30 nov 2007

SIMPOSIO INTERNACIONAL CARLOS CASARES

Fundación Carlos Casares. Cátedra Carlos Casares. Universidade de Vigo - Campus de Ourense
Liceo de Ourense
Xoves, 13 decembro (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)

10.00: Recepción dos asistentes e entrega de credenciais e documentación
10.30: Inauguración
11.00: Conferencia: Un mundo de palabras: vida e literatura na obra de Carlos Casares, Marcos Valcárcel Profesor, escritor e historiador
12.30: Panel de Narrativa: Claves para unha lectura de “Xoguetes para un tempo prohibido”. Xavier Carro Universidade de Alicante. Carlos Casares: imaxinación e memoria, Carmen Mejía Universidade Complutense de Madrid. Modera: Camiño Noia Universidade de Vigo
16.30: Comunicacións: “Os mortos daquel verán”, de Carlos Casares. Novo informe sobre esta novela, vinte anos despois da súa publicación. Xosé Luís Ferraces
Carlos Casares, tradutor de si mesmo. Xosé Manuel Dasilva

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Tempo de procura (Casares en Compostela). Arcadio López-Casanova Universidade de Valencia
20.30: Presentación de novos libros de Carlos Casares: Marxe, 1996. Obra xornalística V
Á Marxe, 1997. Obra xornalística VI.

Venres, 14 (Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense)
10.30: Conferencia: A achega decisiva de Carlos Casares á Literatura Infantil e Xuvenil. Blanca-Ana Roig Rechou Universidade de Santiago de Compostela
12.00: Panel “O xornalismo de Carlos Casares”: Carlos Casares e a crítica literaria: “A ledicia de ler” na construción do sistema cultural galego na Transición. Iago Martínez Durán Xornalista
Nas canles dunha nova forma de facer xornalismo. Xosé Antonio Neira Cruz, Universidade de Santiago de Compostela. Modera: Dolores Vilavedra, USC.
16.30: Comunicacións: Ecos e lecturas da narrativa europea contemporánea en Carlos Casares. Teresa Bermúdez. Casares como editor e descubridor da Literatura galega infantil e xuvenil. Montse Pena. Teoría e técnica nos relatos de “Vento ferido”. Eva Ocampo Vigo

Dependencias do Liceo de Ourense
19.30: Conferencia: Novela e política en Galicia de 1968 á fin de século: ficción e ideoloxía en Carlos Casares. Manuel Forcadela Profesor e escritor
20.30: Velada artística no Liceo: Lectura dramatizada da novela “O sol do verán”,
de Carlos Casares. Mabel Rivera Actriz

Sábado, 15
Dependencias da Universidade de Vigo-Campus de Ourense
10.30: Conferencia: Carlos Casares e a Xeración Nós, Olivia Rodríguez González Universidade da Coruña.
Dependencias do Liceo de Ourense
12.00: Comunicacións: "Ilustrísima” e a novela española da Xeración do 98. Ana I. Carballal
Contra a traxedia da esencia humana: a lectura de Cunqueiro por Carlos Casares. Mª Xesús Nogueira
13.00: Roteiro Literario “Carlos Casares e a Cidade de Ourense”, guiado por Marcos Valcárcel, con saída e regreso no Liceo de Ourense onde se descubrirá unha placa á memoria de Carlos Casares
17.00: Tertulia Literaria “As viaxes de Carlos Casares”. Modera: Luís González Tosar
19.00: Visita comentada por Kristina Berg, viúva do autor, á e exposición ”Os mundos de Carlos Casares”.
20.00 Acto de clausura do Simposio Internacional Carlos Casares.
(Máis datos en Comentarios)

29 nov 2007


Pintadas (e 9).
Pan por Pan venres 30 novembro. Na imaxe, Charlie Chaplin.
Rematarei hoxe con esta serie das pintadas, aínda que teño material non para nove columniñas, senón para un cento delas. Algunhas pintadas valerían para as clases de literatura, por exemplo, para identificar os recursos retóricos presentes nestas: “La moda me incomoda”; “Galiza: máis que nunca. España, nunca máis”; ou “Gane quien gane, pierde la gente. No votes”.
En Santiago vin no Ensanche unha moi desvergonzada, “Carrillo, eres tan tontín!”, e outra moi filosófica, “Pensar non doe”, na Facultade de Psicoloxía.
E remato con outra que me facilita un amigo ourensán: pintárona na madrugada do 22 de novembro de 1975, ó comezo do Paseo, entre Hermanos Barros e Tobaris, cando a morte de Franco e dicía “Viva el Rey”. Pero mans anónimas engadiron por baixo dela: “En el exilio, coño!”: non sabemos se este artista era un franquista ou un opositor de esquerda.
(P.S.: de novo grazas a todos/as os que mandaron as súas achegas a esta escolma de pintadas que durante os últimos dez días foi aparecendo neste blog. O tema é infinito e haberá ocasión de volver sobre el, cando pareza pertinente).
Lembrando a Xulián Bolseiro

E, por fin, déronlle a razón ó noso trobador medieval:

Aquestas noites tan longas
que Deus fez en grave día
por mí, por que as non dormio
e por que as non fazía
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

Porque as fez Deus tan grandes
non posso eu dormir, coitada,
e, de como son sobejas,
quisera eu outra vegada
no tempo que meu amigo
soía falar comigo.

Porque as Deus fez tan grandes
sen mesura desiguaes
e as eu dormir non posso,
porque as non fez ataes
no tempo que meu amigo
soía falar comigo?

(Xulián Bolseiro)

A ciencia venlle dar a razón ó noso trobador medieval (e a M. Proust, de paso):
Investigadores da Universidade de Bos Aires aseguraron que a memoria garda con más facilidade datos vencellados con algunha carga afectiva.
(Vía Fíos invisibles)

Marías

(Bieito Iglesias en ECG 29 nov.)
(A imaxe real das dúas Marías procede do blog La Dama del Bosque)


Coa invernía quedan soas as Marías baixo a chuvia, sen turistas que lles pasen o brazo polo lombo para retratarse con contento infantil, como se estivesen en Disneylandia agarrados a Mickey Mouse. Témonos preguntado o doutor Fernández Pintos e mais eu (cando a tertulia dos xoves nos leva polo rego das cousas compostelás) de onde lles viría a nomeada.
Das Marías de Israel, que saían nas procesións de Semana Santa? Do conto tradicional As tres Marimondas, que trata de tres mulleres mal aviadas asustadoras dos nenos? Sexa mostra da cidade levítica na que moraron -coa simboloxía relixiosa omnipresente- ou comparanza con antroidos folclóricos, o caso é que as tres Marías (en verdade lémbranse dúas, a terceira faltou xa nos anos corenta) sobreviviron a alcumes e malicias humorísticas. Brillan na memoria citadina como notas de cor (a cor dos seus vestidos ou panos da cabeza e o po de arroz das súas caras) en medio dun Santiago escurecido pola posguerra, sen o café-cantante do primeiro terzo do século e co cinema como única escapatoria da pacatez. Cando as autoridades exiliaban os bailes da mocidade fóra do casco urbano, cando a soa diversión dos rapazolos era meterse cos villeus, elas paseaban maxestosamente polo Toural ou pola Alameda, encarnando un ideal feminino prohibido na época, pois non se conformaban coa división entre esposas decentes afectas ás novenas e perdidas moi perfumadas (as queridas dos señores) ou recluídas nas reservas do Pombal e d´A Rapa da Folla.
Teimaban na exhibición dun romantismo algo demodé, que no entanto supuña unha declaración de fe inquebrantable na beleza da vida coloreada e coqueta. Son a versión local de Gradisca, inesquecible personaxe de Fellini que paseará sempre por Rímini e polos fotogramas de Amarcord. Fermosamente apúñanse ao tenebroso nacionalcatolicismo, ataviadas como sacerdotisas de Madonna Frivolidade, "raíña do flirt e nai da galantería", en palabras de Vicente Risco.

Pintadas (8).
Pan por Pan xoves 29 novembro. Imaxe: Larry Semon.
Vai hoxe a penúltima entrega sobre as pintadas nas rúas: mañá remato con esta xeira, para que ninguén se aburra. As pintadas deben ter algo que ver co instinto dos animais para marcar o territorio: os humanos fano con sprays, eles con urina. Nesa liña están campañas nos muros como “O Bierzo galego” ou outras contra algún xentilicio: vostedes coñecen o slogan “Orensanos fuera de Samil”. Por Auria estivo en tempos aquela de “Dios ha muerto, Niezstche ha muerto. Y yo no me encuentro nada bien”, variante doutra que xa citei. Ácratas eran tamén as de “Sin libertad, el voto es una ilusión. Y con libertad es innencesario” e, pintada nun cimiterio, a de “Muertos, ¡moveos!, la tierra para el que la trabaja”. E un ben cachondo foi o que pintou en Compostela “Sito Miñanco, patriota galego. Liberdade!”.

28 nov 2007

Pilar Rahola en La Vanguardia

Pesimista, desencantada, hipercrítica... Pilar Rahola comeza hoxe unha serie de colaboracións puntuais en La Vanguardia co seu artigo "El perro flaco". Nel creo que ofrece unha boa síntese da historia cultural recente de Cataluña e da situación actual que, na súa opinión, non é nada esplendorosa (seica os galegos non somos os únicos a mortificarnos coa sorte do país):

Desde que tenemos democracia, ¿recordamos alguna gran obra de gobierno, a excepción de la creación de TV3? Y, sobre todo, ¿recordamos alguna aspiración política que fuera más allá del cortoplacismo táctico, o del esencialismo banal? A riesgo de merecer el maldito epíteto de derrotista, en este país que ha hecho del cofoisme una identidad, me atrevo a afirmar que Catalunya está seriamente enferma. Y no sólo por el insostenible crac de las infraestructuras, o la pérdida de competitividad económica, sino por algo mucho más profundo. Veamos la derivada infernal que nos dan las noticias. La misma Catalunya que había llegado a ser exportadora de pedagogía, y que cuenta con pedagogos de la categoría de un Francesc Ferrer i Guàrdia, un Alexandre Galí, una Rosa Sensat, un Joaquim Xirau o un Pere Vergés, es ahora tristemente célebre por encabezar el ranking del fracaso escolar. No sólo hemos perdido el liderazgo del pensamiento pedagógico, sino la ambición política para llevarlo a cabo.
migallas: caderno de formación do BNG en Compostela

Cóntao Mar Lasca na revista de Esquerda Nacionalista (n.7): O caderno de "formación" do BNG ou de como a UPG pensa que o BNG son eles.
É mellor que lean o artigo orixinal, na web de Esquerda Nacionalista.
Pero podo resumirlles algo, iso si:
A emancipación nacional galega atende á "influencia nestas análises dos teóricos marxistas do terceiro mundo, inspiradores teóricos dos movementos de liberación nacional, e de estudiosos do problema nacional en Europa".
"O problema nacional é o principal pólo de decantación do que é progresista e o que é reaccionario".
Fala o caderno do "peso cuantitativo importante na estrutura social co campesiñado...", na Galicia do 2006 (segundo un esquema de hai 40 anos cando menos).
Sublíñase a importancia do papel da UPG para que fose adiante a refundación do BNG en Riazor en 1982. Non se cita nunca a Esquerda Nacionalista.
As únicas persoas físicas do nacionalismo galego nomeadas son Castelao, Moncho Reboiras e Francisco Rodríguez. Ignóranse, en cambio, figuras como Xosé M. Beiras, Camilo Nogueira e moitas outras: todos estes pouco deberon facer na historia do BNG, seica.
Isto é o que se atopa quen entra no Bloque de independente na comarca de Santiago, engade, abraiada, a redactora do artigo, ademais de múltiples faltas de ortografía no caderno. O artista desta "fazaña" é coñecido de vello en terras ourensás-carballiñesas e hai algunhas outras "aventuras" moi gordas da súa autoría, que quedan para outra ocasión...

Pintadas (7).
Entrada 1300. Pan por Pan 28 nov. Imaxe: Buster Keaton.

Na pintada política os que mandan levan todos os paos, como é lóxico. Por iso hai tantas contra os Estados Unidos, velaí algunhas: “Europa es de los EE.UU.ropeos”, “España, hay quien te quiere y quien te U.S.A.” ou “Non á guerra. Destruír EEU e Israel”, Xa en plena democracia alguén pintou en maiúsculas: “¡Franco vive!”. E outro alguén puxo debaixo, con rotulador: “Pues se estará dando con la tapa”. Tamén era simpática aquela de “No se os puede dejar solos. Franco”. E lembran a campaña do Estatuto de Galicia, 1980? O lema oficial (quen foi o xenio?) era “Vota aínda que chova”. Despois das eleccións, cunha abafante abstención, pouco tardou algún gracioso en engadir: “Que, seica non choveu?”, aquí en Ourense. Fraga usou nunha campaña o lema “Es la hora de Fraga”. Pois en Compostela, na rúa do Villar, alguén puxo: “Vota en Canarias, é unha hora menos".

27 nov 2007


Migallas

O modelo sueco do Estado de benestar


Nestes momentos temos un problema: a utilización indebida dos subsidios. Fíxese que en tres países europeos que alardean de ofrecer unha excelente cobertura sanitaria aos seus cidadáns, Holanda, Noruega e Suecia, danse os índices máis elevados de baixas por enfermidade. A xente está sa, pero pide a baixa médica. Hai unha picaresca tremenda. En Suecia, a xente falta ao traballo unha media de 22 días ao ano, cando en Xapón a media é só de tres. Ambos casos son extremos. Pero non é só a baixa por enfermidade. No meu país, os pais poden faltar ao traballo cando os fillos están enfermos. O cal está moi ben. Pero na práctica, a xente queda en casa aínda que o neno se recupere completamente. Toda esta picaresca está destruíndo o Estado de benestar. A xente xubílase moi pronto en moitos países europeos, vanse a casa con 55 anos, ou menos; outros acóllense ao paro aínda que poidan obter un traballo. E a xente o ve tan normal. Fixemos unha enquisa non hai moito para saber se aos cidadáns parecíalles ben coller a baixa por enfermidade sen estar enfermos, e o 60% dos enquisados dixo que si.

(...) Por que cre vostede que ocorre? Ten algo que ver nisto a inmigración?
R. Non ten nada que ver, en absoluto. O que ocorre é que os subsidios son moi altos en relación cos salarios. En moitos casos, a diferenza entre cobrar o desemprego e cobrar o soldo é só do 10%. Ás veces, non hai diferenza algunha. P. Entón, que se pode facer?
R. Hai solucións. Unha é reducir os subsidios; outra, aumentar os controis. Pero iso é bastante difícil, porque a maioría dos enfermos teñen síntomas que ningún médico pode comprobar. O 60% das baixas son por dores de costas e por depresión. Unha solución que están utilizando británicos e estadounidenses é pagar subsidios ao que traballa, é dicir, incentivar ao que traballa.


Fados (escoitado na radio)

Entrevista a Mísia en Radio 3. Bota pestes contra o "purista" Carlos do Carmo. Acúsao de vetala de xeito explícito na película sobre os fados de Carlos Saura. E de dar unha imaxe falsa e depauperada de Amalia Rodrigues (Do Carmo é director artístico do filme). Que opinan os nosos expertos no xénero?
Al Gore, a ZEPA e as nucleares
(Afonso Vázquez-Monxardín, en La Región, 27 nov.)

Este vai noutro poleiro por separado, porque supuxen que sería polémico e para non mesturar os debates.

en poleiro alleo: o tren, as pobrezas e saudades do pra

Viaxando en tren por Galicia: "Subidos en foguetes" (Xosé M. Sarille, ECG, 27 nov.)

"Un til para para" (Afonso Monxardín, GH, 27 nov.): curiosidades das normativas

"Pobreza en Europa" (Fernán Vello, GH 27 nov.): da pobreza en Galicia e das diferentes pobrezas, en Europa e no mundo
Vai tamén O Carrabouxo de hoxe, en clave política evidente.

Pintadas (6).
Pan por Pan martes 27 novembro. Harpo Marx, imaxe.

A provocación dende os muros dunha parede é un feito tan antigo como universal. O milagre de Internet permítenos acceder a mensaxes nacidas en lugares ben diferentes. En Italia, por exemplo (grazas, Arume), aquilo de “Estracomunitari, salvateci degli italiani” que significa “Inmigrantes: salvádenos dos italianos”. Ou esta catalana, que non é preciso traducir: “El que no folla per cap d´any, no folla en tot l´any”. Dende Uruguay chégame unha boa escolma. Velaí: “La esperanza es lo último que se perdió”; “Algunos nacen con suerte, otros en Uruguay”; “Todos prometen, nadie cumple, vote a nadie”. Que me perdoen os psicólogos por esta: “Los idealistas hacen castillos en el aire, los locos los habitan y los psicólogos cobran el alquiler”. Ou esta outra, que dá que pensar: “Los niños y los locos son los únicos que dicen la verdad: a los locos los encierran, a los niños los educan”.

26 nov 2007

Fernán Gómez. A cultura anarquista

Fernando Fernán Gómez, inesquecíbel, de Miguel Anxo Fernán-Vello

No seu artigo de hoxe Fernán-Vello lembra o compromiso co anarquismo de Fernando Fernán Gómez, aportando algún dato novo ou pouco coñecido (a súa presenza en Montjuïc en 1977). Se queren e lles parece pertinente, xa que noutro fío hai unha análise moi crítica do papel político e estratéxico do anarquismo na guerra civil, poden opinar aquí sobre o significado do anarquismo como cultura na España do século XX. Que quedou de todo aquilo?


Valcárcel: ’A cidade non pasa polo mellor momento
de pensamento e debate intelectual’
O director da sección literaria do Liceo cre que hai que fomentar internet e achegarse ós estudantes
Entrevista completa en La Región 26 novembro

Artigo sobre a Sección de Literatura do Liceo (tamén hoxe en La Región)
(Foto de La Región: de dereita a esquerda, Loli Conde, Teresa Devesa, M.V., Sexismundo Bobillo, Afonso Monxardín e César Ansias, ademais dun fotógrafo)

Actualización (28 novembro)
Creo que o acto estivo francamente ben. A xente marchou contenta. Dende enriba do escenario contei unhas cen persoas, de públicos moi variados, moitos amigos/as que aquí non podo citar. Pedrayo presentou o acto e resumiu a filosofía das Seccións do Liceo: a plena liberdade coa que actúan/actuamos, como eu tamén ratifiquei. A miña intervención sobre Literatura Popular quixo ser, sobre todo na súa segunda parte, amena e divertida: velaí as coplas sobre o amor e os acenos eróticos habituais nas mesmas; algunhas quizais demasiado ousadas para unha parte do público, pero creo que ninguén se asustou. Moi pola contra moitas señoras presentes no salón lembraron cantigas da súa infancia e das súas raíces rurais (en Ourense, non hai que mirar moi atrás para encontrar a aldea). Magnífica tamén a actuación das nosas recitadoras, Teresa Devesa e Loli Conde, como é habitual nelas, e os tres músicos (gaita, pandeireta e voz, acordeón) que Teresa nos trouxo de Allariz (cando encontre os nomes, póñoos aquí). A eles tamén lles choveron as felicitacións e haberá que contar con eles para outras ocasións. Rematamos cun viño e uns pinchos na sala de tertulias. (Foto Trebolle)

25 nov 2007


As fontes do imaxinario na literatura galega (de Xosé Miranda, no Galeusca 2007)

Dado que falamos nestes días da obra de Xosé Miranda, traio aquí este seu texto no Galeusca, moi interesante. Transcribo o remate (está completo en Comentarios). A imaxe é de Watherhouse, Serea, 1901.

A Moura é unha deusa cobra e como as cobras pasa o inverno soterrada, e como as cobras é inmortal e como as cobras é ambivalente, fecundadora e devoradora. É unha deusa agraria que procede dun pobo europeo que existiu en Galicia. Europeo, non indoeuropeo. Pois xeneticamente non somos indoeuropeos. A ese pobo superpuxéronse en cultura e lingua, máis que en poboación, outros pobos indoeuropeos (celtas, latinos, xermanos) que trouxeron outras mitoloxías, mais a Deusa sobreviviu ata agora mesmo: soterrada. Existe, pois, unha mitoloxía galega non menor que a irlandesa, a británica, a bretona, a vasca, a lituana, a finlandesa, a alemana ou a latina. Saber descifrala vai ser tarefa longa. De momento sinalemos a existencia dos mouros e mouras, dos tesouros, trasnos, tardos, demos rumudos, diaños bulreiros, perellos, sumicios, de agoiros e avisos de morte, das Tres Marías, Da Raíña Loba, de libros e remedios máxicos, de vigas de ouro e de alcatrán, de encantos, lamias, xacias, sereas, cabras con pernas de muller e mulleres con pés de cabra, de mecos, rabenos e homes salvaxes, dun mundo subterráneo distinto a este, de peeiros e peeiras dos lobos, de cabalos pantasma, estadeas, paxaros da morte, cadelas peregrinas, raposas do Morrazo, estantigas, procesións de bruxas, pozos peago, mares subterráneos, cidades asolagadas, cobras voadoras que devecen polo leite, herbas cabreiras, ovos druídicos, pedras do raio e da serpe, maruxainas, homes do saco, mariamantas, meigas de dentes verdes, homes peixe, papóns, sacaúntos, zarroncos, biosbardos, cozorellos e moitos máis.
Remato: é ben clara a relación da mitoloxía popular e os diversos xéneros da literatura oral cos diversos tipos de literatura escrita. Así, a literatura chamada realista está preto dos chamados por Aarne “chistes e anécdotas” e “contos románticos e novelescos”; a literatura do marabilloso (que algúns chaman erroneamente fantástica e os anglosaxóns fantasía), como a de Dunsany, Tolkien ou Ursula LeGuin, procede dos contos marabillosos e dos mitos; a fantástica (Fole, no noso caso), está máis próxima á arqueolenda; os románticos á neolenda con castelos, mortos e pantasmas; e a “literatura do extraño”, poño, por caso Poe e Dieste, a verdadeira literatura de terror que é próxima ao fantástico pero ás veces non o é, asimílase á lenda urbana. E Cunqueiro? En Cunqueiro está todo o conto, o mito e a arqueo e neo lenda. O que non está en Cunqueiro é a lenda urbana, porque lle desagrada. Cunqueiro está moi lonxe de Poe e de Dieste, de Cortázar e Ambrose Bierce, e próximo a Borges e a Dunsany.
Aínda que é fama dos galegos sermos tráxicos e estarmos sempre a carón da morte, termos meigas e pantasmas, falar cos mortos igual ca cos vivos e todo iso, direi sen embargo que como calquera lector de Cunqueiro sabe, a cosmovisión galega está chea de humor, e a nosa mitoloxía e a nosa literatura oral tamén. Un exemplo: o nome do caracol.





CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
tvg (1985), Gramática Galega (1986)
(Imaxes: o poemario de Luís González Tosar; un cartel do Antroido en Compostela e unha portada de Luzes de Galiza, con foto de Xosé Abad)
No campo do ensaio e a investigación, 1986 foi un ano excepcional. Galaxia publicaba a primeira Gramática Galega, escrita con rigor científico e elaborada por lingüistas do ILG, e Ir Indo publicaba en tres tomos o seu Diccionario, con 90.000 entradas. Aparecían libros como Capitalismo e desemprego en Galicia, de Xavier Vence; Gallaescia escandinavica, de Vicente Almazán; O final da historia, de X.C. Bermejo Barrera; Historias de Compostela, de Filgueira Valverde; Autobiografía dun labrego. Estudio novelado de antropoloxía, de Xosé R. Mariño Ferro, e Conversas en Compostela con Carballo Calero, de Miguel A. Fernán-Vello e Francisco Pillado Mayor. Da mesma andaina son o álbum Dibuxos de humor, de Xaquín Marín e Siro López; Os petos de ánimas en Ourense, de Begoña Bas; A intervención de Gondomar nos problemas internacionais de pesca, de Lois Tobío; e o terceiro número de festa da palabra silenciada, dedicado todo el a Francisca Herrera Garrido.En Sotelo Blanco aparecía a Literatura Galega Medieval, de Xosé R. Pena, e en Ediciós do Castro obras como Testimonio de la guerra civil, de Isabel Ríos, ou La Institución Libre de Enseñanza en Galicia, de Serafín Porto Ucha.
Celebrábase o aniversario do nacemento de Castelao, de Cuevillas e de Salvador de Madariaga e houbo homenaxes para todos. Pero na bibliografía gañaba Castelao. Velaí: Vida e paixón de Castelao, de Xosé Núñez Búa; Castelao: caricatura e autocaricatura, de Clodio González; o ensaio de Daniel Cortezón, Castelao ou a paixón de Galicia, e o estudo La persecución de Castelao durante el franquismo, de Carlos Fernández, ademais dun número monográfico da revista científica de Barcelona Anthropos (n.65) sobre o rianxeiro. Pola súa banda, a revista de Oviedo Los Cuadernos del Norte ocupábase con detalle de Álvaro Cunqueiro e Cela cumpría 70 anos. A editorial española Tusquets recuperaba parte do xornalismo de Cunqueiro en tomos como Viajes imaginarios y reales, unha delicia das prosas do mindoniense, preparada por César Antonio Molina.
O Centro Dramático Galego, dirixido entón por Ernesto Chao, andaba coas montaxes O enfermo imaxinario, de Moliére, dirixida por Eduardo Alonso e traducida por Manuel Guede; e A noite vai como un río, de Cunqueiro, dirixida por Xulio Lago. Celebrábase unha mostra teatral en Cariño e a II Mostra Internacional do Teatro Galego en Ribadavia, con compañías foráneas e as galegas Artello, Luís Seoane e Moucho Clerc.

No capítulo poético, son desas datas libros como Códice Calixtino, un dos poemarios centrais de Luz Pozo Garza; ou A caneiro cheo, primeiro volume dos versos de Luís González Tosar, que merecera o V premio Esquío e o Losada Diéguez. Desa andaina son ademais Sede e luz, de Miguel González Garcés; Pensar na tempestade, de Ramiro Fonte; Antigo futuro, de Xoán Manuel Casado; e Denuncia do equilibrio, de Xela Arias, finalista do Losada Diéguez. No ano dedicado a Aquilino Iglesia Alvariño, Xerais sacaba a súa Poesía Completa, preparada por Xesús Alonso Montero. O Esquío dese ano era para Xosé María Álvarez Cáccamo e Pilar Pallarés, cos libros Luminoso lugar de abatimento e Caravanserai. Aparecía unha nova antoloxía de poesía galega, Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega (Sotelo Blanco), preparada por Luciano Rodríguez, e falecía o poeta de Dodro, Eusebio Lorenzo Baleirón, ós 24 anos, con dous volumes publicados.
No terreo musical hai que subliñar Galicia no País das Marabillas, de Milladoiro, gravado en Irlanda; o primeiro disco de A Quenlla, Os tempos non, inda non son chegados; Folla de marzo, disco de Uxía Senlle; Perfiles, de Doa; e o nacemento de Luar na Lubre, con Bieito Romero e Rosa Cedrón. Milladoiro gañaba un Goya coa banda sonora de La mitad del cielo, de Gutiérrez Aragón.O Premio Trasalba era para Valentín Paz Andrade e nos Premios da Crítica os homenaxeados eran o poeta Manuel Vilanova (A lenda das árbores de prata); o teólogo Andrés Torres Queiruga; o catedrático Ramón Lorenzo no apartado de investigación; o Grupo Universitario de Cámara; a iniciativa cultural Cantareliña e a Compañía de Teatro Luís Seoane, que representaba entón A larva furiosa e Fuerzas Eléctricas. No parador de Gondomar celebrábase o III Galeusca cando Avilés de Taramancos presidía a AELG. Presentaban relatorios, entre outros, Xavier Seoane, Xavier Alcalá, Xosé María Dobarro e Carlos Paulo Martínez Pereiro.

Pintadas (5).
Pan por Pan domingo 25 novembro

Dinme os amigos que en chegando á cidade das Burgas, nalgures quedou esta pintada: “Ourense, Acrópolis de Galicia”. Será polo tópico da Atenas, supoño: en fin, menos mal que non puxeron Necrópolis. O maio do 68 foi o paraíso dos graffitis e as pintadas: nun libro de Cortázar hai moitas imaxes daquela xeira mítica. Velaí algunhas do Maio que quedaron en Internet: “O aburrimento é contrarevolucionario”; “O patrón necesítate. Ti non precisas ó patrón”; “Son marxista, tendencia Groucho”; “Están mercando a túa felicidade. Roúbaa”; “Non poñas parches, a estrutura está podre”. Algunhas das que citamos nestes días, sobre todo de acenos ácratas, collerían nesta última categoría. Tamén esta, que estivo en Oira procede daquel Maio: “La barricada corta el tráfico, pero abre el camino”. Ou esta, tan provocadora: “Mentres os medios mintan, as paredes seguirán falando”.
APOSTA CLARA, O RESULTADO HASE VER, de Afonso Monxardín
La Región 24 novembro

Todo ou case todo no mundo da política ten a súa lóxica, aínda que algunhas cousas nos resulten de principio estrañas. Falo, por exemplo, da visibilidade dominante da “Tenencia da alcaldía” sobre o propio concello nas actuacións nas que toca. Por exemplo na carreira do San Martiño ou, máis incriblemente, nos logos do Festival de Cine de Ourense, onde como organizadores aparecen a Tenencia e a Deputación… e como colaboradores, o cluster Pérez Rumbao, algún resturante, algunha peluquería e… o Concello de Ourense.
Marcando paquete. Así. Chulamente. Somos nós. Temos o noso espazo. Non somos aliados de ninguén. Serano eles de nós e nós non usamos os símbolos administrativos comúns porque non queremos que haxa unha imaxe compartida do goberno. Está claro que a aposta do BNG é hoxe clarísima a favor de que a partipación en coalicións debe ser radicalmente visible e non se pode subsimir na acción dun goberno unitario que, cren, sempre beneficiaría á cabeza, presidente ou o alcalde. E algo de razón parecen ter a teor do que lles aconteceu en Lugo e Santiago, pero, en ningún dos dous sitios tiñan un lider da talla e proxección de Alex. De aí vén esta negación da maior, a de non querer aparecer como parte dun todo (Xunta de Galicia ou Concello de Ourense), pois ese todo que se quere proxectar xa o formaría soa a parte nacionalista, acollida ao abeiro do “superior xerárquico”, sexa Vicepresidencia ou Tenencia. O seu éxito mediático apoiado nunha eficaz estratexia de manual –enxurrada de noticias e proposta contínuas, marcando diferenzas co “socio” (desde o cambio de hora, ás galescolas, ás inauguracións separadas, etc.)- sitúano no centro da información política de forma continua. Esta megavisibilidade diferencial está tolerada, que remedio, por un PSOE que parece pensar que mellor é ir con calma. E habemos de ver como esta hiperpresenza se traduce electoralmente: se o cidadán valora en positivo o dereito a marcar a diferenza de orixe na xestión, ou se a xulga como falta de lealdade para co socio e a institución. Parece que se non percibe imaxe de unidade de goberno é porque non a existe. Hai, lóxico, coordinación de forzas, case diría de gobernos, pero nin Quintana abandonará o biombo vicepresidencia nin Alex o seu fermoso logo. Ademais, nin Touriño nin Paco están en disposición de lles ordenar recoller biombo ou acollerse baixo o “logo común”. Esta é unha das formas posibles, non a única, creo, da cultura das coalicións. De aquí, pois, a que acaben as lexislaturas autonómicas e municipais habemos ver sempre este Jano brifronte. Non fondo, afían na pedra do PP caído as armas para batérense entre eles, a ver quen queda por riba de quen. A aposta e ritmos son claros. O resultado, hase ver.

24 nov 2007

Seis anos da Sección de Literatura
Entrevista a Marcos Valcárcel, director da sección de literatura do Liceo de Ourense, en La Voz de Galicia- edición Ourense. Realizada por Xosé Manoel Rodríguez. Foto Miguel Villar.
«Ourense é moi desagradecida cos seus mellores persoeiros»
O colectivo celebra o seu sexto aniversario con máis proxectos e coa intención de implicar ós máis novos.


Unha agradable tarde en Lugo
(Imaxes: parella tomando café, no Café Central, fundado en 1903; e o deus Mitra solar matando o touro, Bristh Museum)

Atendendo á petición do amigo Xosé Manuel González, a quen tiven a agradable fortuna de darlle onte unha aperta, despois de tantos anos (30 anos?), van aquí unhas notas sobre a miña visita do venres a Lugo. A ocasión tamén serviu para coñecer a Xaime da Pena, habitual desta casa e bon amigo dende xa, ó que recorreremos algunha vez se nos denuncia algún lugués, dado que é avogado con despacho no centro da cidade, fronte á Deputación.
O motivo, xa saben, era presentar As mans do medo, de Xosé Miranda. Recolleume Manolo Bragado na miña casa e aló chegamos á hora prevista. Esperábanos Jaureguizar para sacar algunhas breves declaracións sobre a novela que, supoño, sairían hoxe en El Progreso. O acto foi no centro cultural Uxío Novoneyra e había bastante xente. Entre eles, os dous amigos xa ditados, dúas compañeiras do Instituto de Pepe Miranda –coas que hai unha semana, e cos seus alumnos de Bacharelato, percorremos o Roteiro de A Esmorga en Auria, e tamén, entre os que recoñecín, Antonio Reigosa e Xoán Cuba.
Introduciu o acto Manolo Bragado, falando do éxito do libro e da solidez como autor de X.Miranda, e seguín eu cunhas notas aproximativas ós relatos, que vou colgar nos comentarios: por favor, enténdanse como meros apuntamentos dunha intervención, que deberían ser retocados e mellorados antes de publicarse. Creo que mesmo na miña intervención oral soaron con máis coherencia do que quedou no papel, espero.
E despois, Xosé Miranda. Quen, tras os agradecementos, deunos unha lección da súa sabedoría de sempre. Falou da Literatura do Estraño, na que enmarcou o seu libro; das diferenzas entre o Horror e o Terror; da función terapéutica do Medo, e, entre outras cousas, do pouso de Kafka e a literatura fantástica nos relatos (pouso evidente, sobre todo nos “Calafríos” que eu esquecín citar, como verán).
O mellor veu despois, claro está. Pepe Miranda levounos a un grupo de xente, quince ou dezaseis persoas, de paseo polo casco vello da cidade e o barrio da Tenería, antigo barrio da prostitución hoxe en reformas e restauración das súas casas máis nobres. Ademais de tomar un par de cañas e falar de todo o humano e o divino (tamén de Cacharro, das trasnadas do psoe lugués e da política cultural da Xunta e non para ben, por certo), rememoramos o Lugo de Ánxel Fole e Manuel María e ata nos achegamos á Muralla onde están de reformas nun dos seus cubos onde seica apareceu unha especie de espazo para os gardas da muralla, coas súas cloacas e, alí perto (se entendín ben), por baixo, os restos dun templo dedicado ó deus Mitra, o único na Península. Moi perto vimos a liorta do novo Auditorio que está a facer a Universidade, case pegado á muralla e tapando unha das vistas centrais da catedral: unha desgraza como a da Praza de San Martiño de Ourense, pero de maior dimensión. Xosé Manuel ensinounos o escenario dalgunhas das súas “Entre hortas e portas” e explicounos tamén a historia do San Froilán, que loce na fachada da catedral.
Ah! Non se esquezan de visitar o novo blog de Pepe Miranda: avelladamanta (os tres ponentes na presentación eramos blogueiros). E, á marxe da historia de Lugo, tamén onte, na mesma Auria, tiven a sorte de coñecer en persoa a Bouzafría, con quen xa intercomunicamos varios correos de amizade (temos relembranzas comúns da infancia no Ervedelo de Ourense), pero a quen non coñecía aínda. Andaba por Auria a resolver temas legais e vaia dende aquí tamén un cordial saúdo para este blogueiro de pro e amigo desta casa.



Pintadas (4).
Pan por Pan sábado 24 novembro

Os amigos seguen a mandarme auténticas xoias nisto das pintadas ourensás e doutras cidades galegas. Non son cousa de agora, aínda que antes non había tantas comodidades nin sprays, había que usar a brocha gorda. En Celanova aínda queda indemne na parede do mosteiro o anuncio do “Adiante”, o voceiro das Mocidades Galeguistas, e en Auria non hai moitos anos quedaban restos dun “Abajo el clero”, seguro que de preguerra, na rúa Bispo Carrascosa, á beira do Museo Arqueolóxico. Moito máis recentes son estas xa da época democrática: o “Galicia, colonia o champú?” coa que os ácratas fustrigaban ós nacionalistas da UPG; “Algún día España amanecerá republicana” (nas Lagoas, no paso da ponte do tren); “Escoita, o foder tamén é loita” (Monforte) ou estoutra que moito lle gusta ó Monxardín: “Vótame a min, a ti que máis che dá e a min arréglasme a vida”.

(A foto prestada de EP3 da sección Talentos -"No hay noche tan larga que no acabe en día")
viños galegos
Apoiamos esta campaña en favor da etiquetaxe en galego dos nosos viños, impulsada pola Asociación de Funcionaria pola Normalización Lingüística. Xa nos chegou antes a mensaxe (grazas, Pepe), pero non logramos colgala no blog ata que nos chegou por esta vía, en imaxe do boletín dixital da Fundación Carlos Casares.

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
20. Contamos contigo.
Imaxe da web de RTVE

Seica foi Solís Ruiz quen lle pediu a Samaranch formar «una España de hombres fuertes, capaces y optimistas». O catalán tomaba daquela -1967- posesión dun cargo político de gran relevancia, e respondeu o chamamento falanxista con imaxe moderna e slogan do máis incitante que coñezo. Contaban connosco, ¿habiamos dicir que non?

Por aqueles anos desenvolvérase moito o deporte como espectáculo; tamén se diversificou a práctica. No Clube Fluvial tiñan lugar e fomento certas actividades en principio minoritarias: nunca de tal debeu pasar o tenis, por moito que Manuel Santana gañase en Wimbledon e Jesús Sánchez Traseira brillase localmente co seu potente saque; pola contra, o piragüísmo si que atraeu ben rapaces e era mérito baixar ao río, padexar forte, competir, aínda sabendo que nin sequera unha medalla olímpica che garantía, para nada, o futuro. Chilares, Pedro Cuesta, despois Misioné... render coma profesionais, recibir coma afeccionados.

Que afección había abonda; de feito, algún lugués competía en varias disciplinas diferentes. O do baloncesto viña de atrás, José Antonio Santiso -primeiro exercitante, agora adestrador- era unha das figuras sobranceiras; do Santo Tomás pasárase ao RTR, ao primeiro Breogán e alí se vían, por exemplo, Miguel Bourio, Manolo Díaz e Mario Carballo. Se non me engano, este andaba ademais no balonmán, espectáculo de notable popularidade entre xente barrial por máis viril có basket, algo “de señoritas” para o gusto deles. Iso de que calquera rozamento xa fose falta semellaba unha mixiricada, o balonmán territorio familiar -había portarías, marcábanse goles-, e así mesmo unha especie de guerra con danos controlados: bastante mancadura, pero asumible número de feridos; alguén dicía que iso podía ser todo o deporte, onde por outra banda case nunca había morto ningún.

Tamén xogaba ao balonmán Fernando Tallón (“Tira, cañón!”), que era plusmarquista estatal en lanzamento de xavalina e no campo largaba uns trallazos que, ao dar no marco, parecían mover todo; seica arestora vive en Ourense. Curiosamente, no atletismo lugués destacaban sobre todo os lanzadores: en peso, estaban Nonín Torrón e aquel baloncestista -pivote- Manolo Díaz; en martelo, José Luis Martínez, outro campión estatal. Había quen aproveitaba para conferirnos fama de brutos, e iso que tiñamos corredores (por caso, Palelas), se ben probablemente non tan brillantes coma certa saga prestixiosa de galegos, os Suárez Canal.

Estes deportes con moito participante eran apoiados pola OJE, a organización xuvenil do Movimiento; San Fernando OJE, por exemplo, era o clube de Atletismo. Outros, pola contra, tiñan presenza máis esporádica: ciclismo é mostra, poucas carreiras no ano (na Milagrosa, escolares, máis tarde o San Froilán...) e nivel que nunca sobordou: Latorre, Vilariño, Carreira... O boxeo tamén, ou outras loitas.

Os espectáculos de pugna e cuadrilátero chamábanse, coma agora, veladas. Non me pregunten por que tal cousa debe ser pola noite, virá do horario laboral; en todo caso, tiñan asistencia masiva e de comportamento máis ben acendido. A non ser a chamada loita libre, tomada máis ben -é impresión remanente- en plano festivo; desde logo, se aquelas cacho pisadas no lombo do caído -ou pasarlle por riba á carreira- non tiñan algo de comedia, aquilatar a diferenza entre a velada e a batalla igual era discusión máis sobre medios ca de procedementos. Eu sei que boxeo e loita, discutibles ou non como exercicio, poden ter un compoñente artístico, nomes hai para aducir ao respecto. En Lugo, a ollo de rapaz e nos sesenta, revestían a miúdo perfil pintoresco xa desde os carteis anunciadores: “Galarza, rudo navarro”; Fulano, “gran fajador”.

E claro, o fútbol. Clubes modestos con vocación e entusiasmo. A Ferroviaria debía ser, penso, Agrupación Deportiva; o cartel da súa sede víase contra Burozos, para alá da ponte sobre a vía. A Comercial, “Sociedad Gimnástica”, vestía de branco e xogaba, seica, o mellor fútbol; non adoitaban gañar a competición. “Sociedad Deportiva” era a Milagrosa, o máis puxante, sempre considerándose barrio primado e polo alternativo ao centro da cidade; non sería casualidade que vestisen coma o Lugo, raias branquivermellas. Last but not least -descúlpeseme-, o San Roque, Sociedade Cultural e Deportiva, que merecerá cadro aparte.

Xogaban por afección, pero adestraban, despois do traballo e supoño que de día en día. Como os campos -nin o “Ángel Carro”, xaora, nin o Polvorín- non estarían dispoñibles, utilizaban un baixo na rúa de Ramón Montenegro; sobre o cemento recibían a táctica e ensaiaban o tiro, contra parede. Dirixíaos un tal Pedro, “Pedrolo”, con sona de teimudo e sabedor. Un día deixáranos escoitar e ver a varios rapaces de fóra, e era espectáculo cando se puxo na “portaría” e mandou bombardealo, á gargallada en tanto balóns cada vez máis potentes batían en diferentes partes de si. (“Está tolo”). Dun receptáculo lateral saía un rapaz, encoiro, mollado e con toalla no van; espectáculo insólito antes do 1970. Despois, Pedro mandaba e todos obedecían.O Javier, que vivía canda min, quería xogar adiante pero Pedro poñíao sempre de lateral; ata que se lesionou o porteiro e o Javier acabou gardando a meta, igual que facía no balonmán.
Arestora, como saben, os nenos competidores igual adestran a cotío, soportan presión dalgúns preparadores, reproducen modos variopintos do ámbito profesional, séguenos os pais a toda parte; determinados aspectos constitúen mellora, todo non. Canto ás rapazas, daquela xogaban a algo, pouco, e chamando escasamente a atención. Saias plisadas, o nome da Compañía de María, as Xosefinas, e unha camiseta seica vermella do Fogar de Santa María, enchen case toda a lembranza. É tan elocuente coma o propio silencio

23 nov 2007


Chavez. Camilo Nogueira. A masonería
(Tres posibles temas para debate. E, dado que domina o tema Camilo Nogueira, ilustro co cartel que usou o PSG-EG na campaña das autonómicas de 1986)

"Loxa "Obradoiro" " (Méndez Ferrín en FARO DE VIGO, 23 nov.).

Chavismo

Entrevita a Camilo Nogueira

Ferrín lembra e defende a masonería de Curros Enríquez e de tantos escritores e líderes republicanos galegos (da Primeira e da Segunda Repúblicas).
Camilo Nogueira deixa como sempre interesantes reflexións nunha entrevista nas páxinas galegas de El País.
E Apicultor envía un interesante artigo sobre Chávez e as forzas armadas do seu país (da web do Real Instituto Elcano).

Pintadas (3).

Pan por Pan venres 23 novembro (Imaxe: Paul Lafargue, autor de O dereito á preguiza, casado cunha filla de Carlos Marx)

Sigamos coas pintadas, tema apaixonado e con moitos seguidores, polo que vexo. O primeiro que aprendín sobre os anarquistas, contado por un crego profesor de relixión, foi que eran moi malos porque escribiran un libro facendo unha gabanza da preguiza. Por aí iría, supoño, o artista que pintou en Compostela no Día dos Traballadores: “1º de maio, traballa ti que a min dame a risa”. Nesa cidade, en tempos tan politizada, houbo centos de pintadas de todas as cores. E tamén contrapintadas. Na praza da Quintana debía levar alí décadas un ostentoso “¡Arriba España!”. Algún simpático engadiu debaixo “O que a tirou, que a levante”, asinando coa simboloxía anarquista (un A dentro dun círculo). Simpática tamén a pancarta nunha manifestación ourensá de adhesión a Franco. Dicía así: “Franco, tus ideales son los de Toén”. Os mal pensados pensaron no psiquiátrico.

22 nov 2007

Axenda (propia) inmediata

Venres 23 novembro. Presentación en Lugo de “As mans do medo”, co autor, Xosé Miranda, e M. Bragado.
Luns 26. Seis anos da Sección de Literatura do Liceo: conferencia sobre literatura popular galega.
Sábado 1 decembro. Encontro vellos militantes da AN-PG en Allariz (xantar).
Martes 4 decembro. Actos Pen Clube dedicados a Blanco Amor en Ourense.
Luns 10 decembro. Encontro Prensa e Nacionalismo no Consello da Cultura Galega. Conferencia sobre ese mesmo tema, no centenario de ANT.
Xoves 13 decembro. Coloquio Carlos Casares en Ourense. Conferencia “Vida e literatura na obra de Carlos Casares”.

Nostalxia.

Entrar para ver un video...

Ferrín e os nosos nomes e apelidos
Seguín con atención a serie de Ferrín no Faro sobre os nomes e apelidos galegos. Falamos aquí dela cando se referiu ó meu propio apelido.
Agora chégame o libro e agardo aprender moito das súas páxinas. Cada entrada está chea de suxestións: os xudeus, O Tío Marcos d´a Portela, os ríos de Galicia, indixenismo ou vasquismo, galegos e/ou portugueses, de francos e franceses, Gallaecia Germánica, do galeguismo de Cervantes, etc.
Un libro, sen retóricas, imprescindible.

Castes (Bieito Iglesias en ECG 22-XI-07)

Seica Madrid vixía de preto aos ultras. Pon o diario que o asasinato dun adolescente a mans dun militar nazista puxo no punto de mira da policía a numerosos bandos e partidos de extrema direita. Polo visto os cabezas rapadas, falanxistas, franquistas saudosos e fans de Hitler, todos a unha, entraron en campaña contra os inmigrantes. Ata hai pouco asañábanse con gais, mendigos e expoñentes da anti-España (aínda que destes apenas atopaban na capital, pois moran en Cataluña, País Vasco ou Galiza). No entanto, as actividades dos seus correlixionarios europeus abríronlles os ollos e agora saben que é máis rendíble emular o racismo de Le Pen e outras herbas. O pasdo día once, un manifestante que acudía a unha convocatoria baixo o lema "Contra el racismo antiespañol, contra la inmigración", matou a un rapaz que non era do seu palitroque. Asombra que existan unhas vinte organizacións ultradereitistas legalizadas, todas convictas de que hai unha raza española. Tal sopa de siglas delata un fracaso educativo imputable aos pais ou á escola. Calquera neno que dispoña dun atlas xeográfico informarase de que a raza branca (europoides) comprende nórdicos, bálticos orientais, alpinos, mediterráneos (inclúense aquí españois, italianos, franceses, marroquinos, libios, alxerinos ou exipcios), dináricos, orientálidas (árabes e xudeus), turánidas (Mar Caspio e por aí), indoafganos, anatólicos (turcos) e ainuidas (Norte do Xapón). Ou sexa que existen leucodermos pola vella, á rangalleira, aínda que o feito de termos a pel máis ou menos branca non ten outra consecuencia que a obriga de andar con tino na praia, ben untados de protector solar. Só a unhos becerriños (tanto se son de raza ibérica, rubia galega ou morena do norte, tipo boi caldelao) se lles pode ocorrer que os españois constituímos un grupo racial. Ata a chamada "raza calé" non é senón mestura de tipos indoafgano e mediterráneo, quer dicirse tan caucasoide coma nós.
Cómpre velarse, ai iso si, da xente de ruín caste.
NOTA: A ilustración procede de Enciclopedia Estudio. Libro Colorado, Madrid, Sucesores de Rivadeneyra, 1962 (4ª ed.), aprobado polo Ministerio de E.N. e co Nihil Obstat co censor e Imprimatur do Bispo de Girona, como se facían entón as cousas. (Forma parte da miña minicolección de libros de texto antigos, mercados aquí e aló, de cando en cando...)
Copia dunha carta (e a súa resposta)
Sr. Director de A PENEIRA

Coñezo o xornal A Peneira dende hai moitos anos, nel escriben algúns amigos meus e mesmo teño escrito sobre o valor desta publicación monolingüe, que aposta pola normalización do noso idioma e da nosa cultura, nalgún dos traballos que teño publicado sobre a historia da prensa galega.
Por iso é que me vexo obrigado a contarlle esta historia que segue.
Onte chego á Casa da Xuventude de Ourense, como fago a cotío, e Benito Losada, o seu director, tenme reservada unha sorpresa. Dime que se puxo moi ledo cando recibiu A PENEIRA e comprobou que no seu suplemento cultural KALAIKIA se lle dedicaban dúas páxinas enteiras, ben ilustradas, ó Outono Fotográfico de Ourense, que el mesmo dirixe. Encontra un artigo, asinado por X.R.FERNÁN e titulado “Vinte e cinco anos despois (1983-2007)” (páxs. 4 e 5 do suplemento) e ponse a lelo. Ó chegar ó segundo parágrafo a cousa sóalle a coñecida, moi coñecida. Segue lendo e comproba que, dende a primeira á ultima liña, sen engadir nada nin sequera introducir ese texto dalgún xeito, o que está a ler procede da transcripción literal do artigo do seu amigo Marcos Valcárcel que figura no catálogo e que el mesmo me pediu, co mesmo título.
Como é lóxico, queda abraiado por este PLAXIO descarado que algúns chaman agora, en plan fino, intertextualidade. Bastaría con introducir ese texto cunhas breves liñas para que a cousa tivera un sentido e, de paso, non roubar a autoría intelectual do meu traballo.
Así as cousas, esixo unha rectificación pública deste exercicio de rapiña intelectual polo propio ben do seu xornal, do prestixio que atesoura ó longo dos anos e da propia respectabilidade dos seus colaboradores e redactores. Quedo á agarda desa rectificación. Pola miña banda, co meu disgusto lóxico, permítome igualmente mandarlle un cordial saúdo,
Marcos Valcárcel, historiador
Ourense 22 novembro 2007

A resposta (correcta)

Estimado Sr. Valcarcel:
Prego acepte as miñas desculpas polo erro cometido por un colaborador deste Xornal plaxiando un texto da súa autoría. Ordenei e comprobei que xa se fixo a correspondente rectificación na nosa WEB: www.apeneira.com; rectificación que se fará extensiva na próxima edición do Suplemento KALAIKIA previsto para o vindeiro mes de decembro.
Unha vez máis solicito a súa comprensión así como agradezo as louvanzas que adica ó noso traballo. Moitas grazas. Reciba un respectuoso saúdo.
Guillermo Rodríguez -Director
Pintadas (2)
Pan por Pan xoves 22 nov.

Foron moitos os colectivos que, no paso do tempo, recorreron ás pintadas para facerse escoitar: nacionalistas (cantas espirais houbo nas rúas da cidade?), comunistas, ácratas, grupos sindicais, etc. Os ácratas usaron case sempre o castelán: “La virginidad produce cáncer. Vacúnate” estivo pintada perto das Carmelitas. Da mesma corda eran aquelas de “Temiño, obispo, nos dejas hecho cisco” ou “Vitorino, ladino, colocame el sobrino”. Algunha anarquista tamén vimos en galego: “Abaixo o Estado”. De fasquía feminista, sen dúbida, era o slogan “O corpo é noso. Non á represión sexual” que, segundo me contan, ata orixinou un sermón de predicación en contra da mensaxe por parte dun crego na misa de Santo Domingo. E unha das máis crueis que se poden imaxinar, sobre todo porque a pintaron na entrada dunha escola de neniños pequenos, pobres criaturas: “Os reis son os papás”.

21 nov 2007

Mas ofrece un proxecto transversal dunha Catalunya que decida por si mesma
(Titular de La Vanguardia)

O líder de CIU propón consulta popular e Govern de concentración se o TC tumba o Estatut

Mas renunciaría a ser presidente nun goberno de concentración
O presidente de CiU non planteará a autodeterminación se supón "fracturar" a sociedade catalana
O PSC acusa a Mas de "copiar" a vía Ibarretxe e de enmendar as teses de Pujol
Duran defende o dereito á autodeterminación pero subliña que non equivale a pedir a independencia

Mas substitúe siognificativamente o termo nacionalista polo de catalanista, mesmo para definirse politicamente el mesmo.

Vanse os nenos republicanos

Esperabamos a nova, pero vainos encher igual de tristura. Hai un tempiño foise o seu amigo Eduardo Haro Tecglen. Agora vaise el: Fernando Fernán Gómez, un dos xenios do noso cine, na direción e na interpretación. Vímolo en moitos grandes papeis, pero para moitos será sempre o mestre de A lingua das bolboretas, de José Luis Cuerda, sobre o texto de M. Rivas.
86 anos ben aproveitados, sen dúbida; un destino cumprido no mundo: axudarnos a soñar.
P.S. : Do lido nos xornais, o artigo que máis me gustou foi o de Antonio Muñoz Molina, en El País, "Querido Fernando".

Patrimonio e riqueza turística

Nun ciclo sobre a Galicia Sur, falou onte no Liceo ourensán Miguel Anxo González García, cóengo da catedral ourensá, sobre a riqueza patrimonial e monumental da provincia ourensá, a segunda en número de monumentos, despois de Palencia, de toda España.
O maior mérito do conferenciante foi ser capaz de dar, en corenta minutos e con diapositivas, unha imaxe xeral pero abondo completa desa riqueza patrimonial da provincia, facendo un percorrido exhaustivo por todo tipo de monumentos e paisaxes patrimoniais, dende a Catedral, o Santo Cristo e a Ponte Romana ata a Ribeira Sacra e os grandes mosteiros, pero pasando tamén por pequenos monumentos, igrexiñas, capeliñas, petos de ánimas, construcións populares, etc.
Subliñou o escaso coñecemento que moitos ourensáns teñen desta riqueza, anotou con sorpresa o abandono mesmo a nivel turístico de lugares como o Santuario das Ermidas (na imaxe) e loubou as políticas positivas de recuperación dese patrimonio: entre outros exemplos, citou expresamente as vilas de Allariz e Vilanova dos Infantes (estas, engado eu, gobernadas por dúas estratexias políticas ben diferentes, BNG e PPG). Denunciou ademais que o Claustro de San Francisco siga pechado e non se posibilite un sistema de visitas turísticas, moi demandadas nese lugar, de xeito que moitos visitantes teñen que marcharse sen poder velo.
A sala do Liceo estaba chea a rebosar e entre os asistentes estaban presentes o concelleiro de Economía e Facenda de Ourense e o delegado de Cultura da Xunta, Xosé Carlos Sierra.
Galego en pedra, 1151
Preséntase hoxe en Ourense.

O documento máis antigo en galego, digamos romanceado, é en pedra.
É unha lápida que apareceu nas excavacións exteriores da Igrexa de Santiago de Allariz e que presenta o Museo Arqueolóxico de Ourense como Peza do Mes hoxe mércores ás 8 da tarde en San Francisco, cunha intervención de Francisco Fariña, director do Museo, que elaborou un texto ad hoc, moi interesante.
Xunto con expresións latinas (Obiit fla.di. –morreu a serva de deus-, famula dei) aparece “María filla de Pedro Geçam” (con dobre ele). Do ano 1151. Non sei se a lectura estará ben. O ç antes da influencia provenzal, en fin, non sei (Información facilitada por Afonso Vázquez-Monxardín).

20 nov 2007


Pintadas (1).

Pan por Pan mércores 21 novembro

Nota previa: como outras veces, reciclo materiais nacidos no blog, hoxe mesmo. Gustáronme tanto algunhas das súas aportacións no fío da Auriense,
arredor das pintadas, que decidín facer unha pequena serie sobre as pintadas da cidade ourensá. Velaí a primeira entrega.

Na rúa de Camiño Caneiro, ó carón do cruce coa Habana, había unha pintada, aló polo 72, que dicía “Orense con Ferrol. Franco asesino”. En solidariedade coa folga obreira de Ferrol, debeu ser das primeiras na cidade, como lembra un lector do meu blog. Tras dela acoden á memoria, nun curioso cachón de relmbranzas, moitas outras. A cidade ourensá ten unha rica tradición de pintadas ácratas, bastante cachondas todas elas. Por exemplo, aquela xoia de “Grelos, sexo e muiñeira” que estivo en tempos nunha residencia feminina de Cardenal Quiroga. Perto do colexio Cardenal Cisneros houbo outra, moi provocadora cando chegaron as primeiras eleccións democráticas, a favor da abstención: “Haz como nosotros. La reina y yo no votamos” e asinaba o Rei. Co mesmo estilo, na rúa Cardenal Quevedo, aquela que rezaba: “Niezsche murió. Firmado: Dios”. E mañá seguiremos.


















Última hora: Manuel Vilariño, premio Nacional de fotografía 2207
A nova en Galicia Hoxe.
Ademais, soubemos de fontes ben informadas que no Premio Nacional de Comic, que gañou o catalán Max (Francesc Capdevila), quedou de finalista o debuxante ourensán David Rubín. Noraboa ós dous.
axenda: presentación do libro A FENDA DIXITAL E AS SÚAS IMPLICACIÓNS EDUCATIVAS e da REVISTA GALEGA DE EDUCACIÓN. Mércores 21 novembro, 19,30 h. na libraría Torga.
Participarán Xesús Rodríguez, Xosé M. Cid e Domingo Docampo.
Organiza Facultade de Ciencias da Educación (Universidade de Vigo) e Nova Escola Galega.
O principio sexto de Goebbels e a legal negación (Afonso Vázquez Monxardín en GH, 20 novembro)

Seguramente coñecen o nome de Joseph Goebbels e o de August Friedrich Kellner non lles di nada. E son dous alemáns para lembrar. O primeiro, sábeno, é un preparadísimo dirixente nazi, sensible coas artes, creador da manipulación política moderna e un abominable monstro que non dubidou en matar os seus seis fillos antes de se suicidar na caída de Berlín. O segundo, Kellner, un modesto inspector de xustiza, socialdemócrata, escribiu durante a segunda guerra mundial un diario titulado A miña oposición desde a consciencia de que a súa loita interna na Alemaña daqueles momentos era imposible. A propósito escribiu: "Non podería combater os nazis hoxe porque teñen o poder de calar a miña voz, por iso, decidín loitar contra eles no futuro. Dareilles ás xeracións vindeiras unha arma contra o rexurdir de tal demo: a miña testemuña dará fe dos actos bárbaros e amosará como paralos". E escribiu un diario de 800 páxinas que paseou medio mundo.
Pero hoxe imos lembrar o sexto dos dez mandamentos da teoría da propaganda elaborados polo sabio e criminal comunicólogo alemán (o principio da orquestración) aquel que en síntese di que unha mentira repetida continuamente pasa por verdade. Precisamente porque é así, nos países avanzados de occidente é delito a negación do holocausto xudeu. Porque o pobo hebreo xa padeceu varias veces na historia a infamia da mentira: desde as acusacións de asasinatos rituais de nenos na España medieval, aos protocolos de Sión, difundidos por verdade, aínda hoxe, nos medios islamitas, a dicir, que non houbo xudeus nas Torres Xemelgas. Contra a mentira criminal, é bo lexislar para impedir sequera a posibilidade de que a unión orquestrada de moitos medios poderosos puidese chegar a relativizar, arrecunchar, ocultar e acabar negando a verdade.
Por iso, a decisión do Constitucional Español amparando na liberdade de expresión o dereito dos neonazis españois de Cedade á negación do holocausto énchenos de tanta vergoña como a Ahmadineyad de satisfacción. Non me estrañaría que quixese subvencionar un próximo congreso de negación neste Madrid, capital dunha ridícula tolerancia. Mentres o bo de August Friedrich Kellner se ha de revolver na súa tumba alemá baixo a ollada triste de millóns de xudeus que chegaron ao ceo, directamente, desde as chemineas do inferno.

19 nov 2007

Seis anos da Sección de Literatura do Liceo
(Imaxe “La Gallega”, iustración de Labarta e Fusté)

O 26 de novembro do ano 2001 púñase en marcha a Sección de Literatura do Liceo. Fixémolo cunha ampla convocatoria a socios/as e amigos do Liceo e cunha conferencia miña titulada “Eduardo Blanco Amor: claves dun universo literario”, que incidía especialmente na pegada doutros escritores do mundo na obra do ourensán (por certo, aínda teño esta conferencia inédita en papel). Foron centos os actos celebrados dende aquela, algúns con máis entidade, outros con menos ambición, pero todos co mesmo entusiasmo.
Aquel novembro foi para min inaugural en moitos sentidos, só dous meses despois da gran traxedia do 11-S en Nova York. O 1 de novembro empezaba eu co “Pan por Pan” en La Región, que manteño puntualmente todos os días dende aquela (agás os luns, que publico un artigo longo en Opinión).
Volvendo á Sección de Literatura: o amigo José Carlos Martínez Pedrayo convidoume a dirixila. Uns meses antes puxérase en marcha a Sección de Arte e Historia dirixida por Miguel Anxo González García. Eu aceptei pero coa condición de formar un pequeno equipo para que a cousa fose máis creativa. Falei cunha serie de persoas (algunha dixo que non por motivos razoables) e aceptaron Delfin Caseiro, Teresa Devesa e Isabel García. Por motivos de traballo Delfín e Isabel tiveron que deixalo despois, andando o tempo. Na sección tamén colaboran a cotío José Luís Troitiña (peza clave na súa argamasa), Segis Bobillo, Xoán Fonseca e Loli Conde, unha das nosas recitadoras. Moitas outras persoas colaboran sempre que son requiridas e non podo aquí citalas a todas, pero entre elas están amigos como Afonso Monxardín ou Xosé C. Caneiro, entre moitas outras. Hai unhas 200 persoas apuntadas (socios e non socios do Liceo, a sección está totalmente aberta), que non teñen máis compromiso que deixar o seu enderezo para logo mandarlles un convite de cada acto.

O próximo luns, 26 de novembro, celebraremos cun acto estes primeiros seis anos. Acto ó que están convidados todos os ourensáns e no que haberá un pequeno recital de poesía popular galega. Eu darei unha pequena conferencia, agardo que amena, titulada “O pobo galego nunca parou de cantar: reviravoltas sobre a nosa literatura popular”. Ó remate haberá un pequeno agasallo, simbólico, para os asistentes. Están todos vostedes tamén convidados, por suposto.



para celebrar o 20-N
Unha portada de Le Monde Libertaire e o retrato de "Franco asesino" por Luís Seoane

Corenta anos como un cuartel
Andoliña 20 novembro
Foi un home pequeniño, medía un metro sesenta e sete cm. Era mal orador e tiña a voz afrautada, como de pito. Cando agora o representan na televisión ou no cine, o seu aspecto é inevitablemente ridículo. O seu único mérito foi gobernar España como un cuartel durante 40 anos, despois de encher os camiños de sangue cunha longa e cruenta guerra civil. Nunca tivo moitas ideas pero xa en 1934 se inscribira na Entente Internacional Anticomunista: preparaba o roteiro necesario para servir de ariete dos grupos reaccionarios de España.
Pasou toda a súa vida marcado por tres obsesións: o comunismo, a masonería e os partidos políticos e o liberalismo do século XIX. Os seus moitos aduladores, xornalistas, poetas do réxime, xerarcas de todo tipo, retratárono acotío como unha figura providencial, o condutor dun novo Imperio, colocado polo dedo de Deus para conducir o destino dos españois. El debeu chegar a crer tanta babecada. A súa crueldade está máis que demostrada: xa de novo mandou fusilar un lexionario por un incidente menor.
Co paso do tempo del soamente quedará unha imaxe arcaica e grotesca: agás para os que o tiveron que sufrir toda a vida, iso si.