Antes de saír de vacacións, hai que escoller algúns libros que nos fagan compaña neses días. Tarefa ben difícil: hai un cento deles agardando, moitos deles ben importantes, e outro cento que imploran tamén o seu dereito a compartirme como lector. Pero, en fin, hai que escoller. Polo camiño mercarei algúns máis, seguro. E seguro que irán na maleta cando menos estes catro: o último poemario de Anxo Angueira (Fóra do sagrado, Xerais); un amplo estudo sobre La poesía de Quevedo (Universidade de Vigo), de Manuel Ángel Candelas Colodrón; a primeira novela de Lois Paradelo, Xelamonite (Galaxia) e, moi recente (chegou hoxe), a última entrega narrativa do xenial Xosé Miranda (As mans do medo, Xerais, colección Fóra de Xogo). Esa é a miña escolla hoxe: poida que algo teña que ver que os catro autores son bos amigos. Xa lles contarei se teño tempo para lelos todos.
28 jul 2007

Leo nos resumos da prensa que a arenga de Anxo Quintana en Compostela incluíu esta frase: "Nin o galeguismo histórico nin o nacionalismo contemporáneo entenderon nunca o exercicio do dereito de autodeterminación como un feito puntual nin como unha decisión plebiscitaria, senón como un proceso dinámico para lograr maior capacidade de autoorganización e de autogoberno". Eu estaría de acordo, se se me permiten algúns matices nese "nunca": en moitos núcleos nacionalistas pensouse sempre no dereito de autodeterminación co esquema clásico dos movementos anticoloniais dos anos 60.
A autodeterminación como un proceso vivo, constante e dinámico, que non se esgota nin se identifica necesariamente cun acto constitutivo no cal a nación se dota dun poder político propio. Non é, por suposto, un concepto novo. Hai bibliografía ó respecto: por exemplo, Gurutz Jáuregui, Contra el Estado-nación, 1986. Pero si supón un elemento modernizador no ideosistema desta forza política.
Agardo que o Bloque siga adiante nesas teses: as mesmas que defendían os militantes do PSG-EG nos 80. Daquela, por dicir iso, algúns alcumábanos como reformistas, liquidacionistas e traidores.
7. Espectros na brétema.
Cedo ou tarde?
Non digo que acontecese. Pero no 1969, un serán de xuño, víame no serio apuro de volver para a casa e recoñecer, por primeira e nunca suposta vez, que suspendera tres materias a fin de curso. Menos por pensar ca para atrasar o inevitable, no canto de enveredar por onda o Seminario tirei cara ó parque; xa viña neboeiro do río. Baixando Recatelo aínda o ánimo non tivera a ben comparecer e en vez de Ronda arriba botei Ronda abaixo, só ata o vello poxigo, para entrar e pola rampla subir á muralla. Andando só a angustia non marchaba, ao revés; polo menos, atrasábase a hora da decepción familiar.
En Lugo a brétema pode xurdir calquera día, pero en fin de primavera non é moi corrente aquela pea soup, como seica din en Londres. Onda as traseiras decrépitas da rúa do Miño quixen contemplar o balaústre de Dona Urraca; forzaba a ollada cando unha voz grave, con extravagante fonética, deixou oír curiosas palabras: “A escudeiro moço é devido mostrar valentia”.
Revolvinme súpeto á dereita, pois aquela dición que lembraba os antigos romances era posiblemente o que menos esperaba escoitar naquel lugar pretendidamente solitario. Tiña a carón unha como fosforescencia que medio se impoñía ao neboeiro; pero medida e contorno deixaban sospeitar tamén algo humano e, en efecto, logo se fixeron aparentes, primeiro, xibón, capa, calzas, botas, despois un rostro barbado en cabeza cuberta. Alta e arrogante figura que, descubrín, tamén levaba espada. “Que quere?” “Trago ajuda”. “Quen é?”. “Alma soo; fui homen e ua vez d’aquí mirey”.
“Éche o Espírito do Tempo Pasado como eu o do Futuro, segundo me avisaron”. A outra voz, algo enfastiada, viña da esquerda, e alí había nova ardora e humanidade cuberta por engurrada chaqueta, pantalón e zapatos. “Dentro de vinte e cinco anos hanme chamar Manolo Meiriño, vivirei encasoupado aí polo Carme e vamos axiña, que non me quero atopar comigo en versión infantil”. Case paralizado, sentín como me collían de cadansúa parte; considerándome alucinado, pouco estraño me foi o de descolgármonos polo pano da muralla que ningún transeúnte advertiu, pois ningún había; canto aos dous condutores do Seat 600 e o Simca 1000 circulantes no momento, terían dabondo que facer furando coa vista na sopa de ervellos. Nun tris estabamos na Porta Miñá e alí quixo parar aquel para min solemne individuo. “O amor que me adusse! Soidade de sennor ou cortesia... Poren non era eu eno mundo en era de mil e duzentos”; ollaba unha lápida colocada á dereita da porta na que eu nunca antes me fixara. Pero Meiriño, ou o que fose, deunos para adiante: “de boa gana miraba eu tamén a onde ha chegar o señor Mingos dentro dun tempo, e a Mercediñas” -acenaba cara a onde as prostitutas se amosaban, movendo as canelas contra o frío- “pero non lle hai ocasión, señor trobador; aquí vimos ao que vimos”.
O cabaleiro riu francamente. “Vossa mercee é putanneiro e semella fodedor. Frade sabia eu de tal guisa, e abadessa de que aver proveyto. Mas non haja oimais escarnno en presença do pastor”. Estaba eu certamente escandalizado, non por feitos e palabras seren para min totalmente novidosos, senón por tan abertamente usadas e referidos. Pero xa culminaramos a rúa do Miño e o portador de espada encamiñábase, primeiro, pola da Catedral (algo dixo de “Iohannis Rulan” ou así), despois cara á basílica mesma ata o pé do Pantocrátor.
Contemplou o Cristo en maxestade coma cousa familiar, fixo reverencia e meteunos dentro. Onda a pía da auga bendita santiguámonos ambos; Meiriño -que inicialmente non- acabou facendo o mesmo, quizá xulgándoo cousa que a ocasión demandaba. Dubidou o guía, pero acerto ou casualidade levouno cara á esquerda ata a Capela da Virxe dos Ollos Grandes, onde apenas unha velliña, unha moza e dous homes paraban naquel intre; notoriamente as dúas ardentías non eran visibles para eles, por canto só a min a rapaza dedicou breve e disimulada ollada ao que o titulado trobador me levara ata un dos reclinatorios da dereita instando a “preegar por vós e por min”. Boteille un breve Padrenuestro e, en tanto o parceiro remataba máis delongada prece, considerei de esguello como o outro, que non axoellara, con leve sorriso irónico parecía ensumido en cousa como evocación; alí cabo miña, sentinlle lene rosmido: “Gustaba de saber que será por este tempo do Gaiarre, no seu tobo das Rías Baixas”.
Saímos á Praza de Pío XII, e no medio do adro e néboa o tal Meiriño tomou iniciativa en tanto o compañeiro de misión asumía posición secundaria. “Mira, rapaz, ti estás un apuro e mandáronnos aquí para orientarte. Segundo ves, o fidalgo ten boa crianza, o que non sei é a quen se lle ocorreu escollerme a min, que nin de min mesmo dou gardado; supoño que alí, onda a Porta do Carme, non había nada mellor á man”. Parou e gargarexou; fungou algo así coma que “agora, o que tiña era eu que ter xa sete ou oito zóspiros tomados, e máis con esta borraxeira do carallo”. Decateime de que levaba máis de media hora sen dar chío pero seguín calado, el xa volvía: “non podes ser tan cagán porque é inútil: tes que ir á casa, dicirlles aos patróns que suspendiches e aturar o que che caia. Ti fuches un pasmón: de toda a vida, o que che gustaba eran a Historia e a Literatura, pero nada: polo que din das saídas, que seica ao mellor acabas enxeñeiro e non sei que conas, vas e matricúlaste por Ciencias”.
Sabía a miña vida coma min. “Non che digo o que tes que facer, cadaquén labra a súa leira, cago no leite negro, pero eu de ti pensaba se vas ben ou cómpre mudanza”. “Quiçá quadrivium non é bon consello; quiçá trivium for mellor, e cantigas de Johan Romeu, Lopo Lias, Coton e El Rei don Afonso. Esforço e valentia, escudeiro luguees!”.
Ergueu ollos e fronte o barbado, concentrou a mirada o da chaqueta engurrada. Fitáronme ao pé de medio minuto e deron volta cara á rampla, Meiriño calado e de mans nos petos, o outro entoando un aire no que quixen entender as verbas “Que me queres, amor”; subiron á Muralla e tiraron á dereita, posiblemente cara á Porta Miñá. Por un momento quedei parado no adro, despois botei a andar coa cabeza remoendo. Na Praza do Campo subín soportais arriba. Á esquerda quedaba o Antón Grande -sen barba, con melena, sen coleta- rebrincando onda unhas nenas. Pasei onda as tabernas, nunha certa moza fermosa e elegante -a quen lle chaman Julia- atende os parroquianos; no mostrador dunha segunda -por dentro- ten os cóbados Xaime Dapena e asoman as bochechas coloradas do Rodri suxerindo qué tal iría se, en vez de bar, tivesen unha tenda de discos e roupa: “menos soño, rapaces, que hai clientela” di desde atrás a señora Lola Ceide; “unha de naturales!” piden noutro sitio e sae un home portando bandexa de grosos, celmentos e fumegantes mexillóns.
Todo iso pasa pero eu nada vexo, vou na rúa da Cruz camiño de San Roque. Hai que dicir na casa que suspendín as Matemáticas, Química e Debuxo Técnico; aguantar a arroiada e, no cabo, anunciar que quero cambiar para Letras. A brétema levantou.
27 jul 2007

De certo que sería difícil que os máis dos habituais do blog cairan en trampas saduceas de índole semellante á descrita. Agachados baixo pseudónimos amosan coñecementos e actitudes que se antollan alleas á máis da intelectualidade oficial, mesmo á non oficial-oficial, e fan desexable a súa irrupción nunha vida cultural que pide a berros un oreo, unha ventilación, consecuencia de novos aires e actitudes, tamén da posta ó día dunha comprensión do mundo baseada nos coñecementos e non no estricto orde escalafonal que rixe esta apampanada, esta estática vida cultural que padecemos, ofrecida por xente disposta a asinar calquer apoio que se lle pida pra calquer nación eslavona que se nos poña a tiro.
O pracer (Bieito Iglesias, OCG, 26 xullo)
Ver cine na sala de estar, pouco máis hai que rañar nun período estival que nos escorrisca das praias a poder de choviscas ou nordés. Por fortuna contamos coa expectativa de viaxar en agosto e cos actos do 25 de xullo para entreter a espera. Esta data tráeme bos recordos das verbenas do Santiago no barrio ourensán da Ponte, amenizadas polas míticas orquestras Bellas Farto ou Los Chicos del Jazz, co seu vocalista Manolito el Pescador á frente. Tamén das manifestacións anteriores á conquista da santiaguesa praza da Quintana polos nacionalistas, cando había que espilirse para safar das cachamorras da policía. O 24, amais do tradicional folión, este ano pudemos desfrutar dunhas recuperadas Vésperas do Apóstolo na sé compostelá. O 25 reservámolo algúns para soñar coa Alba de gloria de Castelao.

Andoliña 27 xullo, Galicia Hoxe
A este partido do riso non poderían pertencer, segundo o canon que xa citamos de Bertrand Russell, nin os envexosos nin os competidores compulsivos. Nin os fatigados nin os molestos e excitados. Nin os vencidos polo concepto do pecado. Nin os que padezan manía persecutoria. Nin tampouco os obsesionados polo medo á opinión pública. Todos estes levan canda eles as causas da desgraza e mal poden, pois, defender a causa da liberdade e do riso.
Os que queden fóra dese catálogo, que ó cabo serían poucos, militarán (militaremos de bo grao) no partido do riso.
26 jul 2007

A primeira parte do libro está dedicada ás causas da desgraza: a competencia, a fatiga, o concepto de pecado, manía persecutoria, etc. E entre elas cita Russell con acerto a Envexa: "Para o home discreto o que el ten non deixa de ser agradable porque alguén teña algo máis. En realidade, a envexa é a manifestación dun vicio en parte moral e en parte intelectual, que consiste en non considerar nunca as cousas en si mesmas, senón nas súas relacións".
O envexoso sofre non polo que ten, aínda coa supervivencia económica asegurada, senón polo que non ten: o retrato coincide coa mirada torta dos envexosos notables que eu coñezo. O filósofo remata a faena con xeito: "Hai algo máis envexable que a felicidade? E se eu logro curarme da envexa, serei feliz, e xa que logo, digno de envexa".
25 jul 2007
Xornais de verán No verán os xornais reformulan as súas seccións seica para "alixeirar" os contidos ó tempo vacacional. Polo xeral, para min, estes cambios son bastante negativos: agás excepcións, os xornais perden substancia e queda unha cousiña así como etérea e moi de revista rosa. Tamén aparecen, ás veces, novos colaboradores e novos debuxantes (algúns gratis, p.ex., nalgún xornal galego). En El País aparecen estes días unhas viñetas dun que asina Brieva, na sección "El otro mundo". Pego aquí o debuxo do pasado domingo 22 que me pareceu realmente simpático (se non se le ben, poden ampliar a imaxe clicando enriba dela).
24 jul 2007
Pan por Pan 24 xullo
Tocoulle vivir tempos difíciles e soubo afrontalos con valentía e dignidade: falo de Monseñor Miguel Anxo Araúxo Iglesias, nacido nunha pequena aldea de Sabadelle aló por 1920. De rigorosa formación teolóxica, sempre amosou o seu compromiso coa igrexa dos humildes e coa lingua e a cultura galegas: velaí a firmeza do seu discurso en Trasalba, 1988, cando o goberno español impugnaba a Lei de Normalización do noso idioma, publicado co titulo “Palabras para os amigos”. Fíxenlle unha entrevista longa hai anos e contoume cousas curiosas, como o que lle dixo Franco cando se presentou a el como bispo: “Tenga mucho cuidado con los obreros de Ferrol, monseñor”. Logo rexistráronlle a reitoral en busca do aparato de propaganda da UPG, que por suposto non tiña. A miña única relación coa UPG, contaba, foi ter de alumno no Seminario a Bautista Álvarez.
23 jul 2007


1974: Nace a grande enciclopedia galega
E o mesmo noutros campos. Nacía o grupo teatral Antroido, dirixido por Roberto Vidal Bolaño, e Abrente celebraba a segunda Mostra do Teatro Galego en Ribadavia, á que acudiron grupos como Ditea e Rosalía de Castro, de Santiago. No xurado daquel ano estaban Eduardo Blanco Amor, Manuel María, Euloxio Ruibal (gañador o ano anterior), Francisco Rodríguez e Xavier Fábregas. Pola súa banda Televisión Española inauguraba os seus informativos co Panorama de Galicia, en castelán, con pequenas cuñas e entrevistas en galego (era a primeira vez que o galego se asomaba á linguaxe da TV). Cando Franco viña pasar as súas vacacións a Galicia, unha unidade móbil desprazábase ata o Pazo de Meirás. As asociacións culturais tiñan unha vida moi dinámica, con cursos de galego, audicións de discos, proxeccións de cine en formatos pequenos, etc. A Auriense, por exemplo, convocaba naqueles tempos a escritores como o poeta Fiz
Vergara Vilariño (cando aínda estudaba COU), Francisco Rodríguez, Ramón López Suevos ou X. Vilas Nogueira. En Ribadavia, en Abrente, Luís Álvarez Pousa daba unha multitudinaria charla, diante de máis de trescentas persoas, para informar do que estaba a pasar en Portugal: a revolución dos caraveis. O acto rematou con todo o mundo en pé cantando o Himno Galego. Xornalistas como o propio Pousa ou Celso Montero ían ata Porto e Braga para informar os galegos da caída da ditadura salazarista. E a música estaba tamén moi presente. Creábanse novos grupos e entidades melómanas. En Vigo, cunhas moi activas Xuventudes Musicais (nacidas en 1972). En Lugo, co grupo Folc 72, que pouco despois pasou a conformarse como Fuxan os Ventos. Tamén no 72 nacera o cuarteto de gaiteiros Faíscas do Xiabre. E a figura de Amancio Prada, co seu primeiro gran disco de temas galegos, cantados na nosa lingua: Vida e morte (Hispavox). No mesmo, o berciano cantaba poemas de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Darío Xoán Cabana, ademais doutros, en castelán, de Nicolás Guillén, Miguel Hernández, Luis López Álvarez e do propio cantautor. O disco gravouse en París e Prada á guitarra estivo acompañado de Eduardo Gattinoni ó violoncelo. Os de Voces Ceibes (Benedicto, Bibiano, Miro Casabella, etc.) proseguían cos seus recitais por toda Galicia. 

Peregrinos. “A viaxe do emperador” empeza cuns planos duns peregrinos a longa distancia dos que só pouco despois podemos adiviñar, na paisaxe totalmente xeada da Antártida, a súa auténtica personalidade: pingüíns emperador iniciando unha longa camiñada ata o lugar habitual de procreación e coidado das súas crías. A partires de aí asistimos a un auténtico espectáculo épico e lírico, pois o documental xoga cos sentimentos cunha elegancia singular. Coñecemos o misterio da forza da vida nas condicións máis extremas, onde o ser humano non podería resistir á forza das treboadas da neve e xeo, e tamén a forza dos instintos que marcan, de forma perfectamente planificada, a propia loita pola supervivencia. Non hai nesta contorna xeográfica ningún tipo de templos nin ningunha forma de espiritualidade consciente, só o esplendor da natureza que se regula a si mesma: velaí a idea que identificaba Deus e o panteísmo en Fichte e nalgúns románticos.
Luc Jacquet escolle un modelo de antropomorfismo e dramatización dos pingüíns para provocar a empatía con eses seres tan simpáticos como tráxicos: a traxedia está sempre presente, a ameaza da morte polo frío e as treboadas, e cando se produce o desamparo é absoluto. Ante a perda dunha cría, unha das nais, arrebatada entre os laios e a loucura, chega a querer roubarlle o seu cativo a outra nai, comportamento irracional que tamén se ten dado entre humanos.
Cooperación. A natureza soubo lograr, na longa andaina da evolución, o establecemento de estratexias útiles de cooperación e solidariedade mesmo entre moitos animais. A supervivencia destes pingüíns resultaría imposible sen o apoio mutuo de todo o grupo, para protexerse do frío e dos perigos, e por parte dos dous sexos, que cooperan con exactitude milimétrica no coidado e alimentación das crías. Os seres humanos só sabemos recoñecer a heroicidade entre nós mesmos, pero a natureza está chea de exemplos moito máis notables onde a cooperación faise ver de xeito constante e xeneroso.
“A viaxe do emperador” é unha sorte de gran poema visual, que rexistra en imaxes momentos tan emocionantes como as danzas de amor e recoñecemento destes seres e a beleza do reencontro na nova estación. Noraboa a TVG por recuperar esta xoia do cine documental.
22 jul 2007
Os bufóns.21 jul 2007

San Fernando en hora maina 6. Aristocracias.
Nalgún país viríanlle chamando “españolada” a notable desmesura canto a gasto, profusión e arrogancia; sóubeno en Dumas traducido e víñame á cabeza o romance do Duque de Rivas “Un castellano leal”, onde certo conde de Benavente lle pón lume ao seu pazo toledano tras obrigalo o rei a hospedar alí un traidor. Españolada aparentaba tamén aquela historia de que a Porta San Fernando se abrira para lle dar paso franco a Isabel II e mailo fillo cando no 1858 chegaron a Lugo procedentes da Coruña; algo de lenda urbana debía ter, xa que segundo un rexistro a obra comezou no 1852 e o ano seguinte seica estaba rematada; por moita reverencia que lle fose outorgada á súa moi constitucional maxestade, semella un tanto inverosímil a práctica de prever e executar cun lustro de adianto: aínda non se restauraran as Olimpíadas, nin moito menos se desenvolvera o fenómeno especulativo e negocial que agora vai canda elas. Como for, aquelas reais persoas inauguraron a nova entrada á cidade e chamóuselle inicialmente “do Príncipe”, en homenaxe ao infante don Alfonso.
En San Fernando comeza a Terra Cha, ou algo así dixera o Manuel María; se correcto, unha boa parte dos chairegos viven aquí desde hai décadas, porque moi longa é a Avenida da Coruña. No ano 1962, cando a Porta foi reedificada e ampliada, case todo o mundo lle chamaba á vía Carretera da Coruña, e en efecto daba máis impresión de estrada, con muros, tapias, bastante espazo libre en vésperas de oferta urbanística, numerosa edificación popular e humilde: cal, baixo e planta alta con angosta xanela, porta de dobre folla; só no primeiro treito algunha ampla construción de cinco ou seis andares marcaba selo burgués aínda limitado extramuros. En tempo laboral, bulicio de almacén e industria, non tenda de modas; o matadeiro da FRIGSA empregaba centos de operarios. En festivo, xente camiñando cara uns espectáculos deportivos a miúdo seguidos desde o alto e sen falta de risco físico (“¡Báguense de los tegados!”). Hai fútbol de cada dous domingos no estadio “Ángel Carro”. O Clube Deportivo Lugo non ascende pero anda entre os mellores da Terceira galega, co Rácing de Ferrol primeiro e logo o C.D. Ourense, que traen canda eles notable e pouco acovardado continxente torcedor. O público lugués bérralle ao Seara e ao Pataco, aplaude a fineza do ariete Tarro e a contundencia focega do central Simón.; xa Severino Reija marchara da Carretera da Coruña e formaba en Zaragoza cos Magníficos. Apupan o árbitro ambos bandos por cadansúa vez, algún se cadra vai ao campo no obxectivo fundamental de berrar “cacha pelada!”. Ao mellor un infantil, xuvenil Raúl García de Loza contemplara o paso dos inminentes vociferadores; ou sentaba entre eles, igual.
A unha banda e outra da longa arteria urbanizábase a alegada Chaira, medraba Lugo -xa foi dito- nomeadamente cara ao norte e o nordeste. Cando os anos da posguerra, un tal Rolo vendera en predios certa propiedade rural onde rapidamente se trazan rúas e prolifera edificación nova, húmida, urxente. Agro do Rolo se lle chama por décadas a un barrio que a erección de igrexa e parroquia converterá na Milagrosa. Espazo obreiro no que os rapaces traballaban desde novos, había pouco estudante e quen nacera nos cincuenta mantiña parte do vigor moral desenvolvido por emigrados e supervivintes. A casa que foi do Rolo estivo alí durante moitos anos, dando posibilidade para centro estudoso ou conmemorativo daquel éxodo e renovación sociolóxica; pero houbo antes derriba, e agora un bloque de vivendas no cruzamento entre a rúa da Milagrosa e a de Xulia Minguillón, chamada nos sesenta Romualdo de Toledo.
Existen vidas humildes que exercendo humildade podiamos considerar exemplares. Na Milagrosa, en Romualdo de Toledo, vivía desde neno Paco Nieto. Con dezaseis anos transporta na vespino o que lle mandan entre a oficina de Radio Popular na rúa da Raíña e o estudo preto do río; algo vai ao Instituto en horario nocturno. Logo empeza na emisora coma controlador de son; madurece coñecendo o medio, a sociedade local, acada experiencia política, forma familia. Perde o traballo nunha regulación laboral; arrisca, participa en diferentes empresas innovadoras onde sucesivamente vai quedando á marxe.
Imaxine por un momento que perde todo, practicamente todo o imaxinable excepto pais, irmá, teléfono móbil e algúns amigos que case nada poden facer para valerlle. Imaxínese con máis de corenta e cinco, buscando a vida coma de vinte; vendendo cousiñas, traballando en varios sitios, eventualmente lucrando algún alleo co patrimonio de coñecemento e credibilidade atesourado por décadas. Imaxinen que aos cincuenta a saúde advirte, e advirte seriamente.
Por certa literatura do século XX diríase que ou o mundo é exclusivamente un val de bágoas ou a sociedade marco ineludible de sordidez opresiva e o individuo irredento perdedor. Porén, coma en certo cinema americano hai historias que reconforta narrar polo seu desenlace. Laus Deo, como dicían os vellos, e á condición humana.
20 jul 2007
A Audiencia Nacional prohíbe a publicación de El Jueves por unha caricatura denigrante dos Príncipes.
Na portada da revista reprodúcese unha caricatura do herdeiro da Coroa e dona Letizia practicando sexo. Aínda pode verse na web de El Jueves.
E tamén na web de La Región.
Esta revista de humor xa recibira chamadas de atención dende a Casa Real.
Todos os nomes (Bieito Iglesias, ECG, 19 xullo)
Un inocente artigo de Bieito Iglesias sobre os nomes dos galegos e galegas provoca unha enxurrada de respostas na web de ECG, onde se mesturan os ataques a Zapatero, ó nacionalismo e ata o fútbol (cabe engadir que a maioría dos interpelantes na web deste xornal é, por dicilo suavemente, "moi conservadora").
A cidade máis novelada (Méndez Ferrín, FV, 20 xullo). De Ourense, Universo Literario e dun artigo de Bieito Iglesias en A Trabe de Ouro.

19 jul 2007

- Dende o seu primeiro libro, Los desnudos y los muertos, vén advertindo dos perigos que asexan a democracia, cre que o risco medrou?
- A diferenza fundamental é que antes a ameaza viña de enriba e agora é a televisión a que está a devorar o país. Estados Unidos é un lugar máis zafio, máis barato, máis burdo, máis feo en ton, e creo que se está dando unha aceptación máis natural do fascismo por parte dunha gran parte da poboación. Moita xente estase cansando da democracia e isto é algo que non lembro que se dera antes.
- Que é un conservador de esquerdas?
- Un oxímoron, pero que apunta a un ideal potencialmente valioso. Cando me presentei como candidato á alcaldía de Nova York en 1969 fíxeno con esa fórmula. Velaí unha calella sen saída: nin a dereita nin a esquerda teñen razón e o centro é un desastre. O centro son as corporacións, e o corporativismo está a cambiar o estilo do mundo, someténdonos a todos a un molde único. É a cultura do mal, as superautopistas e o plástico. Edificios de 50 plantas que parecen caixas de Kleenex con balcóns. Nin Bagdad se librou diso, e non se lle pode botar a culpa de todo a Sadam. As imaxes da televisión amosábanos unha cidade espantosa, que se podía confundir con calquera outra cidade do mundo. O capitalismo global das corporacións está acabando coa autenticidade da existencia humana.







