O idioma. 27 ene 2008
O idioma. 

26 ene 2008
Texto de Afonso Vázquez-Monxardín e presentación da intervención de Edwin Yabo na conferencia sobre o negacionismo do Holocausto e a memoria das súas vítimas.
Memoria da Shoáh (Afonso Monxardín, ECG 27 xan.)
O BNG IMPIDE QUE O PARLAMENTO CONDENE O NAZISMO E HONRE A MEMORIA DAS VITIMAS (nota da AGAI, Asociación Galega de Amizade con Israel, en Comentarios).
CADERNO ABERTO 21-24 XANEIRO 2008 (Galicia Hoxe)
O amigo Fernán Vello fixo durante esa semana unha xeira de artigos sobre a realidade da literatura galega hoxe, na poesía e noutros xéneros. Axunto agora os seus cinco artigos (en COMENTARIOS) para dar a oportunidade de lelos completos e con máis coherencia. Non abondan demasiado estes achegamentos de conxunto, por iso pensei que pagaba a pena traelo aquí.
Letras galegas do noso tempo (I).Coincido eu plenamente con Avelino Abuín de Tembra: "Nunca se produciu en Galicia tanta e tan magnífica literatura desde a Guerra Civil. Unha promesa de lingua forte, digna e decorosa. ¡Aval e garantía de supervivencia!". A literatura galega que se produce hoxe, no seu conxunto, é unha aposta polo noso futuro como país –nación con cultura propia e idioma propio– e constitúe unha realidade de gran transcendencia artística e estética. E todo isto é demostrábel. Existe, por exemplo, unha pléiade de poetas novos –e as mulleres aí son máis visíbeis, aínda que hai nomes masculinos de indubidábel calidade– que non ten parangón, na súa diversidade e valores poéticos per se, non só na Península Ibérica senón no conxunto das poéticas europeas. E esa xeración nova –poetas que andan agora arredor dos 30 anos–, unida á xeración anterior –a chamada Xeración dos 80–, son talvez o momento da poesía galega máis importante –xunto co período medieval e o rexurdimento do XIX– de toda a nosa historia. A poesía galega actual, señores destrutores do país, é unha realidade luminosa que percorre Europa.
(O artigo completo en comentarios)
Castelán con palabras galegas, A. Piñeiro (LR 26 xan.)
Contra lo que tengo por costumbre desde hace años, este artículo voilo escribir en castellano. Pero no en castellano antiguo, como podría suponer. Ni tampoco con la intención de que me se entienda. Si no con el claro propósito de que me se lea con la misma tolerancia y seame aceptado con la misma impunidad (en lo que refiérese a la colocación de pronombres) con la que a menudo todos leemos y escuchamos artículos y declaraciones, comunicados y mítines, de políticos de toda casta y condición, ya sean ’rexeitadores’ de la causa, ya ultradefensores a ’esgalla’ de ese híbrido de mínimos (aunque no créalo, sé de una profesora de gallego que del ’grazas’ ha pasado definitivamente a ’Franza’) que ahora debemos hablar si queremos nos colocar en el bando de lo politico-lingüísticamente correcto y no táchennos de enemigos del gallego, como a menudo suelen hacer algunos incautos que acúsanme de estar contra Galicia y contra el gallego.
(Segue o artigo...)
Cuestión esencial dous, A. Vázquez-Monxardín (LR 26 xan.)
Hai tempo puxen enriba da mesa un tema de se era mellor a cachucha ou o lacón para o cocido. Eu apostaba por unha terceira vía, que era o dente, e o asunto trouxo unha cola antropolóxico-gastronómica moi longa no exitoso blog ’Uvas na solaina’ que Marcos Valcárcel ofrece como espazo de reflexión e lecer a amigos e internautas.
(segue o artigo...)
29. Memoria son.
María Xosé, Saleta, Rosalía e Xosé Alfonso
non poden estar aquí. Son o presente..

Praza do Campo Castelo.
A torre coa campá é a do concello; a outra, da igrexa de Santiago, A Nova.
A casa máis á dereita, branca, debeu ser a de Ánxel Fole cando neno.
(Tomado de http://personal1.iddeo.es/palvez/lugo/lugo2.htm)
Non sempre a evocación é exercicio de saudade. Lembrar pode ter movemento espontáneo, comparanza desapaixonada ou intención conquistadora. Para uns acaba en noción de derrota, outros conciben motivo de esperanza. Peso de vida, grácil rebrinco lizgairo.
Cinco décadas ascenden San Pedro morosamente; de socato, alí volven estar a delegación de Lotarías e un encerado exterior cuberto a xiz, numeracións, premios en peseta, trinta millóns no alto. Un neno que ía con présa de neno demora ollada en infantil dispersión, aquel escaparate amosa libros: un autor, nome de látego, Knut Hamsun; título conciso, “Gog”, que é case onomatopea do estentóreo, insinúa estraños mundos e envía atención ao Giovanni Papini inscrito na cabeceira. Corenta anos despois, non foron lidos.
O neno trae, seguramente de Aquilino, unha pedra de mecheiro. Case transpondo a porta de San Pedro, lembra que tamén se lle encargara carne; onda o Campo do Castelo, fronte a tabernas, un chanzo méteo onde despacha un home de beizo groso, pouco pelo, voz algo sibilante. Manexa coitela, amablemente serve o quilo de bistés por bastante pouco carto. O neno sabe que é vianda un tanto dura, enerxía -porén- certa; atrás quedan rótulo e figura equina. As décadas agachan que certo home de cincuenta criará filla moi amante de cabalos, amazona.
Pasou a vacación de Nadal, retorna a escola; “colexio” para o neno, denotando pagamento moderado. Nunha esquina de Ramón Montenegro hai letreiro cuberto de vidro, fondo negro, co xugo, as frechas, unha lenda: “Hogar del Productor”; xantan alí moitos obreiros, condición nominalmente reconvertida na orde franquista. O primeiro andar da casa alberga academia que certo mestre segoviano, depurado, abrira na cidade. Cativos e cativas, xuntamente, practican debuxo e caligrafía copiando cartonciños (o máis cobizado, “En la fiesta de San Borombón...!”, parranda e animais); aprenden historia e xeografía en competición por parellas; contas, Historia Sagrada; os sábados, lectura: Marco Polo e Pigafetta serán memoria, marabilla, gozo presentido en viaxe, en exotismo. Se ben o titular xa pouco para, ese colexio de don Gregorio ten sona merecida, e os pais do neno esfórzanse en pagalo. Morrendo o século, un corentón encontrará o vello didacta en determinado conto; verá unha imaxe del, algo retorta, en gran pantalla.
Gozosa sexa escola que transmite e nutre vida. A vida que anda fóra, rolando con monotonía desfeita por xornadas de mercar no centro, coa mamá, e escaparate que por unha vez non é espectáculo devecido; ou esa celebración onde o rigor económico dá lugar, sen inconsciencias, a principio xubiloso: “un día é un día e un peso gastouse”. Pouco gasto se fai fóra nun entroido case non enmascarado: percorre o neno San Roque, travestido en feminino polas primas, e como único sinálao o circundante indumentado de diario; as primas, maiores, irán ao baile do Círculo das Artes, que un cronista proclama “Los Carnavales de nuestro pueblo”. Quince anos despois (1979?) retornan disfrace e rueirada que a lembranza nunca perdera.
Non sempre tempo pasado foi peor. O neno vivía rodeado de animais; ratos había polas casas, sapos, rans e vacalouras en poza ou trozo verde; cans e gatos transitaban, testemuño de vida azarosa e procura de sustento. O home de cincuenta viu desratizar; lembranza é a vacaloura, ilustración o sapo no libro dos seus fillos; un can doméstico arrastra o abandono, boquexa un michiño moribundo en tanto marcha o condutor inadvertido.
Non sempre o tempo pasado foi mellor. Chega Paco Cerillas arrastrando perna e brazo paralizados, inician cativos a mofa, prepara el un esgarro como argumento disuasorio; o rapaz maior que se pensa coche xorde alasando, hai solaz para algúns (“ata che mete as marchas”), olla e lamenta -compasivo- o pai do neno: “e non o recollerán?”. As décadas verán recollida, atención, educación para tal desvalemento.
Banda sonora para o sentimento. Canta Edith Piaf, un himno de melancolía esperanzada.

25 ene 2008
As expectativas incumpridas do cambio
Personaxes da cultura falan de mudanza nas formas pero non no fondo
A reportaxe completa
Para o historiador ourensán Marcos Valcárcel, porén, existiu unha "sobredimensión das expectativas" en relación ao novo goberno. "Os creadores agardaban máis iniciativas novidosas, máis imaxinación nas instancias culturais", considera, aínda que recoñece "inercias herdadas en certos campos". Valcárcel repasa o programa cultural histórico do nacionalismo: "O nacionalismo, que agora leva a política cultural na Xunta, sempre baseou a crítica na falta de democracia, mais a xestión non se diferencia demasiado do anterior, con grandes espectáculos e falta de participación das asociacións de base".
(Fun un dos entrevistados nesta xeira cultural: as miñas argumentacións, como é lóxico, foron moito máis completas e quizais máis matizadas (falei mesmo por sectores culturais): cando poida procurarei traelas aquí de forma mellor estruturada. Xuguen vostedes mesmos as opinións dos diferentes entrevistados).

24 ene 2008

Eses días viviuse e morreuse (un morto e dous desaparecidos) o naufraxio do Cordero, un episodio máis da loita desigual que libran os pescos cos mares grosos. Por algo en galego o mar leva xénero masculino, como lle acae a un cruel deus das tempestades, soando entre nós "la mar" a imperdoable prosmada. Se alguén se decidise a novelar ou filmar a traxedia dos mareantes engulidos polo mar adoecido, negro por baixo e albo por riba, a obra resultante deberá titularse Todos foron valentes.
Ultimamente xa hai escasos íncolas que desafien as ondas e os tripulantes chegan case dos antípodas, do Mar da China e do Mar da Sunda, isto é, de remotas xeografías que coñecemos polas aventuras do Tigre de Malasia, campión literario da nosa adolescencia. Seica os científicos intentan deseñar barcos de maior seguranza, corrixindo o "momento escorante" ou abalo producido polos golpes da ondada. Ese "momento" fáiseme tan abstruso como o "momento angular" do que falan os astrofísicos (propiedade dun corpo celeste de movemento circular), pero desexo vivamente que inventen naves inmortais. Grazas aos mariñeiros sobreviventes e finados sentímonos orgullosos de sermos galegos. Pouco máis temos de que orgullarnos.


23 ene 2008

(1) no post da presentación do libro de Ceferino Díaz deixei unha breve nota, primeira impresión, dese acto
(2) creo que xa caeu da páxina á vista o post de O GAITEIRO DE TEXAS (15 xaneiro, artigo de Monxardín), con 156 comentarios neste momento, todo un record que pon en evidencia as paixóns melómanas dos contertulios desta casa: atenderémolas en futuros textos, aínda que vostedes son moi libres de seguir, alí ou noutro lugar, os seus debates e relembranzas musicais.
22 ene 2008


Como xa se fixo coa de Juan Cruz, o Liceo colgará na súa web a gravación íntegra da conferencia que onte pronunciou Luis Mateo Díez no Liceo ourensán, nos XVIII Encontros Literarios, despois de ser presentado con xeito por Teresa Devesa. Xa que logo non a vou resumir aquí e limitareime a contarlles, ós non asistentes, que se centrou sobre todo no poder da Palabra, a Memoria e a Imaxinación na construcción da literatura. Polo camiño falou de qué é a novela, da relación entre a relembranza e o relato e do poder fecundador da memoria: “A imaxinación non é outra cousa que memoria fermentada”, en fermosa definición de Lobo Antunes.
Pero si sorprendeu a algúns (non a outros, que xa o tiñamos escoitado outras veces), o fondo coñecemento que o leonés Mateo Díez ten das letras galegas. Iniciou a súa charla reivindicando o centro do mundo nas súas terras natais de Laciana, que se multiplican no noroeste peninsular, dende o que os autores galegos e leoneses loitan en tensión co desexo de universalidade (e citou a mestres como Kafka, Roth e Faulkner). Esta loita e esta tensión é común, dixo, a autores galegos que foron moi relevantes na súa formación e citou, entre outros, a narradores como Rafael Dieste, Ánxel Fole e Méndez Ferrín. Tivo palabras de fascinación para “Os biosbardos” e para “Xente ao lonxe”, confesando o poder de Blanco Amor no espertar do escritor. E, por suposto, para o amigo Carlos Casares. Pero tamén falou de Curros (viña de visitar Celanova, con Teresa) e de Celso Emilio Ferreiro, a quen coñeceu nunha Feira do Libro de Madrid (“un dos meus poetas favoritos”). Aínda, noutros momentos da charla, saíron a conto autores como Manuel Rivas. E logo, na cea, alguén lle preguntou por Álvaro Cunqueiro, a quen, nun lapsus deses parvos, esquecera citar, sendo un dos escritores fundamentais do seu universo literario, que coñece moi ben, como logo nos demostrou, e a quen sempre admirou moi fondamente ("uno de los más grandes").
A AELG iniciou un proxecto de salvación de palabras en desuso e, xa que logo, en perigo de extinción. Tras pedirlle permiso á propia asociación e ó promotor do proxecto, traio aquí a carta que se está a enviar ós socios e máis un primeiro documento de Palabras recuperadas, con indicación das persoas que fornecen os datos respectivos (en COMENTARIOS). Da AELG infórmanme que solicitan a colaboración de todo o mundo que poida achegar máis suxerencias ó respecto.
Esta é a carta enviada:
Prezado Socio/a:Días atrás presentámosvos a iniciativa de recuperación de "Palabras conmemoria", que pretende xuntar un banco de palabras en desuso (e polo tantoen perigo de extinción) co afán de recuperalas e poñelas de novo envixencia e nos dicionarios.Pois ben, hoxe enviámosvos un primeiro documento (anexo) coas achegas recadadas até o momento.Ao enviar a palabra, cómpre facer constancia do seu significado ousignificados, así como a zona (ou zonas) onde aínda pode ser escoitada,amén doutras características que se consideren oportunas para a súarehabilitación.Animámosvos a seguir facendo os vosos envíos ao seguinte enderezoelectrónico a cargo do noso Vogal por Lugo, Isidro Novo: palabra.con.memoria@aelg.org.
Recibe un cordial saúdo,O Consello Directivo da Aelg.
Entre as palabras desta primeira remesa figuran formas tan orixinais como
acomerar, babuxo, broas, cencellar, conaipas, escampaviar, escornapitos, facer xixa, gabuxas, quilar, á rebendía, sifate e xarbote.
Un pouco de lingua (Monxardín), evocación de Díaz Pardo (Sarille), chineses e máquinas tragaperras (Gzez. Tosar)...
Contra as lapas, de Afonso Monxardín (GH 22 xaneiro)
Isaac (X.M. Sarille, ECG 22 xaneiro)
Chineses (L. González Tosar, ECG 22 xaneiro)

21 ene 2008
Ou cadro branco e cadro mouro como dicían nos inicios de A Nosa Terra história. O cadro branco para a colección das 26 películas de grandes directores que comezou onte con Cidadán Kane. E o cadro mouro para a colección que o mesmo xornal anuncia, dende o domingo próximo, de Cuarto Milenio, do inefable Iker Jiménez. Eu non vexo nada ben que un xornal que se autodefine serio e progresista promocione estas chafalladas paranormais.



