9 dic 2008
ANTÓN BAAMONDE, El País, 09/12/2008
Lo que vaya a dar de sí esa reorientación estratégica es pronto para saberlo. Desde luego, a Anxo Quintana le cabe, como mínimo, el beneficio de la duda. Sólo en unos años podremos saber si el "nacionalismo de proximidad" ha dado resultado en relación a sus objetivos. A corto plazo es claro que Quintana intenta ser liviano, huir de la excesiva densidad semántica de quienes lo precedieron en el cargo y que intenta evitar el papel de partido antipático que durante tanto tiempo jugó el BNG. Si el PSdeG optó por el Estado de obras, Quintana tuvo la habilidad de hacerse con una Vicepresidencia que, al ocuparse de la puesta en práctica de la Ley de Dependencia aprobada por Zapatero, permite el diario ejercicio de un rostro amable.
Su gran hueco, la gran incógnita que se cierne sobre los nacionalistas, es si conseguirán que su aggiornamento acabe atrayéndoles no sólo el suficiente caudal de votos sino, muy específicamente, la simpatía y el arraigo entre las clases medias urbanas. Ahí es dónde se juega, sin duda, el futuro del BNG no sólo como opción de poder, sino el entero sentido de su acción política.
Artigo completo
OS FELICES ANOS 20
Marcos Valcárcel
Quizais idealizamos os felices anos 20: sen dúbida a música dos cafés cantantes e a visión que nos deixou o cine favoreceron esa imaxe feliz que todos queremos imaxinar. A década dos 20 rematou cunha gran crise mundial, que inmortalizaron fotógrafos americanos como Walker Evans e Dorothea Lange e escritores como John Steinbeck en “As uvas da ira”. Tamén en España houbo tempos malos tras o 29: o corte da emigración a América e a crise económica na que naceu a República. Pero houbo moitas horas felices. Velaí unha mostra, que me enviou un amigo: no balneario do Carballiño posan para o fotógrafo Ramón Godás un grupo de veraneantes na comarca. O home a esquerda de pé, con sombreiro e cheo dunha elegancia forzada é o notario Bernardez, infórmanos o noso amigo. Á dereita, sentado ó carón da rapaza do tambor, sorrindo e con gravata, está o inspector médico Jose Luis García Boente,que chegaría a ser autoridade sanitaria no país e un dos pioneiros na loita contra a tuberculose. A el débese en grande parte o nacemento do Sanatorio Antituberculoso de Piñor.

ALFONSO VÁZQUEZ MONXARDÍNCAMIÑO DO VAO-Galicia Hoxe 9-12-2008.
Saudade dunha lata de sardiña.
Un dos lugares que máis cobiza me dá de Bos Aires son as Galerías Pacífico. Alí, na interseccion da rúa Florida coa avenida Córdoba estivo noutrora un dos centros comerciais máis antigos e boiantes de hispanoamérica. Fundado en 1891, Au Bon Marché, desapareceu axiña e o edificio foi ocupado pola sede central dos ferrocarrís Pacífico, cousa que aconteceu en 1908 e de aí lle vén o nome actual. Pero naquelas terras de economías cambiantes e loucas como cabalos desbocados, todo se fundiu de novo en varias ocasións e así, refundáronse por primeira vez en 1945, cunha característica cúpula con murais nas pechinas, do noso grande Manuel Colmeiro e de tres pintores arxentinos de vangarda.
Pois ben, hai xa ben de anos, nos inicios dos noventa, houbo que refundalas de novo, restauráronse os murais, vendéronse espazos para tendas de luxo, acobillouse logo o Centro Cutural Borges, e fíxose un pouco de arqueoloxía moderna. Isto é, escavar lugares inéditos e inimaxinables hai pouco, tipo trincheiras da primeira guerra mundial, que aquí foron os restos dos espazos de vida dos obreiros na construción inicial daquelas galerías. E destas cousas de amosar ao público, nun recuncho bastante agochado do primeiro piso, hai unha vitrina explicativa dos traballos de remodelación e incluso, restos arqueolóxicos, ferramentas e comidas, daqueles obreiros que ergueron o primeiro edificio por volta dos anos en que en Galicia non había emigración, senón fuxida en desbandada.
E alí estaba ela. Unha vella lata, enferruxada, co nome impreso en amarelo e vermello, que dicía "Bernardo Alfageme. Sardinas Miau". A verdade é que case me emocionei. Ollei a vella lata tirada ao lixo xunto con outras porcarías e ollei fondo no seu fondo. E logrei ver alí agochada a saudade do proletario, anesgado, abrindo o bolo cunha navalla, e colocando relixiosamente as sardiñas no pan, deitándolle o aceite de por riba e fitando, serio e morriñento, os gatiños e a inscricion que puña Vigo, o seu último porto da terra.
Teño ganas de volver a Bos Aires, aínda que só sexa por ver de novo aquela lata que considero fundacional da saudade e do asociacionismo galego. O corazón sempre estivo a medio camiño entre o estómago e o cerebro.
Homofobia vaticana. MARCOS VALCÁRCEL
Andoliña-Galicia Hoxe-9-12-2008O Vaticano acaba de engadir unha medalla máis de ignominia á súa recente historia. Que ten páxinas nada honrosas como os escándalos masivos en Estados Unidos polos cregos acusados de abusos sexuais ou a súa oposición ó emprego do preservativo, política que en lugares como o continente africano só pode contribuír a acentuar o xenocidio da sida en varias xeracións de cidadáns africanos.
Pois ben, a Unión Europea, a través de Francia, vai propor na ONU o próximo 10 de decembro unha proposta para a despenalización universal da homosexualidade. Hai 90 países no mundo que condenan a homosexualidade con diferentes penas de cárcere, multas ou torturas: entre eles están os estados máis retrógrados do mundo como Arabia Saudí, Emiratos Árabes, Irán, Mauritania, Sudán, Iemen e algúns estados do norte de Nixeria. O Vaticano decide asociarse a estes países e ó integrismo islámico mesmo cando está a vida dos homosexuais condenados en xogo: ulo o famoso Dereito á Vida que invocan acotío as Igrexas para xustificar as súas teses noutros temas de debate?
Uns 60 Estados, do total de 192 membros das NU, asinarán a proposta despenalizadora. O Vaticano, unha vez máis contra a Historia.6 dic 2008

A gastronocracia galega
Afonso Vázquez-Monxardín, La Región 6-12-08
Cando lle di un a outro, por primeira vez, ‘pásame o tinto’ estase iniciando un fío de conexión moi interesante. E se logo lle comentas utilizando un plural de ocultación ‘¿Queredes por aí máis langostinos que aquí sobran?’, xa está a cousa feita. Non hai tensión laboral ou política que se resista a un moderado uso da gastronomía patria. E cando digo ‘patria’ refírome eu, escasamente nacionalista, á patria galega gastronómica. Esa que nos une na nosa preferencia colectiva da empanada de zamburiñas sobre a pizza margherita ou na do caldo de grelos sobre o gazpacho; salvando o tórrido verán, que para iso a nosa tradición é ser abertos e integradores.
Nós vivimos así nunha terra de acusadas tendencias gastronocráticas, ou sexa da creación e recreación dos poderes e das relacións ao redor dunha mesa ben habitada con amigos e bo ‘material’ por riba. Nalgúns casos que sen dúbida existen, pode caerse na esaxeración do neoloxísmo pseudogrego, ‘paparotocrática’: o poder, a seducción da megapaparota como elemento de promoción social e política; sonlles esas de ‘xuntáronse a comer trinta mil persoas e come ron sesenta mil quilos de polbo’.
Pero non. Eu prefiro a cousa positiva, normal, as ceas e xantares de confraternidade. De compañeiros no traballo facémolos case todos e aínda miramos con cara rara a aqueles que non a fan no Nadal. Son os xantares colectivos ao redor de cousas comúns. A historia de Galicia está chea de ceas e xantares lembrados. O Banquete de Conxo, 1856, marca o inicio do Rexurdimento e a alianza artesáns e estudantes: o Banquete de Lugo, 1918, o impulso ás Irmandade da Fala e logo o de Monforte, de 1922, a súa madurez. O Banquete da Barxa, 1930, a refundación do galeguismo. O do Hotel Roma, en Ourense, en 1930 a homenaxe a Otero. O do Hotel Compostela, en 1950, a fundación de Galaxia. No do merendeiro da Rocha, preto de Santiago, en 1964, ideouse ao redor dun cabrito a UPG. En maio de 1966, no Hotel Roma de Ourense clamou a sociedade civil contra o embalse de Castrelo con motivo de marchar Celso Emilio a Caracas, no 1968 o xantar da xubilación de Otero foi no Hostal dos Reis Católicos.
E podemos seguir, as ceas do Premio da Crítica en Vigo; os Xantares dos Premios de Trasalba...
¿E que dicir do mundo da emigración?
O corazón sempre queda a metade de camiño entre o estómago e a cabeza. Por iso, a saudade, o pensar na terra empeza ás veces, pola evocación das lembranzas, vistas, olores e sobre todo, sabores da casa.
Pero en fin, cando a sociedade civil se xunta festiva ao redor da comida, non está facendo só un acto de alimentación física; esta é só a unha disculpa de algo sempre máis importante. Verse. Charlar. Comentar. Saber do outro. Lembrar. Rir. Vivir en positivo.Por iso, a cea do outro día, do 29 de novembro de 2008, ao redor de Marcos Valcárcel non a lembraremos porque non funcionasen ben os micros, nin sequera porque non lle pasasen ao mantedor o telegrama de felicitacións que a Conselleira de Cultura enviou ao Liceo -desculpas señora Bugallo, foi sen intencion- e sí polo esprito xeral que alí nos uniu e polo discurso de Marcos. Sen pretensións, foi un banquete para lembrar onde a todos nos gustará dicir, algún día, que estivemos. Graciñas.
Manuel Rivas, que hoxe presenta no Cultur.gal o seu novo libro "A corpo aberto",
asegura que o xornalista debe seguir o criterio de "independencia pero tamén o de mollarse"
PALOMA CALVO . SANTIAGO
Entrevista en GALICIA HOXE 6-12-08

O presente volume, publicado polo Museo de Pontevedra e a Deputación pontevedresa, é, en primeiro lugar, unha merecida homenaxe a Xosé Filgueira Valverde: Alonso Montero subliña o seu valioso labor como gran polígrafo, medievalista e autor desa xoia que en forma de Adral nos deixou en nove deliciosas entregas.
Esta Antoloxía é ademais un documento literario único no que un total de 32 poetas (os convocados foron máis) non só nos ofrecen unha escolma da súa obra, senón tamén datos moi valiosos da súa formación, poéticas e sensibilidades e opinións sobre a lingua, algúns de forma minuciosa como Otero Pedrayo. Noraboa, pois, ás institucións e personalidades que recuperaron este agasallo da palabra.
Xan Carballa tivo a ben enviarme as tres columnas de tres amigos en ANT.
Marcos Valcárcel, por Damián Villalaín. A NOSA TERRA 4-12-08.
Marcos Valcárcel é unha desas poucas persoas que suscitan simpatía e recoñecemento xeral no mundo cultural galego, tantas veces corroído pola egopatía, a cutrería sectaria, os resentimentos e a mala educación dos que nel participamos. Como uns e outros incorremos con maior ou menor intensidade e compracencia nesas malas prácticas, cando nos atopamos cun señor como Marcos Valcárcel é como se désemos cun lugar de acougo onde refuxiármonos dese trebón estéril e cansino. Durante un tempo frecuentei moito o seu blog, esas louvadas "Uvas na solaina" que Marcos fai madurecer cada día. Discutíanse alí moitas cousas dalgunha importancia e os debates case sempre se impregnaban da atmosfera amistosa e da serenidade non ataráxica coas que Marcos sela todo o que fai. Agora o amigo auriense vese asediado xa non polos inevitables trolls e pelmazos cibernéticos, senón por unha doenza absurda que lle resta capacidade física pero que non lle impide a elaboración diaria dos contidos do seu excelente blog. Nin tampouco dos seus libros e artigos. A vida semella ás veces unha carreira de atrancos pragada de contrariedades innecesarias e inxustas. Pero Marcos Valcárcel sabe, arestora, que hai moitas mans dispostas a axudalo a saltar, como se viu o sábado, 29 de novembro, na multitudinaria homenaxe que recibiu na súa querida cidade de Ourense. Como me compremetera a asistir e finalmente non puiden facelo, gustaríame aproveitar esta columna para dicirlle a Marcos que, aínda ausente do acto do Liceo e da cea do San Miguel, eu tamén estiven con el e cos centos de amigos que o acompañaron.
-Marcos Valcárcel, por Xosé Miranda.
No ano 1976, se a memoria non me é infiel, coñecín un grupo de rapaces ourensáns brillantes coma estrelas da mañá: Bieito Iglesias, Xan Guerra, Marcos Valcárcel, Bieito Alonso. No piso onde vivían celebrábanse reunións contínuas e clandestinas, non só de ERGA, a organización á que todos pertencían (menos Manolo Cao), senón tamén da UPG, e por alí pasaban xentes como Elvira Souto ou Margarita Ledo. Como toda regra ten a súa excepción, entre os ourensáns había un que non o era: Perfeto Ramos, que é de Crecente (pero que, penso, estudara en Auria).Marcos Valcárcel, naquela constelación de intelixencia, enerxía e xenerosidade que foi ERGA, (aínda que algúns dirán que ERGA foi máis ben unha supernova, e estalou en luces de todas as cores), foi desde o inicio, e continúa sendo hoxe, unha das máis belas estrelas. O seu lume daba calor verdadeira. Na faculdade de Historia ERGA contaba con personalidades autenticamente xeniais: os lucenses Xosé Manuel Sarille, Xullo Gaioso, Pilar Meilán; o coruñés Xullo Cuba; a ferrolá María Xesús Arias; Bieito Iglesias; tamén estaban Rosa Bassabe e Alberte Esteban, que non eran de ERGA, pero como se o fosen. Aínda así, Marcos destacaba pola elegancia, a seriedade e a bonhomía, ademais de por ser un auténtico sabio xa daquela.Marcos, o home tranquilo, o factotum cultural de Auria, é o home que todos quixeramos ser: partidario firme da igualdade, a fraternidade e a liberdade, da cultura, da paz e do progreso; amigo dos amigos e opoñente educado e amable dos inimigos (non dos seus, que estimo imposible que os haxa, senón dos das súas ideas); cunha cultura enorme, enciclopédica; ameno, claro e didáctico; demócrata practicante; tolerante, pero defensor das súas ideas; convencido, pero non tanto como para impoñerllas aos demais por activa nin por pasiva; bo, xeneroso, no sentido profundo e orixinario destas palabras; bo cos seus e cos outros; sempre con Galicia no corazón, sempre pensando nos desfavorecidos, sempre da parte dos oprimidos, pero sen sectarismo, sen demagoxia e sen ningunha caste de dogmatismo; capaz, eficaz, organizador incansable; con requintado gusto estético, literario, artístico, cinematográfico e musical.O seu mundo comeza e non remata coa súa familia, os amigos (que son, somos, numerosísimos), Ourense, Galicia, Europa e o Mundo, pois Marcos sabe, e di, que unha cousa non quita a outra; que o amor a Ourense fundamenta o amor a Galicia, e o amor a Galicia, o amor ao mundo. Que a atención aos seus funda o aprecio polos demais.Ninguén fixo tanto por Ourense, nin estudou tanto a súa historia, desde o seu devanceiro espiritual, don Ramón Otero, do que é lexítimo herdeiro. Non se comprende, por iso, que non lle teñan dado xa a medalla de ouro da cidade.A todo isto, e aos seus moitos libros, traballos, conferencias e artigos, engadiremos o seu prodixioso blogue, As uvas na solaina, que leva dado xa moito mosto e moito viño novo, e que a min me parece non só o mellor de Galicia (e se fose preciso do mundo mundial), senón un dos escasos foros de debates auténticos, libres e democráticos con que contamos no país.
Mil Marcos, por Federico Cocho.
De seguro que con mil Marcos este país sería outra cousa. Galicia non necesita mil primaveras máis, como adoitamos repetir nos nosos rituais literarios. Galicia necesita clonar Marcos, repartilos ben de norte a sur e deixalos facer. Outro galo cantaría.Pero Marcos, por desgraza, non hai máis ca un. Só temos un e andamos a mimalo estes días, xusto cando saca un novo libro. Desde Ourense para o mundo, un clamor cívico reivindica o impagable labor do Marcos Valcárcel historiador, animador e organizador. Do referente da cultura galega na cidade de Otero Pedrayo. Do intelectual convertido en punto de encontro cultural ao longo de media vida dedicada, con discreción e xenerosidade infinitas, a espallar saber. Literario e histórico, sobre todo.E sempre desde un compromiso galeguista aberto e integrador, prefectamento reflectido nesa súa perenne expresión beatífica, mesmo merecente de compartir gloria pétrea co sorriso do profeta Daniel, alí no alto do pórtico compostelán.Durante a homenaxe do sábado, lembreino coa esa mesma faciana pacífica mentres o irmán Sandoval, cos pés enriba da mesa por cousas da circulación, corrixíanos as traducións de grego nos anos dos Maristas. Co mesmo aire anxelical e imposible que levaba o día do noso reencontro andaluz, vestidos de caqui os dous no 1981. Con esa mesma serenidade sabia coa que fai cultura e fai país. A dos bos e xenerosos, que aínda non somos quen de clonar. Iso si que sería I+D+i estratéxico.
5 dic 2008
X. L. MÉNDEZ FERRÍN, Faro Vigo, 5-12-08
O alzamento franquista perseguiu de forma terríbel varias familias xudías que radicaran entre nós vindas de lonxe. Refírome aos Dainoff de Ourense e aos Zsbarski e Kuper de Pontevedra e Vigo. Tratábase de xudeus de orixe europea-oriental que cambiaran o uso do yiddish ou jüdisch polo do ruso e do castelán (ou do galego) e que deixaran, naturalmente, de ser relixiosos. Os membros destas familias eran cidadáns (daquela si) moi cultos e de pensamento republicano de esquerdas. A actividade profisional destas xentes era a estomatoloxía ou a odontoloxía: como dentistas foron moi aprezados. Como veciños, respectadísimos.
Caso sonado foi o de Abraham Zsbarski, preso en San Simón e asasinado polos falangistas sen formación de causa. Un fillo deste ocupa un lugar central na historia de Galicia en 1936. Médico pola Universidade Compostelana e tenente de complemento, Zsbarski o Mozo foi, no Goberno Civil de Pontevedra, elemento fundamental do Comité da Fronte Popular que intentou o 20 de xullo de 1936 resistir o golpe fascista. Zsbarski (entendo que comunista), Guiances (socialista) e Bóveda (galeguista) resultaron condenados á pena capital por un consello de guerra formado por xefes e oficiais sen honor. A Guiances conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua pro os seus compañeiros caíron baixo as balas do pelotón de fusilamento. O franquismo perseguiu e dispersou o que quedaba das familias Dainoff, Zsbarski e Kuper. O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos.Voces e foros novos están a facer historia das mulleres galegas que destacaron en tempos recentes. A viguesa Lydia Kuper (ou Kúper de Velasco), ben pouco tida en conta, merecía unha investigación biográfica en regra. Sendo ela mociña asistiu na Facultade de Letras de Madrid (a dos finos e esguíos ulmeiros: Otero) ás clases de luminarias intelectuais da escola de Menéndez Pidal como Pedro Salinas. Lydia viviu no departamento feminino da Residencia de Estudiantes so a tutela de María de Maeztu e alí coincidiu con Teresa Díaz, outra ilustre viguesa que foi catedrática de inglés e directora do Instituto Feminino que hoxe leva o nome de San Tomé de Freixeiro. Destruída e dispersada a familia Kuper, a xoven Lydia asentou para sempre en Madrid."Que tendrán los novelistas rusos que los traduce del francés un catalán que no sabe castellano y aún así nos fascinan". Non sei se estas palabras atribuídas a Lorca foron ou non pronunciadas algunha vez na Cervecería de Correos, en Bakanik ou no paseo á lúa pola Quintana dos Mortos (ou Quintá de Mortos). En todo caso Lydia Kuper traduciu do ruso ao castelán maxistralmente, incluíndose no seu catálogo os autores soviéticos. Hai pouco, Lydia culminou (con case 90 anos de idade), o seu Guerra y Paz: a mellor traducción que da obra catedralicia de Tolstoi se teña feito a lingua románica ningunha, din os que saben. Mario Muchnik (Taller e Persoa) foi o editor entusiasmado.Eu agora evoco o día no que esta intelectual recuperou emocionada de mans do gobernador de Pontevedra Virginio Fuentes a bolsa de papel que contiña unha presa de moedas de ouro que lle foran expropiadas á súa familia en 1936. Con Lydia estaba o seu curmao Elías, director dos deportes en Novidades de Moscova que sempre tiña presente o Celta nas súas crónicas nostálxicas. Luís Ferreiro Loredo, que estaba tamén no acto, poderalles contar mellor ca min todo isto.

Ou como se todo se debese a un fatal accidente da natureza. A foto que onte publicaba un xornal de Madrid é incomprensible dende un mínimo sentimento de empatía coas vítimas: os compañeiros de baralla do empresario seguen a xogar a partida como se tal cousa. E logo que farían se morrese nun accidente de tráfico: permanecerían tamén impasibles? Son realidades moi difíciles de entender, aínda nun concello gobernado por ANV, brazo político hoxe dos violentos.
A banda terrorista segue a ser un poder fáctico en Euskadi: quere unha nova vitoria como as de Lémoniz ou a autovía de Leizarán. E moitos vascos miran cara a outro lado, co sangue a secar na rúa.
Video resume producido por Eduardo Núñez.
(Ubicado en Youtube. Se o quixesen gardar na súa computadora, a dirección de internet é esta:
http://es.youtube.com/watch?v=fC3YGRLoWa0 ).
4 dic 2008


BIEITO IGLESIAS, ecg. 4-12-08 (foto ANT, Xan Carballa: Manuel Rivas, Cristina Berg e Bieito Iglesias)
Hai cinascos de verdade nesta hipérbole porque os membros da Xeración Nós, protagonistas do período ático na capital miñota, tropezaron, igual que os xigantes da cultura no século de Pericles, coas vantaxes e inconvenientes da pequena escala: "A inmensa mobilidade e excitación, o peculiar colorido da vida ateniense explícase talvez a partir do feito de que un pobo de personalidades incomparablemente individuais loitase contra a constante presión interna e externa dunha desindividualizadora pequena cidade. Isto produciu unha atmosfera de tensión na que os máis débiles foron prostrados e os máis fortes foron excitados á apaixonada autoafirmación" (Georg Simmel). Marcos é rexo, el aproveitou ao máximo os beneficios que ofrece unha micrópole para a vida do espírito, sen acusar as miserias nin o pendor provinciano que enconica a outros moradores de urbes liliputianas.
Na cea-homenaxe posterior á presentación da súa Historia de Ourense, reuniuse un xentío que atestou o restaurante Sanmiguel. Nunca tal concentración se vira de amigos e admiradores rendidos á bonhomía e ao talento do historiador, xornalista, fomentador cultural e exemplo de galeguismo amante ("amante", en ourensán, significa suave, apacible). Nin sequera a neve arredou a moitos asistentes que se achegaron á vella Auria desafiando estradas perigosas. As folipas déronlle ao acto, se acaso, un ton de filme de Capra.
Carísimo Marcos, qué belo é vivir soficado pola túa amizade. Antes de tratarte, alá no Instituto Masculino dos anos setenta, eu pensaba que o mundo era un lugar sombrizo e hostil.

UN TAXISTA
Veunos buscar a Auria, a María e a min, un taxista de Compostela. Xa foi agradable subir ó taxi e escoitar música clásica, suave, de fondo. E logo o seu falar pausado, relaxante. De ida e volta, houbo tempo para todo: falamos da familia e dos fillos, da saúde e das reviravoltas da vida, da crise e do traballo, etc. El é un antigo contable que tivo que coller o taxi ó pechar a empresa na que levaba anos. Falar con el foi un milagre de empatía e comunicación: alegroume aínda máis o día. Dende aquí un agarimoso saúdo ó meu novo amigo taxista.
3 dic 2008

É esta unha novela sobre a que se fixeron xa bastantes ensaios críticos, destripándolle os mecanismos humorísticos, sociolóxicos, críticos, filosóficos e ideolóxicos e poñendo de manifesto o talante renovador do seu autor. Porén, ao meu xuízo, a narrativa de Risco non se entenderá completamente sen ter en conta a que escribiu despois da Guerra Civil, que foi obxecto de menor atención por estar escrita en castelán e maiormente inédita longo tempo, cando o certo é que nesta narrativa se atopa a expansión do autor de O porco de pé e a súa mellor consolidación dunha poética novelística verdadeiramente avanzada e intuitivamente (atreveríame a dicir) posmoderna.
Existen en Vicente Risco dúas actitudes ben diferentes á hora de escribir obras de narrativa. Cando quen tenta de facer ficción literaria é o etnógrafo, o teórico do nacionalismo, o ideólogo que serve ao discurso identitario, Risco axústase a unha literatura de funcionalidade etnográfica e didáctica a través da que fai circular ideoloxemas (mitos) como o celtismo e o cristianismo de base do pobo galego, a misión dirixente da fidalguía ou o sentimento da terra, supostamente inherente ás vivencias telúricas do noso ser antropolóxico profundo. Así actúa Risco cando escribe A trabe d"ouro e a trabe d"alquitran, A coutada ou Velliña vella.
Pero cando Vicente Risco esquece ese seu papel de axente ideolóxico e se deixa levar pola súa man de artista, de escritor rexoubeiro, crítico e lúdico, entón se nos transmuta nun autor absolutamente xenial, insolente, moderno, fragmentario, carnavalesco, rupturista e mesmo posmoderno. Un autor que se ramifica caprichosamente nas reviravoltas que lle fai dar ao narrador ínsito nos seus textos, nas estruturas rizomáticas que abraian o lector, nos xogos metaficcionais polos que pon as tripas do artiluxio literario ao descuberto, sen medo a que o lector perda a ilusión referencial a que o texto o puidera ter levado, afastándose así da arte realista, sempre interesada en hipnotizar o lector facéndolle crer que asiste a unha historia non só verosímil senón aínda verificábel e verdadeira. Tal parecería que Risco seguiu ben de preto nisto o Rabelais máis desmesurado do Pantagruel ou o Laurence Sterne máis irónico do Tristram Shandy.
Risco desficcionaliza adrede amosándolle os fíos da trampa ao lector. E iso xa dende un conto en galego de 1929 que titulou "Meixelas de rosa", no que nos deixa escoller todas as referencias prosopográficas e etopeicas dos personaxes, con tal de que a nena protagonista teña as meixelas sonrosadas. Un xenio.

O tesouro da amizade brillou como nunca estoutro día en Ourense na homenaxe que os amigos lle realizaron ao escritor e historiador Marcos Valcárcel. E tal realidade mostrada fainos, sen dúbida, reflexionar, pois a min resúltame de suma importancia o que aconteceu na cidade das Burgas. Vaiamos ás palabras e ao sentido. Amicitas e amicus son entrañábeis voces latinas que proceden á súa vez de amare; velaí o sentido profundo da amizade: a máis nobre modalidade do amor. A amizade, pois, como "centro da vida" -que así era para o gran filósofo-, como valor ético; e, por outra banda, a amizade que duplica a ledicia e divide a angustia pola metade (Francis Bacon). Non hai dúbida de que a amizade era para Aristóteles un tema fulcral, e non en van dedícalle o filósofo os libros oitavo e noveno da Ética para Nicómaco, asegurando, entre outras cousas, que non se pode vivir sen amigos. No caso de Marcos Valcárcel, e despois da multitudinaria homenaxe nacional recibida, un ten que ir forzosamente -para mellor entender o fenómeno amical do ourensán- ao Libro Oitavo, capítulo VI, da Ética para Nicómaco, onde se pode ler que "a verdadeira amizade é unha especie de exceso no seu xénero; é unha afección que supera a todas as demais, e diríxese pola súa mesma natureza a un só individuo; porque non é moi doado que moitas persoas agraden á vez tan vivamente". Palabras certeiras. Está ben claro que, no caso de Marcos Valcárcel, existe un gran poder de atracción e ao mesmo tempo de proxección da amizade, como se a súa figura fose un centro que todos celebramos. E é este tipo de amizade unha forma de admiración e unha forma de identificación, non contaminada en ningún momento por calquera caste diso que se entende por "política da amizade", que diría Jacques Derrida. A amizade que se mostra como unha forma de enerxía arredor de Marcos Valcárcel é, en definitiva, a vella e nova materia galeguista da fraternidade, e o noso amigo está no centro desa materia: un tesouro que debemos gardar no centro de todos.
GRACIÑAS (29-11-08)
Boas noites e grazas a todos e todas por estar hoxe aquí.
Hai pouco máis dun mes os meus amigos puxéronse a traballar nunha cea homenaxe a este humilde colega voso, con motivo da saída dun novo libro meu, unha Historia de Ourense que publica Xerais. Antes de nada sería moi inxusto non deixar aquí constancia expresa do meu agradecemento a Afonso Monxardín, Xosé Ramón Quintana, Benito Losada, Pepe Trebolle, César Ánsias, Manuel Ángel Candelas Colodrón, Xoán Fonseca, José Carlos Martínez-Pedrayo e Eustaquio Puga, que estiveron á cabeza desta iniciativa tan xenerosa pola súa banda.
Eu mesmo participei moitas veces, como organizador en actos semellantes e neste mesmo salón, con grandes personalidades culturais ourensás e galegas. Sei do traballo que dan estas cousas, pero sei tamén que, no caso de persoas como as citadas, non hai esforzo que as bote para atrás porque traballan sempre con ilusión e rigor. Tamén aproveito para dicirvos que é moito máis doado estar do outro lado, cos organizadores da homenaxe: da miña banda, só agardo poder enfiar unhas cantas liñas cun mínimo de harmonía e coherencia literaria, se a emoción mo permite.
Acepto este encontro de amizade e irmandade como un tributo á percura da felicidade. Permitídeme recobrar aquí unhas liñas dunha Andoliña (12-9-08) na que precisamente meditaba sobre isto:
“A felicidade: é o único realmente importante. Semella obvio, pero convén repetilo, mesmo con insistencia. E iso non ten outra faciana que o amor ós seres queridos e o que recibimos deles mesmos, a capacidade de convivir en harmonía, de compartir con amigos e amigas horas de alento e desalento. Levamos séculos de Historia vivida e escrita e sería moi doado encontrar centos de definicións de grandes personalidades sobre a felicidade. Todas as que gardan algo de verdade teñen que ver co que escribín antes e pouco conta niso, de certo nada, a acumulación de poder ou de riqueza ou de calquera outra falsa ilusión.
Da noite para a mañá o mundo tal como o coñecemos pode confundirse nos seus perfís, esvaecerse nos seus absolutos ou perder todos os adobíos que nós mesmos lle colocamos. E a vida mantén o mesmo sutil ritmo de inestabilidade, como un xogo entre infantil e absurdo repetido por inercia, sen coñecer ben as súas claves máis fondas. Por iso é necesario invocar, coa regularidade metódica dun mantra oriental, a forza das palabras primixenias: Amor, Amizade. Sen falso pudor a que nos acusen de cursilería estilística. Cando menos así o sinto hoxe, cando escribo nesta tardiña dun xoves solleiro de setembro.”
O universo de amigos e amigas, de compañeiros e compañeiras que hoxe nos axuntamos aquí, resume boa parte da miña biografía. Están aquí os meus familiares e varios amigos da miña infancia; os meus compañeiros do Instituto de A Carballeira, onde traballei os últimos 25 anos; colaboradores de mil e unha andainas do galeguismo e do nacionalismo de esquerda; persoas coas que compartían arelas e espazos nas A.C. Auriense e nas A.C. O Eixo e O Galo de Santiago; os amigos do Clube Cultural Alexandre Bóveda e do Liceo de Ourense; xornalistas de diferentes medios nos que colaborei nas tres últimas décadas; profesores das tres universidades galegas; amigos e colegas da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, das Fundacións Curros Enríquez, Carlos Casares, Otero Pedrayo e Premios da Crítica de Galicia; amigos e amigas tamén do Pen Clube e da AELG. Para rematar, por aquí andan ademais, a maioría dos contertulios habituais do meu blog As Uvas na Solaina, e a todos e todas lles agradezo por igual a súa xenerosidade. Outros amigos que por motivos de traballo están lonxe (en México, en California, en Berlín, etc.) escribíronme e chamáronme nestes días para acompañarnos en espírito.
É un auténtico privilexio compartir convosco este encontro, porque nesta sala está hoxe depositado o mellorciño do código xenético da Galicia de hoxe. Esta é unha ceremonia da irmandade, da que non creo ser merecente, pero que acepto gustoso como un irmandiño máis deste esplendoroso “contubernio” da Galicia cultural do século XXI. En días nos que o noso idioma é desprezado por algúns sectores cunha saña grotesca, é bo comprobar que existen moitos milleiros de galegos e galegas, como os que hoxe aquí nos axuntamos, que seguimos a crer no noso país, na dignidade da nosa lingua e da nosa cultura e na vitalidade das enerxías necesarias para que Galicia siga sendo ese soño que herdamos dos mestres de Nós: unha vella nación europea, unha moderna cultura do século XXI que quere achegar ó mundo a súa orixinalidade cultural.
E quero rematar estas palabras de agradecemento cunha lembranza dos meus anos de infancia e formación. Quizais os meus intereses intelectuais se definiron xa de moi novo: lector entusiasta de canto caía nas miñas mans –tebeos, revistas, libros, etc.-, da miña infancia lembro en casa varias coleccións sobre fauna e natureza e moitos libros de mitoloxía, cos que me agasallaban os meus pais. Entre eles estaba un amplo volume de “Mitología clásica ilustrada”, de Otto Seeman, que publicara Vergara en Barcelona: teño a quinta edición, de 1968, e debín lela ós 14 ou 15 anos. Aquilo me abriu outra dimensión da realidade e me descubriu o enorme potencial da fantasía e a riqueza humana para contar historias e comprender o mundo a través delas. Logo viñeron a Ilíada, a Odisea, moitos clásicos gregos, e tamén a Divina Comedia, de Dante: cando se len tales libros a esas idades queda un marcado para sempre, a miña vida, inevitablemente, estaría rodeada de libros, xornais e revistas.
Houbo, entre elas, nos anos do franquismo final algunhas que deixaron unha pegada especial. Falo de “Triunfo” e da revista mensual “Tiempo de Historia”, dúas aventuras nacidas da man de Eduardo Haro Tecglen que foron, cando menos para a miña xeración (tamén para outras), unha auténtica escola cívica, de formación dun espírito ético de liberdades, moi arredado da Formación del Espíritu Nacional que estudiabamos nos manuais escolares.
Aproveito a ocasión para render contas dunha débeda persoal que teño, hai moitos anos, con Haro Tecglen, a quen logo tiven a honra de presentar no Liceo ourensán: eu era aínda moi novo cando chegaron á miña man os primeiros exemplares que vín de “Tiempo de Historia”, trouxéraos o meu irmán Fiz cando estudaba en Madrid. Lembro aínda os seus contidos e argumentos, as súas fotos de portada: un grupo de republicanos a fuxir de Xixón nunha barcaza cando a cidade era tomada polas “tropas nacionales”; un cartel coa cruz, o globo terráqueo e a bandeira rojigualda baixo o lema “Catecismo Patriótico Español”; un retrato en escorzo de Lenin convocando ao soño revolucionario. Nas súas páxinas aprendimos moitos mozos a deletrear con paixón nomes ata entón ignorados e prohibidos: Trotsky e Bertolt Brecht, Ricardo Mella e Besteiro, Machado e Araquistáin, entre tantos outros. Descubrimos alí a existencia dunha outra historia, reveladora e transformadora: a antítese do que nos ofrecía, co mesmo nome, a escola nacional-católica que padecíamos. Alí escribían tamén, de cando en vez, autores galegos como Blanco Amor, Xesús Alonso Montero, Ramón Chao, Javier Alfaya ou Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros. De xeito consciente aquela revista abría os seus brazos para contarnos a historia dunha Galiza cultural negada e exiliada: Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Celso Emilio Ferreiro..., eran cita habitual nas súas páxinas. E tamén o eran os novos artistas galegos, desde a mirada crítica de Moreno Galván, e o noso nacente teatro galego arredor de Abrente e Ribadavia, ben atendido nas crónicas de José Monleón, ou a música de Voces Ceibes e a Nova Canción Galega.
“Eu penso sempre en alguén vivo cando escribo. Esa vida trasmítese ao fluído diálogo, cheo de creatividade, que establezo co seu pensamento, sen autocensuras”: velaí o segredo de Haro Tecglen, a quen evoco agora con agarimo.
Contei isto como unha páxina posible do meu Arredor de si, porque penso que é unha experiencia semellante á de moitos mozos e mozas da mesma xeración. E hai outras moitas páxinas por escribir. Por exemplo, a pegada que me deixou o crego Digno González na necesidade de ter unha visión aberta, solidaria e crítica do mundo. Ou a redescuberta de noso que significaron para min as clases da Auriense, onde tivemos o privilexio de contar con profesores como Otero Pedrayo, Ferro Couselo, Carlos Casares ou Francisco Rodríguez, entre moitos outros. Habería páxinas nesa miña glosa oteriana que falarían da misa en galego na Capela do Santo Cristo e da Coral de Ruada de Manuel de Dios e do mestre Vide (eu neno escoitei a misa máis dunha vez ó seu carón, no órgano do Santo Cristo, entre xigantescos anxos e columnas salomónicas). E debería falar do Cine Clube Padre Feijoo, con Pepe Paz, Bobillo, Álvarez Pousa, que nos ensinou a ver bo cine italiano e a Bergman e Dersu Uzala, e tantas xoias; e dos debates no Ateneo, de Histrión 70 e os versos de Celso Emilio (Tempo de chorar) e da última páxina de La Región, con artigos a diario de Otero, Ben-Cho-Shey, Ferro Couselo, Xoaquín Lorenzo, Luís Trabazo, Carlos Casares, etc. Todo un luxo na formación dunha persoa amiga das letras! Cando os estudantes do Instituto saímos á rúa contra as pestilentes celulosas que querían instalar no val ourensán, don Ramón escribía coa súa lírica melancólica contra ese pesadelo e en defensa do Pai Miño.
Todo isto sucedía entre 1972 e 1974, anos da miña adolescencia e de reencontro co meu país e a cultura de noso. Foi decisivo o meu salto ó Instituto Masculino e o encontro con xentes coimo Bieito Iglesias, Benito Alonso “Roi”, Manuel Guede, Paco García, Carballude, etc., todos nun mesmo COU de letras. Íamos para filólogos porque tal nos aconsellaba Paco Rodríguez na Auriense. Pero encontrámonos cun ser encantador, unha profesora leonesa, recén saída da Universidade, que nos daba clases de Historia, unas clases didácticas e rigorosas. E que, sobre todo, nos deixaba debater nas clases sobre os Irmandiños ou sobre o Sempre en Galiza, de Castelao. Moitos dos seus alumnos acabamos na Facultade de Historia; tamén é certo que nunca deixamos o mundo das letras e varios rematarían por facer carreira literaria.
Eran tempos difíciles e para montar un simple posto de libros no Día das Letras Galegas tiñamos que pelexar co xefe de estudos e co director do Instituto. Pero as cousas ían avanzando, de vagariño, co esforzo e sacrificio de moitos. Penso agora que naqueles días empecei un camiño do que nunca me arredei nos últimos 35 anos. Tiven ó meu favor moitas plataformas para expresarme: nos libros, na prensa, no labor cultural. Sempre en plena liberdade: podo ler os meus artigos de hai anos sen avergoñarme de nada. Ese camiño fíxeno con todos vós, os amigos que hoxe me acompañades, e de novo reitero as miñas grazas a todos e todas: por estar aí, por darme folgos, por quererme, en suma, querenza que procurarei devolvervos sempre na medida das miñas posibilidades.


