18 jun 2008

De "miembras..."

Hai quen se tomou o tema a peito, segundo nos informa Arume, ata o punto de crear un blog para reflexionar sobre o asunto.

Velázquez.
Imaxe: o bufón "O anano de Morra"

Jonathan Brown, catedrático da Universidade de Nova York, é un dos hispanistas máis prestixiosos. Leva 50 anos a estudar a vida e obra de Velázquez e acaba de publicar outro volume sobre o xenial artista sevillano. Home intelixente, Brown recoñece que aínda non chegou ó fondo de moitas obras de Velázquez, malia ser o máximo especialista nese autor. O pintor foi revolucionario na pintura: nos seus conceptos, formas, estilos. Pero conservador na súa ideoloxía, con desexos de ennobrecerse e de asentar unha certa fortuna. Pero, se un observa os seus motivos populares, verá que están tratados coa mesma solemnidade que os retratos dos monarcas e a súa familia. Velaí a vella a fritir ovos, o Baco rodeado dos borrachos, as fiandeiras ou os ferreiros que reciben a Vulcano na fragua. Mesmo os seus ananos e bufóns están cheos de nobreza, sobriedade e autenticidade: as marcas do xenio.



Simboloxía galeguista (1)

Como estes días falamos moito nesta casa dos símbolos de Galicia e do galeguismo, imos recuperar algunhas imaxes e carteis históricos. Tamén algúns do PG coa estrela branca.
Empezo con estas dúas imaxes: unha de Camilo Díaz Baliño, artista mártir do galeguismo e pai de Isaac Díaz Pardo, do ano 1926 (creo que realizada para un Congreso Teosófico ou Teolóxico, teño que consultalo). Sobre un contexto de acenos modernistas, o centro da imaxe está ocupado polo caliz e a hostia, sobre un dolmen a xeito de altar: celtismo e catolicismo en perfecta sintonía.
Creo que é evidente a pegada destes conceptos na popular portada de Castelao para a revista "Nós": persiste o caliz, a guirlanda de estrelas pasa a ser agora de cruces e, na parte inferior, de novo o dolmen celtista, cun sol alborexando ó fondo (un sol que pode ser tamén a hostia do novo renacer de Galicia, non?).

17 jun 2008

As saídas dos garaxes e Mr. Hyde, de Afonso Vázquez-Monxardín
(La Región 17.6.08)

Non sei que pasa, pero moita xente cando se sitúa no asento do condutor deixa de ser o Doutor Jeckly e convértese en Mr. Hyde. Hai baralláns e lerchos que se volven amables na estrada -poucos, é certo- e outros moitos moderados vitais aos que lles nace unha boca podre e un comportamento, digamos, desacougado cando conducen. Despois están os imbéciles de nación e os que carecen de formación a pé, e que non sofren ningún incremento educativo ou mellora psicolóxica por estar sentados diante dun volante. Se cadra axuda a protección de acuario que proporciona a intimidade do coche, un salón de estar que vai connosco dun lugar a outro ou se cadra a sensacíon mamífera que fai aos cans mexar nas esquinas e a nós defender o noso, arregañando os dentes, con razón ou sen ela. E claro, só a educación nos modera e fai mellores persoas, máis amables e respectuosas. Creo. Ou sexa que hai moito atravesado conducindo.
(o artigo completo)
Académicos contra a igualdade
A Academia Francesa rebélase contra as linguas rexionais
Galicia Hoxe 17 xuño

A Academia Francesa, símbolo do centralismo e do célebre acadecismo francés, recea das linguas rexionais da República. Onte mesmo, a institución creada no século XVII remitiu un comunicado no que rexeita o recoñecemento destes idiomas na Constitución porque "afecta á identidade nacional" e, por esa razón, pediu que se retire o texto adoptado polos deputados franceses.
A Cámara de Deputados adoptou o pasado 22 de maio unha emenda ao proxecto de revisión da Carta Magna para incluír nela as linguas rexionais como parte do "patrimonio da Nación", aínda que mantén o francés como idioma oficial.
Os académicos consideran que as intencións dos deputados son "excelentes", pero non cren que sexa preciso incluír esta referencia na Constitución e recoméndanlles aos lexisladores que "expresen noutros lugares" a defensa destas linguas. Para os académicos, trátase dun "atentado contra a identidade nacional" un texto que propón engadirlle unha frase ao artigo primeiro da Constitución e sinalar que "as linguas rexionais pertencen ao seu patrimonio". (...) (...)

Manolito Gafotas.
Pan por pan martes 17 xuño
O discurso oficial dende hai anos é o do extraordinario pulo do español en Estados Unidos: escoitámolo a cotío por parte de autoridades e columnistas. Pero non é iso o que di Rolando Hinojosa-Smith, decano das letras chicanas, que fala de discriminación nun xornal de Madrid. Di que hai máis xente de fala hispana, pero a influencia do inglés é moi forte “e irá borrando el español”. Engade que o bombardeo cultural do inglés é abafante, que os medios hispanos son de pouca calidade e que o español “ya no se extingue en la tercera generación, empieza a desaparecer en la segunda”. Mentres, a tradución naqueles lares do “Manolito Gafotas” de Elvira Lindo sofre a censura da corrección política: na versión USA Manolito Catro Ollos non recibe lapotes da súa nai (sería un escándalo) e cambiáronlle o nome ó seu amigo Yihad: seica despois do 11-S non hai gaña de certas bromas.
Aclaración

O dono deste blog (e supoño que moitos dos seus contertulios/as) condena a agresión que nunha das súas propiedades, o seu automóbil, sufriu nestes días un dos promotores da asociación Galicia Bilingüe. Dito isto, de ningún xeito apoio nin comparto as teses e posicións que esa asociación está a levar contra as medidas dunha mínima normalización do galego, sobre todo na escola.
A aclaración serve para facer máis evidente aínda que os recunchos deste blog non servirán para a difusión nin propaganda das teses de GB e, xa que logo, non se admitirán máis comunicados da mesma, que ten os seus propios espazos de opinión (por esa razón foron eliminados dous comentarios de convocatoria da manifestación, cunha introdución ademais impertinente).

16 jun 2008


en poleiro alleo
Da Fouce e da Estrela, Méndez Ferrín en Faro de Vigo.

Farruco Sesto Novás titulou así, fillo como é da cultura política galeguista, un seu libro de poemas, non sei se o primeiro. El sabía, supoño que tamén Anxo Quintana e Mario López Rico, que Castelao ideara en pleno fragor bélico, 1937, o escudo republicano de Galicia (si: como Atila en Galicia). Neste escudo elimínase o elemento contrarreformista do copón e o Santísimo Sacramento, e o mesmo se fai coas sete cruces das sete provincias representativas do Antigo Réxime. Igualmente, a coroa real desaparece como é regra en réxime de República. No escudo de Castelao hai unha fouce de ouro, que acumula no seu simbolismo a herdanza céltica e a rebeldía dos agrarios e dos irmandiños. No chefe da fouce de ouro campa unha estrela vermella de cinco puntas (nada que ver coa de David). É a estrela da Liberdade e do Socialismo. O escudo é abrazado por un tenente que é serea de longa cabeleira que, polo baixo, ensina, atrevida e algo bulrista, o rabo de pixota. O escudo da serea, da fouce e da estrela leva, no deseño de Castelao, unha lexenda: DENANTES MORTOS QUE ESCRAVOS. Coido que algún día este será o escudo oficial de Galicia.

15 jun 2008


cen anos de historia cultural:
2005: Presenza feminina: ensaio e poesía
(na imaxe, María do Cebreiro, Teresa Moure e Xavier Alcalá)


A nosa andaina polo 2005 cultural vai empezar polo campo do ensaio e a investigación. Con forte presenza feminina neste caso, como salienta M. Forcadela no Anuario de Estudos Literarios Grial. Velaí os nomes de Teresa Moure, María do Cebreiro e Helena González Fernández. A primeira delas con dúas obras, Outro idioma é posible e A palabra das fillas de Eva (Galaxia), que provocaron un certo debate cultural tanto arredor das linguas na globalización como da súa afirmación da literatura feminina. María do Cebreiro achegaba un esforzo de literatura comparatista en As terceiras mulleres, un denso periplo pola cultura en clave feminina que parte das Metamorfoses de Ovidio para chegar á arte expresionista, pasando polas escritoras medievais, Rosalía de Castro e Virxinia Woolf. E en Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (Xerais), Helena González deseña un plano de reivindicación da tradición poética feminina, con especial atención ás autoras do século XX.
No campo da historia, cabe subliñar títulos como As cartas do destino, de Xosé M. Núñez Seixas e Raúl Soutelo, sobre a memoria dos emigrantes en América; A Coruña liberal 1808-1874, de Ana Romero Masiá; A Raíña Lupa, de Antonio Balboa Salgado, premio M: Murguía de ensaio, sobre as claves do fenómeno xacobeo; O reino medieval de Galicia, de Anselmo López Carreira (ANT); Memoria de ferro, de Antón Patiño Regueira (ANT); Galicia bajo la bota de Franco, rescate por Henrique Alvarellos dun volume publicado en Francia no 1938 e desaparecido dende aquela,da probable autoría (compartida) de Luís Seoane; e O orballo da igualdade, de Carlos Pereira Martínez, sobre a historia das mulleres obreiras coruñesas nos inicios do século XX. Nas fronteiras do xénero sitúanse os libros de entrevistas con autores consagrados, como os que achegou Xerais en Conversas con Méndez Ferrín, do xornalista Xosé M. del Caño, ou Conversas con Suso de Toro, de Antonio Pedrós-Gascón, que xeraron certo debate, máis no mundo virtual que na prensa escrita. Suso de Toro asinaba tamén Outra idea de España (Xerais), colección de artigos de temática política e reflexión sobre o nacionalismo español. A economía e a política tamén estaban presentes en O fracaso neoliberal na Galiza, de Xavier Vence; La política exterior de China (Bellaterra), de Xulio Ríos, e en Os movementos de resistencia fronte á globalización capitalista, de Carlos Taibo.

A mirada retida (La Región 14 xuño 2008)
A PONTE NOVA.

Xa dicía don Vicente Risco, nun texto dos anos 20, que a chamada Ponte Nova nunca podería competir en elegancia coa Ponte Vella. Situada sobre o antigo “Porto Vello”, abría aínda máis as comunicacións co concello de Canedo e coas saídas a Vigo e Santiago. O deputado liberal Vicente Pérez iniciou en 1895 as xestións para a súa realización, pero as obras non empezaron ata 1911 e só se inaugurou sete anos despois, o 13 de xaneiro de 1918. Representa a chegada á urbe das novas tecnoloxías de ferro da arquitectura contemporánea. Seica da man de enxeñeiros e proletarios vascos. Significa máis cousas: o apoxeo dunha clase obreira cada vez mellor organizada que once anos despois inaugurará unha flamante Casa do Pobo preto do Posío. Nas beiras do Miño, baixo as pontes, celebrábanse os xantares de romaría do Primeiro de Maio nos comezos daquel século, como lembra “Xente ao lonxe”. Cando eramos nenos baixo os seus piares acubillábanse os carromatos xitanos: semella que pasaron cen anos desa lembranza.
Premios Nacionais da Cultura Galega 2008

Estabamos convidados e fun a Compostela, con Afonso Monxardín, á gala da entrega dos Premios Nacionais da Cultura Galega. Do acto falarán hoxe os xornais, así que só deixo unhas pequenas notas complementarias.
Dos premiados, os máis aplaudidos foron, xa antes de falar, Isaac Díaz Pardo, Manuel Lourenzo e Ferrín. O discurso máis simpático e breve foi o de Isaac, que só lembrou a famosa anécdota de cando Unamuno recibiu un premio de mans do rei Alfonso XIII:
- Sorprendeume vostede, díxolle El Rei, por non usar a fórmula retórica de que non o merecía.
- É que eu si o merecía, dixo Unamuno.
- Pero os outros premiados declararon que non o merecían.
- E iso tamén é certo, rematou Unamuno.
Os xornais recollerán, supoño, outros datos do acto. Ben elaborados os discursos de Díaz-Fierros, reivindicando a ciencia como cultura, e de Margarita Ledo, lembrando a Carlos Velo e reclamando un cine en galego. O discurso de Ferrín, como sempre, rotundo e contundente, agradecendo á consellería a feliz idea de lanzar os premios. Antes del Manuel Lourenzo fixera un pequeno chiste-aceno ó pronunciar “Galiza” (como escapando, por se lle pegaban) e Ferrín na súa intervención debeu sentirse provocado e deletreou “Galicia”: foi unha das anécdotas da xornada.
O espectáculo paralelo gustou bastante, polo que oín: Mercedes Peón e o Centro Coreográfico Galego, algunhas pezas de jazz e música clásica e un “Lingua proletaria do meu pobo” a ritmo de rap (confeso que isto non me entusiasmou): dende logo unha estética moderna, moi arredada da tradicional nos encontros culturais da etapa fraguista.

Ó remate, en forma de cóctel, tivemos tempo para charlar un pouco con Ferrín e felicitalo, claro, e eu quixen tamén felicitar en persoa a Margarita Ledo, máis que nada polos días do pasado, ela xa sabe. Tamén houbo anacos de conversas con amigos como Ramón Villares e Berta, Antón Baamonde, Henrique Monteagudo, Lourenzo Fdez. Prieto, Cristina Berg, etc.
Tamén foi bo momento para saudar, ás presas, a moitos outros amigos/as, como Suso de Toro, Avelino Pousa Antelo, Xelucho Abella, Clodio González, Rosa Aneiros, Felipe Senén, David Otero, Anxo Angueira, Nemesio Barxa, Olivia Rodríguez, Tuco Cerviño, Lois Celeiro, Ramón Caride, Encarna Otero, Xabier Puente Docampo, Xosé Mª Lema, Antía Otero, Iñaqui Basallo, entre moitos, moitísimos máis, outros. A Manuel López Foxo,compañeiro de mili nas Andalucías, creo que non o vía dende os anos 80. En fin, unha xornada agradable e chea de acenos culturais. (Das autoridades, por se a alguén lle interesa, presidía Touriño e asistían o vicepresidente Anxo Quintana e creo que todos os conselleiros do BNG; tamén vin por alí ó Secretario Xeral socialista Fernando Salgado).

Con motivo dos premios a Consellería editou un fermoso catálogo con textos, entre outros, de Anxo Angueira, Olga Novo, X.M. Beiras, Xavier Seoane, Pilar García Negro, H. Rabuñal, Manuel Rivas, I.Díaz Pardo, Carmen Blanco, Alonso Montero, Darío Xohán Cabana, Albino Prada e Iñaqui Basallo, que explica a simboloxía da peza escultórica en castiñeiro que se entregou a todos os premiados.

14 jun 2008

DO BLOG DE JUAN CRUZ:
07 junio, 2008 - 09:45 - Juan Cruz
Bieito Iglesias, un descubrimiento
Estuve ayer en el Pazo de Mariñán, en A Coruña, en el encuentro de escritores que la Fundación Carlos Casares dedica a prolongar el activismo literario del gran escritor orensano desaparecido; Carlos fue un hombre extremadamente generoso, se quitó tiempo para dárselo a los otros, y ahora su viuda y los que llevan la fundación siguen haciendo lo mismo, abriendo el alma para que los otros tengan espacio y tiempo para encontrarse. Conocí a dos escritores vascos, Jon Kortázar a Iban Zaldúa, y conocí a otros escritores, gallegos y de otros lugares de la Península, y conocí a Bieito Iglesias, un escritor gallego, de Orense también, a quien nunca había leído ni escuchado. Es un descubrimiento. Hizo un relato sobre su vida, en la niñez y en la emigración, y lo hizo con tanta frescura, con tanto vigor narrativo, que me lancé de inmediato a buscar sus libros. No los hallé anoche, después de su conferencia, pero hoy que estaré en la feria del libro de Madrid trataré por todos los medios de encontrar al menos Bajo las más bellas estrellas, que es su único libro escrito directamente en castellano, y que publicó Algaida hace algunos años. El libro es una novela que tiene raíz autobiográfica, y si es como lo que contó anoche en la Fundación CaixaGalicia tiene que proporcionar un enorme placer literario. Estuve en este encuentro con un amigo sueco de hace muchos años, Lasse Söderberg, y me contó una anécdota muy hermosa que sucedió el día anterior. Él hablaba y hacía autobiografía, y contaba una historia de amor que se había producido en otros tiempos; él desconocía que, por una de esas razones que el destino depara, la mujer sujeto de esa narración suya estaba en la sala. Y anoche acudió de nuevo, a escuchar a Bieito, esa mujer que se hizo presente mientras Lasse contaba su relación con ella. Se llama Carmela; la conocí también, y me habló con mucho vigor de la obra de Bieito. Luego nos fuimos a comer una tortilla fantástica, antes de regresar al pazo a dormir; esta mañana, así es la vida, me encontré en el avión con Manuel Rivas, que venía a la feria de Madrid a hablar de la memoria histórica. En la madrugada del avión, a mi lado en el asiento, dormitaba el futbolista Alfonso. Ahora iré a la librería, a buscar el libro de Bieito.
Bono reprende a un represaliado do franquismo por exhibir unha bandeira republicana no Congreso
O incidente tivo lugar durante una recepción a un grupo de perseguidos durante a ditadura
Chistes informáticos:
(Clicar en botón seguinte para avanzar unha diapositiva)
Perder a razón, de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región, 14.6.08)

Que o home é un ser racional sabémolo desde pequenos. Precisamente esa capacidade de raciocinio e reflexión sobre o propio ser é o que sinala a principal diferenza co resto dos animais, sexan nécoras, xirafas, paspallás ou lagartos, e que agrupamos todos nun lote a eito, baixo o rubro difuso de ‘irracionais’. Así pois, o home actúa guiado por esa razón esencial que nos caracteriza e cando perde as referencias da realidade e crea un mundo imaxinario no que se instala moitas veces como único habitante e cunhas pautas de comportamento e actuación tamén únicas, dicimos que se volve tolo ou que perdeu a razón. E a razón tamén se pode perder, non por construír e vivir nese universo onírico particular, senón por responder a circunstancias da vida cotián con actuacións desproporcionadas, agresivas ou absurdas.Por exemplo, se un ve a alguén emporcado con rotuladores a fachada da súa casa, está claro que se lle rifa, reprende ou denuncia, tería toda a razón. Pero se toma a xus tiza pola man e lle rompe os brazos para que non o volva facer, está claro que perdería a razón que orixinalmente puidese ter.
(o artigo completo)
Derradeiro Terras de Acolá
HOxe, sábado 14/6 EMITESE POLA TVG AS 16.00 HORAS O DERRADEIRO CAPITULO DA SERIE “TERRAS DE ACOLÁ” , RESUME DOS 12 EMITIDOS E DEDICADO AS RELACIONS GALEGO-LUSÓFONAS, POR NOME “IRMANDADE ATLÁNTICA”. A TODOS/AS QUE AMOSACHEDES INTERESE, APOIO E ANIMO POR ESTE TRABALLO MOITISIMAS GRAZAS E ATA A VINDEIRA (AGARDAMOS PRONTA REPOSICIÓN). COMO RECORDO, VOS ENVIO A FOTO DALGÚNS AMIGOS QUE DEIXEI POR AFRICA. APERTAS
LUIS MENENDEZ
En transición. (Pan por Pan sábado 14 xuño)

Editados pola Universidade da Coruña e da man de Federico Cocho, xornalista ourensán, chéganme dous libros de interese e fermosa presenza. Un deles, “Poesías. Iris. Número 8”, é a reprodución facsímile dun caderno de poemas manuscrito de Xosé María Álvarez Blázquez, datado entre 1934 e 1938. hai versos en galego e en castelán, escritos cunha letra moi pulcra, dunha claridade case transparente, e contén tamén traducións ó galego de Víctor Hugo e Virxilio.
O outro, titulado “En transición”, é un amplo catálogo dos adhesivos que marcaron as ultimas décadas: as pegatas que difundimos e transmitimos entre todos creando unha orixinal iconografía da Transición democrática. Un paseo en imaxes por unha historia non tan afastada no tempo, pero da que se van perdendo moitos referentes: ben, quizais queden só como argumentos para algunhas series de televisión.

13 jun 2008


noraboa: nova medalla Castelao (foto Trebolle)
REPRESIÓN LINGÜÍSTICA
andoliña 13 xuño

Sempre é oportuno debater sobre a situación do galego e a súa historia na evolución social deste país. Por iso estou a ler o traballo de María Pilar Freitas Juvino “A represión lingüística en Galiza no século XX” (Xerais). Nacido nunha tese de doutoramento, de certo o volume é máis unha historia da normalización do galego nese período que o que anuncia na portada. Quizais as páxinas máis valiosas do mesmo sexan as do capítulo III sobre a lexislación represiva e coutadora do idioma, constante dende 1902: hai aí achegas curiosas como a prohibición doutros idiomas fóra do castelán nas caixas de mistos. Escúlcase tamén con detalle no papel represivo da escola, na desgaleguización da Igrexa ou no desprezo da Real Academia Galega (“Academia del estrume” na peculiar definición dun dos seus críticos).
Tamén se revisa, con detalle, a memoria que quedou na nosa literatura desas políticas represivas: velaí o papel dos Seminarios, tan ben retratado en “Amigos sempre” de Alfonso Eiré. Noutros aspectos hai simplificacións que conviña matizar moito máis: un exemplo, non se pode despachar en dúas liñas descualificatorias o que supuxo no seu momento o “Informe dramático...” (1973) de Xesús Alonso Montero.
Os espazos de “Pan e coitelo”.
Pan por Pan venres 13 xuño

A última novela de Bieito Iglesias ten forte presenza ourensá, como outras anteriores súas. De feito os nomes literarios de Vilasanta e Oria non ocultan, senón que evidencian as súas raíces: Compostela e Ourense, no segundo caso con homenaxe a Risco de paso. Hai unha xerarquía marcada dos espazos, dende os privilexiados do centro urbano como o Paseo, o Progreso ou o Parque ata os arredores de A Ponte, Ribela e a Chabasqueira, escenario das páxinas máis violentas e escatolóxicas do relato policial. Boa malleira leva o detective por parte dos matóns dun construtor. Ata saen as novas Termas con pavillón xaponés e un Museo da Miniatura prometido polos políticos, pero que aínda non existe (só a colección de trens do Simeón). E non faltan os versos de Valente nas Mercedes, traídos a conto: “Marchar foi quizais unha maneira de ficar para sempre”.