29 nov 2007

Lembrando a Xulián Bolseiro

E, por fin, déronlle a razón ó noso trobador medieval:

Aquestas noites tan longas
que Deus fez en grave día
por mí, por que as non dormio
e por que as non fazía
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

Porque as fez Deus tan grandes
non posso eu dormir, coitada,
e, de como son sobejas,
quisera eu outra vegada
no tempo que meu amigo
soía falar comigo.

Porque as Deus fez tan grandes
sen mesura desiguaes
e as eu dormir non posso,
porque as non fez ataes
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

(Xulián Bolseiro)

A ciencia venlle dar a razón ó noso trobador medieval (e a M. Proust, de paso):
Investigadores da Universidade de Bos Aires aseguraron que a memoria garda con más facilidade datos vencellados con algunha carga afectiva.
(Vía Fíos invisibles)

Marías

(Bieito Iglesias en ECG 29 nov.)
(A imaxe real das dúas Marías procede do blog La Dama del Bosque)


Coa invernía quedan soas as Marías baixo a chuvia, sen turistas que lles pasen o brazo polo lombo para retratarse con contento infantil, como se estivesen en Disneylandia agarrados a Mickey Mouse. Témonos preguntado o doutor Fernández Pintos e mais eu (cando a tertulia dos xoves nos leva polo rego das cousas compostelás) de onde lles viría a nomeada.
Das Marías de Israel, que saían nas procesións de Semana Santa? Do conto tradicional As tres Marimondas, que trata de tres mulleres mal aviadas asustadoras dos nenos? Sexa mostra da cidade levítica na que moraron -coa simboloxía relixiosa omnipresente- ou comparanza con antroidos folclóricos, o caso é que as tres Marías (en verdade lémbranse dúas, a terceira faltou xa nos anos corenta) sobreviviron a alcumes e malicias humorísticas. Brillan na memoria citadina como notas de cor (a cor dos seus vestidos ou panos da cabeza e o po de arroz das súas caras) en medio dun Santiago escurecido pola posguerra, sen o café-cantante do primeiro terzo do século e co cinema como única escapatoria da pacatez. Cando as autoridades exiliaban os bailes da mocidade fóra do casco urbano, cando a soa diversión dos rapazolos era meterse cos villeus, elas paseaban maxestosamente polo Toural ou pola Alameda, encarnando un ideal feminino prohibido na época, pois non se conformaban coa división entre esposas decentes afectas ás novenas e perdidas moi perfumadas (as queridas dos señores) ou recluídas nas reservas do Pombal e d´A Rapa da Folla.
Teimaban na exhibición dun romantismo algo demodé, que no entanto supuña unha declaración de fe inquebrantable na beleza da vida coloreada e coqueta. Son a versión local de Gradisca, inesquecible personaxe de Fellini que paseará sempre por Rímini e polos fotogramas de Amarcord. Fermosamente apúñanse ao tenebroso nacionalcatolicismo, ataviadas como sacerdotisas de Madonna Frivolidade, "raíña do flirt e nai da galantería", en palabras de Vicente Risco.

Pintadas (8).
Pan por Pan xoves 29 novembro. Imaxe: Larry Semon.
Vai hoxe a penúltima entrega sobre as pintadas nas rúas: mañá remato con esta xeira, para que ninguén se aburra. As pintadas deben ter algo que ver co instinto dos animais para marcar o territorio: os humanos fano con sprays, eles con urina. Nesa liña están campañas nos muros como “O Bierzo galego” ou outras contra algún xentilicio: vostedes coñecen o slogan “Orensanos fuera de Samil”. Por Auria estivo en tempos aquela de “Dios ha muerto, Niezstche ha muerto. Y yo no me encuentro nada bien”, variante doutra que xa citei. Ácratas eran tamén as de “Sin libertad, el voto es una ilusión. Y con libertad es innencesario” e, pintada nun cimiterio, a de “Muertos, ¡moveos!, la tierra para el que la trabaja”. E un ben cachondo foi o que pintou en Compostela “Sito Miñanco, patriota galego. Liberdade!”.

28 nov 2007

Pilar Rahola en La Vanguardia

Pesimista, desencantada, hipercrítica... Pilar Rahola comeza hoxe unha serie de colaboracións puntuais en La Vanguardia co seu artigo "El perro flaco". Nel creo que ofrece unha boa síntese da historia cultural recente de Cataluña e da situación actual que, na súa opinión, non é nada esplendorosa (seica os galegos non somos os únicos a mortificarnos coa sorte do país):

Desde que tenemos democracia, ¿recordamos alguna gran obra de gobierno, a excepción de la creación de TV3? Y, sobre todo, ¿recordamos alguna aspiración política que fuera más allá del cortoplacismo táctico, o del esencialismo banal? A riesgo de merecer el maldito epíteto de derrotista, en este país que ha hecho del cofoisme una identidad, me atrevo a afirmar que Catalunya está seriamente enferma. Y no sólo por el insostenible crac de las infraestructuras, o la pérdida de competitividad económica, sino por algo mucho más profundo. Veamos la derivada infernal que nos dan las noticias. La misma Catalunya que había llegado a ser exportadora de pedagogía, y que cuenta con pedagogos de la categoría de un Francesc Ferrer i Guàrdia, un Alexandre Galí, una Rosa Sensat, un Joaquim Xirau o un Pere Vergés, es ahora tristemente célebre por encabezar el ranking del fracaso escolar. No sólo hemos perdido el liderazgo del pensamiento pedagógico, sino la ambición política para llevarlo a cabo.
migallas: caderno de formación do BNG en Compostela

Cóntao Mar Lasca na revista de Esquerda Nacionalista (n.7): O caderno de "formación" do BNG ou de como a UPG pensa que o BNG son eles.
É mellor que lean o artigo orixinal, na web de Esquerda Nacionalista.
Pero podo resumirlles algo, iso si:
A emancipación nacional galega atende á "influencia nestas análises dos teóricos marxistas do terceiro mundo, inspiradores teóricos dos movementos de liberación nacional, e de estudiosos do problema nacional en Europa".
"O problema nacional é o principal pólo de decantación do que é progresista e o que é reaccionario".
Fala o caderno do "peso cuantitativo importante na estrutura social co campesiñado...", na Galicia do 2006 (segundo un esquema de hai 40 anos cando menos).
Sublíñase a importancia do papel da UPG para que fose adiante a refundación do BNG en Riazor en 1982. Non se cita nunca a Esquerda Nacionalista.
As únicas persoas físicas do nacionalismo galego nomeadas son Castelao, Moncho Reboiras e Francisco Rodríguez. Ignóranse, en cambio, figuras como Xosé M. Beiras, Camilo Nogueira e moitas outras: todos estes pouco deberon facer na historia do BNG, seica.
Isto é o que se atopa quen entra no Bloque de independente na comarca de Santiago, engade, abraiada, a redactora do artigo, ademais de múltiples faltas de ortografía no caderno. O artista desta "fazaña" é coñecido de vello en terras ourensás-carballiñesas e hai algunhas outras "aventuras" moi gordas da súa autoría, que quedan para outra ocasión...

Pintadas (7).
Entrada 1300. Pan por Pan 28 nov. Imaxe: Buster Keaton.

Na pintada política os que mandan levan todos os paos, como é lóxico. Por iso hai tantas contra os Estados Unidos, velaí algunhas: “Europa es de los EE.UU.ropeos”, “España, hay quien te quiere y quien te U.S.A.” ou “Non á guerra. Destruír EEU e Israel”, Xa en plena democracia alguén pintou en maiúsculas: “¡Franco vive!”. E outro alguén puxo debaixo, con rotulador: “Pues se estará dando con la tapa”. Tamén era simpática aquela de “No se os puede dejar solos. Franco”. E lembran a campaña do Estatuto de Galicia, 1980? O lema oficial (quen foi o xenio?) era “Vota aínda que chova”. Despois das eleccións, cunha abafante abstención, pouco tardou algún gracioso en engadir: “Que, seica non choveu?”, aquí en Ourense. Fraga usou nunha campaña o lema “Es la hora de Fraga”. Pois en Compostela, na rúa do Villar, alguén puxo: “Vota en Canarias, é unha hora menos".

27 nov 2007


Migallas

O modelo sueco do Estado de benestar


Nestes momentos temos un problema: a utilización indebida dos subsidios. Fíxese que en tres países europeos que alardean de ofrecer unha excelente cobertura sanitaria aos seus cidadáns, Holanda, Noruega e Suecia, danse os índices máis elevados de baixas por enfermidade. A xente está sa, pero pide a baixa médica. Hai unha picaresca tremenda. En Suecia, a xente falta ao traballo unha media de 22 días ao ano, cando en Xapón a media é só de tres. Ambos casos son extremos. Pero non é só a baixa por enfermidade. No meu país, os pais poden faltar ao traballo cando os fillos están enfermos. O cal está moi ben. Pero na práctica, a xente queda en casa aínda que o neno se recupere completamente. Toda esta picaresca está destruíndo o Estado de benestar. A xente xubílase moi pronto en moitos países europeos, vanse a casa con 55 anos, ou menos; outros acóllense ao paro aínda que poidan obter un traballo. E a xente o ve tan normal. Fixemos unha enquisa non hai moito para saber se aos cidadáns parecíalles ben coller a baixa por enfermidade sen estar enfermos, e o 60% dos enquisados dixo que si.

(...) Por que cre vostede que ocorre? Ten algo que ver nisto a inmigración?
R. Non ten nada que ver, en absoluto. O que ocorre é que os subsidios son moi altos en relación cos salarios. En moitos casos, a diferenza entre cobrar o desemprego e cobrar o soldo é só do 10%. Ás veces, non hai diferenza algunha. P. Entón, que se pode facer?
R. Hai solucións. Unha é reducir os subsidios; outra, aumentar os controis. Pero iso é bastante difícil, porque a maioría dos enfermos teñen síntomas que ningún médico pode comprobar. O 60% das baixas son por dores de costas e por depresión. Unha solución que están utilizando británicos e estadounidenses é pagar subsidios ao que traballa, é dicir, incentivar ao que traballa.


Fados (escoitado na radio)

Entrevista a Mísia en Radio 3. Bota pestes contra o "purista" Carlos do Carmo. Acúsao de vetala de xeito explícito na película sobre os fados de Carlos Saura. E de dar unha imaxe falsa e depauperada de Amalia Rodrigues (Do Carmo é director artístico do filme). Que opinan os nosos expertos no xénero?
Al Gore, a ZEPA e as nucleares
(Afonso Vázquez-Monxardín, en La Región, 27 nov.)

Este vai noutro poleiro por separado, porque supuxen que sería polémico e para non mesturar os debates.

en poleiro alleo: o tren, as pobrezas e saudades do pra

Viaxando en tren por Galicia: "Subidos en foguetes" (Xosé M. Sarille, ECG, 27 nov.)

"Un til para para" (Afonso Monxardín, GH, 27 nov.): curiosidades das normativas

"Pobreza en Europa" (Fernán Vello, GH 27 nov.): da pobreza en Galicia e das diferentes pobrezas, en Europa e no mundo
Vai tamén O Carrabouxo de hoxe, en clave política evidente.

Pintadas (6).
Pan por Pan martes 27 novembro. Harpo Marx, imaxe.

A provocación dende os muros dunha parede é un feito tan antigo como universal. O milagre de Internet permítenos acceder a mensaxes nacidas en lugares ben diferentes. En Italia, por exemplo (grazas, Arume), aquilo de “Estracomunitari, salvateci degli italiani” que significa “Inmigrantes: salvádenos dos italianos”. Ou esta catalana, que non é preciso traducir: “El que no folla per cap d´any, no folla en tot l´any”. Dende Uruguay chégame unha boa escolma. Velaí: “La esperanza es lo último que se perdió”; “Algunos nacen con suerte, otros en Uruguay”; “Todos prometen, nadie cumple, vote a nadie”. Que me perdoen os psicólogos por esta: “Los idealistas hacen castillos en el aire, los locos los habitan y los psicólogos cobran el alquiler”. Ou esta outra, que dá que pensar: “Los niños y los locos son los únicos que dicen la verdad: a los locos los encierran, a los niños los educan”.

26 nov 2007

Fernán Gómez. A cultura anarquista

Fernando Fernán Gómez, inesquecíbel, de Miguel Anxo Fernán-Vello

No seu artigo de hoxe Fernán-Vello lembra o compromiso co anarquismo de Fernando Fernán Gómez, aportando algún dato novo ou pouco coñecido (a súa presenza en Montjuïc en 1977). Se queren e lles parece pertinente, xa que noutro fío hai unha análise moi crítica do papel político e estratéxico do anarquismo na guerra civil, poden opinar aquí sobre o significado do anarquismo como cultura na España do século XX. Que quedou de todo aquilo?


Valcárcel: ’A cidade non pasa polo mellor momento
de pensamento e debate intelectual’
O director da sección literaria do Liceo cre que hai que fomentar internet e achegarse ós estudantes
Entrevista completa en La Región 26 novembro

Artigo sobre a Sección de Literatura do Liceo (tamén hoxe en La Región)
(Foto de La Región: de dereita a esquerda, Loli Conde, Teresa Devesa, M.V., Sexismundo Bobillo, Afonso Monxardín e César Ansias, ademais dun fotógrafo)

Actualización (28 novembro)
Creo que o acto estivo francamente ben. A xente marchou contenta. Dende enriba do escenario contei unhas cen persoas, de públicos moi variados, moitos amigos/as que aquí non podo citar. Pedrayo presentou o acto e resumiu a filosofía das Seccións do Liceo: a plena liberdade coa que actúan/actuamos, como eu tamén ratifiquei. A miña intervención sobre Literatura Popular quixo ser, sobre todo na súa segunda parte, amena e divertida: velaí as coplas sobre o amor e os acenos eróticos habituais nas mesmas; algunhas quizais demasiado ousadas para unha parte do público, pero creo que ninguén se asustou. Moi pola contra moitas señoras presentes no salón lembraron cantigas da súa infancia e das súas raíces rurais (en Ourense, non hai que mirar moi atrás para encontrar a aldea). Magnífica tamén a actuación das nosas recitadoras, Teresa Devesa e Loli Conde, como é habitual nelas, e os tres músicos (gaita, pandeireta e voz, acordeón) que Teresa nos trouxo de Allariz (cando encontre os nomes, póñoos aquí). A eles tamén lles choveron as felicitacións e haberá que contar con eles para outras ocasións. Rematamos cun viño e uns pinchos na sala de tertulias. (Foto Trebolle)

25 nov 2007


As fontes do imaxinario na literatura galega (de Xosé Miranda, no Galeusca 2007)

Dado que falamos nestes días da obra de Xosé Miranda, traio aquí este seu texto no Galeusca, moi interesante. Transcribo o remate (está completo en Comentarios). A imaxe é de Watherhouse, Serea, 1901.

A Moura é unha deusa cobra e como as cobras pasa o inverno soterrada, e como as cobras é inmortal e como as cobras é ambivalente, fecundadora e devoradora. É unha deusa agraria que procede dun pobo europeo que existiu en Galicia. Europeo, non indoeuropeo. Pois xeneticamente non somos indoeuropeos. A ese pobo superpuxéronse en cultura e lingua, máis que en poboación, outros pobos indoeuropeos (celtas, latinos, xermanos) que trouxeron outras mitoloxías, mais a Deusa sobreviviu ata agora mesmo: soterrada. Existe, pois, unha mitoloxía galega non menor que a irlandesa, a británica, a bretona, a vasca, a lituana, a finlandesa, a alemana ou a latina. Saber descifrala vai ser tarefa longa. De momento sinalemos a existencia dos mouros e mouras, dos tesouros, trasnos, tardos, demos rumudos, diaños bulreiros, perellos, sumicios, de agoiros e avisos de morte, das Tres Marías, Da Raíña Loba, de libros e remedios máxicos, de vigas de ouro e de alcatrán, de encantos, lamias, xacias, sereas, cabras con pernas de muller e mulleres con pés de cabra, de mecos, rabenos e homes salvaxes, dun mundo subterráneo distinto a este, de peeiros e peeiras dos lobos, de cabalos pantasma, estadeas, paxaros da morte, cadelas peregrinas, raposas do Morrazo, estantigas, procesións de bruxas, pozos peago, mares subterráneos, cidades asolagadas, cobras voadoras que devecen polo leite, herbas cabreiras, ovos druídicos, pedras do raio e da serpe, maruxainas, homes do saco, mariamantas, meigas de dentes verdes, homes peixe, papóns, sacaúntos, zarroncos, biosbardos, cozorellos e moitos máis.
Remato: é ben clara a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita. Así, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne “chistes e anécdotas” e “contos románticos e novelescos”; a literatura do marabilloso (que algúns chaman erroneamente fantástica e os anglosaxóns fantasía), como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula LeGuin, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole, no noso caso), está máis próxima á arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e pantasmas; e a “literatura do extraño”, poño, por caso Poe e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero ás veces non o é, asimílase á lenda urbana. E Cunqueiro? En Cunqueiro está todo o conto, o mito e a arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada. Cunqueiro está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany.
Aínda que é fama dos galegos sermos tráxicos e estarmos sempre a carón da morte, termos meigas e pantasmas, falar cos mortos igual ca cos vivos e todo iso, direi sen embargo que como calquera lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor, e a nosa mitoloxía e a nosa literatura oral tamén. Un exemplo: o nome do caracol.





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
tvg (1985), Gramática Galega (1986)
(Imaxes: o poemario de Luís González Tosar; un cartel do Antroido en Compostela e unha portada de Luzes de Galiza, con foto de Xosé Abad)
No campo do ensaio e a investigación, 1986 foi un ano excepcional. Galaxia publicaba a primeira Gramática Galega, escrita con rigor científico e elaborada por lingüistas do ILG, e Ir Indo publicaba en tres tomos o seu Diccionario, con 90.000 entradas. Aparecían libros como Capitalismo e desemprego en Galicia, de Xavier Vence; Gallaescia escandinavica, de Vicente Almazán; O final da historia, de X.C. Bermejo Barrera; Historias de Compostela, de Filgueira Valverde; Autobiografía dun labrego. Estudio novelado de antropoloxía, de Xosé R. Mariño Ferro, e Conversas en Compostela con Carballo Calero, de Miguel A. Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor. Da mesma andaina son o álbum Dibuxos de humor, de Xaquín Marín e Siro López; Os petos de ánimas en Ourense, de Begoña Bas; A intervención de Gondomar nos problemas internacionais de pesca, de Lois Tobío; e o terceiro número de festa da palabra silenciada, dedicado todo el a Francisca Herrera Garrido.En Sotelo Blanco aparecía a Literatura Galega Medieval, de Xosé R. Pena, e en Ediciós do Castro obras como Testimonio de la guerra civil, de Isabel Ríos, ou La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, de Serafín Porto Ucha.
Celebrábase o aniversario do nacemento de Castelao, de Cuevillas e de Salvador de Madariaga e houbo homenaxes para todos. Pero na bibliografía gañaba Castelao. Velaí: Vida e paixón de Castelao, de Xosé Núñez Búa; Castelao: caricatura e autocaricatura, de Clodio González; o ensaio de Daniel Cortezón, Castelao ou a paixón de Galicia, e o estudo La persecución de Castelao durante el franquismo, de Carlos Fernández, ademais dun número monográfico da revista científica de Barcelona Anthropos (n.65) sobre o rianxeiro. Pola súa banda, a revista de Oviedo Los Cuadernos del Norte ocupábase con detalle de Álvaro Cunqueiro e Cela cumpría 70 anos. A editorial española Tusquets recuperaba parte do xornalismo de Cunqueiro en tomos como Viajes imaginarios y reales, unha delicia das prosas do mindoniense, preparada por César Antonio Molina.
O Centro Dramático Galego, dirixido entón por Ernesto Chao, andaba coas montaxes O enfermo imaxinario, de Moliére, dirixida por Eduardo Alonso e traducida por Manuel Guede; e A noite vai como un río, de Cunqueiro, dirixida por Xulio Lago. Celebrábase unha mostra teatral en Cariño e a II Mostra Internacional do Teatro Galego en Ribadavia, con compañías foráneas e as galegas Artello, Luís Seoane e Moucho Clerc.

No capítulo poético, son desas datas libros como Códice Calixtino, un dos poemarios centrais de Luz Pozo Garza; ou A caneiro cheo, primeiro volume dos versos de Luís González Tosar, que merecera o V premio Esquío e o Losada Diéguez. Desa andaina son ademais Sede e luz, de Miguel González Garcés; Pensar na tempestade, de Ramiro Fonte; Antigo futuro, de Xoán Manuel Casado; e Denuncia do equilibrio, de Xela Arias, finalista do Losada Diéguez. No ano dedicado a Aquilino Iglesia Alvariño, Xerais sacaba a súa Poesía Completa, preparada por Xesús Alonso Montero. O Esquío dese ano era para Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, cos libros Luminoso lugar de abatimento e Caravanserai. Aparecía unha nova antoloxía de poesía galega, Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco), preparada por Luciano Rodríguez, e falecía o poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón, ós 24 anos, con dous volumes publicados.
No terreo musical hai que subliñar Galicia no País das Marabillas, de Milladoiro, gravado en Irlanda; o primeiro disco de A Quenlla, Os tempos non, inda non son chegados; Folla de marzo, disco de Uxía Senlle; Perfiles, de Doa; e o nacemento de Luar na Lubre, con Bieito Romero e Rosa Cedrón. Milladoiro gañaba un Goya coa banda sonora de La mitad del cielo, de Gutiérrez Aragón.O Premio Trasalba era para Valentín Paz Andrade e nos Premios da Crítica os homenaxeados eran o poeta Manuel Vilanova (A lenda das árbores de prata); o teólogo Andrés Torres Queiruga; o catedrático Ramón Lorenzo no apartado de investigación; o Grupo Universitario de Cámara; a iniciativa cultural Cantareliña e a Compañía de Teatro Luís Seoane, que representaba entón A larva furiosa e Fuerzas Eléctricas. No parador de Gondomar celebrábase o III Galeusca cando Avilés de Taramancos presidía a AELG. Presentaban relatorios, entre outros, Xavier Seoane, Xavier Alcalá, Xosé María Dobarro e Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Pintadas (5).
Pan por Pan domingo 25 novembro

Dinme os amigos que en chegando á cidade das Burgas, nalgures quedou esta pintada: “Ourense, Acrópolis de Galicia”. Será polo tópico da Atenas, supoño: en fin, menos mal que non puxeron Necrópolis. O maio do 68 foi o paraíso dos graffitis e as pintadas: nun libro de Cortázar hai moitas imaxes daquela xeira mítica. Velaí algunhas do Maio que quedaron en Internet: “O aburrimento é contrarevolucionario”; “O patrón necesítate. Ti non precisas ó patrón”; “Son marxista, tendencia Groucho”; “Están mercando a túa felicidade. Roúbaa”; “Non poñas parches, a estrutura está podre”. Algunhas das que citamos nestes días, sobre todo de acenos ácratas, collerían nesta última categoría. Tamén esta, que estivo en Oira procede daquel Maio: “La barricada corta el tráfico, pero abre el camino”. Ou esta, tan provocadora: “Mentres os medios mintan, as paredes seguirán falando”.
APOSTA CLARA, O RESULTADO HASE VER, de Afonso Monxardín
La Región 24 novembro

Todo ou case todo no mundo da política ten a súa lóxica, aínda que algunhas cousas nos resulten de principio estrañas. Falo, por exemplo, da visibilidade dominante da “Tenencia da alcaldía” sobre o propio concello nas actuacións nas que toca. Por exemplo na carreira do San Martiño ou, máis incriblemente, nos logos do Festival de Cine de Ourense, onde como organizadores aparecen a Tenencia e a Deputación… e como colaboradores, o cluster Pérez Rumbao, algún resturante, algunha peluquería e… o Concello de Ourense.
Marcando paquete. Así. Chulamente. Somos nós. Temos o noso espazo. Non somos aliados de ninguén. Serano eles de nós e nós non usamos os símbolos administrativos comúns porque non queremos que haxa unha imaxe compartida do goberno. Está claro que a aposta do BNG é hoxe clarísima a favor de que a partipación en coalicións debe ser radicalmente visible e non se pode subsimir na acción dun goberno unitario que, cren, sempre beneficiaría á cabeza, presidente ou o alcalde. E algo de razón parecen ter a teor do que lles aconteceu en Lugo e Santiago, pero, en ningún dos dous sitios tiñan un lider da talla e proxección de Alex. De aí vén esta negación da maior, a de non querer aparecer como parte dun todo (Xunta de Galicia ou Concello de Ourense), pois ese todo que se quere proxectar xa o formaría soa a parte nacionalista, acollida ao abeiro do “superior xerárquico”, sexa Vicepresidencia ou Tenencia. O seu éxito mediático apoiado nunha eficaz estratexia de manual –enxurrada de noticias e proposta contínuas, marcando diferenzas co “socio” (desde o cambio de hora, ás galescolas, ás inauguracións separadas, etc.)- sitúano no centro da información política de forma continua. Esta megavisibilidade diferencial está tolerada, que remedio, por un PSOE que parece pensar que mellor é ir con calma. E habemos de ver como esta hiperpresenza se traduce electoralmente: se o cidadán valora en positivo o dereito a marcar a diferenza de orixe na xestión, ou se a xulga como falta de lealdade para co socio e a institución. Parece que se non percibe imaxe de unidade de goberno é porque non a existe. Hai, lóxico, coordinación de forzas, case diría de gobernos, pero nin Quintana abandonará o biombo vicepresidencia nin Alex o seu fermoso logo. Ademais, nin Touriño nin Paco están en disposición de lles ordenar recoller biombo ou acollerse baixo o “logo común”. Esta é unha das formas posibles, non a única, creo, da cultura das coalicións. De aquí, pois, a que acaben as lexislaturas autonómicas e municipais habemos ver sempre este Jano brifronte. Non fondo, afían na pedra do PP caído as armas para batérense entre eles, a ver quen queda por riba de quen. A aposta e ritmos son claros. O resultado, hase ver.

24 nov 2007

Seis anos da Sección de Literatura
Entrevista a Marcos Valcárcel, director da sección de literatura do Liceo de Ourense, en La Voz de Galicia- edición Ourense. Realizada por Xosé Manoel Rodríguez. Foto Miguel Villar.
«Ourense é moi desagradecida cos seus mellores persoeiros»
O colectivo celebra o seu sexto aniversario con máis proxectos e coa intención de implicar ós máis novos.


Unha agradable tarde en Lugo
(Imaxes: parella tomando café, no Café Central, fundado en 1903; e o deus Mitra solar matando o touro, Bristh Museum)

Atendendo á petición do amigo Xosé Manuel González, a quen tiven a agradable fortuna de darlle onte unha aperta, despois de tantos anos (30 anos?), van aquí unhas notas sobre a miña visita do venres a Lugo. A ocasión tamén serviu para coñecer a Xaime da Pena, habitual desta casa e bon amigo dende xa, ó que recorreremos algunha vez se nos denuncia algún lugués, dado que é avogado con despacho no centro da cidade, fronte á Deputación.
O motivo, xa saben, era presentar As mans do medo, de Xosé Miranda. Recolleume Manolo Bragado na miña casa e aló chegamos á hora prevista. Esperábanos Jaureguizar para sacar algunhas breves declaracións sobre a novela que, supoño, sairían hoxe en El Progreso. O acto foi no centro cultural Uxío Novoneyra e había bastante xente. Entre eles, os dous amigos xa ditados, dúas compañeiras do Instituto de Pepe Miranda –coas que hai unha semana, e cos seus alumnos de Bacharelato, percorremos o Roteiro de A Esmorga en Auria, e tamén, entre os que recoñecín, Antonio Reigosa e Xoán Cuba.
Introduciu o acto Manolo Bragado, falando do éxito do libro e da solidez como autor de X.Miranda, e seguín eu cunhas notas aproximativas ós relatos, que vou colgar nos comentarios: por favor, enténdanse como meros apuntamentos dunha intervención, que deberían ser retocados e mellorados antes de publicarse. Creo que mesmo na miña intervención oral soaron con máis coherencia do que quedou no papel, espero.
E despois, Xosé Miranda. Quen, tras os agradecementos, deunos unha lección da súa sabedoría de sempre. Falou da Literatura do Estraño, na que enmarcou o seu libro; das diferenzas entre o Horror e o Terror; da función terapéutica do Medo, e, entre outras cousas, do pouso de Kafka e a literatura fantástica nos relatos (pouso evidente, sobre todo nos “Calafríos” que eu esquecín citar, como verán).
O mellor veu despois, claro está. Pepe Miranda levounos a un grupo de xente, quince ou dezaseis persoas, de paseo polo casco vello da cidade e o barrio da Tenería, antigo barrio da prostitución hoxe en reformas e restauración das súas casas máis nobres. Ademais de tomar un par de cañas e falar de todo o humano e o divino (tamén de Cacharro, das trasnadas do psoe lugués e da política cultural da Xunta e non para ben, por certo), rememoramos o Lugo de Ánxel Fole e Manuel María e ata nos achegamos á Muralla onde están de reformas nun dos seus cubos onde seica apareceu unha especie de espazo para os gardas da muralla, coas súas cloacas e, alí perto (se entendín ben), por baixo, os restos dun templo dedicado ó deus Mitra, o único na Península. Moi perto vimos a liorta do novo Auditorio que está a facer a Universidade, case pegado á muralla e tapando unha das vistas centrais da catedral: unha desgraza como a da Praza de San Martiño de Ourense, pero de maior dimensión. Xosé Manuel ensinounos o escenario dalgunhas das súas “Entre hortas e portas” e explicounos tamén a historia do San Froilán, que loce na fachada da catedral.
Ah! Non se esquezan de visitar o novo blog de Pepe Miranda: avelladamanta (os tres ponentes na presentación eramos blogueiros). E, á marxe da historia de Lugo, tamén onte, na mesma Auria, tiven a sorte de coñecer en persoa a Bouzafría, con quen xa intercomunicamos varios correos de amizade (temos relembranzas comúns da infancia no Ervedelo de Ourense), pero a quen non coñecía aínda. Andaba por Auria a resolver temas legais e vaia dende aquí tamén un cordial saúdo para este blogueiro de pro e amigo desta casa.



Pintadas (4).
Pan por Pan sábado 24 novembro

Os amigos seguen a mandarme auténticas xoias nisto das pintadas ourensás e doutras cidades galegas. Non son cousa de agora, aínda que antes non había tantas comodidades nin sprays, había que usar a brocha gorda. En Celanova aínda queda indemne na parede do mosteiro o anuncio do “Adiante”, o voceiro das Mocidades Galeguistas, e en Auria non hai moitos anos quedaban restos dun “Abajo el clero”, seguro que de preguerra, na rúa Bispo Carrascosa, á beira do Museo Arqueolóxico. Moito máis recentes son estas xa da época democrática: o “Galicia, colonia o champú?” coa que os ácratas fustrigaban ós nacionalistas da UPG; “Algún día España amanecerá republicana” (nas Lagoas, no paso da ponte do tren); “Escoita, o foder tamén é loita” (Monforte) ou estoutra que moito lle gusta ó Monxardín: “Vótame a min, a ti que máis che dá e a min arréglasme a vida”.

(A foto prestada de EP3 da sección Talentos -"No hay noche tan larga que no acabe en día")
viños galegos
Apoiamos esta campaña en favor da etiquetaxe en galego dos nosos viños, impulsada pola Asociación de Funcionaria pola Normalización Lingüística. Xa nos chegou antes a mensaxe (grazas, Pepe), pero non logramos colgala no blog ata que nos chegou por esta vía, en imaxe do boletín dixital da Fundación Carlos Casares.