18 jul 2008


Recordar doe (Andoliña venres 19-7-08)

A mediados dos 70, algúns alumnos comprometidos da Facultade de Historia de Compostela latabamos de cando en vez as clases dalgún profesor reaccionario e iamos, en cambio, ás aulas de Fonseca, onde daquela impartían maxisterio profesores de Economía e Pedagoxía. Así, seguimos parte dos programas de Xosé M. Beiras e López Suevos e do pedagogo Herminio Barreiro. Ando agora a ler as memorias deste último, cun título en verdade espléndido, Recordar doe (Xerais): vaia en agradecemento por aquelas clases gratuítas.
Como era de agardar, hai moito de historia da pedagoxía neste volume: de Rousseau a Montessori, pasando por Makárenko, Luzuriaga ou Carlos Lerena, entre outros. Pero son citas ben inseridas no propio discurso do seu elan vital, dende a primeira escola (1940) ata a ruptura universitaria (1965). Pero hai moito máis: evocacións de amigos e familiares, sentimento da Terra, notas de cine e libros, etc.
A pedagoxía é só o fío condutor. Velaí tamén a reafirmación da propia identidade de esquerda, dende a China de Mao ata a Cuba castrista. Sen dúbidas. Lembroume neste plano ó poeta Antón Tovar, pero este viviu desconcertado coa crise da URSS os seus últimos anos.
Actores do cambio (Luis Pousa, Galicia Hoxe 18-7-08)
Carlos Aymerich: "Hai un trasfegar de votantes do PP cara ao Bloque"


“Sería un sinal de madurez que o PSOE e o BNG mantivésemos a unidade do Goberno galego ata as eleccións autonómicas. Nos próximos comicios, aspiramos a que Anxo Quintana sexa o presidente da Xunta de Galiza. Haberá un novo pacto do PSOE”

A nosa disposición a cooperar co Goberno socialista é permanente, e non por facerlles un favor a Zapatero e ao PSOE, senin para seguir traballando, como fixemos ata o de agora, en beneficio dos intereses de Galicia. Os rendementos dese traballo do BNG están á vista. Parece que hai unha especie de lei natural, da que é difícil fuxir, que na segunda lexislatura obriga os partidos españois a dereitizarse e centralizarse. A composición do Goberno español é ilustrativa.
Entrevista completa
Historia, de Bieito Iglesias (ECG 17-7-08)

Por unha cuestión de sexenio (non precisamente do sexenio revolucionario que vai da Revolución de setembro de 1868 ao golpe do xeneral Pavía que acabou coa 1ª República en 1874) e porque os funcionarios temos que acreditar horas de formación cada seis anos se queremos percibir o aguinaldo correspondente, matriculeime nun curso de prosopografías. Igual me tería matriculado nun simposio de física cuántica, pero cadrou que falaron ilustres profesores (Núñez Seixas, Fernando Devoto ou Marcela García Sebastiani) das elites ibéricas no Río da Prata. Un tema ben interesante para os galegos, que tivemos na capital arxentina a nosa primeira metrópole, por cima da Coruña e Vigo, nun período aínda recente da nosa novela colectiva. Trazáronse no curso os retratos de personaxes españolas con certo protagonismo na colectividade emigrante riopratense (López de Gomara, Carlos Casado, etc).
Saíron a relucir algunhas biografías galegas -de Paredes Rey, Fortunato Cruces ou José R. Lence-, e as brillantes palestras dos relatores permitíronme tirar varias conclusións: 1) Somos un pobo sen historia, a maioría dos galegos, tanto emigrados como ancorados na Terra, foron historicamente escura caterva pondaliana, masa anónima que non figura nos diarios nin nos libros, polo que constitúen máis materia literaria que pasto de historiadores 2) A pesar de logros societarios como o Centro Galego, os nosos paisanos non formaron parte da elite local porteña agrupada no Club de Armas ou no Jockey Club 3) Os conterráneos nin sequera alcanzaron un estatuto de mediadores coa oligarquía local, cousa que si conseguiron outros emigrantes peninsulares como o asturiano Rafael Calzada 4) Os países de acollida actúan como verdadeiras trituradoras de perfís étnicos, de maneira que os galegos de alén mar veñen sendo arxentinos con trazos deferenciais case imperceptibles.
Corolario final: o galego mantense na Galiza, a identidade cultural precisa unha reserva xeográfica.

17 jul 2008



VIRXILIO VIEITEZ.
Andoliña xoves 17 xullo

Eu non tiven a fortuna de coñecer a Virxilio Vieitez, antonte falecido. Vexo o seu retrato e vexo a cara dun home que viviu moito, traballador, quizais un algo escéptico. Non sei se el sabía tamén, se o soubo sempre, que era un gran artista. Tivo a sorte, a finais dos 90, de toparse co fotógrafo Manuel Sendón, que foi quen nolo redescubriu como creador: logo a súa obra foi exposta, admirada, estudada.
Fotógrafo de pobo ou de oficio, formado en Cataluña, coas súas imaxes deixounos unha das visións máis profundas da Galicia de posguerra. Cando deseñaba os seus retratos, con tanto detalle, estaba a falarnos con extrema sensibilidade da emigración, dos soños frustrados, da miseria dun tempo e das feridas a cicatrizar dun pobo tantas veces enganado. Supoño que os retratados non o chamaban como artista, pero quedarían satisfeitos dunha imaxe que ofrecía para o mundo, para os familiares emigrados en América ou Europa, o mellor das súas vidas.
Nas súas fotos, ó carón das flores e dos automóbiles da época, hai moito amor e moito coñecemento do país e das súas xentes. Quizais el tardou en saber que era un artista. De certo un creador non é o que o vai por aí proclamándose como tal, por moitas performances que asine.

16 jul 2008


























Lembranza dun gran artista (de oficio, fotógrafo)

ARMAS E SUBDESENVOLVEMENTO
Andoliña mércores 16 xullo

Hai uns días varias organizacións non gobernamentais, Amnistía Interrnacional, Greenpeace, Interpón Oxfam e Fundació per a Pau, denunciaban publicamente que o goberno español segue vendendo armas a estados nos que se violan os Dereitos Humanos como Paquistán, Marrocos, Colombia ou Israel: GALICIA HOXE informaba con xeito dese comunicado, no que reclamaban do goberno que aplicase de xeito correcto a Lei do Control do Comercio de armas e material de dobre uso aprobada no 2007 e que evitase contribuír a esas violacións dos Dereitos Humanos facilitando armas a tales países.
O tema é complexo, sen dúbida. Vemos a Zapatero todos os días dando consellos éticos sobre os males do mundo e os seus posibles remedios. Ofrecendo as cidades españolas como sede de grandes encontros internacionais pola paz e a convivencia das civilizacións. E todo iso está moi ben e sae en grandes titulares, pero as notas das ONGs quedan, agás excepcións como GH, nas marxes dalgunha páxina par, onde case non se vexan. A razón é evidente: o negocio de armamento move cada ano máis de 900 millóns de euros. Algúns producidos dende fábricas galegas. E en tempo de crise, ademais.
Las palabras inofensivas, de Alfredo Conde (El Periódico de Cataluña)

Pensé en ello hace unas semanas y recordé a Schniztler, mientras escuchaba atentamente la esperanza del presidente del Gobierno de España de que la derecha no haga un uso de la lengua, de la lengua española y castellana semejante al que lleva hecho de la palabra España y por ende de la bandera que la simboliza. Razones tenía para ello. Esas palabras están sirviendo, y trazas tienen de seguir haciéndolo, para que muchos golfos callejeros las maltraten con el uso que hacen de ellas, las insulten con sus actitudes y las vejen al aderezar los conceptos que encierran en adorno de sus intereses. Hay palabras y conceptos que, o son de todos, o no son de nadie. Por eso cuando alguien se las apropia y las instrumentaliza de modo partidario, adscribiéndolas a este o aquel sistema de ideas, a izquierda o derecha del arco parlamentario, qué más da uno u otro, si lo que cuenta es el uso, la manipulación o la apropiación indebida, merece cuando menos la calificación que Arthur Schnitzler le otorga.La última expresión manchada de amarillo, aparentemente patriótico, es lengua española. Quien les escribe vive en Galicia y, cuando lee que en Galicia la lengua común está en regresión, amenazada gravemente y poco menos que desmenuzada a mordiscos por la gallega, no puede sino pensar en llamar golfos a los que tal afirman.

(o artigo completo)

15 jul 2008


Un tema do que se falou nesta casa varias veces:
a Xunta e os cartos ós medios
na revista TEMPOS (sobre os contidos, ver Comentarios)
Lugar do canto (Andoliña 15 xullo)

Xesús Rábade Paredes axuntou poemas escritos con case trinta anos de diferenza, dende Xuntos cara ó mañán (1969) ata Poemas do aire (2007): un reto difícil pois son moitos anos para manter a unidade dun rexistro poético. Pero Rábade supera o reto. A súa voz mantén a fidelidade ás raíces, no ronsel daqueles novísimos dos 70 que reivindica no limiar o seu amigo Darío Xohán Cabana.
‘Lugar do canto’ (Hipocampo Amigo) resulta, ó cabo, un libro unitario. Un libro onde o amor ten presenza substancial, no apartado A cerva branca, con poemas tan fermosos como Ronsel quixera serche de esperanza ou Porque así te aprendín e así te quero. Versos de acenos elexíacos (o apartado De Tristia) e poderosas imaxes como esa nai horrorizada ante o fillo que xoga na escola ó ritmo dun desfile militar. Poesía que reflexiona sobre os silencios, o paraíso da infancia e as mudanzas do vivir: velaí Onde habita o meu nome, exemplo da forza das palabras contra o paso inapelable do tempo.
Non falta a denuncia da guerra, nos ollos dos meniños de Iraq e Chechenia e o emocionado canto Execración da patria, alegato dun país que confunde, ás veces, a mansedume coa submisión.

FÍO MUSICAL 27 (envío de Tacho)

Na selección dos discos mais salientábel da pasada semana da revista EFEEME, volta aparececer un disco dunha artista galega Tratase do disco de Sr. Carmen: Na flor dos meus anos, a compoñente máis maior de Malvela. Esta e a referencia con data 11-07-08, asemade vai o enderezo da paxina coa posibilidade de escoitar dous temas. Unha aperta.

Para recuperar todo eso, el inquieto sello PAI edita un disco-libro en el que a las once canciones les añade un DVD biográfico que apuntala la emoción de las melodías. Melodías que se visten con ropajes, arreglos de músicos de Milladoiro, instrumentos de Treixadura o la voz de Dulce Pontes entre otros que dan vida al disco. Y sobre todo ello la voz de la señora Carmen que desgrana silencios de siglos en la rosaliana “Vals de Pazos” o en los aires morunos de “Ramo verde”.
Es una voz desacostumbrada y extraña, ajena a todo lo que sea convencional porque bebe de fuentes que no han sido escritas y que por tanto el consumidor tipo no conoce. Pero merece la pena acceder a ella, no sólo por la curiosidad, sino también porque es parte de nuestra memoria sentimental. La explosión de simplicidad en la canción que cierra el disco y que recuerda el género de las mayas o el intenso hedonismo que recorre la invitación de “Baila meu Manoeliño” no estaría de más que se contagiara a los grupos de más amplio calado. En otros países sucede así, ojalá que en éste también. CÉSAR PRIETO.
La La La, Carmen Marón e Garrido Collazo
X.M. Sarille en ECG 15.07.2008

Pero resultou preocupante, e hai que dicilo, o discurso da concelleira Carmen Marón, antiga vazquista. Aplicouse no pleno cunha vehemencia excesiva en contra do Partido Popular. Este partido é agora o defensor das posicións lingüísticas do embaixador e a señora Marón tirouse á iugular da dereita, proclamando que se debe cumprir a lei, o cal é unha grande e fermosa verdade. Benvido o cargo público á obediencia debida ás normas, mais amosar ese impulso case agresivo cos que ficaron atrás mentres ela se transformaba, dá lugar a un comportamento pésimo.
É difícil concederlles a razón ás persoas que viran tan bruscamente, sobre todo se deciden defender o contrario do que defendían, coa mesma vehemencia e o mesmo talante. É para cavilar. Se lles dá por botarse a correr atrás dun, o recomendábel é saír por patas.


(o artigo completo)
A intelixencia de Barreras (Miguel Anxo Fernán Vello, 14-7-08): graciñas de novo, Miguel Anxo.

Copio o título deste artigo dun outro artigo escrito por Manuel Bragado no seu "Brétemas", unha das "bitácoras electrónicas" máis interesantes ­­(e debo citar aquí tamén "As uvas na solaina", de Marcos Valcárcel: excelente) de todas cantas se escriben en galego: por diversidade de contidos culturais, literarios e informativos e polo estilo e a forma que a define. Fala Bragado da admiración que sente polo proxecto empresarial de Barreras, o primeiro esteleiro privado galego, empresa punteira pola súa capacidade construtiva e de aplicacións tecnolóxicas, e informa o editor da progresiva adopción do idioma galego na documentación interna, na rotulación e nas relacións laborais e comerciais que realiza o esteleiro vigués.

(o artigo completo)

14 jul 2008

Aloitadores, de Bieito Iglesias (ANT dixital 14.07.2008)

A medida que nos facemos grandes, tendemos a asumir un programa ideolóxico de vellos: o importante é ter saúde. De aí que a política e demais paixós xuvenilistas acaben por cansar. No entanto, cando xa estamos máis cheos de política que se a comeramos, aparecen axentes provocadores pra devolvernos á condición de “aloitadores” na rapa das bestas. Velaí por caso o Manifesto pola Lingua Común, subscrito por falsarios que declaran defender os direitos lingüísticos individuais. O liberalismo pode ser discutible neste campo, aínda que resulta plausible: se Savater e cía denunciasen a Constitución por impor o castellano, daquela empezaría un debate liberal; sucede, en troques, que queren botarnos a lingua de Cervantes pola gorxa abaixo, calcándolle co dedo do autoritarismo. Claro que consideran aceptable a protección folclórica de “otras lenguas”, pero que metan o paternalismo por onde se enfían as agullas. Máis un exemplo: certo tribunal vén de sentar doutrina sobre a consulta de Ibarretxe e seica a soberanía vasca deben acordala os españois todos. De crermos aos tribunos, o Estado sería como un marido que, abandonado pola esposa, recorre á chamada violencia de xénero. É do xénero tonto pensar que a autodeterminación de Euskalherría ha de votala a España cañí. A este paso, como letra do himno español adoptarán aquel estribillo que moito cantaba o amigo Temes nas troulas universitarias: "¡Qué tontería, pensaba que tú eras mía!”

3.588 nomes a rescatar
Marcos Valcárcel (La Región, 14-07-2008)
Foto, enviada por X.L.Carrión: monumento ás vítimas da represión franquista no cemiterio de San Francisco.

A represión. O pasado venres presentáronse os primeiros resultados do estudo ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’, impulsado polas tres Universidades galegas e a Consellería de Cultura. Trátase dun proxecto historiográfico, iniciado no 2006, que pretende medir e definir os marcos da represión da guerra civil en Galicia. Con cifras e datos plenamente contrastados, con rigor metodolóxico, como afirma Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea. Para iso contouse con fontes como o baleirado das causas militares da IV Rexión Militar, de todos os rexistros civís dos concellos galegos, da bibliografía existente (nalgúns casos xa moi exhaustiva como no exemplo ourensán, estudado por Xulio Prada) e dun total de 349 entrevistas orais realizadas en Galicia, Asturias, Cataluña e varios países americanos. (...) (...)


Vidas cortadas na súa plena madureza: moitos dos executados estaban por baixo dos 45 anos. Vidas que representaban o mellor do réxime republicano, dende as súas autoridades (moitos mandos militares ou o alcalde socialista ourensán e o gobernador civil do Ourense republicano) ata humildes carpinteiros ou labregos. Todos aqueles que tiveron responsabilidade coa Frente Popular foron duramente castigados: tal era a consigna explícita do xeneral Mola e de todos os alzados contra a República. Velaí case catro mil vidas (esa é unha cifra posible cando remate este estudo) frustradas e negadas: é ben xusto, cando menos, restituír agora os seus nomes, a súa memoria e a súa plena dignidade.

(o artigo completo)

13 jul 2008

As grandes historias nunca morren
Shane (Raíces profundas, George Stevens, 1953)

Vina unhas cantas veces. De pequeno, cando non sería moito máis maior que o pequeno Joey. Onte recupereina, en DVD, e comprobo que mantén toda a súa beleza e frescura.
É unha das películas da miña infancia e supoño que de todos os da miña xeración. Como A noite do cazador, Capitáns intrépidos ou Matar a un reiseñor.
Un western inmortal, pero moito máis que un western.
"Xoias" do xornalismo

J.R. Onega, "Las lesbianas no se cortan" (ECG. 13-7-08)
Quizais un dos columnistas máis reaccionarios (e hai uns cantos) da prensa galega

"Han llegado de todos los continentes y culturas porque España, que tantas lenguas tiene, no necesita más idiomas que la canción universal del sexo invertido. Alguien definió el Día Gay como una marea humana de plumas, aceite y tacones de aguja. Pero el pensamiento humano se adornó siempre de maricones y lesbianas."
Xeito, de Luís González Tosar (ECG 13-7-08)

Reparo nunha fotografía do cumio do G8 en Toyako, illa xaponesa de Hokkaido, na que os líderes dos sete estados máis podentes do mundo, engadida Rusia -por herdeira da URSS- dispóñense a plantar cadansúa árbore. Merkel é a primeira, e como alemá afeita aos labores do xardín, semella ser a que máis xeito e traza lle dá ao choio. Ao seu carón, Bush nin disimula: a ferramenta do revés, collida cunha man soa e, sen abaixarse, con lombo de can, apenas empuxa unha pouca terra, coma con noxo. Fukuda, amo e patrón da leira, non ten parada, é un deses que fan que fan, un bule bule. Sarkozy e Medvédev óllanse, un de cara ao outro, con riso falso, as pas a media altura cara adiante, coma armas. Berlusconi traballa á toa, sen ton nin son, coñéceselle que o fai por fachendoso; acenea coma un pallaso, sua coma un porco. Aos outros dous -Brown e Baird- non lles sabemos o xeito, porque non saíron na foto. Con estas meadas andaba, esoutro día, repasando os varios significados da palabra "xeito" -s.m.- das máis completas do noso idioma: dende andar con xeito (con tino) ata pescar co xeito (arte de enmalle prá pesca da sardiña e da anchoa), pasando por "xeitosa" (agraciada) e outros sinónimos como aspecto, disposición, feitío, maneira, garbo, modo, habelencia, maña, coidado...
Nisto andaba, digo, cando dei coas declaracións, tallantes, do Secretário Ejecutivo da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) Luis Fonseca, afirmando que "a Galiza deverá ser apresentada pelo Governo Espanhol se quer ser observador associado da CPLP". A categoría á que pode aspirar Galicia, nese organismo, será a mesma das antigas colonias lusas de Goa (India). Macao (China) e Malaca (Malaisa), actuais observadores. Ai, o jeitinho portugués!.
Anxo Quintana: "Se quere que o Estado cumpra, Galiza ten que comportarse como un país"

Entrevista en Galicia Hoxe, 13-7-08



Firgoas de historia e xornalismo
Tempos de cambio: Arco da vella

O artigo completo

A mediados dos anos 70, arredor da morte de Franco, a prensa galega viviu unha certa primavera de esplendor marcada pola súa apertura democrática e a descuberta dos problemas e temas galegos. A autonomía era aínda un soño e a democracia só un proxecto: houbo que loitar día a día por todas as liberdades. Por iso a carga léxica daqueles días podía ser un pouco repetitiva: amnistía, liberdade de expresión, legalización dos partidos políticos, etc. Todos os xornais puxeron entón o seu grao de area. Imos ver hoxe un exemplo: El Ideal Gallego de mediados dos 70 e, sobre todo, dende as súas páxinas culturais. (...)

EIG ofrécese como plataforma para publicar un suplemento cultural dominical titulado Arco da Vella. O suplemento, que ás veces era só unha páxina, era monolingüe en galego e estaba ó cargo da Agrupación Cultural O Facho da Coruña. Alí colabora, moi activo entre 1976 e 1977, un moi activo Manuel Rivas que se estrea como xornalista no xornal, facendo de todo, ata buscar os cafés, como el mesmo ten contado; pero alí xa están as primeiras mostras dun novo xornalismo fragmentario, de extremo amor pola palabra e pola verdade, que el asinaba nunhas columnas tituladas "Rebulidoiro". Con el encontramos outros nomes da cultura galega, próximos ó Facho como é lóxico, como Xavier Alcalá e as súas crónicas do que el xa denominaba O Impaís, Xavier Seoane, Xosé María Monterroso Devesa, Lois Caeiro, etc. Con abundante información musical: eran os tempos nacentes de Milladoiro, Fuxan os Ventos, tamén Miro Casabella, Emilio Cao, etc. Creo que alí lemos tamén algunhas columnas de Agustín Díaz, "Tintxu", xornalista de raza falecido no mes de marzo pasado e pai de Lourixe, hoxe blogueira dos fermosos Chantos na Chaira. (...)

Siro López facía cada semana un resume das novas máis importantes nunha xeira de viñetas mesturadas, ás veces toda unha páxina, coas súas extraordinarias caricaturas. Neste xornal publicou a entrega que máis problemas lle causou na súa vida: unha extensa viñeta que reproducía o discurso final de O gran ditador de Charles Chaplin, película prohibida no franquismo. Publicouna o 31 de outubro de 1976 e poucas semanas despois foi denunciado por presións militares e Siro procesado nun Consello de Guerra pola xurisdición militar, no que se lle pedían seis anos de cárcere (librouse logo pola amnistía do rei Juan Carlos). (...)

Hai moitos textos asinados con pseudónimos como Morrois, Un-do-Chan, Furateitos, Denís, Sabugueiro: sería bo que algún dos compoñentes daquela xeira de O Facho os identificase agora.
Sinaturas recoñecibles son tamén as de Manuel Riveiro Loureiro, Manuel Miragaia, X. Castelo, Xaquín do Vilar, que hai que engadir a todas as citadas antes. E nesas páxinas debeu comezar a súa andaina tamén o popular Gaspariño, de Xaquín Marín.


Continente Blanco Amor.
A Mirada Retida, La Región 13-7-08.

Achegarse á obra de Eduardo Blanco Amor é penetrar nun continente esplendoroso: a súa narrativa, poesía, teatro, xornalismo, en galego e en castelán. Tamén puido ser un gran pintor. Porque foi un fotógrafo excepcional: quedou demostrado en 1993 cando no Clube Cultural Alexandre Bóveda publicamos un volume coas súas fotografías, que se gardan na Biblioteca de Autores da Deputación. Despois houbo máis libros e máis fotos recuperadas, como esta vista das Tres Pontes aurienses, reproducida en “A ollada do desexo” (Galaxia). Tres planos espaciais, tres luces contrastadas, coa Ponte Vella envolta en húmidas néboas, tres tempos dunha longa historia: dende o mundo romano á Idade Media, dende a Ponte Nova de comezos do XX ó Viaducto do ferrocarril de mediados desa centuria. Hai toda unha filosofía da ourensanidade implícita nesta fermosa imaxe, estantía, indeleble: se somos quen de concentrarnos e entrar nela, ata poderemos camiñar polas beiras do Miño en compaña do misterioso Bartomeu, loiro e ollos azuis, desaparecido nun conto de “Os Biosbardos”.