16 ene 2008


O gaiteiro de Texas, Afonso Monxardín (GH 15 xaneiro)
(na imaxe, Gaiteiro, de A. Bloemaert, pintor barroco do século XVI-XVII
Cando o 14 de xullo de 1981 gardamos un minuto de silencio nas escavacións de Castromao para facerlle unha tan insignificante como inmerecida homenaxe a Billy o Neno no centenario da súa morte, eramos case adolescentes e mesturabamos o traballo no castro coa diversión. O que non nos podiamos imaxinar era que andando o tempo habiamos de atopar, noutro tipo de arqueoloxía, un resto que vinculaba o far west coa tradición galega.
Pois cadrou que un día, ás voltas coa "arqueoloxía do son", nos saudosos tempos en que impulsabamos no Consello da Cultura o Arquivo Sonoro, fun á casa de Segundo Pampillón en Bos Aires, en Belgrano, xusto ao pé de onde vivira Castelao. Don Segundo fora alcalde de Mos por Izquierda Republicana -e daquela, no primeiro exilio, esquerdista, amigo de Luís Seoane e afastado do Consello de Galicia, ata que o paso do tempo e a nova realidade, borraron marcos e foron todos un. E entre as cintas de carrete aberto que recollemos, o seu fillo Henrique e eu, de actos e discursos, había unha ben curiosa; a copia dun disco no que soaba a canción dos vaqueiros Oh Susana e outra tamén de onda oeste, tocada cos instrumentos tradicionais destas películas -banxo, piano, violín, coro...- e sorpresivamente unha recoñecible e ben tocada, gaita galega. En canto llo contei e lla fixen oír a Antón Santamarina lembrou a cantiga que recollera nas súas terras luguesas que dicía: "Vino de Texas un famoso gaiteiro/ era Domingo, Domingo Ferreiro./ Toca la gaita Domingo Ferreiro/, Toca la gaita, "non quero, non quero"/ y si la gaita no quieres tocar/ entonces la gente no podrá bailar". Tiñamos pois unha gaita en contexto vaqueiro e unha cantiga que apuña a Texas, un gaiteiro. Iamos ben. Pois pouco tempo despois, Norberto Pablo de Cirio, un mozo musicólogo de orixe italiana achegado á nosa colectividade en Arxentina, topou o disco orixinal que puña "El gaiteiro de Texas/ The texas piper e incluía as dúas cantigas: Two facer heart de Canton Nagy e Oh Susana de Foster. Era o orixinal físico. Na Arxentina, contaba Norberto, fora moi famosa unha rumba coa cantiga que chegou a Lugo e o escritor arxentino Raul González Tuñón dedicoulle un poema a Domingo Ferreiro parafrasendo a copla e apoñéndolle ao músico unha morte tráxica na guerra civil; Luar na Lubre, musicou o poema. Desde logo o Gaiteiro de Texas é un fío polo que turrar: a orixe da "música celta". Nin máis nin menos.

15 ene 2008

E ti de qué parte do barrio es, do Norte ou do Sur? (enviado por Tacho)
historia da transición
Na Historia de Galicia que está editando La Voz de Galicia sae hoxe (e segue o próximo xoves) o tomo (2 tomos, co do xoves) dedicados á historia de Galicia na autonomía ou á transición democrática no noso país. Este primeiro tomo, que non mirei aínda de vagar, afonda na historia do nacionalismo nese período. O feito de ir asinado por Xusto Beramendi é, sen dúbida, unha garantía de rigor.
precampaña (1)

Abro un fío independente para concentrar mensaxes sobre a precampaña electoral, se lles parece pertinente e para non mesturar debates.
Segundo as previsións que fai hoxe El Correo Gallego, pouco se vai mover en Galicia e os tres partidos sacarán resultados semellantes ós que xa teñen. As zonas de maior competencia son as provincias de A Coruña e Ourense.

arredor de don Vicente Risco


ESTRAÑOS, RAROS E ESQUECIDOS (Libros)
A historia de Oriente, berce da civilización, por Xavier Castro Rodríguez (Galicia Hoxe, 12 xan.)
IN MEMORIAM.
(Envío de Tacho)



Os sentementos non morren nunca (Alfredo Conde en ECG 15 xan.)

Evoca A. Conde días da mocidade da man deste blog e dunha ligazón de A Boheme, que deixou aquí Xoán da Coba:

(...) Entón, nunha mañá así, os Reis trouxéronme unha canción. Abrira eu o ordenador por ver cómo seguían As uvas na solaina, se a ese sol ou se a outro, máis ourensán e antigo; outro sol por mín aínda máis amado; un outro sol más límpido e diáfano, en ocasións; máis mesto o neboeiro que tiña que esfiañar, en tantas outras; e chegóume a canción e me petou alí onde máis petan certas cousas.Veu da man de Xohan da Coba. Ofrecéuma, a mín coma a tantos outros, no blog do Marcos Valcárcel e por conta do pasamento do Xaime Quessada. Ó fondo as lembranzas dun escritor que tamén foi alumno de sor Sabina, alá enriba na rúa de Santo Domingo, xusto embaixo do campo das Mercedes. Cantaba a canción Charles Aznavour (na imaxe). O seu título era A Bohemia. Calcei os auriculares e escoiteina. Véuseme enriba un mundo que xa non contaba pra mín, ou tal eu cría. Por conta dela, recordei un tempo que crín deshabitado. A mañá, entón, enchéuseme da mesma, e vella, e amada luz que iluminara a nosa mocidade, non sei se tamén a de Xohan da Coba, pero si a do Xaime, si a miña, si a de tantos, cando escoitabamos a Juliette Greco (na imaxe), a Barbara, ó propio Charles ou mesmo á Edith Piaf e Francia era a patria da liberdade, París a capital do mundo. Escoitei A Boheme, non unha nin dúas veces, e unha emoción irrelatable invadéume o ánimo. A memoria do Xaime viña envolveita na canción. Facíao a lufadas recorrentes coma as do sol, ía e viña, permitindo que toda señardade se instalase no meu corazón alagado de melancolía. Ouh, aquel tempo no que soñamos tanto! ¿Rematou xa como remata a canción que me trouxeron os Reis na mañá saudosa do seu día?. “A Bohemia era unha flor e á fin morreu” conclúea Charles Aznavour. Aínda o fai. A súa voz ecoa sen máis que prender o ordenador e querer escoitala. Se así o fas, descobres que os sentementos durmen, si, pero non morren. Sucédelles ás flores do espírito, sementadas que foron no seu tempo xusto, florecidas da man dunha canción, verdadeira e certa, que resume un tempo que foi noso. Morremos nós.
axenda
Presentación do libro Miño de Francisco X. Fernández Naval, gañador do XXIII Premio de Poesía Cidade de Ourense. O martes 15 de xaneiro no Auditorio de Ourense (20, 30 h.). Intervirán, xunto co autor do poemario, o escritor Joao Augusto Madureira Ferreira e o editor Miguel A. Fernán Vello.
en poleiro alleo

"O protocolo da morte", de Afonso V. Monxardín (LR 15 xaneiro)

"Oposición mitolóxica", de Xosé M. Sarille (ECG 15 xaneiro)

"Polémica na literatura galega", de Xavier Cordal (GH 15 xan .): sobre a recepción das declaracións de XLFG nos xornais e nos blogs

"Núñez Feijóo: dous anos de líder ¿galego?" (GH 15 xan.)

14 ene 2008


FRAGA. O ENSINO. UN MUNDO MULTIPOLAR
La Región 14 xaneiro

Fraga. En televisión, concretamente en Telecinco, Fraga insiste nas súas coñecidas teses a favor do franquismo e afirma que a etapa de Franco sentou as bases para unha España con máis orde. Nada novo. Vivimos tempos de desmemoria: nun debate na televisión local un político do PP di que non hai ninguén no seu partido que se beneficiase do franquismo. Será logo que Fraga Iribarne, ministro de Franco, non existiu como tal? A historia avaliará a súa figura política pero, ata a chegada da democracia, vai encontrar máis sombras que luces. Velaí o Fraga (e o seu ministerio) que censuraba libros: tamén “Los miedos”, de Blanco Amor, e revistas que non eran “rojas” nin separatistas, dende o diario “Madrid” ata algunhas cristiás ou demócratas de todo tipo: a biografía “Fraga, retrato de un fascista” (2001), de Gustavo Luca, está chea de saborosas anécdotas e datos obxectivos que non teñen desperdicio.

O ensino. No concello de Arteixo, os IES de Sabón e Pastoriza están de sorte. Hai uns días a Fundación Amancio Ortega entregaba 160 ordenadores portátiles ós seus alumnos, facendo así que o da Pastoriza sexa o primeiro e único centro de España que conta cun terminal propio para cada estudante. Deixo aquí a idea por se algún empresario ourensán “se contaxia”, aínda que sexa cun plan menos ambicioso. As novas tecnoloxías están aí e ofrecen múltiples posibilidades para reformar e mellorar as metodoloxías educativas. Nunca substituirán ó profesor, non se trata diso: pola contra, o profesor terá que esforzarse máis nese camiño didáctico e a sociedade e as autoridades educativas deberían recoñecelo. Dixen moitas veces que o 90 por cento do éxito educativo está nas mans dos profesores: aínda que, cun portátil cada alumno, as cousas serían máis doadas e os alumnos poderían abrirse a un mundo cheo de potencialidades. Pero un mundo no que é necesario ter os guías axeitados: os profesores poden cumprir un papel fundamental, sen dúbida.

Un mundo multipolar. Presentouse o informe 2007 do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (http://www.igadi.org/) e vexo que é optimista: unha memoria dun equipo de expertos, dirixido por Xulio Rios, afirma que as mudanzas en marcha permiten albiscar unha nova etapa na escena internacional na que a procura do compromiso e o recurso á diplomacia tenderán a desprazar a confrontación e o uso da forza militar como vías para abordar os problemas mundiais. Nese mundo multipolar, Rusia recupera parte do seu peso internacional, China está nun rebulir das súas relacións exteriores e América Latina viver un valioso proceso de integración supraestatal. Sería tamén moi positiva, nesa liña, a consolidación da democracia en África e a posible vitoria dos demócratas nas próximas eleccións de Estados Unidos, que favorecería unha política menos agresiva e militarista. Oxala teñan razón os amigos do IGADI. Aínda que as portadas dos diarios sexan a cotío abondo máis pesimistas.

13 ene 2008

"As mellores pintadas son as dos ácratas"
Esta semana, na contraportada de A Nosa Terra, publícase unha entrevista con este cronista a propósito da serie que sobre as pintadas apareceu neste blog (en nove entregas). A entrevista é de Horacio Vixiande e a foto, sacada un moi frío día de decembro na Praza de Abastos ourensá, de Paco Vilabarros (creo que a entrevista non está na rede; se lles interesa, terán que buscar o xornal en papel).

aRRAIAnos

Chega no correo o último número da revista ARRAIANOS, de xaneiro do 2008, dirixida por Aser Álvarez e con Lois Codias como coordenador. Quero sublimar, en primeiro lugar, a beleza do novo formato, editada agora por Alvarellos: a portadfa é de Xacobe Neto sobre unha fotografía de M. Sendón.
O tema monográfico do número é a vida nas aldeas. Artigos de Tomás Lijó (Caciques e cacicados. A teoría inconsistente), Xosé M. Pereiro (Caciques os de antes), Augusto Pérez Alberti (O abandono do mundo rural), Pedro de Llano (unha nova paisaxe para un vello país), Francisco Sineiro, Plácido Lizancos, Américo Rodríguez, Felipe Castro Pérez, etc.
Na parte literaria e antropológica unha escolma excleente das letras galegas de hoxe, dende Bieito Iglesias e Anxo Angueira a Chus Pato, Fernández Naval, Rábade Paredes, Emilio Araúxo, Marcial Gondar, José R. Cruz, Elvira Riveiro Tobío, Daniel Salgado, Xavier Queipo, Séchu Sende, Manuel Veiga, entre outros.
Completa o número un magnífico ronsel de libros, entre os que figuran críticas de “Ferrín e outras historias” de Santiago Lamas (do que se falou abondo nesta casa) e da miña edición de “Teoría de Galicia: artigos esquecidos en Vida Gallega, 1926-1963” (Ed. Alvarellos), con palabras gabanciosas nos dous casos (graciñas a Mª Teresa Araúxo García polo que me toca).
En fin, unha revista de alta dignidade e densidade nacida nas terras arraianas. Noraboa.

Otero Pedrayo (2): ucronía.
Pan por Pan domingo 13 xaneiro

Mantívose Otero na disciplina do Partido Galeguista, no partido de Castelao e Bóveda. Aínda que non lle gustaba a alianza coa esquerda no Frente Popular, díxoo moi claro na IV asemblea do partido, abril do 35 en Compostela. Supoño que a Otero non lle chiscaba, como deixou escrito Risco, acudir a mitins nos que se erguía o puño e se berraba “Viva Rusia” e “Viva Stalin”. Fagamos, só por unha vez, historia ficción, ucronía. Imaxinemos que os fascistas non toman as armas e Galicia asume a súa autonomía en 1936. Empeza un novo camiño. Que faría Otero? Nos seus artigos deses días, Otero di que a el non lle interesa galeguizar a “invasión marxista”. Que iso ía contra “o ser inmorredoiro de Galicia”. E que, aprobado o Estatuto, o PG debía recuperar a súa alma. Existía xa a Dereita Galeguista, a de Risco e Filgueira. Nunha Galicia soberana, sería ese o lugar de Otero?



Cen anos de historia cultural
1990: narrativa de xénero
13.01.2008

A narrativa do ano 1990 foi abondosa en libros e xéneros e tamén en calidade. A narrativa de xénero semellaba chantar raíces no país, sobre todo no xénero policíaco e nas historias de aventuras. Xavier Alcalá, nesta liña de novela de aventuras, mesmo nos abafantes ambientes tropicais, publicaba Cárcere verde. Falábase moito daquela da pegada do realismo sucio e do apoxeo da novela negra: Ambulancia, de Suso de Toro, que se ten definido como novela negra sen detectives nin policías (S.Gaspar); Non hai misericordia, do seu irmán Xelís de Toro, que mereceu o primeiro premio de narrativa Cidade de Lugo; Os ollos da noite, de Ramón Caride; e Sangue sobre a neve, de Manuel Forcadela. E seguíase a falar do premio Blanco Amor 1989 (O crime da rúa da moeda vella, de Román Raña). No territorio do relato breve foi recibido con entusiasmo polo público e crítica Un millón de vacas, de Manuel Rivas, e Xosé Miranda gañaba a segunda edición do premio García Barros de novela con Historia dun paraugas azul. Das mesmas datas son Ártico, de Xavier Queipo; Riosil, de Valentín Carrera; e dúas obras das que se subliñou o sutil emprego do humor: As baleas de Eduardo Reinoso, de Afonso Álvarez Cáccamo, e Quando o sol arde na noite, de Joel Gómez. Ademais, Xerais reeditaba Caixón desastre (1983) de Suso de Toro e mantiña entre os libros máis vendidos Land rover, do mesmo autor. Darío Xohán Cabana daba a coñecer a súa novela Fortunato de Trasmundi, finalista do Blanco Amor, e o poeta Manuel Forcadela achegábase á narrativa con Paisaxe con muller con barco, premio García Barros, novela complexa e culturalista na que se teñen apuntado ecos oterianos. Galaxia editaba Terra coutada, novela de Antonio Fernández Pérez, mestre da comarca verinense exiliado na Arxentina, unha obra escrita no 1950 e de raíz autobiográfica, que non se publicou ata 1990, con limiar de Otero Pedrayo. Artusa era a contribución do narrador Lois Diéguez, nunha obra de personaxes infantís inseridos no Lugo romano.
Nas letras xuvenís e infantís citemos cando menos títulos como As aventuras de Breogán Folgueira, de Darío Xohán Cabana; O talismán dos druídas, de Pepe Carballude; O buzón dos nenos, de Úrsula Heínze; As flores radioactivas, no rexistro da ciencia-ficción, de Agustín Fernández Paz, e A rota dos adeuses, de Luís Rei Núñez. Pola súa banda Luisa Castro publicaba en castelán a súa primeira novela, El somier.
Edicións Xerais quixo impulsar o novo xénero da narrativa erótica cos dous volumes de Contos eróticos. Eles/ Elas, que con todo non tivo logo continuidade. Entre os ­autores estaban Manuel Rivas, Luisa Castro, Helena Villar, Antonio R. López, Bieito Iglesias, Xela Arias e Manuel Guede. Na poesía, o concello de Noia recuperaba o poemario de María Mariño, Verba que comeza, nunca fermosa edición con debuxos de Reimundo Patiño e co limiar que lle fixera Otero Pedrayo no 1960. Fiz Vergara Vilariño daba a coñecer o volume Nos eidos da bremanza, nunha liña de poesía intimista e da paisaxe. Miguel Anxo Fernán-Vello vía recollida a súa poesía nunha escolma en castelán preparada por Luciano Rodríguez, La raíz poseída (Ed. Olifante). Deste ano é o segundo libro de Antonio Rodríguez López, Manual de masoquistas, breves textos en prosa poética inzados de ironía, lirismo e mesmo o melodrama e a parábola. Outros volumes de poesía do 1990 foron Ningún cisne, de Manuel Rivas, premio Leliadoura, tamén a xogar entre o humor e a ironía como elementos distanciadores; Banquete, de Lino Braxe; Labirinto de inverno, de Fermín Bouza; e O mar perdido, de Manuel Xosé Neira.
Clásicos en galego. Para a normalización cultural e editorial do país, foi unha gran nova o nacemento, no 1990, da colección Clásicos en Galego, publicada pola Xunta, que tivo entre os seus primeiros títulos as traduccións de O Cantar de Roldán (versión de Camilo Flores), das Elexías de Tíbulo (por Xosé A. García Cotarelo) e de varias pezas dramáticas de Shakespeare, da man de Miguel Pérez Romero. Ademais, o Consello da Cultura Galega publicaba a Ilíada, de Homero, na tradución galega do profesor Evaristo de Sela. Outra nova cultural do ano foi a aparición, despois das dúbidas sobre a súa existencia, de Las tinieblas de Occidente, de Vicente Risco, publicada por Sotelo Blanco cun estudo de Manuel Outeiriño. A revista Grial dedicaba un monográfico (n. 107) ós problemas da lingua galega e Luís Rei Núñez, no ronsel de Víctor Freixanes, entrevistaba a doce galegos do mundo cultural en Oficio de escribir: Fole, Ramón Piñeiro, Del Riego, Novoneyra, Ferrín e Casares eran algúns dos escollidos. Na Coruña eran moi seguidas as tertulias dos xoves da A.C. O Facho e en Ourense nacía o Clube Cultural Alexandre Bóveda, que entre as primeiras actividades tivo un ciclo sobre Galicia en Europa.

12 ene 2008


en poleiro alleo
Imaxe de Peter Zokovsky

Da situación económica: "As gaseosas do Pereira", de V. Freixanes (LVG 12 xaneiro)

Do tábaco: "Nicotinómanos compulsivos" (A. Monxardín, LR. 12 xan.)

E confirmouse o que xa se dixo aquí, hai bastantes semanas, sobre a demisión de Francisco X. Fernández Naval. Cultura busca agora un novo Subdirector Xeral.
Nalgúns sectores dábase por seguro o nomeamento do poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, pero, segundo informa Galicia Hoxe, seica non quere.

Otero, xaneiro de 1933
Andoliña 12 xaneiro
Na sección de Hemeroteca do xornal ourensán La Región recollíase hai un par de días un comunicado do Partido Galeguista ourensán, en xaneiro de 1933, que aclaraba que Otero Pedrayo non podía dar unha conferencia nos salóns de Acción Femenina porque os estatutos do seu partido lle impedían participar en actos doutros grupos políticos. Así foi, de certo: Otero foi tentado varias veces pola dereita católica española para acudir a actos deste tipo: Acción Femenina Gallega era a voz da CEDA local nas mulleres, dirixida por Blanca Calvo.

Non esquezamos que meses antes votara contra o artigo 26 da Constitución republicana (a cuestión laicista) e asinara o Manifiesto de los diputados católicos al país, con Gil Robles á cabeza. Cando se crea o primeiro grupo ourensán do que sería logo a CEDA, pénsase en convidar a Otero como posible dirixente (e a José Calvo Sotelo e a Basilio Álvarez). Pero Otero non cedeu o engado das sereas: cría no seu país e refugaba as posicións centralistas da dereita española. Mantívose no PG, disconforme logo coa súa política de alianzas. Que pasaría nunha Galicia autónoma de 1936, se os militares non desen o seu golpe fascista? Sobre iso podemos especular outro día.
Vencello que nos xungue e ten en pé

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González
27. Galegos somos, galegos seremos.
Para a Lourixe.
Ao mellor se recoñece dalgún modo.

Tamén Nós
Despois de tantas voltas e revoltas, despois de tantas viravoltas e trasvoltas polo cinema americano, a música dos Creedence, Pelé de gambeteo ou glamour da Soraia -en procura de algo inédito que nos salvase do habitual e vulgar- viñemos dar na sorprendente descuberta de que Galiza, a nosa Terra (oculta ao noso ollar por un prexuízo pailán, fulgor de bambolina, decreto negador) ofrecíanos un mundo esteso, novo, estimulante á par dos que andabamos a procurar por aí afora.

Altos ían, e ergueitos
Homes e mulleres do torrón, liñaxe de case todos. Aínda numerosísimos miles sobre a terra do país, a rexa man confería agarimo resgatado na dureza dos días. Multitude quizá acéfala na confesa impotencia (“non somos unidos”). Pero si, calcando a terra, ergueitos malia sacho e invernía que dobraban res, neles era adoito descubrirmos a patria do traballo. Moral popular quíxose outrora distinguir no seu hábito; e esperamos que, acordando, se visen fortes, nación e dixesen: “quero”. Espranza xorda.

Lingua proletaria do meu pobo
Ao cabo, gustábame. Deume a gana e algo que viña alá do fondo, sen tristura, mandou que debía. Familiar vocablo contraído e postergado acomodou música verbal inevitable con outras harmonías, e decisión a tempo restaurou umbilical. A lingua dunha avoa aínda viva, afirmando no amor aos devanceiros, andaba insospeitadamente en libro vello e novo, fora de reis e trobadores. Zumegando fermosura prometía estar cos meus, coa xente miña, e todos os que sofren neste mundo un pranto cotián de bolboretas. Remo e arado, proa e rella. Co rostro erguido.

Este é o cantar que cantamos
Sempre sentira melodía en ondiñas, eu queríame casare e chamáranlle moreniña á vista de tanta xente; pero de súpeto xurdiron unhas voces ceibes e arelei facer coma elas. De concerto clásico e folclore alleo volvérase a guitarra instrumento para vitoria pre-sentida; coiros e gaita foron traídos, houbo amálgama entre Woodstock e tribo. Sombrío é por veces o cantar, mais tamén lume e espiral, outro mellor non hai. O vello cantaba unha lembranza; pro na patria abatida, e do pobo explotado, nacemos nós, os fillos da morte e do tristén. Desexando arrolar, e ser amados.

Acabando os anos sesenta, miúdo orballo galeguista pingaba na sociedade luguesa. A Editorial Galaxia, e outros pormenores, avivaran certo remol de cando a República. Morrera Pimentel; e quen era mozo no 36, tal Antón Figueroa, Ánxel Fole e Celestino Fernández de la Vega, trabara contacto ou amizade con algún vinte anos máis novo: Manuel María, Benxamín Casal, Uxío Novoneyra... Alonso Montero exercía, a literatura galega vedraña ou recente chegaba a rapaces e agora aprendían que había un país achegado, sen aguia nin frechas.

Naceran moitos na cidade; cos que non, adoitaban compartir unha orixe rural da familia. Era o labrego epítome de atraso e indelicadeza en particular imaxe social que arriba concibiran e os do medio espallaban con autonegación. Encontrando a Rosalía, déronlle a volta os novos galeguistas: numeroso, sufrido, inequivocamente nación, o campesiño foi grande modelo e forte esperanza. De onde, se non deles, podería vir a forza necesaria?

Seríamos sen fala unhos ninguén. Dicía o poeta e nós concordamos. Igual se nos levara, desde o berce, cara a outra declarada máis útil e eufónica; igual xa llelo fixeran aos pais. Pero reatar o vencello no idioma dos avós, da estirpe e a terra, fermoso, próximo e cotián; acadar normalidade e fluencia era en Lugo eventualidade gramatical, lexicamente doada. Un fondo prexuízo facíao porén -como fai- social e psicoloxicamente custoso. E o rapaz querencioso de equidade atopou vitamina democrática: o idioma somos nós, pobo común. O rapaz falou en galego, a lingua popular, produciu novidade e algún escándalo. Os nosos inimigos saben ben que as palabras vencen ás espadas.

Leuse primeiro, falouse. Ao tempo, cantabamos. O exemplo de Voces Ceibes -ás veces, quizá, directamente o de Serrat, Llach e outros catorce jutges-, ou aquel orballo que pingaba fixo galega a guitarra, xuntarse, entoar. Houbo en Lugo, sobre todo, grupos. O Carro (Antón Campelo, Chiruca, Pedro...) traía novas da longa noite de pedra: “Son un pasmón”, “Monólogo do vello traballador”, “María Soliña”... No 72, Mini, Mero e outros oito ou dez xuntaranse co cura Mato e escorrentarán meigallo: fuxan os ventos dos agoreiros!; a sabenza de Mato en materia musical e folclórica orientarán -primeiro ao grupo e sempre ao dúo- no gusto popular e labrego, un mundo que se borraba. Jei Noguerol estudaba no Masculino e falaba polos que non poden falar, denantes dos vinte anos.

Manolo Lombao, en Radio Popular os sábados á tarde, ofrecía palestra e micrófono para este fervedoiro; os Ceibes todos, os lugueses, Maxi e Xena, María e Xavier... Alí, e en festivais de colexio (A Divina Pastora, Gran Teatro...), máis novas voces xurdían: unha, dúas, tres, catro e ata cinco manifestaron, primeiro, ideais e despois transitaron por sendas do folc.

E chegou un momento onde se viu preciso, imprescindible, que o idioma do país fose proposto como fluído cotián, arte, cultura escrita, falada e non excepcional. Veu a Lugo Lois Diéguez, foi a lingua á radio, houbo conferencia e debate. Para daquela, a palabra galego, en nós, expulsara xa contracción, cacofonía. Orgullosa reconquista.



Fotos do recital-concerto de Angueira no Liceo (enviadas por Pepe Trebolle)
Graciñas a Trebolle porque permitirá, ós que non puideron asistir, contemplar, só en parte, a beleza monumental do mural dos irmáns Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios (na foto inferior, tralo recital, con Angueira, Delfín Caseiro M.V.).

11 ene 2008


Do patrimonio vigués (fagámoslle sitio ós amigos de Vigo)

Ademais no blog podemos ilustrar o artigo do Ferro (nome que lle dan algúns amigos) con esta fermosa postal antiga do Berbés

MANUEL RIVAS Luces: Inxustos con Rodríguez

Seguro que xa leron vostedes o artigo de M. Rivas hoxe en El País. Aquí queda por se alguén quere opinar ó respecto.
No mesmo número de Luzes, a entrevista de Xoán Carballa con Franco Grande e o artigo de resposta de Suso de Toro: o tema das declaracións de FG xa se tratou aquí e a min non me entusiasma, pero...
(Na imaxe, a Olimpia, de E. Manet, 1863, citada por Rivas ó comezo do seu artigo)
O artigo remata así:
Cambiou máis o nacionalismo que os seus detractores
O nacionalismo galego terá cousas importantes que revisar, sen dúbida. Mais tamén moitos deben revisar o trato que se lle dá ao nacionalismo galego e os seus representantes. Cambiou máis, a mellor, o nacionalismo galego que os seus detractores. Paco Rodríguez é un magnífico exemplo. Cantos deputados galegos en Madrid poden presentar un balance semellante non a prol do partido senón da comunidade? Fixo un traballo que hoxe se demostra como moi eficaz, e expresouse con firmeza, porque é un tipo duro de roer, mais tamén con decoro. Sen renegar dos seus principios, soubo negociar sen sectarismos. O mesmo podemos dicir do traballo como eurodeputado de Camilo Nogueira, antes de perder de xeito tan inxusto un escano que outros manteñen só por figurar na lista pechada dunha escudaría política. E que dicir da experiencia de Xosé Manuel Beiras? Segue aí, pelexando, escribindo, coa enerxía creativa de quen se bate no piano cunha complicada partitura.
É certo que a do nacionalismo galego contemporáneo é unha historia, ás veces, pouco piadosa e exemplar. É certo que, ás veces, as peores puñadas téñense dado entre compañeiros e irmáns, malgastando as forzas e o tempo. Mais hoxe é de xustiza falar dun tempo comparativamente mellor. Beiras, Nogueira e Rodríguez son de madeira distinta, mais de madeira nobre. Como políticos, como docentes, como investigadores, teñen dado froitos que enriquecen o seu país. Qué recibiron por parte de moitos condutores de opinión na propia terra? Ignorancia e mal trato. Couces.