15 sept 2007


Jekyll e Hyde.

Pan por Pan sábado 15 setembro.

“Eu son o doutor Jekyll. Eu son o doutor Jekyll. Eu non fixen nada, eu non fixen nada, son o doutor Jekyll”: así remata unha das moitas versións cinematográficas da maxistral obra de Stevenson. En concreto a que dirixiu Victor Fleming con Spencer Tracy no aterrador dobre papel: antes de morrer, a súa transformación monstruosa delátao diante dos policías e os seus amigos. Un auténtico monstro capaz de torturar e asasinar a beleza incandescente de Ingrid Bergman. Stevenson retratou mellor que ninguén a estreita fronteira entre o Ben e o Mal, o fío evanescente que separa os territorios da bondade e da maldade máis sinistra. Nada debe ser tan horroroso como a perda da identidade e Robert Louis Stevenson descubriuno en 1886, moito antes de que escribiran Freud e os psicoanalistas clásicos. Pero fíxoo con tanta verdade que aínda hoxe arrepía ler aquela vella novela.
A Porta do Bispo Izquierdo

Entre hortas e portas (10).
Urbs e rus. Por Xosé Manuel González
Aos de Lugo pouco, á forza de velo xa nin caso facemos. Pero ao foráneo, observador atento da Muralla, igual hai un sitio que lle chama particularmente a atención: alí onde coinciden o único mirador restante e un recanto estilo Vauban. É a Mosqueira, espazo cuxo nome, e a persistencia de locais que serven ante todo polbo, denotan que posiblemente un recinto feiral non andou lonxe; denotarían, máis ben, se a lembranza dos maiores de corenta non convertese en prescindible a dedución.

En fronte do Reduto e a Porta do Bispo Izquierdo vense arestora, respectivamente, a Estación de Autobuses e un xardín cuxas árbores non esconden ben as dependencias da Policía Municipal. A traza desa construción permite crer que antes foi cárcere, e de feito aínda moitos lle chamamos “do Cárcere” (ou “da Cárcel”) a Porta e xardín; igual ca hai catro décadas, cando o arboredo lucía o nome dun senlleiro aviador franquista, García Morato. Cando non había terminal de transporte humano, senón explanada que coutaba un muro: o Campo da Feira. Lugar cheo de vida que fornecería aos reclusos ora distracción ora saudade no tránsito diario ou pesa do gando; no periódico bulir do mercado e o trato; na ocasión única, anual, da gran convocatoria pública para as xentes luguesas: San Froilán.

“Y digo que no tiene Galicia, por el dorado otoño, fiesta más feliz que el ‘Domingo das Mozas’ en Lugo, y digo rosas cuando digo mozas”; este era Cunqueiro no 1958, e abofé que non toda a cidade estaba conforme. En outubro é San Froilán, o día cinco, e chamámoslle das Mozas ao domingo seguinte: de costume, polo Patrón viñan os patróns á feira, domingo as rapazas -e rapaces, xa que logo- pois a atención á facenda non era dispensable. Ambos días, e mais outros, rebordaban en xente campesiña, con lecer e pouco afeitos ao catálogo da urbanidade. Algún de aquí en vez de rosas vía pailáns, seica prevendo apertón e pisadura receaba a mestura co paisano. Con pintoresquismo, antigo aldeán había que o sábado advertía: “mañana no se puede andar por la calle”.

Pero andabamos, madia leva se non andabamos. Á mañá tiraban os foguetes, viñan gaiteiros cos xigantes e cabezudos e botábase un da cama sabendo que o levarían aos churros, escoitar a banda, que á mediodía tocaría ir polo polbo onda o caseto da Manola, pola tarde á carreira de motos arredor da Muralla e sobre todo, ante todo, ás atraccións chamadas aquí barracas. E logo, habiamos pasar sen xogar na tómbola, tirar no tiro, subir nos caballitos, nos coches eléctricos, naquilo chamado montaña rusa? Sen o Barriga Verde mentres veu? Habían deixar os maiores o Muro da Morte e mailo “Teatro Argentino”, do que nós oïamos pero non nos contaban? Pola casa tiñamos parentes, coñecidos, devolvíanse os convites recibidos durante o verán das mil festas; na aldea, xaora, dixesen o que dixesen. Porque da aldea, no fondo, eramos todos, e case todos riamos co Pelúdez de paraugas colgado no lombo, chamándolle ao polbo “cienfalópodo”, cargando coa Filomena e o seu castrapo a miúdo inverosímil.

As atraccións do San Froilán, daquela humildes e auténticas barracas, estiveron primeiro tras do concello, despois en Santo Domingo. Pasaron máis tarde ao Campo da Feira, cando a dos bichos se foi indo e aumentaban as instalacións de diversión. Da feira feira pasou a haber Feira-Exposición, os labregos seguiron vindo e a nosa festa quedou como refuxio urbano, arrecendo ao que algún día foran as grandes do país. Paralelo a este noso manter e o alleo cambio ou decadencia, a sona multiplicouse derivando en aluvión. E velaí: un posto de cestos e varas, como lembranza do antigo mercadeo; Pelúdez e familia, os pailáns, con monumento e todo; as barracas, aínda no centro da cidade; casetas que son restaurantes portátiles, baixos como instalación improvisada, caldeiros cocendo polbo en Lugo enteiro declaran o triúnfo definitivo da tradición nun negocio moitas veces millonario. Libros publicados, concertos masivos, o aire da novidade... e algunha voz, aínda e sempre, demandando que leven lonxe tal batifondo.

Eu, que teño gozado profundamente o San Froilán, comido quilos de polbo e de churros, xogado á tómbola, tirado ao tiro; que fun cabezudo, bailei -para desgraza súa- con Rosa e María, Chus e Belén, montei en coches, cabaliños, norias e montaña rusa... asumo agora a obriga de transmitilo, levar os fillos ao santiño, á ofrenda a Rosalía, seguir a cadea. Sen parar de vivir, xaora, nin de medrar coa festa. Grande, galega, humana e fráxil, se esquecemos o que somos.

14 sept 2007

Un día difícil

Non escribo moito de min e da miña vida persoal, pero hoxe farei unha excepción. Tiven un día difícil. Un día ben complicado. Vostedes nunca tiveron medo a ter un gafe ou algo así, sequera por un día? Verán. Onte levei o meu automóbil (un Xantia con bastantes anos) á revisión da ITV, con retraso. Leváronmo os amigos do taller e pasou a revisión sen ningún problema. Ás oito da tarde fun tomar un viño con Benito Losada, logo subino á casa (no Montealegre) e logo viñenme para a miña, na Valenzá. Aparquei no garaxe sen ningún problema.
Esta mañá poño en marcha o coche para ir ata Ourense, sobre as 12,30, e vexo algo raro. Algo tan raro como toda a metade do capó levantado e dobrado. Repaso mentalmente a xornada de onte e nada: nin o máis leve roce ou choque. A pinta do capó é de desastre total, como despois dun gran choque. Chamo ó taller e veñen á primeira hora do tarde por el. Temos que chamar á grúa, porque arrastra por debaixo. Un amortecedor ou algo así rebentou e saltou para fóra levantando con toda a forza o capó. Os amigos do taller dinme que nunca viron nada parecido nin se explican qué puido pasar.
Póñome de mal humor, claro, porque a broma sairá nunha pasta. Seica non é responsabilidade da ITV, dinme. O coche saíu ben de alí. E que ata tiven sorte: se me chega a pasar na estrada, sabe Deus onde iría. Tivo que facer un ruído e unha explosión enorme (sería de noite, no garaxe).
En fin, para curar o mal humor, vexo na casa (estábaa vendo a miña filla) o
Dr. Jekyll e Mr.Hyde, de V. Fleming, con Spencer Tracy, Ingrid Bergman (máis sensual e seductora que nunca) e Lana Turner. Logo abro o correo e está cheo de mensaxes dos amigos do blog que leo de vagariño e mando eu algunha máis. A vida segue. Espérame unha semana cando menos sen automóbil…
Nin moito nin pouco, X.M. Pereiro en Faro de Vigo 5 agosto

Eu penso que gano pouco, e sei que non é certo, e logo contraataco que non saco moito beneficio para o esforzo que fago, e máis tarde cáeme a cara de vergonza mirando paro o salario medio, pero arrepóñome analizando algunhas cousas que todos sabemos que pasan. Esta mesma firmeza de criterios habería que aplicala ó caso dos salarios da clase política.De entrada, discrepo do argumento clásico de que os políticos teñen que ter un bo salario para evitar tentacións de complementalo por métodos ilegais. Se fose por iso, ademais de estar ben pagados políticos, xuíces e policías -que son os gremios que se adoitan citar nese argumentario- tamén o deberían estar os médicos, para que se centren no que teñen que centrarse e non se distraian pensando en como chega a fin de mes; e os asesores fiscais, para que non se desesperen vendo que lle aforran ós clientes cartos que eles non teñen; e desde logo os xornalistas, para non caer na tentación de... dalgunha tentación na que caer. As ganas de facerse un peto pola porta de atrás hai que aguantalas a pao seco, por decencia, ou polo medo a que pase algo si se descobren. Porque sabemos todos por experiencia (allea) que amasar cartos, como rascarse, é todo empezar, e non hai salario que colme a ansia logo de desencadeada. Os políticos, etc. deben estar ben pagados porque fan un traballo o mellor que poden en beneficio de todos (esta é a teoría, claro). É na práctica cando aparecen os problemas. Se o que cobra Fulano ou Mengano é moito ou pouco, merézao ou non. Como norma xeral, parece un pouco raro que un concelleiro gane máis ca un conselleiro, ou un alcalde que un presidente, e pasa. E non debería aceptarse como normal que un edil dobre os ingresos do seu antecesor, e acéptase. Nin, ó reves, tampouco que un alcalde, por moi pequeno que sexa o concello, se ten dedicación exclusiva, gane menos que un funcionario. A raíz da polémica xurdida logo das eleccións municipais (e curiosamente, nunca antes) o PP propuxo suxeitar os soldos municipais a uns parámetros (medida tan sensata como algo sospeitosa de oportunismo se temos en conta que sempre tivo a presidencia da Federación Galega de Municipios e Provincias, organismo idóneo para debater estes asuntos). A contestación do outro lado, de que iso atentaría contra a autonomía municipal non deixa de ser tan certa como pouco consistente, porque os concellos son autónomos, pero os alcaldes son militantes de partidos que lle marcan as directrices a seguir (esta é outra teoría). A realidade é que, merecementos e dedicacións aparte, a clase política actúe en materia salarial como un comité de empresa que non tivera que negociar coa patronal nin aterse á conta de resultados. Así se aparcan diferencias partidarias e enconos ideolóxicos para adxudicarse complementos vitalicios de 14.000 euros para os altos cargos da Xunta (en proporción, bastante máis diñeiro que os 54.000 e pico anuais que lle acaba de regalar o Banco Mundial a Rodrigo Rato por tres anos de servicios prestados). Claro que quizais estas medidas teña máis xustificación do que parece. Antes pedir e recibir que ter que acabar de comisionista, como Aznar.






LLACH
Disimulen. Non é que me dea por facer propaganda. É só para que vexan o tipo de promocións que pode facer un xornal, disque conservador, como La Vanguardia: Lluis Llach, a banda sonora dun país. 20 libros CD (uns 190 euros compradores fóra de Cataluña).

Xornalismo.

Pan por Pan venres 14 set. Imaxe de Óscar Villán.

Levo uns 30 anos escribindo nos xornais. Tamén estudando os xornais galegos e o xornalismo literario. Creo que dei mostras abondo do meu respecto e interese polo mundo do xornalismo. Outra cousa é que, como en todas partes, nese caixón de xastre haxa de todo: algúns chaman xornalistas a esas mozas que saen berrando na TV sobre as intimidades de cadaquén. Este prefacio é para que me deixen contarlles un chiste sobre esta profesión que me contou un amigo. Velaí: Chega o arcebispo de Canterbury a un pobo que nunca visitara e, ó saír do coche, é asaltado por unha nube de xornalistas e fotógrafos. Un deles pregúntalle: “Ten pensado visitar o prostíbulo deste pobo?”. Ante o cal, o arcebispo responde sorprendido: “Hai prostíbulo neste pobo?”. Ó día seguinte o xornal titula con grandes letras: “A primeira pregunta do arcebispo ó chegar foi: Hai prostíbulo neste pobo?”.

13 sept 2007


Réquiem, de Bieito Iglesias ("Pan e coitelo", ECG, 13 set.)

Nun dos tomiños d`O último round (o de cor verde) inclúe Julio Cortázar un fermoso texto co título de Una voce poco fa, dedicado a evocar a banda sonora da súa adolescencia arxentina. Nel celebra algúns milagres do século XX tales como os discos, o magnetofón, a radio e a televisión; lembra unha pléiade de cantores de ópera entre os que destaca a Tito Schipa, tenor nunca superado no rexistro medio; e vindica a voz humana como o máis belido e perdurable instrumento: "Os entendidos dirán que o sonido do violino de Kreisler non era o mesmo que o de Heifetz, para falar de dous monstros do meu tempo, pero a diferenza entre dous violinistas é sobre todo temperamental, interpretativa, e as disimilitudes acústicas non teñen importancia decisiva. En troques a voz de Joan Báez, a voz de Louis Armstrong, a voz de Leontyne Price, a voz de Helga Pilarcik, son en cada caso unha esencia única, o resultado dun vertixinoso microcosmo cada vez distinto, o resoador final dunha alquimia case inconcibible".
Así pois, nun principio foi a voz. Xa que a miña adolescencia transcorreu nun ambiente orfo da alta cultura musical que educou o oído do Cortázar, reducido como fun a seguir os programas radiofónicos de dedicatorias nos que orneaba Luis de Lucena, apenas podo xulgar os méritos de Luciano Pavarotti (en paz estea). Síntolle dicir aos críticos que posuía unha cor e un timbre inimitables, sinto falar da riqueza de harmónicos e acato ese veredicto. Valéndome da emoción, da intuición e ata do capricho, cando escoito o tenor de Módena confirmo que o italiano é un idioma de axóuxeres (inventado para dirixirse ás crianzas) e que o bel canto debe ser un anticipo da música celestial.
Cadaquén terá a súa peza e interpretación favoritas do Luciano; eu déixome levar pola dolcezza daquela aria da Martha de Flotow, que festexa un amor que comeza: "M`appari tut`amore; il mio sguardo l`encontrò bella si che il mio cor ansioso a lei volò".
Sobre o bipartito (Miguel Anxo Fernán Vello, Galicia Hoxe, 13 set.)

Coincido con Manolo Rivas cando di que nun goberno bipartito está ben que cadaquén teña a súa propia lenda, "mais o relato, na práctica de goberno –matiza o noso amigo escritor–, ten que ser común". Sendo como son dous partidos os que comparten a acción de goberno, o lóxico e o natural, e o intelixente, é que exista, por riba das diferenzas –mesmo diferenzas enriquecedoras– unha harmonía visíbel e constatábel, expresémolo así, tanto na forma como no fondo. A forma é un elemento identificador, un estilo, unha práctica real, un poderoso elemento de comunicación; e o fondo é a base programática acordada, pactada, a confluencia de "mínimos". Existe un estudo moi interesante, altamente recomendábel, da autoría do profesor Jordi Matas, que trata dos "problemas metodolóxicos na análise dos gobernos de coalición", e neste traballo dise, entre outras cousas, que os partidos que forman unha coalición deben perseguir en todo momento a consolidación dun goberno estábel, xa que a estabilidade gobernamental "é como a chuvia para o campesiño: fundamental para obter os froitos arelados". Non cabe dúbida, neste sentido, seguíndomos as reflexións do autor citado, de que a estabilidade gobernamental xera por si mesma estabilidade política e, neste mesmo plano, tamén se pode afirmar que os gobernos teoricamente máis estábeis serían os bipartitos, porque deben esixirse a si mesmos en todo momento estabilidade política e "calidade gobernamental". Fíxense vostedes, calidade gobernamental. Ou sexa, calidade do conxunto, calidade xeral da acción de goberno, percibida polos cidadáns e aprobada polos cidadáns. ¿Percibe a cidadanía galega a calidade gobernamental que ofrece hoxe o goberno bipartito da Xunta? O conxunto, debemos recoñecelo, non é harmónico, existen disonancias que desconcertan, "ruídos" que interfiren negativamente. Un goberno bipartito debe ofrecerse á sociedade na súa auténtica dimensión real, si, mais procurando a eficacia e a calidade inmediata nos resultados. Harmonía entre dous, calidade de todos.

Diada en Cataluña.
Pan por Pan xoves 13 setembro

Hai mar de fondo en Cataluña. Pujol radicaliza o seu discurso e di que agora hai máis independentistas que antes. Artur Mas quere lanzar un “new deal” catalanista coa defensa dun ámbito catalán de decisión e un proxecto nacional que supere a loita dereita-esquerda (mirando de esguello o modelo Sarkozy). En ERC segue a crise interna e eterna do partido republicano. Maragall, o expresidente, fala abertamente de independencia.
Por certo, non é o primeiro socialista nesa liña: hai anos que Rubert de Ventós mantén un discurso por unha Cataluña independente, apoiado máis en datos económicos que culturais. E a nota de color: os actos oficiais da Diada remataron cun concerto de fusión con María del Mar Bonet e o artista flamenco Miguel Poveda: lembran o barullo do Himno Galego no noso Parlamento? Non creo que en Cataluña ninguén se tire dos pelos por iso.

12 sept 2007

Censura e cine
Contan hoxe os xornais que o director taiwanés Ang Lee decidiu cortar media hora as escenas de sexo máis tórridas de “Lust Caution”, recente León de Ouro en Venecia, para que a censura chinesa deixe exhibir a película. Nun deses xornais recollen opinións de varios directores españois, que din que non censurarían nunca as súas películas: o máis curioso é enterarse de que José Luís Cuerda se negou a vender “A lingua das bolboretas” á compañía Iberia porque lle pedían que censurase a escena na que fan o amor nun palleiro. Iberia, campioa da decencia mundial!!!
ricos e pobres...
POR BIEITO IGLESIAS*
PAIS E FILLOS (12-9-07, no gratuíto De luns a venres. Imaxe de Renoir pai)


Alberto Gonzales, fiscal e estreito colaborador de Bush, viuse na obriga de dimitir por causa de diversos fracasos na súa xestión. Despediuse cunha memorable perorata: “Eu catei o soño americano. Non teño queixa, porque os meus peores días á fronte da Fiscalía foron máis gratos que os mellores días coñecidos por meu pai en toda unha vida”. Imaxinamos ao Gonzales sénior pasando as de Caín como hispano inmigrante na Terra de Promisión que publicita o american dream. O seu cachorro, inchado como un sapo tras empoleirarse nas altas maxistraturas dos EE UU, ve no seu éxito a proba de que mora no país das oportunidades. Esta é a perspectiva habitual das persoas de orixe humilde que logran situarse no presenteiro, embriagadas polo elixir do progreso individual.
Moi outra visión adoptan os fillos de papá célebre, coma tal Jean Renoir (o cineasta), autor dun libro (Renoir, mon père) dedicado a Pierre Auguste, figura da pintura impresionista. Jean evoca sen complexos os gozos rústicos do seu proxenitor, as horas pasadas na lareira borgoñona vendo cocer o pote pendurado da gramalleira ou comendo claudias e fatóns. Ningún dos Renoir acreditaba moito no progreso. O pintor mesmo ironiza sobre os avances tecnolóxicos: “Dinme que un escritor coa súa máquina de escribir pariu un libro en tres anos; Molière e Shakespeare, cunha pluma de ganso, escribían unha obra de teatro en oito días e era unha obra mestra”.
Un anuncio de 1936, do Día do Estatuto (28 xuño)
Publicado en La Voz de Galicia (Enviado por Monxardín. Clicar na imaxe para ampliala)

11 sept 2007


Un verán luctuoso para o cine: Jane Wyman

Así a lembran, tamén cun video da actriz, no blog Diasestranhos:

Na miña memoria Jane Wyman ficará asociada a outros filmes: a Johnny Belinda, o dramón no que facía de xordomunda que lle proporcionou un Oscar; a The lost weekend, de Billy Wilder, acompañando a un alcoolizado Ray Milland; á biografía de Cole Porter protagonizada por Cary Grant, Night and day, ou aos seus traballos con Alfred Hitchcock e Douglas Sirk, sen esquecer a deliciosa parella que formou con Bing Crosby nun dos títulos menos coñecidos de Frank Capra, Here comes the groom, onde cantaban esta peza de Hoagy Carmichael e Johnny Mercer que acabou convertíndose nun standard, In the cool cool cool of the evening.
(De paso, consulten nese blog a súa lista "Están vivos", cos directores e actores nacidos antes de 1930 que non se levou aínda a Parca)
Jane Wyman. Pan por Pan 12 set.
Este verán está a ser abondo luctuoso no mundo do cine: Bergman e Antonioni e Emma Pennella e agora Jane Wyman. Engadan a Villalonga, que sempre fixo de si mesmo na pantalla. De Jane Wyman destacan os medios que foi a primeira esposa do actor-presidente Ronald Reagan e o seu papel como Angela Channing en “Falcon Crest”. Creou alí un estereotipo de mala despois copiado cen veces en telenovelas e similares. Pero esa non era o seu perfil máis clásico: aínda nestes días revisitei “Obsesión” (1954), de Douglas Sirk, onde a Wyman, facendo de cega, vive un milagre de amor ó recuperar a vista da man dun cirurxián coa cara de Rock Hudson: a súa actuación fíxoa candidata ó Oscar, que logo non lle deron. Foi a cinta que lanzou a Hudson, cun gran éxito comercial. Sirk fixo repetir a parella protagonista un ano despois en “Só o ceo o sabe”.

Un delincuente.
Pan por Pan martes 11 setembro. Imaxe de Auguste Rodin.
Escoito na radio entrevistar a un delincuente. Trátase dun tipiño que está nunha banda dedicada a asaltar fábricas en polígonos industriais do Mediterráneo: conta a súa metodoloxía con detalle e apunta os seus valores. A familia por riba de todo: reforza esa idea con esta expresión “por donde no corre sangre no se hacen morcillas”. Pregúntanlle a causa deses atracos e di que non se trata de necesidade. Que agora lle colleu o gustiño e necesita facelos. E compara o seu “oficio” co executivo que, tras duras horas de oficina, reserva a fin de semana para facer puenting e liberar adrenalina. O argumento non é absurdo. Son moitas as posibles motivacións dos nosos actos: positivas como o amor ou a solidariedade. E negativas como a maldade ou o desexo de vinganza. E as grandes palabras como deus ou a patria. Haberá que engadir isto de liberar adrenalina.
O pau das estradas (Afonso Monxardín, Galicia Hoxe, 11 setembro)

Cada vez que paso por baixo da ponte bipartita do Reino, sorrío. Alí campan dúas pancartas que din, máis ou menos: "Touriño grazas pola conexión á autovía, PSOE de Piñor de Cea; e outra "Grazas veciños polas 2.000 sinaturas que lograron a conexión á autovía, BNG de Piñor de Cea". O certo é que como está en zona de curvas, tiven que pasar varias veces ata entender que se trataba dunha disputa sobre réditos politicos de tanta altura como esa ponte que cruza a estrada Ourense-Santiago preto do límite con Pontevedra. E claro, aí se ve que hai quen pondera sobre todo a actitude positiva do presidente da Xunta e outros a importancia da palabra dos veciños. Seguramente son as dúas cousas -e se cadra outras moitas máis- as que influíron e parece pasatempo ocioso discutir se foi antes o ovo ou a pita. Pero como nestas terras da mazurca de Cela non hai moito que facer, o demo da política, a falla de vacas, espanta el moscas co rabo.
E ía pensando nestas cousas cando me atalla de súpeto un solitario semáforo de obras: a conexión cun cacho da autoestrada nova ou algo así. Parei. Esperei a que pasasen os outros e logo duns minutos, xusto cando apaguei o motor, púxose verde. E lembrei un sucedido simpático doutro tempo.
Andaban en obras no norte de Lugo e estaba parada na estrada unha longa fila de coches. Eu era o penúltimo. Tocábanos pasar. O encargado achegouse ao último e, simplemente, deulle "o pau". O bo do condutor, un alemán grande de pelo crecho, colleuno con sorpresa, ollouno curioso, moveuno? e pasoullo á súa compañeira, quen fixo outro tanto. Logo, entre xestos de incomprensión e sorrisos, devolvérono indicándolle, como podían, que grazas pero que non lles interesaba. O encargado decatouse entón da matrícula e da pinta daquela xente e veu cara a min que atendía divertido polo retrovisor? En canto mo deu, deille as grazas e lisquei de alí seguido do alemán que non me quitaba ollo, a ver que carallo ía facer eu co pau aquel. En canto chegamos ao lugar preciso deillo, sen seren precisas palabras, ao outro encargado -a estrada quedaba aberta- e seguín. Antes de acelerar deume tempo a ver como o teutón abría a boca e entenderlle nos labios algo así como "Acabáramos. Era iso". E o curioso é que de alemán non teño nin idea. Se cadra linllo nos ollos.

(Un tema semellante aborda Sarille en ECG, "Corenta mortos en cinco anos")

10 sept 2007


rENXEN AS eNGRANAXES
La Región 10 setembro

Dous anos. Cumpridos xa dous anos da posta en marcha do goberno bipartito, hai que recoñecer que renxen as engrenaxes do pacto que deu pé a este goberno. A dimisión ou cese de Antón Losada é só o último acto dunha serie de desencontros sucesivos que deturpan a imaxe do goberno socialista-nacionalista. O máis grave do asunto é que as críticas choven non só, como era de agardar, dende a oposición do Partido Popular (bastante despistada, de todos os xeitos), como dende os sectores máis próximos ó propio goberno progresista. Por poñer algúns exemplos, nesta mesma semana publicáronse artigos moi críticos de Manuel Rivas e Manuel Bragado a propósito do escándalo dos “pluses” dos altos cargos: en palabras do primeiro deles, “trátase de algo moralmente insostíbel. E algo que non é explicábel dende a ética, non pode ter tampouco un sentido práctico. En Galicia non só hai que cambiar o futuro, senón cambiar o pasado. Esa prebenda do Plus dos 15.000 fede a pasado. A corporativismo de Antigo Réxime.”
Moito máis duro aínda era Xosé M. Sarille cando afirmaba “O bipartito non ten proxecto e sitúase xa entre os peores executivos do ciclo democrático que xa é dicir (prestiges aparte). Unha política de anécdotas, sen que se fale nunca dos grandes temas pendentes, a natalidade, o caos urbanístico, o desequilibrio territorial, a morte do idioma, a necesaria reforma administrativa, a comarcalización”. Sobra dicir que os tres nomes citados se moven no campo cultural e na órbita do nacionalismo e que pediron o voto para o BNG en diversas ocasións.
Áreas blindadas. O modelo de reparto de poder escollido ten eivas de difícil solución. Sempre é positivo consensuar e intercambiar posicións, dialogar ata chegar a puntos comúns, converxer nun relato común das necesidades do país (na liña que apuntaba M. Rivas). Pero moitas veces semella que non se trata diso, senón só de repartir o poder en “áreas blindadas” para asegurar a presenza dos votos propios nas próximas eleccións: é posible tal cousa cando a política ten hoxe unha complexidade que necesita da complicidade de tantos actores? Pode unha consellería “facer a guerra” por si soia sen o acomodo das outras ou mesmo en direccións contraditorias? O que temos “máis parece o reparto dun botín de guerra que a distribución de áreas de goberno” di un comentarista no meu blog e sospeito que non é do Partido Popular.
As engrenaxes renxen e a opinión pública percíbeo. Cando os dous socios de goberno se pelexan a cara de can pola presenza de cada forza política na TVG, que cabe dicir das promesas de transparencia e obxectividade nos medios de comunicación públicos? Como xustificar o bochorno dunha visita ó país do ministro de cultura na que non figura como convidada a propia conselleira de cultura?
Ideas ou intereses? Sobran os exemplos sobre a primacía dos intereses sobre as ideas. Intereses políticos lexítimos de cada forza de goberno, pero que poden enturbar o panorama e ocultar a propia acción positiva de goberno. Creo que hai ideas interesantes neste goberno, por exemplo en Medio Ambiente, en Medio Rural, en Ordenación do Territorio, en Vivenda, etc. Falta que esas ideas se convertan, na maior parte dos casos, en realidades. A oposición dos medios máis conservadores vai ser brutal (velaí as liortas ridículas sobre os mandilóns nas Galescolas), pero con iso xa se contaba. Hai mesmo campos nos que pouco avance se constata, aínda no campo das ideas novas: Cultura e Normalización Lingüística, por exemplo. Renxen os engrenaxes, pero o goberno está a tempo de buscarlle solución e poñelos en perfecto estado. Terán, iso si, que pensar máis en gobernar e menos nos minutos que saen
en televisión.

(Imaxe: Cástor e Pólux, Museo do Prado)

9 sept 2007







cen anos de historia cultural
1976: CON PÓLVORA E MAGNOLIAS
Se o ano 1975 foi importante para as nosas letras, sobre todo na narrativa, o 1976, xa morto o ditador, foino para a poesía. De feito en todos os estudos sinálase esta data como fulcral na renovación lírica pola aparición de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, e tamén de Mesteres, de Arcadio López-Casanova, versos de cadencia salmódica e litúrxica, e aínda de Seraogna, magnífico libro do quizais algo esquecido Afonso Pexegueiro. O poemario de Ferrín aborda os grandes temas da literatura universal vistos desde Galicia: o paso do tempo e a nostalxia ("Triste Stephen"), o amor e o erotismo ("Posturas para copular en homenaxe"), as raíces da patria (o celtismo), a revolución ("Reclamo a liberdade pró meu pobo") e mesmo a derrota e o asasinato fascista dos militantes republicanos e galeguistas ("En Compostela pode un home..."). Versos de amor e loita cunha forma preciosista e experimental, inzada de referencias culturais, xestos vangardistas e inquedanza universalista.
(...) No campo musical Bibiano publicaba o seu primeiro disco, Estamos chegando ó mar, con textos propios, de Novoneyra e de Vázquez Pintor e a famosa canción "O can (de palleiro)", que nas asembleas universitarias se cantaba cambiando un pouquiño o seu refrán: "Abaixo a dentadura", xa poden imaxinar o cambio. Amancio Prada publicaba Caravel de Caraveles, baseada na música popular galega, acompañado de Alejandro Massó e Eduardo Gasttinoni, e nacía o grupo Roi Xordo, integrado polo Movemento Popular da Canción Galega e por "Bem-Virá": Romaní, A. Seoane, Pi da Bahía, Ze Luís e Quico de Cariño, música folc-rock con acentos reivindicativos.
Foi 1976 un ano fundamental en moitos aspectos. O gran dinamismo da sociedade, que conquistaba de vagariño a democracia, manifestouse nunha morea de iniciativas políticas, sociais e culturais. O 5 de xaneiro fundábase o Consello de Forzas Políticas Galegas, composto pola UPG, o PSG e o PGSD. Noámbito estatal creábase a Federación de Partidos Socialistas, na que se integraba o Partido Socialista Galego (PSG). En xullo nacía a Táboa Democrática de Galicia, que agrupaba varios partidos estatais de esquerda, e en outubro, na Coruña, a Asamblea Popular Galega, escisión da AN-PG nacionalista que viña funcionando había uns meses. Tamén nese ano nacía a Intersindical Nacional Galega (ING), encallaba o petroleiro Urquiola na ría da Coruña, empezaban as loitas contra a expropiación das terras dos labregos nas Encrobas e tamén as obras da Autoestrada do Atlántico. Nun consello de ministros celebrado na Coruña e presidido polo rei Juan Carlos, o Goberno aprobaba a demandada Amnistía para os delitos políticos e de opinión. Nese mesmo ano nacía a asociación ecoloxista Adega, con nomes como González Laxe e Xosé M. Beiras entre os seus promotores; a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG) e a feminista Asociación Galega da Muller. Rexurdía o Ateneo de Ferrol; e nacían a Sociedade Galega de Historia Natural e a cultural Afonso Eans en Negreira. A Facultade de Económicas de Compostela pasaba dende o edificio de Fonseca a súa actual localización, despois de ser ocupada en varias ocasións por peches de universitarios.
(...)
Víctor Freixanes publicaba o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos (Galaxia), toda unha redescuberta de Galicia dende o xornalismo literario: a memoria do país dende Otero Pedrayo e Luís Seoane ata Beiras, Ferrín, Alonso Montero e Carlos Casares. En xullo fundábase en Compostela o Museo do Pobo Galego, que abriría as súas portas poucos meses despois, tamén co pulo detrás de moitos intelectuais galeguistas e o apoio de figuras históricas como Xaquín Lorenzo e Antón Fraguas.
A facilidade do mal.
Pan por Pan domingo 9 setembro. Imaxe: Niobide sagitta, de J.J.Pradier

É máis doado destruír que construír: en só minutos, quizais segundos, podemos botar por terra construcións do noso patrimonio ou da natureza que se tardaron centos ou milleiros de anos en erguer. Algúns mesmo lle chaman a iso progreso tecnolóxico. Muñoz Molina lembraba esta axeitada cita de Paul Valéry: “a horrible facilidade de destruír”, que por certo tamén encantaba a Josep Pla. O terrorismo é a plasmación evidente desa facilidade no mundo no que vivimos: velaí os atentados masivos dos últimos anos. En Alemaña lograron parar un inmenso masacre detendo unha célula de integristas islámicos: dous dos detidos naceron na propia Alemaña, nunha contorna burguesa, e logo se converteron ó islam, un deles ós 15 anos. Vítimas do fanatismo, non sería despois difícil convencelos, nun campo de entrenamento de Pakistán, do acerto letal da cita do poeta francés.


"O fillo abandonado", de Marina Mayoral
La Voz de Galicia, Sabado 08 de septiembre de 2007

Vanity Fair publica unha longa reportaxe sobre o cuarto fillo de Arthur Miller, que padecía o síndrome de Down. Ese fillo foi recluído nun orfanato e borrado da vida do escritor, que nin falou nunca del, nin o visitou, nin o tivo en conta para nada, excepto no testamento redactado pouco antes de morrer, onde o equiparou aos outros tres fillos.
Os detalles da reportaxe son arrepiantes: a imposición de Miller contra a vontade da súa muller, a fotógrafa Inge Morath, que quería quedarse co neno; as deficiencias da institución na que foi internado; os prexuízos que isto ocasionou para o seu desenvolvemento intelectual; a negativa de Miller a que participase en ningún acto familiar, incluído o funeral da nai... Unha persoa que traballou no orfanato di: «Non era un sitio onde un quixese que vivise o seu can». E a propia Inge Morath, que visitaba regularmente ao fillo, dixo que era «como unha pintura do Bosco».
¿Como puideron facer algo así? ¿Como un home que foi considerado «o moralista da América do século XX» ( The Denver Post ), que se negou a dar nomes ao comité anticomunista, que defendeu nas súas obras o compromiso moral cos desfavorecidos, puido abandonar ao seu fillo por ser discapacitado mental?
¿E como Inge Morath, que tiña unha sensibilidade especial para captar a dor e reflectila, que sempre tivo unha ollada compasiva nas súas fotos, puido consentir en privar ao seu fillo do agarimo dun fogar? A resposta é sinxela: non eran deuses, só seres humanos capaces de grandes accións e de feitos miserables. Como todo o mundo.