20 mar 2007

Linguaxes dos primeiros 70 para o mundo do século XXI

Conste que non quería volver sobre o "caso Gómez-Valadés": pola miña banda, estaba todo xa dito e neste blog tamén se escoitaron todos os argumentos posibles (sen censura ningunha).
Pero despois de ler os artigos de Guillerme Vázquez no Faro e dese "valor emerxente" que asina Xabier Igrexas en Xornal.com, quero manifestar que estou totalmente de acordo coa análise que fai M. Bragado en "Volta de torca" (Brétemas).
Estase a demostrar que o intento de expulsión de Gómez-Valadés (que xa ten moral, o home!) é moito máis que un caso ou unha anécdota: é un debate transcendental para o nacionalismo de hoxe e do futuro. Pon en cuestión a liberdade de expresión e a auténtica concepción de pluralidade do modelo do nacionalismo para este país. A min lembroume, xa o contei en Brétemas, cando a algúns nos alcumaban como "culturalistas" dentro da UPG (tamén eu pasei por esa casa e non son ningún renegado, aínda que algúns non me creran). Ou cando se me encargou un informe para que os militantes de base non leran revistas tan perigosas como Teima ou El Viejo Topo, que seica deprimían a algúns militantes. Ou cando nunha célula se prohibiu discutir El origen de la familia, la propiedad privada y el estado, de F.Engels, porque os militantes non tiñan nivel e ó mellor o entendían ó revés.
E como algúns calan, supoño que por medo e porque hai eleccións ás voltas, e outros opinan cos argumentos das críticas internas da UPG dos primeiros 70, por iso quixen manifestar aquí de novo a miña solidariedade cos que levan esta loita adiante dentro do BNG.
Aínda máis, se alguén non asinou e está de acordo co que eu estou a dicir, xa sabe onde (militantes e non militantes): carta aberta a Anxo Quintana.
Unha valiosa análise do blogomillo

No Faro de Vigo de hoxe Manuel Ángel Candelas Colodrón, profesor da Universidade de Vigo, fai unha interesante e atinada análise do blogomillo galego. Paga a pena ler o traballo completo, que demostra que é un excelente coñecedor deste mundo virtual e que ten o don da síntese e da interpretación do conxunto. Para abrir boca deixo aquí un anaco amplo deste artigo de opinión, que, ademais, nos dedica algunhas gabanzas, que agradecemos de corazón:

O primeiro que chama a atención no blogomillo é a diversidade de intereses que xunta. Pola esperable xuventude destes protagonistas, os asuntos vencellados coas diferentes formas artísticas (poderiamos dicir de vangarda) son maioría: innumerabeis blogs de música, con impagables crónicas das euforias nocturnas (Beliscos pequenos ou Apocalipse do porco), ou senlleiras mostras de afeccións á xéneros (O niño do moucho co seu heavy metal) ou a cantantes (+ dylan, con Chiquito de la Highway 61). Tamén aparecen numerosos blogs de artes plásticas (con tendencia á fotografía), con galerías enteiras, que permiten amosar a incandescente creatividade de moitos artistas descoñecidos fóra deste ámbito. Aínda que non son estrictamente diarios, como é habitual nos blogs, contaminan o blogomillo co seu xermolo de orixinalidade e deseño, como pode verse en páxinas coma Selva de Esmelle ou A pícara de Allegue, bitácoras, por certo, suliñadas cunha preponderante e poderosa voz feminina. O mundo do cinema, que ten tanta devoción interneteira, cabe no blog de Días estraños, cun dos máis activos blogueiros, Martin Pawley, quen provoca, con sentido lúdico e vitriólico, aos cinéfilos máis recalcitrantes da galaxia galaica. Dentro deste aspecto do cinema, é inevitable a mención do bizarro Cinema Friki ou ás diferentes reflexións, máis ocasionais, de Mario, desde O porto dos Escravos, ou do dono de As túas balas, que poñen con perspicacia e unha vontade de estilo notoria o seu persoal contraponto. O do cinema é asunto que se repite en boa parte das bitácoras, coa aportación xa ineludible do You tube para ilustrar os comentarios.Pero é indudable que a importancia do blogomillo mídese no (ultra)terreo dos libros. É celebrado, cunha perspectiva específica de editor, o de Manuel Bragado, Brétemas, que engade, de cando en vez, reflexións de corte político e social, fenómeno moi frecuente, mesmo obrigado, nesta caste de cadernos. Desde o mundo bibliotecario (Ana Bande) ou da edición institucional (Fragmentos da Galaxia), danse a coñecer iniciativas útis que desde outros lugares non é doado atopar. Os escritores non resultan alleos a este esforzo intelectual e acostuman levar ás súas bitácoras as súas consideracións sobre o mundo da cultura como fan Jaureguizar no Cabaret Voltaire, Francisco Castro na Canción do náufrago ou Fran Alonso en Cabrafanada. Outros, coma Moralla (Yolanda López) ou Gradicela, prolongan nas páxinas do ordenador a súa pulsión literaria, que acompañan con ilustracións fotográficas ou con debuxos. Neste caso, o diario convírtese nun acto creativo de primeiro orde e abre a posibilidade, aproveitada por moitos, de dar o salto á maxia do papel, amenazada xa por esta virtualidade. A conexión entre o blogomillo e a industria libresca atopa nestes casos un extraordinario punto de encontro, que eu agoiro pasaxeiro por ver que moitos (e moitas, xa que as mulleres ocupan un lugar preminente) son máis lidos por este formato ca pola súa impronta impresa.A creatividade comparte espazo coa crítica cultural, social ou política. Un dos blogs máis lidos e respeitados é o que comanda con espíritu xeneroso Marcos Valcárcel desde As uvas na solaina. É un dos casos senlleiros da trascendencia do blogomillo no mundo do papel diario. Non é raro ler nas páxinas de opinión dos xornais temas ou asuntos tratados nesta bitácora, chea de suxerencias e conversación civilizada. Á política deriva boa parte do blogomillo, de xeito inevitable: desde blogs de partidos ou candidatos á alcaldía (de pouco peso dentro do espíritu combativo e creativo do blogomillo que non gusta de consignas ou de ideas preconcebidas) ata máis sesudos (e elegantes, como o de Manuel Gago) espazos de reflexión (Zerovacas ou Calidonia), sen esquecer os xa clásicos (e consabidos) blogs que serven para o desafogo persoal do creador e dos comentaristas que entran a algo que nin de lonxe pode parecer un debate.

Avós e nenos.
Pan por Pan 20 marzo (Imaxe de D. Arbus)
Tiven que ler a noticia dúas veces para convencerme de que era verdade: oito alumnos dos que utilizan a liña escolar Buxán-O Bolo decidiron faltar onte a clase en protesta pola obriga de compartir o seu autobús con adultos, tal como aprobou a Xunta nun proxecto piloto para aproveitar o transporte público en concellos de poboación dispersa, con prazas libres nos buses escolares. A presidenta da asociación de pais e nais tamén se opón, seica por razóns sanitarias, pois ten medo a que os nenos sexan contaxiados polas persoas maiores que acoden a consultas sanitarias. Pero que mundo estamos creando? Teñen tamén medo de contaxio eses pais cando deixan os seus fillos cos avós? Como casa esta imaxe chea de prexuízos co merecido respecto ós maiores que debemos inculcar nos nenos? Gañáronse con nota un capítulo na Historia Universal do Disparate.

19 mar 2007


Historia de Europa nas escolas?

Colgo aquí o artigo que J.A.Marina publicou o domingo en El Mundo (debe ser a primeira vez que uso un texto dese "xornal"). Non estou totalmente de acordo co que di (teño as miñas distancias sobre o que se afirma do ensino da Historia en España), pero si acepto a idea central: a necesidade dunha Historia de Europa nas escolas. O problema sería sempre o cómo. Ben, pode servir para abrir un debate, se a alguén lle interesa (Na imaxe, un dos retratos de Rembrandt).

"
La canciller alemana, Angela Merkel, considera que sería muy útil que existiera una asignatura de Historia de Europa en la enseñanza secundaria de todos los miembros de la Unión Europea"
No útil, sino imprescindible. Las narraciones históricas se utilizan cada vez más para robustecer las identidades nacionales. Hay un egocentrismo nacional que impide comprender a las otras naciones, de la misma manera que el egocentrismo individual impide comprender a las demás personas. En el sistema educativo español estamos yendo en dirección contraria a la recomendada por Merkel, fragmentando la Historia hasta extremos ridículos, y por eso nos entenderemos cada vez peor. Pero me temo que si la Unión Europea no elabora una directiva contundente, esa asignatura nunca existirá, al menos entre nosotros. La Historia de Europa, el gran proyecto kantiano de una historia cosmopolita, nos permitiría entender muchas de las cosas que suceden fronteras adentro.
Acaba de aparecer un libro que les recomiendo -«Encyclopedie», de Philipp Blom (Anagrama)- que cuenta una página importante de esa historia común: la elaboración y edición de la Enciclopedia francesa. La cristiandad produce la aparición de los valores laicos. La tensión entre ambos elementos, que ahora vivimos en España, forma parte esencial de la cultura europea, y conviene conocer los terrores de la intolerancia. Estoy leyendo «A history of Europa», de Norman Davies, recién publicada por Oxford. Muestra la complejidad del tema. Pero no hay que matar al mensajero. La realidad es compleja, y quien no lo entienda así es que es un simple.

18 mar 2007


Debe haber límites para a liberdade de expresión? Cales son estes? (Tema para debate)
O PP de Estremadura desenterrou, con claros fins electorais, unha polémica de hai anos (2003) a propósito duns catálogos editados por unha editorial da Consellería de Cultura da Junta de Extremadura con fotografías do estremeño J. A. Montoya.
Aquí teñen noticia da polémica; tamén poden coñecer as opinións ó respecto do fotógrafo, que di que non quixo ofender ós católicos de verdade; e mesmo a web do artista, onde están colgadas todas as súas fotos.
Hai uns meses discutimos neste foro sobre as polémicas caricaturas de Mahoma. Neste caso trátase dunhas imaxes que representan elementos típicos, manipulados, das iconas da Igrexa católica, consideradas blasfemas polo PP.
E o debate é o que enriba está anunciado: Debe haber límites na liberdade de expresión? Como e quen os fixa? Cal é o papel do artista ante a censura deste ou de calquera outro poder?






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL. 1959: VIEIROS. A ESMORGA. PIMENTEL.

Aparece A esmorga en Buenos Aires.
Nace a revista Vieiros en México.
Luís Pimentel, Sombra de aire na herba
Emilio Pita. Luís Seoane. Xosé Conde. Obras completas de Ramón Cabanillas.
Poesía de Avilés de Taramancos, Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lorenzo e Antón Tovar.
A petición da RAG, Cela pide que a RAE elimine a acepción de "gallego" como "mozo de cuerda" no Diccionario castelán.
Segunda viaxe de Otero Pedrayo a América.
Revista Escritos en Lugo. Franqueira. Academia Médico-Cirúrxica de Ourense.
Morren Ramón Cabanillas, Luis Brage Villar, Andrés Gaos e José Mª Fernández Colmeiro.
1959 é a quinta de Xosé Cid Cabido, M. Bragado, A. Baamonde, Camilo Valdeorras, Antón Castro, Blanca Andreu, Susana Fortes, Xela Arias, Anxo Quintana, Luís Menéndez Villalva, A. Durán "Morris", Carlos Blanco, Juan Cuesta, Carlos Amil, etc.
Cunqueiro e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca
Galicia como tarea. Teoría de la Atlántida. Algar. Cantigas de novo xeito vello.
Ernesto Guerra Da Cal. Asociación Argentina de Hijos de Gallegos. Revista ‘Anduriña’, do Lar Gallego de Sevilla.
A revista literaria española ‘Ínsula’ editaba no verán un número especial monográfico (152-153) dedicado ás letras galegas.

E en Italia aparecía un relevante estudo da nosa lírica medieval: ‘Studi su trove e trovatori della prima lírica ispanoportoghese’ (Bari), de Silvio Pellegrini.
(Esta última nova vai dedicada ó noso italianista Arume dos Piñeiros)
(Nas imaxes, unha edición de A esmorga; primeira portada de Vieiros, e retrato de Cabanillas por Isaac Díaz Pardo)

España non se rompe...

O escritor Antonio Gala, presentando estes días a súa novela "O pedestal das estatuas", dixo en Barcelona isto:

"Non se pode dicir que España se rompa, porque nunca houbo unidade no país e, xa que logo, estamos como antes".

Portugal.
Pan por Pan 18 marzo. Imaxe de D. Hamilton

A Xunta levou un revés importante coa instalación en Badaxoz do Secretariado Técnico do Programa de Cooperación Transfronteiriza da Unión Europea, a xanela pola que deben pasar todos os proxectos de cooperación que apoiará a UE ata 2013, incluídos os da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A Xunta aspiraba a levar a súa sede para Vigo, pero España e Portugal preferiron Estremadura. Cales son as razóns desta preferencia por Badaxoz antes que Vigo? Algo tería que ver o centralismo dos Estados, incluído o portugués: Lisboa antes que Porto. Badaxoz está no medio do eixo Madrid-Lisboa. E din que Estremadura fixo ben os deberes: integrando o portugués nas escolas, por exemplo. Aquí, aínda hai moitos prexuízos que asocian ese achegamento a Portugal co nacionalismo e co lusismo. E así nos vai.

17 mar 2007


Pola paga mensual no xulgado
Andoliña 17 marzo. Imaxe de Javier Rosendo, fotógrafo cántabro.

Un mozo de vinte e dous anos, residente en Dos Hermanas (Sevilla), levou ó seu pai ó Xulgado porque este se negaba a subirlle a súa paga para extras, que chegaba ós 150 euros ó mes (a familia xa lle cubría ademais os gastos básicos). Onde leo a nova non se ofrecen máis datos: só que o Xuíz desestimou o caso e que lle deu a razón ó pai; non lle terá que subir a paga, pois. Se se engade que o pai está en paro hai meses e que só cobra 700 euros de pensión e que iso ten que chegarlle para o gasto de toda unha familia de cinco membros (son tres irmáns), é doado entender que o ditame xudicial foi atinado e de sentido común.
Por riba diso, a anécdota permite outras lecturas. Como unha certa conmiseración polos pobres xuíces ós que lles chegan casos cada vez máis disparatados: teñen que solucionar leas de saias e camas, conflitos de cartos e corrupcións varias e ata temas de relacións privadas, coma este caso entre pais e fillo. Algo vai mal cando unha sociedade se infantiliza ata estes extremos e chamamos para todo a papa Estado (ou papa Xuíz). Non funciona demasiado ben o sistema cando moitos, como este mozo carota, chapan de memoria a lección dos dereitos e nin sequera abren a páxina do libro que fala dos deberes.

16 mar 2007


Día mundial da poesía, Helena Villar Janeiro
(El Correo Gallego, 16 marzo. Na imaxe, Luís Pimentel)

A Unesco, por iniciativa das autoridades marroquinas, iniciou en 1998 un estudio de viabilidade sobre a proclamación dun Día Mundial de Poesía. No empeño foi secundada polo escritor Alexander Blokh, ex secretario do PEN Club Internacional, que efectuou unha enquisa verbo diso entre cincuenta organismos especializados de todo o mundo.
Á xuntanza establecida para analizar a idea asistiron 15 poetas representantes das diversas rexións xeoculturais. Tras do debate formularon conclusión positivas sobre o papel da poesía como motor de socialización intersubxectiva, de impulso do recoñecemento dos valores ancentrais, do recoñecemento das orixes, e de promoción da tolerancia e do respecto pola diversidade cultural.
Por todo isto, recordando a importancia da linguaxe poética na construción dunha cultura de paz e non violencia, o Consello Executivo decide recomendarlle á 30ª reunión da Conferencia Xeral (París, 1999) a celebración do Día Mundial da Poesía cada 21 de marzo, día equinocial da nosa primavera, instando a que no evento participen as organizacións públicas e privadas: escolas, concellos, comunidades poéticas, asociacións, museos, editoriais e medios de comunicación.
Os poetas foron definindo ese poliedro que chamamos poesía de xeito luminoso. Pimentel di que é o gran milagre do mundo. Celso Emilio Ferreiro busca a verdade na rexa poesía. Para Mallarmé é a linguaxe humana tornada ao ritmo esencial. Segundo Miguel Ángel Asturias, o poema é o lugar polo que escapa a alma dun pobo. Non hai mellor exemplo que a obra de Rosalía de Castro, un dos grandes poetas universais por ser radical na expresión da espiritualidade colectiva de Galicia.
A Casa de Rosalía, vinculada a esta celebración case desde os inicios, foi escenario dunha das actividades do World Poetry Day que organizou o PEN Clube de Galicia no 2001. No 2006, houbo alí unha homenaxe ao soneto cun recital de sonetistas. Para este 2007, a Fundación Rosalía de Castro ten programada unha lectura pública da súa obra na Casa da Matanza. Alén diso, a institución anima a que ese día se lean versos de Rosalía de Castro, que escribe mollando no propio sangue a dura pluma, ten os máis variados rexistros, toca diversas poéticas, posúe a sinxeleza expresiva e fai canto individual canda a epopea colectiva.

Rosalía de Castro e a Academia (X.L. Méndez Ferrín)
Faro de Vigo, 16 marzo ("Os camiños da vida")

Parece mentira pero con tanto como se escribiu sobre Rosalía de Castro aínda hoxe é o día no que non existe unha súa biografía que una a veracidade co contexto histórico e sociolóxico e o conxunto cunha indagación psicolóxico en profundidade. Hai datos eruditos rosalianos, microtextos, excursións sen dúbida beneméritas, pro nada semellante a unha obra biográfica que una tanto fragmento. E por riba, existe a mitificación.E ollen que non me estou a referir ao mito nacional de Rosalía de Castro en tanto que representación máxima das letras galegas. Esa existe por é regra e, coma todos os mitos nacionalistas galegos, fundaméntase na verdade por moito que lle doa a toda esa riquitropa que convirte a combate permanente ao nacionalismo nunha forma, incluso económica, de vida. Estou a falar das estorias e episodios da vida de Rosalía de Castro que os autores máis serios aceptan acríticamente e que repiten sen dubidar unha liña do catecismo os historiadores da literatura, así os bons coma os menos bons.Por exemplo: que Rosalía fose abandonada pola súa naiciña dona Tareixa (así dicía Carballo Calero nos seus días de esplendor erudito) e que se criase coa familia do seu pai no Castro de Ortoño é algo que non pasa de ruxe-ruxe e que non ten nin unha proba na cal sosterse de pé. Que ela fose filla dun crego de pouco pelo apelidado Martínez Viojo constitúe só unha novela familiar fraguada polos sobriños e sobriños netos daquel señor e da cal tamén non existen probas documentais. Menos mal que, non hai moito tempo, apareceu unha investigadora seria e á cal non lle amarga o traballo, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, e esta púxose a revisar todo. Despois dos traballos, por certo moi ben escritos, desta persoa unha boa parte dos boatos ou lendas ou falsidades ou medias verdades referidos á vida de Rosalía de Castro está sendo abolida e un novo perfil biográfico da nosa autora está a tomar xa imaxe no bastidor no que Victoria borda ou brosla. En fin, que o século XXI está agora a coñecer unha diferente biografía de Rosalía de Castro que non tardará en cobrar forma da man de Ruiz de Ojeda ou da man doutro escritor ou escritora de categoría capaz de, cos novos datos e cos mitos destituídos, insuflarlle unha vida nova á terríbel dama e señora de todos.Hoxe é día grande porque, na Coruña, a Academia Galega vai recibir da Caixa de Galicia a casa que habitou naquela cidade o matrimonio formado por Rosalía e Murguía coido que entre 1871 e 1875. Non se trata dunha doazón, que sería estatutariamente imposíbel, pero na práctica a casa de Rosalía e Murguía na Coruña vai converterse na primeira e principal sede da Academia Galega. A Caixa de Galicia estalle a dar un exemplo e unha lección a todas as institucións galegas no día de hoxe. (Observen: ningunha autoridade e ningún particular pensou en que a Academia Galega podería dispoñer duns poucos metros cadrados na Cidade da Cultura de Compostela). Finalmente, a cesión á Academia da casa na que viviu Rosalía escandalizando a boa sociedade da Coruña coa súa inobservancia relixiosa (explícao moi ben X.L. Axeitos) constitúe tamén un valioso contributo á nova visión biográfica da autora que nos fai sentir orgullosos de pertencer a esta Nación.
Incógnita

É o ruxe-ruxe de moitos institutos hoxe. Seica sobramos profesores/as en todas partes. En moitos centros os equipos directivos teñen que facer números de malabarismo cos horarios para evitar os desprazamentos dos numerarios hoxe existentes. Cando hai traslados ou xubilacións, por suposto, esas prazas quedan xa sen cubrir. E o número de alumnos/as, de momento, segue baixando.
E vai a Xunta e convoca 3.125 novas prazas de profesorado; máis que en ningunha convocatoria anterior. E convócanse tamén cátedras. Por que e para que? Onde os van meter? Ulas esas necesidades de profesorado cando case non se crean novos centros nin aumenta a poboación escolar? Alguén ten explicación para esta curiosa incógnita...

Hoxe no Liceo

Acto de Presentación do libro de Poemas Obertura sen heroe (obra gañadora do 1 Premio AntónTovar, concedido polo Concello de Rairiz de Veiga, e publicada por Ed. Follas Novas, colección Libros da Frouma), da poeta Yolanda López (Ourense, 1976), que terá lugar este venres 16 de marzo ás 20.15 horas, no Salón Nobre do Liceo deOurense, coa intervención de Marcos Valcárcel, Delfin Caseiro e a propia autora, cun recital a cargo de Tereixa Devesa e Loli Conde, acompañadas ó piano por Ángel Losada.

XOHÁN LEDO E O LIBRO GALEGO
(Andoliña 16 marzo)

Cando un se achega a un libro, pasa por varios momentos de fascinación e namoramento. Primeiro vémolo de esguello, quizais nun escaparate. Logo, xa lle dedicamos máis vagar, na libraría, revisando as súas páxinas, imaxinando o que suxiren aquelas follas tan novas. Logo na casa atendémolo con agarimo, expectantes dos mundos novos que esperamos abrir con ese volume. É fundamental a primeira impresión: a apelación da portada, por exemplo. Por iso é ben xusta a homenaxe que Grial lle decica a Xohán Ledo cun monográfico dos seus Cadernos.
Premiado en Trasalba en 1998, alí estivemos, a man de Xohán Ledo ten xa un lugar asegurado na historia do libro galego: cantas evocacións xorden nos seus debuxos para Galaxia dos anos 50 e 60! Recordan a súa figura os seus amigos (Del Riego, Xaime Illa), escriben os especialistas do mundo do deseño, recupéranse algúns dos seus traballos teóricos sobre Seoane ou sobre o superrealismo. Xohán Ledo na Galicia interior e Luís Seoane no exilio foron a imaxe do noso libro durante anos. “Habería que aforcar a quen non aprenda a ler, queimar os pés a quen non lea”, dille Xohán Ledo a Del Riego nunha conversa de 1956: solemne declaración, dende logo, de amor ó Libro.

15 mar 2007

Canon de beleza? (Xavier Cordal, en Galicia Hoxe, 15 marzo)
Alén da "caricatura hipócrita", o feísmo é o resultado dunhas actuacións inmobilarias que destrúen impunemente o territorio.
(Artigo completo)

(...) A ausencia de calquera normativa de construción ou de ordenamento urbano foi o sinal de identidade do desenvolvementismo tardofranquista. As primeiras vítimas foron as zonas mediterráneas, exhibidas con orgullo no cinema cavernícola español cando se iniciaba a expansión do turismo de tortilla e praia apadriñado por Fraga Iribarne. Simultaneamente, ou moi pouco despois, medraron sen control os novos barrios que se foron coagulando nas áreas costeiras máis poboadas de Galicia, erguidos por construtores que non se distinguían pola súa sensibilidade arquitectónica. Pero o doado sería culpar ás empresas; nin as autoridades estatais nin municipais, nin máis tarde as autonómicas, quixeron poñer freo ao negocio, en moitos casos porque participaban del.
Ao galego medio bastáronlle as viaxes en tren polo territorio francés para comprobar que resultaba ben difícil dar detectado os mesmos horrores visuais, polo menos no agro e nas pequenas urbes. Era o xogo das diferenzas: a orde fronte ao caos, o racionalismo urbanístico fronte á lei da selva.
Tardou pouco en aflorar o pathos do autoodio colonial cando, ao volveren, algúns emigrantes galegos -e despois non poucos turistas- interpretaron como indicio de deformidade antropolóxica a nosa sucesión de ladrillos tristes, as vigas de formigón sen pintura. Exactamente ao xeito dalgún dos viaxeiros españois ou ingleses que se aventuraban pola Galicia dos séculos escuros, culpabilizando o indíxena da súa condición miserable e mostrándose incapaces de detectar rastro ningún de beleza -obviamente, tampouco na arquitectura popular.

Zapatero. España e Portugal. Galicia e Extremadura.

Revista das Letras dedica o seu número desta semana a R.Zapatero, cunha ampla entrevista con Suso de Toro, tres páxinas, e artigos de Caetano Díaz e Herminio Barreiro.

E tamén me pareceu interesante este artigo de Galicia Hoxe:
España e Portugal prefiren Estremadura a Galiza (ANGELO GONÇALVES VICENTE).
A caricatura de Rodríguez Zapatero é de Fico Molina.



Cartelismo galego: os nosos artistas (1)
Tres dos nosos grandes artistas no mundo do cartelismo. Tres estilos ben diferentes. Tres propostas interesantes de comunicación co público: Conde Corbal, Sucasas, Mercedes Ruibal.













COMPARTINDO RECURSOS...
Quería compartir con todos vós estas webs de recursos gráficos que eu utilizo a cotío, tanto na prensa como neste blog (p.ex. esoutro día aquel precioso cartel do Castromil). Estas que agora indico teñen unha ampla colección de carteis galegos, tanto de épocas previas á guerra civil (os carteis de festas aquí pegados) como dos anos 50-60 en diante:
Na última das citadas hai sobre 700 carteis de todo tipo, desde actos políticos (candidatos nas eleccións franquistas) a convocatorias culturais dos 70, como ese fermoso selo da A.C. O Galo que Pepe Barro deseñara en 1979. É como facer unha viaxe neboenta pola memoria: cantos destes carteis tivemos nas mans ou repartimos ou pegamos no seu día para anunciar calquera acto político ou cultural?
MOCIDADE, LINGUA, O LATÍN
(Andoliña 15 marzo. Imaxe do debuxante-guionista Robert Crumb)


Escoito na radio que en Francia o Ministerio de Educación prepara un plan para afortalar o vocabulario dos seus alumnos e alumnas dende a educación infantil. Co obxectivo de que os nenos aprendan, antes de chegar á Secundaria, sequera unha palabra diaria e que esta palabra sexa de contido abstracto ou diferente das que usa na súa contorna habitual. Crin escoitar que as primeiras palabras suxeridas eran "Amor" e "Semellantes". Fermoso proxecto: non estaría mal copialo se queremos que os nosos mozos saiban dicir algo máis que “flipado” e “guay”. Agás excepcións, a pobreza do léxico dos mozos é alarmante: é o tributo a pagar ó Moloch da televisión-lixo, a xerga dos móbiles e a estulticie ambiental. Pobreza tamén en castelán, non só en galego: ignoran case todos os cultismos, ás veces idénticos nas dúas linguas.
Ou iso ou restauramos o vello Bacharelato con máis anos, do que algúns docentes seica teñen saudade. Con latín para todos. Xa saben que nos seus últimos días, enfermo, Otero Pedrayo foi visitado na súa casa da rúa da Paz polo ministro de Educación daquela hora, creo que Cruz Martínez Esteruelas. Don Ramón só lle deixou un mandado, con toda a vehemencia que puido: “Cóideme do latín, señor ministro”.

P.S.: Chámame o amigo Xoán Manuel Salgado, un dos grandes oterólogos deste país, e faime decatar dun pequeno erro neste artigo xa publicado (tamén na prensa). O que Otero lle dixo ó ministro naquela ocasión foi exactamente "Salve o grego, señor ministro", porque andaban a preparar un decreto que o eliminaba do ensino ou algo así. En canto mo dixo Salgado, deille a razón: así o lembro eu tamén e pódese documentar nas hemerotecas. En calquera caso, o sentido da anécdota, enmarcado na miña columna, non varia gran cousa.

14 mar 2007



TEORIA DE GALICIA, artigos de Otero Pedrayo en Vida Gallega
En rigorosa exclusiva, podo informarlles da aparición nas librarías deste novo libro de Otero Pedrayo. (O texto da nota e as fotos proceden da Editorial Alvarellos)
Alvarellos Editora publica o tomo sexto da súa Colección Rescate coa edición, por primeira vez en libro, de toda a obra xornalística de Ramón Otero Pedrayo para a revista Vida Gallega, unhas colaboracións esquecidas que se remontan ao ano 1926 e que chegaron, catro décadas despois, até 1963.

Trátase do volume titulado Teoría de Galicia. Obra xornalística en Vida Gallega, 1926-1963, un libro de 400 páxinas que sae hoxe á venda, e está escrito en galego e castelán. Nel reúnense 72 escritos de temática e xénero variados: dende prosas líricas ata crónicas da época, pasando por ensaios e mesmo relatos de ficción. A visión conxunta de todos eles enxerga efectivamente toda unha teoría de Galicia e son unha mostra da monumental prosa oteriana e da enorme capacidade intelectual do Patriarca das Letras Galegas.

A obra conta cun amplo estudo introdutorio a cargo do profesor, historiador e escritor ourensán Marcos Valcárcel, titulado “Otero Pedrayo no xornalismo galego”. Nel afirma:

En Teoría de Galicia atopamos todo o mundo de Otero en pequenas doses (...). Na revista Vida Gallega hai dous rexistros diferenciados: os artigos publicados na primeira época, entre 1926 e 1930 (...) son na súa maioría prosas líricas ou ideolóxicas, inzadas dun latexante galeguismo, e textos de reflexión sobre a esencia de Galicia e as súas visións da paisaxe, da historia ou da tradición. Na segunda etapa, a comprendida entre 1954 e 1963, como é lóxico a presenza de contidos especificamente galeguistas ou de maior carga ideolóxica é moito menor, pero Otero Mantén as liñas estruturais básicas do seu discurso: fale das vendimas no Ribeiro, ou da forza do mar na costa de Muxía, ou das festas do Corpus na súa cidade natal, os elementos fundamentais do mundo oteriano estarán sempre presentes.
Á parte dos textos recóllense neste volume fotografías da época e, sobre todo, varios manuscritos inéditos do autor. A súa incorporación é especialmente significativa, pois neles o lector poderá comprobar o verdadeiro fluír da prosa de don Ramón: as ideas semellan ter agromado nidias –non hai borróns– e abundantes como emerxidas dun manancial.