25 may 2008

Cen anos de historia cutural
2002: Sarmiento. Abrente. Paratextos
25.05.2008

O ano 2002 foi o ano do Padre Sarmiento no Día das Letras e arredor da súa figura celebráronse actos en toda Galicia e tamén no Bierzo, coa colaboración da asociación Fala Ceibe. Publicáronse estudos de Antón Costa, Carlos Casares, Pilar Allegue, Sonia Varela, Xosé L. Barreiro, Mercedes Queizas, X.A.Liñares e A. Puentes Chao, etc. E tamén volumes como a edición de José Luís Pensado da Viaxe a Galicia do noso frade ilustrado.
Vexamos agora algúns traballos de ensaio e investigación publicados durante ese ano. No campo dos estudos literarios, rexistramos traballos como Manuel María: os traballos e os días, biografía sociocultural realizada por Camilo Gómez Torres (Laiovento); Romanceiro en lingua galega (Xerais), de X.R. Mariño Ferro e Carlos Luís Bernárdez; As cantigas de Santa María (Xerais), de Elvira Fidalgo; A novela policial (Laiovento), de Xesús González Gómez; O labor lírico do ilustrado cura de Fruime (Laiovento), de Xulio Pardo de Neyra; A linguaxe literaria (Xerais), de Manuel Rosales, e As mulleres escritoras, 1860-1870 (Laiovento), de Celia Armas. En Sotelo Blanco aparecía a Historia da literatura medieval galego-portuguesa, de Xosé R. Pena, e Antonia López García estudaba a obra de Bernardino Graña en Se as aves insistisen na ledicia (Laiovento).
Editábanse as actas do I Congreso Manuel Luís Acuña (celebrado en Trives no 2000) e o Diccionario metodolóxico de análise literaria, de Arcadio López- Casanova. Carme Blanco publicaba en Linteo o estudo Luz Pozo Garza. A ave do norte e Goretti Sanmartín ocupábase dun tema pouco tratado nas nosas letras: Lendo nas marxes. Lingua e compromiso nos paratextos, 1863-1936 (Espiral Maior). Alexandre Rodríguez Guerra ocupábase de Miguel de Unamuno e a lingua galega e Dolores Vilavedra e Inma López Silva da nosa historia teatral recente con Un abrente teatral. As mostras e o concurso de teatro de Ribadavia (Galaxia). Xesús Alonso Montero preparaba a escolma poética A guerrilla antifranquista e os guerrilleiros de Galicia na voz dos poetas. Nos estudos historiográficos, velaí o ensaio sobre o político e ensaísta Eloy Luis André (Baía), de Ramón López Vázquez; O inmigrante imaxinario (USC), de Xosé M. Núñez Seixas; A esperanza bretona, de Anxo Fernández, premio Vicente Risco de Ciencias Sociais; Alfredo Brañas. Textos en galego, de E. García Canosa e C. Nogueira Blanco; A memoria de Pontevedra (Xerais), de Víctor Freixanes, Carlos Díaz e Xosé Fortes; A filosofía krausista en Galicia, de Xosé R. López Vázquez (Centro Ramón Piñeiro). Xosé Luís Estévez revisaba as relacións de Castelao con Galeusca (Laiovento) e Xulio Ríos publicaba en Ediciós do Castro unha escolma do xornalismo de Plácido Castro.
(o artigo completo)

Fraga e o galego (onte, nun "onte" histórico)
Outro amigo (Juan Blanco, graciñas) mándame este rcorte coa nova (sacada do Correo de Galicia, de Buenos Aires) dunha multa de 50.000 pts. a "La Voz de Galicia" por un artigo sobre a lingua galega.
No recorte non se ve a data, pero supoño que se referirá a unha multa do ano 1968 (xuño), imposta por un artigo de Augusto Assía (si, leron ben, A. Assía) que afirmaba que o réxime franquista trataba ó idioma galego como se trataba ós negros en Norteamérica, nun sistema racista.
Escribín sobre isto hai anos, en LVG-Ourense, e por algures teño todos os recortes de LVG, varios, ó respecto.

Fío Musical (18): Janis Joplin (por Gustavo Peaguda)

Entro na tenda de discos. Dez, vinte, cen, douscentos discos que podo elexir. Só escollo un porque lembro aquello escribiu unha vez Xose Carlos Caneiro “ Janis Joplin que por fortuna rompe un día gris e o albor infame das ausencias”.*

Estas breves notas escribinnas nunca folla cando o meu tío estaba no Hospital de Ourense e os berros dos enfermos parecían os laios agonizantes da Janis Joplin.
Somebody to love ¡
Somebody to love!.
(* Estacion Sur. Xose Carlos Caneiro.)
A MIRADA RETIDA (3). O TUCHO.
La Región 25 maio, domingo.

Parece unha taberna sen máis e iso era de certo. Pero esta imaxe evoca parte da alma da nosa historia cultural. Hai unhas semanas, da man da Asociación de Amigos da República, homenaxeamos ós artistiñas do Volter cunha gran festa popular encabezada por Xosé Luís de Dios, Arturo Baltar, Buciños e Acisclo Manzano. Pola praza do Eirociño andaban unha chea de clónicos con gabardina gris, a súa boina, bigote e puro, en homenaxe ó Tucho, que el ben apreciaría.

Pois aquí teñen o Tucho real, en medio de botellas, adobíos kitsch e calendarios. Sen el non existiría, dende logo, o Volter que bautizou Vicente Risco e ó que deron corpo tantos artistas e escritores. Todos eles penduraron as súas pinturas e poemas nas paredes daquel humilde local. No interior, dende a entrada xa se podían ver moitos dos cadros e os históricos murais ó fondo, unha colección de bastóns, unha gaiola non sei se con paxaro ou sen el, unha imaxe da cabeza dun gran gato, mesiñas pequenas e tallos de madeira. (Foto: M.A.R. Yánez, prestada dende o blog de Ana Bande).

Puntualizando..
O amigo Trebolle faime chegar esta dedicatoria do libro "Scorpio", que o profesor Carvalho Calero lle asinou no seu día. "Carvalho" é a grafía que o autor usa na portada, como aquí xa comentamos e recoñecemos. Pero na dedicatoria manuscrita eu só acerto a ver un "Carvallo".
(esta é a entrada 1999 do blog)


Axenda. José Luis Cuerda presentará no Liceo o libro «A soidade das vogais» de José María Pérez Álvarez.
O Liceo da capital ourensá será escenario o luns a partir das 20.15 horas da presentación do libro La soledad de las vocales do escritor ourensán José María Pérez Álvarez, Chesi, polo que obtivo o premio Bruguera de novela na súa terceira edición. Ao acto de presentación acudirá o director de cine José Luis Cuerda, amigo do autor, que achegará aos presentes as reviravoltas da obra.

(Nota: as imaxes, fotos de Trebolle, son da presentación anterior no Liceo, de LAS ESTACIONES DE LA MUERTE. Introduciuno Manuel Zabal, cun texto ben traballado e orixinal. O autor dixo que optara por non variar o texto da súa primeira novela, publicada hai uns cantos anos, e definiuna como a súa "homenaxe a Ourense").

24 may 2008

Fío Musical (17). Vía Tacho.

O National Recording Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos cada ano decide recoller mostras sonoras para ser preservadas para a posteridade como bens culturais dada a sua importancia histórica. Na edicion diste ano esta , "Oh, pretty woman" (1964), do gran Roy Orbison..
Con ise motivo mandovos unha potentísima version cunha banda de luxo: Roy Orbinson, Bruce Springsteen, Jackson Browne, Elvis Costello, Tom Waits, T. Bone Burnett (Burnett versus Srpingsteen), J.D.Souther. Que o disfrutedes.
Dous datos.
Pan por pan sábado 24 maio. Foto: Tatiana Cardeal.

Publicáronse onte os resultados dun estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a inmigración en España. Xa hai 2,16 millóns de fogares nos que vive algún estranxeiro. Os máis numerosos son os marroquís, romaneses e ecuatorianos. No estudo hai dous datos que a min non me sorprenden, pero quizais si a alguén. Por exemplo, demóstrase que só 1 de cada 10 estranxeiros que chegaron a España fixérono en pateras ou caiucos; a maioría chegaron en autobús, tren ou avión, contra o que quixo facer crer certo discurso alarmista. Os caiucos son só a cara máis dramática dun fenómeno moito máis amplo. Outro dato curioso: o 65 por cento xa tiñan traballo antes de emigrar a España e viñeron por un emprego mellor ou por maior calidade de vida. Tamén sucedeu así cos emigrantes galegos en América: non sempre marchaban os máis pobres, senón os que tiñan máis gañas de mellorar.

23 may 2008

Brincadeira na ONU (vía Arume)

A ONU remata de finalizar a enquisa máis grande da súa historia. A pregunta foi:
- Por favor, responda honestamente, que opina da escaseza de alimentos no resto do mundo?
Os resultados foron desalentadores. A enquisa foi un completo fracaso.
1. Os europeos non entenderon qué significaba “escaseza”.
2. Os africanos non sabían qué eran “alimentos”.
3. Os israelís non entenderon qué quería dicir “por favor!”.
4. Os ianquis preguntaban qué significa “o resto do mundo”.
5. Os chineses e cubanos pedían que lles explicasen que significaba “que opina?”.
6. E no congreso arxentino, colombiano, chileno, boliviano, peruano, brasileiro e venezolano, aínda hoxe están debatendo qué quere dicir “honestamente”.

















FÍO MUSICAL 16: CANTANDO AO MAIO DO 68 (XABIMUSIC)
A verdade é que as cancións nos acompañan en tódolos momentos das nosas vidas. Xa que logo, non podían faltar as cancións sobre o "maio do 68" de profundas resoancias para algúns de nós. Non vou caer no lugar común de preguntarlles onde estaban hai 40 anos, pero si pedirlles que esgarabellen buscando na memoria a que lles soa esa data...
Máis en concreto ¿que lles parece a imaxe que Ismael Serrano nos deixa deses acontecementos? Velaí a a miña pequena contribución a un aniversario que está a pasar case desapercebido neste foro.
(P.S., este meu, M.V.: a moza da foto superior, a da minisaia, é a mesma da que fala o Ismael Serrano na súa cantiga):-
En minoría IV: Da putrefacción, de X.L. Méndez Ferrín (FV.23.5.08)
Teño entendido que encallaron estes días unha balea grande e outros cetáceos máis cativos na costa de Oia, entre cabo Silleiro e a praia do Fedorento, na Guarda. Din os xornais que están levando estes animais (seguramente Tragsa) para seren incinerados en Cerceda. O becho maior en volume parece que está mau de mover e non sei se o evacuarán ou xa o evacuaron por vía marítima.Todo o mundo está de acordo en que é normal retirar os animais mortos do monte ou da costa e facelos desaparecer por cremación. Eu discrepo, polo que me vexo en minoría.Penso que os cadáveres dos mamíferos mariños deberían ficar onde os botou o mar para alí podreceren. Cada cadáver é unha fonte e unha explosión gozosa de biodiversidade. Debemos entender as preas ou cadáveres de animais como teatro de nacemento, reprodución e morte de milleiros de individuos vivos e centos de especies que grazas a descomposición orgánica multiplican os seus sistemas orgánicos. Ver a putrefacción como algo maldito e indesexábel, non é unha actitude ecoloxista. Os cetáceos varados na costa deberían ficar alí e culminar o seu proceso de descomposición no mesmo sitio no que foron botados en seco. Este e os seus fillos microscópicos ou maiores darían conta das partes mergulladas do animal en tanto que outras entidades vivas de respiración aérea favoreceríanse das zonas corporais que emerxeron.En todo caso, e de non ser aceptados os cadáveres pola veciñanza humana, pensamos que o seu destino alternativo debera ser a rede de pudrideiros do monte galego que non existe como existe en Asturias e noutras comunidades de España e de Europa. Constitúe un grave atentado ecolóxico substraerlle á Natureza o acontecemento colosal e farturento dunha comprida balea defunta.Nunha prosa célebre (polo simpática) Dieste conta o caso dunha balea encallada nos Lombos do Ulla ou así e de como os de Rianxo e os de Carril desputaron pola titularidade do corpo do cetáceo. A min gostaríame mirar os de Oia e os ecoloxistas e toda a cidadanía, como se di agora nos círculos do poder autonómico, unidos para impedir que a balea ou baleas sexan levadas da nosas costa a fin de que o lume as reduza a cinsas. Charles Baudelaire escribiu un día un poderoso poema en homenaxe á beleza dun corpo de animal putrefacto que Lois Tobío verqueu ao galego co título de "A prea". O poema podería recollerse no cartel dunha campaña, hoxe impensábel, en defensa da carroña, da carniza, da presa, dos cadáveres en descomposición como centros de vida que deben ser protexidos.A balea é un animal (non sei por que) moi solicitado pola nova poesía galega. Supoño que as e os poetas (moitos) que procuran a balea como símbolo ou metáfora ou referencia faranno pensando en baleas vidas. Algún día, espero, á sombra de Baudelaire xurdirá unha poética das baleas mortas, máis dialéctica e menos soñadora.Para min, a máis relembrada bas baleas literarias non é Moby Dick, senón a que encallou nas ribeiras do Miño ao seu paso por Ourense segundo relataba "La Región" o Día de Inocentes de 1947.

REPUBLICANOS GALEGOS (2)
Andoliña venres 23 maio
(Imaxe: nunha mostra do posibilismo que practicaron os galeguistas históricos, Castelao colaborou cos seus debuxos durante varios anos nun "Faro" bastante reaccionario e antiautonomista).
A prensa galega dos anos da Segunda República non foi neutral. Non podía selo. No volume “República e republicanos en Galicia”, María Carme Pérez Pais estuda a posición do xornalismo a través dos catro grandes diarios do momento. O máis relevante era “El Pueblo Gallego”, neses anos da man de Portela Valladares, cuns trinta mil exemplares de venda. Foi un gran proxecto de xornal republicano, galeguista, democrático, laicista e reformista. Coas mellores firmas do galeguismo e das letras do momento. O que máis atención prestou ós problemas galegos e máis apoiou a campaña en pro da Autonomía.
O coruñés “La Voz de Galicia”, xornal liberal, partidario dunha República de orde, centrista, tiña entón a metade da difusión de EPG e vía no Partido Radical unha alternativa ata que se esfarelou no propio poder. Na dereita conservadora e antirrepublicana estaban entón “Faro de Vigo”, moi antiautonomista, e “El Ideal Gallego”, un dos máis reaccionarios do momento, totalmente vinculado á Igrexa. Xornais que non acataban as reformas modernizadoras do novo réxime: nin sequera aceptaban o divorcio que, escribían, desamparaba ás mulleres. Xornais de todas as cores, había para todos os gustos. Como hoxe mesmo.
Semanas de paixón. (Pan por Pan venres 23 maio)

A Mariano Rajoy agárdanlle varias semanas de paixón ata o congreso de xuño do PP. A degradación parece xa imparable. Cada día suma un novo goteo de críticas, saídas de ton e defeccións. O máis sorprendente é que custa ver aí algo máis que un problema de formas: non hai ideas a debate, menos proxectos ideolóxicos alternativos. Iso non significa que a crise non sexa grave: lembren o papel decisivo dos personalismos na descomposición da UCD. O certo é que a dereita, fóra do poder, non sabe resolver os seus problemas: onte un contertulio falaba nunha emisora de radio da “coalición de bloqueo” contra Rajoy que se está montando, dentro e fóra do PP. Un humorista galego, López, resumía o conto neste diálogo: “Agora vai resultar que Mariano é de esquerdas”, di un personaxe. E o outro resposta: “As posicións dependen das referencias”.

22 may 2008


A nova galiña azul, de Gondomar (que creo que non é azul alí).
Monxardín mandou crónica deste acto o 17-V. Agora recibimos esta foto (graciñas C. Méixome) onde se ve o monumento dedicado a Carlos Casares.
Por alí andaban, se se fixan, Afonso Moxardín e Belén Lorenzo, Xulián Maure, o propio Méixome, entre outros (tamén os mestres Carlos e Delfina, que militaran no nacionalismo popular auriense dos primeiros 70, saúdos a todos/as).
En Comentarios inclúo unha nota explicativa do Instituto de Estudos Miñoranos.

Xenial onte, López, en Galicia Hoxe (21.5.08)
Poesía (Bieito Iglesias, ECG 22 maio)

Alá na casa do pai envelleceu un can anódino, de boa traza pero pastrán e completamente inútil para a caza, o pastoreo ou a garda da morada. Caza a voo, ai iso si, a comida que lle botan e móstrase moi cariñoso coa familia. Dalle ao rabo con agarimo aínda ben non avista a un membro do clan, mais tales efusións rara vez son correspondidas cun aloumiño na súa testa de amante pelo amarelo, porque nun solar de tradición venatoria na que viviron míticos perdigueiros e algún excepcional perseguidor de xabaríns ou raposos, apenas se tolera a este animaliño torpe e comellón. Incluso o seu nome (Cuqui) resulta ridículo en comparanza coa Merola (formidable setter que levantaba poladas de perdices aínda que non portase as pezas cobradas); coa Pirula (que viaxaba soa a Ourense en coche de liña desde a aldea, para visitarnos no barrio onde viviamos daquela); coa Rin de perfecta cabeza e espectacular manela no rabo; co Turín de olfacto lendario (capaz de recuperar un paxaro caído no río e retido no leito da corrente por uns ganzaños) ou do aguerrido Pistón que botaba o porco bravo dos toxais. Agora o Cuqui enfermou, non come e láiase cando alguén da casa se lle achega. Un día destes, xa na alta noite, abrín a xanela para tirar a cabicha dun cigarro e oín a queixa lancinante do cadelo. Non se lle prestou demasiada atención cando estaba san e suplicaba caricias co rabo e moito receo que morra sen que ninguén o bote a faltar. Existen seres así, tan desafortunados que non concitan afecto nin odio, se acaso unha vaga incomodidade.
Pero como traducir o lamento do canino a unha linguaxe humana? Non encontro ningunha versión plausible en toda a poesía da experiencia desde Gil de Biedma a García Montero, tampouco na estrañeza lírica dun John Ashbery nin nas liridades galegas xa denunciadas no seu día por Manuel Antonio. Unha tradución aproximada atópoa nestas palabras de Edmond Jabès: "A dor é un ceo estrelado; a noite enteira está en nós" .
Noxo. (Pan por Pan 22 maio)
Imaxe: "Angustia", de Siqueiros.

“O noxo” é un excepcional conto de Blanco Amor, do libro “Os biosbardos”. E noxo sentimos tamén ó ler certas novas no xornal: por exemplo, ese xuízo contra un individuo que abusou dunha rapaza de dez anos, a cal quedou logo embarazada. É fácil imaxinar polo que tivo que pasar esa rapaza e a súa nai, chegadas dende fóra. Pero, á marxe da sentenza, que non podo valorar en termos xurídicos, é indignante a estratexia da defensa do acusado neste caso: afirmando que o adulto foi seducido pola nena (por unha nena de dez anos ?) e que a cousa non ten maior importancia porque é habitual no seu país de orixe. O acusado, colombiano, afirma que tal cousa, ter relacións cunha nena, é case o normal no seu país, que é tamén a terra de orixe da nena vítima e da súa nai. Se hai asociacións de inmigrantes colombianos ou suramericanos, xa deberían estar xa denunciando tal agravio. Digo eu.

Republicanos galegos (I)
Andoliña 22 maio (Imaxes: Lerroux e M. Azaña, este en caricatura de Loredano)


Publicado no 2006 polo Ateneo Republicano de Galicia, chégame agora o libro República e republicanos en Galicia, da man do historiador Emilio Grandío, o seu coordinador. Este libro colectivo agrupa 11 traballos: algúns enchen baleiros historiográficos; outros son sínteses útiles de diferentes perspectivas. A primeira parte do volume segue unha orde cronolóxica e abrangue o estudo dos grupos e líderes republicanos en Galicia dende a época de Isabel II ata 1936. A segunda parte escolle a perspectiva temática e ocúpase das relacións co republicanismo do movemento obreiro, da escola, da prensa e das mulleres, cunha última entrega sobre o exilio republicano en México.
Emilio Grandío esculca a andaina dos dous grandes grupos da Segunda República: a ORGA, de raíces galegas, e o Partido Radical, ámbolos dous con semellantes bases sociais (o PR con maior peso no mundo agrario). A ORGA, logo IR, abaneou cara á esquerda e rematou na Fronte Popular. O Partido Radical, acubillo de clientelas anteriores, na busca do centro, acabou nunha posición moi conservadora. O PR rematou desaparecendo meses antes da guerra. Dalgún xeito, os electores pensaron: de imitar á dereita, preferimos a dereita de sempre.

21 may 2008


ESTEREOTIPOS NA LITERATURA (RECICLANDO)

Lembro que toquei este tema, o dos estereotipos literarios, moitas veces nos meus artigos. Recupero dous deles, os dous anteriores ó nacemento do blog.

PAN POR PAN xoves 13 febreiro 2003
Andan cabreados os hispanos de Estados Unidos, 35 millóns, por un artigo dun tal Humphries na revista “Vanity Fair” despreciativo coa lingua española. “Olvídese do español” dille o columnista ós lectores, “nada hai nese idioma que pague a pena ler agás o “Don Quijote” que pode escoitar no CD do Home da Mancha”. E engade: “¿Con quen quere falar español? ¿Co servizo doméstico? ¿Cos xardineiros?”. Esta ristra de babecadas desvea como son os prexuízos de clase os que constrúen os estereotipos. Esa era a imaxe que daban tamén dos galegos os poetas do Barroco castelán: xente rústica, suxa, pouco de fiar, falsa, ladroa, etc. O xenial Quevedo escribiu das mulleres galegas: “Muy góticas de facciones/ y de pelo muy espín;/ virginidades monteses/ aman a lo jabalí”. ¡Que pouco cambiou o mundo”.

ANDOLIÑA mércores 22 decembro 2004. Galiza no espello exterior

Co mesmo título que encabeza estas liñas, Xosé M. Núñez Seixas publicou un interesante ensaio na revista “Tempos Novos” que subliña o descoñecemento absoluto que existe mundo adiante sobre Galiza como colectividade etnocultural e histórica de seu. É coñecida a anécdota da confusión entre o noso país e a Galitzia centroeuropea a disputa entre Ucraína e Polonia, como é habitual que os turistas galegos nas súas viaxes teñan que referirse a Santiago de Compostela para que os seus interpelantes sexan capaces de situar estas terras no mapa.
Os tópicos e estereotipos teñen raíces tan fondas como difíciles de arrincar: chega con viaxar ata a literatura castelá do Século de Ouro para encontrar a xénese de moitas dos perfís despectivos aplicados aos galegos, sobre todo aos dos oficios máis humildes en Madrid ou en Lisboa, como xa comentou Castelao no seu día e como estudou X.Caramés Martínez nun volume de Galaxia. Estes tópicos sobreviviron, confundíndose coa caricatura máis infame, e marcaron os os novos emigrantes a América do século XIX, fenómeno que Núñez Seixas ten analisado nos seus libros. É certo todo o que di o historiador ourensán ao respecto, pero o máis triste é que moitos destes prexuízos e estereotipos son tamén a imaxe interior da Galiza para moitos galegos.
MEMORIA HISTÓRICA. Un coruñés de 87 anos denuncia o alcalde por non suprimir "os ofensivos" símbolos franquistas nos lugares públicos. Expón que para os que viviron nesa época "a simboloxía trae moitos recordos desagradables" (Galicia Hoxe, 21.5.08. EUROPA PRESS. A CORUÑA)

Ovidio Bao, un coruñés de 87 anos, decidiu denunciar o alcalde da cidade da Coruña, Javier Losada (PSDEG), despois de que, pasados cinco meses da aprobación da Lei de Memoria Histórica, "aínda non retirase a simboloxía franquista dos lugares públicos". Bao sinalou que Losada "comprometeuse" a retiralos "en cumprimento da lei e en canto se aprobase" e recordou que esta simboloxía "é moi ofensiva para os que sufriron a represión do réxime". "Vostedes leno nos libros e veno como unha parte da historia, pero para os que o vivimos non é o mesmo, tráenos moitos recordos desagradables e este home non fixo nada por eliminalos, eu xa estou moi vello , vou morrer pronto e non teño ganas de aguantar máis, quero deixar isto solucionado", sentenciou. Este coruñés tomou a decisión de acudir ós xulgados porque cada vez que pasea pola rúa ou ve a estatua de Millán Astray, situada nas inmediacións da súa casa, recorda a situación que sufriu o seu pai despois de que en agosto de 1936 saquearan a súa casa coa intención de matar o seu pai que tivo que estar escondido de Franco durante ó redor de tres anos, para terminar encarcerado por oporse ideolóxicamente a el. Finalmente, tras estar no cárcere, o pai de Bao puido arranxar a súa situación grazas á axuda dunha monxa de Lugo que era irmá dun xeneral. "Se non non sei que pasaría porque estes non se andaban polas ramas", recoñeceu. Neste sentido, Bao lamentou que na Coruña "a única lei que se cumpre é a de prohibir a entrada a cans en bares e autobuses, mentres que en Londres e París poden ir a todos os sitios". "Eu teño un caniche e non podo levalo a ningún sitio e logo o importante déixase nun segundo plano", criticou.