5 dic 2007


Erotismo e historia: Contra la desnudez, de Óscar Tusquets (Anagrama)

Varios xornais (El País, La Vanguardia, etc.) falan hoxe deste novo libro de O. Tusquets. Velaí a reseña en El País (de Agustín Fancelli). Tamén hai un artigo interesante de Román Gubern na contra de El Mundo, na vella columna de Umbral, pero non o encontrei na rede. (Imaxe: Anxélica e o eremita, de Rubens, 1624).

Outra galiña azul, de Xavier Senín (ECG. 5 dec.)

Durante os anos da súa estadía en Pontevedra Castelao participaba no parladoiro do café Moderno, hoxe felizmente recuperado para usos culturais. Na praza de San José, na que está situado o antigo café, inaugurouse hai un ano un conxunto escultórico, obra de César Lombera, que representa o parladoiro que tiña lugar no local máis emblemático. Os personaxes asisten á actuación do violinista Manuel Quiroga. Alí está o propio Castelao acompañado de Alexandre Bóveda, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas. Xunto a eles o artista quixo reproducir un intelectual contemporáneo, Carlos Casares, que presencia a escena de pé. O escultor deixou unhas cadeiras baleiras para invitar os cidadáns a sentar e a fotografarse, de xeito que "a escultura estableza un diálogo coa cidade", como el mesmo explicou na inauguración.
Ben que o conseguiu. Como tantos outros días xogaban unha tarde desta semana uns cantos nenos arredor do grupo escultórico. Nun momento dado unha cativa de non máis de oito anos achegouse a Casares, empenicouse e deulle un bico na cara. Esa noite Carlos, ao que tanto cariño lle tiñan os cativos, comezaría a escribir outra obra mestra como A galiña azul.

Eduardo, homenaxe e desagravio
Andoliña mércores 5 decembro. Na imaxe, a portada de Díaz Pardo para unha das súas grandes novelas.

Hai xa moitos anos, o Luís González Tosar, amigo de vello, faloume da necesidade de que Ourense lle fixese un recoñecemento relevante a Eduardo Blanco Amor como desagravio ó desprezo e indiferenza con que foi tratado en vida por certos sectores. O PEN Club galego que el preside púxose en marcha e levamos xa catro anos celebrando unha fermosa homenaxe, que comeza no cemiterio de San Francisco, coa colaboración dos institutos da cidade, empezando polo que leva o seu nome, tal como lle gustaría ó Eduardo. Onte contamos ademais coa participación nestes actos de Clotilde Iglesias, filla de Tacholas e discípula de Blanco Amor en Buenos Aires.O balance do realizado non é malo: unha edición escolar de A Esmorga, un monumento a Blanco Amor no centro da cidade, a recuperación da súa poesía amatoria en castelán en Ars Amandi, coa colaboración da Deputación ourensá nos tres casos. Onte, o Concello anunciou un premio de investigación e outro de relatos da mocidade na súa lembranza. Todo iso non é pouca cousa. Pero a mellor homenaxe é axuntar máis dun cento de rapaces arredor da figura de Blanco Amor. É de xustiza: porque Blanco Amor merece todo iso e moito máis.
Blanco Amor encadeado (Foto José Luís Troitiña)

Así nos tiñan hoxe a Blanco Amor na Alameda, na praza bispo Cesáreo, encadeado, engaiolado entre un sarillo de cables e luces. O responsable: unha empresa de iluminación do nadal contratado polos comerciantes (a mesma empresa que lle levou o ano pasado un balcón ó Liceo cuns cables e este ano aplastou un coche en Sto. Domingo coas mesmas).

Por sorte a concelleira de cultura, Isabel Pérez, foi enérxica e resolveu o desaguisado mandando desmontar todo ( a concelleira "da liberación de EBA" chamaríalle logo o Luís Tosar). Alí fixemos o segundo acto da homenaxe a EBA con lectura de textos de alumnos do IES Blanco Amor e unha intervención de Xosé Luís Díaz Leyes, director do centro, que relembrou como coñeceu ó escritor a través de María do Carmo Enríquez Salido. Tocoume rematar a faena e optei por improvisar, nuns dez ou doce minutos, un breve discurso sobre o Blanco Amor home, escritor (en todos os xéneros) e cidadán, deixando caer algunha anécdota inédita ata hoxe. Non debeu estar mal pois chovéronme as felicitacións e a tardiña xa entraba no lusco fusco. Coa desmontaxe rematamos case ás sete. Tamén andaban por alí Xosé Cid, o escultor autor da peza; Xosé C. Caneiro e a concelleira de educación, a socialista Ana Garrido; o poeta Víctor Campio; Pepe Trebolle, etc., entre un grupo de 30-40 persoas.

O eterno exilio de EBA

Nesta reportaxe de El País, a xornalista Cristina Huete recolle con acerto unha parte das miñas declaracións e mesmo o espírito da miña intervención onte pola tarde, diante do EBA xa liberado das estreliñas do nadal. Todo o que segue está sacado das miñas declaracións a C.H.:

Como glosaría después el historiador Marcos Valcárcel, "fue un hombre que tuvo a gala su libertad y el consecuente precio de soledad que hay que pagar por ella". Y fue también un polemista, un hombre de carácter que se enfrentó a los poderes fácticos del tardofranquismo orensano, al mundo cultural oficial representado entonces por Otero Pedrayo y hasta a los comerciantes "que venden libros como si fueran chorizos". (...) Sus tonalidades las desveló Valcárcel quien, sin embargo, apenas le trató. Sobre su perfil, dejó claro que Blanco Amor "estaba completamente seguro de su valía; sabía que era uno de los grandes, era consciente de que A Esmorga iba a pasar a la historia de la Literatura como una de las cuatro piezas maestras del siglo XX".

Pero el acto de ayer intentó recuperar al Blanco Amor poeta "de una calidad enorme aunque oscurecida por su prosa", al dramaturgo empeñado en un papel didáctico "con los campesinos prácticamente analfabetos de Argentina" y al ciudadano comprometido, galleguista y republicano que participaba de los actos del Partido Comunista. Y, junto a ellos, al homosexual igualmente comprometido que en la última entrevista, concedida a Maribel Outeiriño en La Región, contestó a la pregunta de "¿por qué vale la pena salir a la calle ahora?" con un rotundo: "Por el estatuto de autonomía y por la abolición de la ley de peligrosidad social", saliendo del armario en una época en la que aún mandaba el riguroso blanco y negro.

4 dic 2007







No cemiterio de San Francisco, con EBA

Noraboa a todos os alumnos e alumnas dos Institutos Blanco Amor, As Lagoas e A Carballeira que participaron neste acto.
Noraboa ás dúas alumnas do IES Blanco Amor (non teño aquí os nomes), que acudiron coa súa profesora Soedade, polo texto que leron sobre o "cabaleiro medieval" Eduardo Blanco Amor.
Noraboa a Sandra Campos e Laura Blanco, do IES A Carballeira, polo seu traballo sobre os espazos ourensáns de Blanco Amor.
Noraboa a Gabriel Gavela (fillo de dous amigos, Antón e Rita), do IES As Lagoas (que acudiron co seu profesor, Carlos Varela), polo fermoso texto, tan literario e tan crítico (coa cultura oficial), que preparou para este acto: mágoa que se escaquease e llo mandase ler a un compañeiro (despois apareceu el por alí).
E grazas a Pepe Trebolle pola súa rapidez e xenerosidade de pasarnos estas fotos (clicando nelas pódense ampliar).
Nas imaxes, da abaixo enriba: 1.A bufanda de EBA, inmortalizada en bronce por Acisclo Manzano. 2. Grupo de 2º Bacharelato IES A Carballeira, co seu profesor. 3. Intervención de Clotilde Iglesias na homenaxe. 4. De novo o grupo de A Carballeira.
Chávez
Para animar un posible debate, van aquí dous artigos de ópticas ben distintas:

A derrota do presidente Chávez, de Xosé M. Sarille (ECG 4 XII)

Lo callaron, de Carlos Luís Rodríguez (ECG 4 XII)
disparates nos exames

Coincido solemnemente con Monxardín, o peor da nosa profesión (que ten tantas cousas boas): corrixir exames. Aínda que ás veces haxa disparates ben simpáticos: A Rosalía marimacho e outras cousas (Galicia Hoxe).
Se queren colaborar, o dos disparates nos exames é como o das pintadas... infinito.

3 dic 2007

Lectura e Universidade.
Pan por Pan martes 4 decembro. Imaxe: Retrato dun home con libro, de Lorenzo Lotto, 1526.

É mellor que os profesores non lean os xornais algúns días. Para non deprimirse. Vexan varios titulares recentes: “España retrocede en lectura”, “España, suspenso en ciencias”, etc. O peor de todos é un informe do Ministerio de Cultura onde consta que o 22 por cento dos universitarios admite que non le ningún libro. Algo vai mal: ou a cultura ou a Universidade ou todo xunto. E non todo está en Internet e son medios complementarios, por suposto. Mal vai a cultura do libro por este camiño se as súas elites, as que chegan á Universidade, refugan dos libros como do demo. Son os rapaciños de 10 a 13 anos os que máis páxinas devoran, din os editores. Ou sexa que o futuro son bestsellers para todos e libros infantís para os cativos. E o resto? Outra nova: “Isi & Disi” e “El calzonazos” as películas españolas máis vistas na tele. Terá algo que ver co anterior?



Pintadas (10). En Buenos Aires.

Un amigo, que andou de vacacións pero que segue atentamente as Uvas, fotografou para este blog estas dúas pintadas en Buenos Aires. A de Evo Morales no barrio de San Telmo; a outra en Palermo (Grazas, Tacho) .


Traballando...

Ademais de atender o blog e as miñas clases e os artigos da prensa, estes días estou a traballar bastante en dúas citas inmediatas, xa saben: Prensa e Nacionalismo e Coloquio Casares.
Cada vez estou máis de acordo con esta cita do autor de O sol do verán:

“Eu teño desde sempre unha visión puramente narrativa da vida. En realidade, gústame conta-lo mundo máis que pensar nel. Se me piden que fale de algo, que dea unha opinión ou exprese unha idea, dunha maneira espontánea póñome a contar. Ó final, sen pretendelo e quitándolle á palabra calquera contido didáctico ou moral, acabo facendo unha parábola (...) Despois de moitos anos cheguei á conclusión, que por outra parte non ten demasiado de orixinal, de que a facilidade, a transparencia e a sinxeleza son sempre resultado do esforzo e a elaboración. Esas virtudes do estilo nunca se dan dun xeito espontáneo, senón que son froito do traballo, ás veces dun grande traballo. É o mesmo que sucede coa orde, que hai que conquistala. Só un bo lector pode darse conta desto. (...)
A min sucédeme que cando vou a congresos sempre me sorprende a teima que teñen os escritores de imita-los filósofos e os profesores. Fano fatal. Eu creo que os escritores temos a nosa propia linguaxe, que é máis metafórica ca conceptual, pero que nos permite pensar a través dela e explicar o mundo e as cousas. Ese polo menos é o meu caso”. (AMP, 1998, p.20 e 25)

Blanco Amor e a memoria da cidade (I)



Foto: EBA en Santiago de Chile (1952)
IV Xornada de Homenaxe a Eduardo Blanco Amor
Programa, Auria 4 decembro 2007
12 h. Cemiterio de San Francisco. Participan Luís González Tosar (presidente PEN Galicia), Clotilde Iglesias (discípula de EBA, da Asociación Arxentina de Fillos de Galegos) e de alumnos/as de catro institutos da cidade. A seguir haberá outras intervencións de cargos políticos (Deputación, concellería de cultura, tenencia de alcaldía).
17 h. Homenaxe do IES Eduardo Blanco Amor diante da estatua do escritor, nos xardíns da Alameda. Participarán o director deste centro, Xosé Luís Díaz Leyes, e Marcos Valcárcel.
19,30. Presentación no Liceo do libro ARS AMANDI, de EBA. Intervirán os críticos e profesores Luciano Rodríguez e Luís Pérez Rodríguez e José Luís García Martín, poeta, crítico e profesor da Univ. de Oviedo.

2 dic 2007


Unha caricatura simpática

Onte (1.12.07) en La Voz de Galicia, de Leandro.

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1987: DIARIO SEN DATAS

(Imaxes: portadas de dous libros daquel ano e da película "Divinas Palabras", de García Sánchez, rodada en Galicia)

No eido da narrativa, o 1987 foi un ano fecundo e con valores indiscutibles. Podemos salientar obras como Os mortos daquel verán, de Carlos Casares, unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; Arnoia, Arnoia e Bretaña, Esmeraldina, dúas obras clave da narrativa de unha achega do ourensán ó subxénero da guerra civil, cunha aposta no modelo de escrita ousada e ambiciosa; e dúas obras clave da narrativa de Xosé Luís Méndez Ferrín, concibidas como relatos xuvenís pero moi vinculadas ó persoal imaxinario do universo literario ferriniano; Contra morte e amor, novela intimista de Marina Mayoral; Tempo novo, de Xosé Neira Vilas; O ano do cometa, de Xosé Bernárdez Vilar, premio Xerais no ano anterior; Irmán Rei Artur, de premio Xerais no ano anterior; de Carlos G. Reigosa, outra reviravolta sobre a materia de Bretaña; Doncos, o pacífico, de Xoán Ignacio Taibo, que coincide coa anterior no tema artúrico; Foumán, de Xosé Cid Cabido; Land Rover, de de Suso de Toro, unha incursión no mundo marxinal dos arrabaldes; Detrás do silencio, de Xosé M. Martínez Oca (premio Casado Nieto); e Longo voo do paxaro, de Fermín Bouza. Na narrativa xuvenil aparecían obras como O globo máxico, de Andrés García Vilariño (premio Barco de Vapor 1987); A chave das noces, unha das obras máis populares de Xabier P. Docampo, un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e Viaxe a Illa Redonda, de un dos creadores máis potentes da narrativa xuvenil; e de Helena Villar, que tamén mereceu un Barco de Vapor. Palmira González Boullosa gañaba o segundo premio Merlín con A princesa e o enigma de Kian e na colección Xabarín aparecían, ademais do libro de Carlos Reigosa, títulos de M. Tournier, J.M. G. Le Clézio e Italo Calvino (Marcovaldo).

Quizais non se poida incluír na narrativa, pero, fóra de xéneros, está ese magnífico ensaio autobiográfico de Antón Tovar titulado Diario sen datas, unha peza excepcional na súa fondura nas letras galegas. O Premio Xerais, resolto nese ano na vila de Baiona, gañábao Xosé Ramón Pena coa novela Para despois do Adeus. Recuperábase ademais, no ano que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas, unha escolma de textos e descrición da vida e obra de Francisca Herrera Garrido, preparada por Carlos Casares e publicada pola Real Academia Galega.
(...) (...) Tampouco foi mal ano para este cronista pois daquela saía o seu primeiro libro, A prensa en Ourense e a súa provincia, publicado pola Deputación ourensá e con limiar de Ramón Villares Paz.

(Nota: como a versión dixital do artigo sae hoxe un pouco "traspapelada", prefiro poñer o artigo enteiro en COMENTARIOS).
Nostalxia.

Un cento de persoas comeron xuntas onte nun restaurante de Allariz. Convocadas polo “Roi” (Bieito Alonso), alí acudimos moitos/as que, espallados por diversos lugares e ocupacións, temos algo en común: militamos na histórica Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) entre 1974 e 1982. Moitas cousas cambiaron dende aquela: militantes clandestinos onte, algúns están hoxe nos despachos do goberno. Por alí andaban os vellos xefes (Alfredo Suárez Canal, Xaquín Méndez Anta “O Rubio”) ; algúns nomes do mundo cultural (Chus Pato, Lois Paradelo, Xosé Lois “O Carrabouxo”, Carlos Méixome, Xerardo das Airas) e unha chea de xentes que puxeron as raíces e moito máis do sindicalismo nacionalista, obreiro e labrego. Ata houbo tempo para repasar as vellas cancións de combate: “E se eres perseguido, torturado, masacrado, compañeiro, non te esquezas do teu deber máis sagrado”.

Á chegada, recibían ós que ían chegando o Roi e a súa compañeira Sara. Caras que non se vían hai 30 anos. Algúns abondo cambiados; outros, os menos, coma sempre. Vaise xuntando a xente diante do restaurante Porta da Vila, por alí Tino Fandiño tamén recibindo e organizando. Chega a prensa e saca as fotos de grupo de rigor: desorganización total, para sacar a foto, dez minutos. Pouco obedientes estes militantes.
O máis atractivo foi encontrarse con esas xentes case esquecidas, sobre todo cos que non viven en Ourense. Por exemplo, Carlos e Delfina, que foron mestres no País Vasco, moitos lembrarán á loira Delfina de actriz en “Retorno a Tagen Ata” co Anxo vestido de crego. Ou a Moncho Boán, da UTEG histórica. Ou Cali (Hixinio Mtez.) e Bea, que tampouco se deixan ver moito por Ourense. Por alí andaban os xefes, os que mandaban nos 70, sobre todo Alfredo Suárez Canal e “O Rubio” (Xaquín Méndez Anta), moitos nos lembramos tamén de Fernando Pérez, Fernando “de Sarria” xa desaparecido (e do Quintela, e da Genucha, e do Manuel María, etc.) . Estaba presente boa parte da CIG Ourense e das antigas Comisións Labregas, con Etelvino Blanco á fronte (Eduardo Míllara, Antolín, Moncho do Santander, etc.). E nomes da primeira hora como Berto Tabarés, Milagros Freán, Luísa Escudero (de Ribadavia).
Na mesa de máis ambiente, cómo non, Xosé Lois O Carrabouxo e a súa dona Xoana: a mesa que se converteu tamén en masa coral: Grandola Vila Morena, Se eres perseguido..., ata a Internacional. Eu xantei con Lois Paradelo e Xosé Luís de Prado (Pepe Luís) e un grupo da CIGA. De memoria, podería citar aínda a Manuel Amil, Conchiña, Corral e Consolo, Xela, Xavier de Vilar de Barrio, o director de Montes, Xoán Alfonso do Carballiño, Secundino de Correos, Celso de Maceda, Anxo Rúas (do que falamos esoutro día e que xa nos visitou no blog), etc. Anxo Quintana chegou case ó remate a saudar e volveu marchar. Non houbo discursos: non se trataba diso.

1 dic 2007

Tres artigos en La Región

¿Habla usted holandés? (Afonso Vázquez-Monxardín)

Cando o viño fala galego (Antonio Piñeiro)

Cumpreanos: punto e á parte (X.M. Piñeiro)

Memoria e afectos.
Pan por Pan sábado 1 decembro. Imaxe: Avó con neno, de Ghirlandaio.

Uns investigadores da Universidade de Buenos Aires afirman que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios e moitos deles están asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos ata que alguén aos resucite de novo? As persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro que lembraba con agarimo a brevidade das noites de amor co seu amado e se angustiaba ante a longura das noites en que o amigo estaba ausente.

ENTRE HORTAS E PORTAS
21. Vostedes son formidables.
Para o Xohán da Coba, que tan ben recorda.
Moito terá el, tamén, oído.
(A foto procede da web de euskalnet)


... Chegaba un da escola, dáballe volta á chave de ferro, adquiría nitidez un disco dedicado, intensidade o magnífico aroma a caldo de nabizas. Pousada a carteira, bico á mamá, ola a todos, un sentaba e aquel fondo sonoro viña logo con palabras necrolóxicas. O Parte que xa non describía guerra propia dicía U Thant, Kennedy, a guerra allea contrapunteaba alegado progreso, Castiella, López Bravo; e o caldo xa feito sabor, prometendo enerxía.

... Fai de neno Matilde Vilariño ou certa melodía con Cola-Cao precede a Juana Ginzo. Mamá pasou o ferro, vai no corredor e un ten que lles ir dando cabo aos deberes. Baixa da repisa voz grave, masculina -o rei da casa- pero ao final persiste a delas; non sendo que o nobre e saudoso Guzmán poña silencio terminante co revólver. Parte nocturno acabado non pode collernos en pé, veña logo, bule; hoxe é novembro, hai de cea castañas e leite.

... A estreada vacación detenta case fragancia matutina, calidez aínda que neve; un par de entoacións alternan sincopadamente, alpeira, que hoxe hai lotaría. Gran fortuna ser neno que fala pola radio, algún premiado seica lles dá cartos aos dese colexio; en Lugo, boh, nunca toca, pero sempre xogas. Tampouco non se atina coas quinielas, e o domingo quen lle saca orella ao Carrusel Deportivo; ora que algunha voz ben o vale, fai que oídos se volvan ollos.

A radio permite conversa, pero seguramente lles quitou saúde a certos contos que aínda algún pai ou avó quere contar. É moito mundo, porén, o que mete na casa, empezando pola restra de nomes rexistrada na pantalla transparente, por riba da agulla buscadora; algúns poñen París, Nueva York, outros serán cidades, pero abofé non os entendo. A radio premia nenos con viaxes en avión; senten os maiores que son algo, poden moito cando un cartiño, con outro cartiño, reduce traxedia, fornece alegría. Aínda que todo pase ben lonxe, en lugar nunca antes coñecido, improbable visita.

Determinado intríngulis formal parece xogo: ¿como se chama o Papa, Paulo ou Pablo?; a prensa aquel, a radio este. Cousa de xerarcas e eruditos. Palabra máis cercana chega ao mediodía: -Dios día boas tardes a todos. “La Provincia. Relato de tipos, costumbres e historias de la provincia”. A inflexión chairega de José Trapero Pardo mete o país pola antena, o vello e rural país definido en castelán que salfire constante expresión galega, aforismo ou costume; nomes e argalladas, pretérito imperfecto suxiren que o 1960 xa non é o 30, moitos dos que foron aldea paran na Milagrosa, Domingo Tallo, San Roque. “Bon proveito... amiguiños!”, marcha Trapero; do lado de aquí, o pai contesta a miúdo “Gracias, ho!”, e mesmo o rapaciño, algo aldea tamén malia nacer no barrio.

Un significábase cando á cidade era anunciado o seu aniversario e onomástica, aínda sen apelido; tamén no deceso ou cabodano, con referencia a fórmula completa. A cidade recreábase no “Micrófono de Oro”, onde veciños adultos expoñían talento ou afección musical e xente miúda competía ás adiviñas; no Gran Teatro hai piano, canta Marisa Pelarigos e é feito visual que Carlos Losada Aizpitarte, alén de voz, posúe volume e prestancia. EAJ-68, Radio Lugo.

En pouco tempo haberá tamén Radio Popular. Pero no 65 ou 66 entra o televisor pola porta, fúrase un tabique para ben acomodalo e fica no alto, como nova referencia. Un mira a outra caixa de madeira, con tea, agulla e altavoz, o voltímetro accesorio; agoira saudade e abandono, presente un aquel de ingratitude.

E é felizmente desmentido. O vello receptor acabou morrendo, viñeron os transistores, radio casete; a FM, radio fórmula, tertulia e debate. Corenta anos despois, con lugar para todos, moito nome permanece onda unha nostalxia desactivada: Losada, Daniel Hortas, Amalia Paredes, a florida verba do Titín, Tonina Gai... Lombao, Paco Rivera, Xulio Xiz, veludo vocal e Teresa Castro, Paco Arrizado. Eles si que eran, son formidables.

30 nov 2007

SIMPOSIO INTERNACIONAL CARLOS CASARES

Fundación Carlos Casares. Cátedra Carlos Casares. Universidade de Vigo - Campus de Ourense
Liceo de Ourense
Xoves, 13 decembro (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)

10.00: Recepción dos asistentes e entrega de credenciais e documentación
10.30: Inauguración
11.00: Conferencia: Un mundo de palabras: vida e literatura na obra de Carlos Casares, Marcos Valcárcel Profesor, escritor e historiador
12.30: Panel de Narrativa: Claves para unha lectura de “Xoguetes para un tempo prohibido”. Xavier Carro Universidade de Alicante. Carlos Casares: imaxinación e memoria, Carmen Mejía Universidade Complutense de Madrid. Modera: Camiño Noia Universidade de Vigo
16.30: Comunicacións: “Os mortos daquel verán”, de Carlos Casares. Novo informe sobre esta novela, vinte anos despois da súa publicación. Xosé Luís Ferraces
Carlos Casares, tradutor de si mesmo. Xosé Manuel Dasilva

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Tempo de procura (Casares en Compostela). Arcadio López-Casanova Universidade de Valencia
20.30: Presentación de novos libros de Carlos Casares: Marxe, 1996. Obra xornalística V
Á Marxe, 1997. Obra xornalística VI.

Venres, 14 (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)
10.30: Conferencia: A achega decisiva de Carlos Casares á Literatura Infantil e Xuvenil. Blanca-Ana Roig Rechou Universidade de Santiago de Compostela
12.00: Panel “O xornalismo de Carlos Casares”: Carlos Casares e a crítica literaria: “A ledicia de ler” na construción do sistema cultural galego na Transición. Iago Martínez Durán Xornalista
Nas canles dunha nova forma de facer xornalismo. Xosé Antonio Neira Cruz, Universidade de Santiago de Compostela. Modera: Dolores Vilavedra, USC.
16.30: Comunicacións: Ecos e lecturas da narrativa europea contemporánea en Carlos Casares. Teresa Bermúdez. Casares como editor e descubridor da Literatura galega infantil e xuvenil. Montse Pena. Teoría e técnica nos relatos de “Vento ferido”. Eva Ocampo Vigo

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Novela e política en Galicia de 1968 á fin de século: ficción e ideoloxía en Carlos Casares. Manuel Forcadela Profesor e escritor
20.30: Velada artística no Liceo: Lectura dramatizada da novela “O sol do verán”,
de Carlos Casares. Mabel Rivera Actriz

Sábado, 15
Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense
10.30: Conferencia: Carlos Casares e a Xeración Nós, Olivia Rodríguez González Universidade da Coruña.
Dependencias do Liceo de Ourense
12.00: Comunicacións: "Ilustrísima” e a novela española da Xeración do 98. Ana I. Carballal
Contra a traxedia da esencia humana: a lectura de Cunqueiro por Carlos Casares. Mª Xesús Nogueira
13.00: Roteiro Literario “Carlos Casares e a Cidade de Ourense”, guiado por Marcos Valcárcel, con saída e regreso no Liceo de Ourense onde se descubrirá unha placa á memoria de Carlos Casares
17.00: Tertulia Literaria “As viaxes de Carlos Casares”. Modera: Luís González Tosar
19.00: Visita comentada por Kristina Berg, viúva do autor, á e exposición ”Os mundos de Carlos Casares”.
20.00 Acto de clausura do Simposio Internacional Carlos Casares.
(Máis datos en Comentarios)

29 nov 2007


Pintadas (e 9).
Pan por Pan venres 30 novembro. Na imaxe, Charlie Chaplin.
Rematarei hoxe con esta serie das pintadas, aínda que teño material non para nove columniñas, senón para un cento delas. Algunhas pintadas valerían para as clases de literatura, por exemplo, para identificar os recursos retóricos presentes nestas: “La moda me incomoda”; “Galiza: máis que nunca. España, nunca máis”; ou “Gane quien gane, pierde la gente. No votes”.
En Santiago vin no Ensanche unha moi desvergonzada, “Carrillo, eres tan tontín!”, e outra moi filosófica, “Pensar non doe”, na Facultade de Psicoloxía.
E remato con outra que me facilita un amigo ourensán: pintárona na madrugada do 22 de novembro de 1975, ó comezo do Paseo, entre Hermanos Barros e Tobaris, cando a morte de Franco e dicía “Viva el Rey”. Pero mans anónimas engadiron por baixo dela: “En el exilio, coño!”: non sabemos se este artista era un franquista ou un opositor de esquerda.
(P.S.: de novo grazas a todos/as os que mandaron as súas achegas a esta escolma de pintadas que durante os últimos dez días foi aparecendo neste blog. O tema é infinito e haberá ocasión de volver sobre el, cando pareza pertinente).
Lembrando a Xulián Bolseiro

E, por fin, déronlle a razón ó noso trobador medieval:

Aquestas noites tan longas
que Deus fez en grave día
por mí, por que as non dormio
e por que as non fazía
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

Porque as fez Deus tan grandes
non posso eu dormir, coitada,
e, de como son sobejas,
quisera eu outra vegada
no tempo que meu amigo
soía falar comigo.

Porque as Deus fez tan grandes
sen mesura desiguaes
e as eu dormir non posso,
porque as non fez ataes
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

(Xulián Bolseiro)

A ciencia venlle dar a razón ó noso trobador medieval (e a M. Proust, de paso):
Investigadores da Universidade de Bos Aires aseguraron que a memoria garda con más facilidade datos vencellados con algunha carga afectiva.
(Vía Fíos invisibles)