29 dic 2007

Fototeca: Arturo Baltar, Risco, López Cid...

Para o convite da exposición de Arturo Baltar no Centro Cultural da Deputación usaron esta simpática e histórica foto, datada o domingo de entroido, 22 de febreiro de 1960. A foto é de Arturo Cudeiro e na calesa (non se sabe o nome do conductor), están, de esquerda a dereita: Adolfo Estévez, Arturo Baltar, José Luís López Cid e Vicente Risco.



Fototeca: Casares e Conde

Outra foto de hai uns cantos anos, arredor de 1982 (enviada por Monxardín). En Trasalba, na festa dos Premios, pero aínda sen carpas. Carlos Casares, a súa dona Cristina e Alfredo Conde en primeiro plano. En fronte debe estar Sixto Seco. O que toca as maracas podería ser, ten un aire, o Segade, profesor da Facultade de Dereito, pero quizais só sexa un paisano que se lle parece.


Actualización (30 dec.): como confirma nunha mensaxe X.L. Carrión, o paisano das maracas non é Segade, senón o señor Juan, que formaba parte da charanga do Cuco de Velle. Engadimos unha carátula deste grupo festivo musical: o señor Juan está no centro do grupo, por baixo do Cuco de Velle, alma mater do grupo.


Xosé Cuiña deixa orfa a dereita galeguista
O ex conselleiro da época Fraga Xosé Cuiña faleceu onte no Clínico ó non superar unha dura pneumonía bilateral complicada cunha lexionela de evolución moi rápida (foto e titulares de Galicia Hoxe).
O home que o foi case todo no país galego
O político que tivo un soño imposible (polo de agora)

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé M. González
25. Festa, sombra, melodías.
O Jimmy de Rairo, disque,
ten encontrado entre hortas e portas algún tempo suspendido.
Para el é esta mónada luguesa.

(Foto tomada de http://sanfroilan.lugo.es/postais.asp?cat=Antigas: páxina ben interesante por certo de postais antigas, engado eu, M.V.)

A máis dalgún non oriúndo, a epigrafía local mantén lembranza de tres compositores. Fica extramuros a vía dedicada ao máis recente, Jesús Bal e Gai, e menos popular; pasou moita vida lonxe, non é o labor musicolóxico para multitudes, rara vez se encontrará obra del en repertorio de banda. Naceron os outros dous na Rúa Nova; o máis vello pertence ao Rexurdimento, epígono ou continuador é o máis novo e en tal liña cadansúa peza son ou foron emblema local. Que ambos nomeen rúa no casco vello igual ten fundamento no ano da respectiva morte (1899, 1948) e a escasez do Lugo exterior ata os cincuenta; ou se cadra é debido á máis doada popularidade. Arestora, chámase Xoán Montes un instituto de ensino secundario, Gustavo Freire un auditorio; casualidade ao mellor, volve resultar suxestivo o caso de Bal: dálle nome á residencia universitaria.

Nos anos sesenta, bandas e corais adoitaban interpretar, rexistrar en disco “Negra sombra” e “Festa na Tolda”. Polo topónimo incluído, calquera lugués identificaba a segunda coa propia cidade, relacionase ou non o título con aquel asubiado tan corrente. O da primeira non é sinxelo explicárllelo aos mozos arestora; quen fora Montes, o título e comezo da letra debían integrar o patrimonio inmaterial común. Eran, polo menos, coñecemento moi xeneralizado; un dato: que lembre, non me constaría que o poema o escribira Rosalía de Castro ata ter eu dezaseis ou dezasete anos. Quen sabe cantas veces levaba xa escoitado “Negra Sombra” pola radio, en palco ou ante o busto do compositor, no Xardín de San Roque.

Estaría máis difundida, entre os restantes galegos, a autoría rosaliá. Pero deles, aparte saudade e metafísica, posiblemente moitos non desdeñasen considerar o texto como ex libris xeitoso para a cidade amurallada, aló no seu outeiro; onde o escuro treboento do país se fai alta pantalla e un escaso neón mantén xenuína sensación de noite; onde a néboa, que aparenta acomodada, sen ser negra volve sombras os contornos. Pola contra, con Freire alborexa a romaría na linde fluvial, un arrecendo a herba seca trae sinestesia case alimenticia, pon no cerebro acougante nova de que o verán lles dá tregua e vitamina a óso e artello. Pasa a banda, queda a gaita; sobe e estoupa un foguete, entre a misa e o xantar hai encontro, leria e recoñecemento.

O lugués goza coa festa e tamén se sabe sombra; grande é aínda o prestixio de Montes, sesenta e pico anos xa na cova. Realizara moito labor en Lugo, non foi un dos menores traballos fundar e dirixir o multilaureado Orfeón Gallego onde cantara o meu veciño Luís, pai do Pirulo; nos oitenta, coma o músico tamén se había chamar outro orfeón, dirixido polo Enrique Alvarellos que tiña academia e editorial case ollando aquel mencionado busto. Antes, agrupación distinta abrangue boa parte da sona en materia de música tradicional: Cantigas e Frores; botou un tempo inactiva, pero fotos e imaxes traen vizosa memoria de cando o feito lingüístico e nacional galego tiña acocho e expresión pública no folclore. Os Montes, Os Amigos... tercetos e cuartetos, con diana e alborada, provían alegría fronte a algún desprezo; houbese ou non gaiteiro en Penalta, ninguén probablemente o encontraría “coma un príncipe cumprido”.

Porque “música culta” era idea distanciada do “regional”, e tamén modernidade. O Círculo das Artes fornece marco para a Sociedade Filharmónica programar concerto e sinfonía; “marco incomparable do Salón Rexio” non vulgariza o concepto, resulta lucensemente exacto: ningunha outra sala á altura, con leve dúbida para a lembranza do Gran Teatro. A sociedade fomenta así mesmo o instrumental de corda: Tino Prados organiza un Grupo de Pulso e Púa; xorde o Rocho Musical. Considerada máis selecta, a solfa chamada clásica ten o prestixio do exclusivo e distinguido; espiñento resulta afirmar -a teor de experiencias posteriores- que sempre a audiencia compartise melomanía ou ficase libre de carraspeira. Sexa como for, afección hai; e empezando os setenta xorde a Semana de Música do Corpus.

Pero se un di popular, a máis da resistente gaita refírese inequivocamente a banda e orquestra. Gusta o lugués adulto, non despreza moito mozo, das agrupacións con gorra de prato e habitual vestiario azul: ten sona a Lira de Ribadavia, algo equívoca a de Celanova e na provincia a de Sober; esperta interese o grande e prestixioso colectivo que veña en ocasión especial. Pero sobre todo, ante todo, a Banda Municipal de Lugo, dirixida polo Mestre Méndez, é unha das cousas que o cidadán coñece e verifica por súas e ben feitas; xoves pola tarde, domingo á mañá son as semanais e concorridas exhibicións, na Praza Maior.

Onda a orquestra hai encontro de vellos e novos. Aqueles oen, botan o pé se toca pasodobre; estes danlle a todo, ao que poden se cadra ou lles deixan. Sesión vermú, festa, verbena... Cada cidade ten o seu creto ou mito; Poceiro en Pontevedra, Pontinos de Ourense, Trébol ferrolá... Sintonía viguesa, Satélites ou Españoles; por riba, atinxible canto á música, de incomparable semántica, aquel grupo cun nome do río Tambre e o único Boedo. Acaban os sesenta, Pavillón dos Deportes; entre dúas cancións, conta un conto: fóra do país, entra na barbería, demanda servizo, pregúntanlle se é galego, “no”; reitérase logo a pregunta, “no, aféiteme”; entra un compañeiro, igual Prudencio Romo ou Paisal, “Pucho, vés agora?”, “despois, desque me afeiten”; barbeiro: “oiga, ¿por qué me ha negado que es gallego?”; “muy sencillo: es que no me gusta darme importancia”.

En mal tempo para tales alegrías, emerxendo, Pucho Boedo e Os Tamara presumen polo mundo de galegos. O país devolve enorme popularidade: en toda Galicia, grupos e orquestras mandan correr a Carmela, que chove; compadecen os mariñeiros de Noia, cegado porto de Compostela. Con diferente aire e motivo, a luguesa Clave, se cadra, no San Xosé das Gándaras pregunta polo carro do Manolo; a Vélez evoca un rancho grande en Domingo Tallo; Kalú ao mellor -e co Julito no palco, movendo o pedido cigarro, vertixinoso e incrédulo ante tanto protagonismo- mándanlle a Alma Llanera na Praza da Soidade. Probablemente, en todas partes remata a Muiñeira de Chantada.

Rock e achegados son asunto exclusivamente xuvenil, madia leva, e para iso limitado, baixo certa sospeita. Curioso que o primeiro grupo de guitarra eléctrica e batería forxe nome baixo o abeiro dun influínte cidadán, Alejandro Santín Díaz; Los Alesandi abren camiño polo que andarán Nez, Amable, Moreno, Grandío... Dous programas da SER -“Superventas” e“El Gran Musical”-, un de Radio Popular de Lugo (“Aquí la Juventud”) facilitan encontro, non ficamos sós. No espazo lugués da COPE, cara ao público, sábado á tarde, Manolo Lombao ofrecerá escenario, actuación para moitos; virá tamén folk, O Carro, Sendas del Folk, Fuxan os Ventos, máis tarde A Quenlla. Historia, porén, que me pide outro relato.

A memoria, o tempo, os afectos
Andoliña sábado 29 decembro. Foto William Wegman.

Hai unhas semanas aparecía en varios xornais unha nova de carácter científico sobre a memoria que me gustaría rexistrar aquí, neste meu diario, tamén de afectos e descubertas. Contaban aqueles xornais que uns investigadores da Universidade de Buenos Aires concluíron que a memoria garda con máis facilidade datos vinculados a algunha carga afectiva. O cerebro garda aínda milleiros de misterios, moitos deles asociados á memoria: non podemos lembrar todo, é necesario que vaiamos borrando datos do disco duro. Ou quedarán por aí esquecidos, perdidos nalgún recuncho ignoto, ata que alguén aos resucite de novo?
Todos sabemos que as persoas maiores poden lembrar cousas da súa infancia e esquecer as cousas cotiás só poucas horas despois. Todo iso debe ter moito que ver cos niveis de emoción, como din os estudosos arxentinos. En realidade, eu creo que xa o sabiamos, sequera como intuición. Sabíano dende logo os poetas e os artistas. Como a dama namorada do trobador Xulián Bolseiro, cando lembra a brevidade das noites de amor co amado e se angustia ante a longura das horas en que o amigo está ausente, imprecando así a Deus: "porque as non fez ataes (as noites) / no tempo que meu amigo/ soia falar comigo?".














William Wegman.
Pan por Pan sábado 29 decembro. (Na foto superior, W.Wegman co seu can Fay Ray, nun retrato de Annie Leibovitz)

Onte colguei neste recuncho, falando dos animais e das súas emocións antes negadas, unha foto de William Wegman. Hoxe vai outra. Wegman é un fotógrafo norteamericano obsesionado cos cans, en concreto cos da raza weimaraners. En 1970 colleu un inexpresivo sabuxo que nacera no seu estudo e chamoulle Man Ray en honor ó gran fotógrafo do surrealismo. Logo veu o resto da familia: Fay Ray, Crooky, Chundo e a agarimosa e sexy Batty.

De todos eles fixo William Wegman múltiples fotos e tamén vídeos e ata performances: moitas desas mostras pódense encontrar na rede. Se un dos obxectivos de calquera artista é encontrar a súa propia voz, este fotógrafo atopouna con estes cans, disfrazados, envoltos en exóticas escenografías, humanizados sempre. Quen lles dera a moitos actores ter a expresividade dos canciños das imaxes de William Wegman !

28 dic 2007


Das emocións dos animais
Andoliña venres 28 decembro

Emocións animais: diso tratou un dos documentais da Dúas de onte. Hai anos os científicos só admitían o concepto de instintos e negaban a existencia das emocións no mundo animal, isto é, accións nacidas no cerebro, ás veces imprescindibles para a supervivencia. Por exemplo, o medo. Sen o medo a propia especie humana non estaría aquí. Estas emocións animais poden cambiar co paso do tempo: unha proba con corvos amosa que de novos se deixan levar pola emoción da curiosidade e proban todo tipo de cousas novas; xa adultos, tornan en neofóbicos, por prudencia teñen medo a comer cousas novas.

E falábase tamén no documental de cobiza ou de altruísmo como motores de comportamento animal. Ou de como o compartir emocións positivas e negativas (entre elas, a ira, a cólera, a dor) é o que permite convivir a moitos individuos nun grupo social. Ou da práctica habitual nos chimpancés de compartir o alimento para devolver favores anteriores. E como asocian o pracer da comida co da sexualidade.

En fin, cousas todas de grande interese, cando menos para min: a esa hora da tarde, ben relaxado diante do televisor, apréndese tanto sobre o ser humano vendo o que fan todos estes bichiños!

(Imaxe de William Wegman, o fotógrafo dos cans weimaraners e do seu querido Man Ray. "Cuando el hombre era perro", de Ángela Molina, en El País 2003, unha interesante achega ó labor deste singular fotógrafo).

27 dic 2007



Dúas fotos ben diferentes

Hai uns meses pasáronme esta foto de Carlos Casares nun festexo na Alameda, supoño que os magostos do ano 1972, cando el leu o pregón oficial (está recollido no libro que eu preparei Carlos Casares, punto de encontro, Concello Ourense 2002). Dende logo, ten fame o Carlos ou estaba rico o condumio. Tamén Cristina, a súa compañeira, ben noviña, ó seu carón. Enfronte está Manuel Rego Nieto, que foi varios anos concelleiro de cultura e festas. E as bailarinas de rigor, "de baile regional".
Agradécese calquera outra identificación que se achegue aquí dos personaxes da imaxe.








A outra foto mandouma un amigo hai uns minutos: é Margaret Trudeau no baño. E, se hai que xustificar aquí a súa presenza, é porque se falou dela e da súa beleza estes días noutro post.
Elena Árnaiz, na lembranza

Acabo de enterarme, por un amigo. Morreu, creo que hoxe mesmo, Elena Árnaiz.
Coñecina hai bastantes anos, a ela e a súa irma Xoana, nalgunha pandilla da mocidade. Despois trateina un pouco, non moito, nos seus tempos de militante comprometida de Esquerda Unida.
Era profesora, creo que de Matemáticas, no Couto. Viviu hai tempo na Valenzá. Oíra xa hai anos que estaba enferma, pero non sabería dicir moito máis ó respecto. Traio aquí a nova porque era unha boa rapaza e seguro que moitos amigos/as desta casa tamén a coñeceron.
Sentímolo ben. O meu pésame a toda a súa familia e amigos/as.
Homenaxe ó mestre republicano Antonio Caneda (29 decembro, San Xoán de Río)
Frío (Bieito Iglesias en ECG 27 dec.)

As reseñas do libro de Xavier Castro (Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX) supoñen un axuste de contas cun pasado rural que sufriu manipulacións de signo contrario. Por un modo houbo quen mitificou un paraíso labrego de tranquilizadoras estampas de calendario; por outro lado unha requitropa de "desertores do arado" empéñase en borrar as pegadas de recentísimos devanceiros neolíticos (en 1960 a maioría da Galiza era labradora), vistos como miserables, ignorantes e brutamontes. Non só os nosos bisavós -como pensan certos xornalistas de escaso coñecemento histórico-, senón os nosos pais e nós propios pasamos frío en moradas sen calefacción, co único agarimo da lareira. Aínda máis, son lexión os compatriotas que, cando nenos carentes de servizos sanitarios, limparon o cu cun fento entre as xesteiras. Tales escenas resultan sórdidas a ollos dunha clase media actual melindrosa e empanicada, pero non tanto para os que acudimos á escola rebrincando sobre placas de lazo e aproveitamos as arroiadas para instalar muíños de xoguete nos regos. O frío, antes da tecnoloxía frigorífica, podía converterse na marabilla dunhas barras de xelo rebozadas en serradura, que servían para refrescar as bebidas nas festas do verán ardente (Isto nos arrabaldos citadinos, nas aldeas abondaba con baixar as botellas nun caldeiro endeica o fondal do pozo).

Podo admitir un pasado cheo de horrores a condición de que se describa o presente sen ningún idilio: terrorismo doméstico, cayucos, asasinos en masa, comida lixo, televisión copada por idiotas e persoas solitarias prendadas de mascotas caninas que enzoufan parques e xardíns. O mundo foi, é e será risoño ou sombrizo asegún. Aceptemos a espantosa noticia de que tódolos homes -de calquera época ou lugar- somos iguais. Este biruxe de decembro (avisan os cardiólogos) propicia os infartos. De paso cura os xamóns e quizais nos permita brincar con bonecos de neve.
25 anos da estrea de E.T.
Andoliña xoves 27 dec.

Nunha reportaxe de Salvador Llompart en La Vanguardia, encontro a nova de que se cumpren 25 anos da estrea de E.T., a popular película de Steven Spielberg. Unha película cativadora, chea de tenrura e bo saber narrativo. Dos alieníxenas sabemos dende vello, primeiro polos autores de ciencia-ficción de H.G. Wells en diante. O cine durante moitos anos, cando menos ata finais dos 60, presentounos sempre como horribles monstros: o medo ó descoñecido.

O cambio de imaxe veu con Stanley Kubrick en 2001: unha odisea no espazo e logo con Spielberg en Encontros na terceira fase. Con todo, a versión terrorífica non desapareceu: lembren, entre as máis noxentas, aquela primeira entrega de Alien, o oitavo pasaxeiro (1978).

Foi o propio Spielberg quen se atreveu a ir máis aló na imaxe do alieníxena cando imaxinou ese bechiño feo e de ollos xigantescos, unha criatura entre as formas temperás dun bebé e as engurras dunha velliña: a beleza do ser feble, perdido nun mundo alleo, que depende da empatía dos demais para reencontrar o seu destino. E vaia se acertou: despois de tantos anos, E.T. segue a funcionar e pode facelo aínda para varias xeracións. Agardemos que chegase xa de volta á súa casa.

26 dic 2007



A Andoliña de hoxe,

dedicada a A. Fernández Paz.

Nova imaxe do xenial Pablo Auladell.









Cine, Cine, Cine...
Bos días estes para ver cine. Mellor, bo cine. Diario dun escándalo, de R. Eire (o director de Iris), non defrauda: pode lembrar nalgúns momentos A calumnia, de William Wyler.
Lejos del cielo, de Todd Haynes (xa a vira en DVD, revisámola en TV) non é Douglas Sirk, pero fai todo o posible por achegarselle. E conta con Julianne Moore, garantía de estar pegados á pantalla, creo que é unha magnífica actriz, mesmo nestes papeis aparantemente "con pouca substan
cia".
E anda polos quioscos, por se alguén aínda non se decatou, unha oferta (só 10 euros) desas dúas xoias que son Million Dollar Baby, de Clint Eastwood (outra vez), e Mi vida sin mi, de Isabel Coixet: a escena en que o médico lle comunica a protagonista, sentados nun corredor do hospital, sen atreverse a mirarlle a cara, que ten un tumor, xa é antolóxica da historia do cine. Digo eu.

25 dic 2007




As fotos de Carles Santos, censuradas en Lleida

Un novo caso de censura artística. De novo con temática relixiosa polo medio.

As fotos foron antes exhibidas, sen problemas, en Barcelona, Valencia e Berlín.

A decisión tomouna o concello de Lleida, gobernado por PSC e ERC, ó considerar que as imaxes "poderían ferir a sensibilidade dos cidadáns". O autor, que non participou na inauguración da mostra en protesta pola retirada obrigada de 5 fotos, alerta do arriscado que é "permitir que as autoridades decidan sobre qué debe e non debe ver a xente".





en breve
(esta é a entrada n. 1400)


"Se deixasen de súpeto de expender pílulas, todo sería un caos..."
"Sería un caos e nova en todos os medios de comunicación. A xente andaría polas rúas ou nas súas completamente inqueda, angustiada, desasosegada e con desspero non non achar remedo inmediato, que é o químico, contra o seu mal"
(Miguel Silveira, psicólogo clínico, en Faro de Vigo, 22.dec.)

Xúntanse os expdeputados do Hórreo para facer un "lobby" e reivindicar a súa utilidade pública (LVG 22 dec.)
Pero, dos primeiros que asisten, falan todos en castelán nesa primeira xuntanza: quizais, digo eu, porque xa están fóra dos marcos da corrección política dun deputado en exercicio. Indignada, Pilar García Negro fala en francés, con plena corrección, para ridiculizar que ninguén fale en galego.
Indignante ou deprimente? Cantos deses exdeputados pronunciaron máis dun discurso en favor do galego no Parlamento?

Os docentes somos funcionarios da sociedade
José A. Marina, sobre a polémica dos contidos da materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos (El País 10 dec.):
A polémica causa danos á escola ó presentala como un xeito de mecanismo sen sentido crítico, unha máquina adoutrinadora do Estado. Os docentes aparecen como monicreques, cando a realidade é outra. Aínda que somos administrativamente funcionarios do Estado, somos de feito funcionarios da sociedade, é dicir, temos que defender se é necesario a sociedade fronte ó Estado. Somos intermediarios críticos, non correa de transmisión das directrices ministeriais.
Xosé Manuel López "Ardeiro"

Faleceu nestes días en Ferrol o poeta de Negreira Xosé Manuel López "Ardeiro". Non o coñecín nin lembro ler ningunha das súas obras, cando menos agora. Pero merece por igual unha lembranza neste recuncho.
Gañara no seu día o Premio de Poesía Cidade de Ourense (Na néboa dunha espranza) e era autor de poemarios como O matiz esmeralda da sombra (Ed. do Castro, 1991); Un xardín no tempo (3C3, 2001) e Versos de ausencia e desagravio (Espiral Maior, 2005). Tamén de En bela sombra de amaranto e Sombras e outras presencias. No terreo da prosa, Na outra beira dos sentidos, obra aínda moi recente.
(Como fago sempre que se vai algún escritor, buscarei algúns dos seus versos para homenaxealo nesta despedida).

24 dic 2007


Galicia e Portugal, de A. Baamonde (El País 24 dec.)

(Quizais hoxe non sexa xornada axeitada para os debates políticos, pero quería deixar aquí constancia deste artigo de A. Baamonde, interesante en varios aspectos. Vai ilustrado con outra imaxe de Pablo Auladell).

Pero esos dos proyectos vienen del pasado. Ahora tenemos un Gobierno que se ameniza a si mismo con disensiones internas, generalmente dictadas por la competencia electoral, pero que no da muestras de un gran pulso político. El problema no es el PSdeG o el BNG, sino que los unos o los otros tengan algo que decirnos, serio y solvente, acerca de nuestro futuro. La política urbanística y el Banco de Tierras han sido quizás los dos ámbitos en los que el bipartito ha tenido más fuelle y es de agradecer que haya convocado oposiciones en sectores como el sanitario o la CRTVG necesitados de una cierta clarificación.
Pero se echa en falta una política de democratización del país -medios de comunicación, Ley de Cajas-, un plan de Centros de Investigación (¡y atención al diseño, por Dios!: para las conservas, la moda y los muebles) y, por supuesto, mayor énfasis en relación a la Euroregión. La discusión en curso acerca de las áreas metropolitanas sólo tiene sentido en un marco más amplio de debate sobre los elementos de sinergia y de conflicto de intereses con el Norte de Portugal. Basta con mirar el mapa, como hacen las autoridades europeas, para saberlo.
Postais (5)
Terei que seguir citando as postais e felicitacións que chegan a esta solaina ou ó meu correo particular. A fermosa imaxe que encabeza estas liñas mandouna Monxardín e facémola tamén extensiva para todos/as. Chegaron tamén outras de Teresa Devesa (con versos de Luz Pozo Garza: Naquel espacio mítico de antano/iban as aves ledas a procura do día./A chuvia era moi fráxil / e transitaba a alma con fluviales silencios/coma flor respirada; Xavier Castro; Agustín Fernández Paz; Beatriz Lloves (unha antiga alumna) e Iolanda López. Xan Carlos Ansia enviou unha ligazón a unha canción tamén ben encantadora: Vou-me embora, vou partir, de Nuno da Cámara Pereiro.
DA VIDA DOS NOSOS AVÓS…
La Región 24 decembro

Moito frío. Ía moito frío, un frío extraordinario, que penetraba no fondo dos osos. É unha das conclusións que saca Xavier Castro, da súa mirada ó pasado, no seu libro “Servir era o pan do demo. Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX”, nunha fermosa e coidada edición de Nigratrea. Na memoria das xentes quedou o frío, cando nas casas rurais non había xeito de quentarse. Esoutro día o escritor Riveiro Coello, presentando a súa última novela, explicaba por qué imaxinaba Ourense con neve: quizais por unha nevada infantil vivida no seu Xinzo natal, quizais tamén por esa lembranza daquel frío abafante.
Presentouse o libro de Xavier Castro no Liceo, hai uns días. Co autor dialogamos Jesús de Juana e este cronista. É unha obra ben singular: a historia “de todos os galegos”, non das clases dirixentes nin das súas elites políticas; se se quere, un ensaio de microhistoria, un achegamento ós que sofren e sufriron a Historia. É esta unha liña historiográfica con moito seguimento hoxe noutras contornas, pero aínda escasa en Galicia: aquí cabe anotar o precedente dun estudo semellante, de Pegerto Saavedra, para o período 1550-1850, a etapa previa á que estuda agora X. Castro.
Contidos e fontes. Na súa estrutura achégase ó historiador á vida nos fogares galegos, á súa alimentación e indumentaria, á hixiene e a ese vivir tremendo de frío, á historia da infancia e da escola, ás formas de noivado,amor e matrimonio, tamén ó Ars Amandi na vellez dende as chocalladas ou á familia como conxunto. Esculca Xavier Castro con moi eficaz proveito nas fontes literarias de autores galegos (e non só), en galego e en castelán: esa Galicia tradicional dos textos de Lamas Carvajal e Rosalía, de Lesta Meis e García Barros, de Valle Inclán ou da Pardo Bazán. E a crónica dos cambios ó iniciarse o século XX: velaí os relatos de Castelao, Carlos Velo, Dieste, Fole, Neira Vilas, Otero, Núñez Búa, entre moitísimos outros. Cando lle convén, acode ó historiador ás memorias e hai poucas en Galicia, pero as máis próximas, doutros lugares de España, tamén aportan datos: Josefina Aldecoa, Carlos París, Haro Tecglen, Fernán Gómez, Alberti, Camilo José Cela, Edgar Neville, un longo etc. E acode ós informes oficiais e documentos especializados. E ás fontes orais. E mesmo á música ou ás artes plásticas, cando é preciso e pertinente.
De onde vimos. O traballo é ben meritorio: vanse así descubrindo os sinais da nosa Galicia tradicional, rural e ás veces urbana: as dúas Galicias, a do pan branco, de millo, e a do pan negro, de centeo; a que durmía nos colchóns de la e a que o facía nos de follasca. Galicia de ricos e de pobres, que houbo confrontación interna nese mundo que algúns escritores deseñaron máis harmonioso, idealizado. No que os maltratos á muller ou ós nenos eran a regra xeral e o absentismo escolar inevitable a maior parte do ano: os nenos facían falta nos labores agrarios. Os nenos que ían á escola con viño no bandullo e que medraban nun ambiente de violencia. Un retrato imprescindible tamén para saber de onde vimos.