27 may 2008

en poleiro alleo
A ferocidade do Partido Popular (X.M. Sarille, ECG 27.5.08)
Se entre eles son capaces de insultarse e agredirse así, é fácil imaxinar o que estarían dispostos a facer cos demais se gañasen as eleccións e obtivesen o monopolio da estaca e a mordaza. Despois deste espectáculo, seguro que a maioría dos votantes do PP están espantados coa súa decisión de meter e...
en poleiro alleo
Motos etcétera, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 26.5.08)


Se algo cambiou nos últimos corenta anos -que cambiou todo- foron as motos. Cando eu era pequeno -curiosamente cada vez hai máis tempo discompraba coche a xente que algo tiña, e compraba moto quen tiña algo máis ca nada. Era a moto, pois, o medio de transporte por excelencia dos obreiros, ou sexa dos da construción; os outros -do Malingre ou do Pereira dos Santos- eran traballadores. Nesa época os obreiros en vez de casco gastaban no traballo un extremo refucido de saco de cemento na cabeza e como aínda non chegaran os ‘palés’, subían os ladrillos ás obras a través de cadeas de expertos lanzadores e cachadores de ladrillos voantes. Cobraban pouco e non tiñan dereito ningún. As súas motos tiñan tamén pouca cilindrada e unha protección anterior, ás veces flexible e adaptable ao corpo, co que se protexían do frío e humidade da mañá, por se non chegaban os papeis de periódico que entalaban entre peito e roupa. Esas motos proletarias chamábanse Guzzi ou Bultaco ou Derby -as Vespas empezaron como cousa máis ben señorita- e foron desaparecendo conforme melloraba a economía e triunfaba o desarrollismo na primeira metade dos setenta.
(artigo completo)

Don Paco Roque, de Antonio Piñeiro (LR. 26.5.08)
Hai uns días, mellor dito unhas semanas (o tempo pasa a unha velocidade que marea) falei aquí dun tal ‘Paco Roque’, facendo alusión a un alcume colectivo que dende hai moitos anos levamos pendurado do pescozo -coma un sambenito- os celanovenses.Tanto para os que se deron por aludidos e seica me quixeron organizar un ‘boicot’, como para os que non, voulles contar unha versión resumida de quén era o tal Paco Roque, que malia que moitos celanovenses non o saiban, aínda é posuidor dunha rúa en Celanova.



Presentación do libro de Chesi (texto e fotos de Trebolle).

Moi simpático e humoristico José Luis Cuerda, levantou moitas sorrisos.
"No debias llamarte José MªPérez, Chesi..bueno, pero mejor Chejof¡, casi "así comezou a sua disertación JL Cuerda. Saúdos, Trebolle.

(Máis fotos no blog de Trebolle)
REPUBLICANOS GALEGOS (e 3)
Andoliña 27 maio

Unha última nota sobre o interesante volume “República e republicanos en Galicia” (ARGA, 2006). Varios traballos inciden na historia do republicanismo dende o século XIX e comezos do XX: a conclusión dos mesmos é que o peso do republicanismo en Galicia estaba asentado décadas antes da Segunda República e acentuouse nos primeiros anos do século XX. Da forte ligazón entre republicanos e sociedades agrarias dá abondo datos o historiador Luis Giadás e a figura de Basilio Álvarez subliña esa realidade. Pero o mesmo se podería afirmar de nomes máis vinculados ó galeguismo como Ánxel Fole, Carlos Maside ou o mestre “Ben-Cho-Shey”, todos eles cunha presenza republicana anterior ó seu compromiso co Partido Galeguista.
Velaí o pouso, nas raíces do republicanismo, do papel dos mestres e das chamadas Escolas Laicas: diso fala Antón Costa e subliña a relevancia nos lideratos republicanos no noso país de intelectuais cunha forte relación coa emigración americana, ben como emigrantes eles ou como exiliados. A prensa, a escola, os líderes, foron creando un substrato cultural no que xermolaron os mellores valores republicanos: a democracia, o ideal da convivencia en liberdade e tolerancia.

PAN POR PAN martes 27 maio. Curros Enríquez.

Excelente na súa concepción e resultados, a exposición dedicada ó centenario da morte de Curros que se exhibe estes días na rúa que o poeta de “Aires da miña terra” ten na nosa cidade, diante do Parque de San Lázaro. Recolle con xeito os riscos fundamentais da vida e da obra do escritor e aínda achega unha mostra das moitas bandas sonoras que inspirou: Luís Emilio Batallán ou os Tamara cantando ou Manuel María recitando os versos do de Celanova. Fermoso, por exemplo, o cubo-panel que amosa as tarxetas de embarque dos emigrantes no porto da Coruña, coa súa descrición racial e idade: ata nenos de 15 anos entre os carnés que se expoñen. A mostra foi organizada pola Consellería de Cultura da Xunta, coa colaboración de varias cidades galegas. E debería rematar, cómo non, coa súa instalación na vila natal do poeta, Celanova. Antes de rematar este ano.

26 may 2008


A ledicia de vivir en Auria (Foto Trebolle)

Xoán Fonseca e Javier Casares cos seus amigos de compaña musical: cando pase por aquí o Xoán pediríalle, por favor, que nos identifique ó resto dos contertulios.

LOITAS DE PODER. AUTOCRÍTICA.
La Región 26 maio (Imaxe: o Saturno de Goya)

O poder. Esoutro día dicía eu neste mesmo xornal que era case imposible esculcar ideas diferentes ou posicións ideolóxicas nidias nos bandos enfrontados dentro do PP. O mesmo pensan dentro e, de feito, confesábao onte Jorge de Moragas, asesor principal de Rajoy: “Esta é unha loita de poder, non de ideas”. Se as ideas son as de sempre, qué move, pois, ás duascentas ou trescentas persoas que foron ata a sede de Genova a abouxar os seus líderes? Pois o deseño das estratexias futuras. Alguén botou contas e decatouse de que é case imposible gobernar España con ningún tipo de maioría sen o apoio dalgún dos nacionalismos periféricos: non saen as contas nin os votos precisos. Por iso Jorge Moragas di agora que el non renuncia a que lle vote un nacionalista moderado desencantado.
Nada novo. Tampouco é nada tan novo. Lembremos que Aznar chegou ó goberno cando falaba catalán na intimidade e demandaba (e lograba) os apoios de CIU e PNV. O centrodereita en España é plural e, dende logo, cataláns e vascos (podemos engadir galegos e canarios) non se senten cómodos cunha dereita de raigames só españolistas, que non entenda a pluralidade estrutural do Estado. Veremos, pois, a Rajoy e ós seus en adiante falando da “España plural”, como fixo Zapatero? Pois non sería mala cousa e, de paso, que o PP galego reivindique a súa propia galeguidade e se arrede radicalmente de campañas que inventan falsas realidades como unha suposta imposición do galego no noso país (pobriños dos castelán falantes, asediados polos xornais en galego, o cine en galego, a xustiza en galego, etc. non sei como poden soportalo!).
Extrema dereita. Di tamén Jorge Moragas que non é bo que haxa extrema dereita, supoño que se refire á organizada en partidos políticos (na sociedade nunca deixou de habela). Pero eu creo que para pular un modelo centrista e reformista, sería bo que o PP deixase caer pola borda toda a súa carga de extrema dereita. Iso non racha a unidade do centrodereita, pola contra define espazos rigorosos. E os votos que se perdan dunha banda, pódense recuper de abondo entre o electorado centrista, maioritario. Doutra banda, os retos do futuro son tan grandes que non creo que haxa posibilidade de convivencia tolerada nun mesmo partido: vexan o exemplo italiano, os extremistas están levando a toda a dereita e ó país en pleno a un discurso integrista, excluínte e xenófobo.
Outra crise. Hai outra crise que case non sae nos xornais, só en columniñas pequeniñas: a de Izquierda Unida. Xentes de vontade e esforzo militante, sumidas na confusión tralo desastre electoral. Cando menos Llamazares e os seus tiveron a valentía da autocrítica ó recoñecer nun comunicado que non coñecen ben a sociedade española. En realidade, iso pásalle a todos os partidos, tamén ós que gañan as eleccións. Só que cando gañas acertas na polaroid, na foto fixa dun momento dado. E con iso xa levas os votos necesarios. E vas tirando.
O Descendemento (vía Tacho).

25 may 2008

Cen anos de historia cutural
2002: Sarmiento. Abrente. Paratextos
25.05.2008

O ano 2002 foi o ano do Padre Sarmiento no Día das Letras e arredor da súa figura celebráronse actos en toda Galicia e tamén no Bierzo, coa colaboración da asociación Fala Ceibe. Publicáronse estudos de Antón Costa, Carlos Casares, Pilar Allegue, Sonia Varela, Xosé L. Barreiro, Mercedes Queizas, X.A.Liñares e A. Puentes Chao, etc. E tamén volumes como a edición de José Luís Pensado da Viaxe a Galicia do noso frade ilustrado.
Vexamos agora algúns traballos de ensaio e investigación publicados durante ese ano. No campo dos estudos literarios, rexistramos traballos como Manuel María: os traballos e os días, biografía sociocultural realizada por Camilo Gómez Torres (Laiovento); Romanceiro en lingua galega (Xerais), de X.R. Mariño Ferro e Carlos Luís Bernárdez; As cantigas de Santa María (Xerais), de Elvira Fidalgo; A novela policial (Laiovento), de Xesús González Gómez; O labor lírico do ilustrado cura de Fruime (Laiovento), de Xulio Pardo de Neyra; A linguaxe literaria (Xerais), de Manuel Rosales, e As mulleres escritoras, 1860-1870 (Laiovento), de Celia Armas. En Sotelo Blanco aparecía a Historia da literatura medieval galego-portuguesa, de Xosé R. Pena, e Antonia López García estudaba a obra de Bernardino Graña en Se as aves insistisen na ledicia (Laiovento).
Editábanse as actas do I Congreso Manuel Luís Acuña (celebrado en Trives no 2000) e o Diccionario metodolóxico de análise literaria, de Arcadio López- Casanova. Carme Blanco publicaba en Linteo o estudo Luz Pozo Garza. A ave do norte e Goretti Sanmartín ocupábase dun tema pouco tratado nas nosas letras: Lendo nas marxes. Lingua e compromiso nos paratextos, 1863-1936 (Espiral Maior). Alexandre Rodríguez Guerra ocupábase de Miguel de Unamuno e a lingua galega e Dolores Vilavedra e Inma López Silva da nosa historia teatral recente con Un abrente teatral. As mostras e o concurso de teatro de Ribadavia (Galaxia). Xesús Alonso Montero preparaba a escolma poética A guerrilla antifranquista e os guerrilleiros de Galicia na voz dos poetas. Nos estudos historiográficos, velaí o ensaio sobre o político e ensaísta Eloy Luis André (Baía), de Ramón López Vázquez; O inmigrante imaxinario (USC), de Xosé M. Núñez Seixas; A esperanza bretona, de Anxo Fernández, premio Vicente Risco de Ciencias Sociais; Alfredo Brañas. Textos en galego, de E. García Canosa e C. Nogueira Blanco; A memoria de Pontevedra (Xerais), de Víctor Freixanes, Carlos Díaz e Xosé Fortes; A filosofía krausista en Galicia, de Xosé R. López Vázquez (Centro Ramón Piñeiro). Xosé Luís Estévez revisaba as relacións de Castelao con Galeusca (Laiovento) e Xulio Ríos publicaba en Ediciós do Castro unha escolma do xornalismo de Plácido Castro.
(o artigo completo)

Fraga e o galego (onte, nun "onte" histórico)
Outro amigo (Juan Blanco, graciñas) mándame este rcorte coa nova (sacada do Correo de Galicia, de Buenos Aires) dunha multa de 50.000 pts. a "La Voz de Galicia" por un artigo sobre a lingua galega.
No recorte non se ve a data, pero supoño que se referirá a unha multa do ano 1968 (xuño), imposta por un artigo de Augusto Assía (si, leron ben, A. Assía) que afirmaba que o réxime franquista trataba ó idioma galego como se trataba ós negros en Norteamérica, nun sistema racista.
Escribín sobre isto hai anos, en LVG-Ourense, e por algures teño todos os recortes de LVG, varios, ó respecto.

Fío Musical (18): Janis Joplin (por Gustavo Peaguda)

Entro na tenda de discos. Dez, vinte, cen, douscentos discos que podo elexir. Só escollo un porque lembro aquello escribiu unha vez Xose Carlos Caneiro “ Janis Joplin que por fortuna rompe un día gris e o albor infame das ausencias”.*

Estas breves notas escribinnas nunca folla cando o meu tío estaba no Hospital de Ourense e os berros dos enfermos parecían os laios agonizantes da Janis Joplin.
Somebody to love ¡
Somebody to love!.
(* Estacion Sur. Xose Carlos Caneiro.)
A MIRADA RETIDA (3). O TUCHO.
La Región 25 maio, domingo.

Parece unha taberna sen máis e iso era de certo. Pero esta imaxe evoca parte da alma da nosa historia cultural. Hai unhas semanas, da man da Asociación de Amigos da República, homenaxeamos ós artistiñas do Volter cunha gran festa popular encabezada por Xosé Luís de Dios, Arturo Baltar, Buciños e Acisclo Manzano. Pola praza do Eirociño andaban unha chea de clónicos con gabardina gris, a súa boina, bigote e puro, en homenaxe ó Tucho, que el ben apreciaría.

Pois aquí teñen o Tucho real, en medio de botellas, adobíos kitsch e calendarios. Sen el non existiría, dende logo, o Volter que bautizou Vicente Risco e ó que deron corpo tantos artistas e escritores. Todos eles penduraron as súas pinturas e poemas nas paredes daquel humilde local. No interior, dende a entrada xa se podían ver moitos dos cadros e os históricos murais ó fondo, unha colección de bastóns, unha gaiola non sei se con paxaro ou sen el, unha imaxe da cabeza dun gran gato, mesiñas pequenas e tallos de madeira. (Foto: M.A.R. Yánez, prestada dende o blog de Ana Bande).

Puntualizando..
O amigo Trebolle faime chegar esta dedicatoria do libro "Scorpio", que o profesor Carvalho Calero lle asinou no seu día. "Carvalho" é a grafía que o autor usa na portada, como aquí xa comentamos e recoñecemos. Pero na dedicatoria manuscrita eu só acerto a ver un "Carvallo".
(esta é a entrada 1999 do blog)


Axenda. José Luis Cuerda presentará no Liceo o libro «A soidade das vogais» de José María Pérez Álvarez.
O Liceo da capital ourensá será escenario o luns a partir das 20.15 horas da presentación do libro La soledad de las vocales do escritor ourensán José María Pérez Álvarez, Chesi, polo que obtivo o premio Bruguera de novela na súa terceira edición. Ao acto de presentación acudirá o director de cine José Luis Cuerda, amigo do autor, que achegará aos presentes as reviravoltas da obra.

(Nota: as imaxes, fotos de Trebolle, son da presentación anterior no Liceo, de LAS ESTACIONES DE LA MUERTE. Introduciuno Manuel Zabal, cun texto ben traballado e orixinal. O autor dixo que optara por non variar o texto da súa primeira novela, publicada hai uns cantos anos, e definiuna como a súa "homenaxe a Ourense").

24 may 2008

Fío Musical (17). Vía Tacho.

O National Recording Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos cada ano decide recoller mostras sonoras para ser preservadas para a posteridade como bens culturais dada a sua importancia histórica. Na edicion diste ano esta , "Oh, pretty woman" (1964), do gran Roy Orbison..
Con ise motivo mandovos unha potentísima version cunha banda de luxo: Roy Orbinson, Bruce Springsteen, Jackson Browne, Elvis Costello, Tom Waits, T. Bone Burnett (Burnett versus Srpingsteen), J.D.Souther. Que o disfrutedes.
Dous datos.
Pan por pan sábado 24 maio. Foto: Tatiana Cardeal.

Publicáronse onte os resultados dun estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a inmigración en España. Xa hai 2,16 millóns de fogares nos que vive algún estranxeiro. Os máis numerosos son os marroquís, romaneses e ecuatorianos. No estudo hai dous datos que a min non me sorprenden, pero quizais si a alguén. Por exemplo, demóstrase que só 1 de cada 10 estranxeiros que chegaron a España fixérono en pateras ou caiucos; a maioría chegaron en autobús, tren ou avión, contra o que quixo facer crer certo discurso alarmista. Os caiucos son só a cara máis dramática dun fenómeno moito máis amplo. Outro dato curioso: o 65 por cento xa tiñan traballo antes de emigrar a España e viñeron por un emprego mellor ou por maior calidade de vida. Tamén sucedeu así cos emigrantes galegos en América: non sempre marchaban os máis pobres, senón os que tiñan máis gañas de mellorar.

23 may 2008

Brincadeira na ONU (vía Arume)

A ONU remata de finalizar a enquisa máis grande da súa historia. A pregunta foi:
- Por favor, responda honestamente, que opina da escaseza de alimentos no resto do mundo?
Os resultados foron desalentadores. A enquisa foi un completo fracaso.
1. Os europeos non entenderon qué significaba “escaseza”.
2. Os africanos non sabían qué eran “alimentos”.
3. Os israelís non entenderon qué quería dicir “por favor!”.
4. Os ianquis preguntaban qué significa “o resto do mundo”.
5. Os chineses e cubanos pedían que lles explicasen que significaba “que opina?”.
6. E no congreso arxentino, colombiano, chileno, boliviano, peruano, brasileiro e venezolano, aínda hoxe están debatendo qué quere dicir “honestamente”.

















FÍO MUSICAL 16: CANTANDO AO MAIO DO 68 (XABIMUSIC)
A verdade é que as cancións nos acompañan en tódolos momentos das nosas vidas. Xa que logo, non podían faltar as cancións sobre o "maio do 68" de profundas resoancias para algúns de nós. Non vou caer no lugar común de preguntarlles onde estaban hai 40 anos, pero si pedirlles que esgarabellen buscando na memoria a que lles soa esa data...
Máis en concreto ¿que lles parece a imaxe que Ismael Serrano nos deixa deses acontecementos? Velaí a a miña pequena contribución a un aniversario que está a pasar case desapercebido neste foro.
(P.S., este meu, M.V.: a moza da foto superior, a da minisaia, é a mesma da que fala o Ismael Serrano na súa cantiga):-
En minoría IV: Da putrefacción, de X.L. Méndez Ferrín (FV.23.5.08)
Teño entendido que encallaron estes días unha balea grande e outros cetáceos máis cativos na costa de Oia, entre cabo Silleiro e a praia do Fedorento, na Guarda. Din os xornais que están levando estes animais (seguramente Tragsa) para seren incinerados en Cerceda. O becho maior en volume parece que está mau de mover e non sei se o evacuarán ou xa o evacuaron por vía marítima.Todo o mundo está de acordo en que é normal retirar os animais mortos do monte ou da costa e facelos desaparecer por cremación. Eu discrepo, polo que me vexo en minoría.Penso que os cadáveres dos mamíferos mariños deberían ficar onde os botou o mar para alí podreceren. Cada cadáver é unha fonte e unha explosión gozosa de biodiversidade. Debemos entender as preas ou cadáveres de animais como teatro de nacemento, reprodución e morte de milleiros de individuos vivos e centos de especies que grazas a descomposición orgánica multiplican os seus sistemas orgánicos. Ver a putrefacción como algo maldito e indesexábel, non é unha actitude ecoloxista. Os cetáceos varados na costa deberían ficar alí e culminar o seu proceso de descomposición no mesmo sitio no que foron botados en seco. Este e os seus fillos microscópicos ou maiores darían conta das partes mergulladas do animal en tanto que outras entidades vivas de respiración aérea favoreceríanse das zonas corporais que emerxeron.En todo caso, e de non ser aceptados os cadáveres pola veciñanza humana, pensamos que o seu destino alternativo debera ser a rede de pudrideiros do monte galego que non existe como existe en Asturias e noutras comunidades de España e de Europa. Constitúe un grave atentado ecolóxico substraerlle á Natureza o acontecemento colosal e farturento dunha comprida balea defunta.Nunha prosa célebre (polo simpática) Dieste conta o caso dunha balea encallada nos Lombos do Ulla ou así e de como os de Rianxo e os de Carril desputaron pola titularidade do corpo do cetáceo. A min gostaríame mirar os de Oia e os ecoloxistas e toda a cidadanía, como se di agora nos círculos do poder autonómico, unidos para impedir que a balea ou baleas sexan levadas da nosas costa a fin de que o lume as reduza a cinsas. Charles Baudelaire escribiu un día un poderoso poema en homenaxe á beleza dun corpo de animal putrefacto que Lois Tobío verqueu ao galego co título de "A prea". O poema podería recollerse no cartel dunha campaña, hoxe impensábel, en defensa da carroña, da carniza, da presa, dos cadáveres en descomposición como centros de vida que deben ser protexidos.A balea é un animal (non sei por que) moi solicitado pola nova poesía galega. Supoño que as e os poetas (moitos) que procuran a balea como símbolo ou metáfora ou referencia faranno pensando en baleas vidas. Algún día, espero, á sombra de Baudelaire xurdirá unha poética das baleas mortas, máis dialéctica e menos soñadora.Para min, a máis relembrada bas baleas literarias non é Moby Dick, senón a que encallou nas ribeiras do Miño ao seu paso por Ourense segundo relataba "La Región" o Día de Inocentes de 1947.

REPUBLICANOS GALEGOS (2)
Andoliña venres 23 maio
(Imaxe: nunha mostra do posibilismo que practicaron os galeguistas históricos, Castelao colaborou cos seus debuxos durante varios anos nun "Faro" bastante reaccionario e antiautonomista).
A prensa galega dos anos da Segunda República non foi neutral. Non podía selo. No volume “República e republicanos en Galicia”, María Carme Pérez Pais estuda a posición do xornalismo a través dos catro grandes diarios do momento. O máis relevante era “El Pueblo Gallego”, neses anos da man de Portela Valladares, cuns trinta mil exemplares de venda. Foi un gran proxecto de xornal republicano, galeguista, democrático, laicista e reformista. Coas mellores firmas do galeguismo e das letras do momento. O que máis atención prestou ós problemas galegos e máis apoiou a campaña en pro da Autonomía.
O coruñés “La Voz de Galicia”, xornal liberal, partidario dunha República de orde, centrista, tiña entón a metade da difusión de EPG e vía no Partido Radical unha alternativa ata que se esfarelou no propio poder. Na dereita conservadora e antirrepublicana estaban entón “Faro de Vigo”, moi antiautonomista, e “El Ideal Gallego”, un dos máis reaccionarios do momento, totalmente vinculado á Igrexa. Xornais que non acataban as reformas modernizadoras do novo réxime: nin sequera aceptaban o divorcio que, escribían, desamparaba ás mulleres. Xornais de todas as cores, había para todos os gustos. Como hoxe mesmo.