12 jul 2008

viñeta-manifesto
Outro Manifesto, cargado de razóns: Galeusca

O texto completo

Manifesto da Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”
Perante o discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, a Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”, da que fan parte a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), quere deixar constancia do seguinte:
1. A realidade plurilingüe que conforma e dá existencia ao estado español, lonxe de ser entendida como unha “asimetría” ou deficiencia per se, está a reproducir de xeito transparente unha diversidade lingüística e cultural común á maioría dos estados que conforman a Europa plurilingüe.
2. O galego, o éuscaro e o catalán non son “inventos” recentes senón linguas que foron normais nos seus territorios e sociedades respectivas durante centos de anos. A súa desnormalización, a súa perda de usos públicos, non se produciu de forma “natural”, senón, mesmamente, por invasión da lingua que se decretou como oficial do estado, sen consulta nin acordo previo.
3. O artigo 3 da Constitución española garante a presenza desa lingua común para todos os habitantes do estado, mediante a esixencia a toda a cidadanía do deber de coñecer o castelán. Toda a cidadanía de Galicia, Euskadi e os Países Cataláns asume na práctica esa esixencia, pois non hai persoa que non teña unha boa competencia en castelán, ora a teñan como primeira lingua, ora como segunda. Porén, respecto do galego, do éuscaro e do catalán a lexislación non prevé a obriga de seren coñecidos nos seus respectivos territorios, o que establece unha asimetría nos dereitos lingüísticos da cidadanía que quere exercer o dereito, que lles é recoñecido, a usalos.

os nomes de 3.588 asasinados
As universidades presentan os primeiros datos da represión no 36
(Debuxo de Colmeiro)

en poleiro alleo. ¿Anacos de autovía abducidos?
Afonso Vázquez-Monxardín (LR: 12-7-08)

Por necesidades do servizo -levar unha filla a un campamento ou algo parecido- fixen unha reviravolta preciosa sobre o mapa a fin de semana pasada: Ourense, Zamora, Salamanca, Ciudad Rodrigo, A Guarda, Viseu, Chaves, Ourense. Ou sexa, fun ata o sur de Castela León por España e volvín por Portugal. Teño que dicir que había tempo non facía un percorrido tan fermoso. Non descubro nada a ninguén se lles falo marabillas do románico e do modernismo, ollo, de Zamora e o que queiran desa Florencia castelá que é Salamanca. Tamén, sorpresa descoñecida, Ciudad Rodrigo -cunha barbacana defensiva impresionante e unha estrutura urbana en núcleo medieval chea de vida- e A Guarda e Viseu. A primeira destas é a urbe máis alta de Portugal, a máis de mil metros de altitude -ía un frío que arripiaba- e tamén cunha parte medieval compacta ao redor dunha vella catedral gótica chea de vida e historia.Alí era fácil lembrar o laio de Afonso X nunha das súas raras cantigas de amigo, cando di muito me tarda o meu amigo na Guarda. E se cadra non era tanto a referencia ao desa cougo da moza pola marcha do amado á guerra da reconquista -que daquela andaba por aquelas beiras- se non simplemente que está nun alto de moito nabizo, duns cincocentos metros de alto. Os pobriños atacantes medievais non deberían pois loitar tanto contra os defensores senón procurar non chegar derreados aos pés da muralla a sitiar despois de arrastrar cabalos, catapultas, coirazas, espadas, armaduras, todo sempre costa arriba. Non me estraña que lle tardase o amigo. Viseu, máis adiante, noutro outeiro fermoso, ten un parque urbano central inzado de carballos e castiñeiros; un exemplo para os inimigos naturais das palmeiras entre os que, por suposto, me conto. (...)


O tempo.
Pan por Pan sábado 12 xullo. Imaxe: Venus de Willendorf.


Pois síntoo moito, de verdade. Pensando nos que xa están na praia: en Baiona, en Praia América, en Sanxenxo (por favor, non nos insulten co castrapo), en Muros ou en Fisterra. Como pasou o ano pasado, o mes de xullo anda chunguiño. Días de sol a medias, con nubeiros por todas partes, ás veces ben negros, e pequenas choivas de cando en vez. Quizais faga un tempo mellor nas praias, oxalá para os que están de vacacións. Ese tempo que vivimos pendentes da TV e dos mapas meteorolóxicos do telexornal. Eu non son ningún lagarto de praia, nin moito menos, pero nese tempo interrompido agradécese o sol para moitas cousas. Pero, que queren que lles diga? Para os que pasamos xullo na fochanca auriense, isto é a gloria. O paraíso: días fresquiños, ledos, aínda entre nubes. Nada que ver co bochorno doutros tempos. Síntoo moito, de verdade, pero ben contentos que estamos.

11 jul 2008

A mesa cósmica de Piñeiro e o HAL de Kubrick
MANUEL RIVAS 11/07/2008 (El País)


O artigo completo

Roda de opinións sobre R. Piñeiro, recollida por D. Salgado (A.Baamonde, H. Monteagudo, L.Álvarez Pousa, etc.)

E que cousa o piñeirismo? Ese home en loita co "ambiente cósmico", que viaxaba no espazo-tempo, que fixo da mesa de braseiro unha supercomputadora, era tamén un paradigma de realismo. Piñeiro tiña dúas conexións, en realidade complementarias. O ollar cósmico e o principio de realidade. Nel habitaban o día, a noite e máis a aurora. Coñeceu a aurora na adolescencia e nun período moi breve, o da esperanza galeguista e republicana. Despois caeu a noite e coñeceu a clandestinidade nos anos máis crueis da ditadura. Foi, pois, un resistente, que acabou na cadea cando era sinónimo de morte. Ao saír do cárcere, talvez viviu o máis dramático dilema. Proseguir a resistencia política directa ou tentar resistir por medio do que chamou a tarefa cultural. Sempre ficará a dúbida de se foi atinada a decisión de aplicar a eutanasia ao Partido Galeguista, en doloroso enfrontamento cos exiliados.
O nome escollido para a operación cultural foi magnífico (Editorial Galaxia, outra vez o cósmico!) e o proxecto foi realizado co esforzo dun dos mellores equipos que tivo Galicia, nos que sobrevive polo menos un prometeo, Francisco Fernández del Riego.
O piñeirismo era unha ecuación simple: democracia + autonomía + europeísmo. E logo unha técnica, sobre todo unha técnica. O traballo coas elites. A sedución das elites. Hoxe toca pesar pan. Así que no balance positivo, dous intres históricos: O movemento contra o aldraxe da discriminación estatutaria e o acadar un consenso para a Lei de Normalización Lingüística, mesmo convencendo á dereita máis de a ceacú.
Don Ramón Piñeiro ter non tivo moitos medios. Viviu sempre de xeito humilde. O asombroso é que sempre tiña tempo. E sobre todo, tiña unha mesa cósmica.
Un artigo agardado: poden vosteder interpretar, se queren...

Á espera de Ramón Piñeiro, de Xosé L. Méndez Ferrín (FV. 11-7-08)

(...) Clamamos, xa moitos, porque a memoria histórica se exerza tamén sobre a Resistencia ao franquismo en todas as súas formas e sobre a represión sobre ela. A figura de Ramón Piñeiro está implicada nesa Resistencia e padeceu esa represión e compre saber (primeiro) en que consistiu a pecularidade de Piñeiro como axente efectivo galeguista contra o franquismo. Logo, a figura de Piñeiro servirá de referencia para falar de outros e de outras: de todos os que, de Alexandro Bóveda a Moncho Reboiras, se enfrentaron á monstruosidade histórica con honor. Penso que a Academia certou, como certa sempre, ao nomear a Ramón Piñeiro como personaxe central do próximo Días das Letras Galegas.
PROHIBIDO NACER E MORRER EN LOBEIRA, de Julio Medela (LR. 11-7-08)

Que se saiba, os membros da especie homo sapiens nacen, medran, reprodúcense (algúns) e todos, ao cabo, morren sen excepción. Tanto ten que sexan xestados en probeta, adoptados, porfillados, abandonados, desaparecidos, asasinados, deixados morrer á fame ou embalsamados.
Ben, isto sábeo todo o mundo. Mais en Lobeira estase a producir un fenómeno digno de estudo. Lembro un filme que falaba dunha paraxe de dificilísimo acceso, alá polo Himalaia (Shangri-La dicíanlle a aquel país) onde o persoal non envellecía; morrían por volta dos cento vinte anos. Mais isto non é nada comparado con Lobeira.
Aquí xa hai tempo que superamos o estigma da morte. A falta de tanatorio, si, asombrosamente certa, provoca a emigración post-mortem dos de Lobeira. E esa emigración desvirtúa ao cento por cento as consecuencias sociais do falecemento, pois a ritualidade do velorio só atinxe sentido completo cando se realiza “in situ”. Celebro a prohibición de velar un defunto no domicilio. Mais cada parroquia había ter un lugar axeitado para que os vivos puidesen, segundo a santa tradición, honrar os seus mortos, rezarlles, acompañar as familias, relacionarse, cohesionarse socialmente, reconciliarse, pedir e devolver favores, namorar, pasar o tempo, rexoubar, presumir, maldicir o goberno, vender unha motoserra…
Bande non é Lobeira. Ourense tamén non. E o transporte público, en Lobeira, tamén non existe. Mais todo ten unha segunda lectura. Se ben en Lobeira nos libramos da morte, tamén é certo que onda nós é prohibido nacer. O sr. Zapatero gañou as eleccións grazas á ineptitude da oposición e aos 2.500 euros de axuda á maternidade. (Remata en comentarios)

Ramón de Sismundi

De herba seca enchéronche a casa
-no sobrado arrecendo a mazás-.
E ti lonxe, rítmico ruxir da vasoira
do emigrante de lúas e cabalos:
contigo, Federico, no poema.

Aló na rúa Esmeralda esperta
lamacenta cor de Buenos Aires,
ás de querubín, ceo horizontal
en homenaxe á cruel melancolía:
contigo, Federico, no poema.

Reverdecido labio o do gaiteiro,
boca gris, escuridade maxestosa
mollándote nos versos do día,
acoitealada luz de conventillo:
contigo, Federico, no poema.

( “Ramón de Sismundi”, que ecoa entre Auria e Buenos Aires, é para Marcos Valcárcel)
ESTÚRDIGA MATERIA, de Luís González Tosar

(Como xa dixen, agradezo especialmente esta dedicatoria poética, que dialoga cun dos inmortais poemas galegos de Federico García Lorca. M.V.)

Tres Poetas.
Pan por Pan venres 11 xullo. Imaxe: Venus de Brassempouy.


Teño enriba da mesa tres poemarios de voces amigas pendentes de lectura. Comparto os seus títulos para que chegue a nova da saída destes libros a outras persoas. Dous deles son antoloxías dun longo período: “Lugar do canto”, publicado por Hipocampo Amigo, recolle unha ampla escolma bilingüe de Xesús Rábade Paredes entre os anos 1969 e 2007, presentado por Darío Xohán Cabana: nos primeiros poemas o Suso Rábade era aínda un mozo de vinte anos. Tamén recolle a súa obra lírica entre 1984 e o 2007 Miguel Anxo Fernán Vello, no volume “Astro interior”, publicado na colección Arte de Trobar do PEN Clube. E o presidente desa casa, o ourensán Luís González Tosar publica en Galaxia o seu último libro, “Estúrdiga materia”, en fermosa edición ilustrada por Quintana Martelo e con limiar de Ferrín: é de xustiza agradecerlle ó amigo Tosar a dedicatoria dun dos seus intensos poemas.

10 jul 2008


Santiños, de Bieito Iglesias (ECG 10.07.2008)

Aqueles que non militamos no Partido Nacionalista de Raxoi nin no Partido Porreiro (quérese dicir lindo, óptimo) de Zapatero e tamén non no Partido do Revés (Bloque) temos que camuflarnos dentro dalgunha malta ou loxia, pois nun país tan gregario logo pasas por toxo se enxeitas o rabaño. Será por iso que está nacendo a Liga dos Bieitos, asociación sen ánimo de amolar que aspira a reconducir a cousa beneditina, dándolle un pulo descoñecido desde a reforma cluniacense. Contamos co mellor valedor posible: ese San Benitiño avogoso na cura das verrugas e omnipresente como patrón de Allariz, Arbo, Cambados, Cenlle, Cortegada, Cuntis, Gondomar, Meaño, Meis, Pontevedra, Porriño, Portas, Samos, Boloña, Montecassino e Palermo. Haberá quizais porfía á hora de escollermos o himno, entre os partidarios de cantarlle ao santo milagreiro de Lérez e os seareiros irredutibles do San Benitiño da Cova do Lobo, hei de ir alá miña nai se non morro. Sendo efectivamente o benaventurado de Nursia padroeiro dos moribundos, igualmente protexe aos mineiros e espeleólogos, estendendo o seu amparo a editores (Bieito Ledo), xornalistas (Bieito Rubido), músicos (Bieito Romero), historiadores (Bieito Alonso) e prosadores (este lerenda).
A Liga dos Bieitos xoga con dúas vantaxes respecto de calquera outro grupo de presión: o propio nome benditoso (benedictus), un talismán que impide que os bautizados con esta graza nos convertamos en lobisomes; e a posibilidade de fichar un auténtico crack (nada de estrelas de segunda grandeza tipo Cospedal ou Leire Pajín) como Bieito XVI. En conxunto somos uns benditos, con algún garavanzo negro como certo tocaio bravo e lascivo citado nunha cantiga de escarnio do século XIII: "Don Beeito, ome duro, foi beijar pelo oscuro a mía senhor; ome é ome aventurado, foi beijar pelo furado a mía senhor". A nosa primeira campaña restituirá o mesón do Bento ao seu lexítimo dono, porque nunca o vento nin o seu irmán (o aire) se dedicaron á hostalería.
RAMÓN PIÑEIRO A DEBATE (e 3)
Andoliña xoves 10 xullo

Son moitas as posibles perspectivas desde as que resulta pertinente debater sobre a figura e a obra de Ramón Piñeiro: históricas, políticas, filosóficas, literarias, etc. Por desgraza, algúns dos que xogan xa a descualificalo nin sequera coñecen a súa biografía, na que non faltou o cárcere e a persecución no franquismo. Dende unha modesta habitación da rúa Xelmírez, Piñeiro recibía xente, daba azos ós que traballaban, pensaba libros, escribía cartas, erguía proxectos culturais. En boa medida todos somos fillos desa herdanza de moitos anos.
Sen caer na haxiografía, absurda e inútil, moitas das ideas de Piñeiro circularon no tempo, conducidas coa enerxía do sentido común. Velaí a súa tese sobre a necesidade de galeguizar a toda a sociedade e ás diversas ideoloxías: parece obvia, outra cousa son os medios, cómo se fai iso. Non é doado, ben o puidemos comprobar nestes anos. Ou a relevancia das elites intelectuais na construción do galeguismo.
Ou a súa convicción de que o futuro do galego estaba no mundo urbano, asociando lingua e modernidade. Nos anos oitenta, a Piñeiro preocupáballe a distancia entre o noso autogoberno potencial e a escasa conciencia galeguista da sociedade. E nesas aínda estamos.

Xornalismo.
Pan por pan xoves 10 xullo

Estamos no ano do centenario da morte de Curros e, entre as homenaxes e mostras celebradas, creo que un dos feitos máis positivos foi a lembranza do seu papel como xornalista. Entre outras cousas, porque foi o seu medio de vida e, dende o mesmo e nas difíciles condicións da súa época, foi quen de manter unha gran coherencia ideolóxica en todos os seus artigos, nos da prensa galega, nos de Madrid ou nos de Cuba. Como xornalista exerceu coa mesma coraxe e enerxía que como poeta cívico. Velaí os seus artigos contra o papel dos Estados Unidos na guerra de Cuba como “Perfidia yankee” (1896), onde lles dedica ós norteamericanos algunhas xoias (“nación mercachifle”, “falsa y egoísta democracia”) e os acusa de arrapañar pola forza os territorios de Texas, Carolina do Sur e alta California. Se chega a ser hoxe, o rebelde de Celanova igual acaba en Guantánamo.
axenda
xoves 10 xullo, conferencia "Curros xornalista" (10 h.). Celanova. Curso Os Sons e As Imaxes da Información. Radio, Televisión, Internet.
Organizado por Univ. Vigo, Fundación Casares e Consocio Audiovisual de Galicia (comisario do curso: Miguel Anxo Fernández).

9 jul 2008


Incerteza.
Pan por Pan mércores 9 xullo (Imaxe: V.Hugo)

Suponse que o home contemporáneo, respecto do home do mundo antigo, conquistou certas cousas: a tecnoloxía co seu poder, maior capacidade para viaxar, maior seguridade. Para isto último a modernidade incorporou a Seguridade Social e o Estado de benestar, os fondos de pensións ou os seguros privados. Pero ninguén sabe ben qué vai pasar mañá: nin sequera en campos que rotulamos con maiúsculas como Ciencia. Por exemplo, a Economía. Santiago Lago, economista e colaborador desta casa, dicía esoutro día na radio que os do seu gremio non podían mirar moito máis aló que os meteorólogos. Estes poden predicir o tempo a tres, catro, cinco, seis días: logo non teñen xa ningunha seguridade. Os economistas bocexan predicións a catro, cinco, seis meses. E logo? “A incerteza ten o seu propio engado; engado que o home mata co seu afán de estar seguro”, seica dixo Víctor Hugo.

"Lerasnos de morto, se non nos les de vivo"

8 jul 2008

en poleiro alleo: dous artigos e un novo blog

Afonso Monxardín e o que podemos aprender da lingua irmá:
(...) Non é ben lóxico falar das "guías sonoras" para referirse a esas rugosidades nas liñas laterais que o levan a un ao carreiro central? As actuais "bandas sonoras" non se sabe onde van tocar. ¿Que problema habería para sinalar que cando un anda case topenexando na estrada debe parar canto antes nunha "área de repouso"? Certamente un vai só "respousar" un pouco pois para descansar, procuraría, sen dúbida, un lugar máis ao xeito que as chamadas aquí "áreas de descanso". Outra. Cando un vai por unha autoestrada debe pagar. ¿E que é o que paga? En España "peajes" -e aquí "peaxes" como se pasaramos a pé. E isto é por pura influencia da "peage" francesa e da "peatge" catalá. Os portugeses tampouco usan xa a vella palabra ibérica nosa "portádego" -"portadgo" en vello castelán-, senón botan man doutra máis moderna e tamén tradicional relacionada co dereito de pasar por unha porta, a da autoestrada, por exemplo, e falan así de "portaxe", "portagem" na súa grafía. Cobízame a opción. (...)
O artigo completo

O PSOE equilibra a carga (ECG 8.7.08): Xosé M. Sarille opina, en ton crítico, sobre o congreso socialista:
(...) Pero quen mellor sabe que con estas maneiras a dereita non ten futuro é Rodríguez Zapatero. Por iso se manga eses discursos, lixeiros, amábeis e ornamentais e desvía no posíbel a atención da crise económica. Esta táctica xa lle funcionou ben na anterior lexislatura: discurso simpático engadido a medidas progresistas gratuítas, coas que simpatizaba a maioría. Mentres se aprobaba o matrimonio homosexual e a materia de educación para a cidadanía, a banca gañaba máis que nunca, e as constructoras lucrábanse sen mesura. A enormidade dos beneficios non significou aportar máis ás arcas públicas. (...)

E permítanme, ademais, convidalos a visitar un novo blog dun amigo:
www.hakancasares.com

7 jul 2008


Morbo.
pan por pan martes 8 xullo

Din os sociólogos que os grandes centros comerciais das aforas das cidades son as catedrais de hoxe: lugar de peregrinación central da fin de semana. Non menos alento relixioso teñen as masivas concentracións nos grandes concertos da música pop e rock, como o Rock in Río en Madrid. Seguín por TVE algunhas actuacións: Sting e Police, brillantes sempre; a furia latina de Shakira; os escoceses de Franz Ferdinand. Dende o sofá gáñase en comodidade o que se perde en adrenalina. Tamén vin uns minutos do espectáculo de Amy Winehouse e o que eu contemplei non se corresponde con algunhas crónicas do festival. A súa imaxe, de escasa mobilidade e algo absorta, ofrecía máis patetismo que outra cousa. Seica os seus fans, atentos ós seus escándalos, aprecian o toque morboso das súas postas en escena. Como en tempos as xentes se extasiaban ante as chagas dun Cristo gótico.

Ramón Piñeiro a debate
La Región, 7-7-08. Caricatura de Siro López.

Letras 2009. Xa poden ir preparándose. A Real Academia Galega aprobou o sábado dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a don Ramón Piñeiro, falecido en 1990. Era unha opción das posibles e había outras moitas tamén merecidas: por exemplo, nomes como os poetas Manuel Luís Acuña e Florencio Delgado Gurriarán ou o ensaísta, novelista, poeta e autor teatral Ricardo Carballo Calero. Entre outros. En canto a nova chegou ós diarios dixitais, algunhas webs e blogs empezaron a botar fume. Como era de agardar. ‘Traidor á patria’, ‘filonazi’, ‘axente da CIA’, foron algunhas das primeiras babecadas asinadas sempre dende o covarde anonimato. En realidade, a Academia foi valente porque non ignoraba a transcendencia da súa decisión e a hostilidade visceral que o nome de Ramón Piñeiro provoca en certos colectivos, sobre todo no reintegracionismo e nacionalismo máis antisistema. No propio goberno bipartito a figura de Piñeiro, que eu saiba (creo que non me equivoco), foi sempre negada por unha banda substancial do mesmo, empoleirada en dubidosas teorías conspirativas arredor da nosa historia recente aínda non revisadas.
Referencia moral. A Academia xustifica o seu acordo arredor da figura de Ramón Piñeiro pola ‘dedicación, total e desinteresada, da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura’, por canto ‘debe ser unha referencia moral indiscutible e necesaria cara ás novas xeracións’. (...) (...)

6 jul 2008

Varia: recomendacións

(Vïa B.L.) Uma bela biblioteca digital, desenvolvida em software livre , mas que estáprestes a ser desactivada por falta de acessos.Imaginem um lugar onde nós podemos gratuitamente:· Ver as grandes pinturas de Leonardo Da Vinci ;· Escutar músicas em MP3 de alta qualidade;· Ler obras de Machado de Assis Ou a Divina Comédia;· Ter acesso às melhores histórias infantis e vídeos da TV ESCOLA e muitomais.Esse lugar existe!O Ministério da Educação Brasileiro disponibiliza tudo isso, basta aceder ao site:www.dominiopublico.gov.br
Só de literatura portuguesa são 732 obras! Estamos em vias de perder tudo isso, pois vão desactivar o projecto pordesuso, já que o número de acesso é muito pequeno.Vamos tentar reverter esta situação, divulgando e incentivando amigos,parentes e conhecidos, a utilizarem essa fantástica ferramenta dedisseminação da cultura e do gosto pela leitura.

(Vía Xulio Ríos) A presenza internacional do sindicalismo nacionalista galego (Xosé Ramón González Boán) e das relacións exteriores do sindicalismo labrego de Galicia (Lidia Senra) son algúns dos temas que ofrece o n.16 da revista TEMPO EXTERIOR (todos os contidos en comentarios).
Impecable hoxe, Josep Ramoneda, en El País- Domingo

Un ciudadano de Cataluña que lo desee puede vivir en este país sólo con la lengua castellana; un ciudadano de Cataluña que lo desee no puede vivir sólo con el catalán. Ésta es la asimetría sobre la que está construido el Manifiesto por una lengua común que la prensa conservadora madrileña ha convertido en el juguete político de la temporada. Para un catalanohablante, el bilingüismo es obligatorio; para un castellanohablante, no. Es una peculiar interpretación de la equidad lingüística.
El alegato por la lengua común, que hace el castellano obligatorio, pero no las lenguas propias de cada comunidad autónoma "porque hay una asimetría en las lenguas españolas oficiales", se funda en la idea convertida ya en mito de que "son los ciudadanos los que tienen derechos lingüísticos, no los territorios, ni mucho menos las lenguas mismas". Pero, por lo visto, hay ciudadanos con más derechos lingüísticos que otros porque tienen que aprender una sola lengua, mientras que los que hablamos catalán tenemos que aprender dos.
En coherencia con la afirmación de que los derechos lingüísticos son de los ciudadanos, se dice que "las lenguas no tienen derecho a conseguir coactivamente hablantes". Pero la solidez del principio de referencia no aguanta ni cinco líneas. Porque inmediatamente después se precisa que el castellano es "obligatorio", y, por tanto, puede ser impuesto, mientras que la aspiración a que todos sepan el catalán (o el vascuence, o el gallego) a lo sumo puede ser "estimulada". ¿Por qué? Porque el castellano es la lengua común del territorio español. O sea, que hay territorios con derechos lingüísticos y otros que carecen de ellos, de modo que los principios fundamentales del razonamiento -los que enfáticamente afirman que los territorios no tienen derechos lingüísticos- son adaptables en función del lugar. (...)

O artigo completo

P.S. Un magnífico texto para comentar nas clases de Lingua, de todas as Linguas, nos Institutos e Universidades de todo o Estado.