29 mar 2008

Os bonecos non falarán galego
Marisol López critica a "fría receptividade" da industria. A secretaria xeral de Política Lingüística dixo que sairá na lingua do país Windows Vista e Office.

En Galicia Hoxe 29 marzo.
en poleiro alleo
Monxardín resolve un enigma: O Senado e as confusións extremas.

Cóntolles. Un partido inexistente en Ourense, dunha esquerda tan ultrarradical que se sae do mapa, e se non lembro mal relacionado cos admiradores do vello estalinista Lister, chamado na actualidade Partido Comunista do Pobo Galego, sacou para os seus representantes no senado pola nosa provincia a nada desdeñable cifra de 3.467, 2.877 e 2.768 votos, dobrando ou triplicando os votos de formación minoritarias e sensatas como Izquierda Unida ou os de Rosa Díaz. ¿Tan pouco atento estou eu á evolución política para que se me escape o rexurdir da ultraesquerda na cidade, sobre todo tendo en conta que ese residuo comunista non apañara votos significativos en ningunha outra provincia de Galicia? Por outra banda, o minúsculo, testemuñal, decimonónico, o que queiran, pero ’noso’ carlismo ourensán, representado por Manolo Rego Nieto e o seu fillo Gustavo, apañaron na provincia toda a normalidade duns douscentos e pico votos fronte a outra cousa carlista, a Comunión Tradicionalista Carlista, que presentaba un descoñecido de apelido navarro e que levou 1.336. ¿Viráronlle as hostes lexitimistas ourensás as súas costas ao tandem Rego-Rego e lanzáronse en mans da extrema dereita? Outro enigma.

O MIÑO DOS POETAS (e 2)
Andoliña sábado 30 marzo. A imaxe: unha plataforma no Miño, foto xa inserta en Ourensanía, nos anos da posguerra. No libro de "Chisco" hai un poema dedicado a "O bar flotante", que se refire precisamente a esta plataforma: confirmoumo el mesmo esta mañá.
Dous grandes poemarios moi recentes de autores galegos tensan o seu espírito lírico arredor da imaxe dun río: “Eume”, de César Antonio Molina, e “Miño” de Francisco X. Fernández Naval. Este último recibiu o XXIII premio de poesía Cidade de Ourense e maniféstase como unha mirada detida sobre os tópicos literarios fillos dos cursos fluviais: “Heráclito”, a inexorabilidade do paso do tempo, a saudade (“Porque te miro/ e non estás/ vaste coas augas”), a infancia e mocidade revisitadas (“Canción”, “Inocencia”, “O bar flotante”), etc. A memoria acubilla ademais o poder salutifero das augas termais que serven tanto para sanar o corpo como para “lavar as palabras”.
Lirismo, sensualidade, forza expresiva das imaxes, son riscos propios da escrita en prosa e verso de Fernández Naval. “Miño” remata por converterse nunha “Riografía”, así titula a terceira parte do libro. E o lector déixase levar pola placidez das augas: “Somnámbulo/ o río treme guiado polo tacto cego/ das súas mans,/ poderosa extensión/ de nervos circunflexos,/ de noticias levadas na pluma da laverca/ no sol das lavandeiras,/ de razóns que se ocultan/ no arnoiar de enigma./ Somnámbulo/ o río vaise só/ coma día entre os dedos”.
a poesía é o gran milagre do mundo (L. Pimentel)
PAN POR PAN sábado 30 maio
Na tarde do xoves celebramos no Liceo o Día Mundial da Poesía, con días de retraso polas vacacións. De paso homenaxeamos a tres poetas galegos: Manuel Curros Enríquez, no centenario da súa morte; Luís Pimentel e o ourensán Alfonso Alcaraz, nos 50 anos do seu pasamento (Alcaraz morreu en realidade en decembro de 1957). Medio cento de mozos e mozas, de varios institutos ourensáns, leron os seus poemas nun acto emotivo e cheo de simbolismo: convivencia arredor da palabra poética. Iso foi na sesión tertulia. Logo, ás oito, Víctor Campio e Delfín Caseiro afondaron na cerna da obra de Alcaraz e Pimentel. Campio reclamou unha edición popular da obra do poeta ourensán, pois a de luxo de Caixanova chegou a pouca xente. Caseiro mergullouse no misterio, recollemento e fondo humanismo dos versos de Pimentel. Que deixou dito: “A poesía é o gran milagre do mundo”.


P.S.: como a figura de Alfonso Alcaraz non é case coñecida fóra de Ourense, engado en COMENTARIOS un artigo meu sobre este poeta, da miña serie Ourense, universo literario (2000).

28 mar 2008


Vai medrando...


Segue medrando a Ourensanía (Fotos Ourense). Por alí acaban de chegar Virxilio, Ferrín, Pura Vázquez,
Vicente Risco con coroza, a ara Calpurnia Abana, as Burgas nos inicios do s.XX, a barcaza de Oira, a directiva do Clube Alexandre Bóveda en 1999, etc. E saben quen era este cativo de nove meses, futuro escritor...?
(P.S.: tamén lle incorporei o sistema de Etiquetas á vista en pantalla, que facilitará a consulta por épocas e temas: diso se trata)

en poleiro alleo (imaxe: Héitor Picallo)

* Soberanismo precursor. Héitor Picallo Fuentes reivindica a figura de Xohán Xesús González. Nun ensaio no que lembra a traxectoria deste xornalista, político, escritor e avogado de Cuntis (GALICIA HOXE 28-3-08)
Galiza era a súa patria, terra e nación. Avogou pola autonomía, pero non tal como se entende agora. Participou na campaña a prol do Estatuto. El propoñía para o Estado un modelo federal ou confederal, unha federación ibérica, que incluíse a Portugal. Era nacionalista, arredista, -quería que Galiza tivese autonomía, soberanía, leis propias-, socialista e marxista, aínda que era partidario da pequena propiedade privada", subliñou Picallo.
"Estivo na UGT e no PSOE. Despois deixou o PSOE debido a discrepancias xurdidas polo seu autonomismo. Entón creou Unión Socialista Galega (USG). Pero cos resultados electorais do 1933 decidiu deixar este proxecto en letargo. Máis adiante integrouse en Izquierda Republicana, organización da que foi expulsado, eu penso que por tentar manter o ideario de USG. Vangarda de Izquierda Republicana foi o último partido que creou. A USG desapareceu, pero sitúase nos alicerces das ideas da UPG, e por iso transcende a súa época. Hai que ter en conta que o mataron cando tiña 40 anos. Se seguise vivo, seguro que tería participado na fundación da UPG, como di Méndez Ferrín", aclarou.

* Pérez Bouza: “Non agardaba, nin moito menos, ser senador” (GALICIA HOXE)
O nacionalista renunciará hoxe ó seu posto de portavoz do Bloque na Deputación de Ourense co fin de centrarse na Cámara Alta estatal. Tacha de anecdóticas as críticas sobre que fora o candidato menos votado da provincia.

A cara do mal.
Pan por Pan venres 28 marzo

Como era previsible, os obituarios de Richard Widmarck, falecido ós 93 anos, lembran a primeira película que o botou á fama no mundo do cine: “O bico da morte” (1947). Non porque sexa a súa mellor película: fixo máis de 70 filmes, moitos ben notables, en xéneros como o western, cine negro, thriller, melodrama, etc. En “O bico da morte” interpretaba a un desalmado que era quen de atar a unha velliña a unha cadeira de rodas para logo, impasible, tirala escada abaixo. Era a cara do mal e iso, xa o di o tópico, é excepcional para lucir os rexistros máis ricos dun actor. Pensen na Bette Davis de “¿Que foi de Baby Jane?”, plano a plano facéndolle crueis canalladas á súa irmá, tamén eivada nunha cadeira de rodas. Na sala escura, co silencio que envolve a pantalla, aniña a catarse e o misterio morboso que nos permite admirar estes monstros dos que refugamos con firmeza na vida real.

27 mar 2008


Recibidos os seus envíos, don Julio e don Xoán
Hoxe chego ó Liceo e dinme un conserxe que teño unha carta dunha embaixada. Mírame con cara rara, como preguntándose se me ten que facer unha reverencia ou algo así. O motivo era a simpática carta que me deixara alí don Julio Medela -velaí o sobre- enviada seica dende Karakalpakstan (aínda que chegou sen selo, qué raro). Graciñas polo agasallo,un primeiro número da Alborada de Barcelona, 1959: non o tiña.
Tamén chegou a foto de Suso Baamonde enviada por don Xoán da Coba e que vai agora mesmo para Ourensanía. Graciñas tamén.















Día Mundial da Poesía no Liceo de Ourense (fotos José Luís Troitiña)



Saiu todo de marabilla. Alumnos e alumnas, profes, etc. encantados.
(P.S.: engadín imaxe da mesa redonda das 20 h. sobre Pimentel e A. Alcaraz, con Delfín Caseiro e o poeta Víctor Campio como ponentes).
Queixumes, de Bieito Iglesias (ECG 27 marzo)
Imaxe: Procesión de noite, 1917, de Gutiérrez Solana

Corren días propicios á efusión sentimental. As confrarías andaluzas engradan de todas todas, tanto se choven picarañas e non saen os Pasos en comitiva, como se logran desfilar e tirar da emoción a poder de "levantás" e "chicotás". Hai unha lóxica nese mar de bágoas porque a Semana Santa naceu co barroco, un estilo que exalta o patetismo. Tamén saloucaron algunhas mozas belidas e valencianas ao ver arder as grotescas figuras de cartón, en luminaria que coincidiu coa súa abdicación a favor das raíñas das Fallas do ano vindeiro. Mesmo sospeito que imparon coa saudade da década prodixiosa certos peregrinos que se achegaron a Santiago montados en Lambrettas fabricadas en Eibar nos anos sesenta. Como dicían as nosas mamais (acompañaban o dito cun azoute ben dado) cando engurrabamos o bico sen motivo, de pura netorría: "A chorar, chorar por algo". Porque ocasións de nifrar sobran, abonda con computar os mortos nas estradas en operacións saída e retorno, manobras que a xulgar polo número de baixas parecen emboscadas militares; ou co terrorismo machista, que xa alcanza proporcións de praga bíblica e iguala varias urbes destas latitudes con Ciudad Juárez, capital mediática do uxoricidio.
Postos a chorar como nenos de embigo atado, sería cousa de iniciar o pranto pola prosperidade perdida ou en transe de recuar diante da crise económica, que seica vai deixar por portas aos pobres e aos ricos sen forrollo. No entanto a xente "aínda ten pernas" (dise así dos magnates que sofren un revés da fortuna pero sempre contan cun bo peto para investir noutro sitio) e saíu a escape nestas vacacións pascoais sen ansia ningunha polas hipotecas e a desaceleración inmobiliaria. Para unha maioría, só haberá crise cando os millonarios dean en chimparse desde os andares oficinescos dos rañaceos, tal como sucedeu no crack de 1929.
Mentres non chovan brokers do ceo, ímola virando.

26 mar 2008


estamos de parto...
(Imaxe: Autobús dos mixtos no mercado de Allariz)
Miren se ando toliño que decidín abrir outro blog:
Transcribo aquí a carta de presentación do mesmo.
Ourensanía. Fotos de Ourense. Lugares, personaxes, libros.
Pois aquí estamos. Ourensanía-Fotos de Ourense nace como o primeiro fillo de As Uvas na Solaina, dalgún xeito complementario da bitácora principal.
A miña intención é deixar aquí un amplo Arquivo de Fotos de Ourense en diferentes perspectivas: lugares, personaxes, libros.
Aparecerán tanto fotos antigas como modernas, fotos propias como doutros medios (as que me parezan máis interesantes). Por suposto, admítense achegas de todos os interesados/as en función do perfil deste novo blog.
Ourensanía funcionará como Arquivo Clasificado tamén das fotos ourensás das Uvas (alí as etiquetas remiten ós temas de texto, non ás fotos).
As fotos aparecerán organizadas, co sistema de Etiquetas, en dúas direccións:
(1) Por cronoloxía: Ourense Antigo, Medieval, Moderno, Século XIX, s.XX, s.XXI.
(2) Por temática: Escritores. Artistas. Arquitectura. Teatro. Música. Turismo. Monumentos. Prensa. Asociacións. Xentes populares. Políticos. Liceo de Ourense. Clube Cultural Alexandre Bóveda, etc. Ademais, os chamados Autores Principais (p.ex. Otero, Blanco Amor, Risco, Cuevillas, Ferrín, Casares, etc.) terán unha etiqueta propia.
Ademais de fotos, arquivaremos tamén imaxes artísticas, carteis, anuncios, etc.

Por que Ourensanía? O nome é un préstamo e homenaxe ó Manifesto da Ourensanía que hai uns anos redactou o poeta Luís González Tosar e asinamos un mangado de autores ourensáns. Aspiro a, nun prazo non moi longo, ter clasificadas aquí un par de centos de fotos ourensás (xa están no meu ordenador). Quizais este material, iso agardo eu, sexa útil para estudiantes de diferentes niveis, xornalistas, historiadores, documentalistas, investigadores sociais, arquitectos, afeccionados á fotografía, etc.
oS SOLDOS DOS CHOFERES
Andoliña xoves 27 marzo
Cóntanme na rúa que anda na boca da xente o ruxerruxe dos soldos dos choferes da Deputación de Ourense. Saíu a nova nun xornal de Madrid, hai uns días, e máis de un quedou abraiado de non sei cantos miles de euros que din que teñen no convenio: seica cobran tanto como os funcionarios do grupo A da Xunta.
Pero eu creo que merecen estar ben pagados. Vexan as miñas razóns. Quen sería quen de soportar un horario semellante ó que padecen algúns políticos, case 24 horas ó pé do canón, sobre todo en tempos de campaña e precampaña? Pois o chofer aí ten que estar, ó carón do xefe: en mitins, enterros e lareiras, en calquera lugar onde se cociñen os votiños dos ratiños de aldea, que dicía o Lamas.
E como se pode pagar, ademais, a súa discreción? Porque, se alguén sabe o que pasa neste país, ese alguén ten os perfís exactos dun chofer dun político: cantos segredos pasan por diante dos seus ollos que valerían unha fortuna en calquera medio de comunicación? E, por riba, están os dereitos de imaxe: se lle houbese que pagar ó chofer de Baltar por todas as fotos en que sae, en segundo plano, creo que non habería no país orzamento capaz de afrontar o seu soldo.

axenda: xoves 27 marzo
Curros, Pimentel, Alcaraz

Conmemoración do Día Mundial da Poesía
Homenaxe a Curros Enríquez (no centenario da súa morte), a Luís Pimentel e a Alfonso Alcaraz (nos 50 anos do seu pasamento; Alcaraz faleceu en decembro do 57).

17 h. Sala de Tertulia do Liceo: recital poético de alumnos/as dos IES A Carballeira, Celanova e As Lagoas, acompañados de Teresa Devesa, Loli Conde e algunhas profesoras.
20 h. Salón Nobre: mesa redonda sobre Luís Pimentel (na imaxe) e Alfonso Alcaraz, a cargo de Delfín Caseiro e o poeta Víctor Campio. Modera M. Valcárcel.
Os soldos dos choferes (e outras cousas)

algúns din que os choferes da Deputación de Ourense cobran cantidades astronómicas...

Un capitán do Exército aconsellla a unha subordinada non denunciar unha violación "por ser culpa súa" (El País, 26-3-08). Os compañeiros do cuartel de Hoyo de Manzanares exculpan ó acusado e aseguran que a moza quería vingarse por "haberle dado plantón".
Ourense, universo cultural

Diso falou onte Ramón Villares en Ourense, nunha breve, pero gorentosa charla. O que antecede é o título exacto: na prensa saíu “Ourense, universo literario”, pero o enfoque era máis amplo.
Na súa excepcional Historia de Galicia (Galaxia, 2004, pp. 401-411) xa fala Villares con detalle deste mesmo tema. Onte só precisou algunhas cousas máis. Preguntouse polo papel fulcral desta pequena cidade na nosa historia cultural, no tránsito do XIX ó XX, e comparouna con outras urbes, de maior dimensión, como Oviedo (capital universitaria) ou Toledo (capital relixiosa e mística dende a Xeración do 98).
Que tiña o Ourense da época que especificaba este ámbito cultural respecto a outras vilas galegas? En telegrama, Villares fixou catro riscos especiais:
(a) O carácter de cidade de tránsito e itineraria, dende tempos moi antigos (a Ponte medieval, o río), e comunicación vital con Castela e Portugal (papel que pode revalidarse co futuro, cando?, AVE);
(b) Unha maior integración entre o marco urbano e a contorna rural, propiciado polo marco do viño, e o papel dos señores, fidalgos e burgueses;
(c) O papel determinante da burguesía foránea, chegada de fóra de Galicia, e dos maragatos dende mediados do século XIX, xulgados polos de Nós como inimigos do país e da nosa cultura. Velaí o estereotipo dos “casteláns” e o papel de símbolo da “carretera” como mecanismo de asimilación e integración cultural (nun aparte, chegou a afirmar, retándome a min mesmo a investigar no tema, a posibilidade dun xeito de “antisemitismo” en Nós, onde os galegos serían os celtas e puros e os casteláns os novos “semitas).
(d) A existencia de sempre en Ourense de elites intelectuais, cun curioso equilibrio dende tempos medievais entre elites laicas e eclesiásticas. Nese sentido, os de Nós propóñense como as novas elites intelectuais do país, que pensan o mundo dende Galicia (e dende Ourense) e elaboran un proxecto nacional e cultural para todo o país (non son localistas, non se quedan na erudición ourensá).

Subliñou ademais a vitalidade cultural dos tempos do Rexurdimento: Lamas e O Tío Marcos d´a Portela, nacemento do xornalismo en galego; formación inicial de Curros, etc. e, sobre todo iso, hai que engadir o papel fundamental do que chamou os “anticuarios”: eruditos e arqueólogos do Instituto do Posío e da Comisión de Monumentos, que están na base da formación da Xeración Nós. Citou varias veces a Marcelo Macías e Benito Fernández Alonso (eu, se se me permite, engadiría tamén, cun papel relevante, a Arturo Vázquez Núñez).
Relacionou o papel dos de Nós co desenvolvido nese momento por Costa e Ortega en toda España (cando se decatan de que non hai nación ou proxecto nacional español) e comparou o seu labor cultural e ideolóxico ós de meirande nivel da España e da Europa toda da súa época.

(Pido perdón por adiantado a Villares e a todos polos posibles erros deste resumo. Non tomei notas nin gravamos (mágoa!) a charla. Isto é só un convite ó debate no que agardo pola participación de todos os amigos/as e contertulios).
LOSANTOS
Xabi Arias, en De luns a venres, 26-3-08

Certamente (e certeiramente) creador de filias e fobias, o locutor da Cope Jiménez Losantos afirmou o 10-M nas ondas matutinas que “media España é un lixo e un horror”, a conta da vitoria de Zapatero. Manufacturador de provocacións viscerais e anatemas contra todo e contra todos, este antigo maoísta reconvertido en ultradereitista aterroriza a diario a poboación de calquera ideoloxía que non sexa a súa propia con insultos (como a Pilar Manjón, da cal dixo que facía teatro, entre outras lindezas), amenazas de querela (a TV3 por parodialo, dicindo “que se van rir do seu pai e da súa nai”), comentarios homófobos (asegurou non querer estar nunca diante de Zerolo, polo que puidera pasar) e toda clase de insultos e descualificacións da maior baixeza moral en complicidade e cohabitación co inefable César Vidal e compañía. Eu respecto a liberdade de expresión, de toda clase e especie. Agora ben, se por moito menos hai xente que está no cárcere por delitos de expresión e pensamento, da-quela haberá que reconsiderar se é xusto que eu respecte opinións coma as deste “pequeno talibán de sancristía” (en axeitadas palabras de Luis del Olmo). Resulta inconcebible que unha radio (e por riba da Conferencia Episcopal) permita a este señor proclamar a xenreira e a bile, contravindo os mandamentos do Evanxeo.
Anselmo López Morais
PAN POR PAN mércores 26 marzo

Xa hai algún tempo que non falo con el e por iso quero hoxe dedicarlle estas liñas. Na memoria cultural da cidade das últimas décadas ten un lugar reservado o avogado e historiador Anselmo López Morais (Ourense, 1924). Cronista oficial da cidade (nomeamento no seu día envolto nunha polémica absurda), Anselmo ten na súa biografía unha longa andaina como investigador e como animador cultural, sobre todo dende o Ateneo. Son coñecidos os seus traballos sobre cerámica e artesanía, sobre os museos galegos, sobre Castelar e Paz Nóvoa ou o seu último volume “Del Orense perdurable”. Non estaría mal recoller sequera unha escolma dos seus numerosos artigos en LA REGIÓN, nas seccións “Arte en Orense” e “Orense en el recuerdo”. Sería un xesto digno de homenaxe e xustiza. Sen esquecer o seu compromiso democrático en tempos máis difíciles que os de hoxe.

25 mar 2008

Pedrayo/ Villares

Mañá, se podo, poñerei aquí unhas notas telegráficas sobre a charla de hoxe de Villares. Como sempre (maxistral). Só unha notiña moi breve agora, en clave de crónica social (sempre hai quen a demanda): acto masivo, arredor de 200 persoas, presenza de todas as autoridades locais e provinciais e adhesión da presidencia da Xunta. Moi ben o grupo musical, harpas celtas e máis cousas. Pedrayo, emocionado, pero moi correcto e atinado na súa intervención. Ademais de felicitar a Pedrayo, cunha aperta, tamén o fixen coa súa dona, que algún mérito terá, non?
Para min ten un significado especial isto: nun acto protocolario como este, promovido por unha asociación civil privada, e no marco do Liceo, non quero deixar de anotar que o 80 por cento do mesmo desenvolveuse en galego. Pois en galego falaron Villares, por suposto; pero tamén Paco Nóvoa, Emilio Atrio e o propio homenaxeado, J.C. Martínez Pedrayo (só o presidente da Asociación de Amigos da Universidade usou o castelán, nun texto escrito; logo el mesmo leu en galego a mensaxe de Pérez Touriño). Quizais isto non signifique nada, quizais si...
en poleiro alleo: a poboación, a lingua

Galicia perderá poboación
, de Xosé M. Sarille (ECG 25 marzo)

Iraq e as matrículas dos coches, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 25-III)

O galego de Santander, de Afonso Vázquez-Monxardín (GH 25 marzo)

Para min está claro. Hoxe, cando se sae de Galicia, hai un orgullo de identidade lingüística clarísimo, e aínda tinxido dun certo toque de superioridade. "Eu, aínda que estea mal dicilo, son máis rico ca ti que sei falar o teu e ti non sabes o meu". E se polo camiño, diante dos osos de Cabárceno ou tomando un viño nunha bodega de Santander, un escoita falar catalán ou vasco aos veciños, pouco menos que chiscada de ollos de complicidade de "ricos" fronte aos monolingües. "Nós, coma vós, e estes, que son boa xente e acolledora, só un". E se un topa cun portugués ou brasileiro, axiña hai un motivo de pegar na conversa popular: si, falamos parecido.
¿Complexo de falar galego? ¿Autoodio? Rien de rien. Ese é un discurso tan morto como o orneo grave dos diplodocus. Creo que por sorte o galego está a superar a tensión política a que foi sometido. Xa ninguén acepta propiedades exclusivas nin farrapos de gaita. É todo moito máis normal.


(O Afonso veu optimista de Santander, no que respecta ó futuro da nosa lingua. Vostedes, que viaxan abondo, que pensan? Cren que é atinado o diagnóstico do amigo Monxardín? Oxalá ...)

24 mar 2008


Membro de honra.
Pan por Pan martes 25 marzo

A Asociación de Amigos e Antigos Alumnos da Universidade de Vigo celebrará hoxe no Liceo un acto no que nomeará membro de honor a José Carlos Martínez-Pedrayo y García, actual presidente desta gran casa cultural. A xornada contará cunha magnífica conferencia sobre “Ourense, universo literario”, de Ramón Villares, que preside o Consello da Cultura Galega. Dende hai algúns anos veño colaborando co Liceo e dirixindo a súa Sección de Literatura, precisamente por convite do señor Pedrayo, pero a amizade mutua que nos profesamos non vai impedir que hoxe manifeste aquí a miña satisfacción por este merecido recoñecemento. Pedrayo leva moitos anos servindo á cultura na nosa cidade: sempre dende posicións xenerosas de diálogo, tolerancia e liberdade. Por iso, creo que todos os que compartimos esa perspectiva cultural tamén estamos de noraboa.

AXENDA. MARTES 25 MARZO.
Os antigos alumnos da Universidade de Vigo nomea membro de honra ao presidente do Liceo ourensán (nota La Voz de Galicia, 18-III-08)
A Asociación de Amigos e Antigos Alumnos dá Universidade de Vigo nomeará membro de honra a José Carlos Martínez-Pedrayo e García, presidente do Liceo Recreo Ourensán, o próximo día 25. ás 20.00 horas iniciarase o acto coa lectura do acordo do nomeamento e a actuación dun grupo de harpas celtas. Como invitado especial para a xornada estará presente Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, que pronunciará unha conferencia sobre Ourense, un universo literario. Tras a charla de Villares terá lugar o momento máis emotivo da xornada, coa entrega da distinción que recoñece a José Carlos Martínez-Pedrayo e García como membro de honra da asociación. O presidente do colectivo, José María Franco, tomará entón a palabra para xustificar este recoñecemento. Tras el falará o homenaxeado e, finalmente, pechará o acto un novo momento musical protagonizado polas harpas celtas.