Cen anos de historia cultural2002: Casares, Freixanes, Ferreiro
(Pola esquerda, Carlos Casares, Víctor Freixanes e Rosa Aneiros)
Foi un ano fecundo nas letras. Na narrativa, empezo por Xosé Fernández Ferreiro coas novelas Millo verde (Xerais), pesadelo da tortura interior dun profesor acusado de violar a unha alumna, e O último paraíso (Espiral Maior), novela curta e descrición dunha utopía que serve de réplica a O minotauro. O premio Xerais de novela era para Concubinas, historia de amor e soidades, de Inma López Silva. Xerais publicaba As chamadas perdidas, 24 relatos realistas, de Manuel Rivas; Longa Lingua, libro colectivo de relatos coordinado pola Mesa de Normalización Lingüística; Sentinela, alerta!, dez contos de temática social e antifranquista, de María Xosé Queizán; Ganga, de Antón Lopo, procura da identidade e a salvación dende as experiencias psicotrópicas; O ladrón de esperma, de Xavier Queipo, prosas experimentais premiadas no Café Dublín da Coruña; Santos e defuntos, relatos cheos de humor e ironía de Gonzalo Navaza; Escáner, de R. Caride; Un baile de moscas, de Kiko Neves; e O baile da mariolas, de Rosa Vidal.































