8 may 2007

En poleiro alleo
Pouco cambiou o mundo dende o tempo dos romanos, di Monxardín. Sarille, "enfant terrible" do noso xornalismo, cuestiona a valía e cualidade poéticas de María Mariño. E Luís G. Tosar reencóntrase co mundo da aldea, pero, por baixo da gabanza, hai aspectos distanciadores...

O auriga Diocles e Fernando Alonso (Afonso Monxardín, en Galicia Hoxe)

O que vostede debe saber de María Mariño (X.M. Sarille, en El Correo Gallego)

Gabanza da aldea (Luís González Tosar, en El Correo Gallego)

Cunqueiro.

Anda pola rede o vídeo da entrevista que Joaquín Soler Serrano lle fixo a don Álvaro Cunqueiro en 1978, cando o señor literario de Mondoñedo tiña 67 anos, no programa “A fondo” de TVE. Toda a entrevista é unha xoia (http://www.blues-propicios.blogspot.com/). Fala Cunqueiro da súa condición de escritor, que escribe dun tirón, pero todos os días, cargado de paciencia. Fala do segredo final da literatura: “la verdad no basta, porque hay que tener una memoria deformante y sobre ella se construye la literatura”.
Os novos escritores aprenderán moito máis escoitando a súa palabra creadora que lendo un manual tipo “Como escribir una novela”. Polo medio fala da alma galega, da ironía e da nostalxia, da fantasía e do celtismo, do Leviatán, de Zasconius, de San Martiño de Dumio e de moitos temas máis. Unha hora e sete minutos completa de marabillas, accesible xa dende o rato do ordenador.
Convite
Alguén acaba de facer unha pregunta no blogg do candidato socialista ourensán Francisco Rodríguez: http://candidato-paco-rodriguez.blogspot.com/
Anónimo dixo... Sr Rodríguez, teño unha pregunta para vostede..... ¿Por que non apoiou no derradeiro Pleno do Concello de Ourense o uso Cultural do edificio que no seu día ocupara o Banco de España en Ourense tal e como se comprometeu a facer?

E digo eu: non estaría mal que todas as persoas con sensibilidade neste tema, que son moitas, se dirixisen tamén ó citado blog en demanda dunha resposta, que os cidadáns merecen.
Onte mesmo (temos espías ben informados) o mesmo candidato daba unha charla a xentes da arquitectura en Ourense. E puña, como exemplo do que quería facer na cidade, con diapositivas, unha imaxe do edificio do Banco de España do que seica dixo que se utilizaría para un uso cultural. Por qué, pois, non dixo o mesmo no pleno do Concello do venres?

(P.S.: 13,23 h. Xa hai cinco interpelacións dos cidadáns de Ourense a F.R. sobre este tema. Anímense a engrosar esta lista...)

7 may 2007

Candidatos e proxecto para Galicia (Antón Baamonde, El País, 7 maio)

Un artigo pertinente e con ideas útiles: eu cando menos estou bastante de acordo coas súas teses. Velaí o artigo completo e tres pequenas fírgoas ós seus contidos:

Recuerdo haber leído hace años, en este mismo diario, una entrevista con Giovanni Sartori en la que este afirmaba que ninguno de sus amigos de profesiones liberales con ciertos recursos propios y un elevado concepto de la honorabilidad aceptaría entrar en política. Lo que el politólogo italiano sugería con ello es que los cargos públicos tienden hoy a seleccionar a una clase media baja que ve en ellos una forma de mejorar sus salarios y de acceder a una presencia pública que jamás tendrían en tanto que ciudadanos privados.
(...) (...)
En lo que respecta al PsdeG y al BNG es evidente que parte de sus problemas derivan de que no sólo comparten gobierno. Además, comparten una bolsa considerable de electorado -que en este momento alto de la ola Zapatero se inclina por los socialistas, pero que ha de retornar al BNG en alguna medida cuando baje la marea- y un perfil muy similar de afiliados. Los dos son partidos de funcionarios, profesionales, comerciantes y campesinos acomodados.
(...)(...)
En realidad, los tres partidos tienen problemas muy similares. Ninguno de ellos tiene un proyecto consistente para Galicia, y todos necesitan renovar sus estructuras con gentes de mayor preparación técnica y entusiasmo. Sería bueno para el país, sin embargo, que el cambio de Gobierno fuese, además de la conclusión, la antesala de un cambio social que también se refleje en la composición y estructura de esos partidos.


CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1965. PRIMEIRA MISA EN GALEGO

Nas imaxes un debuxo de Cunqueiro dese ano e X.Neira Vilas.

O ano 1965 foi complicado no ámbito político. A Universidade de Santiago facía doutor honoris causa ó ditador Franco e o seu réxime abatía en marzo, en Belesar (Chantada), o derradeiro guerrilleiro galego, Xosé Castro Veiga, “O Piloto”. No curso 65-66 esa mesma Universidade convertía en materia de ensino oficial a Lingua e a Literatura Galegas e a finais de ano empezaban as primeiras sabotaxes nas obras de construción do encoro de Castrelo de Miño.No ámbito literario, hai que subliñar a aparición de dúas obras narrativas relevantes: Xente no rodicio, primeira obra de Xosé Neira Vilas que aborda o mundo labrego dende unha mirada adulta; e A orella no buraco (Galaxia), de María Xosé Queizán, encadrada por M. Forcadela na fase de auxe da Nova Narrativa Galega. Precisamente en 1965 aparece na revista Vieiros por primeira vez o nome que marcou a este grupo literario: nun artigo de Xan Sucasas titulado “María Xosé Queizán na “Nova Narrativa” Galega (n.3 da revista).
(...) (..)
Os exiliados tamén tiveron o seu protagonismo nunha carta enviada nesas datas ó arcebispo de Compostela en defensa e reivindicación da liturxia en galego, co apoio de 16 institucións galegas de América. Descoñecemos se houbo relación causa-efecto, pero o certo é que o 25 de xullo, Día de Galicia, se pronunciou en Compostela a primeira misa con toda a liturxia en galego, “a misa de Rosalía”, oficiada polo Padre Seixas no Ano Santo de 1965, que acababa de chegar, este crego do seu labor misioneiro por América e co consentimento do Cardeal Quiroga Palacios. Segundo Manuel Beiras, houbo dous precedentes nos anos republicanos, 1933 e 1934, oficiadas polos cóengos Xacinto Piñeiro e Antón López Carballeira, pero naquelas ocasións só a homilía se pronunciou no noso idioma, pois aínda non se podía nin soñar coa liturxia en galego.
Sobre os xeitos de gobernar da esquerda e da dereita

"Convicciones y falsas medidas", un artigo de Alfredo Conde en El Periódico de Barcelona

6 may 2007


a conspiración.


Pan por Pan domingo 6 maio


Son pouco amigo das teorías conspiradoras. En tempos estas eran enarboradas sobre todo por xentes da esquerda, pero agora semellan ser patrimonio da dereita. Velaí a nosa dereita mediática que non lle chegou con facer o ridículo no tema do 11-M, senón que insiste. Jiménez Losantos e os seus mariachis insinúan que a detención de Isabel Pantoja, suposta branqueadora de mil millóns de pesetas, obedece ás poutas secretas dun tal Zapatero. E terá razón o egrexio xornalista, pero quédase curto. Para ocultar as fotos de De Juana Chaos, foi Zapatero quen mandou a dona Letizia parir, xusto nestes días, a súa segunda nena. E para aumentar a confusión, non se sabe ben cómo, foi Zapatero quen teledirixiu a charla sobre as copas de máis ó volante dun tal Aznar. E organizou a folga do naval en Galicia e a vitoria dos nacionalistas en Escocia: moito poder ten a conspiración!

(P.S.: Estiven menos dun día fóra de Ourense e encóntrome no meu correo máis de 50 mensaxes procedentes do blog: tereinas que ler aínda de vagar, vexo que o debate estivo moi animado. Déixenme dicirlles que eu mesmo estou asombrado do seguimento que estas charlas están a ter entre nomes moi relevantes da cultura galega (presentes onte en Mondariz, na entrega dos Premios da Crítica de Galicia), que xa lles coñecen a todos vostedes, un a un, polos seus seudónimos e seguen con fidelidade, como se se tratase dos siareiros dun equipo de fútbol. As persoas das que lles falo non acostuman a intervir nos debates, polo que sexa, pero están moi, pero que moi atentos, ás nosas disquisicións... )
rescoldos dunha entrevista

Afonso Monxardín pásame este aviso:
Entre os videos colgados na páxina de http://www.democraciaourensana.es/
aparece o da túa entreista en Auria baixo o título de
COMUNISTA NO QUIERE INTERVENIR CON FALANGISTA

(Por certo, nunca eu me identifiquei alí como comunista, nin nada semellante...)

5 may 2007














Ferrín e John Rutheford



Fala hoxe Ferrín, no seu artigo do sábado ("Sucedido en Oxford"), de John Rutheford, premio Trasalba deste ano e, de camiño, de autores como J.R. Tolkien e C.S. Lewis. Hai uns meses Ferrín xa manifestou o seu agrado coas películas derivadas da saga Tolkien (tamén nos seus artigos do Faro) e agora observo que tamén admira a versión cinematográfica de C.S. Lewis en Tierras de penumbra, de Richard Attenborough, nunha interpretación antolóxica de Anhony Hopkins. Polo que vexo, compartimos a devoción por esa película, melancólica e dura, e supoño que esa admiración se pode extender a Una pena en observación, de C.S. Lewis (Anagrama, en versión de Carmen Martín Gaite), un deses libros que penetra ata o fondo dos nervos máis sensibles do corazón. Dese libro é este anaquiño:

¿Qué es la pena comparada con el dolor físico? Digan lo que digan los necios, el cuerpo puede llegar a sufrir veinte veces más que el alma. La mente siempre tiene algunha capacidad de evasión. En el peor de los casos, un pensamiento insoportable lo más que hace es volver una y otra vez, pero el dolor físico puede ser completamente ininterrumpido. La pena es comparable a un bombardero que nos sobrevuela dando vueltas y dispuesto a soltar una bomba cada vez que una de estas vueltas desde arriba coincide justamente con nuestra cabeza. El dolor físico es como el fuego constante en una trinchera durante la Primera Guerra Mundial, horas y horas sin cejar ni un minuto. El pensamiento nunca es estático, el dolor físico lo es muchas veces.

Non lle damos ben á música pop... ("Nós, os desafinados")

Segundo opina hoxe o amigo Henrique Alvarellos, os galegos non lle damos ben á música pop: velaí o seu simpático artigo de hoxe en Galicia Hoxe.

(...) Mais polo son das estrelas do sábado noite destas últimas semanas pasou unha bandada tal de foraxidos dos sons, dos tons, do estilo, que un perde algo de respecto pola presunta vea artística do noso pobo, que é un astro nos agudos da gaita, no esquecido acordeón, no canto e no baile popular... Pero niso que lle chaman pop, a selección do sábado noite está tan lonxe, tan lonxe, do que a mesma tele nos amosa noutras latitudes, que semella ás veces -e doe dicilo- que estamos sentados diante dun programa de humor, e non nun musical.

4 may 2007


o sal da Terra
Pídenme colaborar na difusión desta mobilización. En www.verdegaia.org
figura o manifesto, os obxectivos e os asinantes da mesma.
É obvio que é chegado o momento de mirar cara a Terra: sempre o foi, pero este país precisa de moita atención e respecto co seu medio natural.
Decepción (campaña Banco de España)

Hoxe celebrábase o último pleno municipal en Ourense antes das eleccións. Estaba previsto que os tres partidos representados (PPG, BNG, PSdG-PSOE) aprobasen por asentimento unha declaración institucional de apoio ó uso cultural para o edificio do Banco de España, declaración que deixaría o tema en boa medida endereitado ata despois do 27 de maio.

Por motivos de traballo non puiden asistir ó pleno, pero contáronme por tf. que todo foi un desastre. O alcalde leu a declaración (que tiñan os tres grupos) e amosou o seu acordo, igual que fixo o representante nacionalista. E o terceiro descolgouse, creo que aducindo motivos de formas.

Que pasa neste país? Non se pode facer nada con xeito? Só pensamos no partidismo e no sectarismo, no curto prazo e na política de galiñeiro?
Neste momento só teño unha palabra na cabeza: a miña máis fonda decepción. Mesmo entendo que moitos cidadáns o pensen dúas veces antes de ir votar: só se sementa frustración e logo pasa o que pasa ...

Humor: as ausencias da TYG.

(Pan por Pan 4 maio. Fotografía de H. Ritts)

Somos terra de grandes humoristas, de Castelao a Julio Camba, de Fernández Flórez a Cunqueiro. Lembra Celestino Fernández de la Vega que hai quen encontrou humor na obra do Padre Sarmiento ou do ilustrado Francisco Sánchez. E temos grandes humoristas gráficos (velaí o Carrabouxo, por exemplo). Pero creo que nos falta algo. A cotío chéganme vídeos da televisión vasca, sobre a realidade política e social de Euskadi, moitos para escachar coa risa. Na tele catalana teñen “Polònia” e “Minoria absoluta”, dous programas con prestixio no xénero satírico. Non hai ese tipo de sátira na TV galega. E non teño nada contra os Tonechos. E ata me caen simpáticas as garotas de Ribeira. Pero existen moitos tipos de humor. E falta ese rexistro na pantalla galega: un humor culto, satírico, provocador, etc. Hai artistas que o farían de marabilla. Non estamos aínda maduros para iso?

Luis García Mañá


Home comprometido coa causa do galego, novelista (presenteille en Ourense Meniño dorme), estudoso da realidade do Couto Mixto,
e ademais, amigo. Vaian, pois, os meus parabéns para esa decisión e que o noso idioma enchoupe de cheo todas as actividades sociais que nos definen, mesmo aquelas que corresponden á policía, que exerza tamén de galega dende a lingua.

3 may 2007

Comboio
(Bieito Iglesias, El Correo Gallego, 3 maio)


Por volta destas datas -arredor do 25 de abril- acostuman celebrarse recordatorios varios da Revolución dos Caraveis portuguesa e non faltan, como é de lei, os cabodanos musicais en memoria de José Afonso. Un dos meus temas preferidos, dentro do repertorio do cantor, é aquel que di: "No comboio descendente ía toda a gargalhada..." Tal vez porque actualiza un fascinio infantil polo tren, que vén das primeiras viaxes con partida nun andén de Ourense-Empalme e destino na vella estación do Norte madrileña. Cada etapa desta odisea tiña a súa graza. Primeiramente abría a boca admirando o teito do edificio da estación ourensá, pintado con frescos folclóricos que evocaban cabaceiros, mulleres vestidas con dengue e muradana, homes de polaina e monteira, un enxebrismo falsario que me seducía xusto porque eu coñecía o campo galego e achaba aquelas estampas rústicas tan exóticas como os indios emplumados de América que cabalgaban nas enciclopedias ou nas tapas das novelas de vaqueiros.
Logo viñan as soidades mesetarias, as chairas de trigo rateño (cativo) con mapoulas que contemplaba de día, e a vista forzada de noite por se vislumbraba a través da ventaíña (entre as sombras de aciñeiras en fuga das devesas) un fato de touros máis bravos que o morucho de Osborne. Xa en Madrid, agardaba o oso polar do parque de feras do Retiro e a cama con sobreceo de Isabel Clara Eugenia no Escorial.
Todos estes gozos experimentados nos camiños de ferro (incluso no celuloide, botando carbón á paila con Buster Keaton, o maquinista de The General) precipítanse no pozo negro da desventura e da neglixencia dos xestores públicos, cando temos que enterrar vítimas duns anacrónicos pasos a nivel con ou sen barreiras. Nas últimas décadas, os sucesivos gobernos centrais presididos por González e Aznar deron en retirar estas ciladas mortais a paso de boi, a un ritmo tan pousón que aínda é hoxe o día en que moitos cidadáns arriscan o pelico ao atravesar as vías, como se cruzasen a Estixia infernal e tal que se os coches fosen barcas de Caronte.
Materias Letras Galegas 2007

Chegaron ós centros de ensino, como todos os anos, os materiais do Día das Letras Galegas. E como outros anos, entre eles figura unha Unidade Didáctica de Educación Secundaria (non sei se tamén se fixo para Primaria) sobre María Mariño.
Esta Unidade contén uns datos biográficos mínimos e unha serie de entrevistas a escritores galegos sobre a escritora homenaxeada, ademais dalgunhas actividades e u
nha escolma de poemas.
Máis ou menos como todos os anos: noutras ocasións había máis traballo de investigación (e, sobre todo, de documentación fotográfica) no lugar das citadas entrevistas a escritores (nove autores/as, supoño que escollidos ó chou).

Como vostedes lembrarán, o ano pasado este tipo de Unidades (que daquela faciamos AVM e eu mesmo) eran un despilfarro inútil de fondos públicos e materias pouco valiosos e proveitosos. Por iso mesmo, supomos, Carlos Callón e os dirixentes da MNL acudiron ó rexistro da Xunta a devolvelos, eles moi indignados ante tamaña ignominia. Non lles importou por iso desprezar dese xeito o autor homenaxeado (daquela Lugrís Freire) e, ademais, ós seus familiares e ós autores das unidades (tanto no plano teórico, nós, como no técnico e de deseño).
Pois ben, as unidades deste ano son moi semellantes e se lle poden aplicar os mesmos improperios e lamentacións daquela hora. Na filosofía dos protestantes de onte, con isto non se dignifica a cultura galega e só se malgastan os cartos públicos.
Os que así pensaban, antes, supoño que seguirán pensando o mesmo: por iso agardo que un día destes de novo C.Callón e os seus amigos/as acudan solícitos ó rexistro da Xunta a devolver os materiais das Letras Galegas 2007.
E, en aras da xustiza equitativa, sería bo que chamasen de novo polos medios e enchesen os xornais de fotos da súa indignada cólera...

1 may 2007


Brincadeira: Pataki en bikini
Unha man amiga faime chegar esta brincadeira, que sen dúbida ten a súa gracia: ofrécenos unha nova e orixinal perspectiva da que din unha das mulleres máis sexys de España.
Supoño que a el llelo farían chegar outras mans amigas. Dende logo cada día sorprende máis o enxeño e as gañas de darlle voltas ás cabeciñas que teñen algúns. Todos recibimos todos os días notas simpáticas coma esta e teñen unha difusión masiva dende a Rede. A min gústanme especialmente os sckeths da ETB que tamén me mandan de cando en vez: ogallá en Galicia se puidese facer algo semellante, tan libre de prexuízos e do control dos censores.






Manuel Peña Rey.
(Andoliña 2 maio. Na imaxe cartel do Estatuto do 36, de Díaz Baliño)

Viña o seu nome antonte na prensa local ourensá, porque faleceu hai 50 anos. E creo que paga a pena dedicarlle estas liñas para loitar contra a desmemoria. En efecto, o 1 de maio de 1957 era soterrado en Auria coa presenza dun núcleo reducido de galeguistas Manuel Peña Rey: “Era o noso presidente”, lembraba Otero Pedrayo nun emocionado artigo na prensa do exilio, en Galicia Emigrante, titulado "Lembranza dun bon e xeneroso".
Xinecólogo de profesión (“un dos grandes xinecólogos de Galiza”, di Otero), de orixe nas terras pontevedresas de Viascón, Peña Rey militara no Partido Nazonalista Republicano de Ourense e fora logo presidente do Partido Galeguista nos anos 30, cando o centro galeguista tiña sede na antiga rúa de Alba.As verbas de don Ramón lembran o eminente doutor naqueles días de esplendor republicano: “Todo era bondade, calmo gozo de espranza, xenerosidá, irmandade. Sen xerarquías, orde e leial acatamento, con bos escritores ningunha vaidade literaria. Requintados artistas e homes de oficio artesán quentábanse ó mesmo fogar”. Co corpo morto de Peña Rey no camposanto de San Francisco remataba para os galeguistas ourensáns a etapa máis gloriosa da súa historia.

Manuel Peña Rey (e II)
Manuel Peña Rey veu para Ourense nos anos dez, seica animado por Losada Diéguez, despois do seu matrimonio con Celia Bouzas. Xinecólogo de profesión, montou na cidade o primeiro sanatorio desta especialidade, co doutor Manuel Pol Piñeiro. Polas datas ata podería ser o médico que ve as mulleres en coiros e do que falan alarmados os neniños de Xente ao lonxe. No Ourense dos 30, dirixiu con bo sentido o Partido Galeguista, en momentos difíciles: polas polémicas cos socialistas e pola confrontación cos monárquicos. Saíu en axuda de Otero Pedrayo cando este era atacado no Galicia calvosotelista e en 1931 deuse de baixa como subscritor e anunciante deste xornal polas súas campañas contra a autonomía de Galicia.
No alzamento militar foi expulsado da súa praza no Hospital Provincial, detido e preso no cárcere do Carballiño e confiscada unha parte dos seus bens; mesmo estivo preto de perder a súa casa no Parque de San Lázaro ourensán. A represión dos galeguistas en Ourense foi menor, cando menos dos que vivían na cidade (Bóveda, fusilado na Caeira, tamén era ourensán). Peña Rey morreu en 1957, honrado polos seus amigos galeguistas. A súa viúva falecería moito despois, en 1989.

30 abr 2007


O MEDO É LIBRE E A CONDICIÓN HUMANA

La Región 30 abril (Imaxe de G. de Chirico)

Somos uns bestas. Non se asuste, querido lector, non me refiro a vostede nin tampouco a min mesmo, claro. Pero se vostede pertence á categoría home, vostede tamén ten razóns para avergonzarse da subespecie natural na que o seu ADN o deixou predeterminado. E se vostede pensa en masculino, o menos que pode facer, coma min, é horrorizarse ó ler titulares coma este: “Cada 12 minutos detense un home por violencia de xénero” ou “Un de cada dez arrestos que se fan en España é por maltrato machista”. Non, non é para estar satisfeitos da condición masculina, aínda que eu non coñeza na miña contorna a elementos destas características. Cando menos moitos homes son seres capaces de facer un dano considerable ós seus supostos seres queridos e de impregnar de medo a aqueles que con eles deberían compartir a súa vida e os seus afectos. E o medo é libre: por iso non se entende a decisión dese xuíz de Valladolid que arquivou unha denuncia de maltrato presentada por unha profesora de instituto por descartar, dicía este orixinal xuíz, que unha persoa licenciada poida sufrir maltrato sen pedir axuda externa. Pouco sabe da condición humana este maxistrado. Recomendámoslle unha viaxe polas novelas europeas do século XIX: quizais recoñeza mellor a realidade dende as páxinas dun libro.
Videla e Massera. Foron perdoados polo presidente arxentino, o peronista Carlos Menem, en 1990. Dende aquela cada semana fóronse coñecendo novas atrocidades contra os dereitos humanos por parte do expresidente da xunta militar da ditadura e do seu xefe da Mariña. Videla está hoxe en arresto domiciliario, acusado polo roubo e entrega en adopción ilegal de nenos nacidos de mulleres embarazadas detidas, que logo eran asasinadas e feitas desaparecer. Unha páxina horrorosa da historia de Arxentina (e de Chile e da mesma España hai unhas cantas décadas). Agora a xustiza arxentina declara ilegal o indulto destes militares: os seus foron crimes contra a humanidade e como tales non prescriben. Ninguén pode devolverlle a vida ás vítimas, pero si, cando menos, a dignidade da súa propia memoria.
Homenaxes. Hai unhas semanas o Partido Popular facía unha interesante proposta, desas que só se lle ocorren ás forzas políticas cando están na oposición: prohibir as viaxes a América dos políticos nas previas ás eleccións. Porque as campañas electorais perturban as boas intencións. Pola mesma razón, quizais houbese que prohibir no mesmo período a celebración de homenaxes: ninguén dubida que personaxes como Celso Montero, Luís Taboada ou Antón Moreda merezan moitos recoñecementos, pero pode resultar sospeitoso que se promovan cando hai que pelexar por una foto de interese electoral.
A imaxe de España dende fóra. Sobre este tema falaron no Foro La Región unha xornalista inglesa, Elizabeth Nash, e outro alemán, Werner Herzog. “Ó falar, o español revela o seu xeito de ser e, sen darse conta, amosa o seu subconsciente”, dixo Herzog, subliñando que as linguas son moito máis que un sistema de comunicación. Proben a cambiar na frase o concepto “o español” por “o galego” e mediten despois se seguen estando de acordo coa citada frase.

29 abr 2007






















CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL: 1964. FERRÍN. OS ÁLVAREZ BLÁZQUEZ.

(Fotos de Ferrín nos 60, as Cantigas da UPG de Celso Emilio e Darío Álvarez Blázquez)
Arrabaldo do norte. Nace a UPG, con Ferrín e Luís Soto
Edicións Castrelos e Xosé Mª Álvarez Blázquez na RAG
Día das Letras Galegas dedicado a Castelao. Crecente Vega, R. de Valenzuela, os cancioneiros de Airas Nunes e Lourenço
Torrente en Pontevedra: os artigos no Faro. Créase Museo Arqueolóxico Provincial da Coruña. Bal i Gay. Gómez Ledo. Emilio Pita. Rey Romero, primeiro Pedrón de Ouro. Morren Gala Murguía, Suárez Picallo, Arturo Souto, Fernández Flórez, Elsa Fernández.