1 oct 2006






Mártires do 36 na cultura galega
(fotos que complementan o texto que figura embaixo)

O poeta e xornalista republicano Roberto Blanco Torres (que militara tamén nas Irmandades da Fala); o editor Ánxel Casal, artífice do rexurdir cultural da Editorial Nós, e Manuel Gómez del Valle, poeta ourensán e militante comunista.
Cen anos de historia cultural: 1936, As poutas do terror
(Galicia Hoxe, 01.10.2006)

Na súa biografía de Castelao, Henrique Monteagudo recupera unha carta desgarradora do rianxeiro a Otero Pedrayo en xuño de 1936. Di así, anticipándose ao estoupido da barbarie: "Esto vai mal. Cada día pior. Non se sabe o que vai pasar. Eu teño medo. Todo son líos e a xentiña que agora manda non saben dar conta do recado. A min somentes me ten esquí o compromiso que adequirín cos nosos.
Non sei se a autonomía (se é que gañase o plebiscito) chegará a tempo e se con ela poderemos illarnos da miseria material e moral que vai inzar todo. ¡Quen me dera na miña casa de Pontevedra, a soñar e a traballar! ¡Quen me dera estar coma ti! ¡As miñas debilidades leváronme lonxe, e teño unhas ganas de volltar ao meu! A política dáme noxo i estou eiquí moito máis desterrado que en Extremadura. Alí tan siquera podía permitirme o luxo de soñar soños ledos. Eiquí todo é negrume. Todo é mentira. Desafogo contigo e con ninguén máis. Sei que vou pagar caras as miñas lixeirezas e dáme medo pensalo, porque non son valente."
E a barbarie chegou. A Galicia o 20 de xullo coas tropas franquistas e o apoio dos falanxistas, carlistas e moitos cedistas. E a barbarie foi a traxedia que hoxe os historiadores están a desvear: velaí as obras de Carlos Fernández, Xosé M. Núñez Seixas, Xulio Prada, María Xosé Souto, E. Grandío Seoane, Víctor Lamela, e tamén de Alonso Montero e Claudio Rodríguez Fer, no terreo literario. Traxedia que tamén no campo da cultura tivo dimensións de catástrofe.
A finais de xullo, derrotada a resistencia nalgúns lugares e tomadas todas as cidades, empeza a represión "legal" e paralegal : os presos en Oseira, Celanova, San Simón, e os fusilamentos ó carón dos cemiterios e os "paseos" nas cunetas que cantaría Luís Pimentel. Centos de traballadores e militantes demócratas, republicanos e galeguistas, son asasinados dende os primeiros días.
Entre eles estaban, cunha especial dimensión cultural, o poeta comunista ourensán Manuel Gómez del Valle (fusilado o 11 de agosto no cuartel de San Francisco, Ourense); o escenógrafo Camilo Díaz Baliño (14 de agosto, Meixide – Palas de Rei); o escritor e dirixente socialista, exalcalde de Ferrol, Xaime Quintanilla (16 agosto, Ferrol); o economista e secretario de organización do Partido Galeguista Alexandre Bóveda (17 agosto, A Caeira, Pontevedra); o alcalde da Fronte Popular e editor de Nós, militante galeguista, Ánxel Casal Gosenxe (19 agosto, Cacheiras – Teo); o escritor e dirixente galeguista-socialista Xoán Xesús González (12 setembro, Boisaca- Compostela); o poeta e xornalista republicano Roberto Blanco Torres ("claudiado" o 1 de outubro na estrada de Celanova a Portugal, nunha revolta da estrada perto de Entrimo); o xornalista e militante radical-socialista Jacinto Santiago (morto dun ataque ao corazón, cando ía ser "paseado" perto de Vilariño Frío, Ourense, 31 outubro); o xornalista republicano de Vigo Manuel Lustres Rivas (o seu cadáver aparece na Concheira redondelana no mes de novembro, despois de ser "paseado"). Tamén estarán entre as primeiras vítimas da guerra os xornalistas galeguistas Xoán Carballeira e Víctor Casas, que fora director do portavoz do movemento A Nosa Terra (fusilado o 12 de novembro en Pontevedra); o pintor Francisco Miguel Fernández Moratinos; o xastre e artista coruñés Luís Huici; Darío Álvarez Limeses e Arturo Noguerol Buján, avogado e xerente de Nós, que aparece nunha cuneta da estrada A Coruña-Ferrol. Na colección persoal da revista Nós que gardou "Ben-Cho-Shey" deixou constancia manuscrita dos colaboradores da revista asasinados: os citados Casal, Blanco Torres, Díaz Baliño, Carballeira e Noguerol, ademais dos menos coñecidos Isaac Forneiro Barandela, Manuel Fuentes Canal, Amadeo López Bello e Modesto López Teijeiro.

A PRENSA SILENCIADA
Os citados son só algúns nomes notables, pero houbo tamén centos de "axitadores culturais", sobre todo mestres e xornalistas, que foron represaliados, encarcerados ou multados dende xullo de 1936. Simbolicemos os seus nomes nas figuras do filólogo Aníbal Otero; dos escritores Xesús San Luís Romero e Evaristo de Sela (todos eles pasaron polo cárcere) e do poeta Manuel Luís Acuña, represaliado como mestre da ATEO e que non volverá publicar obra poética no resto da súa vida. Tamén foi silenciada toda a prensa progresista e o mellor da nosa prensa cultural: os grandes diarios republicanos como El Pueblo Gallego (reconvertido en xornal falanxista polos alzados) ou La Zarpa, que sufriu o agravio de saír uns días coa cabeceira manchada polo xugo e as frechas do novo réxime, así como a revista Nós, o portavoz galeguista A Nosa Terra; Heraldo de Galicia (Ourense); o Guieiro das Mocedades Galeguistas; A.T.E.O., dos mestres progresistas de Ourense, e unha longa xeira de xornais e revistas obreiras e republicanas. Na conta da barbarie engadimos o peche e expolio de institucións culturais como o Seminario de Estudos Galegos.
Os intelectuais galeguistas que estaban no momento da sublevación en zona republicana salvaron a vida por esa circunstancia (Castelao, Rafael Dieste, Carballo Calero, Otero Espasandín, etc.) e logo se incorporaron ó exilio forzado en América ou Europa. Tamén fuxiron cara o exilio nomes tan relevantes no xornalismo e na cultura como Basilio Álvarez, Eduardo Blanco Amor, Xerardo Álvarez Gallego, Xesús Bal i Gay, Alexandre Campos Ramírez (Alexandre Finisterre), María Casares, Álvaro María Casas Blanco, Arturo Cuadrado, Florencio Delgado Gurriarán, Isaac Díaz Pardo, Antonio Fernández Pérez, Alfonso Gayoso Frías, Xose Núñez Búa, Maruja Mallo, Luís Seoane, Carlos Velo, Lorenzo Varela, os pintores Manuel Colmeiro, Federico Ribas e Maruja Mallo, etc.

VOCES CON FRANCO
Tamén foron obrigados a marchar ó exilio unha longa lista de profesores e catedráticos universitarios (as depuracións na Universidade empezaron de inmediato): arredor de 215 nomes, das diferentes Facultades, segundo os datos que aportou Carlos Fernández no seu libro La Guerra Civil en Galicia, 1988).
A historia do estoupido da guerra incivil en relación á cultura non remata co rexistro da represión dos fusilados, paseados, encarcerados e exiliados. Houbo outras voces que mesmo se puxeron ao servizo dos alzados. A máis coñecida, a de Vicente Risco, levado do medo e dun antimarxismo visceral (das dúas cousas xuntas, o máis probable), que xa o 30 de agosto de 1936 participa nun acto público franquista, como director da Escola Normal de Maxisterio de Ourense, para repoñer con solemnidade o Crucifixo no centro docente. Alí pronuncia Risco un tremendo discurso (recollido na biografía que del fixo Carlos Casares, 1981), no que alude tamén ó papel da cultura na nova época: "Y si en esta lucha (contra el Anticristo) tienen gran parte las armas, otra tan importante tienen las letras. También la cátedra es campo de batalla y también han de ser las escuelas y academias fortalezas del espíritu contra los asaltos del materialismo. Lucha es ésta que durará acaso tanto como dure el hombre sobre la tierra, y en la cual los hombres de fe tenemos hecha nuestra opción irrevocable".
Nesas datas aparecían poemas franquistas nalgúns xornais, entre eles varios do crego Celestino Cabarcos Suárez (que asinaba co seudónimo ‘O Bruxo d’os Ermos’ en Vallibria, de Mondoñedo) e algúns de Antonio Noriega Varela, segundo Claudio Rodríguez Fer. Este autor demostrou tamén que non é certo que dende 1936 a 1950 non se publicasen libros en galego: de feito en decembro de 1936 saía á rúa o volume ‘Fala das musas’, primeiro libro editado na guerra, de Daniel Pernas Nieto, capelán daquela do Hospital-Asilo de Ortigueira. En novembro do mesmo ano sae en Mondoñedo o xornal falanxista Era Azul, onde Álvaro Cunqueiro fixo labores de editorialista.

Clandestino
(Pan por Pan domingo 1 outubro)

Un profesor e ensaísta francés vive dende hai varios días na clandestinidade, el e a súa familia. O seu nome, a súa foto e ata un plano co seu enderezo están en varias páxinas web xunto con insultos e ameazas de morte. Chámase Robert Redeker, dá clases de Filosofía nun Liceo do seu país e o seu grave pecado foi escribir en “Le Figaro” un artigo titulado “Fronte ás intimidacións islamistas”. Dende logo non é unha anécdota. Algo moi grave está a pasar en Europa: alguén está a facer política co medo, que é unha arma moi perigosa. O medo que leva a autocensurar unha ópera en Berlín ou á inacción ante a expansión do fanatismo. Custounos moitos séculos erguer este edificio de liberdades, baseado na Razón e no laicismo (sobre todo en Francia). Pero todo pode caer polo chan en moi pouco tempo se seguimos a pechar os ollos ...

(Imaxe de Juan Barjola)