3 jul 2007


Tes os olliños negros.

Pan por Pan 3 xullo

Dos ollos e do seu poder no amor escribín o pasado domingo: os moi cultos seguidores/as do meu blog enriqueceron as referencias literarias, de Lope de Vega a Petrarca, e de Xoán García de Guillade a Louis Aragon. E as mesmas imaxes arredor dos ollos e os amantes aparecen ademais na poesía popular galega. Por exemplo, os ollos e o “morrer de amor” dos trobadores, nesta cantiga: Eu non sei que tes nos ollos/ que, se me miras, ti matas;/ mátasme, se para min ris;/ mátasme, cando me falas”. E a beleza exclusiva dos ollos da amada, os únicos capaces de crear o misterio amoroso: Moitos, moitos ollos vin, / e sólo ós teus, miña rula,/ e sólo ós teus me rendín”. E xa saben, se os ollos verdes son traidores, semella que a este poeta anónimo lle engaiolaban máis os negros: Tes os olliños negros/ como a seda de coser; / nacemos un para o outro:/ que lle habemos de facer”.

1 jul 2007

En poleiro alleo

Boas novas do hábitat (Salvador García-Bodaño en El Correo Gallego, 1 xullo)

Couto Mixto, a Andorra galega (Xosé González Martínez en Faro de Vigo)

A laranxeira de Trasalba (Méndez Ferrín en Faro de Vigo)

Dios y el César (Alfredo Conde, El Periódico)
"CAUSARÍA RISA la actitud de la Iglesia española si no resultase esperpéntica. ¿Es que es ella la depositaria de la moral ciudadana y solo a ella compete impartir doctrina a este respecto? ¿Qué autoridad moral, precisamente moral, es la que la asiste después de tanto tiempo transcurrido detentando la exclusiva de la impartición de doctrina, de doctrina moral, pero también social y no únicamente religiosa? ¿Es que no debe haber más moral que la religiosa? ¿Es que debe el Estado --es decir, ese instrumento del que la sociedad se dota a sí misma, no para servirse de él, sino para que este la sirva-- seguir delegando tamaña responsabilidad en esta concreta institución eclesiástica o deberá ampliarla a todas las demás? ¿Pretenden acaso los reverendos que cuando tengamos seis millones de votantes musulmanes, como ya tienen nuestros vecinos franceses, esa otra moral se enfrente a la suya y el enfrentamiento de ambas pueda acabar por triturarnos a todos?"

Aquele mover d´olhos excelente...

Pan por Pan domingo 1 xullo. Foto J.Simon.


“Aquele mover d’ olhos excelente,/ aquele vivo espírito inflamado/ do cristalino roto transparente…” cantaba Luís de Camoes nunha das súas elexías. E noutro poema o gran poeta portugués fala de “um mover d´olhos, brando e piadoso” e aínda noutra cantiga: “Ûa Dama, de malvada,/ tomou seus olhos na mâo/ e tirou-me û apedrada/ com eles ao coraçâo”. Os ollos da amada, a raíz da fascinación en centos de poemas de amor.

“Ojos garços ha la niña” cantaba Juan de la Encina: “Son tan bellos y tan bivos/ que a todos nos tienen cativos,/ mas muéstralos tan esquivos/ que roban el alegría”. Todo o mundo quere mirar eses ollos, de día e de noite, e o mesmo pasaba cos “Ojos claros, serenos” de Gutierre de Cetina. Noutro poema deste autor, o poeta canta á dama que se cobre os ollos coa man e logra así, igual que co astro rei, que o seu resplandor sexa máis levadeiro para o amado.






CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL





1972: XENTE AO LONXE

30 jun 2007


Unha decisión acertada

Gran editor, poeta, erudito, divulgador da nosa poesía medieval trobadoresca, ó cabo Xosé María Álvarez Blázquez, citado tantas veces nas quinielas, será o centro do Día das Letras Galegas 2008.

A miña noraboa, que supoño compartirán os contertulios, ó seu fillo Xosé Mª Álvarez Cáccamo e a toda a súa familia.
En poleiro alleo

"Problemas de fondo", de Víctor Freixanes (LVG 30 xuño). Dende a imaxe das multitudes opositoras en Silleda, V. Freixanes reflexiona sobre o futuro da nosa mocidade e a emigración, sobre todo "intelectual", aínda non rematada.

"Unha máis", de X. L. Franco Grande (LVG 30 xuño). Franco Grande retruca duramente algunhas das opinións expostas por Ferrín nun seu artigo sobre Curros e sobre a valoración que o grupo Galaxia tiña do poeta ourensán.
E no suplemento cultural, non accesible dende a rede (creo), artigo de Alonso Montero sobre a recuperación dos poemas do mestre e pedagogo republicano ourensán Albino Núñez Domínguez, por parte de Harmonía Universal, nova editorial fundada polo seu neto o músico Carlos Núñez.
AMOR E MORTE
PAN POR PAN sábado 30 xuño. Imaxe: Moza co can branco, de Lucien Freud, 1951-1952.

Pode o amor burlar as fronteiras da morte? Os poetas entenden que si e ninguén o expresou mellor que Quevedo no soneto “Amor constante mas allá de la muerte”, onde di que os seus restos “serán ceniza, mas tendrán sentido;/ polvo serán, mas polvo enamorado”.
Na mesma liña Villaespesa canta a Elisa, a amada que se revela como presenza espectral: “Mis ojos no la ven, pero la siento/ vagar en torno mío, en el aliento/ que sube del jardín por la ventana;/ y me parece ver en el espejo/ la lunar claridad, como el reflejo/ de alguna sombra de su sombra hermana”. Ata o punto de fundirse o poeta coa amada morta (“¡Y un espanto de muerte me sofoca/ al sentir que su voz sube a mi boca/ del fondo de mi propio corazón!) e desexar non espertar xa máis: “¡Sólo en sueños la ve mi vida enferma!.../ ¡No me despiertes más, deja que duerma/ soñando para siempre con mi Elisa!”.

Os escritores galegos ante a guerra civil

Presentamos o pasado xoves no Liceo o último libro de Xesús Alonso Montero, Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936.1939. Textos e actitudes (Galaxia). Vou dar agora só unhas primeiras notas.
Para empezar, dicir que Alonso estivo brillante, falou moito, pero non cansou. Mesmo cantou algunhas das coplas populares, franquistas e antifranquistas, que el aprendeu de neno no Ribeiro e que aparecen no libro:
Franco, Franco
Qué cara más simpatica
Me pone usted
Parece un requeté

Tocoume facerlle a presentación e dixen alí que Xesús Alonso Montero está a ter un ritmo de publicación case febril, coma se quixese preparar nestes anos as súas Obras Completas. No libro que comento hai 40 traballos de interese sobre os nosos escritores e as súas posicións ante a guerra civil e ante o franquismo, algúns deles xa publicados noutros lugares e outros inéditos.
Alonso é contundente cos textos franquistas de Risco e Cunqueiro e dedícalle un demoledor apartado ó “señorito” Álvaro de las Casas. Tampouco ten perda o estudo do epistolario en galego (algún franquista escribía cartas en galego) dunha “miña xoia de dereitas” como Francisca Herrera Garrido.
Recupera figuras (sobre as que xa ten publicado máis cousas) como Manuel Gómez del Valle, Evaristo de Sela ou Juan Tizón Herreros, ademais de R. Blanco Torres, Víctor Casas, unha achega emocionada a Ánxel Casal e outros autores.
Hai achegas críticas tamén a figuras como Ramón Cabanillas e Sánchez Cantón, das que se desvean facetas ata agora descoñecidas. E dos antifranquistas Carballo Calero, Ramón Rey Baltar, Carme Muñoz ou Blanco Amor (coa súa oferta do seu salario a Azaña).
Alonso é moi duro con Risco e Cunqueiro, pero entende mellor as “musas do medo” cando se refire a Iglesia Alvariño e a Celso Emilio Ferreiro, mesmo cunha imaxe ficcionalizada do momento en que un capitán lle ordena ó de Celanova escribir versos a favor de Franco que sería publicados en “El Compostelano”. (Tamén Camilo José Cela leva os seus paos correspondentes, por suposto).
Alonso introduce pequenos capítulos case memorialísticos entre eses traballos, onde el, neno, se introduce nesa historia da posguerra con apuntamentos emotivos e ben narrados. Un dos capítulos máis valiosos é o dedicado a don Ramón no exilio interior, de 1936 a 1949, explicando por qué Otero Pedrayo mantivo a cátedra ata agosto de 1937 e todo o que sucedeu despois (houbo valedores de peso: entre outros M. Cerezales e Eugenio Montes). Tamén se inclúe o texto oteriano de A estadea, que Alonso encontrou hai anos no Museo do Pobo Galego.
En fin, un libro imprescindible para a historia cultural deste país. Para coñecer as luces e as sombras dos nosos escritores. Aquí, sobre todo as sombras ...

ENTRE HORTAS E PORTAS, de Xosé Manuel González

3. A casa do Martín

Da vintena de rúas que dan á Muralla, case todas van, veñen ou cadran onda unha das portas. É excepción notoria a de Ourense: ancha, dereita, comeza nun dos lenzos de muro máis delongados, entre a Porta Nova e maila do Bispo Odoario. Ao mellor tivo algo que ver coa Poterna de Barras, cegada desde hai moito; en todo caso, comunica dous rueiros de forma e carácter ben diverso, case simbólico: as Casas Baratas (na foto) e as Casas Sindicais.

Cando lle preguntara á miña nai por que aquelas casas tan bonitas eran chamadas “baratas”, contara ela que cando a República fixéranse para traballadores; desde logo, non acabaron sendo obreiros a maior parte dos propietarios, pero co tempo encontrei eu traza posible da primitiva idea: Francisco López Quinte, albanel, firme comunista e candidato ao Senado co Bloque no 77, tiña un dos primeiros chaleciños, acarón do que ostenta discreta e apropiada placa: “Colonia Antonio Miño Seoane. 1937”. Os edificios, albergando unha ou dúas vivendas, certo aire de cottage elegante, ben poden manter algunha aura daquela forma de estado que igual non traía sensibilidade moi galega, pero si intención social e modernizadora. Do pouco que restou, onde menos se pensa.

Desde aquí ata acabar a mencionada rúa haberá trescentos metros. Ao final, dobra un á esquerda e ve coma unha gran caixa de mistos con tellado de colmea; sete pisos. Detrás, colmeíñas similares de tres ou catro plantas e, pechando bloque, outra de sete. Nunha das vivendas criouse Mini, Xosé Luís Rivas Cruz, o barbas de Fuxan os Ventos; bardante o altor aludido, todo é alí cativo: ancho dos predios, tamaño dos cuartos, seguramente o groso das paredes. Queda na memoria, algo impreciso, o que un revocado exterior borrou: en elevado lugar, símbolos da organización nacional-sindicalista (espiga quizá, xugo e mais frechas), letras de grande formato e cifra dun ano: seguramente, 1954. Alí si que vivían obreiros.

Pois a posguerra empezara a baleirar os campos, e a enxurrada que será proletaria desruraliza a medias, a partir da muralla, nomeadamente contra o norte e noroeste. A douscentos metros das Casas Sindicais, os pais de Arturo López Luna, vidos de Caraño e Pol, fixeron casa; no segundo andar, fin dos 70, alugaralles Darío Xohán Cabana, que de Roás e Cospeito fora para Vigo e desde alí volveu coa Amelia, antes de Beluso e Bueu. O pai do meu condiscípulo Arturo púe baldosa, o Darío inicialmente venderá libros, despois fará sindicalismo. Arestora, nos 50 e 60 vai chegando xente coma Martín.

A Gerardo Fernández todos o chaman Martín -o segundo nome- na veciñanza e o traballo. Criado en aldea sarriá por un tío, botou no Instituto lugués tempiño pouco aproveitado. Porén, en anos que non descoñecen o analfabetismo, pasar polo nivel secundario subministra esperanza en materia de emprego: ei-la decepción cando na Residencia Sanitaria, a onde fora recomendado, lle entregan unha farda de conserxe.

Porque o Martín é home bastante mozo, con empuxe que lle dan a ilusión, xeral curiosidade, afán de coñecemento e fondo sentimento relixioso. Será unha das figuras máis coñecidas na institución sanitaria (estimaba ter salvado un home ao observar certo síntoma despois corroborado) e na parroquia nacente de San Antonio. Pesca no río, vai á aldea. No fogar, onde Carme -a muller e cervantega- non é parsimoniosa, o Gerardo sempre anda en algo: labra un peixe con escamas no corno dunha vaca; instálalle despois iluminación interior que cobre cun forro; proxecta copiar certo galeón en miniatura... Así e todo, seguramente o máis célebre foi o da casa.

O Martín e a Carme aforran. Chega o momento no que se pode construír nunha Rúa de Ourense que se estiraba desde os chalés; catro pisos e baixo. Quero supoñer que a obra externa lla realizou un contratista. Porque, desde logo, no traballo de dentro ocupouse el polo menos na primeira planta, e non dou fe de que non o fixese completo. O domingo á mediodía sentaba no chan, touciño, pan e algo de leria por parte de quen chegase; só maiormente, a muller tiña abondo cos nenos que chegaban e algúns vellos que estaban para irse. Un cuarto, outro cuarto; os chanzos da escaleira, a varanda; o pasamáns aínda tardaría. A casa rematouse e alí está. A rúa foi mudando o perfil social, e non moito quedará daqueles labradores proletarizados.

Era primo da miña nai. Cruzabamos a Porta do Hospital (ou Bispo Odoario) xunta o edificio que Eloy Maquieira construíra para Escola de Traballo -á que non fun- e onde acabou instalándose o Instituto “Xoán Montes”, no que dou clase. Fóra, por un camiño entre chantos que sería a Rúa das Anduriñas, acadábanse as Casas Baratas. Lembro a Gerardo cando aprobei o PREU, a aperta e intenso comentario sobre o primeiro da familia que chegaba á Universidade. O Martín quería ser médico, sentíase dotado; foino, éo, unha filla. El, apurado como andaba, xa hai tempo que marchou.

29 jun 2007


A volta do xenio do mal
Andoliña 29 xuño

Rídevos cando se vos fale da liberdade de pensamento, dicía nunha pastoral Martínez Vigil, bispo de Oviedo en 1897. O seu colega, López Peláez, bispo de Jaca, escribiu Los daños del libro (1905) e deixounos un retrato apocalíptico do poder libresco para estragar a sociedade coa lacra do liberalismo: "El genio del mal ha encontrado en los diminutos movibles tipos de imprenta un auxiliar poderosísimo. El escándalo que produce un orador no pasa más allá de donde su voz llega; pero llega su voz a todas partes y resiste a la acción del tiempo mejor que grabada en mármol y bronce, si la palabra, retrato del pensamiento, se fotografía en una débil hoja que se lleva el aire".
Son estes textos de hai cen anos e nada extraordinarios: calquera persoa que manexe textos históricos podería citar moitos máis semellantes. Dende aquela o xenio do mal andaba algo escondido. Semellaba que esa linguaxe, tan arcaica e críptica, quedaba reservada só ós fanáticos islamitas que reclaman outro 11-S contra Occidente. Pero non só: velaí as declaracións do sr. Cañizares, vicepresidente da Conferencia Episcopal: os colexios, mesmo relixiosos, que adapten Educación para a Cidadanía "estarán colaborando co mal" (sic).

P.S.: a miña posición a favor da materia de Educación para a Cidadanía quedou reflectida nunha Andoliña do 31 de outubro do 2006, recollida nesa data neste blog. Por certo, daquela houbo división de opinións e moitos contertulios non eran favorables á introducción desa materia.

28 jun 2007

En poleiro alleo

Opos, Bieito Iglesias

Tecer con palabras, un libro interesante de Andrés Pociña

Maná municipal ao son de "Maná", de Xosé M. González Trigo

Sobra monte, de Afonso V. Monxardín
Última hora: o PP galego racha o consenso na normalización lingüística

O PP retira o seu apoio ó decreto de ensino da lingua galega aprobado hoxe polo Consello da Xunta
13.19h. En roda de prensa posterior á reunión do Consello, Pérez Touriño destacou que este texto fora rubricado polos tres grupos do Parlamento anteriormente.

Códigos de amor

Pan por Pan xoves 28 xuño. Imaxe de Renoir, Retrato de Suzanne Valadon, 1885.
Nin sequera no amor os códigos son universais. Denis de Rougemont escribiu sobre “O amor e Occidente” (Oriente é outra cousa): o amor feliz non ten prestixio na literatura occidental. A concepción do amor colmado, do amor total, é sinónimo de sufrimento; é a paixón, e a paixón significa dor. O amor total é concibido como a paixón de amor”.

Un só exemplo, entre tantos posibles, neste soneto de Lope de Vega: "huir el rostro al claro desengaño,/ beber veneno por licor suave,/ olvidar el provecho, amar el daño;/ creer que el cielo en un infierno cabe,/ dar la vida y el alma a un desengaño;/ esto es amor, quien lo probó lo sabe." Quizais por iso a nosa Rosalía rexeitou nos seus versos o amor paixón: negros amores pezoñentos “que privan os espritos, que turban as conciencias”. Ante eles, dirá a autora de “Follas Novas”, “mais val morrer de friaxen/ que quentarse á súa fogueira”.

27 jun 2007


Amores e infidelidades, das letras ó cine
Andoliña 28 xuño
Dicía Henrik Ibsen, o autor de Casa de monecas, que había dous códigos de moral, un do home e outro da muller: "A muller non pode ser autenticamente ela na sociedade actual, unha sociedade exclusivamente masculina, con leis exclusivamente masculinas, con xuíces e fiscais que a xulgan dende un punto de vista masculino". Por iso a súa Nora, personaxe inmortal do dramaturgo noruegués, se converteu en símbolo feminista da conciencia da propia da muller.
Iso sucedía aló por 1879. Eses códigos pasaron á literatura e ás artes: velaí o retrato das mulleres adúlteras en Madame Bovary de Flaubert ou en La Regenta de Clarín, entre outros moitos exemplos posibles.
E das letras saltarían logo estes esquemas e estereotipos ó mundo do cine: sinalouse esta perspectiva xa en películas como a deliciosa Breve encontro (1945), de David Lean, ou, en tempos máis recentes, O piano (1993): os adulterios femininos non podían, non debían, ter un final feliz. Unha actitude diferente amósase na película de Ulu Grosbard, Namorarse: en 1984 xa cambiaran as pautas morais, como testemuñan os personaxes encarnados por eses dous actorazos, Robert de Niro e Meryl Streep. Cando menos neste caso.

26 jun 2007



O díaño no corpo.


Andoliña 27 xuño (Imaxe de Sophie Anderson, Moza rezando)



A literatura presentou múltiples veces o amor como vehículo idóneo para exhibir condutas irracionais, ás veces moi próximas á loucura, dende o Romeo e Xulieta de Shakespeare ó Werther de Goethe, gran fecundador este de suicidios románticos na Europa do XIX.

Velaí a Doce Ferida que dicían os clásicos grecolatinos cando describían o aguillón de Eros, tan doce el como amargo a un tempo. Esa amargura impregna tamén obras mestras como O diaño no corpo, de Raymond Radiguet, escrita cando o autor contaba só vinte anos: por certo, unha carreira ben acelerada, o francés non viviu máis deses vinte anos e só deixou dúas novelas e algúns libros de versos. O protagonista de O diaño no corpo, novela seica tamén abondo autobiográfica (levada ó cine en 1947 por Claude Autant-Lara), é un mozo cínico, mentireiro, inmaturo, irresponsable, mesmo cruel. Case un neno, seduce unha muller casada, cando o seu home está na guerra do 14, e ela entrégase en corpo e alma a ese delirio: “Prefiro ser desgraciada contigo que feliz con el”, dille ó seu amante. É unha historia de amor paixón, sentida en carne viva por dous adolescentes: unha gran historia, perturbadora quizais pola súa mesma autenticidade.

25 jun 2007


CINE, CINE, CINE...


Entre as películas destes últimos días estas dúas que aquí figuran. Roma, città aperta, de R. Rosssellini, revisitada despois duns 30 anos, máis ou menos. Paga a pena achegarse a ela só por ver a ese monstro actoral que foi Ana Magnani. Do resto, o espectador menos informado debería saber algo das imposibles condicións en que foi rodada, sen medios, nin estudios, etc. Creando case da nada o Neorrealismo cunha epopea da Resistencia italiana. De 1945, a película tardou moito en verse en España non só por ser antifascista: o papel do crego (Aldo Fabrizi) ere moi difícil de entender dende a óptica nacional-católica do franquismo. Por iso pode sorprender a insistencia no punto de vista do párroco detido e logo fusilado: en cine, a plasmación do famoso compromiso histórico entre comunistas e demócrata-cristiáns.
A outra película, Atando cabos, de Lasse Hallström, ten unha fasquía ben diferente, pero de suficiente capacidade fascinadora. Sobre todo no que significa de percura das raíces: que sucede cando as raíces só ocultan o sufrimento e a ignominia?






OS MICRORELATOS COMO XÉNERO
La Región 25 xuño
Que é exactamente un microrelato? Fixéronme esta pregunta estes días e paso a responder. Para empezar, un relato moi breve, por baixo do folio e que pode oscilar en canto á súa extensión: o máis famoso microrelato da historia, o de Augusto Monterroso, ocupa só unha liña: “Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí”. Ademais de breve e como sucede no conto en xeral, o microrelato debe vir marcado polo seu pulo narrativo, o predominio formal da condensación e a supresión do superfluo e a súa capacidade para emocionar dende a intensidade, asolagando ó lector na atmosfera da historia que conta e suxerindo moito máis do que se conta.
Despois diso, hai microrelatos de todos os tipos, temáticas e sensibilidades. Todos os estudosos do xénero insisten en saber retratar un microclima narrativo. Algúns apuntan a comenencia de empezalo e rematalo co mesmo suxeito e situación. Outros, mirando para Cortázar, engaden que non ten por qué ter principio nin final explícito. Todos valoran a importancia de suxerir, de actuar como unha chamarada de luz ou unha polaroid fotográfica. “Hai que ser exactos e breves”, dicía Pushkin do conto: con moita maior razón no miniconto ou microrelato.
Hai moitas receitas, pero na literatura non funcionan as receitas. Pero si os consellos dos grandes escritores. Como Horacio Quiroga: “Non empeces a escribir sen saber dende a primeira palabra cara onde vas. Nun conto ben logrado, as tres primeiras liñas teñen case a mesma importancia das tres últimas”. O xenial contista uruguaio dixo tamén: “O conto é un mecanismo case perfecto; xa que logo, esixe o dominio do oficio. É unha frecha disparada cara un branco”.
Unidade emotiva. Con outras palabras deixouno formulado o noso mestre Rafael Dieste, na súa introdución a “Dos arquivos do trasno”: “A unidade emotiva conséguese no conto pola obsesión do que ten de sobrevir. O remate ha de te-la virtude de facer simultáneas no espírito as imaxes que foron sucesivas. A presenza do remate debe estar atafegada pero latexando con forte resonancia en tódolos currunchos do relato. O remate é unha imaxe que fai estoupar o conto nas verbas derradeiras, despois de inzalo poderosamente.” Todo o escrito por Dieste en 1926, data da primeira edición do seu libro, é plenamente válido tamén para o xénero do microrelato.
(Imaxe: Hans Baldung Grien, “Aristóteles dominado pola súa esposa Filis”, 1513).
JOHN RUTHERFORD EN TRASALBA.
Afonso V. Monxardín en La Región 23 xuño

O próximo domingo será John Rutherford a persoa homenaxeada na festa anual da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. A intención da escolla é tamén publicitar neste ano do cincuentenario do nacemento da idea de Unión Europea, a reflexión positiva que sempre animou ao galeguismo clásico con respecto da confluencia de xentes e vontades do noso continente.
Rutherford é profesor no Queens College da Universidade de Oxford. Desde alí potencia a Asociación Internacional de Estudos Galegos que reúne aos profesores interesados nas cousas de por aquí que dan clases en universidades de por aí fóra. E seguro que alguén se pregunta, que como lle poden interesar estas cousas. As explicacións son múltiples, desde termos unha das cinco ou seis grandes literaturas medievais europeas, ata o feito de que nos estudos de lingüística románica en todo o mundo, se estuden de forma especializada algunha das grandes linguas –español, italiano, francés...- e sempre, como complementarias, algunhas das outras máis pequenas. Aí está o inicio dese namoramento dalgunha irmá máis noviña, que, como nas películas de vaqueiros, foi o caso do profesor Rutherford, especialista e traductor, tamén, de La Regenta ao inglés, entre outras moitas cousas. Pero el leva vantaxe: está casado cunha natural de Ribadeo e pasa alá os veráns.
A decisión da Fundación Otero Pedrayo alegoume especialmente porque en 1994 tiven o pracer de coñecelo en Oxford no seo dun congreso sobre cultura galega, pero sobre todo, porque me fixo vivir en xuño de hai dous anos unha anécdota digna de contar e presumir, como paso a facer encantado. Iamos daquela visitar Londres e Oxford cos nosos alumnos do IES As Lagoas na excursión fin de Bacharelato e a noite anterior á saída lembreime del e púxenlle un e-mail para ver se nos podía ensinar o seu tradicional College onde estudaron Clinton e Mr. Bean, por citar dous famosos, pero marchamos, claro, sen recibir a resposta. De alí a tres ou catro días, xa nós no Vao do Boi –que é o que quere dicir Oxford- pregunteille ao guía se podiamos visitar o Queens e dixo que imposible... que nunca se abría a excursións de estudantes... Pedinlle, ante o seu escepticismo, que mo deixara intentar a min... que mal sería. Alí, un vello e eficaz bedel, sabedor da miña posible chegada, acompañoume a través de portas, corredores e escaleiras á sala de profesores. O profesor Rutherford recibiume coa máxima amabilidade convidoume a sentar e tomar un te e charlar un pouco de todo, mentres agardabamos polo resto da expedición, que dirixían os nosos profesores de inglés Carmen Babarro e Xosé Antonio Vázquez. Logo saímos ao seu encontro e fíxonos unha fermosísima visita guiada, en galego con acento de Oxford, polos patios, capela, comedor... ata acabarmos os cincuenta no seu despacho. Contounos da actividade do Centro de Estudos Galegos que alí dirixía e vimos os libros e unha bandeira de Nunca Máis que tiña por alí pendurada... Os meus alumnos quedaron encantados... e eu... pódeno imaxinar.

24 jun 2007




CEN ANOS DE HISTORIA CULTURAL


Gallego 1 (libro que eu usei pouco despois nos cursos de galego da Auriense). Adiós, María, Xoana Torres. Retorno a Tagen Ata, Ferrín.
Paco Martín. Fariña Jamardo. Neira Vilas. Xosé Mª Álvarez Blázquez.
Lueiro Rey, Matilde Lloria, Pura e Dora Vázquez, Abelardo Santorum...

Primeiro poemario de Vergara Vilariño. Dende América, Revoeira; Pensamento e sementeira... Carmelo Lisón Tolosana
Galicia 1970. Gonzalo López Abente. Nace TVE-Galicia. Quiroga Palacios, misa en galego.
Voces Ceibes. Euloxio Ruibal. Fermín Penzol. Bouza Brey.

O Sacho de Padrón. Breogán de Ourense. "Roxos" no Ateneo ourensán.
Versos galaicomiñotos de Manuel María, Margarita Ledo, Blanco Amor...
Alonso Montero: o galego non chegará ó ano 2000 sen escola e medios de comunicación.

(Engadido. 1971: Tiña eu 14 aniños. E a historia do país confúndese xa con algúns datos biográficos. Eu estudiei, dous anos despois, ese manual do ILG, nun curso da Auriense. Cónstame que nestes anos empezaba a ler con entusiasmo o xornal (vicio xa para toda a vida). Coñecería despois a moitos dos autores que publicaban os seus libros nesa andaina (Alonso Montero, Manuel María, Margarita Ledo, Pura Vázquez, Neira Vilas, etc.). Asistiría os recitais de Voces Ceibes en Ourense e ás charlas dos "roxos" no Ateneo. Escoitei as misas en galego de Santorum e a algún acto do Sacho de Padrón iría anos despois: velaí unha páxina, tamén, da miña educación sentimental).

Como unha vaca esgotada.

Pan por Pan 24 xuño

Se non se fixo xa, que hai que supoñer que si, poderíase escribir un libro ben gordo só cos centos de imaxes que a descrición do amor e dos amantes provocou na historia da literatura universal. Plantas, animais, astros, elementos en xeral da natureza, o amor como batalla, como aparición espectral e un longo etcétera que os escritores foron quen de crear. Porque a capacidade da imaxinación é infinita. Nun traballo do profesor cordobés Gabriel Laguna, encontrei esta orixinal imaxe das “Églogas” de Virxilio: “Que tal amor posúa a Dafnis como cando unha vaca esgotada/ de buscar o seu xato por soutos e crecidos bosques/ cae esmorecida xunto a un río, xunto á verde ulva/ perdida, e non se lembra de regresar á caída da noite,/ que un amor tal o posúa e non me preocupe eu de coidalo./ Traede da cidade á casa, traede, ensalmos meus, a Dafnis”.