26 sept 2008


Stephen Hawking
andoliña 26-9-08

A presenza dun científico da talla de Stephen Hawking en Santiago prestixia tanto a propia Universidade como a cidade de Compostela e toda Galicia no seu conxunto. Grazas, pois deben ser dadas, a Jorge Mira e a todas as persoas e institucións que posibilitaron esta visita, que debeu ofrecer de seguro infinitas dificultades.
Disque Hawking se declarou socialista (vota os laboristas e fala ben de Gordon Brown) e escéptico respecto do papel do transcendente: "A ciencia non deixa moito espazo para os milagres ou para Deus". Tampouco se amosou moi optimista sobre o futuro: cre que non se poderá evitar un desastre no planeta nos próximos cen anos e opina que algúns grandes avances, como o coñecemento do xenoma humano, xerarán co tempo unha sociedade dual, cunha raza de "superhumanos" que explotará os "humanos non mellorados". Así, a fuxida ó espazo exterior na busca de condicións posibles de supervivencia é unha opción verosímil nese contexto.
Algo que describiu a ciencia-ficción múltiplas veces, dende Huxley e Orwell ata os autores de hoxe. De certo, somos tan previsibles que non é estraño que coincidan os relatos de científicos e de escritores.

O RACISMO CONTRA OBAMA
PAN POR PAN xoves 25 setembro.
Escribín eu neste recuncho hai meses que o principal perigo de Obama nas eleccións norteamericanas era o racismo latente naquel país. Pois oxalá nos equivoquemos, pero unha enquisa on-line realizada aló amosa que o 40 por cento dos votantes brancos ten unha visión parcialmente negativa” dos afroamericanos. Aceptaban nese traballo adxectivos despectivos cara os negros como “violentos”, “preguizosos”, “irresponsábeis”, etc. Iso afectaría tamén ós votantes demócratas e por iso Obama non dá arrincado nas proxeccións de voto. O comentarista Ben Smith dixo que “aquí hai xente que non votaría por un home negro aínda que viñese camiñando sobre as augas da man de Cristo e Moisés”. Tamén é certo que a crise económica podería axudar ó candidato demócrata, pero nos tempos duros aínda medra moito máis o racismo. En fin, oxalá nos equivoquemos, repito.

24 sept 2008


Cerebro e medo.
Pan por pan martes 23

Un estudo de politólogos da Universidade de Nebraska seica relaciona a actitude política cunha estrutura cerebral. Segundo estes investigadores a xente que non se asusta doadamente defende o pacifismo, o control de armas, unha política tolerante coa inmigración e o apoio económico ó Terceiro Mundo. En cambio, os máis asustadizos apoiarían o patriotismo, o gasto en defensa, a guerra de Iraq e a pena de morte. Algo semellante indiquei eu neste recuncho noutra ocasión. É perigoso tomar estes traballos ó pé da letra e inferir unha base biolóxica nas condutas políticas. Pero tamén é lóxico que persoas optimistas, que cren na vida e na convivencia, saiban domear por igual os nosos medos internos e aqueloutros que nos queren impoñer. Os asustadizos, di o estudo, tamén están contra o matrimonio gai, a pornografía, o sexo preconxugal e o aborto. Mira ti que cousas!
Spanair, de X.M. Sarille

(...) Creo que se confirmou esa pulsión cando os medios de comunicación anunciaron que outro avión da mesma compañía realizara unha aterraxe forzosa. Estábase máis perto de atopar unha válvula para tanta impotencia. Mais todo o mundo sabe que nos países ricos os accidentes aéreos son excepcionais, e pouca xente sabe que as aterraxes preventivas son moi frecuentes, e que case nunca son noticia. Spanair puido converterse inmediatamente e de xeito arbitrario nunha ruína económica, porque ía prevalecer a idea de que é unha empresa perigosa. Non é que houbese unha estratexia calculada para arruinala, senón que o grande teatro da información, este descomunal simulador da realidade, ten vida propia, e nalgunhas ocasións crea monstros sen basearse na razón, aínda que case sempre os críe interesadamente e baseándose nela. (...)

En ECG. 23-9-08

Unha sentida evocación do val do Douro portugués.

Percorrín esas mesmas paisaxes hai uns poucos anos. Anxo Tarrío (a foto tamén é súa) contánolo no Galicia Hoxe.

Fobia á Memoria
Andoliña 24-9-08

A película de Cuerda, Os xirasoles cegos, resucitou un debate cultural que vén de vello. Refírome ás posicións que non xulgan a calidade da película, discutible como todo, senón a escolla dun tema relacionado coa guerra civil. Así, insisten algunhas voces no repetitivo da trama argumental, posición un tanto sorprendente. Primeiro, porque crítica e público recibiron ben historias sobre a guerra española como “Ay, Carmela”, de Saura; “As bicicletas non son para o verán”, de Chávarri; ou “A lingua das bolboretas”, de Cuerda e Rivas.
En segundo lugar, non é esa trama argumental a que define a oportunidade dunha película calquera. Cantas veces nos contaron a historia dos Estados Unidos no cine clásico a través do western? Cantas adaptacións literarias de Jane Austen e doutros autores nos levaron unha e outra vez ata o século XVIII en Inglaterra ou en Francia, en boas películas polo xeral? Ninguén protestou por iso. Así pois, a xenreira contra o subxénero da guerra civil só se entende se se pensa que a nosa historia máis achegada é secundaria e non merece ser levada ó cine. Ou, outra posible razón, se se padece unha curiosa fobia á Memoria.

Violencia
PAN POR PAN mércores 24 setembro

Hai menos dun ano, no instituto de Tuusula, perto de Helsinki, un mozo mataba a oito persoas antes de suicidarse. Onte mesmo, en Kauhajoki, outra pequena cidade finlandesa, repetíase o mesmo argumento: neste caso co asasinato de dez compañeiros. A nova sorprende sobre todo pola súa ubicación: Finlandia non está habituada a situacións violentas e os seus resultados educativos son os mellores en diversos estudos como o Informe Pisa. O tema, pois, é moi complexo: o que antes só pasaba nos Estados Unidos hoxe pode pasar en calquera lugar. É unha consecuencia tóxica da globalización: non hai fronteiras posibles nun mundo onde os autores destas macabras fazañas se ven a si mesmos como personaxes mediáticos que colgan as súas ameazas en Internet. Houbo épocas máis violentas na historia, pero daquela só as vítimas directas coñecían o horror. Non se invenrara aínda o Youtube.

22 sept 2008


Johnny Griffin en Ourense, de Gustavo Peaguda
(Fío Musical 32. A foto procede da web do Café Latino)

Hai uns días o escritor Antonio Muñoz Molina lembraba a figura do recentemente falecido Johnny Griffin. Para min este nome vai unido o meu descubrimento do Jazz. Cando tivo lugar esto?. A esta pregunta xa case podo responder con aquel verso do poeta Jaime Gil de Biedma “Ahora que de casi todo hace ya 20 años..".. Eu tiña dezaoito anos e acaba de comezar os meus estudios de dereito. A musica que escoltaba por aquel tempo era a que fixeran aqueles xovenes dos anos 60. Os Small Faces.. Os The Who. Os Stones. Maís tiña un amigo que vivía preto da miña casa na rúa na que o sol nunca sae que cando ía a súa casa me ensinaba a súa colección de vinilos de jazz. Estusiasmabase con aqueles nomes. Miles Davis. Charlie Parker. Dizzy Gillespie. Un día este amigo díxome se quería ir a un concerto o Café Latino. Aceptei a invitación . O concerto era dun home xa maior para unhos ollos de dezaoito anos e que encaixaba na descrición que fixera Joseph Roth dos músicos xudeus “ Os músicos son moi pobres porque viven das alegrías alleas”. O concerto que escoitei en aquela noite de Ourense foi do saxofonista Johnny Griffin. Así comezou a miña paixón polo jazz e que anos mais tarde fixo xurdir uns versos que apuntei no meu caderno de poeta imprevisto e que agora dedico a memoria daquel saxofonista que visitou xa fai moito tempo Ourense .

JAZZ NO LATINO
“Luz morna sobre ás mesas”
Lansgton Huhges
“ SOIO DE TROMPETA CON SOIDO
MANIFESTAMENTE SUICIDA”
A. Pexegueiro
Pouca luz,
vasos cheos de soños e xeo sobre ás mesas de mármore,
risas e saudades contaxiosas de candidatos o suicidio
que adoran a poesía de Costafreda,
promesas incumpridas por viaxantes da soidade,
bicos aprazados por constructores de pirámides de acontecementos,
bagoas pola ausencia de amor nas meixelas dos que fan xirar a roda estatal,
bicos suspendidos no aire coma notas do piano
de Hancock na fría noite do catro de outubro en Estolcomo,
mentres o jazzmen busca no ceo os mortos polo jazz.
A Coltrane.
A Montoliu.
A Gillespie.
A Davis .
A Thelenius Monk.
A Sonny Rollins.
E nos aínda pensamos que o Village Vanguard non esta en Nova York
senón en Ourense que non é unha enorme metáfora. do reino de Mánoa
senón que sigue sendo a Auria de Blanco Amor
e dos poetas e bispos camiñantes nás frías noites de inverno
nás que baila a lúa dos mortos ca túa sombra de mal poeta.
Respiramos o mito entre fume de tabaco!.


A cesárea da vaca e Rafa Nadal,
de Afonso Vázquez-Monxardín (La Región 20-9-08)
Eu sonlles deses que ven primeiro as noticias da TVG e despois as da TVE. Así, sen prestarlle demasiada atención, fíxome máis na segunda volta nas cousas do mundo e na TVG nas de por aquí. E o certo é que estou pensado en apagar a televisión para sempre e pasarme á radio. Claro que non serei capaz de facelo e ademais como non estou afeito e non sei onde colocar o dial pódeme entrar pola orella unha cobra ou un sapo calquera.Pero é que hoxe -onte cando lean isto- estaba para deixalo. Despois de chegar canso do traballo ao medio día e servirme no prato a gornición de verdura do polo, ergo a vista e vexo na TVG o indicible. Nin máis nin menos que unha noticia sobre a evolución das cesáreas das vacas. Aí lle ronca. E para máis, ilustrada cunhas imaxes tremendas, ou sexa nas que tremía a vaca e que me facían tremer a min. Un veterinario -un deses 1.200 de garda que seica hai xa- turraba dun tenreiro que non daba nacido a través dunha fenda feita no lombo da parte de babor -ou de estribor non sei ben- da vaca. Puagh. Unha orxía de sangue, líquidos e humores, pouco compatibles coas verduras e polo que tiña no prato. ¿Pero onde vai o sentido común?, o ‘sentidiño’ de que falaba o noso ex presidente Albor. (...)
P.S.: con este creo que son 76 os artigos de Monxardín etiquetados no blog (os primeiros meses non había etiquetas). Unha boa escolma do seu fascinante estilo.

A MIRADA RETIDA, La Región 21-9-08
Marcos Valcárcel
O Instituto que ardeu.

A foto da Mirada de hoxe é antiga, pero só o sabemos pola vestimenta dos personaxes en primeiro plano: como ese rillote que semella saído das “Cousas” de Castelao. Máis de cen anos de historia (dende 1896) repousan tras destes muros, que no seu día acolleron tamén o Museo Provincial e a Biblioteca Pública. Cando aínda se chamaba Centro Provincial de Instrución, no mítico 1898 que desvelou que España non era invencible e que nos deixou sen colonias, o neno Ramón Otero Pedrayo ingresaba nas súas aulas; logo sería profesor alí e co tempo, con toda a xustiza, o Instituto adoptou o nome do escritor. Foi só un dos moitos nomes egrexios deste centro educativo.: José García Mosquera, Juan Antonio Saco y Arce, Joaquín Gaite, Salvador Padilla, Eduardo Moreno López, Marcelo Macías, Xoaquín Lorenzo: unha longa xeira da historia cultural desta cidade. Tamén houbo cita para o fado desgraciado: en novembro de 1927 un incendio destruíu o seu vizoso tesouro bibliográfico, formado a partir das bibliotecas dos mosteiros, e parte dos fondos do Museo. Aínda que o propio don Ramón contou despois que alí ía moito frío, iso si.

20 sept 2008


éche o que hai, de López (Galicia Hoxe 20-9-08)
Un documento político

Un amigo desta casa tivo a ben enviarnos este documento político do Partido Galeguista. Colgámolo aquí porque pode interesar a algúns dos nosos curiosos e espelidos lectores/as:

GALEGUISMO: A IDENTIDADE

O Partido Galeguista é unha organización política de mulleres e homes que teñen por obxectivo erguer a Galicia até situala en pé de igualdade cos pobos europeos máis desenvolvidos.

Nós, os Galeguistas, entendemos que Galicia, como nacionalidade histórica europea e tamén como expresión sociopolítica da irmandade universal que conformamos os galegos espallados polo mundo, demanda unha renovación da teoría e da praxe política que redeseñe os puntos referenciais de calquera acción que interprete, administre ou reivindique os seus dereitos lexítimos como nacionalidade participativa, soberana e diferenciada tanto da Unión Europea como do Estado de Dereito definido pola Constitución do 78, baixo a denominación xenérica de España, que implicitamente recoñece e debe protexer os diferenciais da nosa IDENTIDADE como pobo, da nosa cultura e tradicións, do noso idioma e das institucións que representan e expresan, sociopolítica e administrativamente, tanto os intereses como os lexítimos e históricos dereitos dos cidadáns galegos e, por extrapolación, do concepto de nacionalidade, de nación, que reside no pobo galego e debe de expresarse por medio dos seus órganos constitucionais representativos.

Xa que logo, SETENTA E SEIS ANOS despois da súa fundación e ás portas de cumprirse VINTETRÉS ANOS da aprobación (no V Congreso), da liña programática de "Concordia Nacionalista", o Partido Galeguista abre un proceso para acada-los devanditos obxectivos o máis axiña posíbel, polo que defenderémo-los intereses dos galegos en tódolos ámbitos de actuación convenientes, mediante a elaboración e a execución de estudos, programas e demais traballos que posibiliten a conquista dos maiores niveis de desenvolvemento económico, social e cultural, das xentes dos lugares, parroquias, aldeas, vilas e cidades, tanto dos residentes dentro dos territorios históricos da Galicia como daqueles que residan noutros países ou estados da península Ibérica, Europa, América e no resto do mundo.

Queremos que a mensaxe galeguista chegue ós cidadáns do único xeito xenuíno que ten de manifestarse: a través do Partido Galeguista; e para iso traballaremos sen desmaio e executarémo-las formas de actuación política máis idóneas e axeitadas, principiando pola loita para acada-las cotas de autogoberno que precisámo-los galegos para podérmonos desenvolver como pobo diferenciado que somos, cousa que compatibilizaremos cun traballo concertado e solidario cos demais pobos. Somos e seremos, cada vez máis, a opción política capaz de garanti-la máxima capacidade operativa e decisoria para o parlamento e o goberno galego, sen caer en sinerxías excluíntes nin illacionistas; unha opción, en definitiva, que será capaz de interpretar axeitadamente o concepto da IDENTIDADE GALEGA, cunha VISIÓN de ESTADISTAS da política centrada en construír País, en facer País, en facer Galicia e, por iso mesmo, en ter unha visión axeitada de concertación política a nivel do Estado Español e da Unión Europea. (...)

(Segue en Comentarios)

19 sept 2008

Como todos…

Como todos os profesores eu tamén me queixei máis dunha vez das partes máis ingratas do meu labor profesional: corrixir exames, longas xuntas insufribles, algún problema con algún alumno (moi raramente), etc. Non son dos que se queixan a cotío e en xeral estou, sempre o estiven, moi satisfeito coa miña condición docente e a relación cos compañeiros e cos alumnos/as.
Por iso onte estrañei o inicio do curso, poden crerme ou non, pero así foi. Agora non sei o que tardarei en reincorporarme ás aulas, pero faríao xa (fareino, cando sexa) moi feliz.
Dende aquí un saúdo a todos os compañeiros/as (algúns achéganse de cando en cando ó blog) e tamén para os alumnos/as. E repito as grazas a todos os compañeiros e cargos directivos que me chamaron nestes días.
Unha carta que non vai arranxar nada

A serpe traía cola. Steiner pide perdón nunha mensaxe cargada con dinamita
O racismo lingüístico aumenta en Europa, segundo a Axencia para as linguas minorizadas e a desculpa de George Steiner non mellora as cousas
XABIER CORDAL en Galicia Hoxe 20-9-08

Canción de volta.
pan por pan sábadop 20 setembro


Un libro é sempre un bo acompañante. Non pide nada, só está aí, á agarda de que ousemos compartir os seus segredos. Cada libro ten o seu propio misterio, sexa unha novela, unha obra de teatro ou mesmo un ensaio. Tamén o seu momento, a súa propia hora. Eu adoito reservar a noitiña, pouco antes de pechar os ollos, para os poetas. Os nosos poetas de sempre, de todos os idiomas e latitudes. Onte abríronme a porta dos soños un tomiño dos poetas románticos ingleses e unha antoloxía do checo Jaroslav Seiffert, premio Nobel. Del son estes agarimosos versos:
“Axita un pano branco
o que se despide.
Cada día remata algo,
remata algo moi fermoso.
A pomba mensaxeira bate o ceo coas alas,
de volta a casa.
Con esperanza e sen esperanza
sempre volvemos á casa.
Seca as bágoas
e sorrí cos ollos chorosos,
cada día empeza algo,
empeza algo moi fermoso”.

Xenofobia.
sábado 19 setembro


Unha vez máis, rexistrouse unha agresión xenófoba no metro de Madrid. Nesta ocasión foi contra unha moza peruana. Primeiro, un mala besta racista que se botou contra dela a golpes; despois, dous gardas de seguridade e seica a propia revisora do metro no mesmo plan. Catro persoas contra a moza, a berrarlle e a humillala. Retida dúas horas sen poder pedir axuda. “Sudaca de mierda! Que venís a quitarnos el trabajo a los españoles”, seica dixo o agresor, entre outras cousas. E o meu cerebro recolle a carpeta de información dunha recente intervención de Mariano Rajoy falando da inmigración e culpando ós inmigrantes do paro e da crise. Se eu fose o líder do partido da oposición, con moitos millóns de votos detrás, daríame moito medo estar a dicir nas rodas de prensa o mesmo que berran estes descerebrados mentres agraden a unha moza peruana.

17 sept 2008

Pé do Guadiana, de Bieito Iglesias (ECG. 18-9-08)

Veño de pasar unha fin de semana no Baixo Alentexo, en localidades como Alcoutim, Mèrtola ou Beja, capital rexional. Comín carne de porco (preto) á alentexana e cocido de graos (bicos ou garavanzos), pero non é este país para famentos impacientes. O ritmo destas partes aseméllase ao do réptil aletargado nun terrario, baixo unha raxeira de sol que rebrilla nas casas caleadas. Cómpre esperar unha hora ou dúas desde que sentas na mesa ata meterlles o dente ás viandas. Os domingos pechan restaurantes e pastelerías, unha nugalla precapitalista apodérase de xentes intensamente morenas que non teñen moita ansia de recibir turistas portadores de virus perigosos, tales como a vertixe ou a ambición mercantil. En Mèrtola, desde a "alcaçova"outea o viaxeiro sobre as revoltas dun Guadiana que serpea con doce teimosía, alterado apenas por parrulos que atravesan as correntes con magnífico estilo natatorio, comparable ao do plusmarquista Michael Phelps.
E, xa en Beja, pode ascender a unha orgullosa torre de homenaxe erguida no século XIII polo rei-poeta don Dinis, ou visitar o museu rexional dedicado á memoria de soror Mariana Alcoforado, a freira portuguesa á que se lle atribúen escandalosas cartas de amor redactadas no século XVI. Fóra dos núcleos habitados, azazan coa calor eidos resecos punteados por aciñeiras vellas, oliveiras rateñas, sobreiros de tronco escascado e algún piñeiro manso de toro redondo, contrafigura do lanzal piñeiro pondaliano. No país inzan apelidos como Cadaval ou Janeiro polo que queda practicamente descartado que Jesulín Janeiro (de Ubrique) sexa da estirpe de Helena Villar Janeiro ou que os irmáns Cadaval (Los Morancos) garden algún parentesco con Quico Cadaval, o noso inspirado director dramático e maxistral contacontos. Estas terras están fortemente vencelladas á Andalucía Occidental por algo máis que as ombreiras ("paletillas") ou faces ("carrilleras") do marrán negro.
Tamén están unidas á Galiza por un liorto ben máís subtil: o idioma común.
Medios e políticos.
pan por pan xoves 18 setembro

A relación na sociedade actual entre a política e a comunicación é tan directa que mesmo se podería afirmar que a primeira non sobreviviría sen a segunda. E moitas veces é o segundo polo quen impón a súa axenda á propia clase política. E así chegamos ó que o amigo Xoán da Cova, contertulio habitual do meu blog, definiu como “Goberno espectáculo”. Velaí nas súas palabras: “O Goberno-Espectáculo. Non ten que gobernar (iso é imposible), ten que entreter. Dentro de pouco, veremos as accións de goberno como quen ve unha película: sen ningunha conexión coa realidade. E as eleccións serán unha especie de entrega de Oscars". Isto non quita, como engade o atinado Apicultor que os políticos busquen, co efecto mediático, a eficacia das accións de goberno. Pero isto depende de factores non sempre controlables, incluída a propia receptividade da sociedade.