
"Lerasnos de morto, se non nos les de vivo"
Na vella Auria un recuncho para a reflexión, o lecer e o pensamento. Unha fiestra aberta ao mundo dende aquela vella sentenza de don Vicente Risco: "Ser diferente é ser existente".



No capítulo XV da Historia da beleza, Umberto Eco repasa a sucesión das máquinas belidas, desde os autómatos prodixiosos mencionados por Herón de Alexandría no século I endeica as máquinas célibes inventadas por Raymond Roussel nas súas Impresións de África por volta de 1910. Nun tranquelexante parágrafo, o escritor piamontés comenta o impacto producido polos camiños de ferro no dezanove: "Coa invención da máquina de vapor afírmase o entusiasmo estético polo maquinismo, mesmo por parte dos poetas. Como testemuña é suficiente o Himno a Satán de Giosuè Carducci, no que a locomotiva, monstro fermoso e terrible, se converte no símbolo do triunfo da razón fronte ao escurantismo do pasado". Por certo que o poema citado por Eco, publicado en 1863, empeza así: "Un belo e horrible monstro avanta: como os volcáns, os montes supera, devora as chairas...". Paréceme que Carducci ecoa en Curros Enríquez, nos versos que celebraban a chegada a Ourense da primeira locomotora: "Velaí vén, velaí vén avantando cómaros e corgas e vales e cerros".



.jpg)





