16 sept 2008

O embaixador estadounidense en Bolivia, X.M. Sarille, ECG 16-9-08

É cousa sabida, case de libro de texto, que antes de Evo Morales a Embaixada dos Estados Unidos posuía a prebenda de nomear os ministros de Defensa e de Goberno. Este privilexio agora desaparecido é unha boa razón para descubrir as cualidades de Philip Goldberg, o embaixador expulsado o outro día. Os perfís dos diplomáticos son sempre determinantes para a diplomacia estadounidense.
Goldberg estivo destinado en Iugoslavia, desde o comezo da guerra civil. Máis tarde, entre o 94 e o 96, foi enviado a Bosnia polo Departamento de Estado, nos meses anteriores a que os separatistas albaneses fixesen estalar o novo conflito. Actuou tamén como asistente especial do embaixador Richard Holdbrooke, un dos enxeñeiros da desintegración iugoslava, e aínda volveu á capital de Kósovo en 2004, antes da separación de Serbia e Montenegro.
Paga a pena volver ver "Estado de Sitio". É un filme de Costa-Gavras que narra a pura realidade. Nel un técnico estadounidense destinado para o Uruguai en 1973, aparentemente coa misión de axudar ao progreso social, é o encargado de organizar escuadróns da morte, formar a policía e crear dentro dela grupos sen control institucional, baixo a súa obediencia. Cambiaron algo as cousas; agora a nova estratexia en América Latina, alá onde é posíbel, consiste en crear e incentivar as condicións para a revolta de provincias e rexións ricas contra os poderes democráticos correspondentes. Pretenden estender esa estratexia a Ecuador, Venezuela e Guatemala. Por iso Goldberg se reunía cos gobernadores da Media Luna, que controlan tamén os grupos da extrema dereita de ascendencia ideolóxica fascista e nazi.
Bolivia parécese moito á vella Suráfrica. Nos anos cincuenta do século vinte aos escravos chamábanlles pongos (un pongo é un orangután) e estaban á venda. Foron legalmente prohibidos en 1952, mais continuaron comerciando con eles. Até 1951, os indios non tiñan dereito a voto, nin a andar polas beirarrúas. E segue habendo escravos en facendas da zona oriental. A Evo Morales nunca lle perdoarán que o seu pobo veña de tan abaixo e que por riba abrigue unha alta civilización.

Cando os xirasoles se murchaban
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 16-9-08
(a foto de Martiño Rivas vai dedicada ás posibles lectoras mozas, que algunha haberá...)

O outro día fun ver, claro, ‘Los girasoles ciegos’. Eu, coma todos, buscaba nos extras e figurantes a coñecidos. E coma todos, non vin a ningún. Entre Salvador -Raul Arévalo-, Maribel Verdú e Cámara enchen a pantalla. Só por xenerosidade e simpatía dese ourensán que é Cuerda xa -pode ir escollendo entre Corda ou Sedeño- grazas a el, a cidade aparece como fermoso telón de fondo, incluso co inhabitual detalle de sinalar explicitamente a localización nun texto ao comezo.E logo do cine, cunha cervexa na terraza sobre o río, xulguei a presenza do Cara al Sol no filme excesiva, e pensei nas veces que eu o cantara. Bastantes, por certo. Creo que os nacidos en 1960 e incluso algúns dos anos inmediatamente seguintes que estudamos no Curros Enríquez fomos os últimos en entoalo de forma regular. (...)
O artigo completo

Tertulias televisivas.
Pan por pan 16-9-08, La Región.

As miserias do xornalismo foi o tema central do meu artigo longo do luns. Pero non collen todas as miserias en corenta e pico liñas e por iso insisto. Que me din dos faladoiros das TV? Lembran vostedes os programas de “La Clave” de Balbín, con debates educados, interesantes e ben argumentados? Xa non hai nada semellante. Hoxe o formato televisivo esixe personaxes mediáticos, canto máis frikis mellor, que berren moito e non deixen falar ós outros. E que insulten a cotío. E que sexan agresivos nas súas formas. Se son políticos, hai ou había un programa que lles decapitaban o micrófono, como a María Antonieta, para que non se “enrollasen” demasiado. En “La Clave” hai anos podíase organizar un debate sobre o marxismo ou calquera tema serio de actualidade. A maioría dos conterulios de hoxe precisarían do Google para esculcar primeiro quen foi ese tal Karl H. Marx.

MISERIAS DUN OFICIO (1)
Andoliña martes 16-9-08

Do xornalismo falo, esa profesión tan fermosa como difícil e polémica. Esoutro día Gabriel García Márquez dicía que sufría cada vez que lía os xornais polo futuro deste oficio: supoño que o Nobel colombiano non se refería nese momento á prensa española, así que o problema é xeral, planetario supoño. Volvamos á nosa contorna. Algún día estudarase coa perspectiva da distancia temporal o xornalismo que se fai neste momento. Ignoro se daquela se considerará periodismo o que vimos estes días. Por exemplo, nunha cadea televisiva, as declaracións dunha señora, por chamarlle algo, que defende ó seu mozo, preso por deixar case morto a outro home. Este home, o profesor Neira, hoxe en coma, saíu en defensa da moza maltratada e agredida polo seu mozo, pero esta non llo vai agradecer, ben se ve.
Pola contra, esta “señora” asume xa o papel da gran mala do espectáculo mediático que, polo de agora, cobra cifras suculentas por aparecer nos medios. Sen coller colores nas meixelas, para nada. Terá futuro na súa nova andaina? Nunca se sabe. De momento asegura audiencias millonarias e iso ten o seu valor nunha sociedade de mercado descarnada como esta. Unha perversión do xornalismo, velaí.

15 sept 2008


Arume: Crónicas de Italia

O amigo Arume comezou en Vieiros unha serie de crónicas imprescindibles sobre a actual realidade político-social italiana.
Velaí a primeira, unha análise crítica sobre
A esquerda larval en Italia
(Actualizado: subo a imaxe que nos achega Arume como valioso documento fotográfico. Quen está máis desganado dos dous, o presidente ou Miss Italia? Paga a pena consultar todas as fotos que enlaza Arume)
O atraso político de Galicia, de X.L. Méndez Ferrín (FV. 15-9-08)

Nos parlamentos autónomos de Cataluña e de Euskadi están presentes non sei se cinco ou seis formacións políticas. E isto ocorre en dúas das que oficialmente son chamadas "nacionalidades históricas" e que na práctica real, oral e escrita, ninguén chama así. Nas cámaras autonómicas definidas como rexionais, digamos Navarra ou Madrid, tamén hai pluralismo parlamentario. Pola contra, no Hórreo de Compostela non sentan máis ca tres partidos políticos, como é ben sabido: dous formando goberno de coalición e un na oposición. É a isto o que lle chamamos "o atraso económico de Galicia" modificando unha migalla un título famoso e fundacional de Xosé Manuel Beiras. (...)

O artigo completo
Lo que de verdad se juega
ANTÓN BAAMONDE, El País 15/09/2008


Lo que de verdad se juega en las próximas elecciones gallegas es, pues, el papel estratégico del BNG. De hecho, Anxo Quintana está procediendo de una manera parsimoniosa a la reconversión de los nacionalistas y si la culmina con éxito -si el electorado no les es esquivo y aumenta su número de diputados- parece probable que se instalen en el poder durante mucho tiempo.
La razón es clara: los nacionalistas se están reorientando al centro porque piensan que no pueden estar enfeudados a los socialistas. El BNG tiene vocación de ser un partido bisagra y, si eso es así, parece derivarse que algún día tendrá que pasar su Rubicón: pactar, en Santiago o en Madrid, con el PP. El BNG quiere colocarse en la posición que le permita decidir en cada momento quién gobierna en Galicia y, si fuera posible, en Madrid.


O artigo completo

De faunos e raíñas.

Cando a realidade non nos chega, sempre nos queda a fantasía. Remato de ver, cando escribo estas liñas, “O labirinto do fauno”, de Guillermo del Toro, que non puidera ver cando a súa estrea. Unha pequena xoia capaz de mesturar e xogar cos planos da realidade e da fantasía cunha gran intelixencia visual e textual (vai tanto polo guión como pola posta en escena). Hai secuencias de gran violencia, como cruel foi a represión nos anos da posguerra franquista, pero Guillermo del Toro demostra que sabe contar historias. El ben sabe que todos levamos dentro un neno que segue a crer nos trasgos e nas fadas.





P.S.: tamén vin nestes días a "María Antonieta" de Sofía Coppola. Só correcta, non entusiasma en absoluto. E historicamente moi comprensiva (ou amable) co personaxe: máis que chusca a escena en que cita unha lectura de Rousseau. E chirría, cando menos para min, ilustrar escenas do século XVIII con música rock de hoxe... Que opinan os melómanos desta casa?

14 sept 2008







Metamorfose dos anxos, de X.L. Méndez Ferrín
(Faro Vigo 12-9-08)

Nas fotos Gerardo Diego, Blas de Otero e Cunqueiro: este último si que sabía de anxos aínda que o esquecera aquí Ferrín.

De neno, contáronme a estoria da sublevación de Luzbel, o máis belo dos anxos, contra Deus. Impresionoume a súa grandeza máis ca épica e o relato serviume para imaxinar nitidamente a invención do Inferno e aparición de Satán no mundo e no trasmundo. Anxos, Arcanxos, Serafíns, Querubíns, Dominacións, Tronos, Virtudes e Potestades son as diferentes castes de anxos ou espíritos puros que conseguín manter na memoria. Logo estaban o Anxo da Garda e os anxiños consistentes na cabeza dun pícaro con dúas aliñas apegadas que poboan os retábulos barrocos. O pior dos meus pesadelos infantís foi un no que me vin acosado por un enxamio de tales mostros cativos, que rían perversos. Mahoma veneraba estas figuras incorpóreas, que el herdara da Biblia, e nada menos ca o Corán lle foi transmitido por Deus a través dunha delas. De mozo, poucas veces me divertín tanto como o día no que lin no Padre Feixóo unha humorística distinción racionalizada ao modo tomista entre a natureza dos anxos e a dos trasnos, co fin de deixar en ridículo coido que aquel Padre Laínez que defendía a existencia dos segundos.
Eu teño moita máis simpatía polos tardos ou trasnos galegos ca polos anxos inconsúteis e sobrehumanos. Unha extrañísima afección dos anxos revelouse en certos poetas do século XX, entre os que non se contan certamente Pound nin Maiakovski, afección producida pola irradiación que un día exerceu Rainer Maria Rilke. É certo que poetas crentes coma Gerardo Diego escribiron bonitas bagatelas sobre os Angeles de Compostela. Pro tamén contumaces materialistas (Alberti) foron capaces de convocalos como tal no libro Sobre los Ángeles. O comunista cristianizante e unamuniano Blas de Otero é autor dun duro libro titulado Ángel fieramente humano. En canto a Lorca, este poeta máximo meteu, entre ciganos inesquencibeis, figuras andróxinas ou asexuadas de arcanxos belísimos representados en estatuas públicas de Granada. Estes anxos literarios non deben, digo eu, de provir de Lost Paradise, o poema perfecto de Milton. Como tampouco pensaría nel Ricardo Carballo Calero cando deu á luz na Benito Soto o libro titulado Anxo de Terra, nin tampouco Aquilino Iglesia Alvariño, castelanizante ocasional, ao poñerlle ao seu, cuase contemporáneo do anterior, Contra el Ángel y la noche. A moda dos anxos literarios debeu de se ir cando Ánxel (tamén) Rei Ballesteros deu á luz a súa novela Dos anxos e dos mortos, coa cal o espírito da nova narrativa pareceu ter unha continuidade do máis esixente. De meniño non tiven demasiada fe na existencia dos anxos (había tantísimos seres invisibeis nos que crer!) e de maior nunca sentir a necesidade de xogar á fantasís fabricando anxos poéticos. Un día non lontano durmín incómodo nun hotel alemán debido a que este estaba situado nunha Engelstrasse. Coidei ao principio que se trataba dunha rúa á memoria de Federico Engels; pro non: era só a Rúa do Anxo.Vexo apegado nun farol da Porta do Sol, Vigo, un carteliño no cal calquera de esas sectas modernas que andan polo mundo captando diñeiro dos inocentes anuncia un curso sobre "Metafísica de los Angeles". Xa non se trata, ai, de anxos poéticos senón da nova relixión dos anxos que, procedente dos EE UU, irrumpeu con forza na cultura de masas hai anos. Por iso, na actualidade, cando me falan en anxos non penso en San Miguel, nin no da Garda, nin nos das cabeciñas aladas, senón na cara de apalambrado que pon Nicholas Cage cando fai de anxo no cine.

"El Heraldo Gallego’: crer no país

A MIRADA RETIDA (14-9-08)
A CAPELIÑA DOS REMEDIOS

Á beira do Pai Miño, encontrámonos cun dos meirandes símbolos de devoción popular e esperanzas votivas ourensás, a capeliña dos Remedios, que garda ben vivo todo o seu sabor campesiño doutrora. Na novela “Vento de seda”, o escritor Bieito Iglesias recreou neste lugar a chegada dos feirantes á capela fuxindo da poeira para pregar á Virxe avogosa pola curación de todo tipo de males e tamén unha boa venda na feira. Nacido o século XX, cada Primeiro de Maio estoupaba nos arredores a maior concentración operaria da cidade, que Blanco Amor recolleu de forma maxistral na monumental “Xente ao lonxe”. Na súa contorna, hoxe inzada de instalacións deportivas, aboian os cheiros do polbo cocido e as risadas francas de Aser Vilar e os seus camaradas. O cronista cando mozo lembra moi vivo ese ambiente de feira e presenza campesiña que se mantén nos días iniciais de setembro. Na foto que ilustra esta Mirada velaí outra marca da época: na entrada do Pavillón, o xigantesco xugo e as frechas daquel Movimiento que nunca se movía, desaparecidos nos inicios da democracia.

13 sept 2008


ourensáns no seu recuncho gloria vidal suberbiola
«Unha cousa é a educación e outra o ensino. Un profesor de matemáticas pode dar valores»


Viaxe no tempo
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 13-9-08
(a foto do Parque de San Lázaro procede da web fotografiasdegalicia.com, e vai dedicada, se mo permite, a Chesi)

Uns científicos israelís construíron un modelo teórico polo cal seica sería posible viaxar no tempo, pero con limitacións. Ou sexa que só se podería ir ao futuro ou para atrás desde o futuro ata o momento de construción da máquina. Moi complicado parece todo, pero quen nos ía dicir hai trinta anos que queceriamos o leite dentro da cunca nun aparello con aparencia de televisor no que non habería lume, que o televisor parecería un cadro no salón ou que mocosos de 10 anos andarían con teléfono encima. Vai ti ver o que, con sorte, veremos.Pois como é difícil viaxar no tempo máis alá dese desprazamento lento e inercial que vai arrincando as follas do calendario sempre no mesmo sentido e que nos vai adornando pouco a pouco con cicatrices de vida, pois como é moi difícil, á xente dálle por viaxar no espazo, ir dun lugar a outro a coñecer paisaxes, xentes e cidades.Claro que se non nos movemos dun sitio, poñamos o Parque de San Lázaro, ese desprazamento lento vai facendo que cambiemos tamén de cidade e podemos viaxar no tempo de memoria coa propia ou coa pres tada. Podíamos, pero non é cousa, achegarnos ao século XII no que había unha leprosería cunha capela no comezo de Bedoya e un grande espazo por onde vagaban os lazarados. Ou achegarse a fins do XIX en que ao abrir Bedoya e chimpar a vella capela, o concello constrúe unha nova na esquina oposta. Podiamos pensar en 1911 en que a apertura da travesía cara á proxectada nova ponte esgaza o campo da feira en dúas metadas (ao leste as vacas, ao oeste, con perdón das súas caras, os marraus). Ou voltar ao 1923 en que marcha gando e feira para os Remedios. Ou a 1929 en que, sometida a un proceso de redución como as cabezas dos xíbaros, baixa a Igrexa de San Francisco á súa localización actual. Podiamos pensar en 1948 cando se fai o Goberno Civil, ou 1951 cando Asorey nos deixa o seu Monumento aos Caídos a ver se non lle dá a ninguén por dinamitar o anxo-, ou no tránsito do 50 ao 60 cando marchan as pedras da capela municipal a Peliquín pouco anos antes de erguer a Torre, entre o 1963 e 65, creo.Pero non é preciso tanto. Chega para esta viaxe ter máis de cincuenta anos anos e ter saudades do Bar Azul. Ou para xente aínda máis nova, lembrar o Alaska cos seus entrañables camareros e centro da nosa mocidade que daquela tiña oculto tras das chapas de madeira o valiosísimo mural de Quesada, restaurado eficazmente non hai tanto. Chega para ese percorrido moverse polas lembranzas iniciáticas da discoteca 3A, ou pensar no ‘Paxaro’ sentado na entrada do Dímax xogando ás cartas e charlando consigo mesmo a dúas voces. Ou pensar no Bar da Sindical... Ou na penultima grande puñalada, a desaparición da Confitería Ramos... E se collemos polo Paseo... acabo por maldicir a nosa historia. ¿Por que nos fan isto? ¿Cando lle demos nós as costas? ¿Cando deixou o público de encher o Miño, o Cortijo, o Alaska, a Ramos, o Hotel Parque? Se cadra ten que ser así a cousa. Pero dáme a impresión de que se non somos capaces de establecer tránsitos no de cada un de nós, debemos reinventar a cidade a cada xeración. E en en vez de sumar, subsituímos. O Latino, o Real, o Miudiño,o Moucho... demostran que o sabemos facer. Pero Ibense, por favor, ti resiste. Ti es o que nos queda de antes. Parte da nosa alma

DON LIMPO
Pan por pan SÁBADO 13 setembro.

Están situados, cando se fan enquisas, nos peores postos da consideración social. A costa de moito traballo, estrés continuo e o móbil sempre na man. Falo de políticos en exercicio e non lles teño, poden crerme, ningunha envexa. Todos os días teñen vinte xuntanzas para repetir o mesmo, unha presión excesiva de protocolo e propaganda e ata algunha cea inevitable na que lles poden poñer vieiras amnésicas ou coquinas contaminadas. A algúns ademais tócalles cada cousa!
Por exemplo, no Parlamento Europeo hai unha comisión que estuda como regular a publicidade sexista. Ata aí todo vai ben. Pero o xornal “Público” informa que entre os anuncios considerados como discriminatorios están os de marcas como Dolce & Gabanna e Don Limpio por usar “un físico musculoso que podería implicar que só os homes fortes son abondo poderosos para acabar co lixo”. Sen comentarios.

12 sept 2008

en poleiro alleo
Enterrar de vez os mortos, de Helena Villar Janeiro (ECG 12-9-08)

Tras do accidente de Barajas, aconteceu algo parecido á dor de milleiros de persoas que perderon seres queridos en circunstancias tráxicas e non os deron recuperado. Mutatis mutandis, a todos nos conmocionaron as palabras do portavoz que agardaba a identificación dunha familia: "Temos que nos alegrar de que nos entreguen un morto". Daquela a pescuda estaba moi próxima no tempo e os afectados moi cerca do corazón de todos, e foi doado entender o significado paradoxal da frase. Fixéronse esforzos para lograr as identificacións e aqueles restos permanecerán enterrados onde decidiron os seus, que poderán visitalos e levarlles flores cando o desexen. Por iso a devolución dos restos dun cadáver produce alegría no medio do desconsolo. (...)

O artigo completo

A felicidade
(Andoliña 12-09-08)


A felicidade: é o único realmente importante. Semella obvio, pero convén repetilo, mesmo con insistencia. E iso non ten outra faciana que o amor ós seres queridos e o que recibimos deles mesmos, a capacidade de convivir en harmonía, de compartir con amigos e amigas horas de alento e desalento. Levamos séculos de Historia vivida e escrita e sería moi doado encontrar centos de definicións de grandes personalidades sobre a felicidade. Todas as que gardan algo de verdade teñen que ver co que escribín antes e pouco conta niso, de certo nada, a acumulación de poder ou de riqueza ou de calquera outra falsa ilusión.

Da noite para a mañá o mundo tal como o coñecemos pode confundirse nos seus perfís, esvaecerse nos seus absolutos ou perder todos os adobíos que nós mesmos lle colocamos. E a vida mantén o mesmo sutil ritmo de inestabilidade, como un xogo entre infantil e absurdo repetido por inercia, sen coñecer ben as súas claves máis fondas. Por iso é necesario invocar, coa regularidade metódica dun mantra oriental, a forza das palabras primixenias: Amor, Amizade. Sen falso pudor a que nos acusen de cursilería estilística. Cando menos así o sinto hoxe, cando escribo nesta tardiña dun xoves solleiro de setembro.

11 sept 2008


Realidades

PAN POR PAN xoves 11 setembro (Foto de Dorothea Lange: emigrante na recollida do algodón, 1940)

Case a diario os xornais informan de estudos socioeconómicos sobre as familias españolas. E non son alentadores. Hai unhas semanas este xornal publicaba un traballo que demostraba que case a metade das familias ourensás sostén a súa supervivencia sobre pensións e axudas públicas. Os informes habituais de Cäritas e outras ONG tamén poñen en evidencia a existencia de fortes bolsas de pobreza reais, sobre todo entre mulleres e persoas maiores. Outro estudo destes días indicaba que aumenta a fractura social de pobreza entre españois e inmigrantes; o problema é aínda maior nas familias inmigrantes con menores dependentes, con cifras superiores ó 50 por cento de pobreza nestes casos. Un duro reto para o Estado de benestar e o mesmo clima social de convivencia. Que a crise económica vai agudizar sen dúbida. E que pode provocar conflitos desesperados.

10 sept 2008


Camilleri.
pan por pan mércores 10 setembro
O escritor, director teatral e guionista italiano Andrea Camilleri (1925) gañou o segundo Premio RBA de novela negra con “O crimen de Garlasc”. Lin hai unhas semanas unha das súas novelas máis famosas “A pensión Eva”, traducida ó galego en Galaxia hai dous anos e moi recomendable.
Ambientada na Italia da segunda guerra mundial, é unha historia de adolescentes (novela de iniciación) con todo o sabor da literatura e o cine neorrealistas: o “Amarcord” de Fellini podía ser un referente. “A pensión Eva” trata da vida nunha casa de prostitutas, pero os personaxes que a habitan non están faltos de dignidade. Mesmo están vistos cunha mirada humanista, moi propia do neorrealismo.
Nada que ver, dende logo, con esa muller que inicia agora a súa carreira na tele contando as glorias do seu mozo maltratador e que deixou en coma ó home que quixo defendela: non pagaba a pena facelo, non.

9 sept 2008


Cidade de cine.
Pan por pan 9-9-08
(na foto, o actor Raúl Arévalo, un os soportes básicos da película, xunto con Maribel Verdú)
Seguro que moitos espectadores de “Los girasoles ciegos”, a película de Cuerda, se sorprenden ó encontrarse na pantalla coa súa cidade. Vimos eses decorados cando a rodaxe e agora constatamos que están perfectamente integrados nun espazo urbano marcado pola Praza Maior, a Praza do Trigo e os seus arredores, ademais do poderoso plano do retablo de Santo Domingo que abre e pecha a cinta. Hai que agradecerlle a Cuerda traer o relato de Alberto Méndez, ambientado na rúa de Alcalá de Madrid, ata a vella Auria romana, pechada cidade de posguerra. O traslado funciona. O clima represivo no Ourense de 1940 non foi diferente. Aquí tamén houbo mozos poetas e comunistas, como Manuel Gómez del Valle, fusilado o 11 de agosto do 36 en San Francisco: nin puido intentar escapar polos montes da raia. E habería algún diácono como Salvador, nome ben irónico por certo?

Moi agudo...
López, Galicia Hoxe, 9-9-08