11 oct 2008

Contaquilómetros con amnesia
Afonso Vázquez-Monxardín, la región 11-10-2008

E que trampa ten? -pregunteille inxenuo ao xefe de vendas de V.O. (vehículos de ocasión).Por favor... ¡Ningunha!. Non ve que nos somos un concesionario serio e non uns chaíñas calquera.-¿E logo como é que vale só un kilo este cochazo con 80.000 quilómetros? -insistín-.-Pois porque é de alguén moi próximo a esta casa e ten facilidades especiais para cambiar e bla, bla bla.Total, que paguei e saín de alí calzado nun flamante vehículo gris escuro, non de marca de luxo, pero que estaba moi ben. Aos poucos día decateime de que o aire acondicionado non funcionaba e que o coche empezaba a coller a incómoda manía de apagarse en marcha cando lle petaba. Volvín por alí. Como era o terceiro vehículo que tiña da mesma marca -miren que cousas, xa eu coñecido da casa- pregunteille con confianza ao rapaz que atendía o ordenador das entradas: -Oe ¿a que kilómetros lle fixeron o último cambio de aceite? Amable e disposto teclea a matrícula e dime: -Aos 250.000. (...)

(o artigo completo)

tempos mouros

Tempos estes ben mouros para a nosa cultura: Xoán Bouzada, Suso Jares, agora Ramiro Fonte.

As miñas condolencias á súa familia e amigos: máis información en Brétemas, Lándoa ou Galicia Hoxe.
Dende aquí tamén o meu agradecemento polos seus poemarios, as súas novelas, e, sobre todo, pore esa excepcional triloxía memorialística que constitúen as novelas «Vidas de infancia» formada por Os meus ollos (Xerais 2003), Premio Losada Diéguez de creación 2004, Os ollos da ponte (Xerais 2004) e A ponte nos ollos (Xerais 2007).
Rajoy esquece pechar un micrófono e exclama: "mañá teño o coñazo do desfile"
16.16h. Foi antes das intervencións de clausura da XIII reunión interparlamentaria que o partido estaba a celebrar en A Coruña

(galicia hoxe)

Esperanza Aguirre
andoliña 11-10-08

Primeiro caía simpática porque se facía a despistada ou a inocente cando a abordaban de súpeto os homes de negro de Caiga Quien Caiga: entraba na categoría de políticas espontáneas e algo simpáticas. Logo pasaron moitas cousas na Comunidade de Madrid, con actuacións moi lamentables no campo da Sanidade Pública. Hai só uns meses Esperanza Aguirre ensinou os seus cairos na liorta interna de poder contra Rajoy e demostrou que ía a por todas e que non tiña demasiados escrúpulos: non gañou de momento, non sei se perdeu.
Agora sabemos que ten as Universidades Públicas da súa Comunidade Autónoma a pedir por portas: reduciu o 30 por cento o diñeiro para gastos correntes, o que serve para pagar as nóminas dos seus profesores, e non solta tampouco as débedas consolidadas. Como boa neocon que ela mesma se considera, a Esperanza Aguirre amólalle investir cartos en todo o que cheire a Estado de Benestar. Ata os cárceres privatizarían, seguindo o modelo americano, se puidesen.
Por certo, que din os neoliberais desta gran treboada do capitalismo global? Nos EEUU o goberno xa fala de nacionalizar os bancos en crise: se Marx e Lenin levantasen a cabeza!

10 oct 2008

Un estraño pesadelo, por Apicultor

Non adoito ver a TV, apenas algunha película moi de cando en vez. Pero onte, venres, optei por botarlle unha visual e relaxarme tumbado no sofá. Estrañamente, quedei dormido véndoa. Cando espertei xa era de madrugada. Estaban botando un alucinante programa (coido que en Tele5): un tipo aparentemente normal, acompañado pola súa esposa, pola súa nai e por un amigo, sometíase a unha Máquina da Verdade para gañar uns cartos.As preguntas eran cada vez máis comprometidas, pero a avidez de diñeiro do tipo e da familia incitaban a ir máis alá. Por cada pregunta que respostaba con sinceridade acumulaba máis cartos. Se mentía, perdíao todo.

- Pregunta: Estaría vostede disposto a morrer polos seus fillos?
- Resposta: Non. (Máquina: verdade!).(Os familiares perfectamente tranquilos)
-P: É vostede bisexual?
-R: Si. (Máquina: verdade!).(Os familiares xa comezan a poñer caras algo raras, especialmente a esposa).
- P: Ten enganado sexualmente a súa muller?-
R: Si. (Máquina: verdade!).(Cara de poema, e non precisamente lírico, da esposa).-
P: Sabería dicir cantas veces ten enganado a súa muller?
- R: Non. (Máquina: verdade!). (Aquí a muller a punto de estalar e con cara de moi malas pulgas. Pero o tipo, estimulado polas suculentas gañancias, decide seguir adiante).
- P: Desexa vostede sexualmente á esposa do seu amigo?
-R: Non. (Máquina: MENTIRA!).(O tipiño pon cara de circunstancias, pero perde todos os cartos acumulados e vaise coma un lóstrego. A cámara non enfoca nin ao amigo, nin á esposa, nin á nai).
O Capital, de X.L. Méndez Ferrín (Faro Vigo, 10-10-08)

De súpeto os medios de comunicación volven usar a palabra que durante tantos e tantos anos ignoraran: capitalismo. A crise do capitalismo que estaba tan prevista coma o próximo terremoto de San Francisco está aí e é froito da acumulación desordenada e da cobiza de lucro. Fálase de capitalismo pero os grandes sabios da economía burguesa que tan ben nos ensinaron que a historia chegara ao seu fin e que a liberdade absoluta de mercado é o principio que debía rexer no mundo e que a disciplina do Estado tiña que ser sustituida pola disciplina da Empresa e que o liberalismo debe gobernar as nosas vidas coa mesma violencia con que a selección natural e a adaptación ao medio gobernan na Natureza viva, non saben senón tatexar desculpas. E agora é o Estado o que ten que salvar o capitalismo. É decer, despois de que os burgueses levaran o mundo financeiro ao caos temos que ser os probes os que paguemos o desastre a través do Estado. Non existe a alternativa socialista en forma de URSS pero a soa posibilidade de remedio segue a ser o socialismo. Tamén se pode revisar a política económica e facer que o Estado interveña para controlar a crise e que, unha vez esta superada cos sacrificios dos traballadores e do resto do pobo, voltemos ao desorde que terminará por culminar nunha outra crise e así polos séculos dos séculos. Xa iremos vendo a ver.Pola miña parte, leo cada día a prensa de Galicia por ver o que o club financeiro de Vigo, despois de informarnos de que o idioma galego constitúe un inconveniente para o empresario florecer, nos informa sobre a resolución da crise financeira. Gostaríanos comprobar que o clube financeiro de Vigo, alén de estar formado por sociolingüistas expertos, tamén pode falar de asuntos tan relacionados coas finanzas como é o da crise na que nos achamos enchoupados. O feito é que a avidez capitalista nos levou ao crack e á crise e que é o Estado e os pobres os que temos que llela solucionar. Estes días, como todos os días, a lectura de Marx pode servirnos para centrar as ideas. Eles prefiren botar unha man do fondo de reservas intelectuais keynesiano. Pro a admonición de Altusser será máis fructífera para os espíritos ceibes: ler O Capital e, como non, o Manifesto Comunista (hai versións en galego).Neste intre dexenerativo fálase do capitalismo pero no é doado ouvir falar do fracaso do capitalismo, aínda que no carozo máis interior e fundamental de tal sistema encóntrase necesariamente o seu propio fracaso. Neste clima de crise celebrou o pasado sábado catro de outono, en Vigo, a Central Unitaria de Traballadores (CUT) o seu congreso, e del saíron uns novos estatutos co cal esta sindical se aprechou para os tempos difíceis e para facer visibel o espectro que percorre, xa no só Europa senón o globo terráqueo. O pensamento obreiro é rico e en Galicia encóntrase (ao revés que en Cataluña) ben enxertado no discurso nacionalista. A perversión advírtese no feito de que cando hoxe o pensamento hexemónico fala de "igualdade" non está a falar da idea de Igualdade que aflorou na Revolución Francesa e que constitúe o único horizonte verdadeiramente alternativo a este desastre e a esta miseria que hoxe amosa a faciana dos cadáveres.

9 oct 2008

ANTÓN BAAMONDE en EL PAIS 8-10-08
"Feijóo no se decide
En los 16 años del PP en el poder la parálisis política corrió de la mano de la modernización económica "


Todo ello está muy bien, pero no consigue orillar los problemas de casa, que le prestan ambigüedad a su discurso. Oyéndole uno duda de si Feijóo quiere encabezar una oposición ideológica, españolista y en la ortodoxia del desmantelamiento progresivo del Estado, a la manera de Vidal Quadras, como le demandan sus radicales, o navegar por la galleguidad más tópica de Barreiro y Baltar. Al final, Galicia bilingüe bebe de las fuentes del liberalismo de los neocon, ahora en desbandada, pasadas por los filtros de El Mundo y la Cope. Si fracasa en sus pretensiones electorales, no es seguro que los pijos de ciudad y los despectivamente llamados boinas puedan convivir bajo el mismo techo. Esta es la gran incógnita del PP: si puede mantener unidas cosas que la sociología separa.
Núñez Feijoo intentó una crítica de amplio espectro, pero sin despejar cuáles son sus recetas salvo la austeridad en la Administración y la promesa de no volver a comprar Audis, que fue el momento populista del debate. Pero Feijoo es más Bush -o Aznar- que Angela Merkel. Su forma de liderar la derecha debe mucho a los orígenes de su fortuna en el partido. No hay ni que decir que cabe en su debe el hecho de que, en los 16 años en los que el PP ejerció el poder, la parálisis política corrió de la mano de la modernización de las infraestructuras y la transformación de la estructura económica. Los grandes debates se mantuvieron en formol. Los periódicos, bien engrasados desde el poder, callaron.


Curiosamente, despois deste artigo:
"El PP condena por primera vez en el Parlamento la dictadura franquista
La oposición respalda que la Xunta siga impulsando la lengua gallega "
FERNANDO VARELA - Santiago - 09/10/2008, EL PAÍS.
Música, de Bieito Iglesias (ECG.9-10-08)

O domingo pasado reuníronse os delegados do Bloque en Asamblea Nacional. Seica marchou todo como a seda, o feito de que boa parte dos participantes desempeñen cargos na Xunta ou nos concellos axudou sen dúbida ao relax, porque non hai mellor estuporante que unha nómina crecida. Sosego non significa atonía, e paga a pena apuntar certos contributos ideolóxicos de primeiro nivel achegados polo congreso. Anxo Quintana defendeu un nacionalismo de proximidade (este lema non é moi feliz, pois lembra a policía de proximidade) oposto ao nacionalismo elitista de salón. Non fala por falar, no BNG pasaron á acción substituíndo profesores melómanos e enxeñeiros europeístas por celadores de hospital e descargadores de peixe. Así se agudizan as contradicións de clase e o demais son contos da gauche divine. Con tales providencias, os bloquistas sitúanse na avangarda da revolución planetaria en curso que está a piques de deixarlle os mandos a unha analfabeta de Alasca.
Pero máis interesante que a película do congreso é a súa banda sonora: de la musique avant toute chose. No conclave defendeuse a necesidade de bailar coa terceira idade, porque o baile agarrado aconchega os candidatos aos electores e proxecta unha imaxe divertida dun partido tradicionalmente adusto. Por se fose pouco, coincidindo coa Asamblea compareceu nun xornal o deputado Bieito Lobeira para declararse "esencialmente hortera" e seareiro de Abba. Como resulta que, tempo atrás, o ex deputado Francisco Rodríguez confesou admiración por Marujita Díaz, conclúese que o BNG se arrima de vez ao bo pobo, superando a etapa do Beiras pianista engolfado en partituras clásicas, que por toda concesión á música lixeira celebraba as cantigas de Leo Ferré. A foto do Consello Nacional (con algúns membros puño en alto) entoando o himno pondaliano non asustará a "imbéciles e escuros", pois saben que os conselleiros cantaban coa boca pequena: "Chiquitita, dímelo tú..."

Artistas e "freakys".
PAN POR PAN xoves 9 outubro

Nos Estados Unidos os artistas están en campaña. Nestes días vimos a Paul Auster defendendo o voto a Obama; a Bruce Springsteen cantando en concertos polo candidato demócrata; ó cineasta Tim Robbins na mesma xeira e a Madonna cun vídeo que compara a John McCain con Hitler e o ditador Mugabe. Os artistas a favor do candidato republicano están máis calados. Todos os citados son números un no seu campo: saben escribir, cantar, facer películas, bailar.
Nas mesmas datas os famosos españois de actualidade son a duquesa de sempre, a exmuller dun toureiro e Anita García Obregón. No franquismo os famosos só eran toureiros e folclóricas. E, se queren, futbolistas. Agora compiten na pantalla cos “freakys” e, como estes duran pouco, hai programas específicos para clonalos. Haberá nos EE.UU. “freakys”, supoño, pero por sorte non chega aquí o seu eco.

8 oct 2008


os favoritos ao Nobel.
O Novo e o Vello Mundo dispútanse o Nobel das letras
A Academia sueca anunciará mañá o gañador do premio literario máis prestixioso do mundo
Claudio Magris, Vargas Llosa, Lobo Antunes e Philip Roth, entre os grandes favoritos
Autor: R. Loureiro C. Franco Á. Varela (La Voz de Galicia 8-10-08)

Opinan en LVG unha serie de escritores galegos (Fernández Naval, Rosa Aneiros, X. Constenla, etc.)

Teñen os solainescos das Uvas o seu candidato? Opinen, se queren ...
(un dos meus xa vai na foto)

Gústache ler?
pan por pan mércores 8 outubro
A Fundación Caixanova organiza, como outros anos, unha serie de obradoiros literarios a desenvolver en varias cidades galegas. En Ourense vaise celebrar un dos primeiros, co título “Obradoiro de lectura Gústache ler?”, en cinco mércores, dende o 22 de outubro ó 19 de novembro. Traio aquí esta nova por dúas razóns: primeiro, porque coñezo, dende amizade de vello, ó seu poñente, Ramón Nicolás, un dos críticos literarios máis serios deste país e podo testemuñar dos seus moitos saberes ó respecto. En segundo lugar, polo atractivo do programa, que se abre a toda a historia da Literatura Universal, hoxe ausente dos currículos escolares, e revisará o papel dos clásicos, esculcando na obra de autores como Homero, Dante, Kafka, Dostoievski, Chejov, Stevenson, Dickens, Faulkner, Nabokov, Víctor Hugo, Proust, Cortázar, Vargas Llosa, etc. Paga a pena apuntarse.

dúas convocatorias

Hoxe en Ourense
PRESENTACION Do LIBRO: “LA INVENCION DE LAS ENFERMEDADES MENTALES”. J.María Álvarez Martinez; Ed. Gredos, 2008.
José María Álvarez Martinez, Doctor en psicoloxía pola Universidad de Barcelona, Psicoanalista Membro da ELP-AMP; psicólogo clínico CSM La Victoria II. Consorcio Psiquiátrico Río Hortega ; Valladolid
Coloquio co autor a cargo de:
Santiago Lamas, Coordenador de psiquiatría del CHOU.
José R. Eiras; psiquiatra CHUVI, psicoanalista Membro ELP_AMP
Chús Gómez; psiquiatra, psicoanalista membro ELP-AMP; H. Psiquiátrico Dr Cabaleiro Goás; CHOU-Ourense
DIA 8 DE Outubro 2008, 20.30H Edificio Simeón- Ourense

En Vigo, o día 17 (enviada a este blog por Jim Morrison e pola Fundación Casares.
A TODOS OS AMIGOS DE ANXO REY BALLESTEROS
Un grupo de persoas ligadas a "Café Voltaire", tertulia viguesa da que forma parte o noso amigo Anxo Rey Ballesteros, vanse reunir para desexarlle unha pronta recuperación da súa enfermidade. Nese acto, brindarase á súa saude, leranse fragmentos da súa obra e falarase da súa significación na literatura galega recente. Invitamos ao seus amigos de toda Galicia a compartir con nós eses momentos -e, eventualmente, a ler algún texto ou lembrar dalgún modo ao amigo enfermo-, acudindo a Vigo o Venres 17 de Octubro, ás 20´30 no Central Pork, en Via Norte 40 (xunto á estación de ferrocarril). Rogámosvos que fagades extensiva esta convocatoria á xente que vos pareza oportuno.

7 oct 2008

O as do ramo de rosas, de X.M. Sarille (ECG 7-10-08)

A mediados dos anos setenta do século pasado, o debuxante santiagués Loquis namorouse perdidamente. O desatino da súa paixón era unha mestra que puña escola na aldea de Foxos, na serra do Cebreiro. Incendiado Loquis pola primavera e pola afección a voar que estreaba, combinou con Agrelo, piloto do Aero Club, para que o acompañara en misión ás terras orientais. Mercou vinte e catro rosas vermellas e despegaron de Compostela. En chegando ao lugar, encaixaron a Skyhawk polo medio das montañas e sobrevoaron Foxos mentres os nenos e os maiores se ían xuntando a admirar as cores brancas e amarelas da nave, que intentaba buscar a altura axeitada, a verticalidade correcta e a menor velocidade do vento antes de deitar con delicadeza o ramo destinado á mestra, e grafado coa lenda Sabela e Xosé.
Os ases deixaron as flores no colo do aire, volveron gañar altura, viron a chaira tras do Manzanal, infinita como o amor do debuxante lugués, porque ser é de Lugo, e retornaron para a base. As augas sonorosas dos regueiros, os grilos e os raposos agochados nos touzais recibiron con ledicia o galano de ardentía caído do ceo para a súa mestra, que foi recollido por un pastor chamado Xosé e namorado tamén de Sabela, ausente ela do lugar desde había varios días por mor dun permiso laboral. Quixera o pastor Xosé ter notado sinais de correspondencia da rapaza nos meses anteriores e advertiu de que fora Sabela, incendiada tamén pola primavera, a que buscara a maneira de irse para preparar esta marabillosa declaración, como primeiro paso da súa entrega. Mais a grandes esperanzas grandes tristezas, porque desgraciadamente para este Xosé, eran vinte e catro rosas feridas dela, cruzando el espacio, despacio? tal como canta Diana Navarro. E até aquí a historia dos Xosés e da Sabela. Ramón Sampil contoume este conto. O venres atopei a Loquis e pregunteille. Repetiu todo igual, mais notei que imitando o diálogo borgiano me dicía a verdade para que eu crese que era mentira, pero mentía, porque dicía a verdade. Sucumbiu ao despedirse, xa de lonxe, cando nun arrouto de simpleza confesou que era todo un invento.

Lingua e hispanos.

pan por pan martes 7 outubro
debuxo de Alberto Vázquez

Un xornal de Madrid publicaba onte unha ampla reportaxe sobre a situación do español nos Estados Unidos. Achegaba datos valiosos. Por exemplo, que EEUU é xa o segundo país do mundo en hispanofalantes e que no 2050 pode ser o primeiro, por diante de México. Xa hai 45 millóns de español-falantes censados, sen contar a inmigración ilegal. Alégrome polo español dos hispanos e porque esta, para min segunda lingua, non corre ningún perigo de desaparición. Nin alí nin aquí. O informe completábase cun artigo de Elvira Lindo, menos optimista. Dicía esta escritora que a segunda xeración de hispanos ten vergoña de usar o español e fala un inglés impecable estudado na escola. E que a sorte do español aló depende dos mozos e do apoio, dándolle prestixio, dos medios de comunicación. Non lles soa a música? Non é iso unha diglosia semellante á que aquí padece o galego?

6 oct 2008

Recuperar Gallicia
X. L. MÉNDEZ FERRÍN (Faro Vigo, 6-10-08)

Un bon amigo dime que esaxero ao insistir en que os portugueses ollan para o seu Norte e non ven alí Galicia. Hai uns cincuenta anos, o Porto ollou efectivamente para o Norte e achou que nós existiamos como pobo e como País, a iniciativa da Associação de Jornalistas e Homens de Letras daquela cidade. Foi cando abriron aló un comprido espazo público ao que chamaron Praça da Galiza, cunha considerábel escultura de Rosalía de Castro no centro. Por entón, Vigo, en reciprocidade, erixiu un modestísimo busto á memoria de Camões, neste caso co concurso da Asociación da Prensa da cidade galega, na Praza de Portugal. Tamén en Vigo hai unha rúa do Porto que até hai pouco tempo lucía unha boa lápida de mármore que alguén fixo desaparecer e que iría parar ao depósito de ladroízos vigueses onde tamén foi achantada a varanda do Náutico, a fonte luminosa da praza dos cabalos de Oliveira e outras valiosas pezas de ornato público. Perante o monumento a Rosalía non se fan actos no Porto e o de Camões apenas recibe unha ofrenda fría e oficialista no Día de Portugal.Despois de medio século de indiferencia, parece que en Portugal aparecen signos de que acolá saben como se chama a terra que hai e pobo que vive para aquí do Porque Nacional da Peneda-Gerês e do Río Miño. Un centro universitario privado de Vila Nova da Cerveira decidiu hai tempo recuperar o nome de Gallaecia porque os seus ilustrados promotores sabían ben que a Lusitania aquén do Douro era só unha antelequia ideolóxica e Gallaecia figura tamén nos nomes dalgunhas poucas entidades do Norte de Portugal, o cal é moi relevante. O aeroporto de Matosinhos, que nós vimos crecer, que nos vén servindo moi ben aos galegos do Sul nos últimos tempos e que hoxe recibe o nome de Sá Carneiro, tamén se decatou de que existimos. Somos, hoxe, ben visibeis no Sá Carneiro e loce alí un grande letreiro no que pode lerse: "Oporto (en versión castellana do topónimo), o aeroporto de tódolos galegos". No meeting point deste aeroporto hai unha moi clara indicación que di "Galiza" e que sinala ao lugar de onde parten os autobuses para o noso País.Hoxe son moitos os portugueses e os galegos que acreditan nas inmensas posibilidades que suporía unha activación efectiva da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal, ou Eixo Atlántico. Mais non se apreza vontade política para dar pasos adiante nese sentido. Tense lanzado a idea de que tal Eixo debería recuperar o nome de Gallaecia. E por qué non o de Gallicia, tendo en conta que así lle chamaban ao noso reino común orixinal Venancio Fortunato, Martiño de Dume e Isidoro de Sevilla nos séculos VI e VII? Penso eu que a Nova Gallicia non pode ser só un buró parar xestionar axudas da UE, se é que vai haber máis favores para rexións transfronteirizas, senón un organismo vivo e actuante no que a vella torgueira galegoportuguesa poda facer abrochar gromos novos de civilización. E iso esixe unha conciencia cultural e histórica e unha determinación política que non dou visto por ningures no universo partidario vixente. Desde logo, no futuro parlamento do Hórreo deberían sentar verdadeiros partidarios de Gallicia. E tamén nos concellos, desde o Ortegal ao Miño.
O Casablanca e outras cousas

de Afonso Vázquez-Monxardín (LA Región 4-10-08)

LINGUA, NACIÓN, CRISE
Marcos Valcárcel (La Región, 6-10-08)

Da lingua. Sempre é oportuno debater sobre a situación do galego e a súa historia na evolución social deste país. Por iso estou a ler o traballo de María Pilar Freitas Juvino “A represión lingüística en Galiza no século XX” (Xerais). Nacido nunha tese de doutoramento, de certo o volume é máis unha historia da normalización do galego nese período que o que anuncia na portada. Quizais as páxinas máis valiosas do mesmo sexan as do capítulo III sobre a lexislación represiva e coutadora do idioma, constante dende 1902: hai aí achegas curiosas como a prohibición doutros idiomas fóra do castelán nas caixas de mistos. Escúlcase tamén con detalle no papel represivo da escola, na desgaleguización da Igrexa ou no desprezo da Real Academia Galega (“Academia del estrume” na peculiar definición dun dos seus críticos).
Tamén se revisa, con detalle, a memoria que quedou na nosa literatura desas políticas represivas: velaí o papel dos Seminarios, tan ben retratado en “Amigos sempre” de Alfonso Eiré. Noutros aspectos hai simplificacións que conviña matizar moito máis: un exemplo, non se pode despachar en dúas liñas de descualificación o que supuxo no seu momento o “Informe dramático sobre a lingua galega” (1973) de Xesús Alonso Montero.
Da nación. Xa escribín neste xornal, noutras ocasións, sobre a gran figura de Plácido Castro, galeguista que representou a Galicia na Sociedade de Nacións en 1933. Pois ben, o concello de Vigo decidiu colocar unha placa na rúa Reconquista co texto: “Aquí viviu desterrado Plácido Castro, a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como nación”. Pois xa a temos montada. A placa non se pode colocar pola oposición dun veciño do edificio á palabra “nación”. O que pasa é que iso foi o que fixo Plácido Castro e só consta como feito histórico: os galeguistas históricos chamábanlle “nación” ó noso país, non “rexión” nin outra fórmula calquera. Así son as cousas.

Da crise. Transcribo, do meu blog, a explicación que dá un asiduo, Lobo Neghro, sobre a xénese da crise económica. Cando menos é orixinal e divertida, e quizais non moi disparatada: “Na prensa recollen que a movida toda dos bancos e crise foi debida a persoeiros psicópatas. Xa sabíamos que son o un por cento da humanidade, o cal é unha brutalidade. Eu xa calculara que ese un por cento se concentra como un almíbar na política e alcanza o rango dun cinco á dez por cento, o cal fai que a actividade política de partidos sexa altamente perigosa, enfermiza, e ás veces insufrible. Seica estes persoeiros caracterizados por unha ausencia total de moral e unha incapacidade de distinguir entre o ben e o mal tamén se concentran en lugares de poder económico. Eu víaos en direccións de multinacionais, pero non pensara velos no temón da banca trapalleira. Para chegar aí teñen que ter unha intelixencia moi aguzada e capacidade de traballo, alén da falta de moral. Pola intelixencia, a psicopatía non ten tratamento, só teríamos que detectala. Difícil porque son auténticos encantadores de serpes.”

5 oct 2008


A MIRADA RETIDA (Marcos Valcárcel, La Región 5-10-08)
O espírito da paz.

Hai uns anos derrubouse aquí unha vella casa, caída ó chan como caen os soños cando esperta o día cheo de incertezas. Seica este lugar foi de antigo a claustra da igrexa de Santa María Madre; logo foi cemiterio medieval e aínda mercado dende mediados do século XIX.
É a praza da Magdalena, para Xesús Ferro Couselo, que traballou ó seu carón, o curruncho máis romántico da cidade: é doado coincidir co egrexio arquiveiro. Tamén Vicente Risco se emocionou coa paz e a beleza do seu fermoso cruceiro, que procede da Alameda do Cruceiro. Segundo conta Afonso V. Monxardín no século XVII querían poñerlle portas en Santa María Madre porque, di unha carta ó Correxedor de 1624, “a las noches se cometen allí feos y graves pecados usando mal del lugar tan pío”. Hoxe é un dos centros simbólicos da nosa cidade histórica, aínda que moitos ourensáns o ignoren. Nin sequera os poetas lle prestaron os seus versos: é ben sorprendente. Pero tamén reclamo que nunca perda o espírito da paz que impregna a súa fisionomía, a lenta vaguidade das súas sombras e o fecundo silencio das súas pedras enchoupadas de eternidade. (Foto de Santiago Barreiros).

4 oct 2008

Economía real (J.J. Millás, El País 3-10-08)

unha columna xenial deste mestre de columnistas (completa)

Ahí está el Papa, uno de los hombres más influyentes y ricos del planeta. ¿De dónde le viene toda esa realidad palpable de mármoles, automóviles blindados y alfombras persas? Pues de un individuo irreal llamado Dios, que acaba de inaugurar, por cierto, el año judicial con una misa y con una sentencia que prohíbe la apostasía. ¿Cabe imaginar mayor mezcla de realidad y ficción? Hay niños que mueren de manera real por un mandato divino (completamente irreal) que prohíbe las transfusiones de sangre. Por eso no nombraríamos jamás director de un hospital a un testigo de Jehová. Pero hacemos jefe de los jueces a un señor cuyo Dios detesta a los homosexuales. Quiere decirse que la justicia ha avanzado menos que la medicina. Y la economía también: la crisis real en la que chapoteamos es el resultado de algunos delirios financieros. Si los analistas emplean tantas veces la expresión "economía real", es porque existe la economía fantástica. Y no hay modo de separarlas. El problema es que los que padecen la economía real siempre son los mismos. Los otros se han fugado con los bonus a Miami.
O HOME LOBO
PAN POR PAN sábado 4 outubro.

Como vostedes saben, hai unha moi ampla bibliografía sobre o Lobishome: en Galicia, escritores e estudosos como Vicente Risco, Carlos Martínez Barbeito, Alfredo Conde ou Xosé Miranda achegáronse a este mundo. Hai moitos aspectos atractivos neste mito: para empezar, a metamorfose de home (ou muller) en animal e a dualidade Ben/Mal, tan eficaz en calquera historia. A posible intervención do Maligno, como achegan algunhas lendas, sempre é sedutora nun plano narrativo. Din que afectaba sobre todo ó sétimo descendente dunha familia e era un mal provisorio, ás veces tamén intermitente. E segundo conta Víctor Vaqueiro (“Guía da Galiza Máxica”), os primeiros síntomas desta doenza presentábanse en forma dunha fonda melancolía: velaí a raíz intensamente humana deste mito, a tristura como ponte dende a condición humana cara a besta cruel e asasina.