14 mar 2008


axenda


Presentación, hoxe venres, 20 h. en Torga

Co editor Miguel A. Fernán-Vello e a autora

Eu tamén andarei por alí

A lazada violeta, de Helena Villar (ECG 14 marzo)
Imaxe: Simone de Beauvoir, foto de Elliott Erwitt, 1952. (Mensaxe 1701)
Se mo permiten, dedícolle este artigo da amiga H. Villar a todas as contertulias e tamén ás miñas alumnas de A Carballeira: tocamos este tema a cotío nas clases e comprobo que non sobra, aínda non son cousas estas demasiado coñecidas.

As eleccións acalaron as mulleres no seu día grande, que coincidiu coa xornada de reflexión. Mais como moitas tecemos na rede unha lazada violeta que aperta a sororidade, fixemos circular entre nós felicitacións, textos críticos e reivindicativos, e fermosas na forma aínda que tristes no contido presentacións en power point.
Unha das que recibín e propaguei ten escritos contra as mulleres dos que non me resisto a copiar algún.
"A muller debe adorar ao home como a un deus. Cada mañá ha de axoenllarse nove veces consecutivas aos pés do seu marido e, cos brazos cruzados, preguntarlle: señor, ¿que desexades que faga?" (Zaratustra, século VII a.C).
"A natureza só fai mulleres cando non pode facer homes. A muller é, polo tanto, un home inferior" (Aristóteles, século IV a.C.).
"Aínda que a conduta do marido sexa censurable e se dea a outros amores, a muller virtuosa debe reverencialo como a un rei. Durante a infancia, unha muller debe depender de seu pai; ao casar, do seu home; se el morrese, dos seus fillos e, se non os tivese, do seu soberano. Unha muller nunca debe gobernarse por si mesma" (Leis de Manu, libro sagrado da India).
"Que as mulleres estean caladas nas igrexas porque non lles é permitido falar. Se quixeran ser instruídas sobre algún punto, pregúntenlles na casa aos seus homes" (Apóstolo Santiago, s. I).
"Cando un home fose reprendido en público por unha muller, ten dereito a golpeala co puño e o pé, e a romperlle o nariz para que non se deixe ver, avergoñada da súa face" (Le Ménagier de París, tratado de conduta moral, s. XIV).
"Os nenos, os idiotas, os lunáticos e as mulleres non poden nin teñen capacidade para efectuar negocios (Enrique VII de Inglaterra, s. XVI).
"O peor adorno que unha muller pode ter é ser sabia" (Lutero, s. XVI).
"Todas as mulleres que seduciran e levaran ao matrimonio os súbditos da Súa Maxestade mediante o uso de perfumes, pinturas, dentes postizos, perrucas, e recheo de cadeiras e seos, incurrirían en delito de bruxería e o casamento quedaría automaticamente anulado (Lei inglesa do século XVIII).
Con lazada violeta chega tamén a publicación do tomo I de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Grazas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Edicións Xerais polo galano. Di a filósofa que a muller non nace, que se fai. Eu engado que o home tamén. E ten que se facer doutra maneira.

13 mar 2008

Centenario Curros (3).
Pan por Pan venres 14 marzo (Imaxe: León XIII)

Se Curros vivise hoxe, estou seguro que estaría atento ás novas que nos chegan cada semana do Vaticano. Por exemplo, os novos pecados que cataloga agora a xerarquía da Igrexa. O de Celanova podería reivindicarse como precursor da nova dogmática pois nunca mirou con bos ollos “a acumulación de excesivas riquezas” ou o feito de “causar pobreza, inxustiza e desigualdade social”, sinalados co dedo acusador de Benedicto XVI.
Tíñao tan claro Curros que lle dedicou os dous cantos finais de “O Divino Sainete” á Cidade Santa e as súas riquezas: andas de ouro, prata e ouro fino, perlas e diamantes, etc. Ante tanto esplendor Curros non fai máis que pensar na pobreza das xentes do pobo e logra do Papa León XIII unha curiosa promesa: “Ide e anunciade/ que o Papa renuncia a Roma/ pra vivir da caridade./ Dende hoxe a miña facenda,/ todo o que eu teño é dos probes...”.

(P.S.: se o sistema non falla, nestes momentos hai 14 usuarios/as conectados. Saúdos a todos eles. Agardo que esta solaina sexa do seu interese e que participen nela: iso vainos enriquecer a todos, de seguro).



Para Xoán da Cova
Sigo en débeda con vostede, amigo Xoán da Xova. Permítame corresponderlle.
Mañá venres, aí arredor das 12 h. (antes teño clase), voulle
deixar un pequeno agasallo no Trampitán, na Praza Maior: dixo nalgunha ocasión que pasaba por alí de cando en vez. Faga o favor de recollelo cando poida.
E como aquí somos todos amigos/as, doulle publicidade á dedicatoria dun dos libros que van no paquete. Unha aperta.

Noraboa a un amigo

Poeta de ampla obra e recoñecidos premios, Miro Villar é ademais amigo, da tribu fisterrá. Souben esoutro día por Alonso Montero que presentaba a súa tese doutoral, na que leva anos traballando, sobre o poeta do exilio Antón Zapata García.
Polo blog do tamén amigo fisterrán Modesto Fraga, sabemos dos avatares da presentación da tese e do tribunal que a xulgou.
Por suposto, agardamos un traballo excelente, que debe publicarse canto antes, porque Miro Villar xa ten demostrado moitas veces a súa valía investigadora e crítica: por poñer só dous exemplos, o seu estudo sobre Xervasio Paz Lestón (Ediciós do Castro) ou aquel excelente caderno que nos deixou sobre O soño sulagado, de Celso Emilio Ferreiro (Xerais, 1998).

CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL
1908: O ENTERRO DE CURROS
(A imaxe procede dos fondos da RAG)

O enterro de Curros na Coruña foi un dos grandes eventos culturais de todo o século XX. Ningún escritor galego tivo unha despedida tan apoteósica. Colocáronse bandeiras nos balcóns, pecharon antes os comercios, os Círculos Recreativos enloitaron os seus balcóns, encendéronse as farolas do alumeado público e cubríronse de crespóns, e disque corenta mil persoas acompañaron o féretro na cidade herculina. O poeta de Aires da miña terra morre o 7 de marzo de 1908 no Centro Asturiano da Habana por un problema cardíaco. Ás 11 da mañá o seu corpo é trasladado aos salóns do Diario de la Marina e é embalsamado por médicos do Centro Galego, para ser trasladado ao día seguinte a esta sede, segundo contan Belén Fortes e X.A. García López. Institucións como o Casino Republicano coruñés (do que Curros era socio honorario), a Liga de Amigos e a Academia Galega, presidida por Murguía, son os primeiros en declarar o seu pésame. O 10 de marzo a Asociación da Prensa da Coruña, que presidía Manuel Casás, lanzou a idea do traslado do cadáver á Coruña. La Voz de Galicia informa con detalle destas xestións, mentres outros medios respostan con indiferencia á morte do poeta celanovés (véxase a crónica detallada destes días en Curros Enríquez. Crebar as liras, A Nosa Terra, 1987).
O 20 de marzo o cadáver de Curros zarpa no vapor Alfonso XIII dende A Habana. Con el veñen José López Pérez, presidente do Centro Galego (contra o que Curros escribira un poema moi crítico); o egrexio compositor Castro Chané e o poeta Nan de Allariz, representando ao Diario de la Marina da Habana. Os restos do poeta chegan o 31 de marzo á Coruña, cobertos pola bandeira de Cuba, e son recibidos por concellais da cidade e representantes das asociacións promotoras do traslado. Neses días vendéronse “infinitos” exemplares dunha tarxeta postal coa foto de Curros en Bonaval, depositando flores no sartego de Rosalía (o 27 de setembro de 1904), co seu poema “Na tomba de Rosalía” no reverso. A prensa ofrece detalles da capela ardente instalada na planta baixa da Casa do Concello da Coruña, con Curros rodeado polo escudo da cidade e a bandeira galega e acompañado, en primeiro lugar, do seu fillo Adelardo e da súa irmá Ramona. O 2 de abril, ás 3 da tarde, tivo lugar o multitudinario enterro que, despois dunha dura polémica entre partidarios dunha cerimonia civil e outros dun enterro relixioso, finalmente foi polo rito católico, como quería o seu fillo Adelardo. O cadáver repousou no nicho 92 do 3º departamento do cemiterio de San Amaro, cedido polo Concello.
O 3 de abril celébrase unha velada fúnebre no Teatro Principal coruñés na que participan Murguía, Filomena Dato, Manuel Lezón, Lisardo Barreiro, Alfredo Vicente, Linares Rivas, Cabeza de León, Manuel Casás, Lugrís Freire e López Pérez. O 12 de abril haberá tamén no Teatro Circo da Coruña un novo acto en honor de Curros e en protesta polo seu enterro católico: este foi auspiciado polo Casino Republicano, Unión Campesina, Antocha Galaica, Jóvenes Republicanos Librepensadores, Escola Laica e outras asociacións radicais. Alí léronse algúns dos poemas máis críticos do celanovés como “A igrexa fría”, “Mirando ao chau” ou “Diante dunha imaxe de Iñigo de Loyola” e pronunciáronse fortes ataques contra os “ajesuitados” da cidade en expresión do Sr. Arias, de Antorcha Galaica. Non faltaron as críticas a Vicenti e a Adelardo Curros por permitir o ritual relixioso. En cambio, o Sr.Martín, de Izquierda Solidaria, comparou a Curros con Jesucristo e M. Martínez dixo que o cemiterio da Coruña quedaba secularizado dende o momento no que alí era enterrado Curros. Tamén en Madrid houbo unha velada necrolóxica no Ateneo por iniciativa de Segismundo Moret.
(Ver Comentarios)
Un milagre? A Igrexa fuxiu da Bolsa xusto antes de empezar a caída...

Información de El Economista (vía Tacho).
Panorama, de Bieito Iglesias (ECG 13 marzo)

Walter Benjamin describe n´A infancia en Berlín contra 1900 a emoción infantil de sentar diante do Panorama Imperial para contemplar indíxenas pintorescos de terras remotas, estacións de camiños de ferro coas súas fumeiras amarelas, viñas nas que podía ver o mínimo pormenor das pugas e das follas, oasis e ruínas fúnebres, fiordes e palmeiras... cincuenta estampas bañadas nunha luz cinsenta. O primeiro panorama fora inaugurado por Daguerre en París, por volta do 1838, e Benjamin describe aquela caixa relucente, aquela máquina portentosa como un acuario no que, en lugar de peixes, se mostraban lonxes e pasados.
Na miña infancia en Ourense cara a 1965, somente coñecín sucedáneos: a pequena esfera con nomes xeográficos de letra tan miúda que requiría lupa para descifrala, con arquipélagos que apenas eran cagadas de mosca; o atlas que permitía pasar o furabolos por continentes ou océanos e os ollos por recifes de coral; e o cativo tomavistas remetido polos pais desde Suíza para que me familiarizase coas fulipadas de neve asabaneando as paisaxes, coas abandas das serras trepadas pola camurza e coas árbores dos parques agatuñadas por esquíos. Pobres estímulos que me permitiron fuxir -no escapismo está a salvación- e percorrer o Globo: "Para o neno é semellante o mundo á súa curiosidade" (Baudelaire). O lapelista crese na obriga de xustificar a regresión á nenez do gran pensador alemán e anota na capa do libro: "Acaso a tenrura pola infancia lembrada sexa a única forma lexítima de expresar o amor por nós propios".
Dese logo quérolle máis ao raparigo que fun que á meniña de Raxoi, ese fugaz espectro que xogou á mariola durante a campaña electoral e que irá dar a roncha a outra parte cando acabe esta lideira. Adiós, muñeca. Farewell my Lovely. Adeus, ruliña.
axenda
Terras de Acolá, o programa que dirixe Luis Menéndez, hoxe no Paraninfo do Otero Pedrayo


Centenario Curros (2).
Pan por Pan xoves 13 marzo

Falamos de Curros o martes no Liceo e aboiou o tema inevitable do seu anticlericalismo. Alonso Montero lembrou o conflicto co bispo Césareo Rodrigo e as reaccións sociais da época, coa defensa entusiasta de Luciano Puga, que estudou o fiscal Benito Montero. Non era Curros ateo, nin moito menos: velaí, como un posible exemplo, o seu artigo “El símbolo”: un enxalzamento do Cristo crucificado (editado nunha escolma da Xunta). Pero sobre el choveron as pauliñas do dogmatismo eclesiástico, utilizando o poder civil da época. Unha voz civil, comprometida, rebelde, republicana, como a de Curros, sería incómoda tamén hoxe. Mesmo neste Estado que se define aconfesional na Constitución e logo abusa de cerimonias político-relixiosas. Alonso lembrou que ata Zapatero xurou o cargo diante dun crucifixo e a Biblia: que pasaría se quixesen facelo diante do Corán?

12 mar 2008


Resaca electoral (faragullas)
Teño unha sensación estraña: dende que vexo a Rajoy asaeteado con crueldade pola Brunete (EM-La Razón-Pedro J.-Ansón), ata empeza a caerme simpático...
Dende logo a política debe ter unha erótica máis que especial: velaí a Mariano que nin lle fai caso á súa querida Elvira que lle pide que o deixe...
Un dos meus trasgos-espías especiais cóntame a sorpresa que tiveron na mesa electoral dos Maristas, pleno centro de Ourense, onde adoita haber máis votos do PP, ó abrir os sobres do Senado. Había unha boa chea deles, cos tres candidatos do PP cruzados, que quedaron como nulos porque ó carón do nome dun deles estaba escrito ben clariño: "analfabeto". Saben de quen se trataba?
Que é de Xosé Manuel González, que hai días que non nos visita. Queremos saber da súa análise electoral. E agardaba que opinase tamén sobre Batallán. Seguro que anda o pobre agobiado cos exames, como outras veces...
Graciñas abondas a Xoán da Coba polo seu agasallo de cumpreanos. Ando a pensar algún xeito de corresponderlle...

Centenario Curros (1).
Pan por Pan mércores 12 marzo (Imaxe: M. Murguía)

Foi Curros Enríquez un poeta moi popular xa en vida, quizais o máis popular do seu tempo. A súa difícil biografía, o enfrontamento co dogmatismo da xerarquía eclesiástica, o seu alento rebelde e civil, fixeron aboiar unha chea de seguidores dos seus versos. Demostrouse en varias ocasións e tamén no traslado dos seus restos dende Cuba a Galicia e o enterro dos mesmos no cemiterio da Coruña, por iniciativa da Asociación da Prensa desa cidade. Basta lembrar algúns nomes que participaron na solemne velada fúnebre no Teatro Pincipal coruñés: Manuel Murguía, Filomena Dato, Linares Rivas, Cabeza de León, Manuel Casás, Lugrís Freire, etc. Din os xornais que 40.0000 persoas foron tras do féretro. Poucos días despois a Escola Laica, os centros republicanos e núcleos librepensadores convocaron un mitin de desagravio polo seu enterro católico en Cuba.

A muller e a poesía


Recital no Liceo de Ourense,
mércores 12 marzo, 20,15 h.
Recitarán Teresa Devesa e Loli Conde. Organiza a Sección de Literatura do Liceo, no marco da semana da Muller do Concello, concellería de Igualdade (Marta Arribas). Coordena: M. Valcárcel.

Homenaxe a Curros no colexio auriense do seu nome e no Liceo

La Región informa hoxe dos actos celebrados onte na homenaxe do centenario da morte de Curros. Na súa web figura unha crónica de Imanol Hernández e un video con detalles do acto e doutras novas culturais do día. Pódese escoitar tamén como os pequeniños facían o coro "cro" "cro"...
Nestoutra imaxe, ó remate dos actos, diante
do busto de Curros por Enrique Barros (1932),
cos directivos do Liceo ourensán, o director do colexio Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, Benito Losada, Xulio e Mariló (de Castro Floxo-Raigame).
Foto enviada por José Luís: ben, en realidade coa cámara de José Luís, que está no centro da foto; de verdade a foto fíxoa o fillo de Segis Bobillo que traballa en Telemiño. Grazas, pois, ós dous.

11 mar 2008

en poleiro alleo

Un PP sen complexos (X.M. Sarille, ECG 11 marzo)

A crispación, a altivez, as actitudes intolerantes, as posicións lepenistas destes últimos catro anos non van desaparecer coa derrota de antonte, como insinúan algúns portavoces da esquerda. Continuará porque hai unha renovación de fondo calado, da que fican excluídos os que non estean dispostos a un novo envite radical, coa inmigración indesexábel, a crise económica, a ruptura de España e a inseguridade cidadá como paisaxe de fondo, forzado e intencionadamente dramatizado.
Mandará Rajoy ou un novo líder, mais a liña está firmemente trazada. Teríase esfarelado se o PSOE acadase a maioría absoluta, porque o PP percibiría de verdade o fracaso e un porvir de doce anos a pan e auga. Iso non sucedeu, o PP conserva o solo electoral despois de tantos despropósitos. O arsenal de adrenalina fica intacto, e aínda aumenta en Madrid, a comunidade máis rica, un territorio que usan como exemplo de modernidade da súa política.
Bilingüismo paletoide, de Afonso Vázquez-Monxardín (Galicia Hoxe 11 marzo)

No mundo actual, os europeos occidentais de nivel medio somos unha elite culta, progresista nos costumes, dinámica, viaxeira e de tendencias cosmopolitas. Usuarios de internet, Ryanair, TV por satélite, os nosos estudantes chegan ao punto de teren máis en común entre eles -música, cine, tecnoloxía, debuxos animados, moda, literatura, coñecemento do inglés...- que cos seus antepasados de procedencia. Así pois, a opción dunha Galicia bilingüe paréceme pobre. Non quixera que as miñas fillas falasen dúas linguas... as mesmas que o seu tataravó. Sería ir para atrás. Hoxe os nosos nenos estudan en galego e en castelán, e tamén inglés como primeira lingua estranxeira e francés ou alemán como segunda. Ou sexa catro. E como parvos non son, entenden bastante ben o portugués. Cinco. Iso, unido ao gusto pola música en inglés, ao traballo dos profesores, á presenza das E.O.I e aos cursos no estranxeiro con bolsas da administración, sitúannos ante uns mozos abertos desprexuizadamente a unha riqueza lingüística como nunca antes se vira. Esta paixón polas ferramentas de comunicacion é cousa europea e o coñecemento de linguas, un dos indicadores máis claros do nivel socio-cultural. O 7% fala catro linguas á parte da propia. Sen dúbida, a elite máis preparada das zonas máis ricas; principalmente, lugares de falas pequerrechas -luxemburgués, holandés, danés, sueco- onde compatibilizan ese amor ao local co dominio doutras grandes como inglés, francés e alemán. Nós, por suposto, debemos tender a estar nesa elite. O galego porque é a lingua en que se creou esta terra. O castelán porque é unha marabillosa ferramenta comunicativa, chave para España e o mundo a través de Iberoamérica e porque é a lingua principal de moitos galegos e dunha parte importantísima da literatura feita en Galicia. De Rosalía a Valle-Inclán, de Torrente a Valente. En fin, que ninguén pense que os amantes do galego somos tan obtusos como para querer borrar das nosas cabezas ou das dos nosos fillos esta vantaxe comunicativa e renunciar ao que sabemos que nos é tan útil. Queremos só liberarnos de prexuízos e fomentar o uso do galego para garantir o seu uso normal. Nada máis. O inglés, precisámolo por ser a lingua principal de comunicación internacional e co portugués temos unha intercomunicabilidade que debemos aproveitar. Hoxe a vella Galicia rural esmorece -cada vez hai menos nenos con aldea- e a posiblidade de recibiren as clases en galego debe ser valorada, como de feito o é entre a maioría dos pais, como unha sorte que eles non tiveron e que suma coñecementos, non os resta. Non cremos problemas onde non hai, porfa.

Cadro branco, cadro mouro
Andoliña 11 marzo 2008 (Imaxe de Lorenzo Goñi)

Os galeguistas de A Nosa Terra histórica resumían dúas das novas importantes de cada día nunha sección titulada ‘Cadro branco’, para noticias en positivo, e ‘Cadro mouro’, para as negativas ou as máis indignantes para o noso país. Para o ‘Cadro branco’ de hoxe, que en realidade xa o escribiron antonte os cidadáns nos colexios electorais, eu subliñaría o fracaso da estratexia da crispación, a derrota das mentiras e das teorías surrealistas a favor de non sei cantas conspiracións, a nidia rectificación dun discurso insultante contra a poboación inmigrante, a descualificación das teses que optaron pola confrontación coas linguas periféricas para gañar votos en Madrid. Alguén debería tomar nota de todo iso: alguén debería pensar en construír unha dereita con outro discurso e xubilar unha longa ringleira de personaxes, empezando por Rajoy, Acebes, Pujalte e Zaplana.
Como ‘Cadro mouro’ da xornada do domingo, eu non teño ningunha dúbida na escolla: sería para ese 41 por cento de cidadáns que optaron pola abstención, seguindo as consignas de ETA en Arrasate-Mondragón. Un moi tristeiro agravio máis á memoria de Isaías Carrasco, asasinado nesa vila vasca no final da campaña electoral.

10 mar 2008

como sempre, Forges, xenial !!!
axenda
Martes 11 marzo. Homenaxe a Curros da Sección de Literatura de Ourense.
12,00 h. Acto e ofrenda no busto de Curros do colexio que leva o seu nome (rúa Saénz Díez), con participación dos alumnos e alumnas deste centro (que recitarán varios poemas) e do seu profesorado, con presenza ademais da Fundación Curros e o delegado de Educación. Intervirá Marcos Valcárcel.
20,00 h. No salón nobre do Liceo mesa redonda sobre o poeta e xornalista coa participación de Antonio Piñeiro, Xesús Alonso Montero e Marcos Valcárcel.
CURROS E LAMAS
(La Región 10 marzo. Na imaxe, o busto de Curros en Celanova, de Asorey, 1951)
Curros xornalista. O pasado sábado, un día despois do centenario da morte de Curros, celebramos en Celanova a figura do poeta ourensán como xornalista, unha das súas facetas menos coñecidas. Foi nun acto convocado pola Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia e que contou na parte musical coa fermosa achega da voz de Luís Emilio Batallán e un vídeo sobre a estrea do Himno Galego no Teatro Tacón de La Habana en 1910, na homenaxe a Pascual Veiga organizada por Fontenla Leal: Curros estivo nese acto e alí leu, entre grandes aplausos, xa maior e enfermo, o seu poema a Pascual Veiga.
Nese encontro falouse de Curros como correspondente da guerra carlista para “El Imparcial” (Fernando Salgado); do seu labor na prensa cubana e en “La Tierra Gallega” na aposta por un xornalismo propositivo (Xosé López); do seu papel destacado no “Diario de la Marina”, a última cabeceira na que escribiu (Rosa Aneiros), e do significado de Curros como poeta do compromiso e símbolo da liberdade, tamén dende os xornais (Xesús Alonso Montero).
Lamas Carvajal. Eu aproveitei para falar das achegas de Curros á prensa de Celanova (“El Correo de Celanova”) e á prensa ourensá, sempre cun xornalismo cívico, comprometido, político e ás veces provocador. Só lateralmente puiden referirme ás súas relacións con Lamas Carvajal, tema sobre o que volvo agora.
Curros estivo na redacción de “El Heraldo Gallego”, semanario de ciencias, artes e literatura, fundado por Valentín Lamas Carvajal en 1874. Quizais pouco tempo, pois a propia revista informa da súa marcha da redacción e tamén de Arturo Vázquez Núñez. Pero EHG informou a cotío das andainas de Curros, ademais de publicar os seus poemas e algunhas prosas. Informou con detalle do certame poético de 1877 que gaña Curros, financiado por Modesto Fernández, e alí mesmo Curros desminte que repartise os dous mil reás do premio entre os pobres da corte, pois precisaba deles, xa que non tiña outro medio de vida. En EHG hai textos currosianos moi interesantes como “La señorita de aldea”, cunha visión bastante tradicional da muller galega. Tamén están os seus poemas en “O Tío Marcos da Portela” e Lamas dedícalle varios textos: por exemplo, o parrafeo de setembro de 1877 no que o Tío Marcos conta como se encontrou, a xeito de pantasma, co “tolo de Celanova” que escapou da casa e marchou a Londres e foi ó cárcere “polo díaño da política”. Lamas defende a Curros nos dous xornais (EHG, OTMP), mesmo no momento da saída de “Aires da miña terra” e da persecución da xerarquía eclesiástica: “o condadado escribe como si mollara a pruma nos ceos”, di o Lamas con ironía en 1886. As cousas cambian coa saída de “O divino sainete”. En 1888 Lamas retrata a Curros sometido “á manía da impiedade” pola súa fobia anticlerical e metamorfoseado: “o ánxel transformouse en díaño”. Iso levou á ruptura Lamas-Curros. A reconciliación non chegou ata 1904, dous anos antes de morrer Lamas: seica se deron unha forte aperta na redacción do xornal “El Eco de Orense” entre bágoas compartidas (así o contaron José Fernández. Gallego e A. Vilanova).

9 mar 2008

Gañarán todos outra vez?
Ben, toca ir votar. Alá vou, en compaña da muller e a filla (esta, por vez primeira na súa vida). Alguén suxeriu seguir dende aquí o debate dos resultados: por iso, abro este fío, por se se queren intercomunicar todos/as a partir das 20 h.
Eu incorporareime máis tarde: despois de votar, vou levar a filla ata a estación de ferrocarril e logo estarei un bo rato no Xardín Xaponés, onde, como outras veces, centraliza os seus servizos Telemiño e fan as primeiras roldas de opinión entre políticos e colaboradores do xornal La Región. Xa lles conto despois qué opinaba a xente por alí: agardemos que a edición dos resultados finais non sexa moi lenta (mañá hai clases). Estarei encantado de ler as súas primeiras impresións: gañarán todos outra vez?
Destruid esa "raya" (Curros)

“Destruid esa “raya”, que separa como una muralla de odio, una familia de hermanos, convirtiéndola en extranjera, y sobre las ruinas de esa muralla tended el puente por el cual se comunique y enlace el corazón de Galicia al corazón de Portugal, restableciendo la obra de Dios, que destrozaron los reyes; y haciendo que uno y otro se completen por justaposición, viviendo en el porvenir como vivieron en el pasado, unidos por los lazos de la fraternidad y del amor, según conviene á pueblos de la misma raza y con la misma historia”.

Con esta cita de Curros, recupero (en COMENTARIOS) un artigo meu sobre a presenza de Curros en El Correo de Celanova (1893-1895). Saiu nun número da revista Arraianos (non o teño agora a man) e tamén nas Actas do I Congreso Internacional Curros Enríquez, celebrado en Celanova no 2001 (Consello da Cultura Galega, 2004, 2 tomos): no segundo tomo está un amplo traballo meu, titulado "CE na prensa ourensá e celanovesa: un xornalista republicano-federal", tomo I, pp. 557-591.

Curros, xornalista (hemeroteca de hoxe)
Na imaxe: Gregorio Ferreiro, Rosa Aneiros, Luís Emilio Batallán, Alonso Montero, Fernando Salgado, A.Mouriño (alcalde Celanova), Camilo Ocampo (delegado do goberno), M. Valcárcel, Xosé López e Xosé Luís Axeitos. A outra foto, de Miguel Villar (LVG), recolle unha polaroid da miña intervención.

Amplia información na prensa de hoxe do encontro de Celanova sobre Curros Enríquez xornalista:
"Celanova recupera o Curros reporteiro de guerra", C. Huete en El País,
"Intelectuais galegos postulan a Curros en Celanova como xornalista innovador e adiantado á súa época", La Región ;
"Adiantado ó seu tempo", en Galicia Hoxe (AGN);
"Celanova descobre a figura xornalística de Curros" , Cándida Andaluz en La Voz de Galicia.






Cen anos de historia cultural
1997: Caneiro, Fernández Paz, Borrazás
(Imaxes: Lino Braxe, en caricatura de Siro; portadas dos libros de Fernández Paz e Borrazás).


Ano moi intenso 1997 en produción literaria: na narrativa e na poesía (vimos o ensaio e a investigación na entrega anterior). No campo da narrativa, subliñemos novelas como Morgado, de Ramón Loureiro; Manso, a mellor novela de M. Lueiro Rey; Fumareu, de Xurxo Souto; O cable inglés, de Xosé A. Moreno; O paxaro que canta un home, de Xavier Lorenzo Tomé, premio Blanco Amor 96; Co medo nas mans, no rexistro do terror, de X. Fernández Ferreiro; O lume de Santo Antón, novela negra e histórica de Luis García Mañá, ou Eu é, novela amorosa de Xurxo Borrazás que aposta polas claves eróticas.Xosé Carlos Caneiro gañaba o premio de novela Torrente Ballester con Un xogo de apócrifos; e Xavier Queipo o García Barros con O paso do noroeste, ambientadas nos tempos previos á Revolución Francesa. Pola súa banda A. Riveiro Coello achegaba A historia de Chicho Antela; Xosé R. Pena, A era de Acuario; Emilio Valadé del Río, A pedra beizoar, e Xavier Frías Conde, As esperanzas de Abu el-Hol. Do mesmo ano son A guerra do tabaco, de Carlos Reigosa; As horas que nos quedan, de Xerardo Méndez; Por unha presa de machacantes, novela-western de Isy New (Isidro Novo), e Manancial, de Xavier Manteiga, premio Xerais do ano resolto no Castro, Sada.

A narrativa breve e os relatos ofrecen outra manchea de títulos. Como Sarou, de Ramón Caride, premio Café Dublín de narrativa breve; Terra queimada, de Xesús M. Marcos, premio Carvalho Calero en Ferrol; Os ollos da sentinela, mestura de relatos de humor e terror, de Xesús M. Valcárcel; os contos de Estro Montaña, As armas delicadas; así como Bágoas de facer illas, de Anxo Angueira; Noites de papel, de Manuel Lourenzo González; Vida e morte das baleas, de Antón Castro; ou Carne de can, de Isidro Novo.

A literatura para nenos e mozos non quedaba atrás. Un dos grandes títulos de Agustín Fernández Paz, en clave de ciencia-ficción: O centro do labirinto. De Pepe Carballude, Romaxe de desventuras; de Xosé Mª Álvarez Cáccamo, Pedro e as nubes; de Fina Casalderrey, ¿Sobrevives?; de Antón Cortizas, O ladrón de ar; de Carlos Vila Sexto, Gárgola, VI premio Rúa Nova de narrativa. Ademais reeditábase Ana­gnórise, de María Victoria Moreno, e traducións (Xerais) de Jack London, M. De Pedrolo, Andreu Martin, E. Allan Poe, A.Conan Doyle, etc. Máis traducións. Noutras editoriais (Sotelo Blanco, Positivas, Laiovento) saían os Contos de E.T.A. Hoffmann; Corazón de escuridade, de J. Conrad; Mr. Vértigo, de Paul Auster; o Fausto de Goethe en versión de L. Tobío e Capital da dor, de Paul Eluard (EM).
Os clásicos galegos tamén tiñan o seu oco. O Centro de Estudos Medievais de Ribadavia recuperaba a biografía de Eduardo Chao, por Curros Enríquez; e reeditábanse obras como Arnoia, Arnoia, de Méndez Ferrín; Era tempo de apandar, de R. Valenzuela; As crónicas de Sochantre, de Cunqueiro; O libro dos amigos, de Otero Pedrayo, e diversos títulos de Ánxel Fole no seu Día das Letras Galegas. De Fole saía tamén o Cartafolio galego (ANT) e aparecían estudos de Claudio Rodríguez Fer, Armando Requeixo, Neira Cruz e Alonso Girgado.

Batallán

Pan por Pan domingo 9 marzo


Hai máis de 30 anos que escoitei cantar por vez primeira a Luís Emilio Batallán. Debeu ser nalgún dos peches de estudantes en Fonseca ou nalgún concerto improvisado nunha asemblea universitaria daquel tempo. Batallán cantaba poemas de Curros e de Celso Emilio Ferreiro, entre outros, e viña de Madrid onde militara no comunismo clandestino. Onte estivo de novo en Celanova, na homenaxe a Curros Enríquez xornalista, e escoitei de novo cancións como “O maio”, “Nouturnio” ou “A Rosalía”. Conservan estas versións a mesma forza evocadora de cando as descubrín sendo estudante. Cancións que logo cantaron artistas como o seu amigo Pablo Milanés ou Toquinho. No xantar posterior coñecín un pouco máis a Batallán, médico rural de profesión; é un home afable, impulsivo, como un neno grande: na súa faciana adulta sobrevive unha mirada infantil que segue a descubrir o mundo.

8 mar 2008

Homenaxe a Curros Enríquez xornalista: o acto de Celanova (en telegrama)

O máis emocionante, quizais, Luís Emilio Batallán cantando “O maio”, “Nouturnio” e “A Rosalía”. Estreou tamén unha breve peza sobre un poema de Rosalía.
Batallán pareceume un tipo simpático (non o coñecía): mañá lle dedico o Pan por Pan.

Moi interesante tamén un video de ficción sobre a estrea do Himno Galego no Teatro Tacón da Habana, 1907 (fixérono para os actos de Cuba, creo). Con protagonismo tamén de Curros, que alí leu o poema “A Pascual Veiga”. Ben feito, chamativo, canto nos falta por facer no mundo visual!!

Os oradores fixemos o que puidemos nos dez minutos estritos de cadaquén. Fernando Salgado falou do Curros de “El Imparcial”, primeiro corresponsal de guerra, e da súa sona na prensa de Madrid. Eu, a seguir, do Curros no xornalismo de Ourense e Celanova: das súas relacións con Lamas e dalgún texto seu en “El Correo de Celanova”, contra o caciquismo, nun ton nidiamente rexionalista e chamando a borrar a fronteira que separaba Galicia de Portugal.
Xosé López explicou o seu labor en “La Tierra Gallega” e o nacemento dun xornalismo propositivo, non só informativo. Rosa Aneiros, do labor de Curros no “Diario de la Marina”, tamén de Cuba, e da forte atención que se lle dedicou na prensa e sociedade cubana á súa morte.
Rematou Alonso Montero abrindo o discurso coa súa infancia e un Curros que non coñeceu na escola, daquilo non se falaba, senón da boca dun zapateiro e un barbeiro de Ventosela e un tranviario de Vigo: cantaban eles poemas anticlericais de Curros. E Alonso empezou a coñecer e estudar ó de Celanova: dedicoulle traballos xa en 1952, nos primeiros “Grial” que pechou Juan Aparicio. Rematou Alonso falando da liberdade e afirmando que Curros hoxe conmemoraría a figura de Isaías Carrasco e condenaría a inhumanidade (“peor que a de Franco”) da alcaldesa de Mondragón.
Presentou todos os oradores e o fío xeral do acto Gregorio Ferreiro Fente.
Amables e sempre eficaces o alcalde de Celanova e Antonio Piñeiro, que achegaron dende a Fundación a infraestrutura necesaria.
No xantar multitude de anécdotas, que quedan para a outra ocasión: falouse de temas tan diversos como Joaquín Sabina, os mariachis, o exilio mexicano ou o fortísimo debate sobre quen foi o mellor gaiteiro do país (o de Ventosela?, o de Penalta?, o de Soutelo?). Alonso dedicou palabras garimosas a Faustino Santalices, a quen coñeceu ben. Estiveron no xantar tamén, ademais de todos os citados, Cesáreo Sánchez Iglesias, da AELG, e Marisol López, Secretaria Xeral de Política Lingüística.

Nos actos de mañá vimos tamén por alí algunhas caras amigas: Andrés Mazaira, Baldomero Moreiras, Acisclo Manzano, Luís Menéndez, Mani Moretón, etc.

UNAMUNO EN OURENSE. O SEU EPISTOLARIO GALEGO

(AS UVAS NA SOLAINA, La Región. 2002)
Saiu o nome de Unamuno nun fío e as súas relacións cos escritores galegos. Iso dáme pé a recuperar este artigo, publicado hai anos en LR, nunha sección que xa se chamaba como este blog: a cousa vén de vello. A foto que encabeza, segundo teño entendido, é do fotógrafo ourensán José Suárez, tomada en Salamanca: creo que hai unha copia na Biblioteca da Deputación de Ourense, que era de Blanco Amor.
"O valor dun xesto": De Unamuno e do seu famoso discurso no paraninfo da Universidade de Salamanca xa falamos nesta casa, en data 15-X-2006).

1. A CERNA DA MEMORIA.
Poucos intelectuais do século XX español xeneraron un interese comparable a don Miguel de Unamuno. A súa extensa obra creativa abrangueu campos moi diversos: desde a lírica e a narrativa ata o xornalismo, o teatro e o ensaio. Faremos agora un breve achegamento ás relacións de Unamuno con Ourense e cos ourensáns.
UNHA VISITA A OURENSE
Hai anos soubemos dunha importante visita de don Miguel de Unamuno a Ourense no xa lonxano ano de 1903, en pleno mes de xuño, para presidir e inaugurar, como orador, un Concurso Pedagóxico, que desde aquela data debía sustituir os brillantes Xogos Florais das Festas do Corpus . Otero Pedrayo dedicou un longo artigo a falar de “Don Miguel de Unamuno en Orense” (“Faro de Vigo”, 4 outubro 1964), polo que coñecemos os principais datos desta viaxe. Para o autor de Trasalba, Unamuno era un prototipo de escritor camiñante: “Muchas veces hemos hablado con don Miguel. Su conversación de estudiante en camino que aprovecha el gozo de la posada, se complacía, a través del juego de los detalles, en el descubrimiento de lo pétreo y esencial en el hombre. Caminantes fueron Baroja, Azorín, Unamuno... Los salvadores, no digamos de España, sí de la pureza del anhelo español. Un innato nomadismo les llevó al descubrimiento, a la invención de valores inmortales”. Unamuno parou no hotel Roma e aproveitou a ocasión para hablar “largo y matizado” con don Marcelo Macías, do que don Ramón gaba unha vez máis as súas cualidades oratorias. O autor de “Arredor de si” describe así ó escritor vasco: “La barba breve y férrea, algo de férreo del tono del hierro vizcaíno en el traje, el chaleco cerrado, el sombrero blando, redondo, un “bersagliere” –así, en el gremio de sombrereros-, más simple. Sombrero semejante gastó don Victor Sai Armesto. En éste agresivo, en don Miguel reconcentrado en cúpula o tapadera de marmita. La cara hace el chapeo y no al revés”. A primeira visita ourensá de Unamuno foi de admiración e respeto a Valentín Lamas Carvajal. Visitouno, un día de chuvia mansa, no seu despacho de “El Eco de Orense”. Encontrouse cun home “envejecido, roto, casi ciego en un lóbrego despacho”. Unamuno recitou uns poemas galegos ante un Lamas emocionado. Comentaría logo sobre aquel día: “Sentí todo el heroísmo y desolación del oficio de escritor en nuestra España”.

2. ARREDOR DE NÓS. UNAMUNO NO LICEO.
A visita a Lamas rematou cando Unamuno escoitou naquela casa uns berros e laios airados, que Lamas atribuiu a “un familiar casi loco”. O intelectual marchou apenado e subiu a rúa de Alba para facer outra visita, encargo dun amigo, nunha casa da rúa de Santo Domingo. Unamuno foi introducido nun salón de grandes sillóns e araña de cristal velada, pero non encontrou á señora que ía buscar. A cambio apareceu “un señor pulcro, de babuchas suaves, gorrita de seda” que de súpeto se puxo a exclamar “No, no podrán nada contra mí, ni los pochos ni los childreros, con todas sus maquinaciones y el oro de la pérfida Albión...”. Don Miguel saiu de alí pensativo, dicindo para si: “He caído en un vasto manicomio”. Así contaba Otero esta anécdota que, segundo informacións que recollimos, debía referirse á casa da poeta Filomena Dato, ausente naquela xornada, que tiña un irmán médico disque algo tolo. O resto da visita foi máis oficial: procesión cívica, inauguración de placas conmemorativas e un acto diante da casa antiga do poeta Alberto García Ferreiro onde falou emocionado Xerardo Álvarez Limeses. Don Miguel formou na comitiva con levita e sombreiro de copa, puntual e enigmático, seguido de alumnos do Instituto que comentaban ironía sobre a súa raída indumentaria. No Liceo conversou con Salvador Padilla, con Eduardo Moreno e co xornalista Nomdedeu e impresionou ós tertulianos que tiveron a sorte de compartir aquela xornada.

3. O ALENTO DO COTIÁN. UN VIZOSO EPISTOLARIO.
Aquela visita a Ourense do ano 1903 foi organizada por Salvador Padilla de Vicente, un granadino que era catedrático de Latín e director do Instituto de Ensino Medio. Colaborou tamén nas xestións Juan Marina Muñoz, amigo e condiscípulo de Unamuno, que estivo naquel ano como profesor no Instituto ourensán. As cartas de ámbolos dous a Unamuno están recollidas por Alexandre Rodríguez Guerra nun valioso “Epistolario galego de Miguel de Unamuno” publicado polo Centro Ramón Piñeiro (2000). Por elas sabemos que unha comisión foi buscar a Unamuno ata Astorga e tamén que o Concurso Pedagóxico non foi un éxito de convocatoria, pois houbo varias categorías desertas. Unamuno recibiu cartas dun total de 208 autores galegos, moitas de gran interese. Por exemplo, Alfonso Pazos escríbelle en 1928 para ofrecerlle a presidencia honoraria da Juventud Republicana da cidade, cando era presidente da mesma (era secretario Mesa Villar) e xefe de redacción de “La República”. Con gran admiración escribiulle tamén Manuel Curros Vázquez, fillo do poeta de Celanova, quen por certo foi citado máis dunha vez nos discursos de Unamuno, mesmo lendo os seus versos. Outras epístolas son de Neira Cancela, Nan de Allariz, Mario Canda, Benito Fernández Alonso ou Primitivo Rodríguez Sanjurjo, moitas veces para enviarlle libros; por certo, este último, amosa o seu desasosego coa visión valleinclanesca de Galiza popularizada no resto de España. Carlos Velo pídelle axuda económica en nome da Unión Federal de Estudiantes Hispanos para un estudiante cubano exiliado en España. Escriben tamén Otero Pedrayo e Blanco Amor, este mándalle copia dun discurso e pídelle un seu retrato para “ocupar un puesto de honor en mi cuarto de estudio”. Do círculo blancoamoriano, diríxense con certa frecuencia ó creador de “San Manuel Bueno, mártir”, poetas como Xavier Bóveda e Francisco Luís Bernárdez; este último relaciona o existencialismo unamuniano coa obra, entón moi popular, de Berdiaeff (tan importante en Otero Pedrayo). De Xavier Bóveda é unha carta abraiante denunciando que Ourense vive “todavía bajo el peso de Torquemada”, a propósito dun suceso polo que un seu irmán, menor de idade, estivo atado e humillado na Catedral por roubar o cepillo das Ánimas, segundo el para “deshonrar así mi querido nombre de intelectual izquierdista”. Outras citas habituais no correo unamuniano foron Roberto Blanco Torres, que escribe desde o seu desterro en A Peroxa (xa temos sinalado a pegada unamuniana na poesía do autor de Cuntis) e o filósofo Eloy Luís André, do que se conservan ata 36 cartas entre 1898 e 1915, de gran interese ideolóxico.

4. PERSONAXES. SOBRE O IDIOMA.
Tiña tamén Unamuno na súa biblioteca un bo mangado de libros de autores galegos (uns 80). A maioría dos citados mandábanlle os seus poemas e ensaios e así podería ler (anque non hai constancia de que o fixese) títulos como “Montaña de Orense” (1905), de Neira Cancela, ou “Las mesetas ideales” (1912), de Rodríguez Sanjurjo. As súas colaboracións aparecían de cando en vez en “La Zarpa”, como tamén as doutros escritores republicanos españois, e todos admiraban o compromiso intelectual e social do creador de “Nívola”. Pero había un punto de fricción, cando menos cos escritores máis galeguistas: a posición de Unamuno arredor do idioma galego e, en xeral, dos idiomas periféricos. Desde moi cedo Unamuno escribiu contra os desexos de recuperación do vasco, ó que consideraba unha reliquia que só merecía ser enterrada. Cando Unamuno chega ó Parlamento da Segunda República, empuxado polo seu prestixio como referente contra a dictadura de Primo de Rivera, un dos seus temas habituais na Cámara é a súa oposición ós dereitos legais destes idiomas, e por este tema polemizou alí con Castelao e con Otero Pedrayo. Unamuno opúxose á cooficialidade da lingua catalana nun famoso discurso de xuño de 1932, aínda que si votou a favor da aprobación do Estatuto de Cataluña.
Moi recentemente vén de publicarse “Miguel de Unamuno e a lingua galega” (tresCtres), onde Alexandre Rodríguez Guerra fai un exhaustivo percorrido polos textos, abundantes pero dispersos, nos que o escritor fai referencia ás súas posicións arredor do idioma galego, a historia desta lingua, a onomástica ou a dialectoloxía, entre moitos outros aspectos. O galego, dicía Unamuno, era unha lingua melancólica e doce, pero non o consideraba unha lingua de cultura nin merecía ser lingua oficial. É evidente que os prexuízos nacionais poden perturbar as mentes máis sensatas e tamén Unamuno podía equivocarse ó respecto.

O PARTIDO DE CURROS
Andoliña sábado 8 marzo (Imaxe: Curros no monumento de Asorey)
Onte celebrouse o centenario da morte do poeta Curros Enríquez, cun acto na Coruña no que participaron a Real Academia Galega e a Fundación Curros. Hoxe axuntarémonos en Celanova varios militantes do pce: non, non se asusten, xa sei qué data é hoxe, non fago propaganda. Falo do Partido de Curros Enríquez, en concepto acuñado con xeito por Alonso Montero, o partido dos admiradores da poesía e do ideal laico, liberal e republicano do vate de Celanova. Hoxe, neste encontro na súa vila natal, organizado pola Secretaría de Comunicación da Xunta de Galicia, reivindicaremos o seu xornalismo, o do home comprometido co seu tempo e cos máis desposuídos, o do poeta sempre pioneiro na loita contra todo tipo de fanatismo e de tiranía.
Non tivo o Curros unha vida doada, non: foi recoñecido e coroado como poeta e lido e aplaudido polas xentes, pero para gañarse a vida como xornalista, tivo que estar sempre a dar voltas, de Galicia a Madrid, de Madrid a Cuba: ó seu xeito morreu tamén no desterro.
Extraordinario poeta en todos os rexistros: o dogmatismo, no seu tempo da xerarquía eclesiástica, non logrou facelo calar. Non nos calarán, tampouco, os que derraman sangue inocente en Mondragón.

7 mar 2008


A máis extrema miseria humana
(Na imaxe, o exconcelleiro socialista asasinado, Isaías Carrasco)

Como di máis abaixo Arume, nun comentario, a máis extrema miseria humana amosa de novo a súa faciana asasina: Mondragón é hoxe o nome da tristura, da ignominia, da impotencia fronte ó absurdo criminal.

A festa da democracia, tinguida de sangue. Iremos votar co corazón encollido, pensando nesa familia burlada, aplastada polo fanatismo. Nos tres fillos que quedan sen pai. É o único en que son capaz de pensar agora: o resto desdebúxase nunha néboa confusa.
Fracasarán tamén neste intento de interferir na campaña: non lles servirá de nada. Pero ninguén lle devolverá o seu pai a eses nenos de Mondragón.

Excesos da campaña
Pan por Pan venres 7 marzo

Nun par de días carteis e bandeirolas perderán a súa funcionalidade: da campaña só quedarán ecos difusos. Creo que algúns se arrepentirán dos excesos típicos destas contendas. Rajoy excedeuse acusando a Zapatero de agredir ás vítimas do terrorismo e tamén atacando a Serrat, que nada lle fixo o pobre. Do outro lado, pasáronse varios quilómetros Felipe González e José Luís Cuerda chamando imbéciles ós líderes do PP. E o mesmo a eurodeputada popular Ana Mato insultando como analfabetos ós nenos andaluces. No mesmo caixón, os vándalos que boicotearon actos nas Universidades. Do positivo da campaña, lembraremos a relevancia dos debates mediáticos e algún detalle orixinal. Parecéronme moi bos os anuncios de Isabel Coixet (na imaxe) para os socialistas. Tamén a campaña do PSC, que afirmaba nun cartel: “Indecís? Escolta la COPE cada matí”. Contundente, efectivo.

6 mar 2008
















como nenos....
A babecada do día

'ETA espera que vuelva a salir el Gobierno socialista', afirma Juan Antonio García, ex policía nacional, que sufriu un atentado en 1992. É o sucesor de Alcaraz na AVT. Asegura sentirse 'agredido' pola política antiterrorista de Zapatero (En El Mundo, contén entrevista en video).
Mal francés, de Bieito Iglesias (ECG 6 marzo)

Sarkozy insultou a un labrego ou gandeiro con aldraxe que non figura no meu cativo dicionario escolar de francés. Non lle chamou "sot", "niais", "serin" "oison" ou "godiche"; valeuse de "con" (que en tradución literal significa "conacho", segundo me ensina a miña colega Lola Carballo) cando o paisano lle negou unha aperta de mans cun "non me toques". Tiroulle polo xenio ao Presidente da Republique e así ficou esclarecida a personalidade do tal, dese señor baixote, saltariqueiro, dado a bracear e a botar a lingua a pacer, o retrato en fin do que alá onda nós se coñece como tipo lixeiro ou bailarino.
Non quero nin pensar qué sucedería se fose o rústico quen puxese pingando ao prócere. Probablemente sufriría arresto ou cando menos pagaría unha multa de abrigo porque a grandeur da Franza prohibe que llas boten fervendo a un dos seus pequenos imperadores. A popularidade deste arremedo de Napoleón andaba xa rastreira desde que os cidadáns o ven máis nas revistas do corazón que en angueiras de goberno, pero darlle unha mala contestación a un vellote camponio pasa de castaño escuro (cela passe la raillerie). Parece que o home aborrece coa política cotiá, o que lle presta é resgatar reféns en África ou no mato colombiano, nos tempos mortos do idilio con Carla Bruni.
Se o monsieur inxuriase á miña avoa Ermesinda (en paz estea) ela retrucaría co seu vituperio preferido: galicoso!, querse dicir sifilítico, doente de gálico ou mal francés. E, se Sarko me estendese a man a min, creo que tamén lle diría: non me toques o nabizo. A túzaro, túzaro e medio.
As liberdades públicas inclúen o dereito a botarlles catro ao rabo a aqueles políticos que nos anoxan, a sermos toxos na vida privada.
en poleiro alleo

Demagoxia sobre as pensións dos galegos, de S. Lago (La Región 6 marzo)

A abstención, de M. Mera (La Región 5 marzo)

Bienal da Caricatura: homenaxe ó Carrabouxo
por Afonso Vázquez-Monxardín Fdez.

Fagamos un repaso a 1982. Seguía a lentiña guerra entre Iraq e Irán; outra veloz– cheguei, vin, vencín, derrotáronme, caín- promoveu, inxénua, a ditadura militar arxentina nas Malvinas; Maradona veu ao Barça; celebrouse o mundial de fútbol na “naranjita” España; caeu por un barranco e espichouna a Grace Kelly; gañou as eleccións o PSOE de Felipe González e o Nóbel de literatura foi para García Márquez; suicidouse Romy Schneider; morreron Ingrid Bergman e Leónidas Bresnev... E en Ourense houbo un suceso extraordinario que ecoou e ecoa na prensa todos os días desde hai décadas: naceu un home fumando. Como o oen. Veu ao mundo un adulto, cangallón retranqueiro e anfibolóxico. ¿Anfi... que? An-fi-bo-ló-xi-co. Que gusta xogar cos dobres sentidos das palabras e das cousas. Ou como dirían os medievais no tempo das cantigas, coa “equivocatio”. El sería intelixente xograr de escarnio máis que de maldizer. Este home-paisano-bebé naceu entre as follas de La Región –a nai que o acolleu sempre con cheiro de tinta e papel- e estendeu o nome ao pai que o pariu. Así, Xosé Lois González Vázquez foi mutando en Xosé Lois “o Carrabouxo”, como se dixeramos “o ferreiro”, “o capador”, “o Buciños”, nesa liña de bautismo tradicional que é aporlle oficio, procedencia ou realizacións ao nome propio. Seguramente foi esta invasión do éxito por saber beber golosamente na esencia íntima da tradición galaica –unha anfiboloxía retranqueira e divertida- que desde o primeiro momento alumeu a súa presenza diaria. Empatou directamente, pois, sen intermediarios, coa xente. Pero o Carrabouxo non é simplemente un personaxe humorístico. Ca. Eses duran só unha temporada de moda e falamos aquí de 25 anos seguidos. El é é moito máis. É un arquetipo popular que leva dentro, na cerna, onde parece que é máis mol, unha mosca. Igual que a Disholcaspis quercusglobulus inxecta a semente da súa estirpe na cortiza das poliñas de carballo e fai nacer alí bugallo -que nós chamamos en Ourense sempre carrabouxo- o Xosé Lois traspásalle ao seu personaxe a vontade de transmitir sobre todo humor e logo conciencia social ou ideoloxía. Algo semellante –popularidade, humor, intención- achanzou o camiño para que outro humorista se convertise na figura máis importante do século XX desta Terra, e digo Castelao e todos me entenden. Se cadra pensando no de Rianxo, di Xosé Lois con ironía que o Carrabouxo é o único nacionalista vivo cunha estatua. É certo desde logo e non había ser menos. Primeiro choutou das páxinas do xornal á pantalla, alá polo ano 2000 e logo clonou en estatua no 2002. E desde ese momento asumiu tamén o rol de meeting point de boa parte da xuventude ourensá. “Quedamos no Carrabouxo” é unha das frases que máis se oe nas noites de festa entre uns adolescentes e mozos que xa o coñecen tamén dos libros de texto. Atallando, o Carrabouxo é o primeiro que se le no xornal, pasou á pantalla, converteuse en estatua metálica, entrou decidido nos corazóns e nos costumes dos cidadáns... ¿que máis se pode pedir, logo? Ah! A homenaxe dos seus compañeiros, dos debuxantes amigos e das forzas vivas da caricatura e o deseño. Pois velaquí está esta bienal e esta exposición. Graciñas e dálle.

Crónica do mitin do BNG en Ourense,
por "Eu medio estiven alí"

A petición dun lector para atender o mitin do BNG en Ourense foi atendida, xenerosamente, por outro contertulio desta casa, que mandou esta crónica, que reproducimos.

Pide un Anónimo unha crónica do mitin do BNG en Ourense. Como o señor Marcos a solicita, velaí uns apontamentos breves. Pavillón dos Deportes sen encher. O público vai chegando ós poucos e o servizo de organización insiste en que se ocupen as cadeiras enfronte do escenario. Nótase a chegada de autobuses das vilas (Allariz, Verín, …) porque chegan en grupos e o público se vai diversificando: o paisano do rural mesturase co capitalino. Entre os capitalinos, xente coñecida: o Carrabouxo, o Monxardín tío, o capitán Willy (ex PC que nunca falou en galego), o inspector Caseiro. Xente guapa e non tan guapa, como en botica. Repártense bandeiras e carteis para que o respectable as ondee cando proceda. Luces moi potentes: servidume ós segundos televisivos. O reparto dos asistentes faise dun modo convencional, como en todos os partidos: os cargos institucionais (algún delegado provincial feito un figurín) e os convidados nas primeiras filas: saúdanse e bícanse uns aos outros encantados de terse coñecido. Atrás no escenario, como fondo dos intervintes, sitúanse rapaces novos e concelleiros das vilas: os ourensáns, máis señoritos ou máis tímidos, non suben.
Retraso de vinte minutos no comezo. Teño pouco tempo para oír as intervencións porque teño que liscar por outros compromisos. De súpeto, a música elévase e entra a comitiva por un lateral. Saúdan, fan sinais de vitoria e triunfo, suben ó estrado. Sánchez Vidal, o da “tenencia”, talla bocoi, é o encargado de presentar os intervintes, con pouca gracia e peor galego, facendo unha brincadeira politicamente incorrecta sobre un minuválido e unhas muletas. O primeiro é Suárez Canal: trontante, eleva o ton, aplausos, Galiza e o respecto, Galiza e a determinación da política estatal, etcétera. Mesmo o Conselleiro se permite unha licenza poética citando unha Ithaca que soa rara nun líder tan pouco literario. Logo fala a vicepresidenta do Parlamento, Tareixa Paz: correcta pero un pouco sosa. Teño que marchar, vou quedar sen oír a Quin, que está pletórico e sorrinte na súa cadeira. Mais como falta tamén por falar Iago Tabarés, supoño que Quin será o que peche. Lisco, fago veloz o recado e volvo para ver e oír o Vicepresidente. Cando chego aínda está falando Tabarés, respiro aliviado. Oh, decepción: Quin xa falou, non pecha o acto, Tabarés é o derradeiro: correcto, pedagóxico, repite por enésima vez o que dixeron os anteriores, pero con especial fincapé na problemática ourensá. Remata o acto, a xente vaise tranquilamente. Hoxe dixéronme que Quin estivo moi espelido e gracioso, todo o mundo ríu as súas palabras e chanzas, que actou moi ben, que animou ao público, que sabe chegar.


O QUE CALAN

Andoliña xoves 6 marzo. Imaxe: Masquerine, de Giuseppe María Meteli, 1692.


Dos nosos líderes políticos importa tanto o que din como o que calan. Xa sabemos que Rajoy quere, tamén aquí en Galicia, conseguir votos defendendo o castelán, como se este fose atacado ou agraviado nalgures: pobriño do castelán, desaparecido das televisións, dos xornais, da Xustiza, da liturxia, da vida empresarial, etc. Todo en rigoroso galego normativo, pobriño do castelán!! Rajoy asume o discurso de Galicia Bilingüe e logo os populares chaman ó voto presumindo da orixe galega do seu candidato. O mundo ó revés.
Imos co que calan. Por exemplo, é case seguro que non vai haber maiorías absolutas: por sorte, na miña persoal opinión. Xa sabemos que Zapatero pode pactar a varias bandas: CIU, PNV, ERC, IU, BNG, etc. E con quen pode pactar Rajoy? Despois dunha campaña tan antinacionalista, vai pactar con CIU? Vai volver ó “catalán na intimidade” do seu mestre Aznar? Vaise achegar a Esquerda Unida?
No caso dunha hipotética vitoria, Rajoy precisaría o apoio dun ou de varios dos grupos nacionalistas para ser investido. Pero fixo unha campaña destinada a rachar todas as pontes. Ademais, os seus votantes, despois do escoitado, non llo perdoarían. Teno moi difícil.

5 mar 2008

CORAZÓN DE NÓS
(Foto: Banquete galeguista en Ourense a Emilia Docet, Miss España, 1933. Na imaxe están Vicente Risco (beira esquerda) e Otero Pedrayo, diante da bandeira; tamén Álvaro Cunqueiro, o poeta Manuel Luís Acuña, Ramiro Illa Couto, Leuter González Salgado (avó de X.L. Carrión), Afonso Vázquez Monxardín (avó de AVM), Fita ou Josefa Bustamante (muller de Otero), Manuel Peña Rei (presid. do PG en Ourense), E. Blanco Amor, Xosé Luís Ramos, Xosé Goyanes, etc. )

Corazón de Nós (Marcos Valcárcel, ANT, 5 marzo 2008)

Na antiga rúa dos Zapateiros ourensá, hoxe rúa da Paz, consérvase, como todo o mundo sabe, a casa onde viviron Vicente Risco, na primeiro andar, e Ramón Otero Pedrayo, no segundo. Foi no seu momento esta rúa o corazón da cidade, como lembra o propio don Ramón nos seus escritos, antes do ensanche do marco urbano na modernidade. Por iso se fixo alí o Teatro Principal e por alí paseaban, ata o Espolón da Praza Maior, burgueses e fidalgos do século XIX. Case enfronte viviu (alí o visitamos máis dunha vez) o benquerido Xoaquín Lourenzo, “Xocas” para os máis amigos. E a vinte pasos, na Praza do Ferro, o bo, case santo, de don Florentino Cuevillas. Na mesma contorna, dende a Praza do Ferro, ábrese a rúa de Lepanto e alí encontrámonos coa casa de Blanco Amor e, mesmo enfronte, o lugar onde estivo a redacción de “O Tío Marcos d´a Portela”, o primeiro xornal monolingüe da historia da nosa nación. Todos eses edificios teñen cadansúa placa conmemorativa (agás a casa de Cuevillas) e creo que poucos lugares hai no mundo con tal capital simbólico de galeguidade: se me deixan, escribiría con tal capital espiritual dos fornecedores das nosas raíces, tamén isto é patrimonio inmaterial.
Pero agora falaremos do patrimonio material: a casa onde viviron Otero e Risco está en venda, informaba o xornal “La Voz de Galicia” hai uns días. Entra nos vaivéns do mercado inmobiliario e ninguén sabe cal será o seu destino final. Nun país normalizado, onde as súas xentes estivesen reconciliados co seu tempo histórico, as principais autoridades dese país (poñamos Consellería de Cultura, Deputación e Concello de Ourense) xa estarían a mover todos os fíos necesarios para recuperar tan simbólico edificio. Para que? Sen dúbida para gardar a memoria merecida dunha xeración irrepetible, a dos homes de Nós. O piso de Risco disque vale 180.000 euros: é iso unha cantidade imposible de asumir? Non farei análises comparativas con outras cifras monstruosas de receptáculos culturais que todos temos na cabeza, así ninguén me acusará de demagoxia. De momento, reacción das autoridades á nova do xornal, inexistente. Nun país normalizado...
Manuel Dios: "Encher de relixións a escola non soluciona"
O Seminario Galego de Educación para a Paz celebra os seus XXIII encontros reclamando unha materia de historia dos distintos credos.


Sempre defendín o mesmo que sostivo Manuel Dios neste encontro.
Por suposto, os docentes que impartisen esa nova Historia das Relixións ou como se chamase deberían ser profesores competentes e preparados e non predicadores confesionais, como é obvio.










IX BIENAL DA CARICATURA: OMAR FIGUEROA TURCIOS
O caricaturista do mundo convidado na IX Bienal é Omar Figueroa Turcios (Corozal, Sucre, Colombia, 1968). Déixovos unha mostra da súa obra, de indiscutible calidade: Ronaldinho, Hillary Clinton, Pavarotti, Obama.
Podedes ver máis cousas del en Turcios Animal e en Caricaturcios.

Ética e estética.
Pan por Pan mércores 5 marzo

Nos felices anos 20 do século pasado o movemento de liberación da muller asumiu tamén a liberalización do corpo feminino fronte á tiranía da moda e os tabús sexuais. Apostou pola sinxeleza e unha suposta naturalidade, escribe Carme Blanco: un novo modelo de muller delgada, con saia e cabelo curtos, usos máis axeitados para un novo estilo de vida áxil e deportivo. A “nova Eva”, figura andróxina e sen curvas marcadas, co seu cigarro e carné de conducir, que faría popular o cine con actrices como Louise Brooks. O noso poeta Roberto Blanco Torres retratou este modelo de muller, melena curta, pintura nos beizos, ollos de carbón, no seu poema “O cepo”, con certa ironía:

Moi feitiña, eso sí,
moito refinamento:
tés, automóbles, tangos,
e latricar moderno.
Moito aquel por afora,
pero ren por adentro.
¡Ja sei quén eres,
Euménide destes tempos!.
IX Bienal da Caricatura de Ourense: Caricaturas a esgalla
(colgo un texto meu que está no catálogo da Bienal)

Chega a Bienal da Caricatura de Ourense á súa novena edición e a cidade auriense convértese por varias semanas na capital da caricatura e o humor gráfico en Galicia. Hai xa unha pequena tradición consolidada nestas nove convocatorias e a confirmación dunha vocación que vén de vello: hai agora 25 anos iniciaba as súas viñetas en La Región Xosé Lois González, co seu popular personaxe O Carrabouxo, e nas mesmas datas, aínda un pouquiño antes, celebrábase nesta mesma cidade a primeira exposición sobre caricatura e humor gráfico galegos. Foi na Agrupación Cultural Auriense, comezos de 1983, e dende alí puxemola en marcha o propio Xosé Lois, que presidía a Auriense, e o cronista que asina estas liñas. E non eran aqueles malos tempos para o humor en Galicia: en febreiro do ano 1983 saía tamén á venda o primeiro número da revista Can sen dono, xa desaparecida.
Dende aquela, 25 anos de distancia, choveu moito. Cambiaron as cousas, a realidade política, o mundo social, os estímulos da vida cultural, pero a caricatura e o humor seguen aí presentes: sobre todo nos xornais, tamén nalgunha revista (Retranca), sen ningunha tentación de marchar cara ningures. Moi pola contra, mantense moi viva a vocación de crónica social e denuncia das imposturas que os humoristas gráficos manteñen en Galicia dende hai varias décadas (empezando polos pioneiros de finais do franquismo: Siro López, Xaquín Marín, Fernando Quesada, etc.). Das moitas lecturas que a andaina recente deste país pode ofrecer ós galegos do futuro, a dos humoristas é, sen dúbida, unha das máis creativas e simpáticas, das máis orixinais e contundentes tamén. (...)

(O texto completo en COMENTARIOS).