Marcos Valcárcel (La Región, 14-07-2008)
A represión. O pasado venres presentáronse os primeiros resultados do estudo ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’, impulsado polas tres Universidades galegas e a Consellería de Cultura. Trátase dun proxecto historiográfico, iniciado no 2006, que pretende medir e definir os marcos da represión da guerra civil en Galicia. Con cifras e datos plenamente contrastados, con rigor metodolóxico, como afirma Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea. Para iso contouse con fontes como o baleirado das causas militares da IV Rexión Militar, de todos os rexistros civís dos concellos galegos, da bibliografía existente (nalgúns casos xa moi exhaustiva como no exemplo ourensán, estudado por Xulio Prada) e dun total de 349 entrevistas orais realizadas en Galicia, Asturias, Cataluña e varios países americanos. (...) (...)
Vidas cortadas na súa plena madureza: moitos dos executados estaban por baixo dos 45 anos. Vidas que representaban o mellor do réxime republicano, dende as súas autoridades (moitos mandos militares ou o alcalde socialista ourensán e o gobernador civil do Ourense republicano) ata humildes carpinteiros ou labregos. Todos aqueles que tiveron responsabilidade coa Frente Popular foron duramente castigados: tal era a consigna explícita do xeneral Mola e de todos os alzados contra a República. Velaí case catro mil vidas (esa é unha cifra posible cando remate este estudo) frustradas e negadas: é ben xusto, cando menos, restituír agora os seus nomes, a súa memoria e a súa plena dignidade.
(o artigo completo)













