8 abr 2008


Lembranza do Volter
(ANT 3-4-08)
Hai unha década, máis ou menos, xuntouse un grupo de amigos en Ourense, todos eles homes do galeguismo e da esquerda, e decidiron celebrar cada ano a festa da proclamación da Segunda República, facendo unha homenaxe sinxela a persoas da cidade significativas na memoria histórica auriense. Cun total pluralismo ideolóxico por esas homenaxes pasaron persoas como o galeguista das Mocidades, Luís Taboada, hoxe residente en Vigo; o vello comunista Clemente, peza clave ademais no mundo do xadrez nas Burgas; o anarquista Pepe Formigo e a súa dona, e moitos máis. Ese grupo constituíuse logo como Asociación de Amigos da República e impulsou a realización dun fermoso monumento, en clave simbólica-musical, no cemiterio de San Francisco, perto de onde foron fusilados varios centos de ourensáns. Con entusiasmo, estes amigos programaron cada ano múltiples actividades paralelas e foron capaces de axuntar cada 14 de abril arredor de trescentas persoas, de todos os colores políticos, nestas andainas.
Seica este ano despiden esta xeira de homenaxes e acordaron celebrar unha lembranza dos artistiñas do bar Tucho, rebautizado como Volter por Vicente Risco, ese núcleo admirable formado por pintores e escultores como Xosé Luís de Dios, Acisclo Manzano, Xaime Quessada, Manuel García Buciños, Xavier Pousa, Arturo Baltar e Virxilio. Entre as múltiples actividades programadas está previsto un Roteiro polo casco vello, conducido por Ánxeles Cuña, con 12 lugares vinculados ós artistiñas onde haberá diversos tipos de accións musicais, poéticas e teatrais. O Volter, desaparecido nos 70 pola desidia ourensá, insírese na tradición dos faladoiros da cidade nos anos 50 e 60 e reflicte, unha vez máis, o papel de maxisterio de Risco en tantas tarefas intelectuais: o creador de “O porco de pé” xa en 1960 facía crítica artística sobre a considerada primeira exposición de arte abstracta na cidade e de seguro abriu moitas mentes ás novas ideas: Carlos Casares, asiduo a outras das súas tertulias, teno contado moitas veces. Discípulo daquela xeira foi tamén o xa falecido Xaime Quessada quen definiu nunha ocasión a Risco como “O Gran Bruxo Hiperbóreo”, subliñando a súa admiración sincera pola súa figura, símbolo, na creación artística, de antidogmatismo e modernidade intelectual. (Máis fotos en Ourensanía)
en poleiro alleo: lingua e zucre

Comerá, comerá, zucre (Afonso V. Monxardín en Galicia Hoxe 8 abril)

Pero agora no dicionario da RAG, se non mirei mal, aparece só "azucre". E a min a forma resúltame un pouco estraña e non me acaba de gustar. En castelán e portugués é facilmente recoñecible a palabra árabe co seu artigo correspondente as-sukkar, pero nas outras linguas pasou ben sen este artigo e parécense máis á miña forma patrimonial, non quero dicir, claro, "máis galega". Así en catalán sucre, en francés sucre, en italiano zucchero, en alemán zucker, en inglés sugar etc. Só o castelán-portugués comparte este "a" inicial.
Pois a min ocórreseme pensar, ao ver a similitude da miña forma galega coa francesa -e coa catalá- se non tería chegado o consumo do zucre a Galicia polo camiño de Santiago en época medieval, canda outras palabras de cousas de comer, coma o xamón, que tamén nesta cousa nos afastamos do "presunto" etimolóxico do noso sur. En calquera caso, direi como me manden. E se non me gusta, bótolle zucre.


Queridísimas antenas, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 8-4-08)
Esperanza Aguirre desestabiliza a Rajoy na véspera do debate de investidura
A presidenta de Madrid recoñece que “a día de hoxe” non entra nos seus plans disputarlle a presidencia do PP, pero non o descarta porque “sería un desprezo”. Insiste en que, cando o decida, o primeiro en sabelo será o actual líder dos populares (EFE . MADRID). A nova en Galicia Hoxe.
A galeguización do comercio, de X. M. Sarille (ECG 8 abril)

Cando o deputado Bieito Lobeira propón que nas axudas da Xunta aos comercios se inclúa o uso do idioma galego como mérito de concesión, este señor non está transgredindo ningunha norma, nin moito menos dereitos fundamentais. Só desde unha posición agresiva se pode considerar así. Os méritos poden ser de varios tipos, e entre eles pode estar, sen dúbida, o de mellorar a atención aos clientes que desexan ser atendidos en galego, unha das linguas oficiais de Galiza. Até aquí estamos de acordo con Lobeira.
Mais esta iniciativa xorde cando nos aproximamos ao remate da lexislatura autonómica. E ademais provoca diferencias entre os políticos que apoian o goberno galego. Todo isto é sorprendente porque o PSOE e o BNG pactaron un programa, aínda que non se note nos feitos (a penas o desenvolven), no que estableceron cinco eixes fundamentais de goberno, un dos cales é a normalización da lingua galega. E claro, se a normalización do galego é un dos cinco eixes, ao cabo de tres anos e pico de goberno, as prácticas deberían estar xa rodadas e con resultados visíbeis; no entanto hai menos febra que en calquera goberno de Fraga, dito isto con obxectividade, con datos na man e coa calma de quen está lonxe.
Que está a pasar entón? Varias cousas. Unha, que como non hai folla de ruta na política de lingua, non se sabe como facer. Outra, que Lobeira non transgride ningún dereito, pero tacticamente a súa iniciativa é pésima e calquera persoa algo avisada podía prever a controversia que agora suscita. Sería distinto se na iniciativa comprometese coa Consellaría de Industria á Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que esta última engadise diñeiro para aqueles interesados en galeguizar o seu comercio cando o van reformar. Cunha boa proposta serían case todos. Para iso está ese organismo e non para facer estudos de filoloxía.
E a última. Nin o PSOE nin o BNG queren abordar o asunto do idioma, agás algún espontáneo. Percíbeno como unha fonte de conflitos. É unha visión simple, a moita distancia da preparación e da complexidade que require o asunto, pero é o que hai.

Negritude.
Pan por Pan martes 8 abril. Na imaxe, Steve Biko.

Na cultura universal do século XX, destacan, ó carón de Martin Luther King, varios nomes que simbolizan o mundo da negritude. Como Kwame Nkrumah,un dos líderes da independencia de Ghana e pai das teorías panafricanistas, relembrado nun dos discursos de Luther King. Leopold Senghor, o gran poeta senegalés, xefe de Estado do seu país, que xa veu a este noso curruncho cando a súa morte (2001). Aimé Cesaire, o poeta da Martinica, que fixo da poesía un arma a favor da loita anticolonial. Patrice Lumumba, líder da independencia do Congo, derrubado despois por un golpe de estado para impoñer ó ditador Mobutu. Steve Biko, símbolo da causa contra o apartheid sudafricano, e Frantz Fanon, nacido en Martinica, estudante en París, teórico da descolonización e militante da independencia de Arxelia, ensaísta e autor de obras tan relevantes como “Os condenados da terra”.

7 abr 2008

En poleiro alleo. PREMIOS NACIONAIS DE CULTURA, de X. L. Méndez Ferrín (FV. 7 abril)

Foi Ferrín quen demandou hai uns meses, nun artigo no Faro, a necesidade duns Premios Nacionais de Cultura para a nación galega.

A Xunta recolleu o reto de man da conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, e Ferrín felicítase por iso, pero esixe certas reformas e melloras na convocatoria.
Ourensanía n. 150. Coa imaxe do Blanco Amor "encadeado", que xa coñecen os lectores deste blog, chegamos ó n. 150. Entre as últimas entradas, quedan algunhas tampas fotografadas por Monxardín, cousas de artistas como Felipe Senén, Iñaqui Basallo e Xaime Quessada e fotos dos anos 70 de Carlos Casares. Tamén este anuncio dunha cantante de La Bilbaína, sacado de La Región, da sección "Historia en 4 tempos", de Maribel Outeiriño. Graciñas, repito, a todos os que están a achegar fotos: Xoán da Coba, Monxardín, Benito Losada, Gustavo Peaguda, Pepe Trebolle, Tacho, etc. etc.
LUTHER KING, CORENTA ANOS DESPOIS
La Región 7 abril. Debuxo de Horacio Cardo. Na outra imaxe, Rosa Parks.


Corenta anos. Publícanse nos xornais e revistas diversos artigos sobre o líder antirracista cando se cumpriron 40 anos da morte de Martin Luther King, asasinado en Memphis, no Hotel Lorraine. Moitos deles subliñan que a súa mensaxe e a súa lembranza seguen moi vivas nuns Estados Unidos que superaron xa hai décadas as leis racistas e segregacionistas. O cal non quere dicir que a situación dos negros norteamericanos (aló din afroamericanos) sexa moi positiva: como colectivo seguen nos últimos postos da pirámide social e enchen os cárceres en porcentaxe moi superior ós brancos. Outro xornalista informa que os negros de Mississipi teñen a mesma esperanza de vida que a poboación que vive en Xordania ou Tailandia. E todos lembramos o que pasou co furacán Katrina en Nova Orleans e quen foron os máximos afectados, en parte abandonados polo goberno.
Discursos. Con ese motivo lin nestes días varias biografías e discursos do líder negro. E manteñen tamén a súa plena vixencia. Non en van Luther King era pastor dunha igrexa baptista e obsérvase ben o dominio que tiña o noso protagonista dos recursos da oratoria clásica. En decembro de 1955 unha modista de color, Rosa Parks (morreu hai uns meses), esgotada tras dunha xornada de traballo, negouse a ceder o seu asento a un branco, tal como estipulaban as inxustas leis de Alabama. Foi o sinal de saída da loita e alí estaba Luther King, para organizar os movementos de solidariedade con Rosa Parks: os negros boicotearon os autobuses para que se abolisen as medidas discriminatorias, durante 384 días, con redes de cooperación e axuda mutuas. Un ano despois a Corte Suprema de Estados Unidos declarou inconstitucionais as leis discriminatorias nos transportes.
Teño un soño. O discurso máis coñecido de Luther King é o pronunciado na Marcha sobre Washington, o 28 de agosto de 1963, en Washington e titulado “Teño un soño”: está accesible en Internet e mesmo en Youtube. É un impresionante canto á liberdade, que parte da propia historia da explotación dos escravos en Norteamérica e apela a un futuro de xustiza no que poidan convivir, en pé de igualdade, negros e brancos, chamando tamén a solidariedade dos “irmáns brancos”: “soño que un día, nas vermellas montañas de Georgia, os fillos dos antigos escravos e os fillos dos antigos donos de escravos se poidan sentar xuntos á mesa da irmandade”.

Seis anos antes, cando aínda non era tan popular, Luther King pronunciou un sermón na igrexa baptista de Bethel (abril 1957), en Montgomery, Alabama. Aquel sermón, titulado “O nacemento dunha nova nación”, reconstrúe con detalle os actos oficiais, nos que el estivo convidado, da independencia de Ghana (antiga Costa do Ouro) e o papel do líder negro Kwame Nkrumah. Hai un plano cinematográfico no discurso: cando conta como os novos líderes desa nación libre entran na cerimonia vestidos cos gorros e roupas que usaron na prisión nos longos meses que estiveron presos. Dous fermosos discursos que deberían, creo eu, ser lidos tamén nas nosas escolas.

6 abr 2008




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1999: HOMENAXE A ROBERTO BLANCO TORRES.
(Nas imaxes, RBT e un debuxo de Colmeiro, do que se expuña unha ampla antolóxica en 1999).

Amigos da República: homenaxe ós artistiñas do Volter (programa)
(O cartel é un deseño do artista Iñaqui Basallo)

Por décimo ano, Amigos da República, asociación apartidaria que reúne en Ourense, como o seu nome indica, a amigos/as e ademais republicano/as quere lembrar nestas datas a II República española e os valores que defendeu, valores todos eles fundamentais para o desenvolvemento da sociedade: Liberdade, Igualdade, Fraternidade e laicismo.
Un dos sinais de identidade da nosa asociación é querer representar aqueles valores en persoas do noso entorno. Nesta ocasión queremos homenaxear aos Artistiñas, grupo de artistas ourensáns ou residentes nesta cidade denominados así polo escritor Vicente Risco, con quen se reunían e falaban do humano e o divino na taberna ourensá do Tucho, na praza do Eironciño dos Cabaleiros. Risco comezou a chamar a aquela taberna O Volter xa que lle lembraba a un café de Zürich, Cabaret Voltaire.

Os seus integrantes: Xaime Quessada, José Luis de Dios (pintores), Acisclo Manzano, Manolo Buciños (escultores), Virxilio (pintor), Arturo Baltar (escultor) e Xabier Pousa (pintor) son os protagonistas deste ano, xa que pertencen a unha xeración que bebeu nos valores da República e que tanto polo seu traballo como polo compromiso ideolóxico tentaron que a Liberdade regresara tras a “longa noite de pedra”, que dixo Celso Emilio Ferreiro.

O pasado ano homenaxeamos aos cidadáns/ás que protagonizaron unha heroica resistencia cívica aos golpistas: Camilo Pérez Pato e Manuel Prieto García, veciños respectivamente de Paderne de Allariz e Entrimo, que defendendo a República dende o Quinto Rexemento defenderon aos cidadáns/ás, o que fixo que coñeceran a represión, cadea e campo de concentración. Amigos da República homenaxeou tamén a Pepín e Honesta: “Dous loitadores pola Liberdade” (1998); ao mestre galeguista Luís Taboada Camoeiras (2000); a Josefina González Cudeiro, Maruja González Cudeiro, Luisa González Cudeiro e Fina Priede Priede (2001), representantes do papel da muller neste período de progreso e liberdade, interrompido polo golpe de Estado fascista. No 2002 os actos centraranse no movemento sindical na República, personificado no veciño de Ventosela, José Bóveda Formigo, mentres que no 2003 foron homenaxeados os guerrilleiros na persoa de Camilo de Dios, o guerrilleiro da Limia. Ao ano seguinte foron homenaxeados os veciños de Cambedo, pobo da Raia. En 2005 a homenaxe recaeu en Clemente Jiménez, mentres que en 2006 o homenaxeado foi Julio Alonso Losada.

ACTOS. Mércores 9 ABRIL
Presentación do libro: “Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República. Álbum de Guerra”.
Venres 11- ABRIL. Mesa redonda: “Da ditadura á Democracia, pasando polo Volter”, presentada por Benito Losada. Participarán Arturo Lezcano e Marcos Valcárcel.
Cea da República: “Homenaxe aos artistiñas”.
Domingo 13- ABRIL. Cemiterio de Ourense: Homenaxe aos republicanos/as fusilados/as. Presentación: Xosé Lois Carrión.
Luns 14 - ABRIL
Homenaxe aos Artistiñas: Pasarrúas republicano, con atención especial ás obras urbanas dos Artistiñas instaladas na cidade de Ourense. Coordinado por Ánxeles Cuña e Sarabela. Ánxeles preparou un amplo e interesante programa que transcribimos no inicio dos comentarios.
Venres 25 abril. Concerto RockPública. Actúan: Cuchufellos e Sonoro Maxín.
Unha imaxe quizais pouco atinada (pero explicable) de Anxo Quintana

Se son certas as declaracións que hoxe recolle La Voz de Galicia, Anxo Quintana non estivo moi espilido nesta imaxe para defender o galego. Xulguen vostedes mesmos: se lles dicimos ós mozos, que desertan da súa lingua, isto que segue, que poden pensar eles?

El dirigente del BNG resaltó que hacía estas declaraciones ahora que se había suscitado nuevamente una polémica sobre el empleo del gallego. Añadió: «En calquera pobo de Galicia os nenos crecen e aprenden castelán, só faltaría. Nun pobo cunha galescola seguirán aprendendo castelán e falando castelán. A diferenza é que nun pobo con galescola damos un pasiño máis para que os nenos aprendan tamén o galego, que é o noso idioma».
Sobre la utilidad del gallego, Quintana precisó: «¿Para que serve o galego? ¿E para que serve unha nai de 82 anos, con párkinson e incapaz de moverse? Coidámola para que viva o mellor que poida porque é a nosa nai. Pois o galego coidámolo porque é noso e por principios».


Actualización (7 abril).
Por motivos que constan nos Comentarios, decidín suavizar o título deste post. Os políticos teñen que falar a cotío e non sempre con tempo para pensar as imaxes retóricas que poidan utilizar: se esta imaxe parte dunha experiencia persoal, obviamente cambia o sentido do manifestado (aínda que non o entendan así os que lean o xornal).
Entrevista en Faro de Ourense

No Faro de Ourense de hoxe sae unha longa entrevista miña, que me fixo o xornalista Xosé Manuel del Caño na súa serie dominical sobre artistas e escritores ourensáns. Publica ademais varias fotos miñas (algunha antiga) que xa coñecen os habituais do blog. Creo que esas páxinas non están na Rede, só en papel. Se a consigo, aínda a traerei ata aquí.

en poleiro alleo: festas en galego (Imaxe de Bansky)

- Cancións en galego. Máis dun cento de concellos pactan galeguizar as súas festas. As orquestras deberán interpretar unha de cada catro cancións en galego (LVG 6 abril)


- Expulsan dunha Hermandad a unha lesbiana por orden del Obispado de Ciudad Real (ECG 6 abril).



Ourensanía

Entran no arquivo da Ourensanía imaxes da cidade como esta das pontes e o Miño ou outras máis antigas do centro urbano (Banco de España) e varias vistas da Catedral.
Tamén unha pequena serie de personaxes populares como o Cepo (na imaxe, do arquivo do pintor Carlos Vello e da web de Moncho Conde Corbal), o doutor Gallego, a charanga do Cuco de Velle e o cenetista José Bóveda. E algunhas obras de arte de Arturo Baltar e Conde Corbal.

5 abr 2008


Ciprianillo
(Na foto, achegada por Félix Castro Vicente, un Libro de San Cipriano, Ed. Maucci, Barcelona, 191o)

Nestes días, nos escaparates da entrada da Libraría Torga, pódese contemplar unha escolma de Ciprianillos, da colección de Félix Castro Vicente. Paga a pena botarlles unha ollada, sen dúbida.

Galicia Encantada: conversa con Félix Castro Vicente sobre o Ciprianillo.

O Ciprianillo nas crenzas galegas

O poema de Curros sobre o Ciprianillo

Luther King.
Pan por Pan sábado 5 abril
Onte cumpríronse 40 anos da morte de Martin Luther King, un dos grandes nomes do século XX. Símbolo da loita polos dereitos civís e dos métodos de non violencia activa e de desobediencia civil, na liña de Gandhi e Thoreau, foi quen de axuntar un cuarto de millón de persoas en Washington e ser recibido polo presidente Kennedy. En 1964, con 35 anos, logrou converterse no Premio Nobel da Paz máis novo da historia. Catro anos despois sería asasinado. Non sabemos se Luther King estaría contento cos Estados Unidos de hoxe: abolidas as leis racistas, cada vez hai máis políticos e executivos negros, pero o 23 por cento das persoas de color viven na pobreza. Podería mesmo chegar a haber un presidente negro, Barak Obama: supoño que iso sería unha gran vitoria para a memoria do líder de Montgomery, Alabama. E para a loita antiracista en todo o mundo.

Irmaus

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero ti, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmau che falo.
Se é túa a miña noite,
se choran os meus ollos o teu pranto,
se os nosos berros son igoales,
coma un irmau che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro e eu branco,
se temos semellantes as feridas,
coma un irmau che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
se os nosos soños son igoales,
coma un irmau che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmau che falo.
(Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de Pedra)

4 abr 2008


Lembranza de Sebastián Martínez-Risco. Xustiza e lingua galega.
(Da serie OURENSE, UNIVERSO LITERARIO (39), de M. Valcárcel)

Desempeñou durante 17 anos a presidencia da Academia Galega nun período moi relevante (1960-1977): institucionalización do Día das Letras Galegas, creación do museo Pardo Bazán, etc.; nun traballo recente lembraba Alonso Montero os esforzos de Sebastián Martínez-Risco para homenaxear, en anos ben difíciles, a figura de Castelao. De feito, con el de presidente, a RAG editou a conferencia do rianxeiro sobre o “Humorismo”, adicoulle en 1964 o segundo Día das Letras Galegas, publicou un número monográfico sobre Castelao do seu Boletín en 1975 e textos como o discurso de ingreso de Fole, en 1963, sobre “Castelao i a tradición galeguista”. O labor de Sebastián, como sucede en moitas figuras do galeguismo desta hora, foi poliédrico: poeta, novelista, ensaísta, xurista, animador cultural, etc. Foi, sen dúbida, un dos artífices do proceso de restauración cultural na Galicia da posguerra, como demostra X.R. Freixeiro no seu estudo Sebastián Martínez Risco na cultura galega (Laiovento, 1994); mesmo cedeu o seu despacho profesional para a reunión fundacional clandestina que preparou a creación do Partido Socialista Galego (PSG), andaina da que andaban perto xentes como Fernández del Riego e Fermín Penzol. Tamén fixo xestións importantes para emendar as acepcións pexorativas da voz “gallego” do diccionario da Real Academia Española. Home de elevada formación intelectual, foi poeta modernista de novo, cando colaboraba en La Esfera de Madrid, e despois publicou volumes líricos como Nadaliñas ou Trebol Poético (Recuerdo de Compostela) (Roel, 1943), que conta cun gabancioso prólogo de Santiago Amaral (Otero Pedrayo). Publicou tamén a novela La tanza negra (1943), que narra o conflicto planteado a un xuíz nunha vila sometida ó dominio dun cacique contra quen ten de dictar sentencia; Carballo Calero, que estudou esta novela, vía no seu estilo pegadas de Azorín e Valera. A súa obra ensaística e xurídica é moi ampla, pero cómpre destacar estudios como O sentimento da Xustiza na literatura galega (discurso de ingreso na Academia, 1953); Presencia da lingua galega (1973); Las ideas jurídicas del Padre Feijóo (1973); Valores espresivos da obra de Castelao (1975), Raíz galega de Valle Inclán; Jurisconsultos gallegos: Paz Nóvoa, etc.
Paga a pena ler con atención os estudios de Sebastián Martínez-Risco. Por exemplo, Presencia da lingua galega, que non só recolle a evolución histórica e literaria do noso idioma e defende a identidade substancial do galego co tronco luso-brasileiro, senón que plantea os seus principais problemas á altura de 1973: a súa necesaria presencia na didáctica e na escola, na igrexa e nos medios de comunicación social, mesmo a imprescindible introducción do galego na función notarial e nos Tribunais. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1953, que fora respostado por Manuel Banet Fontenla, é outro texto excepcional: un rigoroso e exhaustivo traballo sobre “O sentimento da Xustiza na literatura galega” que viaxa ata os trobadores medievais e a literatura popular para reflectir cómo viron os galegos a función da Xustiza ó longo dos séculos. Polo estudio do erudito pasan os escarnios medievais (Xohán Airas, Esteban da Guarda, etc.), Valle Inclán, o Padre Sarmiento, Curros Enríquez, Rosalía, Ramón Cabanillas, Lamas Carvajal, Pérez Placer, as coplas populares, etc. Por certo, abundan as opinións moi críticas sobre xuíces, escribáns, avogados, alguaciles e testemuñas. Fálase tamén dos preitos (“O preito do pobre na proba morre”). Velaí esta fermosa copla da voz do pobo: “Tres cousas che fallan, Vila,/ si o preito queres gañar:/ ter razón, saber pedila/ e máis que cha queiran dar”.
(Engádese unha ficha biográfica en COMENTARIOS).
Pasa en Ourense...

A acusación rebaixa a petición de 40 a 26 anos de prisión para Benigno Moure, da Fundación San Rosendo (Faro de Ourense, 4 abril)

Moi simpática tamen a crónica que sae en Faro de Ourense (non a encontro en Internet, de M.J.A.) sobre o atraco á rexedora dun clube de alterne en Verín. Segundo se conta alí, toda a economía da zona depende deses clubes e da gasolineira e dos 400 portugueses que pasan cada día, porque a prostitución está prohibida en Portugal (isto é así?). Di que sen eses clubes tiñan que pechar restaurantes, perruquerías, comercios, etc...
Galicia racista, de Xosé L. Méndez Ferrín (Faro Vigo, 4 abril)

O espazo cultural e esportivo de Valença do Minho foi invadido recentemente de letreiros que asina Resistencia Ariana: cruces gamadas, triskeis de Álvaro das Casas, círculos coa cruz que fixera famoso o fascismo europeísta de Occident. Todo fala dunha supervivencia galega do vello nacionalsocialismo de CEDADE.Se a simboloxía é profusa e redundante, os textos son probes e están escritos (coma no caso de CEDADE) na ortografía "reintegracionista" que discurrira un día Carvalho Calero. Din: "Gallaecia naçóm ariana" e cousas do xénero. A resposta non tardou. Nun recente paseo pola zona vin as pintadas cruzadas e unha expresión contradictoria: "Abaixo os fascistas". Tamén polas rúas de Celanova se fai notar esta Resistencia Ariana galaico-duriense.En realidad R.A. é un grupo que imita o norteamericano Arian Resistence cuxos loucura e baixos instintos poden ser examinados polos cursidosos en internet. Baséanse na supremacia dunha inexistencia "raza aria", concepto no que se basaba unha parte da ideoloxía alemá do nacionalsocialismo (a parte fundamental era o anticomunismo). A noción de aria (en portugués "ariana") non ten outra explicación que unha ben feble: nalgunhas linguas indoeuropeas asiáticas arya significaba "xefe" membro da comunidade dominadora, de onde Irán e iraniano ou iraní (arabizado). Tal termo arya foi descoñecido polas linguas de Europa incluída as dos vellos xermanos e a dos habitantes da antigua Gallaecia e da antigua Lusitania.En realidade toda esta chafallada ideolóxica só ten o fin, entre nós, de lle dar cobertura a unha mobilización fascista e racista contra os xitanos, os norteafricanos, os hispanoamericanos, os pretos en xeral os emigrantes que veñen vivir entre nosoutros. A min estes "arios galaicos" fanme acordante daquel debuxo de Castelao que representaba un indixente con esta lexenda por baixo: "O home que mercou un can para ter en quen mandar". Se vostedes visitaren en You Tube o video de Resistencia Ariana-Galicia (Galiza, xa se sabe, é máis radikal ca Galicia) verán imaxes do grupo queimando ao estilo KKK, suxeitos coas caras cubertas con felos que representan caliveras ("Abajo la inteligencia, viva la Muerte": Millán Astray, na Coruña sempre en efixie) e un conxunto de encarapuchados que lle plantan lume (ou fogo, tanto ten) a unha bandeira galega coa estrela vermella de cinco puntas. O ideólogo actóctono que estes continuadores de CEDADE veneran como seu precursor é Vicente Risco e escriben moi pouco. Os contidos de R.A. reducense a isto: "Galicia e N. de Portugal unidos contra as razas inferiores que nos invaden".
II.
En moitos lugares de Galicia prodúcense manifestacións racistas de importancia contra a presencia de cidadáns (agora dígoo eu) da minoría xitana que leva connosco desde o século XIV (ou desde antes). En Vilaboa os muros aparecen pintados con slogans contra os marroquinos que escolleron ese concello e a freguesía de Paredes para vivir, mandar aló os nenos á escola e pagar os impostos e rendas de aluguer. O concello (maioría de "progreso") de Vilaboa xa lles proibiu aos veciños de orixe magrebí abrir no termo municipal unha mesquita.
III.
Estamos á espera dun movemento galego contra o racismo e a xenofobia.

A FOTO DA SEMANA: Sandra, filla do ex concelleiro socialista Isaías Carrasco, a escasos metros de Miren Azkarate (EFE). Publicada en El País 3 abril.