar a advertencia; “o galego non é vehículo docente”. Conta el na aula, porén, o que pouquísimos saben: houbo cantiga de amor e rexouba, hai historia literaria que chega a Celso e Manuel María; no seu pupitre, Darío e Xesús Rábade xa eran coñecedores, pero seguen aprendendo. Corre a especie de que o profesor é comunista e non todos o cren, tan forte resulta a palabra. Que ateo, di algún, pero é tema menor; a querenza pola poesía de Curros, que difunde arreo, transmite censura ao estamento eclesiástico. Deu clase en Maxisterio, sae de alí ou bótano; a cátedra no Instituto queda fóra dese alcance. No curso 1970-71, noticia de que era desterrado trae consigo unha homenaxe dos alumnos maiores; á hora da reunión hai dous policías armados no soportal do concello, e os de paisano comparecen no “Monterrey”, xa que o acto quedara suspendido. Pola Rúa Nova, algún grupo pequeno canta o “Venceremos nós”; aquela noite, o delegado dos alumnos no PREU de Letras, Xosé Manuel González, discute de política por primeira vez na casa. Xesús Alonso Montero, compendio antifranquista; embaucador de mozos para a voz anónima que trona sobre o ouro de Moscú.
E os novos chegaban. No lar do boticario Figueroa, a filla prepara as probas de madurez preuniversitaria. Pero vén do corredor alta voz de muller madura, “a ver, onde está esa mociña que me quería coñecer?”. Virxinia Pereira fálalle a unha impresionada rapaza en cuxa alcoba entrou subitamente a lenda, aínda que sexa por medio interposto. A Adela parécelle recibir un legado, o do galeguismo cuxos militantes sempre se trataron por “irmáns”; había ser o 1964, igual 65. Polo 71, os alumnos do PREU de Letras encontran certa mañá, ás nove, os primeiros panfletos da Unión do Pobo Galego. Entrégaos na dirección o delegado, logo de cada un gardar o seu; mal pode el saber, xaora, canto semellante espallará nun futuro escasamente demorado.
Como rolan as cousas, que fluencia. De fondo, un cantante afirma que a vida segue igual.
21 dic 2007


Primeiras postais de nadal (2).jpg)


Outro amigo e compañeiro de traballo reclámame que faga a escolma de postais como o ano pasado.
Pois aí vai. De paso aproveito para agradecer ese aceno a todos os que se acordaron de min (por correo normal ou correo @). Agás esquecemento involuntario, os que seguen:
Biblos
BNG nacional

Centro Internacional de Prensa (Carme Carballo)
Concello Barbadás, cunha colección de retábulos barrocos (mágoa que as fotos sexan demasiado pequenas)
Concello Redondela (Xosé F.)
Cultura Popular Sandiás
Editorial Galaxia (con debuxo de Xohán Ledo e versos de X.Mª Álvarez Blázquez)
Faro de Vigo (cunha viñeta de Forges)
Francisco González (Centro Cultural Simeón, cun fermoso San Rosendo en barro policromado)
Fundación Rosalía (Helena Villar)
José Cabañas Grez. (ARMH)
Laura Seara
Liceo Ourensán
Luis Fernández Guitián ou Luís de Sober (cun poema propio)
Marga Alfonso (a máis gamberra, coa portada de El Jueves)
Marisa Marimón
PEN Clube
Presidencia da Xunta
Rosa Aneiros
Tacho
Xosé M. Vázquez Pintor (cunha fermosa fotografía da natureza)
Xesús M. Marcos

A sección de Efemérides dun xornal galego lembra que se cumpren nestes días os 75 anos da aparición de “Pelerinaxes”, de don Ramón Otero Pedrayo, publicado pola Editorial Nós na Coruña en setembro de 1929 (hai unha reedición facsimilar de Ediciós do Castro en 1993). Foi aquela a crónica da viaxe que en sete xornadas fixeran, desde o 7 de xullo de 1927, don Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco e “Ben-Cho-Shey” desde Ourense a San Andrés de Teixido, cruzando a Galiza central. En total 233 km. dos que fixeron a pé 146, porque don Ramón mancouse nun pé e para o resto acudiron ao coche e ao cabalo.
O libro é unha pequena xoia da nosa literatura de viaxes, cun interesante limiar de Vicente Risco e uns deliciosos debuxos da súa man. Pervive toda a forza das mellores prosas oterianas, que reflexiona sobre a filosofía do camiño e a necesidade de “sentir o decorrer, o devenir, o “elan”, os grados de perfeizón, etc., é propio das filosofías ceibes, imaxinativas, sentimentás. Nelas a fixeza somentes representa un caso fuxitivo nun istante de tempo. Camiñando rexurden tódolos momentos hourizontes novos. Unha serra vibra como un ser vivente na su pele; sentimos pasar un río coma unha forza, non como unha cousa que corre. N´hai un paisaxe feito definitivo e formado”.
Este podería ser un dos nosos grandes roteiros culturais. Cando se faga, hai que poñer unha placa en Monterroso que lembre a “cea feudal” dos camiñantes e os versos de don Ramón: “Groria do porco, frol da invernía,/ Sona da casa, lapa da carne./ Xamón”.

Ós seus 87 anos, Isaac Díaz Pardo está a vivir días difíciles, vítima evidente da ingratitude humana. Pero tamén recibe algunhas homenaxes, todas elas merecidas, e algunhas outras alegrías. Entre elas, debe estar esa vidreira que deseñou para presidir o salón de plenos do Parlamento de Galicia, que se presentaba onte. Reproduce dúas figuras humanas que sosteñen un escudo cun dolmen e a lenda ‘Gallaecia’.
Simboloxía de xinea galeguista a utilizada polo artista: é o mesmo dolmen que figuraba na portada da revista Nós ou nalgúns carteis deseñados por seu pai, Camilo Díaz Baliño. Lembro un que fixera Camilo Díaz para a Coral de Ruada onde o dolmen se convertía nunha especie de altar sagrado, nun alento entre místico e nacionalista.
Rodean esta vidreira unha fileira de paxaros que simbolizan a imaxinación: a liberdade, a esperanza, a ledicia, son de certo imaxes acaídas ás aves en moitas tradicións culturais. Sorprendeume, en cambio, o grupo de caracois da base: seica representan a lentitude con que camiña o progreso na realidade, di Díaz Pardo. Por sorte, nada teñen que ver coa simboloxía sexual que lles atribuía Cunqueiro e da que xa falei neste recuncho: mellor, para o sosego dos parlamentarios.
20 dic 2007
A vidreira de Díaz Pardo no Parlamento de GaliciaInaugurada onte. (Se alguén ten unha foto mellor, agradeceríase o envío)

Imaxe: Adoracíón dos pastores, de Murillo.
Na modernidade líquida que diagnostican certos pensadores actuais, os individuos debemos ser flexibles, elásticos, cambiantes e virachaquetas, cunha identidade moldeada en plastilina capaz de afacerse a un mundo mutante de ritmo vertixinoso. Todos e calquera un dos que lapexamos no fluído moderno, podemos adoptar como divisa esta declaración do romancista brasileiro Rubem Fonseca: "Eu son unha persoa totalmente consumida polo presente". Así as cousas, a memoria comunal vólvese un estorbo e as lembranzas particulares tórnanse pelicas resecas abandonadas polas cobras que rexuvenecen trocando de coira cada primavera. Ese desexo de refundarse e renacer outro alcanza proporcións apoteósicas cada fin de ano, cando a xente ve a posibilidade de renovarse co auxilio da loteria ou coa soa axuda do propósito de emenda.
Os festexos de Aninovo encaixan perfectamente na tendencia hodierna á muda constante, non tanto a Noiteboa, minada pola disolución da familia tradicional e pola escaseza de nenos (un Nadal sen ferreñas nin pequenos é case inconcibible). Moitos arrenegan do arborico iluminado, do belén napolitano e do bacallau con verdura para tocar a chanca por roteiros turísticos, coa pretensión de vencer a monotonía do tempo cíclico e do espazo familiar. Mal saben que o mercado global disolveu a autonomía e calidade dos lugares ("A puxanza da homoxeneización é a artillería pesada que esbarrúa tódalas murallas de China". Guy Debord).
Será mellor apañar musgo e introducir na casa -no Nacemento- a xeometría dos valados; será ben cantar os Reis, aloumiñar os parentes e acordarse dos agasallos que ilusionaron a nosa nenice: do camión, da bicicleta ou do tomiño con aventuras de James Bond. O raparigo que sobrevive en nós aínda apampa diante dun Misterio entalado entre boi e burra, entre pallas.
Un fillo de Cacharro deixa o PP para promover o partido de Rosa Díez
"A mi padre el proyecto de la UPD le parece interesante", afirma
CRISTINA HUETE en El País.

PAN POR PAN xoves 20 decembro

Presentacións de libros na Biblioteca de OurenseUn orixinal sistema de presentacións na Biblioteca Pública, coa colaboración de Galaxia e os Institutos. O luns non puiden asistir porque falaba eu noutro lugar, a esas horas. Onte compartín un anaco dun animado debate con A. Riveiro Coello.
O pasado luns, no salón de actos da biblioteca da rúa Concello, Galaxiaorganizou a presentación da última novela de Alfredo Conde, María das Batallas. Con anterioridade, a editora fixérame a proposta de escoller algún alumno do instituto para que lese a novela e participase no seu día na referida presentación, opinando sobre a mesma, expresando as vivencias persoais que lle producira ou preguntando ao autor sobre aspectos da mesma.Tiña oído falar de María como excelente alumna e mais ávida lectora, e foi a ela a quen, un venres, lle propuxen presentar o libro (daquela tamén podía optar polo de A. Riveiro Coello, Os ollos de K, que xustamente tamén sepresenta hoxe). Aceptou decidida despois de lle botar unha ollada na fin de semana. Canda ela participou outro rapaz (Alexandre?), que viña do Otero Pedrayo. E foi un éxito. Para Galaxia, que soubo escoller un formato áxil e cheo de credibilidade, moi axeitado para este tipo de actos. Para Alfredo Conde e a súa novela, que recolleron dos mozos loanzas e parabéns que soaban sinceros.Para o público, ao que nos resultaron gratas e mesmo emocionantes estas presenzas xuvenís tan competentes. E para a moza. María González puido facer exhibición dunha capacidade de análise que escapou da rixidez dos guións académicos, comunicando con naturalidade (espontánea só na aparencia), nun galego conciso, enxebre na gramática e auténtico na dicción. Era o ton que cumpría, sen deixar de ser rigorosa e profunda.María é de Chandrexa de Queixa. Souben no acto que tiña gañado un concursode relatos no Centro Galego de Leoia. Creo.Un saúdo.
19 dic 2007
Aínda aprendo (Goya) Octoxenario, Goya represéntase a si mesmo nun debuxo (Museo do Prado), como un vello Matusalén, sobre un lema atribuído a Miguel Anxo: "Aún aprendo".
Entre Raimon e Voces Ceibes
Unha mostra lembrará as folgas estudiantís do 68 galego (D. Salgado en EP 19 dec.)
A Galicia contemporánea naceu, como fábrica de ideas, en 1968", afirmou o vicerrector da USC Elías Torres na presentación da mostra. "O período de mobilizacións que vai de 1968 ata 1977 marcou, para ben e para mal, o que somos hoxe en día", dixo, e lembrou: "Non por nada, dous que estaban alí son na actualidade presidentes de comunidades autónomas". Os dirixentes comunistas Vicente Álvarez Areces e Emilio Pérez Touriño encontrábanse á cabeza do "cachón de reivindicacións" que desembocou nunha folga de tres meses na universidade compostelana, finalizada co cese do reitor, o gobernador civil da Coruña e mesmo o ministro de Educación" (...)
Os días convulsos de 1968 tamén constituíron a forxa da camada política hoxe instalada no poder, iso si, con certo retraso respecto a outros países europeos. "Agrupacións de cristiáns de bae e, sobre todo, o Partido Comunista levaron o peso do 68", apunta, e enumera nomes: Cándido Conde-Pumpido, Enrique López Veiga, Fermín Bouza, Marisa Melón, Francisco Tuco Cerviño ou Carmen Nieves.
Do Gaudeamos Igitur ao Venceremos nós, que se poderá ver no edificio compostelano de Fonseca, está formada por materiais escritos e fotográficos -de panfletos políticos a fichas policiais- recopilados por Ricardo Gurriarán na Fundación 10 de Marzo e en arquivos históricos galegos e foráneos. Ademais, a exposición conta con fontes orais, resultado de 99 entrevistas de dúas horas de duración cos protagonistas dos feitos, incluido algún policía.
Mércores 19 dec., 2o h., na Biblioteca Pública, Antón Riveiro Coello presenta a súa última novela, Os ollos de K.
Xoves 20 dec., 2o,15 h., no Liceo, o historiador da USC, catedrático de Historia Contemporánea, Xavier Castro, presenta o seu último libro, Historia de vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX (Nigra).
Esta obra gañou o XII Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo 2007 do Concello de Valga e recolle os traballos e os días dos galegos nos últimos douscentos anos, nas xentes da máis variada condición social: vestido e alimentación, hixiene e escola, familia e sexualidade, etc. O historiador estará acompañado neste acto polos seus colegas Jesús de Juana e Marcos Valcárcel.
18 dic 2007

O luns pasado estiven no Club de Maiores de Caixa Galicia, que celebra os seus primeiros 25 anos de vida. Convidáronme a falar da visión do mundo dos maiores na literatura e nas artes e preparei un power point que revisa o que do mundo da vellez dixeron ou pintaron, en diferentes épocas, poetas e artistas. De todo houbo na viña do Señor: dende os deuses e santos que simbolizaron as grandes virtudes e valores no Renacemento ou no Barroco ata a visión sarcástica dun Quevedo ou dos poetas trobadorescos de escarnio a bulrarse dos desexos e pecados da vellez. Entre todos eles, poucos tan lúcidos como o noso xenial Castelao, dunha excepcional empatía, sobre todo en “Cousas” pois en “Os vellos non deben de namorarse” deixouse levar por un certo moralismo. O público, ben agradecido: levaba eu uns 40 minutos a falar e pregunteilles se querían que seguise. Dixeron que si: non se aburrían.
¿Bo Nadal? ¿Sonorización da oclusiva dental? (Afonso Monxardín, GH 18 decembro)
Curiosa fascinación pola morte (Andoliña 18 dec.)
Os ministros que pon Galiza (Xosé M. Sarille, ECG 18 dec.)
Sasha en Peredelkino (Luís González Tosar, ECG 18 dec.)

17 dic 2007
Espiritualidad (Eduardo Mendoza, hoxe en El País) Después de 40 años de vagar por el desierto, el pueblo de Israel, aprovechando la ausencia de Moisés, construyó un becerro de oro y lo adoró como si fuera un dios. La Biblia reprueba esta inconstancia, pero la decisión, si se piensa, es razonable. Entre Egipto e Israel hay unos 500 kilómetros mal contados; a una media de cinco kilómetros diarios, que no es matarse, con un mapa y un poco de sentido común, los israelíes habrían llegado a la tierra prometida en poco más de tres meses. Cuando llevaban un retraso de cuatro décadas, perdieron la confianza en su guía y, sin renunciar a la fe, se buscaron un dios que les pareció más amable o, por lo menos, más asequible.
Volviendo a mi razonamiento inicial, creo que hoy pasa algo similar. Después de tantos siglos de castigos divinos y promesas incumplidas, de tanto anatema y tanta prohibición, la gente no ha renunciado a la fe, pero se ha buscado otro destinatario, al que rinde el mismo culto con la misma convicción, la misma devoción, la misma esperanza y la misma entrega. Con la misma paciencia el creyente se aglomera en los grandes almacenes o entra arrodillado en la pequeña tienda, como antes entraba en la catedral o en la ermita, dispuesto a entregar cuanto posee a cambio de mucha luminotecnia, grandes palabras y, en resumidas cuentas, bien poca cosa. ¿Falta de espiritualidad? Todo lo contrario. La misma o más, siempre que redefinamos el concepto. Porque, al fin y al cabo, entre un cura atrabiliario de hisopo y trabuco y el atento y eficaz dependiente de El Corte Inglés, ¿usted con quién se queda?
A vida e o mundo de Carlos Casares, a debate en Ourense
O colaborador de GALICIA HOXE, Marcos Valcárcel e o poeta Arcadio López Casanova participaron no Simposio
A xeito de balance: aparece hoxe en Galicia Hoxe e en La Región.


